Aqueles anos do cólera

Xosé Álvarez

Tempos de pandemia; os clásicos escribiron que non hai nada novo baixo o sol e a historia confírmao. Séculos nos que a peste negra, a febre amarela, a gripe, o cólera, espallaron a morte por campos e cidades. Poñamos os ollos no século XIX; en varias ocasións o cólera morbo esténdese polo país: no 1833, procedente de Portugal, afecta Vigo no mes de febreiro e continúa por Galicia; en 1854 volve e, o 4 de xuño, os concellos da nosa zona notificaban varios casos: Pontevedra 10, Alba 27, Salcedo 5 e Mourente 6; no verán de 1885 aparecen novas dalgún caso en Crecente e na zona de Cobres e, posteriormente, avanza por toda a provincia.

            A postura dos responsables sanitarios e da poboación non diferían das actuais: opinións contrapostas sobre a contaxiosidade, negacionismo sobre a existencia da enfermidade, agochamento dalgúns datos, oposición social contra medidas que dificultasen o comercio e a industria e resistencia ao que consideraban intervencionismo do Estado. En xuño de 1885 o comercio de Madrid pechou as tendas en protesta pola declaración oficial do cólera na capital e, como consecuencia, houbo un motín no que tivo que intervir a forza pública.

            Cando, no ano 1853, chegan novas da aparición do cólera en Dinamarca, dítanse normas para a corentena dos barcos. Só existían os lazaretos de Mahón e de San Simón, polo que os prexuízos para o comercio marítimo, sobre todo o de ultramar, eran de moita contía. As razóns económicas e as presións dos grupos afectados impuxéronse ás razóns médicas e o goberno optou por facer fincapé nas medidas de sanidade e hixiene pública e, dentro delas, adicar moita atención a instruír a poboación en medidas sanitarias; a estes efectos editáronse numerosos folletos.

Un percorrido polas publicacións deste tipo resulta ben interesante para apreciar as medidas adoptadas. Podemos agrupalas en tres grandes apartados: psicolóxicas, de hixiene e alimentación.

No primeiro apartado, as autoridades consideraban moi importante manter o ánimo da poboación; a Real Orde do 24 de agosto de 1834, no seu artigo 4, déixao moi claro:

 “Cuando la enfermedad epidémica invada un pueblo adoptarán las Autoridades todas las medidas que estimen conducentes para mantener la alegría y serenidad en el ánimo de los habitantes, evitando todo lo que pueda afectarlos melancolicamente. Cuidarán por consiguiente de que los auxilios de nuestra Santa Religión sean dispensados a los enfermos de modo que no causen impresiones tristes y perjudiciales a los sanos y de que el fallecimiento de los fieles no dé motivo a ocupar su imaginación con ideas lúgubres; a cuyo fin prohibirán las referidas Autoridades el uso de las campanas con tales motivos”.[1]

 Na mesma liña, a “Cartilla de salud y preservativo del cólera-morbo” recomendaba, entre outras, as seguintes medidas:“Unidad, prudencia, armonía. Evitar los odios, que consumen y envenenan la sangre”. O mellor para vivir san era conservar o ánimo sereno e o mellor método para espantar os males era non temelos nin buscalos. A cartilla non se queda só nos aspectos psicolóxicos e non dubida en estendelos ao apartado físico:

  “Nos debemos hacer un inviolable deber de abstenernos de todos aquellos actos y placeres, que aunque lícitos y honestos, inducen movimientos y alteraciones vehementes, ya sean mentales, morales o físicos. Así que el hombre de letras ha de poner coto a sus estudios; el comerciante a sus cálculos y el esposo a sus ternezas”.

  Segundo afirma, o cólera repélese coa tranquilidade moral, mental e corporal así como coa limpeza e ventilación, o abrigo, a continencia e a prudente moderación en todos os actos. Para resumir este apartado, nada mellor que o aconsellado nos “Preceptos y advertencias contra el cólera asiático”: “La conformidad religiosa es un precioso antídoto” e “huir de toda pasión vehemente y de los excesos en la venus”. As autoridades relixiosas non perden a ocasión de utilizar as pestes no seu proveito; o Boletín Oficial do arcebispado de Lugo (9-9-1885) advirte que:

 “No hay antídoto contra el cólera; no hay medicamento infaliblemente preservativo o infaliblemente curativo. ¡No, mil veces no! Las eminencias de la ciencia han hecho y hacen estudios, ensayos y esfuerzos titánicos por conseguirlo, pero digitus Dei est hic, está aquí la mano de Dios y bajo su peso las lumbreras del saber son pigmeos”.

  Apunta como remedio un método que xa salvara a Marsella da peste: o escapulario do Corazón de Xesús; ao mes seguinte lembra que “el mejor medio de matar los microbios desde que asomó el cólera era la oración, las lágrimas de penitencia, el sacrificio”.  Parece claro que, para a Igrexa, a orixe da enfermidade estaba no que o xornal Galicia Católica advertía (30-8-1885):

 “Las noticias referentes al cólera, terrible epidemia con que la divina justicia viene castigando a esta desventurada nación, trabajada por las degradaciones del mal y por las doctrinas disolventes de la impiedad”.

 Este tipo de discursos son combatidos por publicacións laicas como Galicia Liberal (26-10-1885) que se fai eco dun comentario do xornal El Clarín, de Jaén, sobre o sucedido naquela cidade:

 “Al día siguiente de la procesión de la rogativa arreció el cólera en esta capital – según profetizaron los médicos en la protesta que contra aquel acto formularon – y sabido es el inmenso y doloroso desarrollo que la epidemia llegó a adquirir. […] ¿Se convencerán ahora ciertas gentes de la ineficacia de los procedimientos religiosos para combatir el cólera, los terremotos, las sequías y demás fenómenos naturales? ¿Negarán ahora que para prevenir o extirpar el cólera, en vez de letanías y procesiones, lo que sirve es la limpieza, los buenos alimentos, las medicinas y cuanto la Ciencia aconseja?”

[1]      En todas as citas respéctase a ortografía orixinal.

As medidas hixiénicas  que recomendan as autoridades consisten en cambiarse con frecuencia as “ropas interiores”, aínda que con prudente cautela para non coller un constipado, lavarse frecuentemente as mans, cara e boca con auga morna e un pouco de vinagre ou unhas gotas de viño, cubrir a pel en todo tempo procurando abrigar ben o ventre, estómago e extremidades, darse fregas secas ou aromáticas cun pano de la ou flanela. Os delicados e sensibles debían amparar o estómago con emplastos, usar faixas, bo calzado e manter os pés quentes; no caso de que arrefriasen, facer pediluvios con viño quente e romeu. Tamén era conveniente pasear a modo, en doce compañía, sen coller o resío, fuxir de zonas de pantanos ou ríos e dos bosques sombrizos. Nunca saír sen almorzar ou inmediatamente despois de levantarse. Procurar non rozarse con persoas descoñecidas e transeúntes ou coas sospeitosas de enfermas, que debían denunciar ás autoridades, e non facer reunións. Os cuartos debían estar limpos e ventilados e as casas branquealas con cal. Limpar as “vasijas destinadas a recojer las excreciones naturales”, nas que se botaría auga con cloruro de cal. Nas poboacións prohibíase a cría e estancia de gando de “pezuña hendida” e tamén de pavos, galiñas e pombos, que necesitaban currais de aldea libres e espazosos.

            Posiblemente o aspecto máis importante era a alimentación; partíase da premisa de que non debía sentarse un á mesa sen estar enteiramente tranquilo e descansado, era fundamental procurarse boas dixestións para o que o medio máis eficaz era non cargar o estómago. En canto á forma de preparar os alimentos, os máis recomendables eran os cocidos e asados e evitar salsas e especias, pois eran nocivas, así como o mel e o azucre moreno. Os salgados, afumados, xeados ou escabeches había que desbotalos. Un exemplo de almorzos recomendables podían ser sopa de pan con manteiga ou té con leite e tostada, unha cunca de leite con salvia, pan branco, caldo de pucheiro e un ovo fresco. Rexeitaba o almorzo con augardente, moi habitual, e en todo caso podíase permitir “media copita de tintura de ajenjos”.

            En canto ao tipo de alimentos, os mellores de orixe vexetal eran o arroz, a sémola, o pan de trigo ben cocido, pataca cocida e o seu caldo e nabos. Non se debía cargar o corpo con legumes flatulentas, tomates, pementos, coles, verzas, acelgas e outras hortalizas “que encruden el estómago o aflojen el vientre, o causen flatos o lo llenen de agua, como el melón, el calabazo y la sandía”. Mirar con moito respecto as minestras e proscribir as ensaladas crúas. En xeral “es dañoso el pasto vegetal y mas el de plantas herbáceas, y tanto más si es exclusivo”. En relación coas froitas, a norma xeral era desbotalas, só cabía algunha indulxencia respecto ás peras de maior calidade, que podían comerse cocidas en viño.

            As carnes debían estar ben desangradas, brandas e suculentas: boi, vaca, galiña, capón, pavo, pombiño, cocidas ou asadas; non eran aconsellables o porco, sangue, bofes, fígado ou callos. “Es espuesto en este país el uso de carnero y cabrito, que suelen aflojar el vientre”, pero sobre este tema había opinións contraditorias. Tamén se admitía o leite e o queixo. No caso dos peixes debía procurarse que foran de boa calidade: linguado, pescada, solla, muxo, troita, robaliza e outras especies “brancas e suaves”; os de pel azul son indixestos. De todos xeitos hai publicacións que prohiben, por prudencia, calquera tipo de peixe. Tamén  consideraban prexudiciais o polbo e a lura.

  Toda la familia de concha es temible; como la centola, langosta, ostras, camarones, bocas, perseves y el resto de mariscos; que además son unos poderosos escitantes, que deben evitarse.

 As bebidas tamén son obxecto de recomendacións: había que ter coidado coas fontes frías e o viño mellor tinto que branco, vello, pois:

 un poco de vino a las comidas, procurando que sea del mejor que se pueda, siempre facilita las digestiones, por lo general y conserva por consiguiente en buenas condiciones el tubo digestivo para oponerse a la absorción de miásmas deletéreos.

  En todo caso, nunca beber un vaso de viño de golpe senón a sorbos e entrecomendo pan e comida. Debían evitarse bebidas como:

  El aguardiente, el ron y licores alcoólicos, son otros tantos venenos; su uso predispone al cólera de un modo patente: los beodos son sus víctimas. El esceso del vino, cerveza, cidra, ponche y demás líquidos espirituosos y fermentados degrada al hombre y le atrae de fijo el funesto mal que tratamos de evitar.

Aínda así, algunha destas bebidas pode usarse cando un sospeita de estar enfermo, neste caso debe deitarse inmediatamente, non comer e tomar unha cunca de té ou macela quente cun pouco de ron ou augardente. Aínda con todas estas precaucións, puidera darse o caso de que apareceran síntomas da enfermidade; antes de vir o médico, habería que mudarse de roupa, abrigarse, arrimarlle ao enfermo saquiños de area ou botellas de auga quentes, beber auga con vinagre e “si hay destemple de vientre”, lavativas con amidón e auga de arroz, cataplasmas quentes no embigo, “sanguijuelas a la paletilla o a la margen del ano”.

Se os síntomas son máis fortes, meterse na cama, beber cocemento de malva e “conviene sangrarse del brazo o pie si el sujeto no es muy débil, y si lo fuese, aplicar sanguijuelas al ano o boca del estómago, según el dolor acometa mas al vientre o estómago”.

Sobre o uso de certas substancias e métodos curativos pode ofrecernos interese a composición que se recomendaba para un botiquín de urxencia: auga de melisa, xarope de goma, xarope de opio, láudano líquido, extracto de opio, éter sulfúrico, limóns ou laranxas, varias ducias de samesugas, fariña de liñaza, liñaza en gran, altea, linimento alcanforado, emplasto de cantárides, mostaza moída, aceite de améndoas, ipecacuaña, lavativa, quentador, cloruro de calcio e trapos de flanela.

            Como nos tempos actuais, tampouco faltaban defensores de terapias alternativas: coñecemos a existencia dun método curativo do licenciado Vázquez, “ángel tutelar de Sevilla”. Vázquez, despois de comprobar que os afectados polo cólera padecían unha sede ardente e morrían clamando por auga, deduciu que o mal consistía en que a bile depositábase no estómago e consumía toda a auga que necesitaba o corpo; as medicinas que se aplicaban non eran correctas e os enfermos tiñan que loitar contra dous inimigos poderosos: o mal mesmo e as medicinas, polo que eran raros os que se salvaban.

Estaba persuadido de dos cosas para mi indudables, a saber: de que la enfermedad no era contagiosa y de que solo podía atacarla arrancando la bilis depositada en el estómago y humedeciendo extraordinariamente al invadido.

 Baseado no anterior, o licenciado Vázquez propoñía que o enfermo bebera tres vasos de aceite, un cuarto de hora despois auga morna ata que vomitase axudando coa introdución na gorxa dunha pluma mollada en aceite; logo de rematar os vómitos tomaría unha cunca de caldo ben quente feito con vaca, galiña, moitos garavanzos e herba boa. Unha hora despois bebería un vaso de viño tinto do país e auga fría. Esta dieta continuaría 2 ou 3 días e logo pasaría a alimentarse con sopa de pucheiro precedida sempre dun vaso de viño. Pasados 8 días comería todo tipo de comida menos leite, queixo e manteiga. Lembra o inútiles e prexudiciais que eran as sangrías, o uso de samesugas, sinapismos, panos quentes, friccións e semellantes xa que “este terrible mal se cura promoviendo los vómitos y despeños y bebiendo mucha agua”.

Pasarían uns anos ata que medidas de hixiene pública como a construción de abastecemento de auga en condicións sanitarias aceptables, redes de sumidoiros e avances médicos  como a vacina deseñada polo doutor Ferrán, fixeran desaparecer esta ameaza. Tempos de pandemia: nada novo baixo o sol.  

Xosé Álvarez Castro

Xosé Álvarez Castro

Historiador

Xosé Álvarez Castro, mestre, profesor de historia (xubilado) .Licenciado en Xeografía e Historia. 

Máster en Educación Ambiental. Fundación Universidad-Empresa. UNED. 

VI premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda á recuperación da memoria histórica en 2011. 

 Enlace ao Blog de Xosé Álvarez Castro

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥