Aínda que na actualidade é un día repleto de humor e retranca, a súa orixe, mitolóxica ou real, está marcada polo horror: o episodio da matanza de todos os nenos menores de dous anos nacidos en Belén, ordenada por Herodes para desfacerse do suposto “Rei dos xudeus”, cuxo nacemento fora anunciado polos profetas. Se ben a Igrexa conmemora este evento o 28 de decembro, segundo o Evanxeo de Mateo, a matanza sucedeu tras da visita dos Reis Magos a Xesús, polo que realmente tería que ser despois do 6 de Xaneiro. Ao longo da historia, a celebración foi mudando e entre os acólitos dos cregos comezou a ser habitual o costume de gastar bromas nese día. Unha práctica que se trasladaría axiña ás familias. Trátase dunha xornada alegre e chea de brincadeiras entre amigos e familiares ás que adoitamos chamar inocentadas.

Gástanse todo tipo de brincadeiras neste día, mais hai algunhas que se repiten de xeito recorrente en todas partes. Así é moi común que, coas debidas precaucións, ese día os xornais publiquen noticias falsas con algún tipo de trampa na que pican moitos lectores. Algo parecido adoita acontecer con outros medios: radio, televisión…

Un dos enredos típicos deste día é mudar a hora dos reloxos da casa para que alguén chegue tarde a algunha actividade. Tamén é típico colocar un boneco de papel no lombo da xente sen que se decaten, chamar a un amigo por teléfono para facerlle crer algunha trola, colocar unha moeda ou billete no chan (a moeda está pegada con cola e o billete atado cun fío transparente que se move ao querer collelo), poñer sal no café e outras bebidas, empregar algún artigo de bromas mercado na tenda, enviar unha mensaxe a unha persoa notificando unha situación ou noticia falsa…

Algunhas das expresións que se adoita dicir ás vítimas son: Caíches por inocente!, Inocente pombiña que te deixaches enganar sabendo que neste día nada se pode emprestar!

Con todo, non en todas partes se celebra o día das bromas na mesma data. Noutros lugares do mundo celébrase o 1 de abril, como exaltación da chegada da Primavera, baixo diferentes designacións: en Italia coñécese como Pesce d´aprile; en Canadá e Francia como Poisson d´avril; en Portugal e Brasil chámanlle Dia da mentira, en Austria, Suíza e Alemaña Erster April e en EEUU e Reino Unido fool´s day.

Na Galiza cando alguén cae nalgún dos enganos propios do día dise de xeito retranqueiro: “No primeiro de abril van os burros onde non deben ir”, pois o Día dos Enganos do 1 de abril tiña unha longa tradición no noso país; tradición que estivo a piques de desaparecer, varrida pola presión de efemérides de raigame española como é a dos Santos Inocentes.

O día dos enganos, das mentiras ou das petas é unha data de fonda tradición entre os galegos que ten lugar no primeiro día de abril. Consiste en dar noticias falsas para enviar ás persoas onde non deben ir e outro tipo de pícaros enredos.

Non podo deixar de mencionar a importancia que no noso país teñen as inocentadas durante a celebración do Entroido, de especial tradición en terras ourensás e moi emparentadas coas que teñen lugar en Portugal durante o Entrudo, e nas que ademais dos disfraces, a sátira, a transgresión…, é costume gastar enxeñosas inocentadas. De feito moitas veces empregamos a palabra entroidada co mesmo significado de inocentada: broma pesada ou farsa propia do Entroido. Con todo entroidadas hainas durante todo o ano.

A día de hoxe e co espectacular avance dos anglicismos topámonos con propostas de palabras do ano como pode ser ‘nesting’ co significado de folgazanear ou lacazanear, designando o costume de ficar a fin de semana na casa tirado no sofá. Tamén, enlazando coa temática deste traballo, se emprega o neoloxismo trolear, tamén con orixe no inglés e co senso de enganar e que nada ten que ver co termo tan galego como é troulear, malia ter certa semellanza. Unha palabra que tamén está totalmente integrada no idioma é ‘fake’, que en boa medida está a suplir a nosa ‘inocentada’ de toda a vida. A partir de aquí tamén nos topamos coas ‘fake news’, noticias falsas que consisten en publicacións xornalísticas difundidas a través de portais de noticias, prensa, radio, televisión e redes sociais ás veces coa intención deliberada de enganar, desprestixiar ou obter rédito político ou económico. Mais unicamente hai coincidencia semántica coa inocentada no caso de que só se procure o humor. Aquí é onde podemos incluír medios satíricos como o coñecido El Mundo Today, que publican noticias falsas pero non desinforman, xa que o contexto do medio é coñecido, a falsidade evidente e o seu obxectivo é unicamente humorístico.

Marcos Seixo Pastor

Marcos Seixo Pastor

Profesor de Galego

Chámome Marcos Seixo. Aínda que a miña chegada ao mundo tivo lugar en 1959 na rúa de San Marcos en Lugo, na casa da miña avoa, fun concibido e criado en Navia de Suarna, onde pasei unha feliz infancia e a onde regreso cando menos dúas ou tres veces ao ano. Por mor da profesión do meu pai, estivemos vivindo en distintos concellos. Asentámonos finalmente en Cuntis (Pontevedra), onde vivo a día de hoxe na aldea de Castrolandín.

Fixen estudos de Filoloxía en Compostela e os últimos 16 anos fun profesor do IES Valle Inclán de Pontevedra, até a miña “xubilación forzosa por incapacidade” no ano 2016. Neste instituto coñecín aos compañeiros do grupo de teatro Argallada, algúns deles impulsores do blog devellabella, no que ando a colaborar con algún traballo.

A miña vida na actualidade segue a ser bastante activa, pois podo dedicar o tempo ás miñas moitas afeccións, entre elas escribir. Alén diso tamén son afeccionado á música tradicional, ás motos, sobre todo ás clásicas, a coidar as viñas, e tamén a nadar, podendo ser, no río de Navia

Blog

Ao pé do alambique. A caña e os licores

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥