O 19 de xullo de 1979, os guerrilleiros do Frente Sandinista de Liberación Nacional (FSLN), entraron en Managua, a capital de Nicaragua, para “tomar o ceo por asalto”. Ese día, conmemórase anualmente como o Día da Revolución.

O Frente, como é nomeado en Nicaragua, tomou o seu nome de Augusto Sandino, quen, a inicios do século XX, encabezou a guerrilla que loitou contra a intervención estadounidense no país. Sandino foi asasinado por Anastasio Somoza en 1934, e o Frente derrotou por armas ao seu fillo menor, o terceiro da dinastía familiar de ditadores somocistas nicaraguanos.

O Frente fundouse en 1961 como organización político-militar, inspirada na revolución cubana. Comezou a ofensiva contra Somoza en 1974, quen marcha do país, derrotado, o 17 de xullo de 1979. 

Nicaragua foto 2
Nicaragua foto 3

No intervalo de tempo que durou o derrocamento da ditadura somocista, o Frente foi medrando en apoios, non so das clases populares, e sumou vitorias tan importantes e recordadas como a toma do Palacio Nacional, comandados pola novísima Dora Mª Téllez, quen, con 23 anos, obrigou ao goberno de Somoza a liberar a 50 sandinistas, entre eles, Daniel Ortega, presidente do país desde 2007 ata hoxe en día, anteriormente, coordinador da Xunta de Goberno de Reconstrución Nacional entre 1981 e 1984, e primeiro presidente da democracia entre 1985 e 1990, ano no que perdeu as eleccións, cando resultou gañadora Violeta Barrios de Chamorro. 

Co triunfo da revolución, constituise a Xunta de Goberno de Reconstrución Nacional, con Daniel Ortega e Sergio Ramírez en representación dos sandinistas, e Violeta Barrios de Chamorro, en representación do sector empresarial.

A Xunta puxo en marcha medidas de reconstrución como a coñecida Cruzada Nacional de Alfabetización, coordinada por Fernando Cardenal,  baseada nas teorías do pedagogo Paulo Freire, coa que se conseguiu a redución da taxa de analfabetismo do 50% ao 13%. Carlos Mejía Godoy,  o cantor da revolución, compuxo o himno da cruzada. Nesta campaña participaron miles de mozos nicaraguanos e doutros países, moitos españois, que se achegaron á revolución sandinista. 

Nicaragua 4

A guerra non rematou en Nicaragua coa vitoria da Revolución. Entre os anos 1980 e 1990, a chamada Contra ( contra revolucionarios), guerrilla financiada por Estados Unidos e apoiada polo seu presidente daquela, Ronald Reagan, fundamentalmente a través da CIA, levou a cabo unha ofensiva armada continua contra o goberno e o pobo nicaraguano. O Tribunal da Haya condenou a Estados Unidos a indemnizar a Nicaragua, por estas accións, con 17.000 millóns de dólares.

Non foi o goberno de Estados Unidos a única inxerencia estranxeira en Nicaragua. No ano 1983, o Papa Wojtyla, Juan Pablo II, visita o país. O ministro de Cultura, Ernesto Cardenal, sacerdote, recibiuno axeonllado, e a imaxe co dedo de amoestación do Papa por formar parte do goberno sandinista, deu a volta ao mundo. 

No empeño da Igrexa Católica contra o goberno nicaraguano, suspendeu do exercicio do sacerdocio a varios membros destacados, entre eles Ernesto Cardenal e o seu irmán Fernando, defensores da Teoloxía da Liberación. O Papa Francisco revocoulles esta suspensión. 

Nicaragua foto 5

Atraídos por unha revolución que foi carismática para a esquerda mundial, moitas persoas acudiron a Nicaragua para cooperar nun país en construción. Numerosas ONG instaláronse no país, coas respectivas contra-partes nicaraguanas, e numerosos países, maioritariamente europeos participaron, a través das súas Axencias de cooperación internacional, no seu desenvolvemento. Destacar aquí o papel da ONG Axunica, con base en Lugo, liderada por Ana Mª Vila Montero, que reside en Granada (Nicaragua) desde os tempos da revolución ata o ano 2018. O traballo desta ONG, como o de tantas outras en distintas comarcas do país, céntrase nas zonas rurais, co obxectivo de estender a educación a través de preescolares con comedores e de becas de aloxamento na cidade para cursar a secundaria á que non teñen acceso nos lugares onde viven. A súa metodoloxía de traballo pasa polo empoderamento das mulleres como axentes activas na vida das súas zonas. Hoxe en día, a contra parte desta ONG, presidida no seu momento por Fernando Cardenal, e outras 200, está prohibida polo goberno de Daniel Ortega e a casa comunal de Granada, Cally Tanday, na que residín na miña etapa de cooperante en 2012, construída coas achegas da AECI e o concello de Lugo, está sen uso.

Nicaragua foto 6
Nicaragua foto 7
Nicaragua foto 8

Ao longo dos anos, en Nicaragua levouse a cabo unha transformación económica e social. Os sandinistas teñen impulsado  programas sociais que levaron ao descenso da  enorme pobreza rural, cunha taxa do 70% en 1993 ao 59% en 2015, segundo datos do Banco Mundial. O PIB e a renda per cápita son dos máis baixos de América.

Nicaragua foto 9

O avance nos dereitos das mulleres, impulsado por organizacións e movementos feministas dentro e fora do Frente, encabezados por mulleres sandinistas,  quedaron plasmados no ano 1996 coa Lei 230 sobre violencia intrafamiliar. No ano 2013 a reforma desta lei supuxo un claro retroceso nos dereitos das mulleres, así como o  desmantelamento da atención integral ás mulleres, que con tanto esforzo se construíra, nun país cun elevadísimo índice de violencia de xénero. O aborto está prohibido en Nicaragua, sen ningún tipo de excepción terapéutica.

No plano político, Daniel Ortega ven concentrando, desde o ano 2007, gran cantidade de recursos públicos e privados no seu entorno familiar, e o control dos resortes da administración do estado, incluído o exército, a policía e o poder xudicial. No ano 1990, entre a data da derrota electoral e a toma de posesión do novo goberno, tivo lugar a coñecida Piñata, pola que se transferiron inmobles e bens públicos a organizacións do Frente e a dirixentes do entorno orteguista.

No ano 1995, destacados sandinistas, desconformes coa traxectoria do Frente, fundan o Movemento de Renovación Sandinista (MRS). Nomes destacados da revolución e novas personalidades implicadas na actividade social do país, agrupáronse baixo a idea da renovación e a democratización das institucións. Sergio Ramírez e Gioconda Belli, os escritores nicaragüenses máis universais, despois de Rubén Darío, a comandante e historiadora Dora Mª Téllez que foi vicepresidenta do Consello de Estado e ministra de saúde nos anos 80, o exvicecanciller do primeiro goberno sandinista Víctor Hugo Tinoco, a avogada Ana Margarita Vigil, Ernesto Cardenal, son nomes ligados ao MRS, actualmente denominado Unamos e partícipe da Unidade Nacional Azul e Branco.

Movemento de abril 

No ano 2018, en abril, unha comuñón de descontentos xeralizados no país, plásmase en diferentes mobilizacións autoconvocadas, sen directrices ou vangardas organizadas. O detonante das primeiras mobilizacións, lideradas por estudantes universitarios, foi a protesta contra a reforma da seguridade social, ao que se sumaron os campesiños agraviados pola ameaza de expropiacións pola venta a unha empresa estranxeira da concesión do futuro canal, o movemento feminista e un descontento xeral polo control férreo do goberno e unha burocracia asfixiante.

A resposta do goberno de Daniel Ortega foi a violencia e a represión. Durante os meses posteriores sucedéronse as mobilizacións, encabezadas fundamentalmente polo movemento estudantil e as denominadas “Nais de abril”, contabilizándose máis de 300 persoas mortas polas forzas policiais e para-policiais. O éxodo ao exilio ou a emigración proporciona cifras de ata 70.000 persoas que abandonaron o país. Varios intentos de negociación e mediación remataron sen continuidade, pola feroz represión instaurada.

A represión policial deu paso a represión política. O goberno pechou e incautouse dos medios de comunicación que non lle eran afíns. Xornais emblemáticos e tradicionais como La Prensa e Novo Diario pecharon as súas edicións, e outros como Confidencial foron asaltados e reinvéntanse no exilio.

Nicaragua foto 10

En Novembro de 2021, celebráronse en Nicaragua eleccións xerais, nas que Daniel Ortega alzouse coa vitoria, despois de ter encarcerados e anulada a candidatura de ata sete aspirantes á presidencia do país.

Todas as persoas nomeadas anteriormente, agás Daniel Ortega, están presas, no exilio ou faleceron hai pouco, como os irmáns Fernando e Ernesto Cardenal, quen foi sometido a unha enorme persecución  política nos últimos anos.

Dora Mª Téllez, Victor Hugo Tinoco e Ana Margarita Vigil permanecen presos, xunto con máis de 150 persoas, desde o ano 2021, no cárcere do Chipote, lugar de terror tristemente coñecido ao longo da historia pola torturas somocistas que padeceu o propio Ortega, e nos últimos meses, enfrontados a tribunais denunciados por falta de imparcialidade e condenados ata a 13 anos de prisión.

O cantante da revolución,  Carlos Mejía Godoy, e os escritores Sergio Ramírez e Gioconda Belli, viven no exilio, como máis de 100.000 persoas, que buscaron refuxio maioritariamente en Costa Rica.

A esquerda europea e española máis tradicional, aferrada a posicionamentos caducos, cústalle traballo denunciar a ausencia de democracia e o totalitarismo que vive o país. No tempo no que se abren as grandes alamedas en Chile, Honduras e Colombia, en Nicaragua apodrecen os malinches e as nubes cobren os volcáns, o lago e as numerosas vilas e cidades deste “paisito” que tantas alegrías nos ten dado. 

Nicaragua Foto 11
Peque González Novoa

Peque González Novoa

Profesora

Son Peque González Nóvoa. Nacín en Pontevedra hai 63 anos, nunha familia das de aquela, “numerosa”. Estudiei Psicoloxía en Santiago e dediquei toda a miña vida laboral á docencia, no ensino público; nos primeiros anos como mestra de infantil e posteriormente como orientadora, ata que hai dous anos decidín pasar a esta etapa chamada xubilación. 

No meu percorrido de vida acostumo a definirme como muller, mestra, nai e avoa, sen orde prevalente, por que considero que son os elementos que conforman quen son.

Achégome a este grupo de xente que tivo a boa idea de poñer en marcha este proxecto “De vella a bella” coa intención de aprender e poder aportar un micrograo de area. Neste contexto no que vivimos, e nesta situación de pandemia, creo que todo o que implique a activación das persoas, sexa cal sexa a súa idade, é positivo. 

Encadernación Viñas

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥