por Luis Pereiro – 03. 11. 2020

Como imos indo cara o inverno e xa duraba moito o bo tempo con ceos moi azúis  pero que con algunha nube daban uns solpores moi bonitos, pensei que neste ano non podían quedar moitos máis días así, que en calquera momento empezaría a chover.
Un día pola mañá  cheguei ao adro da igrexa de Mourente. Desde alí vía o que imaxinaba, só faltaba que o sol se ocultase por onde eu quería. Esa mesma tarde xa estaba agardando por un solpor deses que gosta ver coas nubes que colorean o ceo de vermello e o sol meténdose no mar por onde supoñía que o faría. Esa imaxe co sol desaparecendo tras o porto de Marín, con Pontevedra no centro da imaxe e a illa de Tambo á dereita da ría foi o que saíu.

Enlace ao Blog de Luis Pereiro

Luis Pereiro

Luis Pereiro

Profesor de Galego

Chámome Luís Pereiro. Nacín en Palas de Rei (Lugo). Alí vivín ata os 10 anos para alternar con Lugo desde esa idade ata os 17 mentres facía o bacharelato. Estudei Historia da Arte en Santiago, pero as circunstancias do momento fixeron que entrase como profesor interino de Lingua e Literatura Galegas. Tras cinco anos de interino por Pontevedra e Ribeira, aprobei as oposicións e logo de pasar por Vigo e Cee viñen para Pontevedra ao IES Luís Seoane de Monte Porreiro onde botei 29 anos ata a xubilación voluntaria hai pouco máis dun ano.

Fun un entusiasta do traballo colaborativo, en igualdade e en valores nese centro. Os momentos máis felices paseinos sen dúbida co alumnado do Club de Debate.

Desde que dei o paso á xubilación trato de seguir coas miñas afeccións de sempre pero dispoñendo de moito máis tempo para gozalas. Pódeseme ver correndo polos camiños de Pontevedra catro días á semana, vexo películas e series, escoito rock e blues e gasto moito máis en libros. Agardo poder volver viaxar pronto e ver mundo cercano e distante xunto coa miña cámara fotográfica que me acompaña alá onde vou.

Vichocuntín

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥