Seleccionar página

A historia de Bernardo Mato

O pasado xoves 22 de abril celebrouse no Consulado de Vigo un acto de adhesión á querela arxentina, causa na que, desde o 2010, a xuíza María Servini está intentando xulgar os delitos de lesa humanidade cometidos tras o golpe de Estado do 36 en España ata a entrada da transición (dicimos” intentanto” debido á nula colaboración recibida polo Estado español, que mesmo en máis dunha ocasión impediu que se realizasen declaracións dos afectados ou negou a extradición de verdugos probados). Este acto sumouse ao xa levado a cabo polas familias de Alexandre Bóveda, Amancio Caamaño e Ramiro Paz que se adheriron no mes de xaneiro.

Quixemos destacar esta relevante noticia para amosar a nosa solidariedade con todas esas familias afectadas non só en Galicia senón en toda España por eses actos criminais que quedaron impunes no noso país tras a Lei de Amnistía ( Ley 46/1977, de 15 de octubre) , Lei de Amnistía que segue estando vixente e cuxa interpretación por parte do Estado (goberno e xuíces) impide que se xulguen tales delitos, aínda que insistentemente distintos organismos internacionais (Amnistía Internacional, Human Rights Watch  e sobre todo a propia ONU a través  da Oficina do Alto Comisionado para os Dereitos Humanos) pediron a España a súa derogación, tendo en conta ademais que o Estado español asinou tratados internacionais que o obrigan a investigar e protexer as vítimas de crimes de lesa humanidade. Pero tamén quixemos adicarlle un espazo no noso blog a este acto porque nos toca moi de preto xa que, eu mesma, pertenzo a unha familia afectada por esta inxustiza e o pasado 23 de abril, acompañada da miña filla e da miña sobriña fomos asinar  a nosa adhesión a esta querela xunto con catro familias máis: a do exacalde de Valga, Celestino Carbia (fusilado en Monteporreiro en maio do 37); a de Carlos Abella López, sindicalista da CNT, condenado a pena de morte conmutada por cadea perpertua; a de José Lijó, membro do comité da República fusilado no 37 e a de José Sieira, asasinado no 37 pola súa vinculación coa CNT.

Hai que dicir que estivemos moi ben arroupados  por varias asociacións que a apoian, como CEAQUA (Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina), que estivo representada por Celso X. López; polas avogadas  Jana Calero e Irene A. Francés de Avogacía nova Viguesa que de forma totalmente altruísta asesoráronnos e acompañáronnos ata o momento das sinaturas diante da consulesa, tamén estivo a deputada de Memoria Histórica, María Ortega e dúas representates da Deputación de Pontevedra que, así mesmo, apoiou o acto.

Todos os alí presentes perderamos seres queridos, seres torturados   e asasinados   por terse significado en maior ou menor medida na defensa dos valores progresistas, democráticos da república. Coma o meu avó, un mestre, fiel ás súas ideas, que foi  detido,  sometido a un durísimo interrogatorio por parte dun grupo de falanxistas que o torturaron  e golpearon ata poñelo en liberdade ferido de morte o que provocaría que, tras unha longa agonía, morrese o 4 de setembro do 36.

En Vigo asinamos emocionadas cada unha das follas da documentación que se nos pediu sobre el entre a que se atopaba o expediente de depuración realizado con data posterior á súa morte, nada menos que catro anos despois do seu falecemento, e que foi o causante da violencia económica exercida deste xeito contra a miña avoa e os seus catro fillos pequenos (comprendidos entre os 8 e os 3 anos) xa que nunca puido solicitar a pensión de viudedade e orfandade que lle correspondería. Nin sequera tras a chegada da democracia na que se solicitou, para resarcir dalgunha maneira semellante inxustiza e que foi novamente denegada.

Foi un acto emotivo no que sentimos  o meu avó máis preto ca nunca,  alí con nós, imaxinándoo orgulloso de que despois de tantos anos sigamos berrando o seu nome e reclamando unha xustiza que o Estado español segue negando.

QUEN FOI O MEU AVÓ:

Bernardo Mato naceu na Estrada (parroquia de Godoi)  en 1887. Emigrou a Cuba en 1907 fuxindo do exército e da Guerra de Marrocos. Durante esta emigración, que se estende ata o ano 1914, temos constancia de que realiza  estudos secundarios no Instituto de Enseñanza Secundaria da Habana e que acode ao recibimento e mitin do líder agrario Basilio Álvarez en 1913, sendo este o primeiro contacto, do que teñamos constancia, co  mundo do movemento agrario.

Volve á Estrada en 1914-1915 coincidindo coa IGM e coa parálise nos fluxos transoceánicos que levou aparellada  a guerra.

Durante o tempo de retorno á casa, xa con 28 anos, consegue o posto de carteiro en Vinseiro e realiza simultaneamente os seus estudos de Maxisterio na Escola Normal en Santiago pero en modalidade a distancia. É tamén neste curto período de volta na Estrada onde temos a primeira constancia da súa participación nunha sociedade de emigrados. Trátase do Sindicato Agrícola “ Unión de Vinseiro y Cereijo” que, pese ao nome é unha sociedade de instrución nacida na emigración. Estas sociedades actuaban a nivel microterritorial e un dos seus obxectivos era a creación de escolas.

Mato regresa a Habana en 1919. O protagonismo que adquire durante estes anos como delegado e dirixente de varias sociedades de instrución, fainos pensar que entre as razóns da volta a América non só se atopa o feito de que rematase a guerra. Había que reunificar o movemento agrario na Estrada, que se atopaba derrotado e dividido en torno a 1920, e acabar definitivamente cun poder municipal caciquil e corrupto. Son as sociedades de emigrados na Habana as que collen as rendas, evolucionando dun interclasismo suave, incluso apolítico, a unha marcada politización baseada no anticaciquismo.

Deste xeito Bernardo Mato na súa volta a Habana entre 1919 e 1920, ademais dos seus traballos como “tenedor de libros” e contable en diferentes empresas (Banco de Nova York, Habana Electric Railway, J. Menendez, etc) realiza unha gran actividade de asociacionismo e activismo. Dende colaborador e redactor do xornal El Emigrado ata membro activo de diversas asociacións: Hijos de la Estrada, o sindicato agrícola  “Unión de Vinseiro y Cereijo”, delegado na Federación de Sociedades Gallegas de Instrucción pola  Sociedad de instrucción “Hijos de Tabeirós”, etc.

 El Emigrado. Nº372 , un exemplo das numersas participacións na prensa de Bernardo Mato.

En maio do 22 regresa á Estrada como delegado das sociedades de instrución ás que pertence, respondendo ás características dos chamados líderes étnicos ou elites intelectuais. Traballa no Comité Progresista Anticaciquil na dirección delegada no distrito da Estrada que tiña como obxectivo levar a cabo un intenso labor de concienciación entre os veciños para que estes votaran polo candidato anticaciquil .

Dende o seu inicio ata ben entrada a ditadura de Primo de Rivera, non conservamos evidencias da súa actividade escrita, dedicándose á súa vida profesional. Exercendo como mestre interino en Somoza e Becerreá (Lugo) participando na creación do Colexio Cervantes da Estrada, creado a iniciativa do Centro de Emigrados e do que será director. 

Tamén nestes anos, concretamente no ano 1927, Bernardo Mato forma a súa familia, casando con Avelina, a que se verá completada coa chegada dos seus catro fillos. Dende 1930 viven na casa escola de Calo (Teo) onde Bernardo Mato acada a súa praza definitiva como mestre. 

Precisamente dende 1927 a 1930 é a época da que se conservan un maior número de artigos seus publicados en xornais.  A temática dos mesmos é fundamentalmente a educación como combate do atraso económico, social e político e a necesidade de consolidar unha masa popular concienciada para acadar o proceso de reequilibrio da sociedade que tería que facer fronte ao perigo daqueles que verían ameazada a súa posición privilexiada. E así da man das amplas reformas educativas e das Misións Pedagóxicas procurábase a consolidación do sistema.  Nestas últimas participará Bernardo Mato como presidente do Consejo Local de Primeras Enseñanzas en Teo. Participando e organizando numerosas conferencias por todo o concello.

Hoxe tamén sabemos que aparece como afiliado pola Estrada das Irmandades da Fala entre 1930-31

 A súa escola, era considerada polo Ministerio e a Inspección unha escola modelo: aprendizaxe de técnicas agrícolas, formación profesional, formación física, clases nocturnas para adultos, creación dunha biblioteca para o pobo, excursións ao campo para unha educación práctica, etc. 

En canto ao seu activismo político durante a República cómpre sinalar a súa actuación en dous eidos:

-Por un lado no eido sindical: é presidente da Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Santiago de Compostela (vinculada á UXT) (1934). 

-En canto ao seu labor no eido estritamente político é relevante sinalar a súa participación como membro da directiva  na USGA Unión Socialista Gallega que nace dunha escisión do PSOE en 1932 baixo o liderado de Xoán Xesús González.  A causa da súa escisión baséase na diferente posición en canto á autonomía de Galiza. A USG nace rexeitando a secular uniformidade do socialismo español ancorado nunha actitude centralista, e declara na autonomía a súa razón de ser. 

Por outra banda, a través de varios artigos nun xornal de Teo, descubrimos a súa vinculación no ano 1933 co chamado  Partido Republicano Galleguista, o cal intuímos que se trataría do Partido Republicano Gallego (nome co que pasa a coñecerse a ORGA en 1932).   

Para rematar reproduzo o relato da súa tráxica fin que a miña filla, Iria Morgade, relata no seu traballo final de mestrado realizado sobre a figura do seu bisavó e de onde proceden a inmensa maioría dos datos que aquí expoñemos sobre a  vida de Bernardo Mato, froito da investigación realizada por ela e das fontes consultadas, entre as que hai que destacar a do historiador estradense X.C. Garrido e a información achegada polo meu tío J. Bernardo, o irmán máis vello da miña nai, que aínda podía lembrar algo do acontecido e que seguiu indagando anos despois en fontes familiares que permaneceran caladas durante décadas.

“VERDUGOS

A madrugada do 18 de xullo Avelina, Bernardo e o seu fillo maior, José Bernardo, non poden durmir. Escoitan nitidamente tiros, en dirección a Santiago.

A mañá seguinte Mato vai realizar varias visitas a algúns amigos seus. Pola tarde dous camións cuns cincuenta milicianos (campesiños e obreiros mal armados) detéñense fronte a casa-escola.

Falan sobre a grave situación, en xeral. Un dos milicianos, de porte intelectual, con gafas graduadas e unha pistola no cinto acompaña a Bernardo ao piso de arriba mentres os demais esperan abaixo.

Mantemos a hipótese de que este grupo de milicianos é o famoso Terzo de Calo. Xoán Xesús González, (escritor e activista político amigo de Mato vai a Teo en busca de homes para defender Compostela tralo golpe de estado. Polo tanto esta visita, aproximadamente o día 18, correspóndese co momento no que Xoán Xesús vai recrutar os homes a Calo.

Non sabemos de que falan exactamente. Xoán Xesús e Bernardo abandonan o despacho e toman algo antes de despedirse. Os camións parten dirección Compostela.

Bernardo e Avelina falan de novo sen presenza dos fillos onde deciden que facer. Esa mesma noite ou a mañá seguinte Bernardo marcha, dille ao fillo que ten que ir a Compostela. En realidade parece ser que se oculta un tempo na casa duns amigos. Tamén marcha a súa muller, un día despois de que o fixera el, deixando aos seus fillos con Araceli ( a rapaza que a axudaba coas tarefas do fogar) e refuxiándose tamén na casa duns amigos.

Durante a ausencia de Avelina e Bernardo varios homes vestidos de paisanos pero que se identifican con policías chegan a escola preguntando por eles. Araceli minte, sostendo a versión de que foran a Santiago facer unhas xestións e que tardarían días en regresar. A visita dos homes repítese, durante días. Xornadas  máis tarde Araceli vai buscar a Avelina, que regresa xunto aos seus fillos en compañía dos amigos cos que estivera.

A sorte de Mato foi diferente, refuxiado na casa dos amigos de Teo opta por marchar tralo coñecemento de terse producido varias detencións de compañeiros mestres e profesores de universidade. Decide ir ata a casa do seu pai (na parroquia de Vinseiro, no concello da Estrada). Pensando que alí podería refuxiarse por máis tempo esperando a que calmase a situación.

Partiu cun amigo seu, decidindo facelo sen ir polos camiños, para non ser visto. Tenta cruzar o río Ulla en barca, para non pasar pola ponte de Teo, pero aí é onde é interceptado por un grupo de falanxistas. Someten a Bernardo a un duro interrogatorio. Tortúrano buscando información sobre outros escondidos. Non sabemos canto tempo estivo detido.

Sóltano, xunto co seu amigo a beira dun camiño, en Cora, ferido xa de morte. O amigo, con feridas menos graves condúceo a unha casa achegada. Dende alí transportan a Bernardo á casa do pai. Persoas que non quixeron identificarse.

O médico  só pode certificar o grave estado no que se encontra Bernardo, con fracturas por todo o corpo e derrames internos aos que non sobrevivirá. Este, agonizando, contaralle todo a Manuela, que á súa vez contarallo a José Bernardo corenta anos despois. Mato sufre fortes dores que combatía con morfina, ata quedar inconsciente e morrer o 4 de setembro de 1936.

 Pero a violencia exercida sobre Bernardo Mato non remata coa súa execución.  E así, meses despois do seu asasinato, iníciase o expediente de depuración de Bernardo Mato Castro como mestre. O expediente ao que tivemos acceso amosa os informes do párroco, do alcalde e do Comandante de Teo apuntan a súa conduta exemplar en todos os campos excepto o político. A súa conduta política establece os cargos definitivos: a afiliación a ATE e ser apoderado do Fronte Popular nas eleccións de febreiro do 36.

 Fonte: Arquivo Xeral da Administración. Alcalá de Henares

Bernardo Mato é separado definitivamente do maxisterio no 40, catro anos despois da súa execución.  Unha importante “perversión” que non foi unha excepción. Foron moitos os casos de mestres fusilados ou paseados que máis tarde foron suspendidos ou apartados da súa profesión.

Unha ironía que obedece ao interese do réxime por continuar co exterminio, que non só consistía en eliminar aos considerados “inimigos políticos” senón realizar unha violencia a nivel familiar, no eido social e económico (eliminando a posibilidade de pensións para a súa muller e fillos). Bernardo Mato, como tantos outros foi executado en vida e axuizado despois de morto. Demostrando a inmortalidade da triunfal Revolución Nacional-Sindicalista.

 A negación da súa vida, e do seu asasinato, perduraron durante décadas, ata a chamada Transición á democracia, na que unha esperanzada Avelina solicita a pensión de viudedade amparándose nas leis ditadas a tal respecto.

Recorda aínda miña nai a desilusión da súa xa velliña avoa coa negativa que obtivo por resposta.

Unha negativa que supuxo, doutra volta, a negación da súa execución, e con ela a permanencia dos efectos da violencia exterminadora golpista e franquista, que atopou no novo sistema nado no 78 un espazo de continuidade e impunidade.”

“Os falanxistas” saíran aquela noite do cuartelillo de Tabeirós, ben preto do seu Vinseiro natal.

Non  hai documentos, non hai selos oficiais, non hai detención, a violencia exercida sobre Bernardo Mato ocultouse oficialmente mediante a certificación da súa morte como “enfermidade cerebral”.

A investigación realizada por X.C.Garrido apunta a un verdugo José Filloy Esans, de Vinseiro que prestaba os servizos con frecuencia no “Cuartelillo” da Falanxe de Tabeirós. Numerosas fontes recordan como un día entrou na taberna coas mans tinguidas de sangue confesando sen reparos que viña de matar.

Por riba das súas mans executoras atópase outro home, Manuel Castro Pena, Xefe Provincial da Falanxe e tamén veciño da Estrada.

Como sinala X.C. Garrido dous dos tres irmáns Castro Pena desembocarán en ideas de ultradereita: Plácido e Manuel.

Manuel Castro Pena, da Falanxe da Estrada, configúrase como o dirixente da execución do exterminio no concello. Sería el quen dera a orde de torturar a Bernardo Mato, dende o seu posto de Xefe Provincial da Falanxe de Pontevedra. Debido a problemas co órgano director do franquismo será condenado e apartado do réxime debido por unha banda as súas prácticas pouco ortodoxas ( secuestros, roubos, etc) e enmarcada no proceso de loita interna franquista. 

Na documentación da causa aberta contra el podemos ler unha declaración comprometida: “gozaba cuando mataba a un maestro”.

O irmán deste, Plácido Castro Pena, tamén falanxista, estivera moi presente na vida de Bernardo Mato.  Descrito pola familia como amigo del, Plácido foi un mestre moi activo na vida educativa, organizando a Conferencia de 1923 no que Bernardo Mato imparte a súa conferencia “El bienestar como resultado de una buena educación”. Foi en múltiples ocasións encomiado polo propio Bernardo nos propios escritos.

Segundo fontes orais Plácido, na celebración dunha voda, anos despois da morte de Bernardo Mato fala co seu irmán José María Mato e a súa muller Manuela de la Fuente e expresa: “se eu soubera o de Bernardo non tería morto”.

Plácido, que fora Presidente do Consejo Local de Primera Enseñanza da Estrada foi aínda así, xunto co seu irmán, un dos elementos principais da violencia golpista na Estrada.

Ocupou o posto de Inspector de 1ª Enseñanza. Posto polo cal sería coñecido posteriormente.

E, para rematar, reproduzo o texto que escribín para ser lido nunha homenaxe realizada en Calo en 2015.

Non quero esquecerme de agradecer profundamente o labor de investigación realizado por tantas persoas e que finalmente confluíu no auténtico descubrimento do meu avó, da verdade sobre a súa vida e a súa morte que nos foi negada durante tanto tempo.

AS LEMBRANZAS DO AVÓ

            Falar sobre o recordo do meu avó é moi difícil, sobre todo porque non é un recordo que proveña da miña propia memoria senón que chegou a min a través da dos demais, pero o peor é que o que me chegou foi sempre tan pouco que  nunca puido satisfacer a miña curiosidade. Si, porque a curiosidade dunha nena que sabe que perdeu un avó do que tería aprendido tantas cousas…   é unha curiosidade insaciable.

            Eu era unha nena cun desexo ávido de saber, supoño que como soen ser todos os nenos, e lembro que o feito de non contar con ningún avó me incomodaba e mesmo me entristecía: eu quería ter avós, como tiñan a maioría das miñas amigas e compañeiras de escola e custábame aceptar que me tiña que conformar con ter dúas avoas viúvas.

            Lembro terlle preguntado a miña avoa Avelina por el, por como era, mais as súas respostas eran esquivas  e entraban en moi poucos detalles.  Supoñía que non quería falar de cousas que  debían poñela triste e deixaba de insistir.

            Aínda así algunhas veces falaba do bo mestre que fora, de que algo lle chegara a ensinar aos irmáns maiores de miña nai, os meus tíos Pucho e David, de que fora amigo de García Barros…, pero  en cambio sobre a súa morte era moi cortante e drástica: morrera dun tumor cerebral e notábase ben que non quería deterse en explicacións, que era algo que prefería deixar aparcado nalgún recuncho amargo das súas lembranzas.

            Ás veces,  moi poucas, a propósito dalgún tema, agora imposible de recordar, mencionábao e dicía:” Bernardo…” Lembro que esas palabras na súa boca, polo extraordinario que era oírllas pronunciar, producían en min un efecto semellante ao que consegue un mago cando ante os ollos aglaiados duns nenos saca un coello da súa chistera: “Bernardo…”, non podo lembrar o que viña despois, o que si lembro con absoluta claridade é como me gustaba oírlle dicir o seu nome. Era o nome do meu avó, un ser  do que case nada sabía, pero que na miña mente infantil era unha especie de avó ideal, moi intelixente e elegante. A imaxe que tiña del estaba baseada nas poucas fotos que conservabamos, pero sobre todo naquela na que vestía traxe de indiano en Cuba e naqueloutra na que co rostro afable e cercano posaba ao lado da miña avoa no seu retrato de voda. Ese era o meu avó.

             Sempre lamentei enormemente non telo coñecido. Sentíame moi orgullosa del, gustábame pensar que fora un mestre moi querido e iso foi algo que nos meus anos de estudante en Santiago puiden coñecer de primeira man, porque, por estas casualidades que ten a vida, o pai dun bo amigo meu fora alumno seu en Teo e tiven a oportunidade de falar con el  e comprobar o enorme respecto e cariño que lle conservaba. Lembro o emocionante que foi para min esa experiencia.

            Mentres viviu miña avoa o tema do meu avó era como un tema tabú. Ela non quería, nunca quixo afondar na ferida da súa morte, nunca quixo contarnos a verdade e morreu sen compartila con nós.

            Hoxe, tantos anos despois, 25 trala morte da miña avoa Avelina, e sabendo o que agora si sei do meu avó, podo comprender mellor  os coñecementos que eran pouco habituais nunha muller labrega que vivía do cultivo da terra e da crianza de animais domésticos, como tantas outras daqueles tempos. Así por exemplo descubrín, cando xa eu era estudante en Compostela, que ela sabía ben quen fora  Castelao, sabía da súa fama, dos seus debuxos…, e dos seus comentarios desprendíase facilmente que coñecía a importancia que tivera.  Supoño que a súa alegría trala morte de Franco e o feito de que nas primeiras eleccións votara  o PSOE, tería que ver tamén co que aprendera e vivira ao lado do meu avó Bernardo, o home intelixente e culto co que casara e co que compartiu dez anos da súa vida.

            Os indesexables que lle propinaron a tremenda malleira que lle provocaría a morte foron culpables de deixar unha viúva con catro nenos pequenos aos que lles arrebataron un pai que deixaría un baleiro que nunca poderían encher.

            Un deses nenos foi miña nai.

            Ela tenme contado moitas veces as innumerables ocasións en que de pequena choraba polo pai perdido, polo pai nunca coñecido (só tiña tres anos cando morreu e non podía lembralo sequera).

            Ela, vítima inocente das mortes inxustas das guerras, pero tamén do silencio que nace do medo, do silencio que durante case toda a súa vida lle negou o coñecemento do pai.

            Non obstante gústame pensar que algo do seu legado permaneceu en nós, permaneceu en miña nai e os seus irmáns que conservaban os  seus libros que conformaron unha pequena biblioteca da que se nutriron durante a súa infancia e mocidade. Miña nai animábanos a ler algúns deses libros a miña irmá e mais a min, libros que ela mesma lera xa, mesmo máis dunha vez.

             Quizais eses libros que de nenas mirabamos con curiosidade, sobre todo aqueles que tiñan debuxos que acompañaban as historias, pero tamén aqueloutros de luxosas encadernacións  que  aínda que non podiamos entender de que trataban exercían unha atracción especial sobre nós,  quizais eses libros que a min me gustaba coller, tocar e imaxinar todo o que debera saber o meu avó, eses libros que tantas veces tivemos nas nosas mans, libros que guiadas pola nosa nai lemos como lera ela, quizais foron os que me levaron un día a amar a literatura  e a estudar filoloxía.

            Quizais eses libros, que estiveron na miña vida desde que teño recordos, substituíron o silencio da miña avoa e dunha sociedade amedrentada, e quizais a través do tacto suave das súas vellas tapas gastadas e atacadas pola couza puidemos acariñar as mans amadas do avó perdido.

                                                                       Charo Valcárcel (2015)

Bibliografía:

 Morgade Valcárcel, Iria (2013): Bernardo Mato, un mestre silenciado. Da emigración galega á II República: análise dun proceso mobilizador. Universidade da Coruña

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de Galego

Eu son Charo Valcárcel. Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.

Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.

Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

máis artigos

Actividades do 14 ao 20 de xuño 2021

Do 7 ao 13 de Xuño

Actividades do 31 de maio ao 6 de xuño

Do 24 ao 30 de Maio 2021

Do 17 ao 23 de maio 2021

Do 10 ao 16 de maio 2021

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Español