Seleccionar página

ABRIL dos libros, máis libres e máis libros

Nestes tempos de confinamento, toque de queda e retorno á intimidade das casas, neste mes de abril, o mes do libro e a lectura, todas somos un pouco Emily Dickinson, quen pasou os últimos 20 anos da súa vida na soidade do seu fogar, no seu caso por unha decisión voluntaria  e libre. Súa é unha das frases que máis identifica e define o pracer de ler: “Para viaxar lonxe, non hai mellor nave que un libro”.

O día 2 de abril conmemórase o Dia internacional do libro infantil, coincidindo coa data do nacemento de Hans Chrisitian Andersen, o autor de grandes clásicos da literatura infantil que seguen a formar parte do imaxinario da infancia actual. Libros como   “O parruliño feo” ou “O traxe novo do emperador”, nos que conflúen o fantástico e o real, achegan aos lectores a unha mirada irónica da realidade, permitíndolles unha distancia crítica sen caer na moralexa final doutros contos clásicos. Educar ás nenas e nenos no amor a narración, á ilustración, ao descubrimento das librerías e bibliotecas, no dereito a elixir as súas propias lecturas, é formar lectores críticos  e cidadás do futuro. 

A asesoría de Bibliotecas escolares da Consellería de educación, cunha traxectoria encomiable, compartiu hai tempo este Decálogo dos Dereitos dos nenos a escoitar contos, da Asociación Colombiana do Libro Infantil, que pon o peso na liberdade e o goce coa lectura, na familia e na escola.

E o día 23 de abril, coincidindo coa data da morte de Cervantes e Shakespeare, conmemórase o Día internacional do libro. Ler é un dereito, e os libros representan ese dereito que nos permite achegarmos á cultura.

Marcapáxinas de Manolo Moldes

O libro, e para moitas persoas o libro en papel, simboliza esas viaxes das que fala Emily Dickinson, non so por ese momento íntimo ou compartido no que nos achegamos ao autor e ao contido do libro; tamén pola busca na visita á librería na nosa cidade ou noutros lugares, polas diferentes bibliotecas aquí e alá, polas recomendacións entre amigos, polas dedicatorias do autor naquela presentación, polos libros de poemas nos que te atopas, polas bibliotecas dos amigos que amosan quen son, por tantos personaxes variados en xénero e época cos que nos identificamos e compartimos vivencias e emocións, e por eses marabillosos “puntos de libro” que atesoras e encontras no medio das páxinas ( no recordo, os fermosísimos puntos de libro que Manuel R. Moldes debuxou para a querida Librería Michelena).

Nestes tempos de incerteza, o libro e os marabillosos lugares onde o atopamos, as librarías,  son refuxio e espazo para a esperanza. Paz, Cronopios, Metáfora, Seijas (a piques de deixarnos), Cao, Escolma, El Pueblo, son espazos comúns para os lectores de Pontevedra, cidade que alberga tamén a dúas das máis grandes editoriais españolas que achegan a maxia ao público infantil, Kalandraka e OQO.

Como tamén apuntan esperanza os datos que indican que a lectura desenvolveu un papel moi valioso no estado español, axudando a levar mellor a situación durante o confinamento. Segundo datos do Barómetro de lectura que anualmente elabora o gremio dos editores, xunto co Ministerio de Cultura, o número de lectores que ocupa nesta actividade parte do seu tempo de ocio, aumentou durante a pandemia.

A pesares deste dato, segue a ser preocupante o número tan extenso de persoas, un 36%, que non len nunca ou case nunca, persoas que nunca poderán, como Nino, o protagonista de El lector de Julio Verne, de Almudena Grandes, “ascender polo espazo atravesando nubes de estrelas,  ou descender ata o magma incandescente das profundidades do planeta”. Compételle a sociedade en xeral, as institucións, a administración, os medios de comunicación, repensar o camiño para mudar esta outra pandemia.

Peque González Novoa

Peque González Novoa

Profesora

Nacín en Pontevedra hai 63 anos, nunha familia das de aquela, “numerosa”. Estudiei Psicoloxía en Santiago e dediquei toda a miña vida laboral á docencia, no ensino público; nos primeiros anos como mestra de infantil e posteriormente como orientadora, ata que hai dous anos decidín pasar a esta etapa chamada xubilación. 

No meu percorrido de vida acostumo a definirme como muller, mestra, nai e avoa, sen orde prevalente, por que considero que son os elementos que conforman quen son.

Achégome a este grupo de xente que tivo a boa idea de poñer en marcha este proxecto “De vella a bella” coa intención de aprender e poder aportar un micrograo de area. Neste contexto no que vivimos, e nesta situación de pandemia, creo que todo o que implique a activación das persoas, sexa cal sexa a súa idade, é positivo. 

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Español