A educación en tempos da 2ª República

Xosé Álvarez

Coa proclamación da 2ª República cristalizan unha serie de ideas que latexaban dende había tempo na sociedade e que dan lugar a unhas reformas que poñen en cuestión a “orde natural das cousas”: avances progresivos nos dereitos das mulleres que, pouco a pouco, se van liberando do modelo patriarcal vixente; acceso ao poder de novos sectores sociais; separación da igrexa e estado, reformas agraria, militar, e outras.

Entre esas reformas a da educación foi, posiblemente, a aposta máis forte do novo réxime instaurado o 14 de abril de 1931, podemos dicir que estaba no ADN republicano.

 A razón foi a convicción de que para poñer en marcha o seu proxecto de democratización era condición necesaria a existencia dun pobo alfabetizado; dentro do programa modernizador, o plan educativo e cultural tiña como obxectivo xeneralizar o acceso á educación e á cultura para toda a cidadanía, como expresou moi ben Rodolfo Llopis: “No hay revolución política sin revolución educativa”.

Rodolfo Llopis

A reforma  educativa tiña variadas fontes de inspiración: o Krausismo, Institución Libre de Enseñanza, ideas da pedagoxía libertaria da Escuela Moderna de Ferrer i Guardia, da Escuela Nueva socialista con Lorenzo Luzuriaga, discípulo de Ortega e de Giner de los Ríos. Será Luzuriaga quen se encargue de redactar un novo proxecto de ordenación do sistema educativo. Nos cargos gobernativos encargados de implantalo teñen un papel relevante membros da masonería como Marcelino Domingo (radical-socialista), Fernando de los Ríos e Rodolfo Llopis (socialistas).

 Os puntos fundamentais serían:

  1. Apóstase pola escola pública e obrigatoria como a única que podía garantir a desaparición de diferencias por razón de clase, sexo, territorio…A educación pública é competencia do Estado, permítese a existencia do ensino privado sempre que non teña fins partidistas ou confesionais.
  2. Tería carácter laico e gratuíto. No ensino universitario debería reservarse un 25% de matrículas gratuítas como xeito de posibilitar o acceso das clases máis desfavorecidas aos estudos superiores. Suprímese a obrigatoriedade do ensino da relixión nas escolas. Liberdade de cátedra en todos os niveis.
  3. O alumnado tiña que ser o protagonista da súa aprendizaxe e o ensino debía empregar métodos activos, participativos, e estar integrado na comunidade. A escola tiña que abrirse á sociedade para facer dela unha verdadeira institución popular.
  4. Coeducación: formación conxunta de nenas e nenos en todos os niveis educativos.

            Para afrontar os novos retos educativos a primeira aposta pasaría pola mellora do ensino básico resolvendo dous grandes problemas: por unha banda, a creación de escolas, pois estimábase un déficit duns 27.000 edificios escolares; por outra, había que acometer a mellora da formación dos mestres e a súa dignificación social.

Escola normal

Escola Normal, Pontevedra

Casa do mestre

Escola do mestre

O ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes deseña un plan quinquenal que tiña como obxectivo a creación de cinco mil escolas anuais e de sete mil no primeiro ano de goberno republicano. Rodolfo Llopis afirma que teñen como meta “crear escuelas, muchas escuelas. Sembraría a voleo. Cayeran donde cayeran, germinarían, que en todas partes habían de encontrar tierra preparada para fructificar y vivir plenamente”.

No chamado Bienio reformista ou azañista (1931-1933) creáronse máis de 13.500 prazas de mestres, co goberno dereitista (1934-1935) unhas 2.500 e durante o goberno da Fronte Popular máis de 5.000. De todos xeitos, debe distinguirse entre o que son prazas creadas (nas disposicións ministeriais) das realmente construídas pois  non sempre acababan de rematarse e hai controversia entre especialistas sobre o número real de prazas. Ademais dos edificios tamén se atenderon necesidades básicas do alumnado como a alimentación (reparar o déficit alimentario) e o vestido, creando cantinas e roupeiros escolares  así como as Colonias Escolares, que posibilitaron o coñecemento de distintos lugares do estado mediante estancias fóra da súa localidade. Así moitos nenos e nenas do interior coñeceron por primeira vez o mar e as localidades costeiras e os da costa souberon das características dos pobos do interior da península; ademais contribuían á mellora de hábitos de hixiene e alimentarios.

A pesar das boas intencións non foi posible a construción de todas as prazas escolares proxectadas; os cambios políticos, a falla de fondos debida a sufrir un período de forte recesión económica derivada do crac do 29, e o golpe de estado do 36, impediron acadar totalmente os obxectivos previstos.

            Pero non só se trataba de ampliar as infraestruturas senón que había que atender tamén a aspectos formativos do profesorado porque se era importante crear escolas máis o era crear mestres. En canto á formación dos mestres e mestras, a primeira medida que se articula é a reforma do plan de estudos de maxisterio. O novo plan atende a tres puntos básicos: a) Elevar o nivel cultural esixido para o acceso á carreira requirindo a posesión do título de bacharel e exame de ingreso. b) Formación de carácter profesional ao longo de tres cursos nas Escolas Normais facendo fincapé nas metodoloxías do ensino. c) Período de prácticas docentes durante un curso nunha escola de primaria baixo  a orientación da inspección e do profesorado das Normais e cobrando un soldo.

             Cámbiase tamén o sistema de acceso á profesión eliminando o sistema de oposicións coa implantación de cursiños de selección para o profesorado que, tras o exame de selección inicial (número de prazas segundo as vacantes) e a superación dos cursos citados, accedía directamente ao corpo docente. Debemos facer notar que non volvería a existir un plan tan completo para a formación de mestres ata o chamado “plan 1967”, implantado polo sector “tecnócrata” franquista a finais da década dos sesenta, que copiaba moitos aspectos do mencionado plan profesional republicano.

Implantouse a coeducación e as Escolas Normais pasaron a ser mixtas.  Non dou tempo a facelo totalmente nos niveis básicos do ensino.

            Non só se puxeron  en marcha reformas de tipo pedagóxico para mellorar o nivel formativo do maxisterio (potenciación da Junta de Ampliación de Estudios que fora creada no 1.907, cursos, reciclaxe formativa, semanas pedagóxicas…) senón que o goberno tamén asumiu a tarefa de dignificar a figura do mestre e mellorar o seu salario; o goberno republicano quería rematar co dito de “pasar máis fame que un mestre de escola” e tomou a decisión de subir os soldos e establecer un mínimo de tres mil pesetas anuais e catro mil para os do plan profesional.

            Un feito moi importante foi a reforma da inspección educativa, dáselle estabilidade e independencia fronte ao goberno e as presións caciquís e prímanse os aspectos técnicos, de asesoramento ao profesorado, sobre as funcións de tipo burocrático. Ou sexa, non terá só función administrativa de controlar a aplicación das leis senón fundamentalmente pedagóxica como facilitador da aprendizaxe e orientador do profesorado.

O conxunto de medidas no eido educativo complétase no primeiro bienio republicano. Coa vitoria das forzas dereitistas (partido Radical e CEDA) tivo lugar unha marcha atrás en moitos dos aspectos anteriores: prohibición da coeducación no ensino primario, descenso do número de construción de novas escolas, etc. Pola contra, lévanse a cabo unha serie de reformas no ensino medio, cun novo plan de estudos de bacharelato, que se estruturaba en sete cursos e remataba cunha proba de reválida controlada pola universidade.

insignia

Insignia da escola republicana

Na etapa posterior ao triunfo da Fronte Popular en 1936, coa volta ao poder das forzas progresistas, non houbo tempo para implantar as reformas prometidas debido ao golpe militar de xullo. Na zona que permaneceu leal á República habería que destacar as campañas de alfabetización na fronte de batalla.

Pero a política educativa non se limitou ao sistema educativo regrado: elaborouse un programa de creación e ampliación de bibliotecas públicas (das que son coordinadores persoas como  Luis Cernuda ou María Moliner), bibliotecas fixas e circulantes, con campañas de promoción da lectura.

Este breve relato sobre a política educativa republicana non estaría completo sen tratar unha das iniciativas máis interesantes levadas a cabo neste período: as Misións Pedagóxicas. Créanse por un decreto do 29 de maio de 1931 e o seu impulsor foi Manuel Bartolomé Cossío; parten da idea de que toda a cidadanía tiña dereito a coñecer e desfrutar dos obxectos e bens culturais do país e acabar co desequilibrio cultural entre a cidade e o campo. Mozos e mozas universitarios actúan como misioneiros da cultura e levan películas, reproducións de cadros do museo do Prado, gravacións musicais, conferencias, teatro…por todo o país.

Misións pedagóxicas

Misións pedagóxicas

Cossío definía como o seu fin máis importante o de despertar o desexo de ler, pois  “sólo cuando todo español, no sólo sepa leer -que no es bastante- sino que tenga ansia de leer, de gozar, de divertirse, si, divertirse leyendo, habrá una nueva España”.

Nada mellor que reproducir algúns parágrafos coas palabras que se dirixían aos asistentes a estas misións pedagóxicas, para darnos unha idea do seu espírito:  “Venimos a daros de balde algunas cosas. Somos una escuela ambulante y que quiere ir de pueblo en pueblo. Pero una escuela donde no hay libros de matrícula, donde no hay que aprender con lágrimas, donde no se pondrá a nadie de rodillas, donde no se necesita hacer novillos. Porque el gobierno de la República que nos envía nos ha dicho que vengamos sobre todo a las aldeas, a las más pobres, a las más escondidas, a las más abandonadas y que vengamos a enseñaros algo. Algo de lo que no sabéis por estar siempre tan solos y tan lejos de donde otros lo aprenden, y porque nadie, hasta ahora, ha venido a enseñároslo: pero que vengamos también, y lo primero, a divertiros”.

Nos dous primeiros anos de Misións Pedagóxicas leváronse a cabo 70 misións, visitáronse 300 pobos e distribuíronse 3.506 bibliotecas. O mecanismo de realización da misión partía sempre dunha petición feita pola localidade que ía acompañada por unha especie de memoria cos datos da mesma. A duración das misións oscilaba entre un e quince días e as actividades tiñan lugar cando remataban os traballos do campo, pola tarde ou noite, como maneira de facilitar a asistencia. Entre o material que levaba cada misión estaban un proxector de cine, películas, unha biblioteca cun cento de libros e un gramófono. Os integrantes das misións eran intelectuais, mestres, estudantes, etc. Non deixaron de existir actitudes contrarias e de boicot por parte de forzas reaccionarias como algúns curas e sectores dereitistas. Supoñía tamén unha certa inxenuidade crer que bastaba coa educación para cambiar a sociedade; no percorrido por terras da Seabra (Sanabria), no ano 1934, atopan coa realidade da fame e a miseria extrema que os fai comprender que, antes que cultura, esas xentes pedían sobrevivir.  Ademais  estas valiosas iniciativas eran insuficientes pois faltáballes continuidade no tempo.

     A principal oposición á política educativa republicana atópase na Igrexa católica. En 1932 fai pública unha pastoral colectiva que rexeita os plantexamentos da educación republicana e defende o dereito dos pais a elixir os centros que coidasen máis convenientes para os seus fillos e fillas. A disolución da Compañía de Xesús, retirada dos crucifixos, a prohibición de impartir ensino ás ordes relixiosas, a coeducación (considerada como algo inmoral)  e a saída das clases de relixión das escolas, foron fitos neste enfrontamento entre Igrexa e Estado. Ao contrario do que se pensa, o peche de colexios relixiosos nunca se chegou a efectuar (agás na zona leal despois do golpe militar); para evitalo articulouse unha artimaña legal coa creación da SADEL (Sociedad Anónima de Enseñanza Libre) que asumiu a titularidade de numerosos centros relixiosos e que tiña á fronte, de homes de palla, a políticos da dereita como Gil Robles, Sáinz Rodríguez, Romualdo de Toledo… algúns ocuparían postos destacados no réxime de Franco. Outros, como os discípulos do padre Póveda ou de Escrivá, adoptan a estratexia de  acceder aos corpos oficiais do ensino. O Vaticano publica no 1933 a encíclica Dilectissima nobis sobre o tema.

   O réxime republicano quere superar etapas anteriores nas que destacaba a influencia do ensino confesional, que estaba nas mans de numerosas ordes relixiosas. Unha circular de Llopis (12-1-1932) pode ilustrarnos sobre o que se pretende: “La escuela sobre todo ha de respectar la conciencia del niño. La escuela no puede ser dogmática ni sectaria. Toda propaganda política, social, filosófica y religiosa queda terminantemente prohibida en la escuela […] La escuela es de todos y aspira a ser para todos”.

Moitos mestres e mestras comprometidos coa República levan a cabo experiencias pedagóxicas como foi o caso de Bernarda Pereira e Alfonso Rodrigo en Sanxenxo. Organizan conferencias sobre medicina (impartido polo Dr. Andrade, director do sanatorio Gil Casares), agricultura e botánica (falou Bibiano Fernández-Osorio Tafall, catedrático de agricultura no instituto de Pontevedra); non faltou o recitado de poesías en galego e castelán nin o reparto de agasallos e roupa entre o alumnado.

            Pero o máis importante, como demostración do inxente traballo do alumnado e mestres, foi a exposición de labores e traballos manuais, así como unha vitrina escolar na que se amosaban ó redor de 500 aparatos  e obxectos que foran coleccionados ou construídos  polos nenos e nenas destas escolas; estes materiais aparecían clasificados en distintas seccións: agricultura, xeometría, mineraloxía, aritmética, botánica, zooloxía, etc.

Pero en zonas do rural a situación era máis complicada como se encarga de lembrarnos Valentín Ferrero, comunista, mestre de Besomaño: “ya me tienen odio los derechistas, los caciques, los curas. Los aldeanos también me miran con recelo”.

Había un idea estendida  sobre o maioritario compromiso republicano do maxisterio. Non se equivocaban aínda que hai un certo mito pois, aparte dun sector moi activo e comprometido de esquerdas, non debemos esquecernos da existencia dunha porcentaxe significativa do maxisterio nas filas da dereita (Federación de mestres católicos, CEDA, Falanxe e monárquicos) así como un sector maioritario, que podemos considerar agradecido ás melloras introducidas pola República, pero sen compromiso activo.

Polo tanto debemos matizar no senso de que a porcentaxe de profesorado na órbita da Fronte Popular era significativa pero minoritaria e valga como indicador que do total de mestres depurados tras o golpe militar sanciónase ao redor dun 30% e son confirmados no seu posto sobre un 70%.

                 A República tamén abriu expectativas na sociedade, creouse un clima de actividade cultural da que foi bo exemplo a formación, por exemplo nas parroquias pontevedresas, das Juventudes que se agrupan na Federación de Juventudes Culturales y Recreativas de Pontevedra e celebraron  o primeiro congreso en Lérez no ano 1935. A finalidade destas sociedades está orientada ao espallamento da cultura entre a xuventude, pois entenden, como di o seu presidente Ramón de Valenzuela, que o problema de España era un problema de cultura.  Bibliotecas, excursións, obras de teatro como O Fidalgo, Los Caimanes, Treizón, conferencias, bailes, rondallas, son algunhas das actividades que se realizaron.

Todas estas iniciativas e a política educativa republicana trónzase traxicamente co golpe de estado de xullo de 1936 e a depuración ou a eliminación física exércese sobre o profesorado.

Xosé Álvarez Castro

Xosé Álvarez Castro

Historiador

Xosé Álvarez Castro, mestre, profesor de historia (xubilado) .Licenciado en Xeografía e Historia. 

Máster en Educación Ambiental. Fundación Universidad-Empresa. UNED. 

VI premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda á recuperación da memoria histórica en 2011. 

 Enlace ao Blog de Xosé Álvarez Castro

Historia de vida de Xosé

Adosinda volve á romaría de san Bieito

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥