Adosinda volve á romaría de san Bieito

Xosé Álvarez

Adosinda camiñaba de vagar cara ao mosteiro; había moitos anos que non acudía á romaría de “san Benitiño”. Boa coñecedora da historia e tradicións da parroquia lerezá percibía que, no fondo, pouco cambiaran as cousas: novas formas para as crenzas de sempre. Ao pé das escaleiras as rosquilleiras ofrecían os seus produtos; non desapareceran tampouco os postos con velas e exvotos de cera, estes últimos con novidades en forma de representacións de certas partes do corpo que, na súa xuventude, ninguén pensaría en expoñer.

Mosteiro

Mosteiro de san Salvador de Lérez

Conforme subía Adosinda lembraba que á dereita estivera o antigo cemiterio parroquial que fora zona de xogo de nenos e nenas entre restos de antigas tumbas. Non puido reprimir unhas risas cando escoitou polos altofalantes da igrexa como o cura advertía de posibles roubos: “Tengan cuidado con las carteras”. Ben sabía Adosinda, que vivira no barrio da Torre e fora veciña porta con porta de carteiristas como o famoso Venerando, que unha das tácticas destes profesionais tradicionalmente afincados en Lérez era a de que un deles berrase esta advertencia para que, instintivamente, os concorrentes botasen a man á carteira facilitándolles o traballo da súa localización; lonxe estaba de pensar que o cura puidera estar de acordo con eles.

romaria

Romaría de san Bieito

Mulleres subindo ao Mosteiro

Mulleres ofrecidas subindo as escaleiras

Ao chegar ao adro apreciou que había menos xente que cando era moza; tamén botou en falla as ringleiras de curiosos personaxes que pedían esmola amosando nos seus corpos todo tipo de eivas, reais ou finxidas. Aínda puido contemplar a actuación dalgúns moinantes practicando as súas artes para quitarlle o diñeiro aos incautos mediante o xogo do trilé. Xa non quedaban tómbolas nin a multitude de mulleres enloitadas que, de xeonllos, subían cara ao mosteiro en pago dalgunha promesa feita ao santo.

 As misas sucedíanse a ritmo vertixinoso dende a mañá cedo pero a principal era a misa maior, con procesión ao redor do templo; no santo colgaban algúns billetes e tamén se acostumaba (na actualidade non tanto) o ofrecemento de diversos produtos, aves e outros animais que, posteriormente, eran obxecto de poxa.

procesión

Procesión de san Bieito

poxa

Poxa dun pato en san Bieito

Nesta ocasión celebrábase a festa do san Bieito do verán, a que tiña maior sona e asistencia de xente; o 11 de xullo non só se enchía o adro senón que as ribeiras do Lérez acollían familias e grupos de persoas que, cargadas  con cestas e garrafóns, comían e merendaban nas campas do Gramal ou na beira de Mourente. Para trasladar romeiros e romeiras dun lado ao outro do río funcionaba un servizo de barcas de pago e desde Pontevedra subían polo Lérez engalanadas embarcacións.

 O san Bieito do inverno, no mes de marzo, tiña un carácter menos festeiro e predominaba máis o aspecto relixioso.

Adosinda quixo lembrar os seus anos mozos e sumouse ao rito de pasar baixo o altar do santo, pasar un pano pola imaxe e levar unha botelliña de aceite da lámpada que alumea na capela de san Bieito. Segundo a crenza popular, este aceite é man de santo (nunca mellor dito) para curar as espullas e outros males da pel. Non faltan escépticos que atribúen as curacións ás propiedades curativas do cobre do que está feito o recipiente. Homes e mulleres de pouca fe que esquecen o carácter milagreiro do santo que pregoa a copla:

Se vas a san Benitiño

non vaias ao de Paredes

que hai outro máis milagreiro

san Benitiño de Léres.

Adosinda lera que un frade escéptico que fora alumno e profesor neste mosteiro  de san Salvador de Lérez (así é o seu verdadeiro nome e non o de san Bieito), o padre Feijóo, loitador contra falsos milagres e outros enganos ou supersticións, un dos poucos que recoñecía como tal era un que sucedera neste lugar cando a intervención do santo devolvéralle a vida a un neno.

 Un dos desexos de Adosinda era comprobar se aínda se conservaba na parede que dá ao único tramo que subsiste do antigo claustro  a inscrición cos nomes dos fundadores do mosteiro; puido dar fe de que continúa gravado na parede o seguinte:  “No nome de Deus e  en honor de S. Salvador e Sª María Virxe e Marina, Pelaxio, Guntado e Bría irmáns”. O tal Guntado fora o seu primeiro abade e, no ano 916, recibira do rei de Galicia Ordoño II e da súa dona Elvira a doazón das terras e bens do couto do mosteiro, así como de libros e outros utensilios para o culto. Esta e outras inscricións lembran a existencia dun edificio anterior ao actual, que se construíu no século XVIII.

mosteiro antigo

Mosteiro antigo

          Adosinda pecha os ollos e deixa voar a imaxinación: remóntase ao 23 de marzo de 1113 cando no mosteiro de Lérez reúnense as máis altas xerarquías eclesiásticas: o arcebispo de Santiago Xelmírez, o de Braga Mauricio, os bispos de Ourense e de Tui, para facer a consagración dos bispos Munio Afonso para a diocese  de Mondoñedo e de Hugo para a de Porto. Na Historia Compostelana relátase o esplendor daquel día:” Con canta e reverencial luz dos cóengos de Santiago resplandeceu a igrexa de Lérez, que aquel día chegou a ser tan memorable”. Foi, sen dúbida,o feito máis importante que se viviu no mosteiro lerezán; virían días máis negros. A corrupción económica e relixiosa apareceron nos séculos XIV e XV cos chamados abades comendatarios, verdadeiras aves de rapina só interesados nos bens do mosteiro; tamén tivo abades e frades pouco cumpridores da regra de san Bieito, aquela que predicaba o de “Ora et labora”, ou sexa, “Reza e traballa”. Como nos contan os visitadores que inspeccionaban o mosteiro, os praceres do mundo, a boa comida e bebida, a vida marital con mulleres que chegaban a vivir no mosteiro, eran habituais ata que os reis os someten á disciplina de san Benito de Valladolid. A invasión francesa tamén causou estragos nas dependencias e a desamortización significou a perda dos bens e a conversión en igrexa parroquial.

Claustro

Claustro do mosteiro

vista do Mosteiro

Mosteiro de san Salvador de Lérez

       Adosinda abre os ollos e contempla o que resta do pasado esplendor: un claustro e algunhas dependencias danadas polo espolio, a grande pía de pedra que recolle as augas que un acueducto tamén de pedra trae dende centos de metros, algunhas imaxes…

Soan os foguetes e Adosinda regresa cara á casa; mudaron os tempos, as formas son outras, pero o “san Benitiño do ollo redondo” segue a atraer homes e mulleres que, con devoción ou sen ela, achéganse á parroquia de Lérez. Como din os versos:

 Alí donde sempre

van moitos romeiros

ao san Benitiño

santiño ben feito.

Xosé Álvarez Castro

Xosé Álvarez Castro

Historiador

Xosé Álvarez Castro, mestre, profesor de historia (xubilado) .Licenciado en Xeografía e Historia. 

Máster en Educación Ambiental. Fundación Universidad-Empresa. UNED. 

VI premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda á recuperación da memoria histórica en 2011. 

 Enlace ao Blog de Xosé Álvarez Castro

O que nos contan os nomes das Xunqueiras

A carta

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥