por Charo Valcárcel 

No entroido de Pontevedra

a estrela é un papagaio

que viviu nesta cidade

hai unha chea de anos.

Na rúa da Michelena

coidábao un boticario

e nesa botica era

un personaxe admirado

e era tan falangueiro,

tan burlón e descarado

que enseguida colleu sona

e xa todos o adoraron.

Por iso cando morreu

tivo un enterro sonado

ao que acudiu toda a vila

a despedilo chorando,

a Ravachol nunca máis

ían volver escoitalo.

Que choros e que lamentos!

Que berros desesperados!

Rapaces, homes, mulleres

ao lado do papagaio

vestidos de negro loito

todos xuntos fan o pranto.

Mais cando cae a terra

sobre a caixa do finado

a vila en silencio queda,

cala de súpeto o pranto,

gardando un respecto mudo

mentres baixan ao burato

os restos de Ravachol

o loro do boticario.

 

Charo Valcárcel.   Marzo 2014

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de Galego

Eu son Charo Valcárcel. Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.

Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.

Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

A última garda

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥