Como é posible que un músico mediocre e con pouco talento ao que lle quitaban a guitarra das mans para que non rompese algunha corda desaparecese un tempo da face da terra e un ano despois reaparecese convertido nun xenio do instrumento das seis cordas? A resposta é clara e sinxela: facendo un pacto co demo. Pois isto é o que, segundo conta a tradición, fixo Robert Johnson.

Robert Leroy Johnson naceu probablemente <<aínda está en discusión, igual que outras moitas cousas da súa curta vida>>, preto da cidade de Hazelhurst, estado de Mississippi, o 8 de maio de 1911. Os seus avós naceran escravos, algo natural naqueles anos nos estados sureños de USA. A súa nai Julia Ann Majors, casou en 1889 con Charlie Dodds, carpinteiro, construtor de mobles de vimbia e tamén fillo de ex-escravos. Con el tivo dez fillos, aínda que ningún deles foi o protagonista da nosa historia. Ao ser propietarios das súas terras e da súa casa a vida, dentro do que cabe, foilles bastante ben durante uns anos. Esta “idílica” vida rematou cando Charlie tivo que marchar a Memphis disfrazado de muller e cambiar o seu apelido por Spencer, para evitar que os seus problemas cunha persoa importante branca, despois dunha pelexa, rematasen co seu linchamento polol Ku Klux Klan.

Robert Johnson en 1937 / Foto: Star Telegram Archives

Mentres Charlie residía en Memphis, Julia Ann comezou una relación con Noah Johnson, un pobre traballador local dunha madeireira co que tivo ao noso personaxe, Robert Johnson. Foi o undécimo fillo de Julia Ann.

Durante  os primeiros anos da súa vida, Robert viviu coa súa nai  trasladándose nun constante cambio de amantes e de plantacións. En 1914, con tres anos, trasládanse a vivir a Memphis co seu padrastro. Este nunca o aceptou de boa gana. Non o quería e pegáballe, porque ao parecer, e malia a súa  curtísima idade, xa empezaba a ter problemas de indisciplina. Un par de anos despois, reaparece a súa nai e trasládase a vivir con ela e o seu segundo esposo Willie Willis á cidade de Robinsonville, situada no delta do río Mississippi.

Desde o primeiro momento non amosou ningún interese nin por ser granxeiro nin polos estudos. Ao parecer asistiu a un colexio que abandonou coa desculpa de que tiña un problema na vista. Probablemente non recibiu ningún tipo de educación, pero conserváronse as dúas actas dos seus matrimonios e a letra é clara e lexible. Polo menos sabía asinar.

Dende neno, Robert Johnson interesouse pola música e sobre todo polo blues, a música do demo. No inicio do blues hai bastante lenda. Talvez xurdira no delta do Mississippi  e teña a súa orixe na música que facían os escravos que eran trasladados de África a Norteamérica para traballar nas plantacións. Adoitaban ser cantos colectivos. Había unha frase inicial, cantada por unha persoa, que era contestada polo grupo. Ao mesmo tempo que o blues xurdiu tamén o góspel. Nos dous estilos había unha frase inicial que daba comezo á estrofa, pero mentres no góspel esa frase era respondida de forma coral, ou sexa  por toda a comunidade de fieis e polo tanto converteuse en música relixiosa, no blues a contestación era efectuada por uns compases de guitarra. Desa maneira a guitarra adquiriu un papel protagonista tanto no blues como máis tarde en toda a música contemporánea. Así o instrumento das seis cordas, que substituía á comunidade de fieis, converteuse no instrumento do demo e o blues, en consecuencia, música diabólica.

Ao primeiro instrumento ao que Robert lle botou man de neno foi o arco de Diddley. Este era un instrumento moi básico que consistía nun pau cunha corda tensada entre dous cravos. Os negros normalmente non tiñan diñeiro para máis. Parece ser que se tocaba pasando pola corda algún obxecto de metal ou de cristal e que tiña un son semellante ao <<slide>>. Pouco despois tamén o intentou coa harmónica que se lle daba un pouco mellor. Pero o interese que Robert tiña pola música era inversamente proporcional ao talento e á pericia que tiña cos instrumentos. Intentábao, pero os deuses non estaban da súa parte. Por fin en 1927, aos 16 anos, Robert conseguiu a súa primeira guitarra de cuarta ou quinta man. Durante un tempo puxo todo o seu empeño en intentar facela soar aínda que, polo que se sabe, con escaso éxito.

En 1929 e con 18 anos de idade namórase de Virginia Travis de 16. Casa con ela despois de mentir coas idades e van vivir á granxa dunha media irmá del. Ese ano parece que traballou moito na granxa e tocou pouco a guitarra.  Desgraciadamente o matrimonio foi breve. Ao ano seguinte Virxinia morre no parto xunto co bebé que estaba esperando. A familia dela sempre culpou a Johson da súa morte, por intentar tocar blues, a música do demo.

Pouco tempo despois, Robert comeza unha relación con Vergie Mae Smith, coa que ten un fillo. Máis tarde volve casar con Calleta Craft, muller moito maior ca el. O matrimonio fracasou pola negativa dela a acompañalo nas súas constantes viaxes polas cidades do Delta. Malia o fracaso matrimonial, Robert visitouna habitualmente durante moito tempo, sobre todo cando precisaba refuxio e diñeiro, algo que era bastante frecuente.

Pronto adquiriu sona de mullereiro. Ao longo da súa curta vida, tivo unha longa lista de amantes, moitas delas para poder ter un sitio no que quedar nos lugares nos que tocaba. Esta forma de relacionarse coas mulleres foi unha norma de conduta que seguiu practicamente durante toda a súa existencia.  Así mesmo, tamén tivo un amplo e indeterminado número de fillos, todos eles ilexítimos. Décadas despois, a finais dos anos 90, un xuíz de Mississippi declarou a un deles, un camioneiro, como o seu único herdeiro. En definitiva, Robert Johnson dedicou toda a súa vida a ser músico de blues, bebedor, mullereiro e blasfemo. Só lle importaba a música. O único que desexaba era ser unha grande estrela do blues.

Poucos meses despois de morrer a súa primeira muller, Virginia, o “bluesmen” Son House apareceu pola cidade de Robinsonville. Son House, nacido en 1902, tamén en Mississippi, sentírase atraído polo blues despois de intentar ser predicador, e comezara a tocar a guitarra a mediados dos anos 20. O seu estilo caracterizábase por unha forma de tocar a guitarra e de cantar que lembraba os lamentos das chain gang <<grupos de prisioneiros>>. Hai que ter en conta que House pasou un tempo na penitenciaría do estado de Mississipi por matar un home, supostamente en defensa propia.

A aparición de House por Robinsonville foi fundamental para Johnson. Por todos os medios, pretendeu que House lle ensinase a tocar a guitarra. Non o deixaba en paz. O acoso era constante de tal maneira que a House non lle quedou máis remedio que intentar ensinarlle a tocar. O experimento foi en van posto que Robert non progresou demasiado e non deixaba de ser un vulgar guitarrista. Mesmo algunhas veces cando Son House estaba descansando en metade dunha actuación, Johnson collía a guitarra , comezaba a tocar e o único que conseguía era amolar a xente polo torpe que era. Máis que tocar facía ruído. House adoitaba dicirlle que se fose e que soltase a guitarra non fora romper algunha corda. Sobre esta época, anos máis tarde, House declarou: <<Daquela non era máis que un raparigo (Robert). Sopraba moi ben a harmónica, pero quería ser guitarrista. Cando saiamos de noite para ir actuar a algún baile, el adoitaba escapar da súa casa e aparecía onde nós estabamos. Nin a súa nai nin ao seu padrastro lles gustaba que frecuentase aqueles bailes de sábado pola noite, pois alí había tipos realmente moi violentos>>. Neses tempos, e nas cantinas do delta, ser <<bluesmen>> era un oficio de alto risco. Había música, bebida, mulleres e homes celosos. De feito, unha mestura de todo iso foi o que levou á tumba a Robert.

Tras a morte  da súa muller, o carácter de Robert volveuse taciturno e malhumorado. Cada vez tiña máis inclinación pola bebida. A afección á mesma era algo moi habitual entre os músicos de blues do delta. Por exemplo, un dos grandes do <<rural blues>>, Tommy Johnson autor de Canned Heat Blues «blues do alcohol enlatado», nos seus últimos anos acabado e alcoholizado bebía alcohol metílico industrial, o cal, obviamente era algo sumamente perigoso para a súa saúde.

Habitualmente, Johnson desaparecía varias semanas sen dar explicacións. Probablemente era para poder sobrevivir. Alternaba traballos de todo tipo que abarcaban desde temporeiro a tocar nas plantacións para divertir aos que estaban traballando. Non debía divertilos moito, debido á súa torpeza coa guitarra.

 Físicamente, era un home alto e fraco. Tiña un ollo, o esquerdo, algo  enfermo probablemente por cataratas. Un dos detalles máis curiosos sobre a súa aparencia física, é que  sempre estaba limpo e impecable. Segundo algúns dos seus compañeiros, <<Robert podía viaxar en calquera vagón de carga dun tren durante todo o día ou durante varios días e estar impecablemente limpio>>. En dúas das tres fotografías que se conservan del pode apreciarse isto.

No ano 1931 e en plena depresión económica, comeza a nosa historia. Robert Johnson despois duns anos sen mellorar nada a súa técnica coa guitarra, desaparece de Robinsonville e trasládase á súa cidade natal Hazelhurst. Alí durante uns meses estudou guitarra co enigmático músico de Alabama Ike Zinnerman, que dicía que aprendera a tocar blues indo a medianoite a un cemiterio. Robert e Ike ensaiaron xuntos durante un tempo e sempre no cemiterio sentados sobre unha tumba. Zinnerman acostumaba a dicirlle:  <<Aínda que toques mal, estes non van marchar>>.

Pasado un ano e sen que ninguén de Robinsonville soubese nada da súa vida, unha noite chuviosa cando Son House estaba actuando nunha cantina do delta, abriuse unha porta e entrou Robert coa súa guitarra na man e dixo que ía tocar. Nun primeiro momento, House, negouse. Non quería que lle estragara a noite. Mesmo intentou impedilo pensando que seguiría sendo torpe co instrumento. Tras unha pequena barafunda, Robert conseguiu o que quería e comezou a tocar. De alí a un pouco a xente estaba completamente alucinada. Robert empezou a facer cousas tan incribles co instrumento que literalmente conseguiu que a guitarra chorase. Aquel día, Robert Johnson fixo cousas que nunca ninguén fora quen de realizar ata ese momento. Nun curto espazo de tempo converteuse nun guitarrista xenial. A súa habilidade coa guitarra mellorara dunha maneira tan incrible que a xente empezou a comentar que Robert fixera un pacto co demo: a súa alma a cambio dunha habilidade sobrehumana para tocar a guitarra.

Segundo conta a tradición, o pacto teríase realizado no cruce de camiños das estradas 49 e 61 nas inmediacións de Clarksdale <<Mississippi>>. Nese  cruce Robert  púxose de xeonllos e entregoulle a súa guitarra ao demo. O demo afinoulla e antes de devolverlla díxolle: <<en canto recibas a guitarra a túa alma será miña. Quérela? >>. Esa foi a maneira na que  Robert Johnson vendeu a súa alma ao demo. Este acontecemento inmortalizouno Johnson no seu <<Crossroads Blues>>.

Cruce onde supostamente Robert Johnson vendeu a súa alma ao demo

Crossroad Blues

A transformación de Robert foi absolutamente brutal. Deixou en cueiros a todos os <<bluesmen>> do delta do Mississippi. Incluso  a súa  voz, que era aguda, tamén cambiou realizando falsetes asombrosos. A súa forma de tocar a guitarra pasou a ser moi instintiva e axiña creou escola. Igualmente converteuse nun gran mestre da guitarra slide, utilizando o bottleneck (colo de botella). Unha das súas grandes xenialidades foi poñerlle unha corda de máis á guitarra. Así que a súa guitarra de seis cordas pasou a ter sete. Esta sétima corda utilizábaa para facer o baixo e, como tiña uns dedos longuísimos, probablemente a tocaba co dedo polgar. Eses dedos tan longos, permitíanlle facer cousas que outros non podían. Keith Richards, guitarrista dos Rolling Stones, pensando que eran dúas guitarras, chegou a dicir ao escoitar unha gravación súa: <<quen é o outro  guitarra que toca con el?>>.

Outra das cousas incribles que podía facer coa guitarra era o son do piano. Ninguén fora quen de facelo antes. Robert Johnson estaba anticipando a gran transformación do blues, que ocorreu despois da Segunda Guerra Mundial, cando os seus paisanos do Delta do  Mississippi, trasladáronse a Chicago a traballar nas fábricas. Electrificaron as guitarras e incorporaron acompañamento de piano, baixo e batería. O tamén cantante e guitarrista de blues Johnny Shines que coñeceu e tocou con Johnson contou anos despois nunha entrevista: <<A súa guitarra parecía falar, repetir e dicir palabras como ninguén no mundo. Unha vez en St. Louis estabamos tocando unha das cancións que a Robert lle gustaba tocar con alguén máis de vez en cando. Estaba tocando moi lenta e apaixonadamente e, cando rematamos, notei que ninguén dicía nada. Aí decateime de que estaban chorando homes e mulleres>>. Todo iso Robert Johnson facíao cunha escangallada Gibson que o acompañou ata a súa morte. Son House deixouno ben claro: <<Robert vendeu a súa alma ao demo para conseguir tocar desa maneira>>.

Nas letras das súas cancións hai unha serie de argumentos que se repiten constantemente. O amor efémero, o sexo, vagabundear, a relixión e os medos absurdos.  As súas letras conmoven a quen as escoita pola súa gran capacidade poética. O seu estilo vocal era inconfundible, destacando os seus incribles falsetes. Tamén están cheas as súas cancións de referencias ao <<hoodoo>>. O Hoodoo era/é unha maxia utilizada pola poboación afroamericana. Mestura de culturas e tradicións traídas polos escravos de África, co cristianismo.

A práctica desta maxia implicaba a creación de obxectos talismán como o <<mojo>>, pequeno saco que contén herbas e diversos obxectos que se consideraban amuletos de boa sorte. A Robert o<<hoodoo>> dáballe forza porque <<os fantasmas e os espíritos saían e ensinábanlle a tocar o blues>>.

Na foto Robert Johnson (esquerda) co músico Johnny Shines / Foto: Robert Johnson Estate/Getty Images.

A partir da súa transformación, Johnson convértese nun músico profesional. Isto faino nunha época na que segundo B.B.King <<ser negro e tocar blues era ser negro dúas veces>>. Adquire rapidamente prestixio  na zona do delta e viaxa moito por todo Estados Unidos: St Louis, Chicago, Michigan, Nueva York, etc.  Comeza a arrastrar a fama de que posúe algo de sobrenatural. Normalmente ao chegar a unha cidade poñíase a tocar na beirarrúa nun recanto ou na porta dunha barbería e esperaba que lle chegase unha oferta de traballo, cousa que era doada porque axiña se corría a voz de que andaba por alí. O traballo adoitaba ser nalgunha festa ou nunha cantina. Era nestas cantinas, moitas delas situadas en cruces de camiños, onde a poboación negra ía bailar as fins de semana, os lugares nos que os músicos podían sacar algo de cartos.

Converteuse nunha persoa estraña e moi especial. Como tivese a máis mínima sospeita de que algúen estaba mirando como tocaba, deixaba de tocar ou púñase  de costas para que ninguén vise  os seus ollos de poseso e sobre todo como os seus dedos esvaraban polo mastro do instrumento. Coa guitarra chegou a ter un nivel de xenialidade que quizais só uns poucos privilexiados poden chegar a conseguir. Como xa se dixo, cando tocaba moitos pensaban que estaban escoitando a dúas ou tres persoas, pero só era el. Evidentemente tiña maxia, diabólica?

Robert Johnson anos 30 / Foto: Granger Collection, Nueva York.

Habitualmente, Robert quedaba na cidade ata que non había traballo e despois botábase de novo á estrada a calquera outro lugar onde non estivera nunca. Sempre estaba disposto a emprender a viaxe. Sen vir a conto, desaparecía unhas veces por confusos asuntos con mulleres alleas e outras veces desaparecía sen máis. A xente cristiá soía dicirlle que iría ao inferno pola vida que levaba e por tocar esa música do demo. De feito, a Robert Johnson gustáballe que o identificasen co demo.

Robert Johnson só gravou 29 cancións na súa vida. Foi nos anos 1936 e 1937. O  cazatalentos Don Law, andaba buscando músicos de <<blues rural>> para gravar nos vellos discos de 78 revolucións. Neses anos, o estilo <<blues rural>>, estaba perdendo a carreira con respecto ao <<blues eléctrico>>, pero aínda  había xente que quería gravacións deses músicos para que quedasen inmortalizados. En definitiva, Law andaba polo delta e cando conseguiu ver tocar a  Jonhson percatouse inmediatamente de que era un auténtico xenio. Automaticamente, levouno a un hotel, o Guntar de San Antonio, Texas, para facer unhas gravacións.

Nun cuarto dese hotel, Robert Johnson realizou tres sesións os días  23, 26 e 27 de novembro de 1936. Neses tres días, gravou 16 cancións. Curiosamente, a noite anterior ao primeiro día de gravación, Don Law, tivo que ir buscalo á comisaría porque mentres estaba ceando coa súa esposa e uns amigos, Robert Johnson fora detido por vago e maleante e recibira unha malleira (era negro e en Texas) e case lle esnaquizaran a guitarra.

Meses despois, o 19 e 20 de xuño de 1937, na trastenda dun almacén en Dallas, realizáronse outras dúas sesións. Neste caso foron trece temas. En total nesas cinco sesións, Johnson deixou inmortalizadas, como xa se dixo, só 29 cancións. Con estas gravacións, publicouse un disco que funcionou durante unha tempada. Cos cartos que sacou co disco viviu un tempo alegremente, como era habitual nel. Cando se lle acabaron, volveu á sua vida habitual vagando de cidade en cidade e de muller en muller.

Pero non podemos esquecer que Robert Johnson tiña unha débeda.  Debíalle a súa  alma ao demo e este, ata onde eu sei, nunca perdoa unha débeda a ninguén. O <<cobro>> produciuse nunha pequena cantina  chamada <<Three Forks>>, situada ás aforas de Greewood, Mississippi, o 13 de agosto de 1938. Tras coquetear, entre tema e tema, coa muller do dono da cantina, pasáronlle unha botella de  whisky envelenada, parece ser con estricnina. A maioría dos músicos naquela época xamais bebían dunha botella aberta sen precinto. Aquel día Robert, rompeu a norma e bebeu, malia a advertencia de que non o fixera que lle fixeron os que estaban con él.  Axiña se atopou mal e, a pesar das fortes dores, seguiu tocando a petición da xente que estaba no local e que mesmo lle deron máis de beber.

Despois de tres días sufrindo unha dores espantosas, o 16 de agosto de 1938 Robert Johnson morreu nun cuarto de hotel sen asistencia médica. Non tiña diñeiro nin sequera para pagar un doutor. A súa maneira de morrer, evidentemente foi o prezo que tivo que pagar por vender a súa alma ao demo para ser o mellor guitarrista de blues do delta do Mississipi. Tiña 27 anos, a idade en que os deuses ou os demos levan consigo os elixidos. O lugar do seu enterro aínda está cheo de misterio. Existen tres posibles tumbas onde se poderían atopar os seus restos.

A importancia como músico de Robert Jonhson comezou a notarse anos máis tarde. Primeiro no blues urbano e máis tarde no rock and roll. Nunca saberemos ata onde tería chegado se tivese sobrevivido algunhas décadas máis e puidese ter asistido á resurrección do blues nos anos sesenta-setenta. A súa influencia foi inmensa en todos os músicos de blues (a lista sería interminable). Ademais de ser o máis grande músico do blues rural, a súa maneira de tocar tamén influíu no blues electrónico e máis tarde, cando este estilo cruzou o  Atlántico, no blues británico.

Grandes artistas do rock admirárono e recoñeceron a súa influencia. Os Rolling Stones, sobre todo Keith Richard, gravaron un tema seu <<Love in Vain>>.

Led Zeppelin, que o homenaxearon nunha das súas cancións <<Lemon song>>. O supergrupo Cream; os guitarristas Peter Green ou Ry Cooder; o harmonicista Paul Butterfield; ou o instrumentista John Mayall. Todos eles e moitos máis recoñeceron ser debedores da súa música. Pero un dos seus maiores admiradores foi Eric Clapton que ademais de tocar durante toda a súa carreira o  tema Crossroads, chegou a gravar un álbum <<Me and Mr. Jonhson>>, onde fai versións duns cantos dos temas de Robert Johnson

Robert Jonhson, o home que vendeu a súa alma ao demo, é unha lenda e un mito do blues e da música en xeral. Valeulle a pena pactar co demo? Quen o sabe? O que si é certo é que nalgúns casos e nalgún momento da vida algunhas persoas chegan a un <<cruce>>  e é aí cando teñen que decidir ao que deben renunciar para ser os máis grandes, acadar a gloria e converterse en lendas.

                                                                                      Pascasio Radberto

Discografía

King of the Delta Blues Singers (1961)

King of the Delta Blues Singers, Vol.II (1970)

The Complete Recordings (1990

Bibliografía, Webgrafía y referencias:

https://es.wikipedia.org/wiki/Robert_Johnson

https://www.lanide.com/robert-johnson-realidad-y-leyenda/

https://lamusicaesmiamante.blogspot.com/2015/04/el-alma-negra-de-chicago.html

https://es.wikipedia.org/wiki/Pacto_con_el_diablo

https://countrybluesenargentina.blogspot.com/2010/10/biografia-de-robert-johnson.html

https://www.academia.edu/13393370/_Sat%C3%A1n_negro_y_Lucifer_blanco_el_diablo_en_el_blues_en_Herej%C3%ADa_y_belleza_3_2015_pp_129_140_ISSN_2255_193X

Blues, la música de Delta del Mississippi. Ted Gioia. Ed. Turner Noema. 2010.

https://revistadecoahuila.com/2019/05/27/el-blues-del-hombre-en-constante-movimiento/

Devil at the Crossroads | Official Trailer Netflix 

Youtube: vídeos

 

Pascasio Radberto

Pascasio Radberto

Músico

Polo de agora Pascasio prefire manterse oculto

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥