A SANTA
Xosé Manuel Gulías MárquezXXII VIXÉSIMO QUINTO CONTO
DÍA DE SANTA CECILIA
SEXTA FEIRA
A SANTA
Cando ía andando por un estreito carreiro rodeado de vexetación verde, que pouco a pouco conduce ó alto do monte da Fracha, xa un pouco pasada a capela do Santo Cristo, moi preto do lugar chamado a Cruz do Brasil, sempre se lle poñía no medio do camiño unha rama florida dun gran toxo que el co bordón que levaba na man apartaba para un lado.
Era o tempo de inicio da primaveira e os toxos e xestas estaban no seu mellor momento.
Telesforo asubiaba moi ben e iso ía facendo durante todo o camiño.
-¡Saca de diante carallo, arre diaño para ti! Mira que es retorcido…
Quen sabe o porque pero o toxo non lle contestaba.
Telesforo, chegada a mesma altura do ano, levaba o gando cada día polo mesmo carreiro.
Dúas veces día tras día, e tanto á ida como á volta, a rama florida do toxo se lle poñía diante impertinentemente pese a que el sempre a apartaba de mal talante e a deixaba colocada cara un lado.
-¡Saca de aí carallo, arre diaño..! Mira que es atravesado.
Ó toxo importáballe moi pouco o que Telesforo lle dicía.
O home insistía en insultalo e ó toxo dáballe o mesmo.
Un día, falando con súa avoa materna que atendía ó nome Isolina, contoulle o suceso.
Xa lle empezaba a preocupar polo que de extraño tiña o asunto.
Non era normal que cada vez que pasaba polo mesmo lugar se lle puxera diante a rama florida dun toxo.
-¡Aparta de aí carallo!
Non obtiña contestación.
O toxo algunha vez encollía un pouco os pinchos coma quen se encolle de ombros pero de aí non pasaba.
Telesforo era teimudo e ía e voltaba sempre polo mesmo lugar.
A Telesforo ademáis de dárselle ben o asubiar gustáballe moito unha rapaza da súa aldea chamada Esperanciña.
A Esperanciña tamén lle gustaba Telesforo.
Por desgraza, antes de que chegaran a algo, Esperanciña morreu dun mal extraño sendo aínda unha xove moza.
Telesforo estivo unha tempada triste e un pouco deprimido, pero a vida segue e el seguíu levando o gando polo mesmo sitio e o toxo continuou póndoselle diante cando el ía pasar.
-¿Que che parece avoa? ¿Non é raro?
-Iso non é nada, non tes de que preocuparte, meu amigo. Vas facer o que eu che digo. Cando a rama se che volva a poñer diante vas executar as seguintes manobras, aténdeme ben: cúspeslle tres veces con forza onde teña máis flores, logo saltas tres veces diante dela cos pés xuntos petando ben no chan e para rematar córtaslle unha cuarta da punta que se che pon por diante cunha navalla.
-¿E…?
-Ti xa verás.
A avoa Isolina tiña na aldea sona de ser moi lista e case que sabia.
Telesforo fíxolle caso a súa avoa punto por punto.
A rama do toxo tivo outra vez o atrevemento de poñerse diante del e dos animais.
-¡Agora vas ver!
Tan pronto cumpriu co mandado, o resto da rama do toxo transfigurouse automaticamente: primeiro asomou a figura dun sapo, logo de chivo vello cuns cornos que daban medo, a continuación de cabritiña nova, ata chegar a convertirse por último nunha bonita figura de muller sen presencia física.
Cando Telesforo estaba aínda coa boca aberta, mirando cara o que facía pouco fora un toxo, a fermosa muller sen presencia física rematou por fin transformándose nunha escultura en madeira policromada dunha fermosísima muller á que lle faltaba a cabeza, pero que el imaxinou como a que tiña a súa amada e finada Esperanciña.
Telesforo, pasado o lóxico susto inicial do momento, xa non era un meniño que era un mozote, colleu a escultura, meteuna debaixo dun brazo e non parou ata que chegou con ela á casa.
O toxo de Telesforo aínda está no sitio
Alí, despois de limpala ben cun trapo branco que tiña para secar a louza, colocouna ó lado do forno, e moi preto da lareira, para que lle dera a calor e que se curara ben a madeira e non lle entrara humidade.
Que dicir ten que o que quedou do toxo, dende aquela, nunca máis se lle puxo por diante a Telesforo cando levaba o seu gando ó monte.
Despois de varios anos, de pasar por moitas mans e de andar dun lugar para outro durante algún tempo, ó final a santa parou na igrexa de San Domingos de Pontevedra, hoxe en ruínas, colocada nun lateral do altar maior para non facerlle sombra o santo titular do templo.
Hai quen di que apareceu, deixada por un pastor vello medio coxo, un Venres Santo pola mañá na porta da igrexa cun anaquiño de rama de toxo seca arrimado a ela, que a atopou o cura e que a meteu dentro.
Tamén hai xente que a contemplou cando a igrexa estaba aínda en funcionamento e aseguraban que se ben estaba sen cabeza, de cando en vez a santa asubiaba.

Manolo Gulias Márquez
Docente
Xosé Manuel Gulías Márquez naceu en Pontevedra en 1952, pero foi bautizado en Forcarei de onde eran seus pais. En 1983 aprobou as oposicións por ciencias logo fixo a especialidade de galego e daba as clases nesa lingua. O seu último destino levouno ao instituto onde estudou, é dicir ao Valle Inclán, non podía estar máis feliz xa que despois de case 20 anos non tivo que volver coller o coche. Neste instituto estivo 18 anos ata que con 65 xubilouse, porque xa tiña o tempo de servizo e xa tocaba. Colabora con nós relatando as súas viaxes.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥