A dor infinda: Sofía Kuper

Xosé Álvarez

O medo dominaba a Pontevedra posterior ao 20 de xullo de 1936. A memoria daqueles anos achéganos nomes de pontevedreses relevantes a nivel social ou político que foron fortemente castigados; ben está que se lembren, pero para comprender fielmente o sucedido debemos sacar á luz as chamadas memorias subalternas, ou sexa, a memoria de sectores sociais silenciados e esquecidos como a esquerda obreira e agraria ou as mulleres. Nos últimos anos comeza a poñerse o foco, tanto no mundo memorialístico como na historia académica, na represión sufrida polas mulleres.

As mulleres sufriron dúas modalidades de represión: unha represión global, que afectou a todas as mulleres, incluídas as partidarias dos sublevados, e que veu dada polo retroceso en materia de dereitos e visibilidade social que, aínda de xeito incompleto, acadaran na 2ª República. No novo réxime  imponse a visión tradicional de limitación do seu papel ao ámbito privado con tarefas de coidado da familia e submisión ao varón. Por outra banda, sumada a esta, existe unha represión “individualizada”, directa, que se centra naquelas mulleres que, por diferentes motivos, non encaixan no lugar que os “novos” tempos lles reservan; son mulleres que tiveran un papel activo na vida política ou sindical, mulleres que participaran en manifestacións, en mitins e celebracións, e, sobre todo, que axudaran e ocultaran fuxidos.  Estas mulleres están suxeitas a unha dobre represión, a determinada polo seu compromiso político e a que vén dada pola súa condición de mulleres.

Pero, a maiores do sinalado, tamén sofren a represión por razón de ser familiares de desertores, de fuxidos, presos, fusilados, en fin, do conxunto identificado dalgunha maneira coa República. Estas mulleres son as que, cando os seus compañeiros son encarcerados ou fusilados, teñen que sobrevivir, facer fronte á penuria económica e tirar para adiante cos fillos e demais familia; non esquezamos que,  á parte do cárcere ou da morte, as penas conlevaban sancións económicas derivadas da lei de responsabilidades políticas que non se anulaban coa morte senón que repercutían sobre os herdeiros. E engadir a infinita dor da perda ou distanciamento dos seres queridos, das visitas aos cárceres, ao lazareto de San Simón, da lectura das cartas dos fillos ou compañeiros escritas horas antes de ser fusilados.

            Se hai unha muller na historia pontevedresa que pode ser o símbolo desta represión, sen lugar a dúbidas é a odontóloga Sofía (Scheiva) Kuper Hornstein; descoñecida para a maioría da sociedade pontevedresa actual, foi vítima destacada das actuacións citadas en parágrafos anteriores.

Nos anos vinte do século pasado chegara á nosa cidade unha familia rusa, de orixe xudeu, composta por Sofía, o seu home Abraham Zbarsky Geller e os seus fillos Elías e Jacobo; outros membros da familia tamén se estableceran en distintas localidades galegas. Todos eran odontólogos e tiveron moita oposición por parte dos dentistas nativos, que eran contrarios á legalización dos seus títulos; as autoridades tamén receaban pois temían que fosen axentes bolxeviques. Non viñeran, como afirmaban algúns, por motivos políticos; houbo membros da familia que permaneceron en Rusia, foi o caso do seu cuñado Boris, que co tempo sería un dos embalsamadores de Lenin; os seus irmáns Ita Lia e Simeón Kuper xa se estableceran en Galicia antes da revolución soviética.

Sofía abre clínica en Vigo, Abraham exerce na capital, Elías establécese en Ferrol e, máis tarde, en Vigo; Jacobo comparte clínica co seu tío Simeón Kuper na cidade olívica.  Abraham Zbarsky participa activamente na vida social e política pontevedresa, militante do PSOE, directivo da Filarmónica, era moi querido e respectado na cidade.

A Abraham detéñeno o 21 de xullo e ábrenlle unha causa militar; as acusacións de “Jefe de una organización Soviética y Judía” ou os informes que o consideraban comunista, membro da directiva do Socorro Rojo e masón non se sosteñen e queda sobresida; aínda así non o poñen en liberdade e ingresa como preso gobernativo na illa de San Simón.

     Co pretexto de trasladalo ao cárcere de Ponte Caldelas, unha noite sácano do lazareto e o seu cadáver aparece no cemiterio de San Amaro o 29 de decembro de 1936 xunto a outros dous “paseados”. Tiña 54 anos.

A versión oficial (e falsa) do sucedido atopámola nunha comunicación enviada polo comandante Velarde, xefe accidental da Garda Civil, ao xuíz instrutor:

Al ser conducido en la noche de ayer por fuerza del puesto de esta Capital el preso Abrahan Zbarsky Celler (sic), según orden al efecto, desde el Lazareto de San Simón a la cárcel de esta Capital al llegar al punto conocido por “La Fracha” y debido a una avería que tuvo el coche que lo conducía hubo necesidad  de parar para repararla, en cuyo momento el conducido aprovechando la oscuridad de la noche intentó fugarse, no consiguiéndolo por que (sic) a los primeros disparos de la fuerza fué gravemente herido falleciendo a los pocos momentos, siendo transportado su cadáver al depósito del cementerio de esta Localidad.

Tengo la distinción de participarlo a V. para su debido conocimiento.

Dios guarde a V. muchos años

Pontevedra 30 de Diciembre 1.936

          Para Sofía a morte do seu home non era a primeira que sufrira nese ano, o seu fillo Jacobo Zbarsky Kuper, de 22 anos, odontólogo e militante socialista, fora un dos primeiros executados tras o golpe militar. Estaba cumprindo o servizo militar como brigada da escala de complemento e, o 19 de xullo, o gobernador civil nomeouno xefe das milicias antifascistas, que tiñan como misión oporse ao golpe e defender a legalidade republicana. Tras a rendición do gobernador, parece ser que foi un dos que chegou a ameazalo de morte pois consideraban unha traizón a decisión de renderse aos militares. Detéñeno na madrugada do 21 de xullo e ábreselle unha causa sumarísima.

O consello de guerra celébrase o sete de agosto no salón de actos da Deputación; acúsano de tomar parte activa na formación de milicias opoñéndose á declaración do estado de guerra, actuar como xefe das forzas resistentes, ameazar cunha pistola ao gobernador se se rendía e disparar  contra un hidroavión da base Janer de Marín que sobrevoaba a cidade.

            O tribunal dita condena a morte. Ás cinco da mañá do dez de agosto fusílano no campo de tiro de artillería en Figueirido, logo de refusar os auxilios espirituais que lle ofrecían. Recibiu catro balazos no tórax e abdome e dous na cabeza. A súa nai, Sofía, recibe as pertenzas que Jacobo entregara antes de ser fusilado: un cinto, un peite, un reloxo de pulseira, un espello, un moedeiro con cento sete pesetas con corenta e cinco céntimos e a seguinte carta.

            Pontevedra, 9 de agosto de 1936.

                        Queridos míos: Querida madre, perdóname este último gran disgusto que te doy. Dentro de 3 horas  moriré, tú bien sabes cuanto te quiero, sin embargo no he querido ver a ninguno de vosotros por última vez, porque si así lo hiciera no tendría el valor de afrontar mi suerte.

            Mis últimos pensamientos serán en todos vosotros, sobre todo en ti, madre mía.

            Estoy tranquilo, creo que esta tranquilidad me acompañará hasta el último momento.

            Piensa, madre mía, que si pierdes un hijo, por ningún ideal más justo. Yo puedo sacrificar mi vida, te queda otro hijo y mucha más familia que harán todo lo posible por consolarte.

            Os beso y abrazo a todos queridos, sobre todo a ti, madre.

            Tu hijo, que siempre te ha querido y te querrá mientras viva.

Pero non rematan os sufrimentos de Sofía coas mortes do seu home e do seu fillo; queda na miseria económica pois incáutanlle os bens familiares, incluído o material da clínica. Ademais, outros membros da familia son perseguidos: o seu irmán Simeón Kuper e o outro fillo, Elías, foron detidos en Vigo; un informe do Estado Mayor aseguraba que toda a familia pertencía a unha organización de espionaxe soviético. O tribunal militar non acredita nas delirantes acusacións e declara o sobresemento da causa.

            En agosto de 1938 cruzan a fronteira por Irún, os irmáns Simeón, Elisa (Ita Lia) e Sofía Kuper Hornstein, xunto con Elías Zbarsky Kuper, fillo de Sofía. O goberno español decidira a súa expulsión. Sirvan estas páxinas de lembranza desta esquecida pontevedresa de adopción.

Xosé Álvarez Castro

Xosé Álvarez Castro

Historiador

Xosé Álvarez Castro, mestre, profesor de historia (xubilado) .Licenciado en Xeografía e Historia. 

Máster en Educación Ambiental. Fundación Universidad-Empresa. UNED. 

VI premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda á recuperación da memoria histórica en 2011. 

 Enlace ao Blog de Xosé Álvarez Castro

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥