25 de novembro 

DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

A celebración do Día internacional da eliminación da violencia contra a muller ten a súa orixe no chamado Crime das bolboretas, ocorrido na República Dominicana o 25 de novembro de 1960.

Esta reivindicación foi iniciada polo movemento feminista latinoamericano en 1981 e logo asumida pola Asemblea xeral das Nacións Unidas o 17 de decembro de 1999   na que se especificaba o que se entendía por violencia contra a muller:

 «Todo acto de violencia baseado na pertenza ao sexo feminino que teña ou poida ter como resultado un dano ou sufrimento físico, sexual ou psicolóxico para a muller, así como as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto se se producen na vida pública como na vida privada».  

 Comezou a celebrarse no ano 2000

PERO QUEN ERAN AS IRMÁS MIRABAL?

Patria, Minerva, María Teresa e Bélgica Adela (Dedé) naceron na comunidade de Ojo de Agua, no rural dominicano, pertencente ao Concello de Salcedo, que era municipio da provincia do mesmo nome, cambiado posteriormente en honor a elas por Provincia Hermanas Mirabal.  O seu pai, Enrique Mirabal, (na foto coa súa muller Mercedes) dedicárase desde moi novo ao comercio de produtos  agrícolas chegando a ter, co paso dos anos e froito do seu esforzo, varios almacéns que abastecían as grandes tendas da época,  todo o cal lle proporcionou unha situación acomodada da que van gozar as súas fillas, educadas nos mellores colexios e con acceso a un estilo de vida que a maioría da poboación non se podía permitir. Malia todo, tanto Enrique como a súa muller, Mercedes ( a nai das nenas, procedente dunha familia perseguida durante a intervención norteamericana) gozaban do cariño e respecto da sociedade, debido á súa seriedade como empresarios e á súa solidariedade.

Coa chegada de Rafael Trujillo ao poder en 1930 a República Dominicana vai sufrir unha das tiranías máis sanguentas de América latina. Deseguida comezan os actos de represión contra calquera tipo de oposición, a persecución e abusos cometidos contra todos aqueles ou aquelas  que foran considerados inimigos do seu réxime, a violación dos dereitos humanos, a falta absoluta de liberdades civís, etc.  Como  reacción ante todo isto comezan a xurdir as primeiras células opositoras.

As irmás Mirabal conmóvense ante esta cruel realidade, en especial Minerva (na foto) que desde moi noviña mostrara grande interese pola actividade política.

Na década dos 50 Trujillo someteu á familia Mirabal a un acoso constante, con apresamento de varios membros e vixilancia da súa casa,  rodeada por espías. Esta situación provocou a morte do pai en 1953, así como a perda de boa parte da súa fortuna.

Patria, Minerva e María Teresa comezaron a participar no movemento de oposición ao ditador converténdose, xunto aos seus maridos, en activistas na agrupación clandestina 14 de xuño, chamada así en memoria dunha insurrección fracasada contra Trujillo nese día de 1959. Dentro dese grupo eran coñecidas como “Las Mariposas”, porque ese era o nome co que se identificara Minerva na súa actividade política

Foto publicada por Aplatanao News

Foto publicada na páx. Ameco Press

Pero daquela case todo o país estaba controlado polo SIM (Servizo de Intelixencia Militar) que atemorizaba a poboación ao ter como principal función levar a cabo as ordes  de represión e tortura ditadas por Trujillo, torturas realizadas en distintos lugares, como certos cárceres tristemente famosos.

Minerva e María Teresa foron detidas en varias ocasións e encarceradas, igual que os seus maridos, nun deses sinistros cárceres de Trujillo (La Victoria), onde sufriron torturas e elas tamén violacións.

Foron xulgados o 18 de maio de 1960 e condenados a tres anos de prisión “por atentar contra a seguridade do Estado dominicano”. Non obstante só tres meses despois mandou poñer en liberdade ás irmás, aínda que non aos seus maridos, quizais por presións ao seu réxime, quizais porque xa concibira o plan de seguilas asediando e acosando ata acabar coas súas vidas, como efectivamente ocorrería.

Deu orde de que se encargase o SIM, debían preparar unha emboscada na estrada e matalas facendo que parecese un accidente. Tras dous intentos fallidos o 18 e o 22 de novembro ao non atreverse a cumprir a orde os catro axentes encargados de levala a cabo debido a que as irmás viaxaban con nenos, finalmente o 25 de novembro, cando volvían de visitar os seus maridos no cárcere, María Teresa, Minerva e Patria foron interceptadas pola policía secreta de Trujillo que as torturou ata a morte aforcándoas e rematándoas a paus, logo cargaron os corpos no coche que tiraron por un barranco para soster a versión do accidente, con elas asasinaron tamén ao seu chofer.

Só tiñan 36, 30 e 26 anos e deixaron seis fillos que pasarían ao coidado da nai , Mercedes, e a irmá que non foi asasinada, Dedé.

Elas sabían que estaban sendo vixiadas moi de cerca polo réxime e que seguramente acabarían mortas, de feito Minerva chegou a dicir: “Si me matan, sacaré los brazos de la tumba y seré más fuerte”. Foi unha predición, xa que a morte das tres irmás tivo unha grande repercusión no país espertando un movemento de oposición e de resistencia ao tirano que culminou co seu asasinato só seis meses despois.

Porén os seus asesinos, aínda que foron condenados a 30 anos de cárcere no xuízo celebrado no ano 1962, non chegaron a cumprilos xa que algún tempo despois axudados por grupos militares “trujillistas” foron sacados da República Dominicana.

Pero o martirio das bolboretas non ficou no esquecemento, a data do seu asasinato converteuse no Día internacional da eliminación da violencia contra a muller, como xa diciamos ao principio, e ademais na República Dominicana levan o seu nome  a provincia na que naceron, unha rúa,unha estación de metro, está O Museo Mirabal, sito na casa onde vivían, na que se conservan as súas pertenzas tal e como estaban no momento da súa morte ,hai monumentos na súa honra, tamén se fixeron películas e documentais e escribíronse varios libros: Julia Álvarez, escritora estadounidense de orixe dominicana,  escribiu unha novela baseada nas irmás En el tiempo de las mariposas (In the time of butterflies) que foi levada ao cine por Mariano Barroso no ano 2001.

No 2007 Javier Balaguer dirixiu o documental: Oriundos de la noche,   no 2008 estreouse a película Crimen de  Etzel Báez  , en 2009 outro documental Codename: Butterflies  de Cecilia Domeyko e no 2010 Trópico de sangre de Juan Delancer. 

En el tiempo de las mariposas que foi levada ao cine por Mariano Barroso no ano 2001.

No 2007 Javier Balaguer dirixiu o documental: Oriundos de la noche

No 2008 estreouse a película Crimen de  Etzel Báez

En 2009 outro documental Codename: Butterflies  de Cecilia Domeyko

No 2010 Trópico de sangre de Juan Delancer.

Dedé Mirabal escribiu en 2009 “Vivas en el jardín”

Bélgica Adela Mirabal Reyes, coñecida como Dedé, a única das irmás que non foi asasinada, viviu na casa onde naceron  preservando a memoria das súas irmás a través do Museo, e tamén escribiu un libro publicado en 2009, Vivas en su jardín  

Se serve de consolo é que dos centos de placas, bustos e estatuas encargadas por Trujillo non queda nada, mentres que as bolboretas (“las mariposas”) son recordadas no  seu país e no resto do mundo no cabodano da súa morte e como dixo Leandro Guzmán, home de María Teresa:

“Yo siempre he dicho, y lo veo en esa dimensión, que abonaron la tierra con su sangre para que desapareciera la figura de Trujillo”

 

                                                                                                                                     Charo Valcárcel

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de galego

Eu son Charo Valcárcel. Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.

Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.

Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

Centenario da revista Nós

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥