Rematei Galego-Portugués no verán de 1978 e as clases de galego non empezaron ata xaneiro de 1980 nalgúns institutos. Ese ano intermedio sen traballo, o 1979, foi para min moi proveitoso porque se lle dedicaron as Letras Galegas a Manuel Antonio, sobre o que eu acababa de facer a miña tesiña, e don Ricardo Carvalho, director do traballo, convidoume a participar no libriño que a Cátedra de Galego da Universidade de Santiago lle dedicou ao rianxeiro. Toda unha honra para un mozo acabado de licenciar. Tamén porque ese ano tiven a sorte de tratar con don Francisco Fernández del Riego, o autor a quen se lle dedican as Letras Galegas deste 2023, ademais de ser un dos promotores da tal festividade. A ocasión tróuxoa a exposición O Libro Galego Onte e Hoxe, celebrada en Santiago de Compostela no Museo do Pobo Galego en maio e xuño de 1979. Foi inaugurada o 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas, e estaba previsto pechala o 3 de xuño, mais polo éxito de público prolongouse ata o 17 dese mes.

Homenaxe
Homenaxe a Manuel Antonio que inclúe o estudo “A lingua de Manuel Antonio en comparación coa usada por outros escritores” de Anxo González Guerra
portada
Portada do catálogo da Exposición O Libro Galego Onte e Hoxe

A exposición foi unha iniciativa da Federación de Libreiros de Galicia dirixida polo compostelán Xesús Couceiro. A dirección do evento foi levada por Carvalho Calero e a execución polas bibliotecarias da Universidade Daría Vilariño Pintos e María Virtudes Pardo Gómez. Xesús Couceiro contactou con Anxo Rei Ballesteros e comigo para que visitaramos as bibliotecas e persoeiros galeguistas en busca dos exemplares para expor. Partiuse da listaxe da Historia da literatura galega contemporánea do citado profesor Carvalho. Para localizar os libros durante un tempo visitamos os dous varias bibliotecas, lembro que polo menos foron o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, o Museo de Pontevedra, a Fundación Penzol, o Seminario de Santiago, San Francisco de Santiago. A Biblioteca Xeral, a de Filoloxía e a de Xeografía e Historia xa as xestionaron Daría e Mª Virtudes.

libro
Libro-catálogo da exposición dedicado polas bibliotecarias Daría Vilariño e María Virtudes Pardo
agradecementos
Agradecementos a colaboradores da exposición

E tamén nos entrevistamos con diversos galeguistas para que achegasen exemplares das súas bibliotecas. Houbo de todo. Algún que non nos quixo recibir, algún que non quixo achegar nada e logo apareceu pola exposición para sinalar algunhas faltas. A maioría foron moi amables e ben dispostos. E quero destacar tres dos visitados, a quen tratarei de “don”.

Don Ramón Piñeiro recibiunos na súa casa. E así os dous Anxos (Ballesteros e Guerra) puidemos sentar na famosa “mesa camilla” e tomar uns cafés servidos pola súa dona. Unha das sortes daquel meu ano! Non todo o mundo pode presumir de ter tomado café con don Ramón na súa mesa camilla, alí onde se xestaron grandes feitos do galeguismo. Vou ter que incluílo na miña biografía da Wikipedia, aínda que non teña unha miserable foto daquel día. Por suposto que don Ramón nos ofreceu toda a súa axuda.

O segundo é outro Ramón, don Ramón Martínez López, que tamén nos recibiu coma se fósemos dous príncipes na súa casa. Conversamos abondo, deunos suxestións e ata saímos con algúns libros seus dedicados.

E o terceiro é o citado ao inicio don Paco Fernández del Riego. Recibiunos na Biblioteca Penzol, animounos na tarefa e puxo á nosa disposición os ficheiros da biblioteca e mesmo nos ensinou caixas nas que había aínda libros sen catalogar. Foi a única ocasión na que tiven a sorte de conversar co ilustre galeguista. O que xa non lembro, esta memoria!, é se don Paco estaba ou non a fumar un habano aquel día. Podía dicir que si, que sería moi verosímil, pero non lembro.

Gardo unha moi grata lembranza daquel traballo de preparación da exposición polo moito que aprendín pero tamén pola convivencia co finado Anxo Rei Ballesteros. Moito falamos de literatura e arte, máis ben moito aprendín del, que eu era ao seu lado iso, un aprendiz. Na miña memoria, tantos anos despois, aínda quedan títulos que moito nos custou localizar. Un exemplo, Pilara ou Grandezas d’os humildes. Fantesía dramáteca, de Manuel Comellas Coímbra. Agora que estou xubilado teño que localizar ese libro de novo e darlle unha lectura, que ben o merece!

Durante a exposición os visitantes tamén achegaron novos libros, ata un total de 1904 que figuran no catálogo editado pola Universidade de Santiago en 1981. Ordenados por séculos, o nº 1 é Cantigas de Santa María de Don Alfonso el Sabio (1889, RAE) e o nº 1904 é Historia sintética de Galicia (1932) de Ramón Villar Ponte.

Neste ano 2023 lendo e escoitando falar de Fernández del Riego lembrei aquel meu ano 1979, onde el vai?, no que faltaban uns meses para empezar as miñas clases no IES Sánchez Cantón (ata a xubilación en 2015), mais, grazas a Carvalho Calero e Xesús Couceiro, coñecín a don Paco e outros galeguistas e puiden escribir sobre Manuel Antonio. Foron unhas Letras Galegas ben proveitosas para min!

Nota: Fíxose unha segunda edición da exposición en 1988 con prólogo de Antón Santamarina. Repetiuse con O Libro Galego Onte e Hoxe, 1993.

Máis información na Galipedia

portada do catálogo
Portada do catálogo da exposición de 1993
Anxo González Guerra

Anxo González Guerra

Profesor de Galego

Son Anxo González Guerra. Crieme entre Trasar de Carballo e a Cervela, lugares da montaña luguesa. No Seminario tiven de profesor ao mestre das etimoloxías Nicandro Ares, no Instituto a Alonso Montero, no Colexio Universitario a Anxo Tarrío e na Facultade de Filoloxía a Carvalho Calero. Terán algo que ver en que sexa un dos integrantes da 1ª promoción de Galego-Portugués?

De xaneiro de 1980 a abril de 2015 fun profesor de Lingua Galega e Literatura no IES Sánchez Cantón onde tiven alumnos e alumnas marabillosos. Desde 2005 Vitoria Ogando e mais eu fomos poñendo materiais na Internet: ogalego.eu. E seguimos de xubilados.

Alá na miña terra da infancia aos xubilados dáselles por traballar unha ribeira ou un morteiro. A min dáseme por cousas de lingua e literatura, alí onde queiran escoitarme. A cabeza non para, non convén estar ocioso.

Viaxar a Portugal

Décima liçao de Portugués

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥