por Pilar Freitas

As Fontes de riqueza Galega:

A vaca

A vaca é o símbolo da paz.

Val máis o que siñifica unha vaca que o que simboliza un león rampante. Xa o dixo un dos nosos economistas: “O albre xenealóxico dunha vaca de leite é máis útil que o albre xenealóxico dun aristócrata”.

A vaca esqueceuse dos cornos e dános o seu traballo, o seu leite, a súa carne, o seu coiro e a carne e o coiro dos seus fillos. Non nos pode dar máis.

O can será o amparo dos ricos, que defende a propriedade do amo e ladra aos probes que van polos camiños. En troques a vaca é o amparo dos probes libres.

Os concursos de vacas leiteiras valen máis que os “concursos de belleza”. A nosa vaca ten o pesebre en Galiza e os tetos en Madrid. E o que non lle dá de comer a unha vaca non ten dereito a muxila.

As “señoritas” que choran pola morte dun can ridículo non comprenden a door dunha familia labrega cando  lle morre unha vaca. Se non fose polo leite das vacas a piolleira das cidades morrería desnutrida.

A vaca é a ama de cría da Humanidade. O día que nós emitamos papelmoeda non estamparemos nel o retrato dos políticos, nin dos sabios, nin dos artistas; estamparemos, soamente, a figura dunha vaca, como símbolo da nosa economía humanamente distribuída.

O día que Galiza sexa unha comunidade cooperativa, ergueremos un gran moimento cunha vaca en bronce dourado. Tamén hai razas de vacas, e a mellor é a nosa.

O día que seipamos o que val unha vaca, Galiza quedará redimida.

As Fontes de riqueza Galega:

O PEIXE

O peixe é un dos símbolos de Cristo.

O peixe é a prata do mar feita carne.

Cada peixe ten a sustancia do seu mar. O peixe do Mediterráneo sabe a carne civilizada e xa decadente. O peixe do Atlántico —un mar terriblemente salvaxe— sabe a sal de vida libre.      O peixe galego trae nas febras da carne as mellores esencias do Océano.

¡Canto custa criar un quilo de carne de vaca! En troques a carne de peixe criase sen coidados nen gastos.

A pesca era un traballo nobre e xeneroso. Por algo Xesús de Nazaret escolleu, para seus apóstoles, a doce mariñeiros. Máis agora péscase con dinamita…

 Cando naufragaba unha lancha morría o “patrón” xunto cos “compañeiros”. Agora o “patrón” chamase “armador” e nunca morre afogado, porque xa non vai ó mar

A pesca en Galiza ennobrecerase de novo cande retorne ás maneiras colectivistas da nosa tradición mariñeira, fondamente afincada no cristianismo. ¡O que queira “quiñóns” que xogue a vida no mar!

O Fisterre galego -a punta mais avanzada de Europa- fíxose para pescar.

A xente da Meseta sólo coñece as mómias de sardiña, en ataúdes de folla de lata ou en tambores de madeira. O día que teñamos un gran porto pesqueiro e vías de transporte lixeiras e baratas, toda Hespaña comerá peixe fresco.

A Hespaña que morre de carne de porco revivirá pola carne de peixe galego.

O día que Galiza sexa nosa, os mariñeiros vivirán na fartura

Pilar Freitas Juvino

Pilar Freitas Juvino

Profesora de Filoloxía Galega

Son Pilar Freitas Juvino e nacín en Campo Lameiro en 1960. Os estudos primarios realiceinos na escola pública desta vila e aos 11 anos marchei interna a un colexio de Tui. Alí estudei o bacharelato no instituto San Paio ata o ingreso na USC onde me licenciei en Filoloxía Románica. Rematada a carreira, estiven durante o curso 1982-83 como auxiliar de conversa de español na cidade de Bayonne, en Francia.

De volta a Galiza, comecei a dar clases como profesora de Lingua e Literatura Galega en diferentes institutos ata recalar no ano 1986 no IES Valle Inclán. Alí permanecín durante todo o resto da miña carreira profesional.

En 2006 doutoreime en Filoloxía Galega cunha tese sobre a represión lingüística en Galiza durante o século XX, tese que máis tarde publicou a editorial Xerais baixo o mesmo título.

Desde o ano 2012 ata 2022 fíxenme cargo da dirección do centro, cargo ao que tiven que renunciar por motivos de saúde.

Considero que esta nova etapa que estou a afrontar debe ser unha etapa arrequecedora, activa e frutífera; por iso a posibilidade que colaborar neste blog ou bitácora e achegar un miúdo gran de area sobre un dos temas que máis me interesan, como é a situación da lingua galega no seu contexto histórico e social, supón para min unha gran motivación e representa unha oportunidade de dar a coñecer a nosa realidade lingüística, tanto pasada como actual.

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥