Día escolar da Paz e a Non Violencia

Charo Valcárcel

En De vella a bella queremos sumarnos á celebración do  Día da Paz.

 Aínda que é algo que naceu no ámbito educativo e é aí onde se veñen realizando, desde hai 56 anos, todo tipo de actos no seu enxalzamento, cremos que a reivindicación da PAZ, por moi tópico que resulte e mesmo utópico, non debe abandonarse nunca en calquera ámbito, non só no educativo, malia o decepcionados que poidamos estar cos resultados.

Este día foi proclamado polo profesor, poeta e pacifista mallorquín Llorenç Vidal, que en 1964 quixo levar ás aulas o pensamento pacifista de Ghandi, o  líder nacionalista e espiritual da India que se converteu no principal representante da resistencia pacífica no mundo. O feito de que se celebre o 30 de xaneiro débese a que é o aniversario do asasinato do líder hindú, ocorrido o 30 de xaneiro de 1948.

A celebración foi recoñecida pola ONU en 1993.

Existe, mesmo, un himno para ese día que se chama Irmáns das estrelas, con letra de Llorenç Vidal e música de Andreu Bennàssar.

Hai unha máxima latina atribuída a Julio César, aínda que parece que realmente pertence ou deriva dun texto do escritor romano  Publio Flavio Vegecio, que desgraciadamente segue tendo vixencia nos nosos tempos : “Si vis pacem, para bellum”, é dicir, “se queres a paz prepárate para a guerra” Pero… non é iso un contrasentido?, guerra e paz son termos antitéticos e polo tanto cabe pensar que prepararse para a guerra nunca poderá ser a mellor maneira de acadar a paz, de feito non o é. Lamentablemente contamos con sobradas mostras ao longo dos séculos que nolo demostran, a maior parte desas “preparacións” acabaron en guerras que supuxeron millóns de mortos, cidades destruídas, miles de exiliados, de desterrados, de orfos, fame, miseria…

Porén, malia todo isto, esa máxima é a norma que segue rexendo o comportamento da práctica totalidade dos países do  mundo. As carreiras armamentísticas das principais potencias mundiais, as vendas de armas a países do terceiro mundo, os códigos que dan acceso ás armas nucleares e que acaban en mans de mandatarios de cuestionable cordura… poñen en perigo constante xa non só  milleiros de vidas humanas senón tamén a supervivencia do noso planeta, por iso seguir “loitando” (permítaseme o termo)  pola paz é absolutamente necesario e o suficientemente importante como para non desfalecer na esixencia do final das guerras. Nese sentido  xoga un papel fundamental a educación, pero non unicamente a recibida nas escolas, tan importante coma esa é a que un absorbe cada día no seo familiar. Aínda así, desgraciadamente, todo isto non é suficiente se estamos inmersos nun mundo onde se recorre á violencia con demasiada frecuencia como solución de conflitos.

A este respecto, segundo se recolle no artigo El ser humano no ha hecho siempre la guerra ,  asinado por Marylène Patou-Mathis e publicado en LE MONDE DIPLOMATIQUE en español en xullo de 2015,  existen estudos de neurociencia, coma o de  Axel Kahn (L’homme, ce roseau pensant…: essai sur les racines de la nature humaine) que afirman que o comportamento violento non se determina xeneticamente, e outros de neurobioloxía, coma o do neurobiólogo Pierre Karli ( Les Racines de la violence. Réflexions d’un neurobiologiste) que    sosteñen que o entorno familiar e o contexto sociocultural si que teñen un papel importante no seu desenvolvemento. Quererá iso dicir que estamos condenados a ser violentos?  Que a interacción social entre os seres humanos leva demasiado tempo utilizando a violencia como para poder desprendernos dela?

Aínda hoxe non hai unanimidade entre os estudosos sobre se o carácter bélico é algo inherente ao ser humano, Marylène  Patou-Mathis afirma porén   no seu artigo que:

“moitos traballos, tanto en Socioloxía ou Neurociencia, como en Prehistoria  evidencian que o ser humano sería empático por natureza. A empatía, e mesmo o altruísmo, terían sido os catalizadores  da humanización”

Non sei se esta conclusión será considerada por outros como demasiado benévola coa humanidade, tendo en conta a tremenda carga bélica que arrastramos desde hai miles de anos. Talvez ao evolucionar na nosa humanización, ao agruparnos en sociedades estruturadas e depender dunha expansión da economía comezamos a enfrontarnos pola propiedade da terra e polos seus beneficios,  algo que semella non se produciu ata o Neolítico, como se indica tamén no artigo de Maryléne.  O   caso é que se eses sociólogos e neurocientíficos teñen razón e a empatía e o altruísmo forman parte da nosa natureza aínda se abre unha físgoa para a esperanza, pequena, si, pero esperanza á fin.

Millóns de persoas manifestan o seu rexeitamento ás guerras constantemente desde distintos puntos do planeta. Sen dúbida, a que aínda todos temos en mente, e considerada a maior mobilización popular da historia, produciuse no ano 2003  en todo o mundo co berro unánime de NON Á GUERRA, en contra da invasión de Irak. Mais, a pesar da enorme presión popular, os que toman as decisións sentados comodamente detrás dunha luxosa mesa dun non menos luxoso despacho, fixeron oídos xordos e continuaron cos seus plans disfrazados de mentiras necesarias para levalos a cabo, producíndose a sanguenta invasión de Irak, seguida dunha guerra da que aínda hoxe seguimos pagando as consecuencias.

Sexa como for non podemos permitirnos a indiferenza, non debemos calar ante as atrocidades das guerras e “coas armas das palabras”  seguiremos reclamando a paz. Seguramente algúns decatariadesvos da apropiación das que escribiu Miguel Hernández no seu poema Tristes guerras.  E é que na literatura atopamos sobradas mostras de textos que falan da guerra e das súas consecuencias, todas inxustas, infames, crueis, atroces, inhumanas…; “a doce primavera faise cinza” que dicía Celso Emilio Ferreiro; pero tamén da paz, aínda que sempre como un desexo cáseque inacadable:  a “paz, paz deseada”, de Rosalía que acaba concluíndo: “paz, paz, ti es mentira”, ou a “¡Paz, paz, paz!  Paz luminosa” de Alberti.

Pero para pechar esta breve achega á celebración do Día da Paz, eliximos o fermoso poema mencionado antes de Miguel Hernández Tristes guerras,  que, co seu permiso, facemos noso:

Tristes guerras

Tristes guerras
si no es amor la empresa.

Tristes. Tristes.

Tristes armas
si no son las palabras
.

Tristes. Tristes.

Tristes hombres
si no mueren de amores.

Tristes. Tristes.

                                                          Miguel Hernández, Cancionero y romancero de ausencias

 

                                                        Charo Valcárcel (xaneiro 2021)

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥