Seleccionar página

Entrevista con:

Santiago González Lopo

Continuamos esta sección de ENTREVISTAS A ESCRITORES, que inaugurabamos con Riveiro Coello seguida de Fina Casalderrey coa realizada nesta ocasión a Santiago González Lopo, que , ao igual que xa fixera Antón e Fina, aceptou a nosa proposta de bo grado. Moitas gracias Santi.

Notas biográficas:

Santiago González Lopo, coñecido como Santi Lopo

Nado en Vigo o 2 de marzo de 1974, é escritor, profesor e tradutor galego. Actualmente é profesor de francés na Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra. Iniciouse profesionalmente traducindo guións cinematográficos en inglés para televisión. Dende o 2000 colabora coa revista Unión Libre, onde publicou diversos artigos e traducións.

Obra en galego:

Novela:

Game over, 2007, Biblos Clube de Lectores, Peaxes , 2009, Xerais, Hora zulú, 2012, Galaxia, A diagonal dos Tolos, 2014, Editorial Galaxia,A arte de trobar, 2017, Xerais

Relato curto:

Sorrí Nené, sorrí! , 2014 en Grial, nº202, A voz das nereidas, 2016, Editorial Elvira, Simeón de la Manche, 2018, en Contra o vento. 30 anos do Premio Manuel García Barros, Editorial Galaxia.

Traducións:

O meu criado e mais eu. Citomegalovirus, de Hervé Guibert con Xavier Queipo,1998, Xerais

Obra traducida ao español

Hora zulú, 2015 Mar Maior

Premios:

VI Premio de novela por entregas de la Voz de Galicia no 2006 ,por Game over

XXIV Premio García Barros no 2012, por Hora Zulú

VIII Premio Narrativa Breve Repsol no 2014, por A Diagonal dos Tolos

Premio Xerais 2017, por A arte de trobar

Santiago González Lopo, máis coñecido como Santi Lopo, Santi para os amigos e compañeiros que fomos na EOI. Bo día. Un pracer atoparte aínda que virtualmente fóra do lugar de traballo, traballo ás veces tan absorbente que non nos deixaba tempo para falar sinxelamente como amigos ou simples compañeiros.

Naciches en Vigo no 74. Es un neno da urbe. Vigo nos 70 era unha cidade en plena expansión e medre. É importante o lugar onde un nace? En que, a cidade de Vigo, te marcou na infancia ou adolescencia?

Ola! En primeiro lugar, quería mandarvos un agarimoso saúdo. Estou encantado de ver que seguides tan activas coma sempre malia a pandemia. Para responder á vosa pregunta, vou utilizar as palabras dunha amiga que vivía en Vigo, pero que era de Lugo. Sempre dicía: “Vigo ten un ritmo frenético. Cando sobes a un VITRASA nunca sabes o que vai pasar”. En certa maneira, ese é o encanto dunha cidade ideal para inventar historias. Vigo é unha urbe moi estimulante para a imaxinación, pois nas súas rúas a miúdo a realidade supera a ficción.

Es tamén neno da democracia; naces xa moi ao final da ditadura. Hai algunha lembranza en particular desa época que te impactara ou que tivese consecuencias sobre a persoa que es e o futuro escritor?

O meu pai traballou na Citroën –empezou de torneiro– practicamente toda a súa vida, así que vivimos moi de preto as folgas dos anos 70 e a transición. Aínda que eu era moi pequeno, lembro a axitación na casa, as manifestacións na rúa, o nerviosismo da miña nai. Un día unha bomba estourou en pleno centro, na chamada Casa Sindical. Nós viviamos a 50 metros e non colleu a miña irmá e miña nai por un minuto… A miña infancia foi un cursiño intensivo e precoz de conciencia social.

Algún profesor ou mestre influíuche na túa vida?

Jesús Carrera, profesor meu na Alianza Francesa de Vigo. Estivo no 68 en París, contaba moitas anécdotas e era moi bo docente. Sen dúbida, abriume os ollos e ensinoume a capacidade que tiñan as linguas estranxeiras de cambiar o rumbo dunha vida. Aproveito para dicir que nos anos 60, Palmyre Ros, unha profesora bretona da Alianza Francesa de Vigo, foi encarcerada pola policía franquista e perseguida por actividades ilegais. É unha historia case de película que a miña irmá María Lopo investigou recentemente. Aquí deixo unha ligazón para as persoas que queiran saber máis do tema.

Os idiomas ocupan un lugar importante na túa vida: galego, español, francés, inglés… hai algún máis?

Estudei tamén italiano e portugués. E, aínda que non o falo, téñolle un agarimo moi especial ao bretón.

(Decátome de que mencionei eses idiomas nunha orde concreta… hehehe, se cadra cambiarías esa orde por outra?)

A orde dos factores non altera o produto que, neste caso, é a comunicación. Así que benvidas sexan todas as linguas!

Es profesor de francés na EOI. Cando soubeches que te ías dedicar aos idiomas?

Veño dunha familia humilde e na casa non había diñeiro para que eu estudase fóra de Vigo. Xusto no ano que ía comezar na universidade abriuse a facultade de Tradución e Interpretación. Era unha nova carreira, con moitas expectativas. De feito, no derradeiro ano eu xa traballaba como tradutor de películas e series para un estudo de dobraxe que había en Bouzas. Estaba claro que as linguas ían ser o meu futuro.

…E falando de idiomas, o galego é a túa lingua literaria. É o galego a túa lingua materna? Que se falaba na túa casa?

Tanto o galego como o español falábanse indistintamente na miña familia, así que eu fun crecendo acompañado das dúas linguas e sendo moi consciente da diglosia que existe en Galicia. A miña familia por parte materna é labrega da zona de Ponte Caldelas. A miña familia paterna é mariñeira, de Guixar.

Tamén foi lingua de aprendizaxe escolar; quero dicir, a túa xeración xa recibiu ensino en galego. Que lembranzas tes daqueles anos?

Da EXB lembro o meu primeiro dicionario Xerais de galego de cor azul (o Diccionario básico da lingua galega). E logo, xa en BUP, recibía as clases de Física e Química e Matemáticas en galego (entre outras materias), algo que hoxe en día está prohibido e que nos debería facer reflexionar sobre o moito que recuamos na presenza do galego nas aulas. A miúdo fago visitas a centros educativos de toda Galicia para falar dos meus libros e observo con preocupación a perda da fala entre os adolescentes, mesmo en lugares que antes eran galegofalantes, como as vilas.

Influíu na túa elección de carreira estudiantil e profesional?

Tradución e Interpretación incorporaba o galego á lista de idiomas que se estudaban, polo tanto continuei afondando na lingua ao tempo que aprendía outras.

Hai algún idioma no que esteas máis a gusto ou a escolla é segundo a situación?

A miña vida levoume a coñecer xente de moitos países diferentes e ás veces nas xuntanzas hai que escoller unha lingua franca. Pero adoita ser algo que facemos inconscientemente.

Nos distintos libros que escribiches -en galego todos- unha interferencia en castelán é significativa de algo. Transmites algo tamén a través desa utilización dos idiomas? (Persoalmente estou pensando en Peaxes)

Si, a lingua que usa unha personaxe é outra maneira de describila, e en Peaxes marca, puntualmente, a diglosia á que me referín antes. No discurso que pronunciei ao gañar o premio Xerais expliquei que A arte de trobar era unha novela escrita en galego que comezaba cunha frase en latín e remataba con outra en occitano. A novela é un crisol lingüístico e iso non foi contraproducente para o relato que conta: catro anos despois a novela segue a gustar e continúa sendo unha das máis vendidas en galego. Dende sempre as linguas acompañan a nosa existencia e é un desgraza permitirmos que desaparezan.

Tes un “gueuloir” como tiña Gustave Flaubert, que berraba literalmente a súas frases no seu estudio para poñer a proba o equilibrio de cada frase?

Por sorte para os meus veciños, non!

Existe a inspiración? Hai un momento especial ou máxico da creación? Ou se pode escribir de maneira algo rutinaria aillándose do balbordo que nos rodea? (Nisto é posible que os confinamentos que coñecemos hoxe en día favorezan esa creación)

Existe o momento onde xorde unha idea. Hai que anotala no intre no que aparece; isto apréndelo coa experiencia. Despois, todo consiste en traballo e horas pasadas diante do ordenador. Ao escribir, a concentración é máxima e as ideas proveñen directamente da imaxinación. No confinamento non fun capaz de escribir moito, a concentración esixe un estado mental de paz, e a pandemia non é o momento máis apropiado.

Todos os teus libros son bastante distintos, tanto na temática como na técnica narrativa, pero sempre consegues manter algo de suspense, como van xurdindo os temas?

Viaxes, lecturas que fago, películas que vexo, vivencias, historias que me contan… É unha mestura de varios factores.

E é o tema o que vai orientando cara unha ou outra estrutura narrativa?

Non necesariamente. Ás veces teño pensado o esquema da novela dende un principio, outras déixome levar pola intuición.

Sabes desde o principio o que vai pasar ou te deixas levar polos personaxes?

Din que hai escritores de compás (os que improvisan) e de mapa (os que teñen un esquema). Algunhas novelas empeceinas porque xa sabía o final. Outras, cando aínda ía pola metade, non sabía como acabarían. Non teño un método definido e penso que é máis divertido así (talvez tamén máis arriscado, algunha vez tiven que desfacer moito do escrito)

Pensas no lector cando escribes e cres que determina a túa maneira de escribir?

Non. En xeral, só penso na historia. Quizais n’A Arte de trobar os lectores e lectoras si que estaban na miña mente para que a linguaxe fose accesible sen perder o toque medieval. Pero era unha cuestión técnica máis que temática.

Existe a autocensura? Hai algún tema que non te atreverías a tocar? Por exemplo?

Por sorte non vivo da literatura, así que teño absoluta liberdade para tratar o que queira; e se non ten éxito ou non se publica xa haberá outras ocasións no futuro. Por outra banda, as editoriais nunca me censuraron nada.

Tes algo en mente neste momento (porque imaxino que segues co bichiño)?

Hai un par de proxectos pendentes –unha novela e un conto para un libro de relatos–, pero debido á pandemia atrasáronse. Eu espero que a finais da primavera xa vos poida dar algunha noticia. Comprométome a avisarvos, seredes dos primeiros en sabelo 😉

Algunha vez tiveches medo a ficar en branco?

Como xa expliquei, ao non vivir da literatura podo permitirme o luxo de escribir sen presións de ningún tipo. Quedar en branco é coma o insomnio ou tantas outras cousas na vida, só acontece se te obsesionas pensando en que vai ocorrer.

Estás satisfeito coa túa obra unha vez que a acabas?

Non, son moi perfeccionista cos meus libros. Estaría corrixíndoos eternamente, pero nalgún momento hai que parar!

Que significado teñen os premios para ti?

Os galardóns valen para lles dar publicidade ás obras nos medios de comunicación, un espazo que, coma na maioría das librerías, é ínfimo para a literatura galega. Tamén me axudaron moito para darme a coñecer cando empezaba a escribir.

Que autores e obras cres que che influíron?

Son tantos! En galego, Rosalía, Cunqueiro, Rivas e Suso de Toro. En español, Cervantes –co Quixote– e Eduardo Galeano. Nas outras linguas, cando era novo lía moito a Tolkien e a Verne. E, por suposto, gústanme os clásicos franceses como Proust. En canto a autores francófonos máis contemporáneos, citaría a Marguerite Duras e Albert Camus, que a pesar de morrer no ano 60 segue a ser un dos máis lidos en todo o mundo. Por non falar d’A Peste, que debido ao coronavirus volve ser un auténtico best-seller, e de calidade!

Grazas, Santi, por atendernos e darnos un pouco do teu tempo. Esperamos ter novas túas pronto… Seguro que xa estás escribindo algo.

Graciñas por invitarme a participar no voso blog. Vémonos en Ponte!

                                                                                                                      Ghislaine Gourlaouen

máis artigos

Do 19 ao 25 de abril 2021

Do 12 ao 18 de abril 2021

Do 5 ao 11 de abril 2021

Do 29 de marzo ao 4 de abril 2021

Do 22 ao 28 de marzo 2021

Do 15 ao 21 de marzo 2021

Elena Ramos Rascado por Ana Santos

Antonio Lois Pérez

Xosé Manuel Gulías Márquez

Carmen Varela Villamarín

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Español