por Isabel García Uría
Antes da túa chegada
lonxe dos pasos que a ti me levaron
lectura e poemas absorbían a ansiedade
que agromaba nos meus ollos.
Sentíate no tempo aínda impreciso
co teu febril alento
na miña pel de lúa.
Música, saudade
posuíndome o corpo
en confusa turbulencia
e a terra preparando os camiños
para mudar o fluír dos sangues separados.
Descubrinte no final do verán
nun café da cidade
nun inmenso latido
nunha cálida voz
preguntando o meu nome.
Transcorreron anos sen antes nin despois
con un quérote permanente na lingua
mais un día
descubrimos o sabor a nada en cada bico
foi tempo de tebras e de luz
de fuxida e retorno.
Chovía miudiño
cando quixen unha vida diferente
e pronunciei aquel adeus mollado e triste.
Dende a tranquila soidade do presente
penso no noso amor, xa convertido
en materia inmortal desta lembranza.
Isabel García Uría

Isabel García Uría
Profesora de Música
Mª Isabel García Uría naceu en Bilbao e pasou a súa infancia en Asturias. Cando era adolescente a familia trasladouse a Vigo e alí estudou o bacharelato e a carreira de música no Conservatorio Elemental e posteriormente no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. É licenciada en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela onde tamén realizou os cursos de doutoramento. Traballou como profesora en varios institutos de Galicia ata que obtivo destino definitivo en Pontevedra, cidade na que actualmente reside. Tamén impartiu clases na UNED. A súa gran afección desde nena foi escribir e recitar poesía. Ten publicados dous libros: Pingas de Luz e A Realidade Extraviada, ademais de varios poemas en antoloxías e revistas. Foi unha das organizadoras do XIII Encontro de Poetas na Rede que se realizou no Palacio da Deputación de Pontevedra no ano 2015. Colabora habitualmente co Brumario Poético que organiza cada ano a Fundación Cuña- Casasbellas. Edicións Casiopea seleccionoulle un microrrelato, titulado Unha Emoción Inexplicable, para publicalo no VII Premio Internacional de Mujeres Viajeras. Un dos seus haikus está no Muro dos Poetas de Vigo. Varios poemas seus foron traducidos ao árabe e publicados na Letra Nazarí, cadernos que edita a Embaixada Española en Marrocos. Na actualidade ten inédito un libro de poemas que espera que pronto poida ver a luz.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥