Duetos musicais hispano-portugueses por Manuel Lastra

Duetos musicais hispano-portugueses por Manuel Lastra

Falabamos hai uns meses da pouca repercusión que a música portuguesa ten neste lado da raia. Afondando neste tema, hoxe imos comentar un fenómeno  que cada vez vén sendo máis habitual: as colaboracións e intercambios entre cantantes portugueses e españois.

Non é raro que algúns artistas portugueses utilicen o castelán nas súas interpretacións. Pensemos en António Zambujo  cantando Madera de deriva (coa chilena Mon Laferte) de Jorge Drexler ou Nininho Vaz Maia  cantando rumba flamenca como se fose nativo de Granada. En sentido contrario, algúns artistas españois usan o portugués nos seus traballos, con moita menos frecuencia, eso sí. Pero algúns exemplos hai, como a extraordinaria versión de Grandola Vila morena que Cecilia Krull e Pablo Alborán  acaban de gravar en portugués para a serie La casa de papel.

Antonio Zambujo e Mon Laforte, Madera de deriva (Castelán)

Nininho Vaz Maia Pégate a mí

Cecilia Krull e Pablo Alborán, Grandola Vila Morena (La casa de papel) (2021)

Nesta mesma liña, hai anos xa que de cando en vez algún artista hispano ou luso conta coa colaboración dun colega transfronteirizo nas súas actuacións ou traballos gravados. Pensemos na actuación de Carlos Cano xunto con Amalia Rodrigues  en TVE cantando María, la portuguesa ou Antonio Zambujo con Uxía en Da-me uma gotinha de água. Ou o traballo Dulce Estrela (2008) de Dulce Pontes e Estrella Morente . Todos estes son traballos monolingües nos que a lingua  utilizada é sempre a do considerado “artista principal” (castelán no caso de Carlos Cano e Estrella Morente e portugués no caso de Zambujo). O “artista invitado” adáptase e muda a súa lingua habitual. Estas colaboracións explícanse polas conexións existentes no centro e sur da península entre o flamenco e o fado e no norte polas evidentes ligazóns lingüísticas e culturais entre Galicia e a rexión do Minho.

Carlos Cano e Amalia Rodrigues, María la portuguesa

Antonio Zambujo e Uxía, Da-me uma gotinha de água (En portugués) (2014)

Dulce Pontes e Estrela Morente, Dulce Estrela 2008 (En castelán)

Pero o tema que hoxe nos ocupa é diferente. Nestes últimos anos estamos a observar que cada vez é máis frecuente un tipo de colaboracións máis sorprendentes: falamos dos duetos bilingües.  Cooperacións entre artistas españois e portugueses nos que cada un mantén a súa lingua  de maneira que se utilizan ambas. O portugués canta a súa parte en portugués e o mesmo fai o español. Naturalmente, se hai algunha parte na que canten ambos xuntos, deberán optar por unha ou outra. O resultado é peculiar e moi efectivo, un tema bilingüe perfectamente comprensible polos falantes de ambas linguas. A maioría destes traballos son baladas de corte romántico e estrutura musical sinxela destinadas ao grande público, pero non exentas de calidade.

Un dos exemplos máis antigos deste tipo de “duetos bilingües” é o tema Sangue oculto que en 1992 gravaran o grupo GNR xunto con Javier Andreu)  vocalista de La Frontera.

No 2007, Miguel Poveda contou coa colaboración de Mariza para o seu tema Meu fado. Mariza debeu collerlle o gusto ás claboracións con artistas españois porque repetiu a experiencia con Sergio Dalma  en Alma (2015)

GNR e Javier andreu (La Frontera), Sangue oculto (1992)

Mariza e Miguel Poveda, Meu fado (2007)

Mariza e Sergio Dalma, Alma (2015)

e con Vanesa Martín en Pídeme de 2018.

No 2011 Pablo Alborán conta con Carminho para o seu tema Perdóname. De 2013 é a canción Vencer ao amor de Paulo Gonzo e India Martínez

Mariza e Vanessa Martín, Pídeme (2018)

Pablo Alborán e Carminho, Perdóname (2011)

Paulo Gonzo e India Martínez, Vencer ao amor (2013)

e no 2017 Vanesa Martín conta coa colaboración de Matias Damasio para a extraordinaria Porque queramos vernos.

No 2018 Antonio José e Diogo Piçarra  lanzan A dónde Vas e o último dueto mixto castelán-portugués do que temos noticia é Por ti de Nuno Riveiro e Ainoa Buitrago de 2020.

Vanesa Martín e Matias Damásio, Porque queramos vernos 2017

Antonio José e Diogo Piçarra, A dónde vas (2018)

Nuno Ribeiro e Ainoa Buitrago, Por ti (2020)

Como resultado destas colaboracións, algúns artistas lusos empezan a ser coñecidos en España e este coñecemento propicia certa curiosidade pola música portuguesa actual o que, en definitiva, debemos considerar como moi positivo.

Ata a próxima.

Manuel Lastra Galiano

Manuel Lastra Galiano

Profesor de Galego

Son Manuel Lastra Galiano. Nacín hai case sesenta e un anos en Salcedo, ao lado de Pontevedra.

Sempre me gustou a literatura polo que decidín estudar Filoloxía e facerme profesor. O curso pasado puxen fin á miña etapa de docente despois de exercer durante trinta e sete anos, trinta deles no IES Valle Inclán desta cidade.

Penso que a xubilación non debe implicar o cese da vida activa. Ao contrario, agora podo dedicarme á realización de moitas actividades lúdicas e culturais que tiña aprazadas pola falta de tempo.

A publicación deste blog responde a esta ansia de manterme activo. Xunto cos meus compañeiros, espero que as propostas que vos fagamos sexan do voso agrado.

A descoñecida música portuguesa

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Os Maios en Pontevedra por Manuel Lastra -devellabella

Os Maios en Pontevedra por Manuel Lastra -devellabella

Os Maios en Pontevedra

Manuel Lastra

(Ben veñas, maio. O mellor mes de todo o ano)

Cada primeiro de maio, a praza da Ferraría de Pontevedra convértese nunha festa chea de ambiente e colorido, son os maios. A orixe desta festividade é moi antiga, mesmo prerromana. Todos os pobos campesiños conmemoran a chegada da primavera con actividades festivas que celebran a alegría da volta do ciclo agrícola e o renacer da terra.

Os maios non son exclusivos de Pontevedra, tamén hai maios en Marín, Poio, Vilaboa… e en moitos outros lugares de Galiza e o norte de Portugal. Pero cada un deles ten as súas características propias. En Ourense celébrase o día tres e realízanse verdadeiras esculturas vexetais. En Poio adoitaban ter forma de barco.

Maio de Pontevedra Fotografía de juantiagues

En pontevedra o maio é unha estrutura de forma cónica que representa unha árbore. Ten un esquelete de madeira ou canas que se cobre de fiuncho e adórnase con flores (pampullos, camelias, calas…) e tamén con laranxas e ovos… e culmínase coa coroa, auténtica escultura floral que remata o maio. A importancia da coroa é tal que ultimamente é frecuente que se independice do maio e se exhiba aparte. Toda a estrutura repousa nunha plataforma con asas para facilitar o seu movemento e transporte. Arredor do maio xiran uns nenos e nenas cantando coplas de carácter satírico que tamén reciben o nome de maios. Estas coplas son alusivas á realidade local do momento: actualidade política e social, denuncia de situacións ou carencias, etc. Un solista canta as coplas e o coro repite o refrán ou retrouxo mentras se acompasa facendo chocar dous cilindros de madeira que producen un son rítmico moi característico. As coplas impresas en follas soltas son repartidas entre os asistentes a cambio dunha propina. Un xurado vai premiar tanto a feitura do maio como da coroa ou o acertado das coplas e a interpretación.

Nas terras de Pontevedra tamén é costume poñer un ramo de xesta florida nas portas das casas e nos coches. A ese ramallo tamén se lle chama “maio” e ten unha clara función protectora a modo de talismán.

O costume dos maios ten múltiples repercusións literarias, pero sen dúbida a máis coñecida é o famoso poema O maio de Curros Enríquez de Aires da miña terra (1880) no que un grupo de nenos visita a un campesiño pobre para cantarlle un maio a cambio dunhas castañas secas. O home non pode darlles nada porque nada ten pero recíbeos amablemente e pídelles que lle canten un maio diferente: un maio no qe non exista todo aquilo que oprime aos pobres: explotadores, impostos, xuros, preitos, fame ou cregos. Daquela si que chegaría realmente o maio para el.

Como na maioría dos poemas de Curros a temática social aflora por riba do costumismo, Este poema foi magnificamente musicado e interpretado por Luís Emilio Batallán.

O MAIO

Aí vén o maio
de frores cuberto …

Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sonvos o probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno! …

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero …

Queredes castañas
dos meus castiñeiros? …
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

Manuel Curros Enríquez, Aires da miña terra (1880)

Manuel Lastra (Maio 2021)

Manuel Lastra Galiano

Manuel Lastra Galiano

Profesor de Galego

Son Manuel Lastra Galiano. Nacín hai case sesenta e un anos en Salcedo, ao lado de Pontevedra.

Sempre me gustou a literatura polo que decidín estudar Filoloxía e facerme profesor. O curso pasado puxen fin á miña etapa de docente despois de exercer durante trinta e sete anos, trinta deles no IES Valle Inclán desta cidade.

Penso que a xubilación non debe implicar o cese da vida activa. Ao contrario, agora podo dedicarme á realización de moitas actividades lúdicas e culturais que tiña aprazadas pola falta de tempo.

A publicación deste blog responde a esta ansia de manterme activo. Xunto cos meus compañeiros, espero que as propostas que vos fagamos sexan do voso agrado.

O Gato

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

A descoñecida música portuguesa por Manuel Lastra

A descoñecida música portuguesa por Manuel Lastra

O coñecemento que temos a maioría dos galegos da música portuguesa é practicamente nulo. Algúns amantes  do fado lembrarán a Amalia Rodrigues ou ao recentemente finado Carlos do Carmo e os seguidores da canción protesta (música de intervençāo) a Xosé (Zeca) Afonso. Pouco máis: Madredeus, Dulce Pontes… e, claro, Salvador Sobral e a súa almibarada Amar pelos dois.

Se preguntamos por algún grupo ou solista de música lixeira, o descoñecemento é total a pesar de que están aí, ao lado. Nas emisoras de radio non se programa música portuguesa. Nos bares (cando estaban abertos) non se escoitaban cantantes lusos. Se acaso algunha colaboración como as excelentes de Mariza con Miguel Poveda en Meu fado  o Carminho con Pablo Alborán en Perdóname.

Ademáis, existe o prexuízo, falso como todos, de que é unha música tristeira, dominada pola saudade e algo anticuada. Nada disto é verdade. Os solistas e grupos de música lixeira portuguesa están a vivir un momento de auxe e plenitude do que aquí parece que non queremos enteirarnos.

A pegada da tradición

Uhas das características que definen a música portuguesa e a fan tan particular é a súa débeda coa música tradicional. Mariza, Ana Moura, António Zambujo, Cuca Roseta, Misia, Carmiño… e moitos outros cantantes que podemos clasificar como representantes da chamada  música lixeira comezaron a súa  carreira como fadistas e de cando en vez gustan de volver ás orixes, porque, ao contrario do que sucede en España, os artistas portugueses non renegan do tradicional senón que o asumen e renovan constantemente, O fado actual é menos dramático, menos trascendente có clásico. Ana Moura chámao acertadamente “desfado”. O fado é o responsable dos ritmos lentos, os acordes de guitarra e a dicción tan particular que caracteriza a estes cantantes. Tamén no coidado das letras e na tendencia dos temas a contar historias e non limitarse a repetir un estribillo vemos influencias fadísticas.

Aínda que moi importante, non é o fado a única pegada tradicional que vemos nesta música, António Zambujo  inclúe con frecuencia nos  concertos algunha peza de canto  alentexano (marabillosa a interpretación de Da-me uma gotinha de  água con Uxía e Budiño). Cuca Roseta recrea Alecrín dourado nun dos últimos discos e son evidentes os ritmos folclóricos de E tu gostavas de mi de Miguel Araujo e Ana Moura.

Os pioneiros

Carlos Paredes (Coimbra,1925 – Lisboa 2004)

Auténtico mito da cultura lusa. Considerado un compositor xenial e o maior virtuoso da guitarra portuguesa e responsable de que apareza en moitas composicións actuais. A guitarra portuguesa, instrumento típico portugués que sempre acompaña aos fadistas, é distinta da guitarra clásica española. Paredes combinaba o herdo da música popular coa música erudita e os compositores clásicos

Escoitar: “Canto do Amanhecer”

António Variaçōes. (Braga, 1944 – Lisboa, 1984)

Unha das figuras máis persoais do panorama musical portugués. Irreverente e provocador, Variaçōes foi un adiantado ao seu tempo. A prematura morte deste artista único privounos da súa xenialidade incomprendida na época e reivindicada por moitos sectores hoxe.

Escoitar: “O corpo é que paga “

Paulo de Carvalho. (Lisboa, 1947)

Comezou a súa traxectoria nos 60 cos Sheiks, coñecidos como os Beatles portugueses. Despois pasou por varias bandas ata probar sorte como solista nos 70. A súa dilatada carreira convérteo nun dos cantantes máis respeitados do panorama musical portugués.

Escoitar: “E depois do Adeus” – Xutos & Pontapés com Paulo de Carvalho

Rui Veloso. (Lisboa, 1957)

Considerado por moitos fundador do rock portugués e respetado por todos. Comezou a finais dos setenta na banda de garaxe Magara Blues e independizouse nos oitenta. Grupos como Os azeitonas e solistas como Miguel Araujo recoñecen a grande débeda que teñen con Veloso.

Escoitar: O prometido é devido 

João Pedro Pais (Lisboa, 1971)

Aínda que máis novo e plenamente activo, debémolo considerar entre os pioneiros pola grandísima influencia que exerce sobre moitos artistas actuais.

Deuse a coñecer nos noventa no programa Chuva de estrelas da televisión e a partir de aí iniciou unha exitosa carreira que o levou a gañar dous Globos de Ouro no 2001 e varios discos de platino.

Escoitar: Ninguém é de ninguém

Primeiras bandas

 Os anos oitenta significaron tamén o inicio de moitas bandas que supuxeron a actualización da música portuguesa. A maioría destas bandas desapareceron pero algunha aínda permanece.

Xutos & Pontapés

Fundouse en 1978 en Lisboa e aínda continúa vixente. Son recoñecidos como un dos grupos musicais máis importantes do país e os pioneiros da música rock.

Escoitar: O mundo ao contrário

UHF

Fundouse a finais dos setenta en Lisboa por António Manuel Ribeiro. Xunto con Xutos & Pontapés foron os iniciadores das bandas de rock en Portugal nunha época na que o fado e a canción protesta dominaban o panorama musical portugués.

Escoitar: Cavalos de corrida 

GNR (Grupo Novo Rock)

xurdiron en Porto en 1980. Foron e son un dos referentes da música pop-rock das últimas décadas do país veciño. Coñeceron diversas formacións e está considerado un dos símbolos da cidade de Porto.

Escoitar: Sangue oculto 

Heróis do mar

Fundouse en 1981 e durou ata 1990. O nome está tomado do primeiro verso do himno nacional portugués. Cultivaron ademais do pop rock, a new wave e o post punk.

Escoitar: Só gosto de ti

Sétima legião

Foi formada en 1982 en Lisboa por Rodrigo Leão (Madredeus). Durou ata o ano 2000. Móvense entre o rock sinfónico e o folk sempre con moi coidadas orquestacións e atractivas melodías.

Escoitar: Sete mares 

Ornatos violeta

Banda de rock alternativo fundada en Porto e que estivo activa entre 1991 e 2002. Estaba formada por Manuel Cruz, Nuno Prata, Klnörm e Eliseo Donas. Ademais de rock tamén cultivaron funk, jazz, ska e punk. Foi a banda de referencia de rock portugués nos anos noventa destacando o traballo O monstro precisa de amigos (1999}

Escoitar: Capitão Romance 

Os azeitonas

Aparecieron no 2000 en Porto como unha banda de garaxe máis da man de Miguel Araujo e Marion (Mário Brandão). Están apadriñados por Rui Veloso de quen recoñecen o maxisterio. O seu estilo vai do rock ao pop sen descoidar as baladas. Con modificacións na formación inicial seguen en activo con bastante suceso.

Escoitar: Anda comigo ver os aviōes 

Deolinda

Fundouse no 2006 ao unirse os irmáns Luís e Pedro Martins coa súa curmá Ana Bacalhau que é a vocalista. Deolinda inspírase no fado e a música tradicional pero con múltiples actualizacións: non usan a guitarra portuguesa,  as súas letras non son tristes nin  fatalistas e non visten de negro como é preceptivo no fado canónico.

Escoitar: Corzinha de verão

Diabo na cruz

Banda de Lisboa fundada no 2008 por Jorge Cruz que proviña do trío Superego. Diabo na cruz especializouse nun rock que poderiamos clasificar como tradicional. O album Virou (2009) foi considerado un fito na música portuguesa por combinar música tradicional e rock contemporáneo. Disolvéronse no 2019

Escoitar: Donha Ligeirinha 

Solistas actuais

Miguel Araujo (Maia, 1978)

Foi fundador e líder de Os Azeitonas e desde 2012 desenvolve a súa carreira en solitario. Compositor e cantante moi prolífico e versátil, móvese entre a  balada pop, o folk actualizado e a canción de autor con temática social.

Escoitar Balada astral 

António Zambujo (Beja, 1975)

Igual que tantos outros, comezou a súa carreira como fadista pero pronto experimentou con outros estilos desde o canto alentejano ata a bossa nova ou o jazz. Actualmente é un dos músicos portugueses con máis  proxección internacional sobre todo despois do éxito de Ao aveso, o seu último traballo.

Escoitar A pica do sete 

Marcia (Lisboa, 1982)

Comezou como solista en distintos grupos ata que en 2009 lanzou o seu primeiro traballo en solitario chamado simplemente Marcia, que obtivo un éxito considerable sobre todo a espléndida Á pele que há em mi que máis tarde versionou com J. P. Simões. Este tema foi nomeado como melhor canción na gala dos Globos de Ouro 2012. A delicadeza e a poesía definen a maneira de cantar e de compoñer de Marcia.

Escoitar A Pele que há em mi  

Carolina Deslandes (Lisboa, 1991)

Igual que Marcia, tamén Carolina Deslandes compón os seus propios temas e tamén a delicadeza e a aparente sinxeleza son as notas dominantes da súa obra. Deuse a coñecer en 2010 ao quedar finalista na cuarta edición de Idols Portugal (auténtica canteira de artistas) e dende entón vai encadeando éxitos.

Escoitar A vida toda 

Pedro Abrunhosa (Porto, 1960)

É un dos intérpretes e autores máis veteranos do actual panorama musical portugués. Deuse a coñecer en 1994 co álbum Viagens que lle supuxo o recoñecemento do público. Abruñosa posúe unha sólida formación musical e gañou varios premios, entre eles, tres Globos de Ouro.

Escoitar Eu não sei quem te perdeu 

Cuca Roseta (Lisboa, 1981)

É outra das representantes da nova xeración de fadistas e, sen dúbida, unha das voces máis persoais entre as cantantes portuguesas. Intercala a súa vocación de intérprete de fado con outros estilos como o pop, rock, jazz ou bossa nova e mesmo canto tradicional, demostrando así unha total versatilidade. Ademáis, Cuca Roseta compón a letra de moitos dos seus temas.

Escoitar Cuca Roseta – Amor Ladrão

 

Mariza (Maputo, Mozambique, 1973)

Posuidora dunha voz extraordinaria e inconfundible, Mariza naceu en Mozambique pero criouse  en Lisboa onde iniciou a súa carreira como intérprete de fado. Pronto ampliou os seus intereses musicais cara a outros estilos como o gospel ou a música brasileira.

Hoxe está considerada unha das cantantes lusas con maior proxeccion internacional. En España é coñecida, entre outras cousas, polas súas colaboracións con Miguel Poveda (Meu fado, meu fado)  e con Sérgio Dalma (Alma)

Escoitar O tempo não para  

Salvador Sobral (Lisboa, 1987)

levou a Portugal á súa primeira vitoria nun festival de Eurovisión en 1917 co tema Amar pelos dois composto pola súa irmã Luísa.

Pero a carreira de Sobral e moito máis que iso. Deuse a   coñecer no concurso televisivo Ídolos no 2009 e despois trasladouse cunha bolsa de estudos a Palma de Mallorca onde comezou a cantar en bares destacando como músico e intérprete de jazz. Viviu despois en Barcelona encamiñándose cara a música alternativa: bossa nova e ritmos latinoamericanos. Despois do éxito Eurovisivo e dun obrigado parón por motivos de saúde, agora está centrado case exclusivamente no jazz.

Escoitar Excuse me

Últimas formacións

 Nos últimos anos apareceron algunhas bandas que poderíamos clasificar como de “rabiosa actualidade” e que representarían as últimas tendencias da música máis nova de alén Miño:

Clã

Os máis veteranos dos novos. Levan xa case dúas décadas en activo. Están especialiados en pop-rock e teñen editados varios discos.

Escoitar Tudo no amor

Moonspell

Banda xurdida ao redor de Fernando Ribeiro, decántase polo Black metal cunha estética heavy de clara influencia gótica.

Escoitar “Alma mater

The Gift

Son os representantes máis salientables do que poderiamos chamar rock alternativo. Con quince anos de carreira levan publicados oito albums ata agora. En 2005 gañaron o premio MTV ao melhor grupo portugués.

Escoitar – “Fácil de Entender”

Outros

A nómina de solistas e grupos é moitísimo máis longa e sería imposible nomealos a todos. Pero por citar algúns dos que teñen unha maior presencia nas emisoras e nas redes, estarían entre outros: Ana Bacalhau, Tiago Bettencourt, Diogo Piçarra, Gisela João, Carminho, Ana Moura, Agir, Raquel Tavares… e un longuísimo etc.

 Por suposto que non están todos os que son. Pero con seguridade que son todos os que están e se conseguimos picar un pouco a curiosidade do lector e animalo a acercarse á ese mundo tan interesante da música portuguesa actual, dámonos por satisfeitos.

Manuel Lastra Galiano

Manuel Lastra Galiano

Profesor de Galego

Son Manuel Lastra Galiano. Nacín hai case sesenta e un anos en Salcedo, ao lado de Pontevedra.

Sempre me gustou a literatura polo que decidín estudar Filoloxía e facerme profesor. O curso pasado puxen fin á miña etapa de docente despois de exercer durante trinta e sete anos, trinta deles no IES Valle Inclán desta cidade.

Penso que a xubilación non debe implicar o cese da vida activa. Ao contrario, agora podo dedicarme á realización de moitas actividades lúdicas e culturais que tiña aprazadas pola falta de tempo.

A publicación deste blog responde a esta ansia de manterme activo. Xunto cos meus compañeiros, espero que as propostas que vos fagamos sexan do voso agrado.

Presentación lingua irmá

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Novos cinemas do 15 ao 20 de decembro – devellabella

Novos cinemas do 15 ao 20 de decembro – devellabella

A quinta edición de Novos Cinemas, Festival Internacional de Cine de Pontevedra, que se vai celebrar entre o 15 e o 20 de decembro, anunciou as longametraxes que formarán parte de LATEXOS, a súa sección competitiva dedicada a películas de natureza íntima e fráxil, feitas case de xeito artesanal

Cun marcado carácter testemuñal, as películas que compoñen esta sección conxugan nesta edición o retrato intimista de comunidades que afrontan inevitables cambios vitais –Mamá, mamá, mamá e La última primavera–, a radical refutación dunha historia oficial que agocha a súa barbarie baixo o lema da civilización –Anunciaron tormenta-, e a obstinada e sensorial búsca dun artista tan singular e resiliente como esperanzado –¿Qué hago en este mundo tan visual?-.

Ademais de en Pontevedra, os catro filmes desta sección tamén estarán dispoñibles en Filmin durante a celebración do festival a raíz do acordo que Novos Cinemas ten establecido con esta plataforma de exhibición online.

Merca a túa entrada

“Mamá, mamá, mamá” de Sol Berruezo

Os calurosos días do verán austral  preséntanse baixo un halo de tristura na casa de Cleo. Unha casa chea de xente pero á que lle falta algo. A súa avoa, tía e curmás sempre están perto e estano desde que a sua irmá pequena, Erin, afogou na piscina. Cunha nai destrozada e mentalmente ausente desde a desgraza, os coidados, a paciencia e a tenrura de todas as mulleres que habitan agora a casa irán enchedo pouco e pouco o vacío que as inunda.

Ópera prima da cineasta Sol Berruezo, cuxa estrea mundial tivo lugar na Berlinale 2020, sendo premiada na sección Generation Kplus.  A longametraxe Mamá, mamá, mamá foi rodada integramente por un equipo de mulleres.

La última primavera de Isabel Lamberti

A familia Gabarre-Mendoza celebra o aniversario do seu neto cando una inspección policial interrompe o festexo.

Na Cañada Real, un bairro de chabolas nos arabaldos de Madrid, xorden tensións entre as autoridades  os veciños porque se venderon os terreos e as familias son obrigadas a abandoar as casas que eles mesmos construíran. Mentras, a nai, Agustina, pasa de ser unha muller moi leda a vivir atormentada polo medo; o pai, David, un chatarreiro moi traballador, intenta atopar unha solución, pero a burocracia do sistema vailles fallar. No entanto, os membros máis novos da familia -David fillo, a nora e nai adolescente, María e o mozo Alejandro- loitan ao seu xeito coas súas vidas na corda frouxa.

Anunciaron tormenta  de Javier Fernández Vázquez

Ësáasi Eweera, un dos últimos reis da tribo Bubi na illa de Bioko, en Guinea Ecuatorial, é unha espiña encravada para os poderes coloniais españois. Morreu en 1904 en extrañas circunstancias. Este caso sen resolver  reabríuse máis dun século despois, empezando pola ascendencia de Eweera no trono e chegando ata as últimas consecuencias da súa desaparición. Os documentos de arquivo son a base desta investigación, pero mesmo así quedan algunhas dúbidas sen resolver. É un axioma que aquí se trasladou ao mundo visual en forma de fotos históricas, voces en off e de unha historia de investigación que é á vez unha acusación do colonialismo e un estudo sobre todo o que representou. (FILMAFFINITY)

¿Qué hago en este mundo tan visual?  de Manuel Embalse

¿Como é producir imaxes no 2020 sendo cego? Zezé Fassmor perdeu a vista aos 25 anos. Hoxe, aos 32 e coa idea de volver  ver, filma e fai fotos xerando o seu propio arquivo para ver esas imaxes no futuro. Viaxamos ás Cataratas de Iguazú, explorando a xeografía dos sentidos para filmar outra escena da súa imaxinación.

Como se fixo

Nesta quinta edición de Novos Cinemas, Festival Internacional de Cine de Pontevedra, que se celebrará entre o 15 e o 20 de decembro, tamén se fixeron públicos os nomes dos proxectos escollidos para formar parte do #LAB, o seu espazo de asesoramento.

Trátase de cinco traballos que estarán asesorados por un comité formado por Isona Admetla, coordinadora do fondo para a cinematografía Berlinale-World Cinema Fund; Sergi Moreno, produtor executivo en Lastor Media; Silvia Lobo, responsable de distribución de Elamedia Estudios; e Pepe Coira, guionista, director de desenvolvemento e produtor executivo para diversas compañías.

A través do LAB, o festival promove o desenvolvemento de proxectos cinematográficos internacionais mediante o encontro entre cineastas noveis e profesionais de recoñecida traxectoria e sensibilidade cara a propostas de natureza independente.

Nesta edición, as longametraxes que participarán no festival son: ‘La cara del Sol’ (‘Le Visage du Soleil), de Cristóbal Álvarez (Francia, España, México, Marrocos); ‘El mal del siglo’, de Nicolás Suárez (Arxentina, en desenvolvemento); ‘Patarinos’, de Zeltia Outeiriño (España, en desenvolvemento e pre-produción); ‘A Song That Slays’, de Mo Scarpelli (Italia, Kenia, en tratamento de guión) e, por último, ‘Vin a noite que nunca se acaba’, de Helena Santín (España, en desenvolvemento)

LA CARA DEL SOL/LE VISAGE DU SOLEIL

Francia, España, México, Marruecos | Primeira longametraxe fición

Dirección/Direction: Cristóbal Álvarez
Produción Héctor Zubieta
Estado/Current status: Desenvolvemento/Development

Nunha pequena vila crúzanse catro personaxes. Cada un deles lidia coas lembranzas que os levan a acadar xustiza. Todo coa finalidade de conseguir unha vida mellor. 

Cristóbal Álvarez (México DF). Nacido en México DF e neto  de inmigrantes españois, Cristóbal Álvarez estudou cinematografía en Estados Unidos, fotografía en México e dirección cinematográfica na Escola de Cine de Barcelona (ECIB). Moi influenciado polas súas viaxes (Cuba, India, Marrocos, Francia), o seu traballo reficte  a importancia primordial do multiculturalismo e o compromiso cun tipo de cine que aspira á busca da verdade a través dunha ollada íntima e sincera tan atenta ás paisaxes como ás emocións do ser humano. Cristóbal tamén produce vídeos musicais e curtametraxes  socioculturais. 

EL MAL DEL SIGLO

Arxentina  | Segunda longametraxe 

Dirección/Direction: Nicolás Suárez
Produción: Protón Cine
Estado/Current status: Desenvolvemento /Development

Arxentina, 1885. Como Werther, como Lord Byron, como Poe, Andrés padece o mal do século: un sentimento do inútil e van da existencia que o arrastrará a viaxar do campo á cidade  e dun século a outro, nunha distopía acompasada e heterocrónica.

Nicolás Suárez estudou na ENERC e é doctor en Literatura pola  Universidade de Bos  Aires. A súa curtametraxe  Centauro (2017) estreouse mundialmente na Berlinale, onde obtivo unha mención especial, e recibiu o premio á mellor curta no  Festival Biarritz d’Amérique Latine. Codirixiu a longametraxe Hijos Nuestros (2015), que foi gañadora  do concurso de Óperas Primas do INCAA e recibiu premios nos festivais de Mar del Plata, Málaga e Guadalajara, entre outros. O seu novo proxecto  de longametraxe El mal del siglo, foi seleccionado en 2019 para participar na Bienal Arte Nova de Bos Aires, onde Nicolás foi premiado cunha bolsa para desenvolver o filme e cursar estudos na Elías Querejeta Zine Eskola.

PATARINOS

España | Primeira longametraxe

Dirección/Direction: Zeltia Outeiriño
Produción: Sétima Media e Ringo Media
Estado/Current status: Desenvolvemento e preprodución

Para vencer o desencanto vital que sofre, Zeltia regresa á súa terra, Galicia, e rebusca na memoria do seu tío, Antonio Outeiriño, un artesán  téxtil gay orensán que viviu intensamente os anos 80 e con quen ela se identifica polos seus valores e a súa disidencia. Buscando a Antonio, ela  conecta consigo mesma, cura o desarraigamento  e rexenera o lene vencello coa súa familia.

Zeltia Outeiriño González estudou Publicidade e RRPP na UVigo e Comunicación Audiovisual na Universidade de Barcelona. Aos  27 anos traballa como operadora de cámara de televisión e realiza a súa primeira mediametraxe El Bazar Solidario. No 2009 deixa a televisión e emprende unha viaxe por Colombia e dirixe a súa segunda mediametraxe Vientos de Resistencia. Xa en Barcelona, interésase polos procesos de creación de vídeo participativo e funda o colectivo Las Mirillas, desde o que desenvolverá proxectos con colectivos socialmente vulnerables. En 2018 inscríbese no Máster en Documental de Creación da UPF e comeza a desenvolver a súa ópera prima, a longametraxe documental Patarinos, un proxecto baseado na súa historia personal e familiar.

A SONG THAT SLAYS

Italia, Kenia | Primeira longametraxe de fición

Dirección/Direction: Mo Scarpelli
Produción: Rake Films
Estado/Current status: Tratamento de guión

Mo Scarpelli é unha realizadora e directora de fotografía italo-americana de cine de non-fición. Os seus documentais proxectáronse na  Berlinale, Visions du Réel, IDFA, SXSW, Hot Docs, Durban IFF, BFI London Film Festival, Thessaloniki e outros. A súa primeira longametaxe documental, Anbessa, foi nominada para o premio documental Crystal Bear e Glashütte na 69° Berlinale, e foi transmitida por ARTE / ZDF en Francia e Alemaña. O seu último documental El Father Plays Itself, rodado en Venezuela, recibiu unha Mención Especial do Xurado á Mellor Longametraxe Internacional en Visions du Réel 2020. Mo, que se licenciou en Xornalismo pola Universidade de Missouri, ten a súa sede en Roma e participou na Berlinale Talents. A Song That Slays é a súa primeira longametraxe de fición.

VIN A NOITE QUE NUNCA SE ACABA

España | Primeira longametraxe                

Dirección/Direction: Helena Santín
Produción: Japonica Films
Estado/Current status: Desenvolvemento

Tras coñecer a nova da morte do seu irmán Elixio, Rosa viaxa soa á súa aldea  natal de Galicia para facerse cargo da casa e das vacas do seu último habitante, deixando atrás unha cidade á que sente que non pertence.  Reencóntrase co que unha vez foi o seu fogar, un lugar entre montañas preto da fronteira con Portugal, onde revivirá as súas lembranzas e acercarase a unha aldea que ficou noutros tempos. Un territorio que se move entre o mítico e o fantástico, e que garda nos seus recantos ecos do pasado.

Helena Santín  gradúase na especialidade de dirección por ESCAC e  céntrase no seu traballo como montadora en sitios moi diversos: o medio de comunicación online PlayGround, axencias de publicidade ou varios videoclips da cantante Mala Rodríguez. Asemade, desenvolve proxectos persoais de forma independente. O ano pasado formou parte do Xurado Xove do MECAL, e actualmente é parte da comisión de comunicación do cine cooperativa Zumzeig de Barcelona.

 Visións traxicómicas sobre a decadencia dun pensador británico do século XVIII, relecturas sobre a comedia adolescente de transición ao estado adulto, cinema de xénero que axusta as contas cun pasado bélico e traumático non recoñecido oficialmente ou reflexións profundas sobre a relación que establecemos coas imaxes que consumimos son varios dos temas centrais que o público poderá atopar nestas nove longametraxes que compoñen a Sección Oficial da quinta edición do festival.

Accede aquí á Sección Oficial e descubre todos os detalles sobre os filmes que competirán nesta edición da sección.

Quen formará parte do xurado?

O festival desvela tamén hoxe os nomes dose integrantes dos xurados que outorgarán os premios desta quinta edición do festival. O Xurado Oficial, que outorgará o “Premio Novos Cinemas á mellor longametraxe da Sección Oficial” está formado pola programadora, escritora cinematográfica, docente e cineasta Elena Duque; o director e programador Pela del Álamo e a tamén directora Nuria Giménez, que clausurará esta edición do festival coa súa primeira película, My Mexican Bretzel, e terá un encontro co público para amosar os seus procesos de traballo.

O “Premio Xurado Novo á mellor dirección da Sección Oficial” será entregado por Fernando Areal Alvite, Alba Domínguez Serén, Miguel Gómez Abad, María Ramos Lamela e Ángeles Vidal Pallas, alumnado do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo; o “Premio da Crítica ao mellor filme das seccións competitivas” estará escollido nesta ocasión polos profesionais da crítica Ángel Suanzes, Toni Junyent e Mariona Borrull e o público decidirá co seu voto cal é o seu filme favorito desta sección.

Alén disto, a Sección Latexos terá tamén o seu propio premio en concepto de axuda á exhibición outorgado por un xurado conformado por representantes dos cinemas NUMAX (Xan Viñas), Zumzeig (Albert Triviño), Círculo de Bellas Artes de Madrid (Manuel Asín) e DUPLEX Cinema (Ramiro Ledo).

 ACCIDENTAL LUXURIANCE OF THE TRANSLUCENT WATERY REBUS | Croacia | 2020 | Dirección: Dalibor Barić

Os mundos inconcebibles de Ursula K. Leguin e Philip K. Dick, os labirintos narrativos de Robe-Grillet e o cine de autores como Tarkovsky e Cronenberg colisionan nesta película policiaca existencial. Unha distopía que viaxa no tempo e no subconsciente. E é que a historia de Martin, fuxitivo do sistema que foxe a unha comuna revolucionaria,dálle ás a Dalibor Baric para crear unha animación a base de collages e rotoscopias no que cada plano deixa sen respiración. A clase de placer visual no que perderse, a ser posible, en pantalla grande.

AIR CONDITIONER | Angola | 2020 | Dirección: Fradique

Unha grande longametraxe  que describe a realidade da xentrificación e o colonialismo nos países en Desenvolvemento. A trama melancólica de arranxar os acondicionadores de aire que caen na perspectiva de Matacedo é realmente fascinante pero tamén sombría. A partitura é simplemente perfecta e algunha escenas son impactantes, especialmente os últimos quince minutos más o menos. ¿Non odias cando te estás arrefriando e de repente te cae un aire acondicionado?

 

DRAMARAMA | USA | 2020 | 91’ | Dirección: Jonathan Wysocki

En 1994, un adolescente encerrado loita por separarse dos seus catro amigos de teatro da escola secundaria na súa última festa de misterio de asasinato antes de irse á universidade.

 

FORTALEZA | Italia | 2019 | 72’| Dirección: Ludovica Andò, Emiliano Aiello

Filmada íntegramente no interior do cárcere de Civitavecchia, sendo os prisioneiros protagonistas e coautores, Fortezza é a reinterpretación dunha  das  novelas máis importantes do siglo XX: A estepa tártara de Dino Buzzati.
Tres soldados chegan a unha  gornición militar solitaria que xa non cumpre ningunha función defensiva. Aquí o tempo está estancado e está marcado por estritas regulación dinámicas de poder, ociosidade arraigada e hábitos. Esperando en van a un inimigo que non chega, os militares consómense, por unha banda, pola necesidade de darlle un sentido á súa  estancia e, por outra, pola necesidade de resistir a atracción que este lugar lles produce.
Os que están dentro non poden saír.  Os que se van, nunca serán completamente libres. Atrapados nun acto de equilibrio entre fición e documental, un grupo de presos revela os límites e a humanidade da condición de encarceramento  ao subir ao escenario.

 IL N’Y AURA PLUS DE NUIT | Francia | 2020 | 75’ | Dirección: Eléonore Weber

A cineasta e directora teatral Eléonore Weber conseguiu coa súa segunda longametraxe o recoñecemento de festivais tan prestixiosos como Cinéma du Réel (París) ou a Mostra Internazionale del Nuovo Cinema de Pesaro. A denuncia do comportamento de pilotos militares en operacións en Irak, Afganistán e Pakistán que guía Il n’y aura plus de nuit fíxoa acreedora de sendos premios. Documental terrorífic e fascinante, construído exclusivamente con imanes gravadas por tropas estadounidenses e francesas en escenarios de guerra.  tamén foi proxectado recentemente en IndieLisboa.

MOSQUITO | Portugal, Francia | 2020 | 125′ | Dirección: João Nuno Pinto

Soñando con grandes aventuras e con defender a súa terra natal, un mozo portugués alístase  no exército durante a Primeira Guerra Mundial e é enviado á fronte en Mozambique, África. Abandonado polo seu pelotón, emprende unha exgotante  camiñada a través da mística terra natal de Makua, camiñando máis de mil quilómetros, en busca do seu soño. 

 SI YO FUERA EL INVIERNO MISMO | Argentina | 2020 | 92’ | Dirección: Jazmín López

Catro amigos atópanse nunha finca remota para facer unha recreación cinematográfica de tres obras icónicas que encarnaron a revolución social e artística de hai 50 anos: ‘La Chinoise’ (1967) de Jean-Luc Godard, ‘Inextinguishable Fire’ (1969) de Harun Farocki e ‘Untitled (Facial Hair Transplants)’ (1972) de Ana Mendieta. Durante o proceso artístico, unha deles enléase nas súas lembranzas dun ex amante ao que no pode esquecer.

TAL DÍA FIXO UN AÑO | Alemaña, España, Suíza | 2020 | 71’| Dirección: Salka Tiziana

Larissa (Melanie Straub) e as súas pequenas xemelgas  de nove anos chegan desde a súa Alemaña natal á casa paterna, nas  montañas españolas de Serra Morena. O voo do pai da família retrásase, pero as invitadas son benvindas aínda  así pola nai e a irmá del,  que viven xuntas. A rutinaria existencia das mulleres vese interrompida pola presencia enerxética das nenas. A medida que pasan os días de calor abrasador, todos intentan relacionarse entre si, cuestionándose se as barreiras dos seus distintos idiomas poden impedir que teñan algunha conversación minimamente íntima.

 HE TROUBLE WITH NATURE | Dinamarca, Francia | 2020 | 95′ | Dirección: Illum Jacobi

Unha débela impresionante e unha importante  crise de mediana idade fan que o filósofo Edmund Burke fuxa de Londres para embarcarse nunha expedición a través dos Alpes franceses. Trae  unha criada que tomou prestada da plantación do seu irmán nas Indias Occidentais, unha moza indíxena chamada Awak. Xuntos dispóñense a descobrir o sublime nesta road movie do século XVIII. Mal equipado para a vida ao aire libre, Burke pasa os días lamentándose mentras Awak leva todos os suministros e asegúrase de que o rosto de Burke estea sempre en po. ¿Poderá Burke atopar un tema apropiado para a súa investigación filosófica na inmensa beleza da Nai Natureza? ¿Ou será o mundo natural quen se convirta no seu mestre ao final?

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Culturgal: Cine por Manuel Lastra – devellabella

Culturgal: Cine por Manuel Lastra – devellabella

5 escenarios con entradas e saídas independentes. Os 5 con aforo presencial permitido e 3 con streaming.
LIBRO. Presentacións, conversas, premios. Con streaming
INFANTIL. Situado no recinto. Para espectáculos, contacontos, ciencia…
FORO (Sala de Exposicións do Pazo). Arte contemporánea, performance, recitais, movemento, profesional. Con streaming.
CINEMA (Salón de Actos do Pazo da Cultura). Un espazo para o audiovisual con proxeccións dos títulos do ano e coloquio cos seus protagonistas.
ESCENA. Para propostas de música ao vivo e teatro. No Auditorio do Pazo da Cultura. Con streaming

VENRES 27 DE NOVEMBRO

19:00.  Ons de Alfonso Zarauza. Con Chicharrón ao vivo antes da proxección

SÁBADO 28 DE NOVEMBRO

12:00. Dorothé na Vila.   Dirección: Alejandro Gándara e Olaia Tubío

16:00. Arima. 2019. Directora: Jaione Camborda. Esnatu Zinema

19:00. A illa das mentiras. 2020. Directora: Paula Cons. Agallas Films

DOMINGO 29 DE NOVEMBRO

11:00. Pontevedra, cuna de Colón… coa súa cor! Xunta de Galicia. Duración: 40 minutos

13:00. Karelu. Compañía Os Náufragos Teatro. Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. Xunta de Galicia.

16:00. Longa noite. 2019. Dirección: Eloy Enciso. Filmika Galaika.

18:30. A media voz. 2019. Directoras: Heidi Hassan e Patricia Pérez Fernández..

A illa das mentiras. (Paula  Cons): A madrugada do 2 de xaneiro de 1921 o vapor Santa Isabel, que se dirixía a Bos Aires con 260 personas a bordo, afúndese diante da accidentada e dura costa da illa de Sálvora en Galicia.  Pola ausencia de homes na illa, tres mozas, María (Nerea Barros), Xosefa (Victoria Teijeiro) e Cipriana (Ana Oca), deciden ir ao rescate salvando a 48 persoas. Un acto heroico que pagarán moi caro. Tras estes feitos, un xornalista arxentino, León (Darío Grandinetti), acode a Sálvora para cubrir a noticia do naufraxio. Pero pouco e pouco comproba que esa noite sucederon demasiadas e terribles casualidades na illa.

Ons, o último filme de Alfonso Zarauza, chega a Culturgal antes de estrearse nas salas comerciais e tras o paso por dous grandes certames: o Festival de Cine Europeo de Sevilla e Cineuropa en Santiago de Compostela.

O pase de Ons na Culturgal será moi especial polo miniconcerto previo da banda Chicharrón, responsable do tema principal da película e pola presenza do director, produtor e reparto que compartirán os primeiros pasos do filme co público.

Arima,  de Jaione amborda.

A vida de catro mulleres e unha nena vese  alterada pola chegada repentina de dous forasteiros. Un deles foxe do outro e agóchase pola vila como un ser fuxidío, fantasmal e de  existencia incerta. O outro, un home ferido e armado, vai perturbar de diferentes maneiras o día a día das mulleres na fronteira entre o real e o maxinado, entre o pesadelo e o soño, entre o medo e o desexo, nunha historia impregnada de misterio.

Longa noite , de Eloy Enciso

Anxo regresa á súa vila natal na zona rural de Galicia. Alí  atópase co rancor tanto de gañadores como de vencidos que o ven como un perigo de profundar en lembranzas que crían  esquecidas. (FILMAFFINITY)

Dorothé na Vila,  de Alejandro Gándara e Olaia Tubío

Dorothé na Vila é unha película documental que percorre corenta anos despois o mundo gravado pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth, autora do Cancioneiro Popular Galego, a maior compilación de músicas de tradición oral do país.

 A media voz,  de Heidi Hassan e Patricia Pérez Fernández (Matriuska produccións). Dúas mulleres de 40 anos, Patricia e Heidi, amigas da infancia que medraron en Cuba e que foron á academia de cine de A Habana, moito tempo despois, afrontando os retos da emigración, tentan reconstruírse lonxe de Cuba. A través da correspondencia audiovisual entre ambas,  artéllase o diálogo deste documental auto-etnográfico que amosa  dúas historias nas que identidade, maternidade e creación se entrecruzan e se impulsan mutuamente.

Karelu. (Compañía Os Náufragos Teatro. Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021). Karelu é unha lectura dramatiza que integra tamén o formato documental. Karelu sitúanos no conflito sobre un feito:  fillo de Martín ten un karelu no seu brazo dereito. Unha marca que deixa a roupa na pel. Unha agresión. Martín recibe a visita do seu irmán. Precisa aclarar con el o que pasou. A partir de aí comeza unha viaxe ao pasado onde xorden aspectos da súa vida familiar, de cando eran nenos e de como foi a educación recibida polos seus pais. KARELU fala da educación na contorna familiar, da violencia e da crise de valores na sociedade actual. Integra unha entrevista con AMINO, unha asociación que loita polos nenos/as e adolescentes vítimas de abuso sexual, maltrato físico, maltrato psicolóxico, neglixencia e acoso escolar da comunidade autónoma de Galicia. Con Santiago Cuquejo, actor, e Gustavo del Río, director.

Pontevedra, cuna de Colón… coa súa cor! (Agadic)Duración, 40 minutos. Documental de 1927 que desenvolve a tese da orixe pontevedresa de Cristóbal Colón, defendida por varios historiadores citados na película. A peza tivo dúas versións estreadas en 1927 e 1930 respectivamente, e cada unha delas serviu ao pontevedrés Enrique Barreiro, unha das figuras máis importantes do cine galego dos anos vinte e trinta xunto co seu irmán Ramón, como campo de probas nos seus experiementos para dotar de cor a imaxe cinematográfica. Concretamente, a versión de 1927 está realizada empregando un sistema de cor experimental de creación propia: o Cromacolor. O filme que se proxectará no marco de Culturgal é a versión polícroma restaurada por Filmoteca Española, na que se recuperan as cores orixinais deste traballo pioneiro, resultado sorprendente dun minucioso, longo e experto labor que culminou este mesmo ano.

Presentan: Jaime Pena, programador do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). 

Manuel Lastra Galiano

Manuel Lastra Galiano

Profesor de Galego

Son Manuel Lastra Galiano. Nacín hai case sesenta e un anos en Salcedo, ao lado de Pontevedra.

Sempre me gustou a literatura polo que decidín estudar Filoloxía e facerme profesor. O curso pasado puxen fin á miña etapa de docente despois de exercer durante trinta e sete anos, trinta deles no IES Valle Inclán desta cidade.

Penso que a xubilación non debe implicar o cese da vida activa. Ao contrario, agora podo dedicarme á realización de moitas actividades lúdicas e culturais que tiña aprazadas pola falta de tempo.

A publicación deste blog responde a esta ansia de manterme activo. Xunto cos meus compañeiros, espero que as propostas que vos fagamos sexan do voso agrado.

Nós

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥