Traspasamos as fronteiras pontevedresas para achegarnos, nesta entrevista, a unha muller compostelá, figura importante en Santiago e Galicia, cunha traxectoria de vida de compromiso que aínda mantén.

Cítame, na que vai ser a miña estrea como afeccionada ao xornalismo, no Hostal, lugar emblemático da cidade e que Encarna reivindica e frecuenta como un espazo a recuperar e visitar por todas as persoas compostelás. É doada para min esta primeira entrevista que fago, a enerxía e vitalidade de Encarna, a súa participación activa na vida política e social deste país durante moito tempo, e a súa ollada feminina, permiten que a conversa flúa por si mesma. Coñecina persoalmente nunha fin de semana sendeirista, cun grupo de amigos comúns, e como nas camiñadas, o camiño foise andando e a conversa vaise dando.

Notas biográficas:

Nada en Compostela o 29 de xullo de 1950. Licenciada en Historia pola Universidade de Toulouse, cidade na que viviu durante a súa etapa universitaria e na que coñeceu de primeira man a historia e vida do exilio español. Profesora de historia no ensino público, profesión que aparcou durante un tempo no que participou da política institucional, como Primeira Tenente de Alcalde e Concelleira -Delegada de rehabilitación do Casco Histórico, de relacións co Consorcio e da Muller en Santiago, e como directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda no goberno bipartito da Xunta de Galicia. Volveu ás aulas no 2010, o IES Eduardo Pondal de Santiago.

Ten publicada unha obra de ensaio, Anacos de esperanza, dous libros de literatura infantil, O país branco sen neve e A serea do mundo, colaborado en obras colectivas, e dirixido dous documentais, A luz do negro, sobre a historia das mulleres galegas nas minas de volframio e Mulleres cun mundo na cabeza, sobre a vida das mulleres de Carnota. A muller sempre no centro da súa obra.

Comezando pola túa biografía, fixeches a carreira en Francia, en Toulouse. Como foi iso, por que non Santiago?

Por motivos persoais. Trasladeime a Francia por que namorei dun rapaz que se tiña que exiliar e marchei con el. Marchamos no ano 1971 e voltamos no 1976, polo que eu, que comezara os comúns aquí, rematei alí a carreira e incluso comecei o doutoramento.

Foi en Toulouse onde entraches no mundo da política ou xa o levabas dos teus primeiros anos universitarios aquí, nas loitas contra a dictadura?

Realmente podo dicir que si, que foi onde entrei de cheo. Aquí era unha muller de esquerdas, con inquedanzas, pero pouco máis. Na facultade tiñamos uns comités clandestinos, e apoiabamos cousas concretas, como a loita dos obreiros de Ferrol, o movemento contra as penas de morte do proceso de Burgos, pero realmente, con 20 anos, que foi a idade coa que marchei, pouco entrara de cheo no mundo da política. En Francia descubrín a universidade, cando o sistema universitario post-68 estaba en pleno vigor, coa sorte de ter moi bo profesorado nas materias que estudei, e tamén alí descubrín o movemento feminista e o exilio. No departamento xeográfico onde está Toulouse, había 80.000 exiliados españois.

Coñecías esa realidade cando marchaches ou foi algo que descubriches alí?

Era descoñecida para min. Aquí non se falaba nada diso, era un segredo, había un silencio enorme, sobre todo o que rodeu a guerra e a postguerra. Incluso na miña familia non se falaba. Descubrín toda esa realidade alí, por iso sempre digo que gran parte do que son débollo a aqueles seis anos que vivín alí, á parte dos estudos, pero tamén nesas idades, con 20 anos, que comes o mundo, se tes a sorte de estar nun sitio que che permite abrir e abrir, é moi enriquecedor.

E volves a Galicia, a Santiago, e que realidade encontras aquí, cos cambios que se estaban a producir naqueles anos tan intensos social e politicamente? E unha muller feminista coma ti, como vías o incipiente movemento feminista naquel momento?

Efectivamente, voltamos no 76, e aí xa entro de cheo, entro na ANPG, nos movementos anti Otan, todo o que eran mobilizacións neses momentos. O movemento feminista non era tan pequeno naquel momento, eu estaba na AGM (Asociación Galega da Muller), e é certo que eramos poucas miiitantes, pero moi activas e participamos en gran parte da conquista de dereitos democráticos como a Lei do divorcio, ou os dereitos laborais, así como loitamos polo dereito a pisar as rúas, a saír de noite.

Ao mellor non era un movemento moi maioritario polo número de persoas, pero o nivel de activismo era moi grande, tanto no feminismo como na esquerda en xeral. Eu formaba parte do que lle chamabamos a esquerda rupturista que pensabamos que podiamos cambiar o mundo. Eramos nacionalistas e tiñamos tamén moi presente a Portugal, que eu xa fun seguindo desde a miña etapa en Touluse, e que creo que en Galiza tivo unha influencia moi grande, co impacto que tivo o 25 de abril, tan próximo. Esa efervescencia foi a que vivín intensamente ao chegar, e logo xa no ano 77 centreime en convalidar os estudos e preparar as oposicións, que aprobo no ano 78 e saco praza en instituto.

Porque te decidiches pola docencia. Houbo algunha profesora ou profesor que deixara unha pegada importante en ti?

Eu tiña moi claro desde o bacharelato que quería facer Historia, e sempre apostei pola docencia, que sempre me gustou, e docencia con persoas novas, entre os 14 e os 18 anos, nas que ves que se tes sorte e enganchas, podes axudalas a pensar, coñecer as súas inquedanzas, ver como traballan. A miña profesión, a que eu escollín, foi docente. O mundo da universidade, aínda que me gusta a investigación, pola contra, non me gustaba tanto, paréceme máis de rivalidades.

Agora que estou xubilada si que podo dedicarme á investigación, o que fago no Consello da Cultura.

Está claro que non podo preguntarche como levas a xubilación, porque ti non es unha xubilada típica, es totalmente atípica. Cóntame en que invistes o tempo agora, entón.

Podo ser atípica, pero eu creo que hai máis coma nós. Mulleres traballando en temas de voluntariado hai moitas Eu teño a inmensa sorte de poder colaborar no Consello da Cultura, na Comisión de igualdade que puxemos en marcha no 2004 e que agora é o Centro de investigación e estudos feministas do Consello da Cultura; comecei a investigar no tema das mulleres, que é o que me interesa.

Interésache tanto que ata te metiches a directora de documentais.

Fixen “A luz do negro”, sobre o wolframio, e este último que é “Mulleres cun mundo na cabeza”.  Agora temos un terceiro, que está parado pola pandemia, pero estamos traballando na recolleita de memorias de mulleres. E tamén traballo de voluntaria no Museo do pobo galego, que conta cunha inmensa hemeroteca que comezamos a ordenar e estamos facendo unha entrada con toda a información que ten sobre mulleres. Somos dúas voluntarias xubiladas, que temos a sorte de poder colaborar neste campo. Pero o que teño clarísimo, é que  moitas mulleres están sacando para adiante a xeración das fillas e fillos, entregando o seu tempo a netas e netos, algo que habería que visibilizar, pola cantidade inmensa de esforzo económico e afectivo que lle quita tempo ás mulleres, e porque permite que estas xeracións, cunha situación tan precaria, poidan construír un proxecto de vida.

Isto que ti expós vai na liña das reivindicacións do movemento feminista neste 8M e no ano pasado, co lema de “sen coidados non hai vida”, poñendo o peso en que somos nós, as mulleres quen estamos encargándonos, coma sempre, dos coidados.

Efectivamente, por iso habería que poñer o peso no prioritario, que son os coidados, porque a saúde e o afecto son imprescindibles, sen eles non hai vida. E tamén teño a teima de poñer voz e nome a todas as persoas que morreron en condicións terribles, que son persoas da xeración que construíu o benestar, e agora a sociedade desbótaas. Cumpría facer unha reflexión colectiva sobre todo o que pasou e esixir unha revisión de todo ese mundo dos maiores, que non poden ser un negocio, e aos que se lles aplicou a medicina de guerra: es maior, fóra, non interesas. Temos unha débeda con esa xeración.

Cres que é posible unha reflexión colectiva despois da COVID. Cres que no mundo hai aínda espazo para “Anacos de esperanza”?

Teño tamén, ademais dese libro, dous contos que fixen cunha amiga, e en “O branco pais sen neve” apuntamos a que é posible soñar unha utopía para logo construíla. A utopía permíteche andar un camiño, por iso habería que empezar esa reflexión colectiva; certo que hai moito ruído aí fora, ruído que non nos merecemos, necesitamos alegría e esperanza, e o unico que hai é ruído, non só aquí, só hai cobiza e ansia de poder. Compétenos lanzar esa reflexión, e somos as mulleres as que estamos en condicións de facelo, lanzalo como unha pinga de auga, comezando na nosa contorna e ir creando círculos para que iso se convirta no debate importante, que se trate onde hai que tratalo. Igual que vós con esta revista estades buscando un espazo, isto pódese facer con todo. Nese sentido sempre fun, e sigo a ser optimista, e creo que desde unha posición feminista, as mulleres que ocupan postos de decisión poden facer moito.

Hai referentes como en Nova Zelanda e Islandia, que fixeron as cousas doutra maneira. E en Galicia sempre poño como referentes a dúas mulleres, unha é Rosalía Mera, que forma parte do mundo inicial de Inditex, e puxo en marcha empresas de economía social, puntualmente para axudar no problema dun fillo, pero ao mesmo tempo que ese problema sexa universal, e crea o grupo Paideia, cun carácter completamente diferente ao que fai o que foi  o seu home. E a outra referente é Marta Álvarez Quintero quen montou Granxa Maruxa , posteriormente a empresa Milhulloa, e pon en marcha no rural, para denunciar a discriminación, un festival marabilloso que se chama Agrocuir, que intenta mostrar a diversidade sexual e cultural no rural. Son exemplos de mulleres nos que nos debemos mirar, o liderado feminino é fundamental para que as mulleres se vexan representadas en mulleres que si puideron.

A min non me gusta falar de feminismo, prefiro falar de feminismos. Hai moitísimas mulleres pelexando por dereitos en moitos campos, e o que hai que facer é confluír, para que ese movemento avance conxuntamente. E consolide, porque tamén é fácil dar marcha atrás, non hai máis que mirar o 36, que matou os dereitos que as mulleres acadaran na república. Para min, como historiadora, o gran movemento de metade do século XX,  e do século XXI é o feminismo, os feminismos.

Escoitándote é fácil entender porque deixas a docencia, nunha época da túa vida, para dedicarte de cheo á política.

É certo que me gusta moito a docencia, pero sempre pensei que nos merecemos un mundo mellor, que había que cambialo, e a única maneira é traballando. E cando o Bloque se remodela no ano 82, entro nese proxecto chamado común, encabezo a lista de Santiago e estou 12 anos no concello e logo na Xunta. Desa experiencia aprendín que estar na oposición é moi necesario, porque aprendes moito, pero non hai como gobernar para cambiar o mundo; todo o que podes facer se estás no goberno, e contas cunha masa social, porque nada existe se a xente non o apoia. A miña avoa sempre dicía  “Non hai pouco que non chegue, nin moito que non se acabe”, e é verdade, se tes proxectos, sempre hai maneira de conseguir fondos,pelexando.

O alcalde que goberna agora Santiago é o mesmo co que ti compartiches goberno. Como ves a situación da cidade agora? E a situación da política que vivimos nestes tempos, que parece que só existe o inmediato, que non o urxente

Son momentos diferentes. Aquel foi un goberno de coalición, no que hai que dialogar e chegar a acordos; eu sempre estiven en gobernos de coalición, e a miña experiencia foi moi positiva. Creo que as maiorías absolutas son moi nefastas, porque as persoas que compoñemos unha cidade ou un país somos moi diversas, e a única maneira de gobernar para todas é escoitando a todo o mundo, facer políticas inclusivas. É certo que a idade tamiza a visión, pero creo que a confrontación no ámbito da xestión ordinaria, non ten cabida, outra cousa é o debate, que ten que habelo. E aí as mulleres si que somos máis pragmáticas.

“Teño a teima de poñer voz e nome a todas as persoas que morreron en condicións terribles, que son persoas da xeración que construíu o benestar, e agora a sociedade desbótaas ”

Encarna Otero Cepeda

Nas túas experiencias de goberno, no concello e na Xunta, entras nun campo intenso e complexo, do que tanto se está a falar nestes tempos, a vivenda, o espazo onde se fai a vida máis íntima. Como foi esa inmersión?

Para min o urbanismo, a capacidade de ordenar o territorio, foi un descubrimento tan importante como a historia, e hai moitísimas posibilidades de actuar, de influír na vida das persoas. E non digamos xa a vivenda, que é un ben básico, un ben esencial, como recolle a Constitución, un dereito fundamental que hai que protexer. As posibilidades de actuación neste terreo son enormes, e aí enfrontámonos a un dos piares da especulación, e iso si que é unha confrontación total e unha liña divisoria infranqueable.

Cando gobernamos na Xunta foi a única vez que houbo unha Consellería de Vivenda, e puidemos facer políticas moi activas de vivenda, incluso unha Lei de vivenda, que a contemplaba como un dereito, que me tocou a min consensuar, e que o primeiro que fixo o PP cando entrou a gobernar, foi derogala, porque eles entenden a vivenda como un negocio. Fixemos algún proxecto moi bonito, como no barrio da Tinería en Lugo, ou as primeiras vivendas de madeira que se fixeron en Cotobade. Foi unha etapa moi intensa e de moita aprendizaxe e cooperación coa conselleira, Teresa Táboas, e varias arquitectas que traballaban con nós.

Ademais destas persoas coas que cooperaches e aprendiches, que persoas destacarías da túa etapa de política, digamos institucional.

Foi das oportunidades que me deu a política, coñecer a xente moi interesante, en todo o mundo. No foro de cidades patrimonio da humanidade en Quebec, coñecín a unha gobernadora, non recordo o nome, que estaba facendo políticas moi interesantes de combinación de patrimonio, cidadanía e calidade de vida. Tamén tiven oportunidade de participar no Foro Social Mundial, en Portoalegre, o que me permitiu descubrir, entre outras cousas, a obra do arquitecto Eladio Dieste que hai alí, e todo o que estaba a facer o Partido do Traballo a nivel municipal e a nivel de estado; aí coñecín a Lula e a Eduardo Galeano. En Bruselas, de onde lembro a unha deputada do Partido nacionalista galés, da que tamén aprendín moitísimo. E na Marcha Mundial das Mulleres, na que tamén participei, que me permitíu coñecer como os feminismos se moven nas distintas partes do mundo.

A través da historia, hai unha muller que sempre me marcou, que é Alexandra Kolontai, unha muller que compaxinou vida pública e privada, perseguida dentro do propio movemento bolchevique, cunha escrita e unhas memorias que me encantan. E en Galicia, hai dúas mulleres que son Concepción Arenal e Xoana de Vega que para min son un referente, que tiñan moi claro que o acceso das mulleres á formación e á riqueza para ter unha vida autónoma era moi importante. Agora ando detrás da historia dunha muller moi pouco coñecida que se chama Rosita Comunión, que foi unha gran musicóloga e forma parte, como tantas, deste mundo de mulleres descoñecidas, que queremos facer visibles e referenciar.

Despois de toda esa actividade tan intensa e que che permite coñecer de primeira man persoas e accións que para a maioría só están no imaxinario, como é o teu regreso a, digamos, a vida cotiá ?

Cando a asemblea de Amio, abandono a militancia, que non a política, que nunca se deixa de participar para cambiar a vida. No barrio no que vivo, en Galeras, participo do movemento veciñal, estou na plataforma polo mantemento e dignificación das pensións, apoio as accións ou actividades que comparto, pero a primeira fila correspóndelle xa ás persoas novas que teñen a enerxía

Toda a nosa xeneración fomos moi xenerosas co noso tempo, para o común, polas enormes ganas que tiñamos de cambiar o mundo, sen pedir nada a cambio; chegábanos coa satisfacción persoal e moral de que aquilo que estabas a facer, servía. Para que as clases foran mellores, para pular polo galego, para que as mulleres apareceran na historia, ou para militar, simplemente, aportar e construír.

No 2009 volvo as aulas, que nunca me custou, porque é a profesión que escollín. Regreso ao Instituto Eduardo Pondal, no que estiven sempre moi a gusto, cunha mestura de compoñente rural e urbano, cun bo equipo de compañeiras.

Algún libro, algunha película, algunha viaxe especial que queiras compartir con nos.

Gustáme moitísimo viaxar, e creo que temos un país por descubrir que é Portugal, que ten unha cultura moi diversa, que fala coma nós, e hai un escritor mozambicano que se chama Mia Couto, cunha obra diversa, con poesia, ensaio e novela, que me gusta moito. Logo está Galeano, a quen coñecín a través de Xosé Manuel Beiras,  que tamén ten unha obra marabillosa. E de cine, ao que son moi afeccionada, acabo de ver O pai, con Anthony Hopkins, que me gustou, e vin tamén Nación, de Margartita Ledo, que aborda un tema que está esquecido, da fábrica de Pontesa, un exemplo de resistencia das mulleres que aínda seguen a pelexar pola indemnización, que me gustou moitísimo polo que significa e pola súa música e a imaxe.

E xa de remate, ou de resumo, como ves o mundo despois da Covid, cal sería a túa  expectativa ou desexo ?

Teño unha contradición, teño vinagre e azucre. A saída debera ser unha reflexión para mellorar o mundo, despois desta proba na que morreu tanta xente, que non deberiamos esquencer, e a decidación do noso esforzo e o diñeiro para mellorar a vida da xente. Pero corremos o risco de que a resposta sexa que agora toca vivir a tope sen mirar atrás. O que estou segura é que hai cousas que van quedar, como pasou co Maio do 68, que houbo pousos que quedaron como a loita polo sindicalismo ou as conquistas de dereitos das mulleres, que apareceron ao cabo do tempo. Desta pandemia, a pesares de todo o barullo que hai, da piratería que están levando a cabo as empresas farmaceúticas, seguro que queda un pouso, que ao mellor nós non o veremos cando emerxa, pero o que está claro e que non queda máis remedio que seguir pelexando e quedar coa fotografía do que pasou neste ano, que demostrou que o importante e o imprescindible é a vida e os coidados, e para iso cómpre feminizar a vida.

Moitas grazas Encarna por facer a conversa tan doada, polo teu compromiso agora e sempre, e desde De vella a bella, parabéns pola túa actividade neste tempo que compartimos de xubilación,

Peque González Novoa

Peque González Novoa

Profesora

Son Peque González Nóvoa. Nacín en Pontevedra hai 63 anos, nunha familia das de aquela, “numerosa”. Estudiei Psicoloxía en Santiago e dediquei toda a miña vida laboral á docencia, no ensino público; nos primeiros anos como mestra de infantil e posteriormente como orientadora, ata que hai dous anos decidín pasar a esta etapa chamada xubilación. 

No meu percorrido de vida acostumo a definirme como muller, mestra, nai e avoa, sen orde prevalente, por que considero que son os elementos que conforman quen son.

Achégome a este grupo de xente que tivo a boa idea de poñer en marcha este proxecto “De vella a bella” coa intención de aprender e poder aportar un micrograo de area. Neste contexto no que vivimos, e nesta situación de pandemia, creo que todo o que implique a activación das persoas, sexa cal sexa a súa idade, é positivo. 

Día da Muller

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥