Debo confesar que os meus coñecementos de xadrez son moi rudimentarios. No caso de ter que levar unha soa cousa a unha illa deserta –unha desas preguntas absurdas que adoitan aparecer nas entrevistas- este xogo nunca sería a miña primeira opción. E non obstante, ou nembargantes, como se dicía antes, ou denantes, o corazón ten razóns que a cabeza tampouco entende nunca. En consecuencia, o xadrez paréceme un excelente tema literario. Redímeme, ou confórtame, que o mesmo –a ingnorancia neste asunto e o interese pola súa variante  estética- lle pasa ao mestre Xosé Luís Méndez Ferrín, autor dun interesante relato titulado Xeque mate, publicado no volumen Crónica de nós (1980) O mesmo Ferrín en persoa, díxome, para a miña sorpresa, que endexamais fora xogador de xadrez, e aínda que, para facer este relato, non se acordara nin de como se movían as pezas; iso non lle impideu facer un gran relato co xogo das brancas e as negras como eixo do argumento. Non sei se o relato de Ferrín estará influído, ou non, por outro gran relato sobre xadrez, feito por outro mestre da literatura fantástica e non só, o británico nado en Shangai, J. G. Ballard: a narración titulada End Game, ou Final de partida (1963), traducida pola mesma Aurora Bernárdez, daquela muller de Julio Cortázar. O máis probábel é que, tendo ambos relatos moitas coincidencias, se fixesen dun xeito totalmente independente. Ou non foi así? O problema daríanos pé a pensarmos sobre a conciencia global do xénero humano, a metaconciencia colectiva humana, un dos temas recurrentes da fantasía científica: Existe algo semellante a unha supermente pensante que abarca toda a humanidade, e da que os individuos, cada ser humano, seriamos como meros apéndices? Isto explicaría porque persoas distanciadas xeográficamente e de culturas diferentes, teñen de repente e case ao mesmo tempo, unha mesma idea, sexa científica ou literaria. Eu mesmo teño explorado esta posibilidade nun dos meus relatos de Flash-Black 13, o titulado O reinado dos ceos.

      Outro dos moitos argumentos literarios relacionados co xadrez é a posibilidade de crear unha máquina pensante que sexa quen de gañar ao xedrez, mesmo a todo un campión do mundo. Mais isto xa pertence ao campo da realidade, non ao da fantasía. E desde hai xa varias décadas: Deep Blue foi unha supercomputadora desenvolvida polo fabricante estadounidense IBM para xogar ao xadrez. Foi a primeira que venceu a un campión do mundo en posesión do título, Gary Kaspárov. Isto ocorreu o 10 de febreiro de 1996, nunha memorable partida, xogada a ritmo lento, pois a velocidade daquela máquina non daba para máis. Con todo, Kaspárov gañou 3 e empatou 2 das seguintes partidas, derrotando finalmente a Deep Blue por 4-2, naquel primeiro encontro, que concluíu o 17 de febreiro de 1996. Pero unha nova versión da computadora, llamada Deeper Blue xogou de novo contra Kaspárov en maio de 1997, gañando no novo encontró, a 6 partidas, o artefacto, por 3 1⁄2 a 2 1⁄2, o que o convertíu na primera computadora en derrotar a un campión do mundo vixente nun encontro con ritmo de xogo de torneo estándar. Hoxendía unha pescuda pola rede sobre a disputa home-máquina sobre un taboleiro de xadrez, semella deixar poucas dúbidas. Os informáticos defenden que as máquinas poden gañar a calquera xogador de xadrez do mundo por tanteo, mália que poidan perder algunha partida. Ou se cadra non mirei tampouco as páxinas que defenden o contrario.

O máis curioso é que tampouco nada disto é cousa de hoxe, nin sequera deste século. Xa en 1796, había un asombroso autómata coñecido por O Turco que xogaba ao xadrez e gañaba moitas veces. Unha máquina que era quen de destacar no xadrez, e que causou furor na súa época.

      O Turco foi unha famosa estrutura que era presentada ao mundo explicando que era un autómata, e que xogaba só ao xadrez, por si mesmo. Foi construído por Wolfgang von Kempelen (1734-1803). Tiña a forma dunha cabina de madeira de 1.20 cm × 60 cm × 90 cm, cun manequí vestido con túnica e turbante sentado sobre ela. A cabina tiña varias portas que unha vez abertas, antes de cada partida, mostraban só un mecanismo de reloxaría; e que cando se achaba activado era capaz de xogar unha partida de xadrez contra calquera xogador humano a un alto nivel. Con todo, crese que a cabina era unha ilusión óptica ben preparada, que permitía a un mestre do xadrez de baixa estatura esconderse no seu interior e operar ao manequí. 

O turco

       O Turco sería quen de facer isto grazas a que os ollos do manequí enviaban ao mestre do xadrez agachado na caixa as posición das pezas do taboleiro por medio de espellos, ou a que este as enxergaba por outro procedemento disimulado aos milleiros de espectadores, segundo as diversas explicacións ao respecto. En teoría calquera mestre de xadrez humano podería gañarlle, pero o mestre escondido dentro do Turco contaría cunha pequena -ou grande- vantaxe psicolóxica, ao poder asustar ao seu opoñente facéndolle crer que o Turco en realidade era un autómata omniscente, o cal poñía nervioso ao retador, impedíndolle desenvolver os seus coñecementos sobre o xogo con tranquilidade. De feito, O Turco gañaba a maioría das partidas.

      Kempelen exhibíu por primeira vez ao Turco na corte da emperatriz de Austria María Teresa en 1770, realizando posteriormente unha xira por Europa durante varios anos da década de 1780. Durante esta época, O Turco foi exhibido en Paris, onde xogou unha partida contra Benjamin Franklin, que este perdeu. Logo da morte de Kempelen en 1804, o autómata pasou por moitas mans, acabando nas de Johann Maezel (1772-1838).O segredo do seu funcionamento foi ben conservado, así e todo, malia que moitos pensaran que se trataba dun engano, e que mesmo construiran duplicados ou adicaran libros a demostrar o fraude.

   En 1809, O Turco derrotou a Napoleón Bonaparte en Schönbrunn, durante a campaña da batalla de Wagram (5 a 6 de xullo de 1809). Aínda quedaba suficiente misterio para permitir ao Turco continuar as súas xiras. Nunha destas campañas chegou aos Estados Unidos, onde foi obxecto dun maxistral ensaio por parte do mesmísimo Edgar Allan Poe (O xogador de xadrez de Maelzel, Maezel’s chess-player, 1836). Foi Poe quen finalmente desmontou -alomenos literariamente- o timo do autómata intelixente, razoando cun maxistral método deductivo. Un texto no que Poe demostra, ben ás claras, a razón pola que el é o verdadeiro inventor da narrativa detectivesca. 

Napoleón

    Este ensaio, que pode acharse en internet e descargarse libremente, constitúe unha verdadeira peza mestra. Poe conclúe que hai un home agochado dentro da máquina, mais non o fai en base as medidas do artefacto, á truculencia da posta en escea, nin a ningunha outra proba externa, senón exclusivamente en base aos movementos que o autómata mostra cando xoga. Poe ensina a mirar o que ven todos.  Streampunk puro e duro. E sinto terlles adiantado o final dese marabilloso texto de E. A. Poe, tan engaiolante como calquera dos seus ben coñecidos relatos do cabaleiro Auguste Dupin, xúrolles. Mais, como sempre pasa nas grandes obras, saber o final desa alfaia literaria non lle quita mérito ningún, antes ao contrario. Que a desfruten.

Ramón Caride Ogando

Ramón Caride Ogando

Profesor de Bioloxía, escritor

Ramón Caride Ogando naceu en Cea, Galicia, en 1957. Estudou Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela e  traballou como profesor de secundaria. É un prolífico escritor que cultivou diversos xéneros como a poesía, a narrativa para nenos e adultos e o ensaio. Escribe en galego, e a súa primeira obra narrativa publicouse en 1990, “Os ollos da noite. Algunhas das súas obras traducíronse ao castelán como Perigo vertical, O futuro roubado, Ameaza na Antártida ou O frío azul. Pola súa produción de literatura infantil e xuvenil, o autor galego foi recoñecido co Premio Merlín. Tamén se fixo con premios como “Risco ou Café Dublín”, polas súas novelas. É un dos fundadores da revista A Santa Compaña de Cambados(segunda época) e colaborou como columnista en El Mundo, Faro de Vigo ou O Correo Galego.

“No 2017 xubilouse do ensino formal, da escrita por agora aínda non”

Santi Plays Guitar

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥