Coñece mundo montado na túa bici por Benito Andrade

Coñece mundo montado na túa bici por Benito Andrade

Cóntovos, un grupiño de xubiletas levamos uns anos recorrendo a península nas nosas bicis de montaña, xa temos 9 rutas nas nosas pernas e pensamos seguir facendo moitas  máis xa que a experiencia pode ser máis ou menos dura fisicamente pero sempre é moi satisfactoria e gratificante, cando estamos terminando unha xa estamos pensando e planificando a seguinte, e temos unha boa lista de posibilidades futuras. Fica claro que a bici é unha forma de facer exercicio a calquera idade pero moi apta para facelo á nosa, sempre a un ritmo prudente e seguro claro. Tamén é evidente que hai moitos tipos de bici e moitas formas de practicar o ciclismo, da pista á acrobacia, e da estática á de carretera. Nos decidimos practicalo coa bici de montaña, gústanos aleixarnos das carreteiras que son ruidosas, provocan tensión e ansiedade e supoñen perigos para os ciclistas. Tamén nos gusta o contacto coa natureza, o acceso a lugares aos que nunca chegaríamos co coche e, por que non? a emoción dunha baixada por unha pista trialera, sempre con cos cinco sentidos hiperactivados claro.

Aínda que adoitabamos facer saídas dunhas horas pola contorna de Pontevedra, un día, fai xa cinco anos, nos propuxemos facer unha ruta dunha semana e aproveitar para coñecer e desfrutar dalgún territorio interesante pola súa natureza, pola súa paisaxe ou polo seu patrimonio, e así foi como organizamos a primeira, o destino, o Cabo San Vicente, principio ou final segundo se elixa da Rota Vicentina, unha ruta con dous camiños o antiguo e o dos pescadores que transita polo Alentejo e o Algarve. E así comezamos a organizar, primeiro o transporte hasta o inicio en Cercal do Alentejo para nos e as nosas bicis, logo as reservas nos albergues, hostels ou hostales no camiño e por suposto, o máis importante, a planificación do recorrido que neste caso non supuxo ningún problema xa que na páxina web da Rota Vicentina pódese atopar información dabondo e adaptada sobre camiños e pistas, aloxamentos, aspectos de interese no recorrido e “os track” que nos permiten seguir o camiño sen medo a perdernos. E todo funcionou á perfección; bueno, á perfección… O cuarto día do recorrido un membro do grupo sentiu malestar e febre, razoablemente fixemos o test da COVID e resultou que varios deron positivo polo que decidimos interromper a ruta e volver ás nosas casas. Iso si dispostos a voltar canto antes a terminar a nosa ruta. E así fixemos, no outono voltamos para rematar o percorrido.

pistas de terra

A experiencia foi tan boa que regresamos no outono e retomamos o que non podemos facer por culpa do COVID e ao ano seguinte nos propuxemos e fixemos a “Ruta del Cid” , a dividimos en dúas partes, a primeira para a primavera, dende Villar del Cid, moi cerca de Burgos hasta Daroca, en Zaragoza, e a segunda dende Daroca a Valencia. A “Ruta del Cid”  foi unha grande experiencia, non solo polo fondo literario, tamén porque nos permitiu descubrir unha parte de España que é moi probable que nunca visitáramos de non ser por ter feito este recorrido. Aquí comprobamos que non so estabamos a vivir unha aventura deportiva, iso case resultou ser o de menos, estamos a descubrir paisaxes, paisanaxes, socioloxía viva, economía, vilas, cidades, ecosistemas, patrimonio natural e cultural, camiños e sensacións, historia, arte, gastronomía, mil percepcións e sensacións que fan que cara ruta sexa única e fabulosa. Despois da “Ruta del Cid” viñeron a Ruta do Ebro, a Vía da Prata, a do Douro, e mesmo esta primavera a Ruta do Quíxote, un fermoso e pracenteiro percorrido pola Mancha cervantina.

Po iso quero animar a quen isto lea, calquera que sexa a súa idade pero sobre todo si é un xubileta coma min, a botarse ao camiño coa súa bicicleta a percorrer Galicia, Portugal, España ou, porque non, o Mundo. Que teña a seguridade de vai desfrutar de experiencias únicas e gratificantes. Anímovos a planificar e desfrutar destas sans, divertidas e estimulantes experiencias. No noso grupo participamos xente de aproximadamente 65 aos 75 anos, a maioría ciclamos con bicis atmosféricas, a pedal, pero os compañeiros que teñen algún impedimento de saúde non teñen problema e participan con bicis eléctricas que cada vez son máis eficientes e lixeiras e permiten desfrutar de largas etapas aínda facendo exercicio adaptado á situación de cada un.

patrimonio en bicicleta

OS MEUS CONSELLOS DE “EXPERTO”

O noso é un grupo, na súa maioría, de afeccionados á bicicleta dende fai anos, é certo, pero non hai que ter unha longa traxectoria como ciclista para facer unha ruta de varios días? En absoluto, basta con saber montarse nunha bici e non caerse para os lados. Eu si aconsellaría, antes de comezar unha ruta, practicar un pouco nos terreos como os que nos imos atopar e ver como se comporta a bici xa que non é o mesmo recorrer camiños de terra consistente que outros con pedras, barro, area e irregularidades varias.

Non hai que ter unha grande forma física si, como é lóxico, adaptamos os recorridos ao que podemos facer con comodidade e seguridade, pero un pouco de preparación nos vai a permitir ir máis cómodos e seguros e, xa que logo, desfrutar máis. 

Hai que aconsellar prudencia, non ven mal o consello médico para avaliar as nosas posibilidades físicas e poder ir seguros, tamén é importante facer uso dos cinco sentidos mentres ciclamos, usar o equipamento axeitado pero, a quen non se lle ocorrería isto?

Ruta do Ebro

Que bici elixir? Nos utilizamos maioritariamente bicicletas de montaña que son moi eficientes cando atopamos camiños difíciles e, aínda que non buscamos dificultade técnica senón máis ben camiños de terra en bo estado, é frecuente atopar un certo grado de dificultade nalgúns puntos e aí a bici de montaña é a que mellor funciona. Algún compañeiro utiliza bici das chamadas de trekking que ao ter unha roda máis estreita rodan mellor cando as pistas están en bo estado, estas son as ideais para viaxar con alforxas. Por último, algúns utilizan bicis eléctricas que permiten a persoas con algún problema físico ou menos forma desfrutar do ciclismo sen deixar de facer exercicio. Na actualidade están poñéndose de moda as bicis denominadas GRAVEL que teñen unha roda que non é tan grosa como a dunha MB co que son moi apropiadas para pistas de terra incluso con tramos pedregosos, areosos ou con dificultade.

Para ir cómodo na ruta e evitar contratempos é fundamental unha boa planificación. En primeiro lugar do transporte hasta o principio da ruta e durante a mesma. Nos adoitamos ir con vehículos propios ou alugados para poder deixalos ao principio da ruta e minimizar o número de persoas que ten que conducir coas equipaxes. Tamén resulta moi cómodo chegar a unha vila e ter xa reservado un lugar para ducharte e durmir e un para xantar.

Coñecendo o noso clima está claro que as mellores épocas para facer calquera destas rutas, aínda que vale calquera do ano, son a primavera e o outono, tendo en conta que a menor latitude imos atopar máis calor. Nos procuramos evitar as temperaturas moi altas que nos enfrontan a problemas de hidratación e nos obrigan a forzar o corazón.  

Que vos parece? Animádevos a coñecer o mundo en bicicleta, asegúrovos que merece a pena. Viviredes moitas experiencias agradables e estimulantes, coñecererdes moitos rincóns reservados para nos, atoparedes sorpresas e persoeiros aos que so se accede dende esta forma de recorrer o territorio e non o dubidedes, si facedes unha, con seguridade repetiredes.

Ah, neste blog estamos a colgar as nosas rutas: http://cronicasdesdeelsillin.blogspot.com/

Benito Andrade González

Benito Andrade González

Profesor de Bioloxía

Son Benito Andrade, nacín en Salcedo, moi cerca de Pontevedra, no 59.

Cando terminei o bacharelato tiña decidido estudar Filoloxía Hispánica pero no último momento matriculeime en Bioloxía, coa ilusión de poder estudar o medio mariño.

Pero non, non era ese o meu camiño, acabei dando clases de Bioloxía en varios centros de Galicia, o último o IES Valle Inclán de Pontevedra.

Pero non perdín de vista o mar, como afección, como desfrute e como compromiso, na Asociación Pola Defensa da Ría, defendendo dentro das miñas posibilidades a saúde dos ecosistemas da Ría de Pontevedra.

Tamén quixen acercarme aos mares do pasado, estudando uns bichiños ben fermosos dos mares do Xurásico de bacía portuguesa desta época, anos recollendo e estudando braquiópodos mesozoicos fixeron que lles teña un grande cariño a estes amiguiños de pedra, unha compañía que quero seguir buscando.

O tempo é unha fera destrutiva que pasa case sempre moi rápido, pasan os meses, os cursos, os anos e chegou o momento de deixar de traballar no instituto.

Somos maiores dende logo pero agora libres para poder dedicarnos ás cousas que consideramos importantes, como este blogue de maiores e para maiores feito entre amigos xubiletas.

Primate coma tí

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Os incendios do 2025: O lume sen fin por Benito Andrade

Os incendios do 2025: O lume sen fin por Benito Andrade

Era agosto e todos os informativos abrían con novas de lumes forestais que ocupaban tamén as primeiras páxinas dos medios escritos, lumes que se consideraban imposibles de apagar e que se mantiñan día tras día queimando miles de hectáreas; este verán produciuse a maior vaga de lumes coñecida na Galiza y é que nunca, ningún ano, tiña ardido unha área tan grande; e aínda non sabemos como rematará. Os datos provisionais de superficie queimada que proporciona o Servizo de Xestión de Emerxencias COPERNICUS, superaban as 170.000 hectáreas en novembro, a maioría na provincia de Ourense; 4 dos lumes foron megaincendios de máis de 10.000 hectáreas; un chegou ás 30.000. Trátase dunhas cifras que non se atopan na nosa historia recente. No resto do Estado, e no resto do mundo, tamén se están a bater récords de lumes forestais que queiman millóns de hectáreas de bosques, matogueiras, pradarías e cultivos agrícolas. As emisións de gases de invernadoiro dos lumes están a aportar xa cantidades importantes e significativas á atmosfera e a degradación que se produce nos ecosistemas e nos solos como consecuencia dos incendios están a facer que os sumidoiros terrestres sexan cada vez menos eficaces.

Desde logo que era máis que lóxico agardar unha catástrofe desta natureza, tralas moitas advertencias que viñan facendo dende hai xa anos miles científicos expertos de centros de investigación de todo o mundo, anos nos que, tras constatar cambios no sistema atmosférico, podíase asegurar que isto ía suceder; porén, na sociedade parecía percibirse unha sensación de tranquilidade e de que as ameazas eran para un futuro moito más afastado no tempo, que aínda tardaría en chegar. Pero resultou que as consecuencias dramáticas da emerxencia climática xa están aquí. Quen o ía dicir!

Pero, que ten mudado para que, aparentemente de forma repentina, xurdan episodios de grande intensidade relacionados coa emerxencia climática? Que podemos agardar no futuro? Se falamos de incendios, debemos considerar os dous elementos que determinan a aparición e a propagación dos mesmos. En primeiro lugar, as condicións meteorolóxicas que os favorecen. As máis decisivas son a calor, a seca e o vento; e sabemos que estas tres situacións están a verse reforzados tanto en frecuencia como en intensidade. En segundo lugar, o combustible, a súa calidade, a súa continuidade e a súa cantidade. Neste sentido atopámonos na peor das situacións posibles. A Administración da Xunta de Galicia é a responsable do control do risco de incendios e da elaboración dunha política forestal de baixo risco e alta resiliencia mais, en troques, está a aplicar unhas directrices que agrandan o risco de desprotexeren os cidadáns e cidadás. Está a asumir o que poderiamos chamar neonegacionismo. Si, pois arestora xa é imposible negar a existencia dunha emerxencia climática diante das constantes eventos e catástrofes que afectan a todo o planeta; en realidade o que se fai é disfrazar de sostibles actuacións insostibles, de sumidoiros de CO2, actividades que emiten CO2, de conservación da biodiversidade, plans e normas que favorecen unha perda da mesma. De acordo con este neonegacionismo, a Xunta promove as plantacións de piñeiro e eucalipto, especies pirófitas que están condenadas a arder en próximos incendios, como xa arderon inmensas plantacións de piñeiro nos de Ourense en agosto, ou de eucaliptos e piñeiros que arderon en Chandebrito, Nigrán, no ano 2017.

Cando hai poucas semanas, a conselleira do Medio Rural anunciou a “flexibilización” da moratoria de plantación de eucalipto para o período 2025-2030, indicou que os seus obxectivos eran protexer e diversificar o monte e loitar contra o abandono. Este é un claro exemplo de neonegacionismo. Agora parece que estender o monocultivo dunha especie pirófita, o eucalipto, para satisfacer as necesidades dunha industria irresponsable, vai protexer e diversificar o monte e evitar o abandono. A quen se lle ocorre tal disparate?

incendios
Unha plantación de piñeiros arde nos Ancares o 17 de agosto deste ano.

xornais negacionismo
Todos os días atopamos nos xornais noticias que nos falan dos efectos da emerxencia climática pero tamén expresións do negacionismo e neonegacionismo climático.

Na nosa sociedade, desde o negacionismo e o neonegacionismo, moitos dos nosos políticos, os lobbys económicos, os creadores de opinión, non quixeron ser realistas nin parecen dispostos a selo, e seguen a subestimar artificiosamente e, en contra do coñecemento científico, as consecuencias previstas da emerxencia climática. Mantense funcionando un sistema que sabemos que é imposible de conservar no tempo e que cada vez afectará de modo máis demoledor ao benestar e á seguridade dos cidadáns. O recente informe sobre o medio ambiente en Europa de 2024, publicado en setembro de 2025 pola Axencia Medioambiental Europea, déixao claro cando asegura que: “Os efectos do cambio climático están aumentando e afectando gravemente á vida das persoas en todo o mundo, e os europeos sofren as consecuencias de secas, inundacións, ondas de calor e vagas de lumes forestais”.

Os danos dos megaincendios, dos grandes incendios (de máis de 500 ha.) ou dos incendios de menos de 500 ha. son inmensos; en primeiro lugar, a perda de vexetación, ecosistemas e sistemas forestais, perdas incalculables de biodiversidade ao morrer miles de organismos de todos grupos botánicos e zoolóxicos; moitos deles teranse extinguido para sempre e outros tardarán moito en recuperarse, moitos estaban xa en declive por impactos ambientais diversos como moitas aves e insectos, réptiles e pequenos mamíferos, parte esencial do sistema natural sen os que non poderemos vivir e que xa non están presentes en extensas áreas. Destrúense tamén as reservas de carbono orgánico do solo e da vexetación que regresa como CO2 á atmosfera, elimínase o solo fértil aumentando a pedregueira e perdéndose capacidade para soportar vexetación. Diminúe a capacidade para reter recursos hídricos e favorécese o carácter daniño das precipitacións que se fan máis torrenciais e máis destrutivas.

Segundo se afirmou recentemente dende o MITECO, existen 17 riscos de baixa reversibilidade identificados, entre os que se destacaban varios relacionados cos lumes forestais como a perda de biodiversidade, a degradación de ecosistemas e solos, a perda de superficie terrestre por erosión e a destrución de patrimonio cultural e natural. Advirte o informe, Evaluación de Riesgos e Impactos del Cambio Climático en España (ERICC-2025), de que estes impactos poderían ter consecuencias irreversibles sobre o territorio se non se adoptan medidas preventivas a curto prazo. Fica claro que o ministerio é pouco realista e excesivamente optimista ao falar calquera tipo de reversibilidade, facendo referencia a procesos que son absolutamente irreversibles como é a perda de solos que non se van recuperar máis que en períodos centenarios, co que non estarán presentes nas vidas das próximas xeracións e, xa que logo, non poderán soportar biodiversidade, producir recursos naturais ou almacenar carbono en formas orgánicas. Pero ocorre que os cambios nas condicións e na circulación atmosférica son, non só irreversibles a medio prazo, senón que seguirán evolucionando nun sistema retroalimentado no que reforzará o carácter inestable e a tendencia á elevación de temperatura no sistema. Vanse agravar e acelerar máis estes procesos aínda que, cousa pouco probable, se adopten medidas preventivas a curto prazo. Desde logo, dificilmente se adoptarán medidas eficaces de control das emisións de gases de efecto invernadoiro nun mundo no que crecen o negacionismo, a conflitividade e a inestabilidade.

Atopámonos moi probablemente xa nun camiño de imposible retorno. Non fan falla dotes de adiviño para predicir o futuro dos incendios forestais en Galicia; vanse producir megaincendios e grandes incendios cun enorme poder destrutivo; vanse producir danos ás persoas e ás súas propiedades; vaise perder solo fértil debido á diminución da cantidade de auga doce dispoñible. Non podemos asegurar se vai ocorrer o ano próximo ou o seguinte, ou outro máis adiante, mais hai un feito que está anunciado: teremos que vivir máis dunha grande catástrofe forestal nos próximos anos.

Incendio no Macizo central
A pesar de que as chuvias teñen sido moi febles xa se poden ver signos de erosión en zonas incendiadas no Macizo Central Ourensán (Foto de Amigas das Árbores)de 2022.
incendio
As frondosas autóctonas son especies que resisten mellor os incendios como estes carballos que manteñen o verdor no medio dun incendio que afectou a unha plantación de eucaliptos.

Pero iso si, teñamos claro que a única posibilidade de conservar o noso benestar e a nosa seguridade só é posible se nos mantemos activos fronte ás emisións de gases de invernadoiro que están a provocar a emerxencia climática.  Se queremos amortecer os danos e que afecten en menor medida ás xeracións futuras, debemos loitar pola defensa dos ecosistemas e pola adaptación dos nosos sistemas forestais e das nosas comunidades rurais, aprender a distinguir o que é resiliente do que é falsamente sostible, e denunciar tanto o negacionismo coma o neonegacionismo se queremos manter a esperanza nun futuro menos escuro que o que hoxe, de modo realista, podemos albiscar.

Benito Andrade

Benito Andrade

Profesor de Bioloxía

Son Benito Andrade, nacín en Salcedo, moi cerca de Pontevedra, no 59.

Cando terminei o bacharelato tiña decidido estudar Filoloxía Hispánica pero no último momento matriculeime en Bioloxía, coa ilusión de poder estudar o medio mariño.

Pero non, non era ese o meu camiño, acabei dando clases de Bioloxía en varios centros de Galicia, o último o IES Valle Inclán de Pontevedra.

Pero non perdín de vista o mar, como afección, como desfrute e como compromiso, na Asociación Pola Defensa da Ría, defendendo dentro das miñas posibilidades a saúde dos ecosistemas da Ría de Pontevedra.

Tamén quixen acercarme aos mares do pasado, estudando uns bichiños ben fermosos dos mares do Xurásico de bacía portuguesa desta época, anos recollendo e estudando braquiópodos mesozoicos fixeron que lles teña un grande cariño a estes amiguiños de pedra, unha compañía que quero seguir buscando.

O tempo é unha fera destrutiva que pasa case sempre moi rápido, pasan os meses, os cursos, os anos e chegou o momento de deixar de traballar no instituto.

Somos maiores dende logo pero agora libres para poder dedicarnos ás cousas que consideramos importantes, como este blogue de maiores e para maiores feito entre amigos xubiletas.

O xenxibre do Himalaia

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Chegou das Américas… de Castelao por Benito Andrade

Chegou das Américas… de Castelao por Benito Andrade

por Benito Andrade González

Chegou das Américas un home rico e trouxo consigo un negrito cubano, coma quen trae unha mona, un papagaio, un fonógrafo… O negrito foi medrando na aldea, onde deprendeu a falar con enxebreza, a puntear muiñeiras, a botar aturuxos abrouxadores. Un día morreu o home rico e Panchito trocou de amo para ganar o pan. Co tempo fíxose mozo cumprido, sen máis chatas que a súa cor… Aínda que era negro coma o pote, tiña graza dabondo para facerse querer de todos. Endomingado, con un caravel enriba da orella e unha pola de malva na chaqueta, parecía talmente un mozo das festas. Unha noite de estrelas xurdiu no seu maxín a idea de saír polo mundo á cata de riquezas. Tamén Panchito sentiu, como todos os mozos da aldea, os anceios de emigrar. E unha mañá de moita tristura gabeou polas escaleiras dun transatlántico. Panchito ía camiño da Habana e os seus ollos mollados e brillantes esculcaban no mar as terras deixadas pola popa. Nunca rúa da Habana o negro Panchito tropezou cun home da súa aldea e confesoulle saloucando: -Ai, eu non me afago nesta terra de tanto sol; eu non me afago con esta xente. ¡Eu morro! Panchito retornou á aldea. Chegou pobre e endeble; pero trouxo moita fartura no corazón. Tamén trouxo un sombreiro de palla e máis un traxe branco…

Benito Andrade González

Benito Andrade González

Profesor de Bioloxía

Son Benito Andrade, nacín en Salcedo, moi cerca de Pontevedra, no 59.

Cando terminei o bacharelato tiña decidido estudar Filoloxía Hispánica pero no último momento matriculeime en Bioloxía, coa ilusión de poder estudar o medio mariño.

Pero non, non era ese o meu camiño, acabei dando clases de Bioloxía en varios centros de Galicia, o último o IES Valle Inclán de Pontevedra.

Pero non perdín de vista o mar, como afección, como desfrute e como compromiso, na Asociación Pola Defensa da Ría, defendendo dentro das miñas posibilidades a saúde dos ecosistemas da Ría de Pontevedra.

Tamén quixen acercarme aos mares do pasado, estudando uns bichiños ben fermosos dos mares do Xurásico de bacía portuguesa desta época, anos recollendo e estudando braquiópodos mesozoicos fixeron que lles teña un grande cariño a estes amiguiños de pedra, unha compañía que quero seguir buscando.

O tempo é unha fera destrutiva que pasa case sempre moi rápido, pasan os meses, os cursos, os anos e chegou o momento de deixar de traballar no instituto.

Somos maiores dende logo pero agora libres para poder dedicarnos ás cousas que consideramos importantes, como este blogue de maiores e para maiores feito entre amigos xubiletas.

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

HAI RISCO? por Benito Andrade

HAI RISCO? por Benito Andrade

HAI RISCO? A situación de Galicia fronte aos riscos incrementados polo cambio climático.

O pasado domingo 24 de novembro a borrasca Berta cruzou Galicia deixando precipitacións de grande intensidade nun curto período de tempo que fixeron que o Río Lérez en Pontevedra se desbordara e se inundara a zona adxacente provocando unha serie de danos materiais. Os pontevedreses sabemos tamén que precipitacións intensas coincidindo coa preamar implica a inundación do tramo máis baixo da autovía de Marín a Pontevedra. Que pasará cando a auga entre na factoría de ENCE? Existe algún plan para afrontar esta continxencia ou algunha actuación correctora para tentar evitala? Non, ningunha.

A ninguén cabal se lle ocorre xa negar os efectos da emerxencia climática, alguén non se ten dado conta de que as temperaturas medias anuais ascenden ano tras ano? de que os fenómenos meteorolóxicos extremos son cada vez máis frecuentes e máis intensos? de que, a medida que se rexistra con maior precisión, máis claro se ve que o nivel do mar ascende incluso por riba das previsións coas que se traballaba cando se celebrou o Cumio de París? É evidente que as zonas inundables do noso litoral sufriran os efectos desta subida con consecuencias imprevisibles pero que poden chegar a ser dunha grande gravidade.

autovia de Marín
A autovía de Marín a Pontevedra inúndase cada vez con maior frecuencia. Que pasará cando as aguas da Ría de Pontevedra cheguen ao interior do complexo de ENCE?

As Corbaceiras inundadas (Javier Cervera Mercadillo) 28.10.23

Fernando Olmedo
O entorno da Rúa Fernando Olmedo, de Pontevedra, inúndase con precipitacións intensas como no caso das recentes asociadas á borrasca Berta provocando danos materiais e risco para os bens e a saúde.

Pero, neste sentido, non so non existe ningunha previsión de dano, ao contrario, a Xunta de Galicia, para evadirse de cumprir coa lei estatal que establece medidas de protección no eido litoral, a lei de cambio climático, que obriga a separar estruturas construtivas das zonas máis próximas ao litoral e con maior risco, risco que aumenta coa intensificación da emerxencia climática a medida que aumentan as emisións de gases de invernadoiro, elaborou a súa propia “lei de ordenación do litoral de Galicia”. Núñez Feijoo dixo no seu momento que coa lei de cambio climático “ponse en risco a máis de 100 empresas, 3.000 empregos, 80 concellos e 5.000 edificacións”. En realidade, é a denominada lei de ordenación do litoral de Galicia a que, negándoo, estende o risco climático sobre as empresas, construcións, edificacións e cidadáns; é máis, esta lei autonómica contempla aínda o establecemento en zona de risco de 300 establecementos turísticos. Toda unha estratexia de prevención! E xa se pode un imaxinar cales serán as consecuencias.

Pero, cal constitúe o maior risco de catástrofe ambiental e humanitaria que nos ameaza? O pasado 24 de novembro, un pouco antes da chegada das precipitacións que deixou Berta, con ventos de significativa intensidade, un lume forestal se estaba a producir no concello de Arbo; en tres horas arderon 120.000 metros cadrados e non podemos saber o que tería pasado si non chegaran as chuvias á última hora da tarde e se mantivera o vento. En xullo de 2016, nesa mesma zona, un forte incendio queimou máis de 1.500 hectáreas, 15 millóns de metros cadrados, e obrigou a desaloxar a moitos cidadáns das súas casas.

Concello de Arbo
As especies pirófitas, como o eucalipto, están asociadas á maioría dos incendios forestais como o que asolou 1.500 hectáreas na zona de Arbo en 2016.
aldea de rozados
A aldea de As Rozadas, no concello de Arbo, ficou rodeada polo lume no gran incendio de 2016.

A elevación de temperaturas e a intensificación de fenómenos meteorolóxicos adversos, está a facer que as condicións favorables para os incendios forestais tamén se intensifiquen e se fagan máis frecuentes, producíndose mesmo fora das estacións nas que “tradicionalmente” ocorrían. Os famosos 30-30-30 (trinta graos de temperatura, ventos de 30 Qm/h e humidades relativas do 30%) considéranse as condicións que converten aos montes en hipercombustibles e son cada vez máis frecuentes, un incendio con estas condicións resulta moi difícil de combater polos servizos de extinción e é probable que se converta nun gran incendio, de máis de 500 hectáreas, ou incluso nun megaincendio, de máis de 10.000; como ocorreu no Courel en xullo de 2022, cando arderon máis de 13.000 hectáreas no maior incendio documentado en Galicia, ou ese mesmo ano en Carballeda de Valdeorras, onde arderon máis de 12.000. Daquela, o entón Conselleiro do Medio Rural, José González, asegurou que se trataba de de fogos cun “comportamento que nunca se vira” e que “quedan fóra de capacidade de extinción”. Xa que logo, fronte a estes incendios catastróficos, non cabe so con reforzar os servizos de extinción, algo no que hai moito que mellorar, débese mitigar o poder catastrófico destes megaincendios. Un feito resulta evidente, hai que xestionar a cantidade e calidade do combustible que arde; procedería unha política forestal que favorecera a conservación dos sistemas naturais ou ecoloxicamente próximos aos naturais en vez de promover os monocultivos de especies pirófitas coma o eucalipto ou o piñeiro.

O courel

A aldea de Vilar do Courel destruída no megaincendio de xullo de 2022.

Copérnino
Imaxe do Programa europeo Copernicus amosando a extenxión do megaincendio do Courel de 2022.

Tendo visitado coma voluntario na recuperación os terreos queimados no incendio do Courel, ficoume claro que o incendio tíñase expandido en boa medida a favor de cultivos de piñeiro, que proporcionaron o combustible para que o lume se expandira a grande velocidade acosando aldeas e poñendo en perigo aos seus habitantes. A superficie ocupada polo eucalipto ten medrado sen control dende os anos 90, de tal modo que cando recentemente se coñeceron os primeiros datos, aínda pouco fiables, do denominado Inventario Forestal Continuo de Galicia, descubriuse que ocupaba máis de 410.000 hectáreas.

Cal e a planificación do combustible que realiza a Administración galega? De acordo co Plan Forestal Galego actualizado no 2021 favorécese e subvenciónase o incremento de superficie ocupada por piñeiros e así so no 2022 plantáronse 4.832 hectáreas. O Plan indica que non aumentará a superficie ocupada polo eucalipto pero sen embargo, compróbase que esta non para de incrementarse a pesar do que indica o Plan Forestal e incluso existindo unha Moratoria que termina a finais do 2025. En definitiva a política forestal da Xunta de Galicia, incrementa de forma dramática o risco de catástrofe.

Pero non é solo o que ocorre entorno a un incendio polo efecto devastador do lume, non é infrecuente que tras os incendios se produzan precipitacións torrenciais, que tamén fanse máis torrenciais a medida que progresa a emerxencia climática, estas precipitacións sobre os solos queimados, que se fan máis impermeables, provoca erosión e perda dun recurso irrecuperable o solo, pero tamén se impide a infiltración co que as augas circulan superficialmente provocando riadas con grande potencial devastador e que poden destruír estruturas, como ocorreu en Xeve no ano 2006. Ao chegar ao mar, estes sedimentos arrastrados deposítanse e provocan danos nas rías acabando coa produción marisqueira como xa ocorreu na Ría de Muros no 2005 ou na de Pontevedra no 2006.

Rio Caldo Begonde
A Terra Cha é unha das zonas con maior risco de inundación de Galicia.

Estanse a adoptar medidas de prevención para evitar as catástrofes que con seguridade se van producir sen que pase moito tempo? Ao contrario, lonxe de procurar unha situación segura, a Administración responsable de garantir esta seguridade está máis preocupada por atender outros intereses incluso coa consciencia do  perigo que existe para os cidadáns e para a economía do país.

Benito Andrade

Benito Andrade

Profesor de Bioloxía

Son Benito Andrade, nacín en Salcedo, moi cerca de Pontevedra, no 59.

Cando terminei o bacharelato tiña decidido estudar Filoloxía Hispánica pero no último momento matriculeime en Bioloxía, coa ilusión de poder estudar o medio mariño.

Pero non, non era ese o meu camiño, acabei dando clases de Bioloxía en varios centros de Galicia, o último o IES Valle Inclán de Pontevedra.

Pero non perdín de vista o mar, como afección, como desfrute e como compromiso, na Asociación Pola Defensa da Ría, defendendo dentro das miñas posibilidades a saúde dos ecosistemas da Ría de Pontevedra.

Tamén quixen acercarme aos mares do pasado, estudando uns bichiños ben fermosos dos mares do Xurásico de bacía portuguesa desta época, anos recollendo e estudando braquiópodos mesozoicos fixeron que lles teña un grande cariño a estes amiguiños de pedra, unha compañía que quero seguir buscando.

O tempo é unha fera destrutiva que pasa case sempre moi rápido, pasan os meses, os cursos, os anos e chegou o momento de deixar de traballar no instituto.

Somos maiores dende logo pero agora libres para poder dedicarnos ás cousas que consideramos importantes, como este blogue de maiores e para maiores feito entre amigos xubiletas.

O xenxibre do Himalaia

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

ALTRI: Eucalipto, futuro e futuro do eucalipto por Benito Andrade

ALTRI: Eucalipto, futuro e futuro do eucalipto por Benito Andrade

Cando a principios de marzo soubemos a través dos medios de comunicación que a fábrica de pasta e fibra proxectada por ALTRI no concello de Palas de Rei ía consumir o 20% do eucalipto en Galicia, ficou claro que non sería como resultado de repartir o que se produce actualmente para que a corporación poda dispoñer desa porcentaxe, non, ese 20% será o resultado incrementar a produción para atender as necesidades crecentes dos demandantes actuais e subministrar, ademais, os 1,2 millóns de toneladas que precisaría ALTRI.

Efectivamente o panorama é de demanda crecente de eucalipto en Galicia. ENCE manterá a súa produción e cambiará a tecnoloxía en Pontevedra para incorporar as grandes cantidades de Eucalyptus nitens que se están a producir; agardan que esta especie substitúa polo menos parcialmente a E. globulus, a que tradicionalmente se plantaba, xa que resiste mellor as condicións de frío, hasta -12ºC e máis de 50 días de xeada ao ano, o que permitirá expandir o eucalipto a zonas de montaña nas que antes non crecía. Esta será unha das vías para incrementar a produción do eucalipto, cara terreos nos que non existía porque a especie plantada ata agora, Eucalyptus globulus, tiña o seu límite de crecemento a uns 600 metros de altitude..

 Por outro lado, Portucel, agora co nome de The Navigator Company, trala moratoria a novas plantacións en Portugal de 2017, comezou a buscar terreos para aluguer e compra en Galicia; dende 2020 á actualidade ten triplicado a superficie xestionada e continuará a súa implantación que comezou nas provincias de Lugo e A Coruña, está a expandirse agora tamén pola de Pontevedra; cómpranse e alúganse superficies nas que se plantaba eucalipto pero tamén a matogueira e terreos agrícolas, que levan xa anos transformándose en eucaliptais.

eucalipto 1
Oferta de aluguer e compra de terreos para plantacións de eucalipto da compañía Navigator que se ten estendido por Lugo, A Coruña e agora tamén pola de Pontevedra.

Temos entón unha demanda de eucalipto que practicamente se multiplica por tres e un Plan Forestal Galego revisado en 2021 que se marca como obxectivo unha redución do 5% que “debe de ser un mínimo de partida que é necesario revisar dunha forma máis ambiciosa” sen que se saiba aínda nada desa ambiciosa revisión. A realidade é que a superficie ocupada por eucalipto crece e segue a crecer a pesar da moratoria para novas plantacións que estableceu a xunta hasta 2025 e todo indica que a expansión das plantacións vai seguir crecendo de forma desmedida tras esta data.

De que modo afectará isto a Galicia? Non é difícil sabelo, trátase dunha especie moi destrutiva; na última versión do Plan Forestal Galego, aprobada polo parlamento galego foi necesario crear o concepto de “eucaliptal degradado” o que significa admitir o elevado potencial de degradación que posúen as especies do xénero Eucalyptus e recoñecer que unha parte importante dos nosos solos forestais xa se se atopan degradados. Os eucaliptos coma especies pirófitas favorecen a propagación dos incendios forestais e os solos desprotexidos tralo incendio son arrasados pola erosión superficial das choivas posteriores, ficando empobrecidos e improdutivos, en solos sen capacidade para soportar máis que a pobre, e perigosa, vexetación oportunista, incapaces de reter e acumular auga ou de acumular carbono en formas orgánicas. Si temos en conta que todos os investigadores recoñecen que o número e extensión dos incendios forestais seguirán a crecer a medida que o cambio climático avance podemos facernos unha idea bastante clara do futuro. Atopámonos na era dos megaincendios e os eucaliptos aportan combustible para que o lume progrese e a destrución avance. Tal e como recoñece a Administración forestal o eucalipto xa ten degradado extensas áreas en Galicia.

incendio
Nos últimos anos os incendios en plantacións de eucalipto son cada vez máis frecuentes no norte de Galicia e en Asturias, como este da vaga que asolou Asturias no ano 2023.

eucaliptos 3
Na parte superior da plantación pode verse unha zona con troncos de eucalipto queimados e que xa non resulta produtiva, un “eucaliptal degradado” nunha plantación de ENCE.

Pero os produtores de pasta están tentando de transmitir a falsa idea de que as plantacións de eucalipto levan asociados algún tipo de beneficio social, económico ou incluso ambiental. En tódolos casos de forma demagóxica e mesmo falseando a realidade, pero as contas indican o contrario, e o que é peor, a expansión do eucalipto que vai forzar a industria, que obrigará á Administración a deixar de lado a redución de superficie planificada no PFG, vai supor unha grave ameaza para o futuro dos solos, da biodiversidade e dos recursos hídricos e vai supor a incorporación á atmosfera de millóns de toneladas de CO2.

É certo que durante o seu crecemento as árbores absorben grandes cantidades de CO2 para transformalo nos compostos orgánicos dos tecidos da árbore, e isto é o que aseguran os produtores e consumidores que resulta beneficioso para a loita contra o cambio climático, os eucaliptos crecen rápido e absorben rápido moito CO2, pero cal é o problema? que pronto son cortados e convertidos en pasta de papel e residuos que se descompoñen e devolven á atmosfera o carbono retido en forma de CO2. De acordo co Regulamento da UE “sobre a inclusión das emisións e absorción de gases de efecto invernadoiro resultantes do uso da terra, o cambio de uso da terra e a silvicultura no marco da actuación en materia de clima e enerxía ata 2030”, que establece as fórmulas para o cálculo dos fluxos de carbono entre a atmosfera e os sistemas naturais, o período de “semioxidación” é dicir o tempo que tarda en reducirse á metade o carbono orgánico almacenado na madeira utilizada para fabricar pasta de papel é de 2 anos co que podemos asegurar que tras 4 anos a inmensa maioría do carbono contido na madeira está xa de novo circulando pola atmosfera en forma de CO2, pero non so se libera este CO2, tamén o emitido pola maquinaria de tala, reunión e transporte da madeira e do emitido durante os procesos de produción de pasta nos que se utilizan combustibles fósiles. ENCE por exemplo declara unhas emisións netas dunhas 700.000 toneladas ao ano e é un dos principais emisores de gases de invernadoiro de España, a implantación de ALTRI, si se producira, implicaría unha cantidade similar. Si, o eucalipto, leva asociadas unha elevadísimas emisións netas de gases de invernadoiro e contribúe xa que logo ao quecemento que favorece a propagación dos incendios forestais nos que á súa vez se emiten grandes cantidades de CO2, todo un bucle destrutivo. En Chile, despois de devastadores megaincendios en plantacións de piñeiro e eucalipto, os cultivos destas especies non se consideran como posibles sumidoiros de carbono, aquí preténdese disfrazar as plantacións de eucaliptos de proxectos de desenvolvemento sostible.

Pero o eucalipto non so ten este efecto, a transformación de solos fértiles en eucaliptais e dos eucaliptais en “eucaliptais degradados” implica unha grave perda de biodiversidade, de capacidade de retención de auga, de materia orgánica na que se acumula carbono e dos solos que poderían soportar a vexetación que actuase como sumidoiro de carbono no futuro, que podería proporcionar os recursos e servizos que necesitamos. A expansión do eucalipto na era dos megaincendios favorecidos polo cambio climático vai carrexar unha catástrofe que todos sabemos que xa está anunciada, so fica agardar.

eucaliptos queimados
Arrastres erosivos posteriores a un incendio forestal. Estes arrastres eliminan solo fértil e favorecen a transformación de materia orgánica en CO2. A degradación en plantacións de eucalipto aumentará co cambio climático.

Mentres, as plantacións seguen e seguirán a expandirse sobre terreos que ocupaba a matogueira e os terreos agrícolas, incumprindo a lexislación en materia de montes e de incendios e destruíndo ecosistemas protexidos, moitas matogueiras albergan hábitats protexidos pola lei, e os terreos que se dedicaron á produción de alimento probablemente non podan volver a utilizarse. Mal futuro para os nosos montes e a nosa terra.

Benito Andrade

Benito Andrade

Profesor de Bioloxía

Son Benito Andrade, nacín en Salcedo, moi cerca de Pontevedra, no 59.

Cando terminei o bacharelato tiña decidido estudar Filoloxía Hispánica pero no último momento matriculeime en Bioloxía, coa ilusión de poder estudar o medio mariño.

Pero non, non era ese o meu camiño, acabei dando clases de Bioloxía en varios centros de Galicia, o último o IES Valle Inclán de Pontevedra.

Pero non perdín de vista o mar, como afección, como desfrute e como compromiso, na Asociación Pola Defensa da Ría, defendendo dentro das miñas posibilidades a saúde dos ecosistemas da Ría de Pontevedra.

Tamén quixen acercarme aos mares do pasado, estudando uns bichiños ben fermosos dos mares do Xurásico de bacía portuguesa desta época, anos recollendo e estudando braquiópodos mesozoicos fixeron que lles teña un grande cariño a estes amiguiños de pedra, unha compañía que quero seguir buscando.

O tempo é unha fera destrutiva que pasa case sempre moi rápido, pasan os meses, os cursos, os anos e chegou o momento de deixar de traballar no instituto.

Somos maiores dende logo pero agora libres para poder dedicarnos ás cousas que consideramos importantes, como este blogue de maiores e para maiores feito entre amigos xubiletas.

O xenxibre do Himalaia

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥