O coñecemento que temos a maioría dos galegos da música portuguesa é practicamente nulo. Algúns amantes  do fado lembrarán a Amalia Rodrigues ou ao recentemente finado Carlos do Carmo e os seguidores da canción protesta (música de intervençāo) a Xosé (Zeca) Afonso. Pouco máis: Madredeus, Dulce Pontes… e, claro, Salvador Sobral e a súa almibarada Amar pelos dois.

Se preguntamos por algún grupo ou solista de música lixeira, o descoñecemento é total a pesar de que están aí, ao lado. Nas emisoras de radio non se programa música portuguesa. Nos bares (cando estaban abertos) non se escoitaban cantantes lusos. Se acaso algunha colaboración como as excelentes de Mariza con Miguel Poveda en Meu fado  o Carminho con Pablo Alborán en Perdóname.

Ademáis, existe o prexuízo, falso como todos, de que é unha música tristeira, dominada pola saudade e algo anticuada. Nada disto é verdade. Os solistas e grupos de música lixeira portuguesa están a vivir un momento de auxe e plenitude do que aquí parece que non queremos enteirarnos.

A pegada da tradición

Uhas das características que definen a música portuguesa e a fan tan particular é a súa débeda coa música tradicional. Mariza, Ana Moura, António Zambujo, Cuca Roseta, Misia, Carmiño… e moitos outros cantantes que podemos clasificar como representantes da chamada  música lixeira comezaron a súa  carreira como fadistas e de cando en vez gustan de volver ás orixes, porque, ao contrario do que sucede en España, os artistas portugueses non renegan do tradicional senón que o asumen e renovan constantemente, O fado actual é menos dramático, menos trascendente có clásico. Ana Moura chámao acertadamente “desfado”. O fado é o responsable dos ritmos lentos, os acordes de guitarra e a dicción tan particular que caracteriza a estes cantantes. Tamén no coidado das letras e na tendencia dos temas a contar historias e non limitarse a repetir un estribillo vemos influencias fadísticas.

Aínda que moi importante, non é o fado a única pegada tradicional que vemos nesta música, António Zambujo  inclúe con frecuencia nos  concertos algunha peza de canto  alentexano (marabillosa a interpretación de Da-me uma gotinha de  água con Uxía e Budiño). Cuca Roseta recrea Alecrín dourado nun dos últimos discos e son evidentes os ritmos folclóricos de E tu gostavas de mi de Miguel Araujo e Ana Moura.

Os pioneiros

Carlos Paredes (Coimbra,1925 – Lisboa 2004)

Auténtico mito da cultura lusa. Considerado un compositor xenial e o maior virtuoso da guitarra portuguesa e responsable de que apareza en moitas composicións actuais. A guitarra portuguesa, instrumento típico portugués que sempre acompaña aos fadistas, é distinta da guitarra clásica española. Paredes combinaba o herdo da música popular coa música erudita e os compositores clásicos

Escoitar: “Canto do Amanhecer”

António Variaçōes. (Braga, 1944 – Lisboa, 1984)

Unha das figuras máis persoais do panorama musical portugués. Irreverente e provocador, Variaçōes foi un adiantado ao seu tempo. A prematura morte deste artista único privounos da súa xenialidade incomprendida na época e reivindicada por moitos sectores hoxe.

Escoitar: “O corpo é que paga “

Paulo de Carvalho. (Lisboa, 1947)

Comezou a súa traxectoria nos 60 cos Sheiks, coñecidos como os Beatles portugueses. Despois pasou por varias bandas ata probar sorte como solista nos 70. A súa dilatada carreira convérteo nun dos cantantes máis respeitados do panorama musical portugués.

Escoitar: “E depois do Adeus” – Xutos & Pontapés com Paulo de Carvalho

Rui Veloso. (Lisboa, 1957)

Considerado por moitos fundador do rock portugués e respetado por todos. Comezou a finais dos setenta na banda de garaxe Magara Blues e independizouse nos oitenta. Grupos como Os azeitonas e solistas como Miguel Araujo recoñecen a grande débeda que teñen con Veloso.

Escoitar: O prometido é devido 

João Pedro Pais (Lisboa, 1971)

Aínda que máis novo e plenamente activo, debémolo considerar entre os pioneiros pola grandísima influencia que exerce sobre moitos artistas actuais.

Deuse a coñecer nos noventa no programa Chuva de estrelas da televisión e a partir de aí iniciou unha exitosa carreira que o levou a gañar dous Globos de Ouro no 2001 e varios discos de platino.

Escoitar: Ninguém é de ninguém

Primeiras bandas

 Os anos oitenta significaron tamén o inicio de moitas bandas que supuxeron a actualización da música portuguesa. A maioría destas bandas desapareceron pero algunha aínda permanece.

Xutos & Pontapés

Fundouse en 1978 en Lisboa e aínda continúa vixente. Son recoñecidos como un dos grupos musicais máis importantes do país e os pioneiros da música rock.

Escoitar: O mundo ao contrário

UHF

Fundouse a finais dos setenta en Lisboa por António Manuel Ribeiro. Xunto con Xutos & Pontapés foron os iniciadores das bandas de rock en Portugal nunha época na que o fado e a canción protesta dominaban o panorama musical portugués.

Escoitar: Cavalos de corrida 

GNR (Grupo Novo Rock)

xurdiron en Porto en 1980. Foron e son un dos referentes da música pop-rock das últimas décadas do país veciño. Coñeceron diversas formacións e está considerado un dos símbolos da cidade de Porto.

Escoitar: Sangue oculto 

Heróis do mar

Fundouse en 1981 e durou ata 1990. O nome está tomado do primeiro verso do himno nacional portugués. Cultivaron ademais do pop rock, a new wave e o post punk.

Escoitar: Só gosto de ti

Sétima legião

Foi formada en 1982 en Lisboa por Rodrigo Leão (Madredeus). Durou ata o ano 2000. Móvense entre o rock sinfónico e o folk sempre con moi coidadas orquestacións e atractivas melodías.

Escoitar: Sete mares 

Ornatos violeta

Banda de rock alternativo fundada en Porto e que estivo activa entre 1991 e 2002. Estaba formada por Manuel Cruz, Nuno Prata, Klnörm e Eliseo Donas. Ademais de rock tamén cultivaron funk, jazz, ska e punk. Foi a banda de referencia de rock portugués nos anos noventa destacando o traballo O monstro precisa de amigos (1999}

Escoitar: Capitão Romance 

Os azeitonas

Aparecieron no 2000 en Porto como unha banda de garaxe máis da man de Miguel Araujo e Marion (Mário Brandão). Están apadriñados por Rui Veloso de quen recoñecen o maxisterio. O seu estilo vai do rock ao pop sen descoidar as baladas. Con modificacións na formación inicial seguen en activo con bastante suceso.

Escoitar: Anda comigo ver os aviōes 

Deolinda

Fundouse no 2006 ao unirse os irmáns Luís e Pedro Martins coa súa curmá Ana Bacalhau que é a vocalista. Deolinda inspírase no fado e a música tradicional pero con múltiples actualizacións: non usan a guitarra portuguesa,  as súas letras non son tristes nin  fatalistas e non visten de negro como é preceptivo no fado canónico.

Escoitar: Corzinha de verão

Diabo na cruz

Banda de Lisboa fundada no 2008 por Jorge Cruz que proviña do trío Superego. Diabo na cruz especializouse nun rock que poderiamos clasificar como tradicional. O album Virou (2009) foi considerado un fito na música portuguesa por combinar música tradicional e rock contemporáneo. Disolvéronse no 2019

Escoitar: Donha Ligeirinha 

Solistas actuais

Miguel Araujo (Maia, 1978)

Foi fundador e líder de Os Azeitonas e desde 2012 desenvolve a súa carreira en solitario. Compositor e cantante moi prolífico e versátil, móvese entre a  balada pop, o folk actualizado e a canción de autor con temática social.

Escoitar Balada astral 

António Zambujo (Beja, 1975)

Igual que tantos outros, comezou a súa carreira como fadista pero pronto experimentou con outros estilos desde o canto alentejano ata a bossa nova ou o jazz. Actualmente é un dos músicos portugueses con máis  proxección internacional sobre todo despois do éxito de Ao aveso, o seu último traballo.

Escoitar A pica do sete 

Marcia (Lisboa, 1982)

Comezou como solista en distintos grupos ata que en 2009 lanzou o seu primeiro traballo en solitario chamado simplemente Marcia, que obtivo un éxito considerable sobre todo a espléndida Á pele que há em mi que máis tarde versionou com J. P. Simões. Este tema foi nomeado como melhor canción na gala dos Globos de Ouro 2012. A delicadeza e a poesía definen a maneira de cantar e de compoñer de Marcia.

Escoitar A Pele que há em mi  

Carolina Deslandes (Lisboa, 1991)

Igual que Marcia, tamén Carolina Deslandes compón os seus propios temas e tamén a delicadeza e a aparente sinxeleza son as notas dominantes da súa obra. Deuse a coñecer en 2010 ao quedar finalista na cuarta edición de Idols Portugal (auténtica canteira de artistas) e dende entón vai encadeando éxitos.

Escoitar A vida toda 

Pedro Abrunhosa (Porto, 1960)

É un dos intérpretes e autores máis veteranos do actual panorama musical portugués. Deuse a coñecer en 1994 co álbum Viagens que lle supuxo o recoñecemento do público. Abruñosa posúe unha sólida formación musical e gañou varios premios, entre eles, tres Globos de Ouro.

Escoitar Eu não sei quem te perdeu 

Cuca Roseta (Lisboa, 1981)

É outra das representantes da nova xeración de fadistas e, sen dúbida, unha das voces máis persoais entre as cantantes portuguesas. Intercala a súa vocación de intérprete de fado con outros estilos como o pop, rock, jazz ou bossa nova e mesmo canto tradicional, demostrando así unha total versatilidade. Ademáis, Cuca Roseta compón a letra de moitos dos seus temas.

Escoitar Cuca Roseta – Amor Ladrão

 

Mariza (Maputo, Mozambique, 1973)

Posuidora dunha voz extraordinaria e inconfundible, Mariza naceu en Mozambique pero criouse  en Lisboa onde iniciou a súa carreira como intérprete de fado. Pronto ampliou os seus intereses musicais cara a outros estilos como o gospel ou a música brasileira.

Hoxe está considerada unha das cantantes lusas con maior proxeccion internacional. En España é coñecida, entre outras cousas, polas súas colaboracións con Miguel Poveda (Meu fado, meu fado)  e con Sérgio Dalma (Alma)

Escoitar O tempo não para  

Salvador Sobral (Lisboa, 1987)

levou a Portugal á súa primeira vitoria nun festival de Eurovisión en 1917 co tema Amar pelos dois composto pola súa irmã Luísa.

Pero a carreira de Sobral e moito máis que iso. Deuse a   coñecer no concurso televisivo Ídolos no 2009 e despois trasladouse cunha bolsa de estudos a Palma de Mallorca onde comezou a cantar en bares destacando como músico e intérprete de jazz. Viviu despois en Barcelona encamiñándose cara a música alternativa: bossa nova e ritmos latinoamericanos. Despois do éxito Eurovisivo e dun obrigado parón por motivos de saúde, agora está centrado case exclusivamente no jazz.

Escoitar Excuse me

Últimas formacións

 Nos últimos anos apareceron algunhas bandas que poderíamos clasificar como de “rabiosa actualidade” e que representarían as últimas tendencias da música máis nova de alén Miño:

Clã

Os máis veteranos dos novos. Levan xa case dúas décadas en activo. Están especialiados en pop-rock e teñen editados varios discos.

Escoitar Tudo no amor

Moonspell

Banda xurdida ao redor de Fernando Ribeiro, decántase polo Black metal cunha estética heavy de clara influencia gótica.

Escoitar “Alma mater

The Gift

Son os representantes máis salientables do que poderiamos chamar rock alternativo. Con quince anos de carreira levan publicados oito albums ata agora. En 2005 gañaron o premio MTV ao melhor grupo portugués.

Escoitar – “Fácil de Entender”

Outros

A nómina de solistas e grupos é moitísimo máis longa e sería imposible nomealos a todos. Pero por citar algúns dos que teñen unha maior presencia nas emisoras e nas redes, estarían entre outros: Ana Bacalhau, Tiago Bettencourt, Diogo Piçarra, Gisela João, Carminho, Ana Moura, Agir, Raquel Tavares… e un longuísimo etc.

 Por suposto que non están todos os que son. Pero con seguridade que son todos os que están e se conseguimos picar un pouco a curiosidade do lector e animalo a acercarse á ese mundo tan interesante da música portuguesa actual, dámonos por satisfeitos.

Manuel Lastra Galiano

Manuel Lastra Galiano

Profesor de Galego

Son Manuel Lastra Galiano. Nacín hai case sesenta e un anos en Salcedo, ao lado de Pontevedra.

Sempre me gustou a literatura polo que decidín estudar Filoloxía e facerme profesor. O curso pasado puxen fin á miña etapa de docente despois de exercer durante trinta e sete anos, trinta deles no IES Valle Inclán desta cidade.

Penso que a xubilación non debe implicar o cese da vida activa. Ao contrario, agora podo dedicarme á realización de moitas actividades lúdicas e culturais que tiña aprazadas pola falta de tempo.

A publicación deste blog responde a esta ansia de manterme activo. Xunto cos meus compañeiros, espero que as propostas que vos fagamos sexan do voso agrado.

Presentación lingua irmá

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥