por Antonio Lois Pérez
“As bágoas das naiciñas”
O orballo, en Galicia,
máis que mollar acaricia.
Non sentes a molladura,
tan só a súa caricia.
As pingas non son da choiva;
que son bágoas das naiciñas,
as que mollaron as caras
os días das despedidas.
Cando vou a miña aldea
e atopo un día de orballo,
non me mollan a súas pingas;
tan só sinto as caricias
das bágoas da miña nai,
bágoas da miña naiciña.
Sigo sentindo as caricias
das bágoas dos seus olliños,
aqueles olliños grises,
cando, a hora de marcharme,
recibia os seus bicos
e acariciábanme a cara
as bágoas dos seus olliños.
Antonio Lois

Antonio Lois pérez
Economista
Nacín un día 4 do mes de xaneiro, ano 1948, no lugar do Castro de Mourelos, parroquia de Mourelos (Saviñao – Lugo). Son economista e técnico en tintes, estampación e acabados téxtiles. Actualmente vivo en Barcelona.
Gústame escribir poesía en galego do pobo, o galego dos meus pais, que é o galego que amo; non en galego ilustrado! Participei en tres libros de poesía (Poetas do Reencontro, Caminhos da Poesía e Raia Luso Española), así coma na revista Xistral do Concello de Lugo. Non hai moito máis que contar de unha vida moi vulgar!
Son do Castro de Mourelos; onde mellor se ve o Miño, onde mellor se ve o ceo; onde, ulindo ó seu vento, eu xa sei se vai chover. ¡Que pena que non estén aqueles que eu amei; que pena que xa non vexa o Castro que eu deixei! A pesar de todo eso; ou pode sexa por eso, do Castro sempre serei
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥