Novela da Premio Nobel de Literatura 2024 Han Kang, escritora surcoreana que nos introduce nos actos de barbarie cometidos polo exército do seu país na primavera de 1980, disparando indiscriminadamente contra manifestacións, principalmente estudiantís, de protesta contra a ditadura. Actos que ocasionaron miles de mortos.

O relato parte xa da terrible situación provocada polos centenares de corpos que se ían apiñando no polideportivo de Gwangju, a cidade na que aconteceron os feitos que se narran, a onde chega Donhgo, un dos protagonistas, buscando ao seu amigo Jeongdae.

A narración vai dando paso a distintas voces que contan a súa estarrecedora experiencia en primeira persoa. Algunhas antes de ser asasinadas, outras superviventes tras pasar polo cárcere e sufrir terribles torturas, tamén familiares aos que estas accións violentas e crueis lles arrebataron un fillo, en moitos casos só un neno, familiares que relatan a súa busqueda desesperada e que habitan no máis absoluto dos desconsolos; e mesmo a voz dun dos asasinados apiñado baixo ducias de corpos sen vida coma el, que non entende o que ve nin o que é, que se atopa perdido na terrible soidade dunha alma orfa, dun corpo arrasado pola brutalidade. É este quizais o episodio máis perturbador e descarnado, tamén o máis conmovedor.

Actos humanos premio Nobel

O relato dos feitos sitúanos asemade en secuencias temporais diferentes, a través dun discurso narrativo non lineal que se converte nunha pedra angular da trama, ao irnos descubrindo, a modo de contagotas, as relacións entre os personaxes e as circunstancias que os rodean.

Todo xira en torno á descrición dese acto atroz e ás vítimas do mesmo, polo que, coñecendo a magnitude da barbarie, quizais cabería imaxinar que nos atopariamos ante unha narración sanguenta e arrepiante. Non obstante Han Kang é quen de trasladarnos toda esta atrocidade, toda esta dor, a través dun discurso que nos estremece, si, pero tamén nos conmove, nos atrapa e nos fusiona coas vítimas, non en van a súa prosa é cualificada como “intensa prosa poética”1. Un discurso que nos amosa a ambivalencia dos actos humanos, capaces das accións máis viles e crueis, mais tamén das máis desinteresadas e heroicas.

Por iso o título, ao meu entender, remite tanto a unhas coma a outras, e mesmo pode ser interpretado coma unha irónica referencia a eses actos levados a cabo por seres humanos que, de forma totalmente salvaxe e completamente deshumanizada, torturaron e asasinaron a miles de compatriotas sen ningún tipo de pudor nin remordemento.

Novela necesaria que nos obriga a informarnos sobre uns feitos históricos que para moitos de nós pasaron case desapercibidos e nos sinala, se é que non o vísemos diariamente moi ao noso pesar, as barbaridades que uns seres humanos cometen contra outros, simplemente por pensar distinto, por ser de distinta raza ou relixión, polo territorio, polo poder…, xenocidas que houbo, hai e haberá, pobos enteiros que sofren as consecuencias de sátrapas e tiranos aos que ninguén lles cospe. Porén a novela tamén nos mostra a valentía e coraxe dunha colectividade sometida que loita ata a morte por recuperar a liberdade.

En definitiva unha lectura moi recomendable que, con toda seguridade, deixará unha fonda pegada.

UNHAS VERBAS SOBRE A AUTORA

Hang Kang foi a primeira muller asiática en obter o Premio Nobel de Literatura.

Naceu en Gwangju, a cidade surcoreana na que ocorreron os terribles feitos que se narran nesta novela.

Na súa obra predomina a narrativa, aínda que comezou a súa carreira literaria publicando poesía. Existe un volume que recolle toda a súa produción poética, Deixei a cea na gabeta, que segue sen estar traducido a outras linguas, só se atopa na orixinal.

Han Kang

A súa narrativa foi cualificada pola Academia sueca como “intensa prosa poética que afronta traumas históricos e expón a fraxilidade da vida humana”.

De momento neste xénero ten publicados catro libros de contos e oito novelas. Delas están traducidas ao español: La vegetariana, La clase de griego, Actos humanos e Imposible decir adiós. En galego, de momento, só contamos cunha tradución de A vexetariana, publicada no ano 2022.

a vexetariana
la clase de griego
imposible decir adiós

Ademais do Premio Nobel recibiu o Premio Man Booker internacional, varios en Corea do Sur, coma o Premio Yi Sang, un dos máis prestixiosos; ou en Francia O Premio Médicis de Literatura estranxeira, etc.

 Na actualidade Han Kang segue vivindo en Corea do Sur (Seúl) dedicándose xa unicamente á escrita.

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de Galego

Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

Formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

A escola das Nogueiras

La verdad sobre la luz

máis artigos

Contacto

Ana Santos & De Vella a Bella

Hablemos ♥♥♥ No dudes en ponerte en contacto con nosotros, enviándonos un mensaje mediante el formulario siguiente.

Ana Santos & De Vella a Bella

♥♥♥ síguenos ♥♥♥