Se deixo que Antonio se defina contéstame cun poema:
Creo que un don ninguén
que tivo a gran sorte
de nacer nun lugar
dunha aldea pequena.
Antonio teño por nome,
por apelidos, Lois Pérez.
Nacín nun lugar pequeno,
onde mellor se ve o Miño
por estar preto do ceo.
Son do Castro de Mourelos.
E, para que siga en verso,
nacín un catro de Xaneiro.
Cando xa vos diga o ano,
acabarase o poema.
Imos ser algo serios!
Acabaremos en prosa
o devir desta historia.
Como di no seu poema, Antonio naceu un catro de xaneiro de 1948 na aldea de San Julián de Mourelos, concello de Saviñao.
Foi á escola da aldea onde lle ensinaron a sumar, restar, multiplicar e case a dividir de forma racional, sen usar as táboas.
“Se ten que falar de libros, o que máis o marcou foi Crime e Castigo de Fedor Dostoievski..”
Estudou bacharelato na Academia Cervantes de Escairón, onde tivo por profesores a «Pedrito» e a «Mariño ( Q.E.P.D.), dúas persoas que, en parte, son as responsables de que estea a punto de sacar o seu primeiro libro de poesía. Alí coñeceu tamén ao noso colaborador, Pepe Cerdeira, do que é bo amigo.
Decatouse de que continuar cos estudos supuña un problema económico para os seus pais e decidiu emigrar a Barcelona onde traballaba e estudaba ao mesmo tempo.
Acabou Económicas e tamén se fixo técnico en tintes, acabados e estampación téxtil.
Comezou periodismo e deixouno porque notou a presión que había para intentar manipulalo.
Fixo a mili pola mariña: Cuartel de marinería de Cartaxena, onde foi profesor de analfabetos e preparador do equipo de «Cesta y Puntos», concurso que se celebraba imitando ao que estaba de moda na TVE por aqueles anos.
Anécdotas da mili ten moitas pero unha das máis graciosas foi que o intentaron captar para o Opus Dei. “A min que sempre fun un pouco por libre”.
Á volta da mili, coñeceu a súa preciosa e querida esposa, Sara. Nótase o grande amor que lle ten.
Teñen dúas fillas marabillosas; todos os pais dirán o mesmo pero neste caso é a pura verdade. Teñen tamén dous netos que, neste momento, son os luceiros que iluminan as súas vidas.
Se ten que falar de libros, o que máis o marcou foi Crime e Castigo de Fedor Dostoievski.
Aínda que vive en Barcelona, a calquera alcalde lle pediría que se preocupase máis das persoas e menos do partido e de manter a poltrona.
Da mocidade actual, pensa que está moito máis capacitada que a do seu tempo nas materias que lle interesan, pero non así no que a cultura xeral se refíre.
Foron moitas as viaxes que lle gustaron. Unha, a que fixo a Venecia coa súa muller, e tamén cada unha das que fixeron a París onde sempre descobres algo novo. Florencia tamén foi algo especial no que a museos se refire.
O soño que sempre arelou está a piques de cumprirse porque é o poemario que se encontra en fase de elaboración na editorial e que pronto verá a luz
Con este soño a punto de facerse realidade deixamos a Antonio, lonxe da súa terra á que lle adica a maioría dos seus poemas. Volta no verán coma as andoriñas para encherse das paisaxes da súa terra querida.

máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥