por Enrique Piñeiro

Abril amence con ceo encapotado

e ameaza de chuvia

parece que se cumprirá o refrán

en abril augas mil

o ar é tépedo e perfumado

e as flores colorean o lenzo transparente

da gran xanela

abril florecía

frente a mi ventana

A man máxica da natureza

executa cos seus dedos de aire

un lento vals de follas

e brotes recén nacidos

Non

abril non é o mes máis cruel

la luna fue en abril

en abril fue el amor

lembro a voz máxica de Carlos Cano

Abril acende bicos

que o inverno apagou

e que estalan en vereas floridas

baixo un sol inconstante

que asoma ós poucos entre espesos nubeiros

Escóitase un silencio coma de tumba aberta

á fin cae a chuvia de abril

e o corazón vaise amodorrando

arrolado polas pingas saltaricas

que compoñen pandeiradas nas fiestras

Non

abril non é o mes máis cruel

abril para vivir

abril para cantar

abril para encontrar un nuevo amor

e neste novo abril lembro

outro distante abril

de rosas nas meixelas

de caraveis vermellos nos cabelos

de mil verdes de auga nas miradas.

10 abril 2021

Enrique Piñeiro

Enrique Piñeiro

Profesor de francés

Nacido en Boiro o 10 de xaneiro de 1956.

Estudou o bacharelato en Santiago e  despois Filoloxía Románica na Universidade desta cidade.

Foi lector de español na Escola Secundaria Estatal de Corbeil-Essonnes.

Profesor de Francés en diferentes institutos de Galicia: Ferrol, A Coruña, Pontevedra, Chapela, Marín.

Diploma «Las nuevas tecnologías aplicadas a la enseñanza de los idiomas», en la Sorbonne Nouvelle-Paris III, durante o curso 1993-94.

Xubilado en 2016. Estivo os últimos anos no IES Valle Inclán.

Inverno

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥