por Peque González Nóvoa
A luz que agora entra pol-o ancho ventanal d-este apartamento e que se emborca sobor da miña mesa de traballo, tráime unha sensación de paz e de benestar cáseque inconcebibles n-estes tempos de barbarie. E aínda que fose lícito gorentar esta pracidez, sabendo que están en chamas os centros vitaes da civilización, eu daría o caudal luminoso d-este ancho ventanal por un pequeno vidro, embafado de choiva galega. Teño morriña; pero a miña door non é, non, unha “especie de remordimento”, porque nunca lle furtei á miña Terra, nin os meus pensamentos nin o meu traballo. Por eso quero retornar a Galiza; máis non para morrer, senón para vivir. Eu non penso na morte nin creo que me ande rondando, porque apenas acabo de entrar na primaveira da vellez, que é cando un comeza a saber o que di; e non me sosteñen os recordos senón as espranzas, porque creo no retorno á miña Terra, que será un retorno á vida e, por ende, á loita. E se a vida se me acabase no desterro, sen poder devolverlle o meu corpo á terra que mo emprestou, aínda había de ser para Galiza o meu derradeiro alento.
Sempre en Galiza. Libro terceiro. Capítulo 1. Bós Aires 1943

Peque González Nóvoa
Mestra
Son Peque González Nóvoa. Nacín en Pontevedra hai 63 anos, nunha familia das de aquela, “numerosa”. Estudiei Psicoloxía en Santiago e dediquei toda a miña vida laboral á docencia, no ensino público; nos primeiros anos como mestra de infantil e posteriormente como orientadora, ata que hai dous anos decidín pasar a esta etapa chamada xubilación.
No meu percorrido de vida acostumo a definirme como muller, mestra, nai e avoa, sen orde prevalente, por que considero que son os elementos que conforman quen son.
Achégome a este grupo de xente que tivo a boa idea de poñer en marcha este proxecto “De vella a bella” coa intención de aprender e poder aportar un micrograo de area. Neste contexto no que vivimos, e nesta situación de pandemia, creo que todo o que implique a activación das persoas, sexa cal sexa a súa idade, é positivo.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥