Nicer Clutosi,  ) Cariaca, principis Albionum,
annorum LXXV, hic situs est.

                                       Nicer, fillo de Clutoso, do Castro Cariaca,
príncipe  dos Albións, de 75 anos, xace aquí.
(Inscrición  atopada ás beiras do río Eo).

 

Resultaría moi pouco satisfactorio que un feito como o do que nos imos ocupar,  acaecido no ano 1933,  no que un veciño da parroquia de Piantón, cuxo nome ficou lamentablemente   esquecido, descubrise no lugar de A Corredoira,  -tamén denominado La Pereira-, no Concello de Vegadeo,  á beira do río  Eo, hoxe  no  Principado de Asturias,  atopase a inscrición latina que encabeza este comentario. E dicimos pouco  satisfactorio, porque estamos convencidos de que ninguén aceptaría que  un  descubrimento coma este  non se recoñecera como merece.

         Vaiamos, non obstante, por partes. En primeiro lugar,  indiquemos que o achado ao que nos referimos consiste nunha lápida de 117 centímetros  de longo, por 32 de ancho,  na actualidade  propiedade do Museo Arqueológico de Asturias, en  Oviedo,  sobre a que os expertos que a estudaron, ademais de decatarse de que o material co que fora elaborada non era lousa, coma inicialmente se pensara, senón cuarcita,  datárono no século I d. C.    

        Unha data importante, porque, á marxe do que supón que tal  lousa sexa apenas posterior no tempo ao intre no que a Galaecia e a Asturia foran ocupadas polas lexións de Roma,  pouco despois do achado, concretamente no ano 1942, o historiador, arqueólogo e indagador, Antonio García y Bellido, (1903-1972),  entre outras investigacións por el  realizadas,  preocupouse de analizar a inscrición,  e  publicara despois unha reprodución manuscrita da mesma, que xa  naquel mesmo intre conseguiu un  enorme recoñecemento.

        A transcendencia desta lápida non era para menos. Tratábase, nada menos,  do único testemuño relacionado coa existencia dese Nicer, fillo de Clutoso, Príncipe, –ou “principal”-, dos Albións, enterrado  aos setenta e cinco anos de idade onda o río Eo, actualmente a extrema de Galicia e Asturias. Así mesmo, e para  confirmar a  importancia histórica do feito,   informámosvos de  que, arredor do ano 75 d. C., ou sexa, nunha data  próxima á do falecemento dese fillo de Clutuoso,   Plinio o “Vello”, (c. 20 a. C. – 79 d. C.),   compilador e investigador romano,  ademais  de procurator  na Provincia Hispania Citerior, sobre o que se conservan datos que permiten  saber que tamén desempeñou  un cargo na Asturia e na Gallaecia, con residencia  na cidade de Astúrica Augusta, hoxe Astorga, recolleu na súa famosa “Historia Natural”, Libro IV, 111) , o tamén importante dato de que, no Conventus Lucensis, que naquel tempo chegaba ata o río Navia,  límite  entón entre ambos territorios, e a uns 25 quilómetros ao leste do Eo, existía un populus denominado dos Albións. Lembremos, así mesmo, que no Eo, precisamente, foi onde apareceu  a lauda sepulcral  mencionada.

         Para completar a reconstrución prosopográfica do feito,  o que  nos permitiría coñecer canto acerca dese misterioso Nicer  nos gustaría,  indicamos tamén que,  uns cen anos máis tarde, o destacado xeógrafo, astrónomo e matemático alexandrino, Claudio Ptolomeo, ( c. 100 – c. 170),  recolleu máis informes a cerca  de tales  Albións, situados nas proximidades do que el,  na súa ”Geographia”, Libro II. 5, denomina Navialavionis, por interpolación das denominacións: Navia e  Albións, (Gran Enciclopedia Gallega, Tomo 1, pax. 207, Gijón, 1974), ou ben Nabialvion(Historia de Asturias, Tomo 1, pax. 157, Gijón, 1978),  que os investigadores interpretan coma Navia dos Albións.

          En canto á  división xurídica do Conventus Lucensis, que, como adiantamos, chegaba polo leste ao río Navia, xa  así  denominado naquel tempo, sábese que acadaba, polo oeste, o océano Atlántico,  mentres que, polo sur, alcanzaba  as actuais canles da Ría de Vigo e dos ríos Verdugo, Miño e Sil.

         É importante que  advirtamos que, dende hai  máis de dous mil anos,   moitos investigadores sostiveron   que os Albións  mencionados na Lápida  enriba indicada, non eran  outros que os habitantes da illa de Britania,  -o actual Reino Unido-,   baseándose na  opinión de autores de tanta reputación  coma  Plinio o “Vello”  e  Ptolomeo, que aseguraron  que tal territorio se chamara antes   Albión, polo que  resultaban facilmente  extrapolables  á “Illa dos Albións”.

         Como remate expliquemos que arredor do ano 400, o procónsul romano, Rufio Festo Avieno, utilizando antigos textos dos séculos  VI  a IV a. C.,  maioritariamente gregos, ademais dun almirante cartaxinés,  reconstruíu  as costas de Europa, -“Ora Maritima”, en latín-, que, malia terse perdido en parte,  permite coñecer aquela remota xeografía, que abrangue dende o mar Cantábrico ata antiga cidade de Pirene, próxima a Perpiñan, recollendo ao mesmo tempo  as distancias exactas entre os accidentes que describe.   O autenticamente importante é que, de acordo con elas, semella bastante difícil que  os Albións, dos que nos falaron tanto Plinio o “Vello” coma Claudio Ptolomeo, sexan distintos aos da Lápida da Corredoira.

                                                                                                                                     Xoán Bernárdez Vilar, Vigo, 7 de febreiro de 2021

Xoán Bernárdez Vilar

Xoán Bernárdez Vilar

Historiador

NOTA BIOGRÁFICA DE XOÁN BERNÁRDEZ VILAR

Doutor en Xeografía, Arte e Historia pola Universidade de Vigo e desde o 2003 membro correspondente de Real Academia Galega.

Conta cunha importante obra ensaística (libros e artigos en revistas) froito da súa condición de historiador entre a que destacamos algúns títulos como: 

 Galicia no século VI antes de Cristo. Estudo Histórico-Xeográfico da Ora Maritima de Rufo Festo Avieno.  

Xeografía do mito de Tristán e Iseu. 

A etapa portuguesa de Colón e a súa viaxe Ultra Tile.

O comezo da nosa Idade Media. A Gallaecia que se emancipou de Roma.

O rei Artur: Mito e realidade

Ademais dedicouse tamén á  narrativa acadando varios premios, coma o Xerais no ano 86 por No ano do cometa, unha das súas obras máis coñecidas, aínda que xa no 76 fora premiado polo  Padroado da Cultura Galega de Montevideo por Un home de Vilameán: anatomía da revolución Irmandiña, tamén recibiu o Premio Concello de Vilalba no 93 e no 99 por: Big-Bang e A saga da illa sen noite respectivamente e a Homo sapiens concedéuselle un accésit no Modesto R. Figueiredo no 83. 

Ten tamén unha obra teatral O valedor do reino (Premio de teatro da Universidade de Vigo no 2002) e así mesmo foi premiado polo seu labor como tradutor de obras latinas ao galego.

Blog de Xoan Bernárdez

Cornelia na Lanzada hai 2000 anos

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥