Seleccionar página

Entrevista con:

Lino Fernández

Coñecín a Lino Fernández cando acudín á súa consulta para tratar de buscar unha solución ás migrañas que levo padecendo dende hai máis de trinta anos, despois de probar unha infinidade de medicamentos, tanto analxésicos como preventivos que me condenaban a unha dependencia absoluta para tratar de manter a raia a miña doenza.

Levo realizando sesións de acupuntura con el dende outubro do 2020 e xa case desde o principio notei unha melloría significativa, ata o punto de deixar os fármacos que me tiñan cautiva. Non volvín ter unha crise das que me tiñan días tirada na cama sen poder facer nada, pero é que ademais tamen mellorou notablemente a miña flexibilidade, sobre todo no colo, e as dores derivadas dos problemas de artrose que xa hai tempo que veño sufrindo. En fin, é doado deducir a miña satisfacción con esta experiencia, da que oíra falar pero que me resistía a probar.

A valoración non pode ser máis positiva e dende logo non me canso de recomendala, aínda que desgraciadamente  segue habendo bastante prevención contra ela, xa sexa polas agullas,  ou por desconfianza cara aos métodos que se afastan da medicina convencional.

 Eu estou moi agradecida a esta técnica e por suposto a Lino, un profesional rigoroso que un día descubriu que este sería o seu camiño.

QUEN É LINO FERNÁNDEZ?

            Para saber quen é Lino Fernández podemos acudir á súa páxina web,  onde atopamos unha breve información sobre  a súa traxectoria vital e profesional, así como  unha listaxe dalgunhas das titulacións que posúe, que son moitas, derivadas dos seus anos de incansable estudo, tanto en España como na China. Pero hoxe temos a fortuna de poder preguntarlle directamente a el sobre eses e outros asuntos relacionados coa súa profesión.

 Lino, chama a atención a túa traxectoria, pois na túa páxina web lemos que dende moi novo sentiches atracción pola filosofía oriental e que iso foite levando primeiro á práctica das artes marciais e despois ao estudo dos métodos de curación orientais. Podes contarnos como se produciu esa evolución?

 En primeiro lugar agradézoche a entrevista e a oportunidade de achegar á cidadanía estes métodos de curación pouco coñecidos en España.

Dende moi novo atraeume a filosofía oriental e a práctica das artes marciais tradicionais, foi o camiño que elixín para adentrarme na cultura asiática. Un camiño, que igual que o camiño da vida, sabes onde comeza pero non onde remata. Despois de 20 anos de práctica marcial percateime de que ferir só era unha cara da moeda, na outra cara existían métodos de curación da medicina tradicional de igual interese e similar filosofía.  Dito isto, comecei a miña formación en medicina tradicional chinesa certo día ás 9 da mañá, e teño que dicir que ás 10 da mañá dese mesmo día xa tiña claro que ese sería o meu camiño na vida.

 Que foi exactamente o que che atraeu tanto deses métodos de curación orientais?

 Para min a medicina chinesa é fascinante por estar entre a ciencia e a arte. Basea os seus principios en paradigmas de hai 3.000 anos que seguen vixentes na actualidade, e exprésaos nunha linguaxe poética case hipnótica. Poderiamos dicir que é un poema sen fin de como funcionamos bienerxeticamente. En canto á súa aplicación práctica, a sutileza desa aplicación  e a eficacia do seu resultado son case máxicas, pódense conseguir resultados verdadeiramente sorprendentes con esta técnica.

Para os profanos na materia, coma min, resulta sorprendente que unhas agullas estratexicamente cravadas en determinados puntos do noso corpo acaden os resultados buscados. Podes contarnos brevemente, se é posible, como naceu este método e en que se basea?

 A medicina chinesa naceu da observación da natureza, de como os cambios climatolóxicos modifican o ecosistema, de aí deduciron que se o home se atopa na natureza, é razoable pensar que dentro de nós tamén se produzan uns cambios similares. Posteriormente descubriron a enerxía provocadora deses cambios, chamáronlle “Qi”. Determinaron que esa enerxía ademais de provocar os cambios naturais tamén nos percorre internamente favorecendo os procesos biolóxicos. Cando esa enerxía é insuficiente, excesiva ou se estanca é cando aparece a enfermidade. O traballo da acupuntura é estimular mediante as agullas a libre e adecuada circulación do Qi.

 Seguramente moitas das persoas que lean esta entrevista descoñecerán en que consiste exactamente unha sesión de acupuntura e cales son os métodos de diagnóstico que utilizas. Poderías contárllelo?

 Unha sesión de acupuntura comeza cunha extensa batería de preguntas onde se trata de dilucidar a orixe do problema, a observación da lingua e a toma do pulso radial completan o necesario para determinar que está a suceder. A continuación procédese á súa corrección mediante a inserción de agullas nos puntos adecuados.

 Pódesnos explicar con máis detalle eses métodos de diagnose orientais?

 Na antigüidade en China estaba prohibido diseccionar cadáveres para o seu estudo, así que desenvolveron métodos  de auscultación baseados na observación externa do corpo. Estes métodos son basicamente catro.

-Interrogación: que e moi similar á anamnese occidental.

-Palpación do pulso radial: o funcionamento de cada órgano e cada víscera pode ser observado mediante o latido que este manda polo corpo. Estes latidos poden ser observados no pulso. Existen uns 27 tipos de pulsos patolóxicos que nos indican cal é o problema.

-Observación da lingua: a lingua é un mapa no que se atopan representados tódolos órganos e vísceras; segundo a coloración, saburra (capa esbrancuxada que cobre a lingua), forma e color de cada zona, podemos identificar que lle sucede ao órgano correspondente.

-Palpación: Isto refírese sobre todo á palpación abdominal, xa que existen determinados puntos que ao palpalos pódennos dar información de como se atopa o órgano/víscera correspondente.

 Pódesnos dicir cantos puntos de acupuntura ten o corpo?

 O estándar é falar de 364 puntos de acupuntura convencionais e uns 120 chamados extras.  Cada un deles cunha acción específica.

 Unha vez establecido en Pontevedra, como foron os comezos? Foiche doado acadar clientela? Non é difícil conseguir que a xente confíe neste método? e, sobre todo, non cres que hai un descoñecemento bastante grande sobre el?

 Os meus comezos foron razoablemente bos, ao principio con pouca clientela, pero os que se atreveron a probar rapidamente comezaron a falar dos bos resultados desa estraña técnica que cunhas puncións conseguía solucionar problemas para os que outros métodos non eran tan eficaces. Por suposto non é fácil conseguir que a xente confíe nestes técnicas, vivimos nun país que politicamente está en contra das terapias naturais, e iso crea unha desconfianza na poboación. Nese aspecto estamos moi atrasados con respecto a “case todo o planeta” onde as medicinas naturais ou están implementadas nos sistemas de saúde gubernamentais ou ben son reguladas e potenciadas polos seus nulos efectos secundarios.

Lino traballando nun hospital chinés destinado á xente con poucos medios.

Fachada do seu centro de acupuntura en Pontevedra

Cales son as doenzas máis comúns polas que acode a xente á túa consulta?

O motivo principal de consulta é a dor musculoesquelética, aínda que cada vez acoden máis persoas con patoloxías de medicina interna. Neste sentido a poboación vai descubrindo pouco a pouco o alcance desta técnica. A medicina tradicional chinesa, é un completo sistema médico no que se inclúen todas as ramas da medicina, traumatoloxía, neuroloxía, dixestivo, xinecoloxía, e moitas outras.   Na nosa cidade padecemos das enfermidades comúns de calquera outra cidade, pero temos dous factores que agravan todas as nosas patoloxías, unha é a humidade e outra a dieta.

 Non é difícil imaxinar por que a humidade agrava as patoloxías, pero gustaríame que nos explicases cales son os erros máis comúns que cometemos na nosa dieta.

 Pois hai varios, por exemplo, nun mundo tan globalizado  temos acceso a alimentos doutros continentes,  eses alimentos inxeridos fóra da climatoloxía na que se deron poden ser prexudiciais. Un mango é unha froita tropical que tende a enfriar o corpo, inxerido regularmente en inverno en Galiza pode enfriar o suficiente o corpo como para levarnos a un desaxuste interno.

Outro erro moi común é basear a nosa alimentación nos hidratos de carbono, na nosa terra somos grandes produtores e consumidores de pan e patacas, que inxeridos en exceso teñen efectos prexudiciais no metabolismo.

 Volvendo ás doenzas máis comúns…en cal ou cales se consegue maior efectividade?

A acupuntura está indicada en case todas as enfermidades comúns, os seus tratamentos foron refinados durante miles de anos, polo que se conseguen bos resultados para case todo. Aínda que desgraciadamente a día de hoxe existen enfermidades que seguen sen ter cura coñecida.

 Supoño que a maioría dos teus clientes, senón todos, son persoas defraudadas cos métodos da medicina convencional? Cal cres que é o fallo ou fallos deste tipo de medicina?

 A miña opinión persoal é que temos uns profesionais na medicina convencional altisimamente cualificados, outra cousa é que poidan desenvolver o seu traballo libremente. Penso que non é moi eficaz ter uns profesionais tan bos e facelos traballar con protocolos que acurtan a súa marxe de manobra.

 Pola túa experiencia ao longo destes anos dirías que a medicina convencional acepta esta técnica? Algúns dos teus clientes son enviados polo seu médico de familia ou especialista, por exemplo?

 Este é un tema complexo, ao longo destes anos tiven clientes que eran médicos e aínda a día de hoxe recibo persoas derivadas de médicos de familia, polo que hai un gran sector da medicina que acepta e mesmo aplica estas técnicas; por exemplo, na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela impártese un MESTRADO EN ACUPUNTURA que forma médicos para aplicar esta técnica.  Pola contra hai un pequeno sector que pensa que é unha farsa. Esta opinión é un pouco absurda e propia da desinformación, xa que a evidencia científica con respecto á efectividade destas técnicas é tan grande que calquera que investigue un pouco o tema pode comprobar que existen miles de estudos de prestixiosas institucións apoiando a súa efectividade.

 A medicina tradicional chinesa e a acupuntura poderían substituír totalmente a nosa medicina convencional? Por exemplo á chamada “medicina xeral”? ou son complementarias?

 Pensar en termos absolutos é un erro, non existe ningunha técnica perfecta que poida ser aplicada de forma exclusiva e excluínte. Dito isto a solución máis lóxica é a integración. Case todos os países do mundo optan pola integración das chamadas medicinas brandas nos seus sistemas sanitarios, mesmo a OMS o recomenda pola súa eficacia, baixo custo e nulos efectos adversos.

 Atopaches moito escéptico ao longo destes anos que levas exercendo? De ser afirmativa a resposta… Como afrontas ese escepticismo?

 A maioría da xente que vén, faino porque oíu falar da técnica ou coñece alguén que solucionou o seu problema con ela, pero algún escéptico levo atopado, que logo de probar quedan gratamente sorprendidos. Normalmente os escépticos deste tema son xente que forma a súa opinión en base aos coñecementos que teñen, sen recorrer a ler textos especializados. Dende aquí animo a todo o mundo a buscar información acerca dos seus temas de interese, porque formar opinións baseadas en suposicións pode ser moi prexudicial para vida en xeral.

 E por último, Lino, hai moitas persoas que sofren desde hai anos distintas patoloxías que, segundo recoñece a propia OMS, poden ser curadas ou conseguir unha notable melloría só con someterse a sesións de acupuntura, pero que polas razóns que sexan non o fixeron nunca. Que lles dirías a esas persoas para convencelas, para animalas a poñerse nas túas mans?

 O mellor consello que lles podo dar ás persoas que sofren patoloxías crónicas ou teoricamente incurables é que investiguen que tratamentos existen para elas tanto convencionais como naturais. Que non se conformen con diagnósticos de enfermidade crónica. Porque se unha cousa levo aprendido nestes anos é que, en maior ou menor medida, case todo se pode curar ou mellorar moito. Só hai que dar coa persoa co coñecemento adecuado.

Moitas grazas, Lino, por acceder a esta entrevista que nos permitiu achegarnos ao teu traballo e coñecer un pouco mellor esta técnica milenaria que é a acupuntura.

 

Charo Valcárcel, xaneiro 2021

 

máis artigos

Do 19 ao 25 de abril 2021

Do 12 ao 18 de abril 2021

Do 5 ao 11 de abril 2021

Do 29 de marzo ao 4 de abril 2021

Do 22 ao 28 de marzo 2021

Do 15 ao 21 de marzo 2021

Elena Ramos Rascado por Ana Santos

Antonio Lois Pérez

Xosé Manuel Gulías Márquez

Carmen Varela Villamarín

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Español