Seleccionar página

Xosé Monteagudo Folgar naceu en Santa Xusta, Moraña en 1965. Licenciado en dereito pola USC traballa como técnico de facenda na Axencia Tributaria de Pontevedra. Exerce a crítica literaria e imparte obradoiros literarios sobre narrativa.

Ten colectado un mollo de premios coma o Pedrón de Ouro en varias ocasións. O Blanco Amor de novela no 2002 por As voces da noticia (Galaxia). En 2006 publica Esta historia (Galaxia)novela ambientada na Compostela universitaria dos 70. En 2009 gaña o García Barros por Un tipo listo (Galaxia)

En 2012 publica O curioso mundo das persoas normais, novela inspirada nun feito ocorrido no Hospital de Pontevedra onde un rapaz permanece recluído toda a vida por mor dunha doenza de nacemento.

Por Todo canto fomos (Editorial Galaxia 2016) recibe o premio San Clemente e o premio Gala do libro galego, ambos os dous en 2017. Con todo, moitas voces autorizadas suxiren, pola gran calidade desta novela, que sería merecente do máis alto galardón da literatura galega, se existise tal.

A historia parte dun documento que o narrador, escritor de éxito en Inglaterra e nado en Pontevedra,  ten que ler despois da morte da súa nai. Esa foi a condición que lle deixou Maribel, propietaria da librería O Silabario, nos derradeiros meses de vida.

Amaro, un mozo da aldea que emigra a finais do século XIX e fai fortuna en Bos Aires é o eixe  do que parten os distintos personaxes:

A súa filla Carlota, mestra nos inicios da República e loitadora pola alfabetización de mulleres do rural. Anxo Daponte, profesor de secundaria e membro activo dos círculos culturais da cidade. Fernando, universitario  comprometido e activista na clandestinidade de Compostela e a propia Maribel. Todos eles entrelazados e afectados polos acontecementos que se producen ao longo das distintas etapas do século XX. 

En Todo canto fomos os protagonistas transitan ao longo de algo máis dun século apegados aos grandes sucesos que mudaron as súas vidas e as de moitos galegos e galegas. Neste caso centrándose en Pontevedra e bisbarra.

Monteagudo relata con minucioso detalle e laboriosa documentación os distintos episodios valéndose duns escenarios que coñece moi ben, a maioría na cidade de Pontevedra, cos seus faladoiros nos cafés coma o Moderno ou o Méndez Núñez, onde  coinciden figuras tan significativas coma Antón Losada, Bóveda e Castelao.

A novela tamén se fai eco dunha grande explosión cultural  e política coma a creación dun teatro, o Novo Mundo que comparte espazo cun salón de baile, cines e sobre todo a proliferación de distintos xornais coma A Nosa Terra, Diario de Pontevedra ou La Hora.  Imprimíndolles aos personaxes unha grande ilusión por emprender, por poñer a andar novos proxectos  e así Anxo Daponte participa na creación do Seminario de Estudos Galegos ou na formación do partido galeguista. Carlota encarna a muller de carácter, rompedora e feminista, e Amaro achega o diñeiro da emigración para distintas empresas culturais da cidade.

Pero se cadra o máis loable do traballo do autor radica na incrible arquitectura da trama movéndose en distintos tempos narrativos e propoñendo ao lector un xogo que o invita a facerse preguntas para mantelo atento ao longo das máis de cincocentas páxinas ata redondear e facer cadrar todo no final.

Fernando Fernández González

Fernando Fernández González

Naceu en Salceda de Caselas o 14 de setembro de 1957.

Formación a nivel de bacharelato no ies Pino Manso do Porriño e COU no Sta Irene de Vigo.

En 1975 comeza a andaina laboral con 18 anos como dependiente na desaparecida  librería Rafael Rodriguez no casco vello de Vigo.

En 1980 despois de cumprir co servizo militar inicia distintos traballos de representante comercial en empresas de papelería polo noroeste peninsular.

En marzo do 1998 pasa a formar parte do plantel de Editorial Galaxia como promotor de vendas ata a súa xubilación en 2020.

máis artigos

Do 19 ao 25 de abril 2021

Do 12 ao 18 de abril 2021

Do 5 ao 11 de abril 2021

Do 29 de marzo ao 4 de abril 2021

Do 22 ao 28 de marzo 2021

Do 15 ao 21 de marzo 2021

Elena Ramos Rascado por Ana Santos

Antonio Lois Pérez

Xosé Manuel Gulías Márquez

Carmen Varela Villamarín

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Español