Recíbeme Elena na súa casa onde nos preparou un café e castañas asadas. Ela é a nai da miña amiga Elena, a propietaria de Chemasport.

Elena Ramos Rascado naceu en 1935 na aldea de Fixó, na parroquia de Millerada en Forcarei. Era a segunda máis nova de oito irmáns.

De pequena ía a escola a Canibelas onde a mestra, dona Aurelia, dicíalle sempre “grite máis” e lembra que lles pegaba ás rapazas. Esta e outra mestra, Dona Amparo, marcaron a súa vida na aldea dende os 7 ata os 12 anos, idade na que tivo que deixar a escola para “chamar” aos animais. Tiñan oito vacas (Morena, Castaña, Nova, Gallarda, Linda…), un cabalo, galiñas e moitas ovellas.

Ademais de axudar na casa e chamar os animais tamén ía cavar ao monte para botar centeo. ntanos como trataban o liño dende a semente na veiga, a recollida, o espadelado… labores que facían as mulleres cando era o tempo.

Aos 18 anos tocaba nunha ruada a pandeireta, lembra moitas cancións pero dime a letra dunha:

O carballo da retorta

ten as follas reviradas

que llas revirou o aire

unha noite de xiada”

 “Aos 12 anos tivo que deixar a escola para “chamar” aos animais .

Elena Ramos Rascado

Nesa ruada coñeceu a Eduardo, un mozo de Trasdomonte co que foi bailar e di que ría moito e que nun primeiro momento lle caeu mal. El dela dixo que lle gustaba como moza pero que era un pouco sosa.

Unha amiga soubo que a Eduardo lle gustaba Elena e na festa de San Benito volveron coincidir e saíron bailar. Ela, que tiña outro mozo do Acibeiro, deixouno para empezar a saír con el.

Antes de casar con Eduardo, este foi a Zamora traballar de canteiro durante seis meses, logo xa casaron ela con 19 e el con 26.

Estando ela embarazada con 20 anos, el marchou a Venezuela a traballar de albanel. Cando o seu fillo tiña dous anos deixouno coa avoa e Elena marchou para Caracas.

Alí traballou nunha fábrica de roupa onde cosía e pagábanlle por ducia de prendas feitas. Había que ser moi rápida para gañar cartos. Volveu a España cando seu fillo tiña 4 anos e dixéronlle: “veñen teus pais” e el preguntaba si era un ou dous. Como en España non había traballo ao pouco tempo el volveu marchar e ela esperou un ano máis aquí ata marchar co neno para terras americanas.

Eduardo comprou un posto na praza de abastos que era un bazar ao que lle puxo de nome Elena. A vida dela era traballar e coidar os fillos. En 1974 a bordo do barco Begoña que faría a sua ultima travesía de 16 dias volveron a España. O seu fillo tiña 18 anos e a súa filla 6. A súa idea era quedar definitivamente polo que venderon todo canto tiñan en Venezuela.

Pouco durou a idea xa que tres meses máis tarde volveu marchar toda a familia. Alugaron un piso e compraron un novo negocio propiedade dun italiano que se chamaba “Zapatería Chema”. Estiveron 14 anos con ese negocio. Cando a filla acabou os estudos decidiron, esta vez xa definitivamente, vir vivir a Pontevedra, onde compraran dous pisos e dous baixos comerciais nas novas galerías. Alí puxeron unha tenda de deportes chamada “Chemasport” que a todo o mundo que resida en Pontevedra lle soará, así podedes saber de onde veu ese nome.

 

Elena sempre traballou na sombra e o seu traballo non era remunerado como o de seu marido. Ela atendía a casa, os fillos e ía o negocio. Cando os seus fillos fixéronse cargo das tendas, ela dedicouse a atender a casa e o marido. Como nai, foi máis estrita que como avoa. O único que lamenta foi deixar o fillo só durante dous anos en España mentras ela estaba en Venezuela co marido.

Gústalle ver a tele de entretemento e le libros sobre o corpo humano. Non ten redes sociais, soamente o teléfono móbil para chamar, iso de internet engancha moito.

Sae a pasear todos os días e ía dúas veces por semana ao ximnasio pero coa pandemia deixou de ir.

Gústalle comer de todo aínda que recoñece que morre polos doces.

O seu soño non son as viaxes, “desas fixen dabondo”, ela quere ver as netas casadas.

Se ten que tomar un café fai un alto na cafetería Ero onde entra como se fose a súa casa, e para comer gústalle Casa Conchi en San Xurxo de Sacos.

Quedamos para facer Arepas con polo un dia destes. Miramos os álbums de fotos e tomo máis dunha instantánea de algunhas que creo que poden ilustrar esta historia.

Ana Santos Solla

Ana Santos Solla

Profesora de E.F

Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.

Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.

Antonio Lois

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥