por Charo Valcárcel

O vello mariñeiro percorreu silandeiro a cuberta mentres lle poñía lume ao tabaco da cachimba. Despois debruzouse sobre o costado de babor e mirou o mar.  Aquela sería a súa última garda nocturna.

Os seus pensamentos fluían ao compás do fume da pipa.

 Era noite pecha, apenas había luar.

O océano estendíase ante os seus ollos como unha inmensa capa negra ondulante. Pensaba que a calquera lle impoñería velo así, tan negro, tan profundo… A calquera, pero non a el.

            O vello mariñeiro amaba o mar, amábao, cos seus perigos e a súa intensa beleza.

            Apenas tiña catorce anos cando participara na primeira marea, daquela fora a necesidade a que o levara ata alí  e, desde aquela, xa toda unha vida.

             Agora non sabería estar sen el, sen sentirse parte del.

            O vello mariñeiro inspirou profundamente como querendo absorber todo o océano e así levalo consigo.

             O fume da cachimba esvaíase paseniño na noite  mentres o escintileo dun faro distante retaba as estrelas.

             De súpeto un trono rompeu o silencio, o ceo iluminouse ameazante e a chuvia comezou a caer baténdolle con forza no lombo, na cara, nas pernas…

            O mar enfurecido golpeaba o barco.

            O vello mariñeiro apenas tivo tempo de agarrarse con forza do mastro.

            Semellaba que o seu eterno compañeiro non quería deixalo marchar.

             As ondas rodeábano e o barco flutuaba perigosamente.

             Mentres tentaba manterse en pé decatouse de que chegara o final.

            Era inútil resistirse.

            O derradeiro abrazo  do mar estaba agardándoo.

            E o vello mariñeiro deixouse abrazar.

                                                                                                                                                                                                                                                                                                                         Charo Valcárcel

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de galego

Eu son Charo Valcárcel. Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.

Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.

Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

Abrazos

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥