por Amancio Castro – 2009

Foto realizada en 2009 e publicada na revista científica MYCOTAXON en 2011, cando quedou rexistrada no índice de Mycobank (coa referencia MB 519728) como unha nova especie para a ciencia a nivel mundial e autorizándolle a Jaime a nomear a especie. Escolleu salvaterrensis polo nome da localidade onde apareceu o exemplar (Salvaterra de Miño).

Esta Asterophora vive a expensas doutra seta, neste caso dunha Russula nigricans Fr. (masa negra da foto, xa en descomposición).

O tamaño do espécime é minúsculo aproximadamente ½ milímetro de diámetro e 1,5 mm de altura (menos de medio gran de arroz).

Para afoutala utilicei un obxectivo macro especial: Canon o MP 65 mm 1-5 X.

O problema de enfoque con este obxectivo é a profundidade de campo de a penas décimas de mm, agravado neste caso polo movemento  causado polos minúsculos vermes que  estaban tratando de “merendar” a seta que quería afoutar e quitábanma de foco.

Unha vez rematado o proceso fotográfico, o exemplar recolleuse, secouse e quedou depositado na Micoteca de Lourizán.

                          Amancio Castro

Amancio Castro

Amancio Castro

Fotógrafo

Nacín na zona vella de Pontevedra, nunha familia onde se potenciaban os valores referentes ao respecto polo mundo natural e ás artes por diante dos temas materiais.
Tremendamente curioso dende neno pola natureza estudei para mestre especializándome en ciencias naturais.
Dende 1980 fun percorrendo toda Galicia e zonas limítrofes coa Sociedade Galega de Xeografía fotografando a natureza para ter material de apoio para o estudo dos ecosistemas e formacións xeo-morfolóxicas, materiais que utilizaba para as miñas clases e que figuran en libros de texto e guías didácticas que fun publicando con varios autores.
A partir de 1990 funme especializando na fotografía científica, macro de plantas e fungos de menos de 2mm que saen publicadas nos artigos científicos do micólogo Jaime Blanco Dios co que sigo a colaborar na actualidade.

O Acivro

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥