Fragmento de “Lavandeiras

 Óleo sobre lenzo 60’5x50cm.

 É a reprodución dunha parte do orixinal creado por Manuel Colmeiro. Lembramos que este silledense, nado en 1901, é un dos grandes protagonistas da renovación artística galega do primeiro terzo do século XX.

 O óleo de Colmeiro está feito sobre “táblex” e ten unha medida de 51x65cm. É do ano 1967. Inclúese dentro desa temática tan do gusto do autor como é a vida popular galega, o mundo rural, a muller como protagonista e a paisaxe, pois nel hai un intenso compromiso social. Non esquezamos que para Valle-Inclán era “o auténtico intérprete” da súa terra.

 No fragmento presentado observamos a forte muller galega cun pano lavado entre as mans e situada ao ar libre nesas frías e luminosas cores verdes que a acollen. É a parte central dunha delicada obra onde contemplamos unha escena con seis figuras femininas anónimas e populares a lavar e tender a roupa nunha composición moi coidada. A súa visión transmite felicidade.

 As tonalidades verdes e azuis da paleta dannos moito sosego con esa imaxe doce e tenra de liñas difuminadas.

Notas biográficas da autora:

Montse naceu na Estrada en 1960. Estudou no Instituto Manuel García Barros desta cidade o bacharelato  e Filoloxía Hispánica en Compostela, exercendo como profesora de Lingua galega e literatura durante 25 anos.

Desde 1988 vive na Coruña a onde chegou tras obter destino definitivo en Carballo, aínda que  pouco despois conseguiu  o traslado para o IES Ramón Menéndez Pidal da cidade, alí desenvolveu a  docencia ata a súa  xubilación no 2007.

Ao xubilarse  puido dedicarse de forma máis plena a unha das súas paixóns: pintar. Na súa produción artística conta con cadros orixinais seus e outros, coma este que nos presenta hoxe, que son interpretacións de autores aos que admira.

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥