Ángeles é da terra dos meus ancestros, sabía dela por referencias da aldea pero soamente eramos amigas no facebook, parecíame tan rica e apaixonante a súa vida que decidimos facerlle unha historia de vida, quedamos en Arroelo, a oficina, como a chamo cariñosamente, e apareceu vestida de verde esperanza cun traxe que fixo ela mesma e, a pesar da máscara, adiviñábase un gran sorriso.

Ángeles naceu en San Andrés de Xeve  un 25 de novembro de 1940, era a pequena de 5 irmáns, José, Mercedes, Marisa e Fernando, dos que vive soamente Marisa.  Aos 7 anos foi á escola con dona María, que sei que só comía patacas e berza.  Ángeles leváballe ovos que lle daba súa nai para que comera mellor; é que xa se sabe o dito:  “pasas mais fame cun mestre de escola”.

Cando tiña 9 anos seu pai puxo escola na casa ao quedar sen traballo porque o acusaron de republicano e xa estudaba con el. Para ela sempre foi un referente, recitaba os clásicos e adoitaba cantar zarzuelas e cancións populares.

argibay

Familia Argibay – Casal, a súa nai a segunda pola esquerda atrás

Ángeles 1943

Ángeles en 1943

Tiñan unha casa grande con servizo e nada lles faltaba, pero no ano 1954 morreu seu pai, que tiña un bo posto de secretario no concello, porén a súa nai non recibiu ningunha pensión como viúva e todo cambiou para elas. Así Ángeles pasou de xogar coas  monecas a muxir vacas, coidar os animais, facer o pan, podar as viñas, labrar as veigas… mais a ela non lle desgustaba ser campesiña e gozaba da vida no campo. Seus irmáns Mercedes e José marcharan para Bos Aires cos tíos e coa avoa, e alí estiveron dez anos, Marisa casada en Pontevedra e Fernando de constructor en Vigo, a nai e ela foron as únicas que quedaron na aldea…

En Burdeos tivo que deter a actuación cun nó na garganta e bágoas de emoción nos seus ollos, pois todo o mundo se puxera a aplaudir cos brazos abertos ao unísono o mesmo que fixeran con Atahualpa Yupanqui”

Ángeles Ruibal Argibay

Coñeceu ao seu marido porque o seu irmán Fernando quería saír cunha amiga súa e ela foi de carabina pero tamén levaron un amigo para que a acompañase. Aos 18 anos quedou embarazada e casou con el. Jesús Baquero era de Poio . Ao casar foi vivir para a aldea con elas pero non se afacía a aquela vida e marchou, para Francia, a traballar cun tío que residía alí. Veu  velas cando a filla tiña ano e medio,  o encontro tivo que producirse ás agachadas no Monte do Castro porque os irmáns dela non o deixaron ir á casa.  Non volveu saber del ata que a súa irmá Mercedes lle contase por teléfono que morrera, quedando viúva aos 25 anos.

Ángeles

Co seu pai e a súa irmá Marisa

Ángeles_xeve

Ángeles en Xeve vestida de galega

Ángeles Xeve

En 1950

Seu irmán José que xa viñera de Arxentina e vivía en Madrid un día escoitouna cantar e emocionoulle tanto a súa voz que quixo levala á capital para que estudara, e alá foi deixando a súa filla coa súa nai en Vigo na casa dos seus irmáns Fernando e Mercedes, casada co arquitecto Agustín Pérez Bellas, ocupábase da nena como unha segunda nai., xa marcharan todos da casa da aldea. 

En Madrid estudaba día e noite cos mellores profesores, canto, piano, solfexo, guitarra, cultura xeral. Pepe, o seu irmán, era o encargado de elixir as clases, cos mellores profesores, e que puidera ir aos concertos. As tertulias na súa casa con intelectuais moi importantes era o mellor para ela. Ángeles era a responsable de cociñar sendo por iso moi eloxiada e nas sobremesas cantaba aos invitados. 

Alí coñeceu ao compositor Waldo dos Ríos, ao poeta Felix Grande, ao director de cinema Miguel Picazo, ao actor arxentino Carlos Estrada e un sen fin de personalidades que ela prestaba tanta atención ás súas conversacións, que en cada reunión era como facer unha clase maxistral de cultura.

En Madrid coñeceu a María Fux, unha prestixiosa bailarina arxentina moi amiga do seu irmán, cando a viu bailar,  fíxose amiga dela. Un día chamouna desde Arxentina dicindo que lle ía mandar ao seu fillo a Madrid e se podía quedar na súa casa uns meses, ela dixo que si sen sospeitar que se ían namorar, el tiña 22 e ela 27, o seu amor pola música foi o que os uniu. Empezaron a facer cancións e a cantar xuntos  e, ao pouco tempo, el díxolle: “teremos que casar, non si? A sua filla de 8 anos estaba encantada xa que por fin ía ter un pai. Xuntos formaron o dúo Los Juglares.

Maria Fux

Ángeles con Sergio Aschero e María Fux

Cando chegou Sergio Aschero, Ángeles xa cantaba con éxito nos colexios maiores de Madrid  a grupos de estudantes e que de un concerto, saian contratos para outros vinte.

Coa súa nova parella empezou cantando por toda España e logo foron a París aproveitando a lúa de mel, deron varios concertos con moito éxito. No ano 1969 marcharon a Bos Aires cantando na Botica del Angel, un referente de boa música no país, alí gravaron un disco,  “España canto y poesía”. Decidiu vir a España para dar a luz a súa segunda filla, Irene. Mentres a criaba gravaron outro disco con poesía de Agustin Pérez Bellas no 1971 e outro no 73 coa CBS “Lorca los Juglares” e no 76 “Está despuntando el alba” con poemas de Miguel Hernández con Pauta, Ariola… Daban infinitos recitais por toda España. En 1978 volveron a Bos Aires para instalar unha escola de música onde eles mesmos eran os profesores, chegando a ter 100 alumnos nalgunha ocasión.

juglares

“España canto y poesía” 1969

Lorca

“Lorca Los Juglares”. 1973

juglares

“Está despuntando el Alba” 1976

No ano 1999  dedicábase á ensinanza musical e decidiron levar camiños separados, el quedou coa súa nai en Bos Aires e ela veu para España no 2002, onde a prensa a recibiu con moito cariño, e comezou a cantar as súas propias cancións en diferentes caixas de aforros e concellos.  Ela, muller valente onde as haxa, volveu gravar no ano 2003 Cancións para sentir.

En 2012 dedicou un disco ao trobador Atahualpa YupanquiAsí sinto a Yupanqui” recibindo unha medalla e diploma polo Honorable Congreso da Nación de Arxentina, como recoñecemento polo seu labor cultural. En 2017 gravou a poesía da viguesa Mª do Carme Kruckenberg, “Acóchache en mín“. En poucos meses, volve á Arxentina para gravar poemas de Rosalía de Castro con música propia, patrocinada por Asociacións Galegas e realizar varias presentacións en asociacións e teatros de Arxentina.

disco
acochate

Quixo tamén o azar ou a fortuna que Arturo quedara cativado dela. Arturo Pérez Vega era viúvo, un home encantador, dime. Estiveron 3 anos de noivos e logo deulle un ictus, antes de enfermar, el pediulle para casar e ela alongaba a data, pero ao quedar nunha cadeira de rodas, ela dixo que cando camiñara facíano. Cinco anos despois, de coñecerse, déronse o si quero en Arbo. O seu novo marido recoñece que nunca fora tan feliz, a pesar da súa enfermidade, Ángeles díxome que era un home bondadoso, intelixente e moi boa persoa, no 2011 quedou viúva de novo, marchou para Arxentina onde estaba  súa filla e as netas. Viaxou coas cinzas de Arturo que repousan aos pés dun limoeiro na casa da súa filla.

O amor volveu chamar á súa porta, esta vez un periodista arxentino, Eduardo Aldiser, que lle quixo facer unha entrevista por internet, a maxia xurdiu entre os dous e xa levan 9 anos vivindo en Pontevedra onde el xa quere ficar a vivir.

Eduardo fíxolle a páxina Web e meteuna nas redes sociais porque ademais de periodista, publicista e locutor,  di que as novas tecnoloxías son moi importantes para promocionar o seu traballo.

Recorda con cariño un concerto en Burdeos onde xusto antes de saír a cantar dixéronlle que cando tocaran alí Atahualpa Yupanqui  acontecera unha cousa excepcional pois todo o mundo se puxera a aplaudir cos brazos abertos ao unísono, producíndose un aplauso atronador. Cando, na súa terceira canción (un poema de Machado) empezaron a facer o mesmo as miles de persoas alí congregadas, non puido coa emoción e tivo que deter a actuación cun nó na garganta e bágoas de emoción nos seus ollos, repetíronse os aplausos máis dunha vez e ao final da actuación foi apoteótico.

Ruibal

Non ten soños sen cumprir porque foi soñadora e quixo cumprilos todos, quizais lle gustaría ser máis coñecida como artista, que se valore a poesía musicalizada, a difusión do seu traballo como cultura, pero non como persoa, non é soberbia, moi ao contrario como signo de humildade cara ao seu traballo.

Goza coas cousas simples porque valora os momentos, todo o que deixa poso, dime que vai pola vida cos ollos ben abertos para atrapar todo o do exterior e lembra o consello que lle dicía seu pai para coñecer a boa xente. “Ordeñaba un fraile a un mono entonando este cantar, miren la cara que tiene la leche que puede dar”.

De Pontevedra gústalle todo, recorda que de nena non a deixaban ir por determinadas rúas agora cada rincón lévao na alma, coñece a pouca xente por aquí, pois os amigos que tiña eran amigos dos seus irmáns que xa morreron, pero os que ten agora son  xente encantadora

No 2019 fixéronlle unha homenaxe no sexto edificio do Museo a editorial Benito Soto polos 70 anos cumpridos, alí foi onde publicaron  o 1º libro de seu irmán José Ruibal. Xesús Alonso Montero chamouna para pedirlle que musicalizara uns poemas dos poetas homenaxeados e aos poucos días xa os tiña preparados, non precisou acompañamento musical, a súa voz a capela encheu a sala abarrotada do museo.

benito soto
Luthiers

Con Les Luthiers

ARROELO

En Arroelo

guitarra

Coa súa guitarra

Nuns meses voltará a Bos Aires onde pensa estar case un ano, gozando da familia, amizades e traballando por suposto.

Esta charla estivo chea de cancións e relatos que non podo reproducir xa que non os gravei e quedan coma un agasallo no meu corazón, si que gravei un alalá que encheu a sala 23 de Arroelo de positividade e boa onda.

Angeles mil grazas por compartir con nós un cachiño da túa enriquecedora vida, vémonos sempre na rede e se pode ser tomando un café xa sen máscara.

Páxina web

 

Ana Santos Solla

Ana Santos Solla

Profesora de Educación Física

Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.

Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.

Historia de vida de Lela

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥