Carvalho Calero por Anxo González Guerra
2020 foi o ano de Carvalho Calero, de don Ricardo, como lle chamabamos os alumnos e alumnas. Que tiven a sorte de ser alumno seu dous cursos na Facultade de Filoloxía compostelá, mellor dito, discípulo seu, no sentido de persoa que aprende dun mestre. E con esa perspectiva vou analizar brevemente a súa vida e obra.
Nado en Ferrol en 1910 e finado en Santiago en 1990, desde o 2001 empezou a soar o seu nome para que se lle dedicase o Día das Letras Galegas. Mais ano tras ano, sempre aparecía outro ou outra que resultaba gañador do premio e Carvalho seguía sendo proposto no seguinte. E non foi ata o 2020, case vinte anos despois, que se lle dedicou o 17 de maio e o resto do ano á súa figura e obra.
Con tanta mala sorte que ese foi o primeiro ano da pandemia do coronavirus, o ensino quedou pechado nos primeiros días de marzo, o alumnado non acabou de rematar os traballos en marcha sobre el e non puideron celebrarse todos os actos previstos no seu honor. Mais si se publicaron libros e estudos sobre Carvalho Calero e a repercusión nas redes de Internet foi moi ampla, menos dá un toxo.
Ora ben, eses vinte anos que tardou en ser figura central das Letras Galegas foron debidos á súa opción ortográfica achegada ao portugués que mesmo o levou a cambiar o Carballo polo Carvalho?, como algúns proclamaron. Ou foron debidos a que a súa contribución á literatura galega, agás a Historia da literatura galega contemporánea, tampouco é tan importante?, sinalaron outros. Imos analizar as diferentes facetas de Carvalho Calero para poder decidir por unha ou outra opción.
O poeta
Comezamos pola poesía porque malia non ser o xénero que máis lle coñece o público el sentíase poeta e publicou poemas ao longo de toda a súa vida. Comezou no 1931 con Vieiros, seguiron O silenzo axionllado (1934), Anxo de terra (1950), Poemas pendurados dun cabelo (1952), Salterio de Fingoi (1961), Pretérito imperfeito (1927-1961) (1980), Futuro condicional (1961-1980) (1982), Cantigas de amigo e outros poemas (1986), Reticências (1986-1989) (1990) e algúns poemas máis publicados postumamente.
Segundo Pilar Pallarés “a súa poesía conecta intimamente coa europea e é testemuño, temática e esteticamente, dun século XX do que Carvalho se recoñece fillo”. Hai na súa obra modernismo, neotrobadorismo, hilozoísmo, creacionismo, ultraísmo.
Foi pois unha longa, variada e traballada obra poética. Só por ela ben se lle podían dedicar as Letras Galegas, homenaxeados houbo con menos méritos poéticos.
O dramaturgo
Carvalho Calero é tamén un destacado escritor de teatro, sobre todo nos anos escuros da posguerra. Mentres estivo dirixindo o colexio lugués de Fingoi promovía representacións escolares e publicaba textos.
A súa obra máis coñecida e moitas veces representada é A farsa das zocas, escrita en 1948 e publicada en 1963. Segundo Henrique Rabuñal “é a súa peza máis popular. Ambientada na vida rural galega da posguerra, está baseada nun relato popular recollido en San Sadurniño. Caricaturesca, humorística, próxima ás grandes farsas do noso teatro, aborda o tema do interese económico”.
O fillo, Isabel, A sombra de Orfeo, A arbre, O redondel, O auto do prisioneiro, Os xefes son outras pequenas pezas dramáticas escritas con anterioridade e publicadas todas no Teatro Completo (1982). Para Henrique Montagudo estas obras “sitúanse entre a tradición galega, estilizando a temática popular, e a conexión co teatro europeo coetáneo (teatro do absurdo), entre o clasicismo e a experimentación, con técnicas do teatro chinés, fórmulas expresionistas e aproximacións á linguaxe cinematográfica.”
Nesta faceta teatral tamén destaca a obra do noso autor. Sería ela soa suficiente para lle dedicar as Letras Galegas? Por que non?
O narrador
A súa contribución á narrativa comezou en 1951 con A xente da Barreira, que ten o mérito de ser a primeira novela en galego na posguerra. É unha novela histórica, realista, que narra a vida de tres xeracións da Casa de Barreira, unha novela de fidalguía.
Logo viñeron os relatos Os tumbos, As pitas baixo a chuvia, A cegoña, Os amores serodios, recollidos na Narrativa completa (1984).
E xa en 1987 publicouse Scórpio, a súa grande novela, que foi reeditada varias veces. Para Henrique Dacosta é unha narración centrada no imaxinario autobiográfico do autor e segundo Ramón Nicolás unha novela poliédrica e polifónica. A acción desenvólvese de forma lineal no período que vai de 1910 ao 18 de marzo de 1938, a vida de Scórpio en Ferrol, Santiago, Salamanca, Madrid, Valencia, Andalucía e Barcelona.
Esta novela moderna, ampla e complexa xa capacita por si soa ao autor para ser merecente dunhas Letras Galegas.
O ensaísta
Quizais sexa esta a faceta máis coñecida de Carvalho Calero polas moitas e importantes publicacións. A máis senlleira é sen dúbida a Historia da literatura galega contemporánea (1963 e ampliada en 1975). Comeza nos tempos da invasión francesa e remata cos autores do Seminario de Estudos Galegos. É a primeira grande sistematización de correntes, épocas, grupos, autores e obras deste período da nosa literatura. Foi un traballo inxente realizado en solitario e do que beberon os estudos posteriores. Ademais desde entón xa quedou moi claro que a literatura galega era a escrita en galego, non toda a escrita en Galicia ou por galegos.
Mais tamén foi autor de ensaios sobre a literatura galega: Sete poetas galegos (1955), Versos iñorados e ou esquecidos de Eduardo Pondal (1961), Sobre lingua e literatura galega (1971), entre outros. É, sen dúbida, un dos grandes especialistas na obra de Rosalía de Castro: Rosalía de Castro (1976), Estudos rosalianos: aspectos da vida e da obra de Rosalía de Castro (1979)…
Destacou no estudo da lingua galega. A súa Gramática elemental del gallego común (1966) é a primeira que sistematiza o estudo do galego. Está escrita en castelán porque os seus destinatarios son os estudantes universitarios alfabetizados en castelán. Da fala e da escrita (1983) e Do Galego e da Galiza (1990) son ensaios sobre a lingua nos que, entre outros temas, razoa a necesidade do achegamento entre o galego e o portugués por coherencia histórica e como chave para a supervivencia da nosa lingua.
Queda claro que tan importantes achegas no campo do ensaio o fan de sobra merecente dun ano das Letras Galegas.
O editor de autores
Tanto nas súas publicacións como en traballos promovidos desde a Universidade de Santiago Carvalho Calero achegou e explicou a obra de moitos autores: Eduardo Pondal, Rosalía de Castro, López Ferreiro, Marcial Valladares, López Abente, Lamas Carvajal, o teatro da Xeración Nós, Villar Ponte, Ramón Cabanillas…
Nada máis rematar Filoloxía Galego-Portuguesa achegueime ao seu despacho pedíndolle que me dirixise a tese de licenciatura e me suxerise un tema. A súa proposta foi que estudase a lingua usada por Manuel Antonio, así que a el lle debo o meu idilio con este autor e logo acolleu a edición que do rianxeiro fixemos Xosé Ramón Pena e mais eu nos Clásicos do estudante galego que dirixía. El sempre animando e axudando.
O profesor
Despois da Guerra do 36 e do cárcere, Carvalho Calero foi desde 1950 conselleiro delegado e profesor no Colexio Fingoi de Lugo, un colexio moderno e innovador no que puido desenvolver a súa tarefa docente e impulsar as representacións teatrais.
Alí foron acollidos profesores novos que despois serían persoeiros da literatura como Bernardino Graña e XL Méndez Ferrín. En 1965 xa puido recuperar o seu posto de profesor de instituto no Rosalía de Castro compostelán naquelas aulas con 64 nenas de dez anos, nas que poucas veces perdía a paciencia, como conta Vitoria Ogando que tivo a sorte de ser alumna súa alí e despois da Facultade de Filoloxía. Pronto empezou a compaxinar coas clases na Universidade e desde 1972 xa foi o primeiro Catedrático de Lingüística e Literatura Galega. En 1976 comezou a subsección de Galego-Portugués na que el foi, para moitos de nós, o principal referente ata a súa xubilación en 1980.
O persoeiro galeguista
Participou activamente no movemento estudantil en Santiago, integrouse e traballou nas tarefas do Seminario de Estudos Galegos, colaborou no primeiro nivel da redacción do Estatuto de Galicia do 36, estivo na creación do Partido Galeguista, foi compromisario pola Coruña para elixir o Presidente da República, como tenente do exército republicano participou na defensa de Madrid, foi preso polos franquistas e recluído na cadea de Xaén.
De volta a Galicia, en 1958 ingresou na RAG, na que traballou arreo sendo o principal redactor das normas ortográficas da Academia. No 1979 o conselleiro Fernández Barreiro nomeouno presidente da comisión encargada de redactar as normas ortográficas do galego, que unha vez aprobadas foron axiña substituídas por outras do ILG sendo conselleiro Filgueira Valverde. Nese mesmo ano foi presidente da comisión organizadora da magna exposición O libro galego onte e hoxe.
Xa desde moi novo colaborou en multitude de publicacións: A Nosa Terra, Nós, Guión, Galiza, Resol, Universitarios, Papel de Color, Grial… Deixou tamén unha morea de artigos nos xornais galegos.
Foi membro de honra da AGAL e da AELG, e membro da Academia das Ciencias de Lisboa. En 1968 foi Pedrón de Ouro. Tamén Medalla Castelao o ano da súa creación, 1984, con Filgueira Valverde, Ánxel Fole, Antón Fraguas, Emilio González López, Xaquín Lorenzo, Ramón Martínez López, Isidro Parga Pondal e Valentín Paz Andrade, todos prestixiosos persoeiros. Ademais nomeárono Fillo predilecto de Ferrol e Fillo Ilustre de Galicia (póstumo, polo Parlamento galego onde está a súa biblioteca). En Ferrol hai un complexo deportivo e un IES co seu nome, o mesmo que varias rúas galegas.
Remate
Despois da análise dos apartados anteriores, a pesar de que a miña condición de discípulo me fai ver positivamente a súa figura, queda ben claro que Carvalho Calero foi unha das personalidades senlleiras da cultura galega do século XX. Aínda que a cultura oficial e “autonómica” se empeñou desde 1979 en facer de menos a súa figura coa escusa da súa opción ortográfica lusista, aínda que a RAG tardou 20 anos en atopar “o momento” para dedicarlle o Día das Letras Galegas, aínda… a súa inxente obra, o seu traballo, a súa dedicación a Galicia, o seu maxisterio quedarán no noso acervo para sempre.
E remato con tres pingas que tiven a sorte de vivir con el naqueles anos.
Na listaxe de obras de lectura, en 5º de carrreira na facultade, en Literatura galega contemporánea non estaban A esmorga nin Á lus do candil, fomos falar co catedrático don Ricardo e quedaron incluídas no momento, sen ningún problema. No 1979 viaxei con el tres veces en coche de Vigo a Santiago. Non parou de falar e falar de persoas, obras, feitos… sen unha soa mala palabra sobre algúns citados que entón xa lle facían o baleiro. Nunha palestra súa, na quenda de preguntas un dos presentes fixo unha longa crítica da súa escolla ortográfica acusándoo de rematar co galego, a resposta de don Ricardo foi: moitas grazas, e agora podería repetirme cal era a súa pregunta. O aplauso non se fixo agardar.
A homenaxe a Carvalho Calero fíxose agardar, certamente, mais vai perdurar e non só na mente dos que fomos os seus alumnos, seguidores ou discípulos.
Aquel que no horizonte duas vezes
enxergou o cometa, viveu muito.
Nom antecipes o teu próprio luito,
nem ao cabo te laies se esmoreces
(Reticências)
Pontevedra, abril de 2021
Anxo González Guerra
Profesor de Galego
Son Anxo González Guerra. Crieme entre Trasar de Carballo e a Cervela, lugares da montaña luguesa. No Seminario tiven de profesor ao mestre das etimoloxías Nicandro Ares, no Instituto a Alonso Montero, no Colexio Universitario a Anxo Tarrío e na Facultade de Filoloxía a Carvalho Calero. Terán algo que ver en que sexa un dos integrantes da 1ª promoción de Galego-Portugués?
De xaneiro de 1980 a abril de 2015 fun profesor de Lingua Galega e Literatura no IES Sánchez Cantón onde tiven alumnos e alumnas marabillosos. Desde 2005 Vitoria Ogando e mais eu fomos poñendo materiais na Internet: ogalego.eu. E seguimos de xubilados.
Alá na miña terra da infancia aos xubilados dáselles por traballar unha ribeira ou un morteiro. A min dáseme por cousas de lingua e literatura, alí onde queiran escoitarme. A cabeza non para, non convén estar ocioso.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥