A reposición dos crucifixos

Xosé Álvarez

O golpe militar triunfante o 20 de xullo de 1936 pretendía instaurar un novo modelo de sociedade moi afastado do proposto polo anterior réxime republicano. Para conseguir este obxectivo o ámbito escolar era moi relevante e foi obxecto dunha especial atención por parte das novas autoridades. Por unha banda, tivo lugar un exhaustivo proceso de depuración do profesorado, que deu lugar a separacións do servizo, temporais ou definitivas, traslados nos destinos e, en moitos casos, levou ao cárcere ou á morte; por outra banda, nos últimos días do mes de agosto e primeiros do de setembro de 1936, levouse a cabo en toda Galiza unha serie de actos de alto simbolismo que visualizaban a volta aos valores da España tradicional.  Quedaba claro o papel fundamental da Igrexa no control ideolóxico da sociedade en xeral e da escola en particular, así como de cohesionadora arredor de Franco de importantes sectores da sociedade.

Nestes actos, que se organizaron con asistencia masiva da poboación, transmitíase a mensaxe da indisoluble unión da relixión católica, a patria e o exército. Son os actos de reposición do crucifixo, fundamentalmente nas institucións educativas pero tamén noutros lugares. Están relacionados cos actos de homenaxe á bandeira, pois como dicía o comandante militar de Pontevedra Leoncio Aspe: “a nosa bandeira non pode permanecer separada do símbolo que a protexeu e que agora, xuntos de novo, sinalan o renacer da patria”.

O desenvolvemento destes actos segue unhas pautas comúns nas diferentes localidades:

  • Misa e bendición do crucifixo polo párroco.
  • Sermón a cargo dun sacerdote.
  • Procesión ata a escola onde se repón.
  • Discurso dunha autoridade civil ou militar.
  • Discurso dun mestre ou mestra. Recitado de poemas por algún alumno ou alumna.
  • Cerimonia de bicado do crucifixo pola concorrencia.

Asistían as primeiras autoridades civís e militares  acompañadas de milicias das gardas cívicas, falanxistas e requetés.

O domingo, 6 de setembro, reponse o crucifixo en diversas parroquias pontevedresas. En Campañó, a misa solemne e bendición ten lugar na capela de San Paio e no acto teñen especial protagonismo os requetés: daban garda ao altar, participaron na procesión cara á escola e foron tres “pelayos” (membros da organización xuvenil carlista) os que portaban o crucifixo. En Lourizán, a cerimonia tivo lugar na igrexa dos Praceres, pronunciando unhas verbas na escola de nenos o mestre Enrique Touriño e, na de nenas, a mestra Dolores Crespo.

            En Cerponzóns está presente o alcalde da capital, que pronunciou unha vibrante alocución, como tamén fixeron os mestres.

Para un relato máis polo miúdo dos actos pode servirnos o celebrado en Lérez (Pontevedra). Entre os militares destacaba a presencia do capitán de artillería Luis Sánchez Cantón en representación do comandante militar, o alcalde Eladio Becerril e outras personalidades. O cura,  Leandro del Río, celebra a misa e o sacerdote e mestre nacional Jorge Vázquez (logo inspector e membro da comisión depuradora do maxisterio) pronuncia unha homilía alusiva ao acto “sendo moi eloxiado pola beleza e tenrura dos seus conceptos”.  O altar maior contou cunha garda de honra a cargo da Garda Cívica, requetés e a súa sección  infantil de “pelayines”.

            Bendice o crucifixo don Leandro e dirixe unhas palabras aos asistentes. A procesión, que transcorre dende o templo á escola da Porta do Sol, está presidida polas autoridades participando centos de persoas; porta a cruz o coadxutor Juan Rivas. Chuvia de flores e vivas a Cristo-Rei, a España e ao exército.

crucifixo

Reposición do crucifixo en Lérez. Foto Pintos. Biblioteca Nacional

A mestra, Fina Torrado, afiliada á Asociación Católica de Maestros, le unhas páxinas: “Grazas, nobres e valerosos señores xefes e oficiais do Exército, por proporcionarme esta hora de íntimo contento. Pasei moitos meses traballando entre tebras como o mariño que ve ocultarse a estrela polar. Hoxe volve brillar sobre as nosas cabezas para sinalarnos o camiño da fe e da patria. Que ningunha nube de impiedade volva separala das nosas miradas. Que o crucifixo bendito sexa a éxida da mestra e das alumnas e que pronto o vexamos reinar nunha España redimida e feliz pola paz e o traballo. Son muller, son española, son un insignificante membro do maxisterio. Por cada un destes títulos, un voto de grazas, señores. Polos tres xuntos, ¡Viva España! ¡Arriba España! ¡Sempre España!”.

A continuación fala o capitán Sánchez Cantón (militar que tivera especial protagonismo no levantamento de xullo na capital pontevedresa) e, de novo, o cura don Leandro. No desfile para bicar o crucifixo e a bandeira, repártense recordatorios do acto aos asistentes. Os xornais destacan que foi unha festa como non lembraban as persoas máis anciás e que deixará na alma dos que a presenciaron un recordo dos que xamais se borran.

Relevancia especial tiveron os actos celebrados o martes 8 de setembro nas escolas da capital. A xeito de exemplo relatamos a entronización do crucifixo e da bandeira efectuado na escola de párvulos da Moureira. Ten un papel destacado o presbítero de Santa María e director da Juventud Católica, don José Calvo; este cura, coñecido polo apelativo de “Pepe o rápido” pola celeridade coa que administraba as confesións, foi profesor da Escola Normal. Unha catequista, acompañada polas nenas da escola, cantou unha pregaria e a mestra fixo uso da palabra na liña habitual destes actos e referiuse á bandeira e o crucifixo: “Hoxe vemos aparecer nesta escola que me cabe a honra de dirixir, dous símbolos gloriosos, que hai tempo desapareceran da nosa vista para non presenciar os crimes das hordas salvaxes e anarquizantes que os ultraxaban”.

A continuación cantouse o  “Cristo vence” e houbo reparto de bombóns aos nenos.

Dentro destes actos, a reposición nas Escolas Normais tivo un especial realce. En Compostela organizouse unha procesión dende o concello ata a Normal. O xornal El Correo Gallego fíxose eco do acto: “O Crucifixo saído do Consistorio – que un día foi acubillo de alimañas e hoxe é regazo dos verdadeiros representantes da auténtica España – percorreu en triunfo a vella Praza do Hospital”. Outro xornal, El Compostelano, precisa o ambiente do acto: “que fixo chorar a todos, pugnando por ir cerca do crucificado, seguíndoo ata o seu trono, do que o fixera descender, en hora mala, o cretinismo duns homes sectarios e impíos, dispostos a acabar coa civilización e co progreso de España, coa súa cultura relixiosa, con todo o que hai de máis grande e máis nobre: a Relixión e a Patria”. Como pode apreciarse, a linguaxe empregada polos clericais periódicos composteláns non se pode dicir que fose respectuosa cos antigos representantes democráticos.

Xa rematada a guerra, en xullo de 1939, institúese en todas as escolas a Festa da Exaltación da Santa Cruz, que se celebra o 14 de setembro e que lembraba, como di a orde ministerial que a crea, que “A vitoria de España foi, esencialmente, a da Cruz”.

Xosé Álvarez Castro

Xosé Álvarez Castro

Historiador

Xosé Álvarez Castro, mestre, profesor de historia (xubilado) .Licenciado en Xeografía e Historia. 

Máster en Educación Ambiental. Fundación Universidad-Empresa. UNED. 

VI premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda á recuperación da memoria histórica en 2011. 

 Enlace ao Blog de Xosé Álvarez Castro

Historia de vida de Xosé

A educación en tempos da 2ª República

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥