Os nosos gaiteiros I por Marcos Seixo Pastor

Os nosos gaiteiros I por Marcos Seixo Pastor

OS NOSOS GAITEIROS I

 Baixo este epígrafe enceto hoxe un traballo por entregas no que irei reproducindo sinxelos bosquexos sobre algúns interesantes e orixinais músicos tradicionais galegos, a moitos dos cales tratei e cos que nalgúns casos toquei en distintas romarías, xuntanzas e outras troulas.

Introdución

A gaita, termo que segundo o lexicógrafo e etimólogo catalán Joan Coromines procede do gótico gaits, que significaba “cabuxa”, animal con cuxo pelexo se constrúe o fol característico deste instrumento, xa fora introducida no noso país non moitos séculos despois de Cristo, quizá no tempo dos romanos ou tal vez máis tarde, cando os suevos crean un reinado en Galiza que durou máis de século e medio, e que Castelao considera como o primeiro estado que se formou na Península Ibérica. Na Idade Media non atopamos moitas referencias documentais do instrumento até que a partir do séc. XIV comezan a multiplicarse as alusións en manuscritos notariais e na iconografía (aínda que a primeira representación escultórica dunha gaita aparecía en Melide nun capitel románico hoxe conservado no Museo de Pontevedra que, segundo algúns especialistas, data do séc. XII). Nesta e noutras representacións iconográficas deste século topámonos xa un tipo de gaita con todas as súas pezas básicas: fol, soprete, punteiro e ronco.

Rilo

Rilo

O Ventosela co seu fillo Serafín

O Ventosela co seu fillo Serafín

Coro Aires da terra. Perfecto Feixoo no centro

Coro Aires da terra. Perfecto Feixoo no centro

Manuel Dopazo. Á esquerda

Manuel Dopazo, á esquerda

choumín

Choumín

Na tarefa de enaltecemento do noso instrumento nacional contribuíron dun xeito decisivo, dende unha faciana puramente musical, gaiteiros como o tan gabado por Curros, Manuel Castro González (Penalta-Celanova, 1832-?), ou o pontevedrés Perfecto Feixóo (Pontevedra, 1858-1936), Rilo (Oza dos Ríos, 1929-1997), Manuel Dopazo (Manduas-Silleda, 1882-1952), o ribadaviense Xan Míguez González “O Ventosela” (1847-1912), Choumín de Céltigos (Negradas-O Vicedo,1823-1911), o asasinado polo franquismo Constante Moreda (Cabral-Lavadores, 1884-1936)… Grazas a eles e a moitos outros músicos anónimos, conseguiuse non só a difusión e dignificación da nosa música popular, senón tamén que esta, cun maior ou menor grao de adaptación, impregnara decisivamente a que adoitamos denominar música culta, logros que corenta anos de franquismo quixeron botar por terra, e sen dúbida o conseguirían de cheo se non fose polo labor consciente de mestres da gaita entre os que cómpre salientar, ademais dos xa mencionados, a Avelino Cachafeiro (Soutelo de Montes, 1899-1972), Faustino Santalices (Bande, 1877-1960), Nazario González “Moxenas” (Sárdoma-Vigo, 1934-1995), Henrique Otero (Lavadores-Vigo, 1930-2013), Xosé Raído “Patelas” (Cuntis, 1916-2009), Ricardo Portela (Viascón, 1920-1992), Xaquín Míguez “Xocas”(Pazos de Borbén, 1940-2019), Antón Corral (A Coruña,1936), Manuel López “Poso” (Navia de Suarna, 1907-2000), Hermenexildo Fernández, “Herme” (A Fonsagrada,1918-1996)…, e moitos outros que sería difícil de enumerar dun xeito rigoroso.

Quixera con este traballo dar a coñecer, na medida das miñas posibilidades, a aqueles músicos que cumpriron unha senlleira laboura cultural e social, transmitíndonos con teimosía e vocación o legado musical dos nosos devanceiros, ao tempo que conseguían que a xente bailase, cantase e se divertise, mesmo en tempos en que a pobreza material máis abafante se espallaba polas nosas terras.

Gaiteriros de Soutelo, Avelino 2º a esquerda

Gaiteiros de Soutelo, Avelino 2º a esquerda

Xocas

Xocas

Moxenas

Moxenas coa súa gaita rústica construída por Xocas

X. Raído Patelas. Á esquerda

X. Raído Patelas. Á esquerda

Ricardo Portela

Ricardo Portela

Xa dende o séc. XIX observamos unha teimosa arela de dignificación da figura do gaiteiro que aparece en moitos artigos de prensa, relatos e mesmo nos poemas dalgúns dos máis senlleiros poetas do Rexurdimento, obxectivo que continuará vixente ao longo do séc. XX. O caso máis emblemático e coñecido é o do poema titulado “Un repoludo gaiteiro”, incluído en Cantares Gallegos (1863) de Rosalía de Castro:

Un repoludo gaiteiro

de pano sedán vestido,

com’ un príncipe cumprido,

cariñoso e falangueiro,

antr’ os mozos o pirmeiro

e nas siudades sin par,

tiña costum’ en cantar

aló pola mañanciña,

con esta miña gaitiña

ás nenas hei d’ engañar.

Sempre pola vila entraba

con aquel de señorío,

sempre con poxante brío

co tambor s’ acompasaba:

e si na gaita sopraba

era tan dulce soprar,

que ben fixera en cantar

aló pola mañanciña,

con esta miña gaitiña

ás nenas hei d’ engañar.

Todas por el reloucaban,

todas por el se morrían,

s’ o tiñan cerca, sorrían,

s’ o tiñan lonxe, choraban:

mal pecado! non coidaban

que c’ aquel seu frolear,

tiña costum’ en cantar

aló pola mañanciña,

con esta miña gaitiña

ás nenas hei d’ engañar.

Camiño da romaría,

debaixo d’ unha figueira,

canta meniña solteira

Quérote! lle repetía…

I el c’ a gaita respondía

por a todas emboucar,

pois ben fixera en cantar

aló pola mañanciña,

con esta miña gaitiña

ás nenas hei d’ engañar.

Elas louquiñas bailaban

e por xunta d’ el corrían,

cegas… cegas que non vían

as espiñas qu’ as cercaban;

probes palomas buscaban

a luz qu’ as iba queimar

pois qu’ el soupera cantar,

aló po la mañanciña,

con esta miña gaitiña

ás nenas hei d’ engañar.

Nas festas, canto contento!

Canta risa nas fiadas!

Todas, todas namoradas

deranll’ o seu pensamento;

i el que d’ amores sedento

quixo a todas engañar,

cand’ as veu dimpois chorar

cantaba nas mañanciñas,

non sean elas toliñas

non veñan ó meu tocar.

Unha pauta temática semellante segue “O gueiteiro” (Aires d’a miña terra, 1880) de Curros Enríquez, que teimou na idea de amosarnos ao gaiteiro como prototipo do galán habelencioso, atractivo, fachendoso e engaiolador das mozas, que contrastaba coa difundida imaxe do gaiteiro como músico de segunda categoría que aínda se delongou até non hai moito tempo:

Déndesde do Lérez lixeiro

ás veigas que o Miño esmalta,

non houbo no mundo enteiro

máis arrogante gueiteiro

que o gueiteiro de Penalta.

Sempre retorcendo o bozo,

erguida sempre a cabeza,

daba de miralo gozo:

era un mociño… ¡que mozo!

era unha peza… ¡que peza!

Depois do tempo pasado,

pasado pra non volver,

como on profeta inspirado,

inda mo parece ver

na festa de San Trocado.

Calzón curto, alta monteira,

verde faixa, albo chaleque,

i o pano na faltriqueira;

sempre na gaita parleira

levaba dourado fleque.

Non houbo home máis comprido

no mundo, de banda a banda;

nin rapaz máis espelido,

con máis riqueza vestido,

nin de condición máis branda.

Prás festas e romarías

chamado todos os días,

topábase donde queira,

anque por certas porfías

sólo tocaba a muiñeira.

Pois, como poucos teimado,

cando unha venta lle pega,

xura que pra o seu agrado,

non se ten inda enventado

múseca como a gallega.

Nena era eu cando el vivía,

mais non o podo esquecer,

¡O que el na gaita sabía!

¡O que el cos dedos podía

naquel punteiro faguer!

Cando nas festas maores

era esperado o gueiteiro,

botábanlle as nenas frores,

ledas copras os cantores,

foguetes o fogueteiro.

Tras del, en longa riola,

da gaita o compás levando

con infernal bataiola,

iban correndo e choutando

os rapaciños da escola.

Nunca se puido avriguar,

véndolla repinicar,

por que, o son da gaita ouíndo,

cantos bailaban sorrindo,

acababan por chorar.

Pero el cando no turreiro,

cal na trébede a Sibila,

pegaba o pío primeiro,

daban ó vento o sombreiro

todos os mozos da vila.

Comenzado o baile entón,

cousa era pra ademirar

aquel sembrante bulrón,

aquel aire picarón

i aquel modo de mirar…

I era de ver con que trazas,

sin faguer pausas nin guiños

nin caso das ameñazas,

furtaba un bico ás rapazas,

dos noivos diante os fuciños.

Ninguén soubo frolear

do xeito que el froleaba:

verlle a muiñeira botar,

era unha nube mirar

de anxeliños que pasaba.

Xentil, aposto, arrogante,

en cada nota o gueiteiro

ceibaba un limpo diamante,

que logo no redobrante

pulía o tamburileiro.

¿Que Orfeo se lle igualaba,

si mesmo, dentro do fol

que co cóbado apertaba,

parecía que cantaba

escondido un rousiñol?

Músico on tempo e poeta,

algunha fada sacreta

tiña con que conmovía,

pois nunca dunha palleta

saíu tan doce harmonía.

Tocaba…, e cando tocaba,

o vento que do roncón

polo canuto fungaba,

dixeran que se queixaba

da gallega emigración.

Dixeran que esmorecida

de door a patria nosa,

azoutada, escarnecida,

chamaba, outra Nai chorosa,

ós filliños da súa vida…

I era verdá. ¡Malpocada!

Contra on penedo amarrada,

cravado un puñal no seo

naquela gaita lembrada

Galicia era un Prometeo.

Un Prometeo cantando

eternas melanconías;

sempre un consolo agardando

e sempre as bágoas chorando

do desdichado Macías.

Por eso, cando a tocar

se puña o gueiteiro lindo,

cantos viñan pra bailar,

si escomenzaban sorrindo,

acababan por chorar.

Por eso en vilas i aldeas,

por xentes propias i alleas

era aquel home estimado,

e por todos saudado

en camiños e vereas.

Por eso, donde el chegaba

dábanlle cita de amores

as mozas por que el toleaba,

e sempre á mesa xantaba

dos abades e priores.

Que dende o Lérez lixeiro

ás veigas que o Miño esmalta,

non houbo no mundo enteiro,

máis arrogante gueiteiro

que o gueiteiro de Penalta.

Do abafallo da figura do gaiteiro e da súa música xa se laiaba Lamas Carbajal, que denunciaba o desleixo que a mocidade do seu tempo comezaba a ter a respecto das nosas melodías perante a chegada de novos xéneros musicais e danzas de orixe foránea.

Unha moda condanada

trouxo as murgas por acá,

invadiron os turreiros

tocando danzas e vals.

O baile do agarradiño

trastornou a mocedá

que louca berraba: “¡Múseca!”

¡que non toque a gaita máis!

O caír d’ o trono a reina

d’ a múseca popular

escomenzaron as coitas

pr’o gaitero de Paizás.

Mais esta teima na exaltación da figura do gaiteiro xa tiña precedentes no tempo dos Precursores do Rexurdimento, que a empregaban co obxectivo de reivindicar a nosa terra, a nosa lingua e a nosa cultura. Antes de nada reproduzo uns fragmentos da obra en prosa El Gaitero Gallego de Antonio Neira de Mosquera (1818-1854):

“(…) tipo marcado, genuino, independiente, hombre de buen humor, algo presumidillo, es cierto, pero galante como el
primero. Su traje favorito es una laical montera de pluma y relicario, buena chaqueta, flojo y campanudo pantalón, un
chaleco de grana, que le viene siempre de perlas, y negro botín; y participando a la vez de las formas grotescas de la
antigüedad, y de los contornos imperfectos de unas costumbres a prueba de revolución. Él es el símbolo de la alegría y de
la devoción, el hijo mimado de las fiestas y de las procesiones, el compañero inseparable de la iglesia o de la taberna, y el
resorte principal de variadas sensaciones en las que se confunden lo místico y lo profano. (…)  Si una moza se muere de
amores por algún oculto galán, y de repente le acomete ó ramo cativo, terrible enfermedad que hace bailar al diablo en el
pecho, y echar espumarajos por la boca, el Gaitero interviene con sus padres para que le permitan visitar todos los
santuarios, ir al anochecer á la salve de la parroquia y recoger en Santiago el ramo de san Pedro mártir; y los padres de la
chica no hacen más que seguir eficazmente sus consejos, y dejar que su hija se cure de mal tan peligroso (…) El Gaitero
por lo regular no tiene edad: cuantos mas años, menos pesares. Siempre es jóven alegre, bullanguero, hablador
sempiterno, y chistoso por demás, para él no hay peligro de ladrones, ni temor de duendes, pues no lleva un ochavo
consigo, y está bien visto de los santos: nunca teme una sorpresa y toda hora es buena, y como acompaña sus palabras de
un tono decidido y se arriesga a los compromisos de mayor bulto, todos le tienen por el más cabal y el más apuesto de los
presentes: él es el coco de todos los cuentos, el consejero de todos los enamorados, el confidente de todas las intrigas, y el
pacificador de todas las voluntades (…)”

Porén o exemplo máis salientábel no tempo dos Precursores é o do pontevedrés Xoán Manuel Pintos e a súa obra prima A gaita Gallega (1843), da que reproduzo un pequeno fragmento, que xa ía encamiñado na liña que axiña marcaran Rosalía e Curros. Nela Cristus, o gaiteiro, diríxese ao seu tamborileiro e pupilo, o castelán Pedro Luces, para instruílo na lingua, cultura, costumes e tradicións de Galiza:

(…)

Sabes ben o que é o gaiteiro?

O gaiteiro é unha cousa

que non se lle topa exempro.

É a alegría dos vales

dos montes e dos outeiros,

das gentes é o consolo

é o solaz e recreo,

e dos tristes corazóns

quita os pesares por dentro.

É o responso do santo

san Antonio o milagreiro

e non hai na foliada

onde tocare o gaiteiro

enemigos, nin hai moza

a quen acometa o demo.

Non che abonda de lembrarte

que hasta milagros fixeron

nos hespitales do norte

os tocares dos gaiteiros?

Que os atacados do gripe

e mais do cólera negro

das camas brincaban sans

a oír aquel son do ceo?

(…)

O gaiteiro! Velo aí vai

para a romage correndo

levando as mellores mozas

detrás del polo vieiro,

os mancebos e rapaces

e tamén os homes vellos

todos cos ollos cravados

nas prumas do seu prumeiro

no ronco e nas súas borlas

no ronquillo e o punteiro.

(…)

Neste senso cómpre reportar o extenso e tristísimo poema de Henrique Labarta Pose adicado a Xan Mella, gaiteiro do seu Baio natal: “Probe gaiteiro de Baio”(1896).

Era o gaiteiro Xan Mella

gaiteiro tan afamado

que n’había festa algunha

nin romería de campo,

nin cousa en que houbese gaita,

sin que Xan fose chamado;

pois a gaita de Xan tiña

algo que non era humano;

algo que facía a un tempo

chorar e rir sin pensalo.

¡Quizais un anxe durmía

no fondo do fol deitado,

e soilo tiña o segredo

Xaniño, pra despertalo!

Por eso os mozos e mozas

de todo o lugar de Baio,

cando el a gaita collía

brincaban xa co entosiasmo.

¡Pro, Xan, canto máis tocaba,

máis triste se iba quedando!

I aquela cara de neno,

i aqueles ollos rasgados,

i aquel corpo tan garrido

que daba xenio miralo,

tomaban un certo deixo

que paresce que soñando

a ialma de Xan voaba

a mundos imaxinarios.

E cando o probe quedaba

malencónico tocando,

con segreda simpatía,

dicía a xente ó miralo:

¡Probe Xan! ¡Probe Xaniño!

¡Probe gaiteiro de Baio!

(…)

Tamén o betanceiro Francisco Vales Villamarín fai unha importante achega coa publicación en Bos Aires do soneto “O vello Rilo”(1949), ilustrado cun debuxo deste sinalado gaiteiro, obra de Xosé Veiga Roel.

Naceu –según é fama- aturuxando

e facéndolle chiscos á parteira.

Ensinoulles aos merlos a muiñeira

cando de pequerrecho iba co gando.

Foi un don Xoán Tenorio namorando

e un Marcial de calzón e de monteira,

e contaba no adral e na lareira

historial da facción e o rei Fernando

Sabía de memoria o Ciprianillo,

libraba da tirís e o garrotillo,

conxuraba o meigallo e o tronante.

E nas romaxes deste chan saudoso

como gaiteiro enxebre e fachendoso

non lle puxo ningún nunca o pé diante.

Aínda que sen ser o tema central do poema, Ramón Cabanillas tamén debulla a figura do gaiteiro considerado como símbolo esencial da alegría, da celebración e da festa, neste caso nun poema rotundamente social e anticaciquil: “Lume no pazo”. Poesía encadrada na súa obra Vento mareiro (1915).

Prendeu lume no pazo.

A roxa labarada

alumea a campía.

Atronan as campanas

o val.

Quentan o aire

espesas bafaradas

de fume.

Corre a xente

berrando, atolondrada.

Ao arder o cume, as tellas

enroxecen e estalan

Caen, cruxindo, as vigas,

e o lume, ás catro bandas

envolve a terra.

Muxen

de medo os bois nas cuadras.

A xente rube ao adro

para ver onde é a desgracia

e ao mirar cara o pazo

detense amontoada.

Érguense as mans ao ceo

e sanguiñenta, tráxica,

refréxase nos ollos

a roxa labarada.

E un velliño, moi vello,

de guedelliñas brancas,

que vive de milagre,

xantando cando xanta,

vestido de farrapos

e durmindo onde cadra

– todo por mor dun preito

de rendas atrasadas,

no que os donos do pazo

deixárono sen nada-

ollando cara o lume

rise, barulla e fala

de ir buscar o gaiteiro

para que toque a gaita!

A partir de aquí non sería doado enumerar, por cuestións de espazo, todas as reseñas literarias que os nosos máis consagrados escritores dedicaron á figura do gaiteiro globalmente ou a algún gaiteiro en concreto. Mais tampouco quero deixar de reproducir, aínda que só sexa dun xeito parcial, o relato do noso xornalista e poeta Roberto Blanco Torres titulado “O cego de Padrenda”, que foi publicado nunha chea de revistas galegas e da emigración latinoamericana.

 “(…) Os gaiteiros da nosa terra son todos asín, entre artistas e fidalgos, entre aventureiros e homes de ben, decidores, campechanos e arrogantes, como o que cantou Rosalía, como o que cantou Curros, como o que cantou Cabanillas. O gaiteiro de Padrenda -o popular Euxenio, respetado polos vellos e agarimado polas mozas de cen comarcas- andivo dende entón polo mundo, polo seu mundo de Galicia, de romaxe en romaxe, de festa en festa, de povo en povo, tocando pra alegrar ás vellas e falando baixiño, conqueridore e namoriscado, ao corazón das mozas que el ben coñecía como vello zuruxano que tiña acertado cas doenzas do peito, máis fortes e escondidas. Euxenio é tan coñecido na provincia de Pontevedra como o marqués de Riestra, anque el por refinamento nunca se meteu en política, nin fixo adoanada ningunha, nin tropezou en cousas que non fosen do seu arte, e dende logo ten amigos máis verdadeiros que o marqués, anque non lle fai a ninguén máis mercé que a da súa verba reloucante e a súa música escolleita (…)”.

Non foron poucos os escritores viveireses de finais do séc. XIX e dos inicios do XX que dedicaron a súa atención a un gaiteiro emblemático da Terra de Viveiro dese período, Choumín de Céltigos. De entre os textos máis destacados reproducirei o poema “Choumín” de Antón Vilar Ponte:

O vello tembreque

sopraba na gaita,

na gaita galega de fol colorado,

inflando os carrillos, mentras meneaba

no longo punteiro

as mans xa cansadas.

O rostro do vello

supremos esforzos no xesto eispresaba,

i-a gaita seguía sin que ni unha nota

en ela soara.

– Meu pai, seique é forte

pra vosté isa gaita,

un fillo lle dixo.

I-o vello anguriado, doído na yalma:

“Meu neno, responde, o alento qu’eu boto

na gaita, non logra, non logra xa impala,

qu’é alento de vello tocado da morte,

alento de vello que logo se marcha”.

– Non diga isas cousas,

mi padre, moi triste o rapaz escrama.

E o vello qu’é terque

sin soltal-a gaita

abrazado n-ela, pois quérea o mesmo

que nai garimosa a un fillo da y-alma,

resopra e resopra no fol colorado

i-a gaita ô fin ruxe cal si se queixara

con ars doces, tristes, das forzas perdidas

do vello gaiteiro que tanto a amara

– ¡Por fin meu filliño,

lograrei tocal-a,

qu’esta é a despedida! o vello marmula.

E inflando de novo seus roxos carrillos

do peito xa endeble el botall’â gaita

o alento que pode, i-a gaita escomenza

a soar moi quediño, rîndo e chorando,

con notas moi doces, moi tenras e brandas,

tan brandas, tan tenras, tan doces, soaves…

qu’o peito cansado do vello ô escoitalas,

salaios emite,

e os ollos do neno bagullas derraman.

Choumin, que aquel vello

así se chamaba,

no val de Viveiro,

na linda comarca

que rega o Landrove

co as suas tranquilas e abundosas augas,

de vellos e mozos era conocido,

que âs festas de sona el nunca faltaba,

pra darlles ledicia cô seu instrumento

a os romeiros todos que a elas chegaran.

Inda eu non olvido

a súa cabeza pequena e moi branca;

seu xesto de pillo

impreso na cara,

onde unhos olliños saltós e pequenos

guiñábanse sempre que ôs mozos falaba,

contándolles verdes hestorias de amores

dos labres das vellas na aldea escoitadas.

¡Quén pode olvidalo,

si el era nas festas da miña comarca,

nas festas enxebres do val de Viveiro,

a nota obrigada!

Si o seu nome ôs nosos recordos alegres

ôs nosos recordos máis doces da infancia,

con fíos de pena, con tristes nostalxias

irá sempre unido,

que el desperta lembranzas

dos tempos pasados

nas nosas memorias e nas nosas almas! (…)

Como remate escollín o poema do granadino e poeta alófono en galego Federico García Lorca “Cantiga do neno da tenda”, que forma parte da súa obra en galego Seis poemas galegos (1935), publicada pola editorial Nós, que dirixía Ánxel Casal.

Bos Aires ten unha gaita

sobor do Río da Prata,

que a toca o vento do norde

coa súa gris boca mollada.

¡Triste Ramón de Sismundi!

Aló, na rúa Esmeralda,

basoira que te basoira

polvo d’estantes e caixas.

Ao longo das rúas infindas

os galegos paseiaban

soñando un val imposíbel

na verde riba da Pampa.

¡Triste Ramón de Sismundi!

Sinteu a muiñeira d’agoa

mentras sete bois de lúa

pacían na súa lembranza.

Foise pra veira do río,

veira do Río da Prata.

Sauces e cabalos múos

creban o vidro das ágoas.

Non atopou o xemido

malencónico da gaita,

non viu o imenso gaiteiro

coa boca frolida d’alas;

triste Ramón de Sismundi,

veira do Río da Prata,

viu na tarde amortecida

vermello muro de lama.

Marcos Seixo Pastor

Marcos Seixo Pastor

Profesor de Galego

Chámome Marcos Seixo. Aínda que a miña chegada ao mundo tivo lugar en 1959 na rúa de San Marcos en Lugo, na casa da miña avoa, fun concibido e criado en Navia de Suarna, onde pasei unha feliz infancia e a onde regreso cando menos dúas ou tres veces ao ano. Por mor da profesión do meu pai, estivemos vivindo en distintos concellos. Asentámonos finalmente en Cuntis (Pontevedra), onde vivo a día de hoxe na aldea de Castrolandín.

Fixen estudos de Filoloxía en Compostela e os últimos 16 anos fun profesor do IES Valle Inclán de Pontevedra, até a miña “xubilación forzosa por incapacidade” no ano 2016. Neste instituto coñecín aos compañeiros do grupo de teatro Argallada, algúns deles impulsores do blog devellabella, no que ando a colaborar con algún traballo.

A miña vida na actualidade segue a ser bastante activa, pois podo dedicar o tempo ás miñas moitas afeccións, entre elas escribir. Alén diso tamén son afeccionado á música tradicional, ás motos, sobre todo ás clásicas, a coidar as viñas, e tamén a nadar, podendo ser, no río de Navia

Blog

Os caretos de Podence

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Encol das cantareiras por Marcos Seixo Pastor

Encol das cantareiras por Marcos Seixo Pastor

Encol das cantareiras e outras cuestións da etnografía cuntense

 No Día das Letras Galegas 2025

Para este ano a Real Academia Galega decidiu moi atinadamente que o 17 de maio, día de sinalado tributo anual ás nosas letras, fose adicado a un personaxe colectivo, tal como xa se fixera no ano 1998 cos nosos trobadores medievais e, en representación deles, aos cantores da ría de Vigo: Martín Códax, Johán de Cangas e Mendinho. Do mesmo xeito, nesta xeira acordouse homenaxear ás cantareiras e pandereteiras populares, representadas polas irmás Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; as tamén irmás Asunción e Prudencia Garrido Ameixenda, naturais de Malpica ao igual que Teresa García Prieto e Manuela Lema Villar; e mais á muxiá Eva Castiñeira.

Dado o protagonismo que con este motivo está a acadar este ano a música, o folclore e, de xeito global, a etnografía, decidín elaborar un traballo influído en certa medida por un escrito que topei remexendo nalgúns textos que fora arquivando hai xa máis de cinco lustros, publicado en El Ideal Gallego o 30 de agosto de 1981, asinado co pseudónimo de  Fray Roblando, que reproduzo parcialmente a continuación dado o interese que ten para o tema que nos ocupa:

cantareiras

“Por aquelas calendas do primeiro terzo do século XVII chegou á Xurisdición de Baños¹ Frei Carlos de Caldas Vázquez. Procedía dos venerábeis claustros de Carboeiro, orballados pola lene brisa do sinuoso Deza, fillo predilecto do entón caudaloso Ulla (…) Aquí chegaba o virtuoso monxe, por imperativo do seu merecido retiro (…) e para coidar das propiedades que a súa comunidade tiña  por estas paraxes, pese ás conseguintes minguas que a estas congregacións ocasionou a lei desamortizadora de Mendizábal. E como queira que o coidado e explotación de tais herdanzas, situadas no amurallado recinto de Agrobó e os seus arredores, facíaselle tarefa moi difícil, o ancián cisterciense reclamou de inmediato a axuda e a convivencia do seu irmán Ventura, mozote solteiro que consumía as súas enerxías na cruenta loita cos labradíos da súa facenda na parroquia de Muimenta, da mesma Xurisdición de Baños. Chegado a Santa María de Baños de Cuntis, o tal Ventura de Caldas Vázquez, que na procura da súa media laranxa xa percorrera todas as espadelas, rúas, romarías e demais medios de manifestación festeira polas parroquias das lindeiras xurisdicións de Peñaflor² e de Montes, non puido esquecerse daquela garrida e rubicunda moza dos seus amores que vira os primeiros resplandores do astro rei no lugar de Morillas³ da mesma Xurisdición de Baños. Como os seus pais non dispuñan de medios económicos, circunstancia común no medio rural da época, Ana de Morillas ten que desprazarse a Santa María de Baños para celebrar os seus esponsais con Ventura de Caldas, na capela de San Xián, anexa á parroquial e que se atopaba no que hoxe se denomina Portelo de San Xoán, designación debida á deformación ou confusión do seu verdadeiro nome (…)

Folclore:

No amplo eido desta manifestación non pode dicirse que Cuntis saliente en ningunha peculiaridade do mesmo. Mais tampouco pasa desapercibido no discorrer destas actividades. No ancestral pódense mencionar os esperpentos de Arcos e Cequeril; os espantallos de San Clemente e Estacas; as regueifas de Mesego e Troáns, etc. En época máis recente, as rúas de Fonte Cova, Vilariño, Xinzo e Rebordelo.

 Na costa de Rebordelo,

a subila e a baixala,

perdín a cinta do pelo.

Reza o coñecido cancioneiro popular.

Nas agrupacións foi Cuntis pioneira nestas contornas. A lembranza de vivencia lévanos á renomeada Banda de Canabal, que se ben nativo de Arca estaba casado en Porto de Gómez (Cuntis).

Animaba as romarías e festas dos nosos avós, facendo os  últimos ensaios nas súas visitas á vila, máis coñecida por O Baño, ao pé da lendaria Pedra Fensa, en termos de Sebil. E quen non lembra ao veterano virtuoso do bombardino, don Vítor Ruíz Arrollo, fundador da primeira banda local, integrada pola xuventude da vila e contornas. Formaron nela Xoaquín Fariña, Perfecto Alonso, Mario Blanco, Alfonso Garrido e demais integrantes daquelas pandas”.

Banda da bragaña

Máis tarde formaría a popular Banda da Bragaña, o eco de cuxas notas aínda resoa nas rúas da vila e nas romarías do Cristo e San Ramón. Un dos últimos directores foi o estilista da batuta, don Tomás Beteta.

 A banda da Bragaña

hoxe estrea director,

don Tomás Beteta Yarza,

que din que é un primor.

Cantou nuns versos don Lourenzo Ayesta, da súa mesma terra vasca.

Nesta cita é obrigado unha nostálxica lembranza para a Banda Municipal de Cuntis, coa súa sección de gaitas, acollemento  descoñecido até daquela que tan alto paseou o seu nome e do noso municipio polas terras de Galiza e fóra dela. Cambeses, Amor, Rebollar e outros foron os seus celosos reitores (…)”

Notas:

1. Trátase da Xurisdición de Baños de Cuntis.

2. A antiga Xurisdición de Peñaflor estaba integrada polas parroquias de Portela, Curro, Agudelo, Baliñas, Romai, Portas, San Andrés de César, Gargantáns, San Martiño de Laxe, Santa Xusta de Moraña, Cosoirado, Santa Cruz, Chozas, Rebón, Barro e Perdecanai.

3. Tanto Moimenta como Morillas pertencían daquela á Xurisdición de Baños de Cuntis.

Arcos, cuntis

Arcos (Cuntis, anos 60)

pandereiteira e cantareiro en Estacas Cuntis anos 60

Pandeireteira e cantareiro en Estacas (Cuntis). Anos 60

Xa desaparecidas moitas das nosas manifestacións populares do Entroido como os esperpentos e os espantallos, mencionados no texto que acabo de reproducir, sen dúbida emparentados con outros entroidos populares que aínda sobreviven en boa parte de Galiza e norte de Portugal, e que malia as variacións nas singularidades locais no que atinxe aos fatos, caretas, sons, conduta, xeito de movérense, desfiles, danzas e choutos, ruídos xerados con vinchas, campaíñas, carracas, chocas, bombos, gadañas, sachas…, conservan unha enorme raizame común como a que podemos albiscar nos emblemáticos Peliqueiros (Laza), Cigarróns (Verín), Pantallas (Xinzo), Boteiros (Vilariño de Conso, A Gudiña e Viana do Bolo), Mázcaras (Manzaneda), Felos (Maceda)…, ou tamén en Portugal os Caretos (Podence), entre outros. Todos eles representan demos, diaños, sátiros…, que percorren as rúas coas súas características caretas e vistosas vestimentas artesanais, meténdose coa xente e facendo trasnadas.

Trátase de tradicións carnavalescas autóctonas moi enraizadas de xeito especial na provincia de Ourense, e que en moitos concellos galegos están completamente desaparecidas, engulidas por actividades lúdicas foráneas e globalizadoras, que se ben poden ser axeitadas para o entretemento e a troula, carecen de demasiado interese desde o punto de vista da etnografía, da tradición popular e, en ocasións, mesmo de orixinalidade.

Entroido Cuntis anos 70

Entroido en Cuntis. Anos 80

Cumpriría un estudo do que foran os esperpentos e espantallos locais, así como noutros entroidos ancestrais de Galiza e doutros lugares para poder levar a cabo a reconstrución das tradicións carnavalescas locais, nas que ben seguro atoparemos a base popular desa visión da realidade deformada e grotesca que Valle Inclán materializaría en xénero literario e que atoparía un terreo ben abonado noutros eidos, especialmente nas artes plásticas, mais tamén nas propias ciencias sociais, pois a base do esperpento e do espantallo non é unicamente lúdica e estética, senón que esta caricaturización da realidade social e política posúe aspectos verdadeiramente combativos que se poñen de manifesto no feito de que estas máscaras que se exhiben como figuras primitivas, luxuriosas, satánicas…, non adoitan representar orixinariamente ás clases oprimidas senón máis ben a caciques, fidalgos, autoridades, oligarcas, prelados…, no ámbito da permisividade e tolerancia que o entroido comportaba de xeito excepcional.

Mellor sorte correron por estas terras as regueifas e as ruadas, que malia o paso do tempo e as mudanzas nos hábitos de traballo e lecer, a día de hoxe, foron pescudadas por curiosos e investigadores, que poñen de manifesto o seu ambiente lúdico, sensual e popular. No caso das regueifas, dado o seu carácter improvisado, non é doado o rescate destes cantares en concreto pero si o coñecemento das circunstancias e xeitos en que se desenrolaban, as técnicas, entoación…, e algunhas outras características que permiten revivir estas ocorrentes e algareiras contendas poéticas e musicais e mesmo adaptalas tematicamente aos novos tempos.

E, como non, grazas a moitas recollidas que etnógra@s, musicólog@s e cantareira@s foron facendo ao longo dos anos por toda a xeografía galega e máis aló das nosas fronteiras administrativas, estas manifestacións continúan vivas, e todo grazas ao papel levado a cabo polas mencionadas cantareiras locais, cuxa remuda nos grupos folclóricos actuais, mantén vivo este senlleiro sinal de identidade.

Ao grupo das cantareiras galegas homenaxeadas este ano tamén Cuntis achegou inesquecíbeis trobadoras e pandereteiras populares como Manuela Castro Pegoa Chispa”, de Vilar; Dolores “a Buxana”, de Fonte Cova;  Manuela Picallo García “a Picalla”, de Piñeiros; Xesusa Quintáns, de Couselo, Xosefina Castro, de Xinzo…, que xa forman parte da historia das nosas ruadas polo importante papel levado a cabo no contexto das foliadas (ou rúas, seráns, fiadas, polavilas…).

Algunhas destas lendarias cantareiras citadas mesmo aparecen mencionadas nas propias coplas que se cantaban nas rúas, tal como podemos cotexar nun traballo que publiquei en decembro de 2000 no nº II da revista A Taboada, despois dunha recollida de cantigas feita por distintas aldeas do concello de Cuntis, pola que agradezo a especial colaboración de Esther, Mercedes e Rexina Touriño, Manuela Alende, Manuel Martínez, Manuela e Manuel Silva, Xosé Giménez e Xosefina Castro, de quen recollín as cantigas. Recollida da que publiquei unha antoloxía baixo o título de As rúas no concello de Cuntis. As coplas populares e a toponimia”, que tamén aparece colgada en PDF na páxina da AELG, traballo do cal seleccionei unhas cantas, que poden ser representativas, na seguinte escolma.

En Vilar a Chispa Neghra,

en Piñeiros a Picalla

e na rúa en Fonte Cova

quen ghoberna é a Buxana.

Fun á rúa a Fonte Cova

e bailei co Xulián.

Levei os zoquiños novos,

trouxen as pezas na man.

Fun á rúa a Vilar,

era na eira de Andrea

e tocaba a Chispa Neghra

cunha pandeireta vella.

Quédame o Caeiro atrás,

a terra dos aburridos.

Imos tirando pra Arcos

a ver se nos divertimos.

Toca pandeireta, toca,

senón heite de rachar-e;

costáchesme unha peseta,

axudádema á ghanar-e.

Este pandeiro que toco

era de coiro de ovella.

Inda onte comeu herba,

hoxe toca que rabea.

Este pandeiro que toco

éche de coiro de can.

Toca pandeiriño toca

e non me mordas a man.

Pasei por Castarrandín,

cerradiña de loureiros,

para que non pase nadia

máis que os mociños solteiros.

Rebordelo desde lonxe

parece Vilagarcía,

se non fosen os outeiros

que tén na banda de riba.

A Mesegho eu hei ir

anque me poñan cancelas;

se non mas queren abrir

pásolle por riba delas.

As de Cuntis cando pairen

acórdanse de san Ramón,

pero cando o están facendo

nin santo nin devoción.

A Moraña non

que dormen no chan

e veñen das mozas

ás tres da mañán.

Canta o cuco en Rebordelo,

o lagharteiro na Ermida

e o paxariño da morte

un pouquiño máis arriba.

Quedáranme por editar naquela ocasión algunhas coplas máis que reproduzo agora por primeira vez como remate do artigo. Nalgunhas delas achamos o carácter satírico de moitos destes cantares, en ocasións dedicados á veciñanza de parroquias do concello como é o caso dos mozos de Troáns, con sona de arroutados e amigos da liorta, así como os trouleiros e esmorgantes de Portela:

  Os de Troáns son moi valentes,

levan a porta do forno

atravesada nos dentes.

 

A Portela non

que dormen no chan,

e os de Carcacía

no cocho do can.

Outras posúen un claro contido sensual ou mesmo sexual, aínda que ás veces un pouco oculto na metáfora popular.

 O paxaro de María

anda nas miñas cereixas.

Come paxariño come,

veremos as que me deixas.

 

Maria ti e-lo demo

Sempre me andas atentando,

ou no río ou na fonte

sempre te encontro lavando.

Foliada en Cuntis 1960

Foliada en Cuntis 1960

taberna de Follente

Taberna de Follente(1970)

A tradicional referencia ao ton de pel das mozas, considerada como sinal de pobreza cando era escura, era mostra do traballo duro do agro, ás veces baixo un sol abrasador.

 Chamáchesme moreniña,

era do polvo da eira.

Xa me verás o domingo

como a rosa na roseira.

 

Chamáchesme moreniña,

branquiña vaite lavar.

Disme que non teño amores,

aínda chos podo emprestar.

fiada

Fiada

De aí as recorrentes gabanzas ás costureiras, que ostentaban unha face esbrancuxada, dado que o seu labor era levado a cabo sempre a cuberto. Isto podía estenderse ás rapazas novas en xeral, e en menor medida ás taberneiras.

 O amor da costureira

era papel e mollouse.

Aghora costureiriña

o teu amor acabouse.

 

Ghracias á miña nai

que me fixo costureira.

Vén a aghua e non me molla,

vén o sol e non me queima.

 

          Anque voi a la taberna       

 no voi por beber el vino.

Voi por ver la tabernera,

que parece un cristal fino.

 

Que bonitas son as parras

cos seus recimos colghados,

máis bonitas son as nenas

de catorce a vinte anos.

E podemos albiscar a recorrente sátira mordaz dos versos en que se ataca a aquelas mulleres que, por envexa ou mala fe, adícanse seguido a latricar sobre a vida das demais.

 O río cando vai cheo

leva carballos e follas.

Tamén podía levare

as lenguas marmuradoras

 

Teño un vestido de siete baras de largho,

para que las malas lenguas

me lo vaian recortando.

 

Esta noche va a llover,

que lleva circo la luna.

Quiera Dios que lluevan palos

en la cabeza de alghuna

O propio dixomedíxome adopta un especial carácter satírico, cando fai referencia aos curas libidinosos e outros vellos verdes.

 Eu non vou non vou,

eu non vou alá,

á casa do cura,

que me quererá?

Que me quererá?

que me ha de querer:

Ten un cordeliño,

quéreme prender.

 

O cura e maila criada

ordenaron de cocer.

A leña estaba no monte

e a foriña por moer.

 

O cura cando vai fóra

déixalle dito á criada:

Veña cedo, veña tarde

déitate na miña cama.

 

Rosiña anda descalza,

Rosiña porque quería.

A casa do zapateiro

Rosiña ben a sabía.

O contido sexual é o máis habitual, ás veces de xeito directo e outras, dunha maneira enxeñosamente alegórica.

 Teño un vestido de seda,

las mangas de sentimiento,

la delantera de luto

porque mi amante se ha muerto.

 

Nalgún caso cun carácter abertamente obsceno.

 O paxaro da mañán

onde foi facer o niño,

antre as pernas dunha nena,

naquel mesmo buratiño.

Outras cantigas aínda tendo un carácter de aparencia puramente lírica e adusta, non deixan de lado o ton ocorrente e agudo.

Miña nai por me casar

e meu pai por darme o dote

armaron o cristo na casa

e rompéronlle os pés ao pote.

 

-Onde vas María?

-Veño de coser.

-Non dighas mentiras

que ves de aprender.

Asubía que vai vento,

asubía que vai vento.

Tamén eu asubiaba

Cando era do teu tempo.

 

Oliveira ben plantada

sempre parece oliveira.

A meniña ben casada

sempre parece solteira.

 

Como quieres que te quiera

si no te puedo querer.

Entra la semana y sale

y no me vienes a ver.

 

Se queres que vaia e veña

meniña ao teu lughar,

has de prende-la cadela

que non fai máis que ladrar.

Cun certo alento feminista, podemos topar a burla pola estatura do mozo, que nos lembra un pouco á retranqueira Rosalía de “San Antonio bendito”: “Meu santo San Antonio,/daime un homiño,/anque o tamaño teña/dun gran de millo./Daimo, meu santo,/anque os pes teña coxos,/mancos os brazos (…).

 O meu amor é pequeno.

Se é pequeno é como eu quero.

Métoo na manga da chambra

e parrandeo cando eu quero.

Remato cuns divertidos brindes moi típicos dos nosos gaiteiros. Especialmente daqueles que gustan de mollar a palleta, como era o caso do cuntense Patelas e do Xocas de Pazos de Borbén.

 Este viño cristalino,

fillo da cepa torta,

bébeo Patelas da alma

que bo diñeiro che costa.

 

Este viño cristalino,

fillo da cepa torta,

a uns quítalles o sentido

e outros non certan ca porta.

Marcos Seixo Pastor

Marcos Seixo Pastor

Profesor de Galego

Chámome Marcos Seixo. Aínda que a miña chegada ao mundo tivo lugar en 1959 na rúa de San Marcos en Lugo, na casa da miña avoa, fun concibido e criado en Navia de Suarna, onde pasei unha feliz infancia e a onde regreso cando menos dúas ou tres veces ao ano. Por mor da profesión do meu pai, estivemos vivindo en distintos concellos. Asentámonos finalmente en Cuntis (Pontevedra), onde vivo a día de hoxe na aldea de Castrolandín.

Fixen estudos de Filoloxía en Compostela e os últimos 16 anos fun profesor do IES Valle Inclán de Pontevedra, até a miña “xubilación forzosa por incapacidade” no ano 2016. Neste instituto coñecín aos compañeiros do grupo de teatro Argallada, algúns deles impulsores do blog devellabella, no que ando a colaborar con algún traballo.

A miña vida na actualidade segue a ser bastante activa, pois podo dedicar o tempo ás miñas moitas afeccións, entre elas escribir. Alén diso tamén son afeccionado á música tradicional, ás motos, sobre todo ás clásicas, a coidar as viñas, e tamén a nadar, podendo ser, no río de Navia

Blog

Os caretos de Podence

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Un rapaz que sería quen… de Castelao por Marcos Seixo

Un rapaz que sería quen… de Castelao por Marcos Seixo

por Marcos Seixo

Os dous de sempre

II Un rapaz que sería quen de manxar a seu pai polas pernas

A tía Ádega, chea de alifaces, non reparaba en sacalo da boca para mandarllo aos meniños de Farruco: un sobriño casado fora da vila.A probe vella mantíñase de peixes pequenos, dos peixes que mercan as señoras gordas para botarllos ao gato, e todo por aforrar para os fillos de Farruco. En días sinalados a tía Ádega mandáballe aos sobriños un caixón cheo de cousas de comer, e quedábase cavilando no contentamento dos rapaces. A caixa sempre contiña lambetadas de mérito: chourizos, anacos de pernil, roscas de ovo, cachos de tarta, melindres, zucre…Farruco ben merescía as axudas da tía Ádega, porque vivía feito un azacán; ¡el, que fora o mozo máis enfonchado da vila, por quén toleaban as mozas de máis porqué! Casárase Farruco e axiña comenzaran a choverlle nenos do ceo. O mozo, denantes algareiro e parrandista, trocárase nun limón estruchado polo traballo e as cavilacións. Os nenos eran fazuleiros e bonitos, como anxelotiños de retablo barroco; pero compría moito pan para tantos peteiros abertos. A rolada dos nenos de Farruco enchía de rechouchíos o abrente do día, e o probe pai tiña que erguerse co corpo magoado polo traballo da véspera. Os rapaces non paraban de piar. Eles comían, comían, e as súas cariñas ledas e bonitas sempre amostraban o degoiro de comer. O probe  Farruco chegóu a decatarse de que as andorgas dos nenos endexamáis se fartarían, e adicóuse a traballar sen acougo, resiñado coa súa cativa sorte. Cando chegaba o caixón da tía Ádega, os rapaces  bailaban ao seu redor, e non saían da casa antramentras o caixón non se valdeirase nos seus bandulliños. Cando non había ningún rapaz de Farruco na rúa era sinal de que chegara o caixón da tía Ádega.Eu quero contarvos un sucedido que amostra os degoiros de comida que sempre sentían os rapaces de Farruco. Estaba o probe pai ensumido en cavilacións, pois acababa de recebir un novo meniño, moi repoludo e bonito, certamente, pero que non traía consigo a comida do mañán, e achegóuse a el Pedro, o fillo máis vello, que o despertóu das súas cavilacións. —¿De ónde veu o meniño, papai?E Farruco respondeulle, por decir algo:

—Mandóuno a tía Ádega no caixón das lambetadas. E Pedro, dispóis dun anaco de meditación, volvéu a perguntar, cos seus ollos de acibeche, brilantes de ledicia: —¿E cándo o comemos?

Marcos Seixo Pastor

Marcos Seixo Pastor

Profesor de Filoloxía Galega

Chámome Marcos Seixo. Aínda que a miña chegada ao mundo tivo lugar en 1959 na rúa de San Marcos en Lugo, na casa da miña avoa, fun concibido e criado en Navia de Suarna, onde pasei unha feliz infancia e a onde regreso cando menos dúas ou tres veces ao ano. Por mor da profesión do meu pai, estivemos vivindo en distintos concellos. Asentámonos finalmente en Cuntis (Pontevedra), onde vivo a día de hoxe na aldea de Castrolandín.

Fixen estudos de Filoloxía en Compostela e os últimos 16 anos fun profesor do IES Valle Inclán de Pontevedra, até a miña “xubilación forzosa por incapacidade” no ano 2016. Neste instituto coñecín aos compañeiros do grupo de teatro Argallada, algúns deles impulsores do blog devellabella, no que ando a colaborar con algún traballo.

A miña vida na actualidade segue a ser bastante activa, pois podo dedicar o tempo ás miñas moitas afeccións, entre elas escribir. Alén diso tamén son afeccionado á música tradicional, ás motos, sobre todo ás clásicas, a coidar as viñas, e tamén a nadar, podendo ser, no río de Navia

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

A guerra civil e a represión do maxisterio. O caso de Vázquez Grela por Marcos Seixo

A guerra civil e a represión do maxisterio. O caso de Vázquez Grela por Marcos Seixo

A GUERRA CIVIL E A REPRESIÓN DO MAXISTERIO. O CASO DE VÁZQUEZ GRELA

Outra vez, outra vez o terror!
Un día e outro día,
sen campás, sen protesta.
Galicia ametrallada nas cunetas
dos seus camiños.
Chéganos outro berro.
Señor, que fixemos?
-Non fales en voz alta-
¿Ata cando durará iste gran enterro?
-Non chores que poden escoitarte.
Hoxe non choran máis que os que aman a Galicia-
¡Os milleiros de horas, de séculos,
que fixeron falla
para faguer un home!
Teñen que se encher aínda
as cunetas
con sangue de mestres ou de obreiros.
Lama, sangue e bágoas nos sulcos
son semente.
(…)
 
“Cunetas”. Luís Pimentel (Lugo, marzo 1937)

O ensino como motor de progreso

Ao longo de todo o seu trasfego histórico, o espazo máis destacado no eido educativo ocuparíao a figura do mestre, o grande protagonista deste proceso, cun traballo irto, modesto e mal pago desde a máis arredada antigüidade. 

Os ensinantes foron sempre os espalladores do coñecemento: da cultura, das artes, das ciencias… Un colectivo que constituíu un verdadeiro motor de progreso para a humanidade. Ben conscientes disto, todos os réximes autocráticos, todos os tiranos que os pobos aturaron ao longo da historia, tiveron como obxectivo capital a erradicación daqueles suxeitos achados responsábeis do trunfo dos anceios progresistas, por defenderen arelas que hoxe semellan tan elementais como a liberdade e a igualdade entre os seres humanos e o dereito lexítimo da cidadanía á defensa perante calquera tipo de agresión.

Debuxo de Xandre Fez. de la Torre

Debuxo de Xandre Fez. de la Torre

Neste senso quero dedicar estas liñas de xeito particular a aqueles e aquelas ensinantes que cumpriron unha tarefa esencial, que frutificou na fecunda xeira de prosperidade nas máis variadas ordes que se produciu no primeiro terzo do século XX, sinaladamente na II República, que concibía que os mestres e mestras en cada recanto do estado serían emisarios axeitados para moldar a cidadanía en prol de acadar unha sociedade mellor. O inédito sistema democrático que representou a República supuxo unha verdadeira revolución no plano social, laboral e político, da que poden ser exemplos notábeis a reforma agraria, a mingua do desaxeitado poder político dos militares e a Igrexa, o matrimonio civil, a lei do divorcio, o sufraxio universal, o desenrolo das organizacións de traballadores e do diálogo social, o pulo das artes, creación de bibliotecas e museos ou as innovadoras Misións Pedagóxicas, coas que se acadou un medre notábel do nivel cultural das xentes do rural coa axuda de charlas, bibliotecas itinerantes, exposicións, proxeccións de cinema, espectáculos ao aire libre…

Mais cinguíndome agora de xeito específico ao terreo do ensino, subliñar que foi unha área na que se acadaron adiantos axiomáticos con Marcelino Domingo á fronte do Ministerio de Instrución Pública, que callaron en grandes reformas no sistema docente, sinaladamente inspiradas nas doutrinas educativas da Institución Libre de Ensinanza (1876-1936), que fora fundada polo pedagogo Giner de los Ríos. Entre os obxectivos acadados neste eido podemos salientar a posta en marcha dun ensino laico, aconfesional e mixto, melloras laborais e salariais para o profesorado, medre colosal da rede de escolas e Institutos Locais de Ensinanza Secundaria ao igual que das taxas de escolarización, que comporta o acceso á educación por parte das clases obreiras, así como a modernización e a incorporación de novos medios e métodos pedagóxicos…, que supuxeron unha viraxe de cento oitenta graos en relación a un contexto previo cun elevadísimo índice de analfabetismo e sen escolarización obrigatoria. 

Francisco Giner de los Ríos, fundador da Institución Libre de Ensinanza

Francisco Giner de los Ríos, fundador da Institución Libre de Ensinanza

Prosperidade que non podía ser aturada polos sectores máis reaccionarios da nosa sociedade, pola Igrexa, as oligarquías e por boa parte do exército, que se ergue en armas contra a legalidade democrática republicana e contra o goberno electo polo pobo, orixinando unha guerra que se alongou por case tres anos e que deixou, ademais de medio millón longo de mortos e outros tantos exiliados, ducias de millares de encarcerados e un país atrasado, farrapento, famento, destruído e sometido.

No que atinxe á educación, o advento do franquismo suporá a destrución de todo o labor iniciado na República, e unha remuda radical que vai desde os valores democráticos acadados na etapa republicana até uns novos propósitos marcados pola súa faciana autoritaria, sexista e clasista, coa supresión do laicismo (a Igrexa faise co control case total do ensino) e da coeducación (ao consideraren o ensino mixto unha perversión moral), a proscrición das linguas vernáculas, a parálise dos investimentos…, e de xeito singular, un retorno radical ás tebras do fundamentalismo relixioso e do nacional catolicismo. A lei de ensinanza primaria de 1945 manifesta ás claras cal é o concepto que este fato de fanáticos ten do ensino:

       “La etapa republicana de 1931 llevó a la Escuela a una subversión de valores. La legislación de este período puso su mayor empeño en arrancar de cuajo el sentido cristiano de la educación, y la escuela sufrió una etapa de influencias materialistas y desnacionalizantes que la convirtieron en campo de experimentación para la más torpe política, negadora del ser íntimo de nuestra conciencia histórica (…) La nueva ley invoca entre sus principios inspiradores, como el primero y fundamental, el religioso. Además, la escuela en nuestra Patria ha de ser esencialmente española. Y en este aspecto, la ley se inspira en el punto programático del Movimiento (…)”

O golpe de estado e a represión fascista

O dos docentes foi de certo un colectivo que sufriu dun xeito senlleiro a represión. Moitos dos ensinantes máis vocacionais e innovadores foron procesados, encarcerados, exiliados, inhabilitados para levar a cabo o seu labor pedagóxico, e unha parte significativa deles, asasinados. Furtando as verbas do blog de Xoán Carlos Garrido:

 

  “Se houbo un sector social no que o franquismo se cebou especialmente ese foi o dos mestres. A cultura era perigosa, as ideas novas e a crítica eran disolventes dos dogmas relixiosos e da sagrada unidade da patria española, por tanto, os mestres eran todos sospeitosos polo simple feito de ter nas súas mans a capacidade de que as mentes infantís maduraran e se fixeran autónomas e pensaran por si mesmas (…)”

Após o alzamento franquista créase unha Comisión Depuradora do Persoal do Maxisterio que dirixe unha circular aos alcaldes, curas párrocos e comandantes de posto da Garda Civil, que sae publicada en El Noticiero Gallego (Pontevedra, 25-12-1936). Constituíuse esta Comisión “para la depuración del personal del Magisterio con el fin de proceder a instruir rápidamente los expedientes de los maestros que tuvieran cargo el día 18 de julio”:

 “Se interesa de V. S. con la mayor urgencia y siempre dentro de un plazo máximo de 15 días, el informe correspondiente a todos aquellos que comprenda su jurisdicción en el que harán constar de modo directo y concreto, la conducta profesional, religiosa, social del Maestro, así como sus actuaciones políticas, si las tuviera, señalando entonces el partido en el que ha militado, asociaciones secretas de que formó parte o su simpatía por aquellos y estas, especialmente después de la revolución de Octubre, y si orientó la enseñanza o su actuación profesional en sentido disolvente. Estos informes deberán extenderse separadamente para cada maestro (…) para que en este solemne momento pueda lograrse la radical y definitiva reorganización del personal docente y sean unos ratificados en sus destinos con el prestigio y las consideraciones que requiere la función educadora que les está encomendada y removidos los que con sus predicaciones y falsas doctrinas han envenenado las conciencias infantiles y se han hecho acreedores a la severa sanción que ahora requiere la salud de la Patria (…)”

Sanción da que foron obxecto mestres moi queridos e valorados nos lugares en que exercían o ensino, que serían detidos, encarcerados ou desterrados e cesados con inhabilitación, separación do servizo e baixa no escalafón polo Xefe de Servizo Nacional de Primeira Ensinanza. Só na provincia de Pontevedra foron depurados máis de 1800 docentes. Non foron poucos os que remataron sendo fusilados ou paseados cun sadismo arrepiante coa vontade de exercer unha terapia sanguenta que servise como escarmento para as novas xeracións; unha avaliada política do terror coa que o fascismo conseguiu manter inerte e en pánico a boa parte da sociedade durante décadas. Tratábase, e así o entendeu o franquismo e así o manifestaban nas súas arengas as novas autoridades, dunha represión cunha vontade máis preventiva que punitiva.

Na listaxe de ensinantes asasinados polo franquismo elaborada polo profesor Antón Costa Rico figuran un total de noventa e un mestres e mestras galegas, entre eles Xermán Adrio Mañá (Pontevedra), María Vázquez Suárez (Miño), Fernando Barcia Beiras (Compostela), Uxío Carré Naya (A Coruña), Anxo Fraga Orosa (Viveiro), Bernardo Mato Castro (Teo), Manuel Pedreira Pazos (Forcarei), Manuel Rodríguez Castelao (Rianxo), Mercedes Romero Abella (A Coruña), Xacinto Santiago García (Ourense), Xoán Suárez Picallo (Sada), David Labrador Zuil (A Pontenova), Xosé Vázquez Grela (Nigrán)… Con todo, para sermos rigorosos cumpriría engadir tamén a aqueles que morreron na cadea a raíz dos malos tratos (tundas, torturas…), as condicións hixiénicas, deficiencias alimentarias, falla de atención médica, etc…

Execución 1936

Execución no 1936

Mercedes Romero

Mercedes Romero 29 anos, dous fillos. Despois do fusilamento do seu home, foi detida, violada, torturada e executada en Aranga o 19-11-1936 e soterrada nunha foxa común

Como consecuencia deste sañudo estrago de que foi obxecto o sector ficaron sen profesorado moitas aulas, escolas e localidades, o que levou a ter que cubrir algunhas vacantes con docentes que non foran sancionados ou con sancións mínimas, despois de seren sometidos a unha purga ideolóxica con base nas ancoraxes do sistema: patria, cristianismo e militarismo. De aí que para o ensino primario se convoquen prazas a cubrir por cregos, oficiais provisionais, excombatentes, exprisioneiros, orfos da guerra…, en calquera caso, por suposto, do bando nacional, e sen ningún tipo de garantía sobre a súa formación. O único relevante era a idoneidade ideolóxica e a afinidade coas doutrinas do franquismo, e aínda así tiñan que realizar cursiños previos de formación patriótica.

Xosé Vázquez Grela

Naceu en Ames en 1886. Con tan só doce anos emigrou a Arxentina, onde traballou como panadeiro. En Bos Aires coñece á que logo sería a súa muller, Xosefa Iglesias Docampo, coa que terá seis fillos: María Asunción, Antonio Manuel, Xulia, Alfredo e Xosé Gonzalo… Anos despois regresa á terra, instalándose en Cuntis, de onde era a súa dona. En 1920 remata os estudos de Maxisterio, exercendo logo como mestre interino no Porriño e Mesego (Cuntis). Nos tempos da ditadura de Primo de Rivera (1923-1930) foi mestre en Graba (Silleda) e Santa Cristina de Vea (A Estrada).

Foi un verdadeiro axitador cultural, social e político. Participou moi activamente no artellamento e desenrolo do movemento agrario que, liderado polo combativo crego Basilio Álvarez, tiña como obxectivo a eliminación dos foros e o caciquismo así como a modernización do noso agro. De feito o abade de Beiro era visitante habitual de Caldas de Reis, cabeceira da comarca do Umia, e bo amigo do enxeñeiro e empresario local Laureano Salgado, promotor da constitución da federación das sociedades agrarias do partido xudicial. E precisamente nesta vila renderáselle unha calorosa homenaxe ao fundador e dirixente de Acción Gallega no mes de agosto de 1926 en cumprimento ao teimoso labor que levou a cabo para evitar a supresión do Xulgado de Instrución de Caldas.

Xosé Vázquez Grela 1920

Vázquez Grela

Vazquez Grela e esposa

Con Xosefa, a súa muller

Vázquez Grela, como xefe das Sociedades Agrarias de Cuntis, interveu como orador en concentracións e mitins organizados na xurisdición a carón de Xan Pombo, Salvador Novo e outros moitos afoutos agraristas da bisbarra, e foi ademais un dos mellores redactores do xornal agrarista comarcal Acción Agraria (Órgano da federación agraria do partido xudicial de Caldas de Reis, 1917) xunto a salientes sinaturas de Caldas, Cuntis, Moraña, Barro e Valga (Constante Diz, Manuel Gamallo…). Neste medio mantén unha sección periódica aguda e retranqueira baixo o epígrafe de “Chispazos”, moi na liña dos populares “Zarpazos” de Basilio Álvarez. Tamén foi un dos máis acendidos compoñentes do consello de redacción do semanario El Bólido (1916- 1923), xornal que foi nomeado segundo as súas distintas xeiras como: periódico independiente, periódico agrario, órgano das sociedades agrarias de Cuntis e Moraña, e finalmente órgano das sociedades agrarias de Moraña), que Xosé Casal Porto (a quen agradezo a cesión de boa parte dos exemplares dos xornais que manexei neste traballo) ten definido moi axeitadamente: “A tranquilidade e sosego dos caciques perturbada por un tabán difícil de tornar“. Nel partilla espazo con redactores e colaboradores como Xosé Portas, Luciano Folgar, Xosé Bugallo, Constante Diz (que será elixido alcalde de Moraña en 1919) ou o recoñecido xornalista e avogado Antón Bello Varela, que asumiu a dirección desde o comezo… Foi ademais fundador e director de El Bólido de Cuntis (1918-1919), unha escisión do anterior, froito das liortas internas xurdidas no seo do agrarismo comarcal, que coexistiu na vila termal sempre en lea con El Bólido. Nel participaron outros xornalistas agrarios locais como Moreno Espinosa e Xoán Suárez Couto

accion agraria
El bólido de Cuntis
El bólido
Sociedade de agricultores de Campolameiro

Sociedade de agricultores de Campo Lameiro (Vida Gallega)

Só como curiosidade quero reproducir unha mostra das pescudas de Grela arredor da inxusta realidade social que padecía o labrego galego neses intres e a exposición dos chanzos que xulga como precisos para virar a situación polo ben do país. Trátase de anacos dun dos seus nomeados “Chispazos”, publicado en Acción Agraria (14-10-1917):

 “(…) Los caciques son puro estómago. No desean el bienestar de la comarca a la que pertenecen; su única misión es atender a sus exigencias estomacales arrancándolas del presupuesto municipal. No es posible que los pueblos rurales consientan exorbitantes presupuestos municipales que no se dedican a ninguna mejora útil, sino al sostenimiento de la casta caciquil. Esto ocurre porque los concejales de los ayuntamientos no son elegidos por el pueblo, sino impuestos por el feudalismo municipal (…) Hay que luchar para llevar al ayuntamiento a los mejores ciudadanos y exigirles que cumplan sus deberes (…) Hace falta que los agrarios nombren y voten en su seno a hombres conscientes de sus derechos, capaces de argumentar sólidamente contra todos los amaños caciquiles, y expongan todas sus cosas de una manera lógica y contundente, pues alguien ha dicho que la palabra es más cortante que la espada, más fuerte que el rayo y más destructora que la guerra (…) Por medio de la acción política podemos tener representación propia en los poderes municipal, provincial y nacional inteligentemente organizada, nos defenderemos mutuamente por medio de la Asociación, de todos los amaños caciquiles. Para eso se han creado las Asociaciones de Agricultores, que no consisten en que cada asociado se concrete a pagar un real mensual, sino en adiestrarse para la lucha por el mejoramiento y adelanto de nuestra querida Galicia, adquiriendo un grado máximo de consciencia entre todos los individuos que la componen, que sepan a donde van y a lo que van para que llegado el momento supremo de lanzarse a conquistar las avanzadas de nuestro ideal no puedan los caciques ensañarse con uno, ni dos, ni veinte, considerándolos como principales instigadores, sino que son partícipes de la pelea por igual.”

En 1930 aprobou as oposicións de Mestre Nacional e, despois de diversos destinos, en 1932 tomou posesión en Nigrán, onde se atopaba cando se produciu o golpe de estado militar de 1936. Segundo testemuño da veciñanza, foi unha persoa moi admirada e prezada no concello dada a súa disposición para axudar sempre aos demais no que cumprise. Foi presidente do Consello Local de Primeira Ensinanza, responsabilidade desde a que loitou por axeitar o ensino ás demandas máis anovadoras, tentando acadar a alfabetización de toda a poboación, co obxectivo de procurar unha sociedade máis xusta e democrática. 

devellabella_Vazquez Grela nunha xuntanza de ensinantes. 5º pola esquerda, abaixo

Vazquez Grela nunha xuntanza de ensinantes. 5º pola esquerda, abaixo

Tamén participou na organización de actividades formativas para o profesorado da bisbarra. Pertenceu á directiva da Asociación de Traballadores do Ensino e foi membro da Agrupación Socialista de Vigo.

En xuño de 1936 formou parte da comisión organizadora do mitin das Angustias (Nigrán) a prol da Autonomía de Galiza, no que participou, entre outros oradores, Daniel Rodríguez Castelao. Interviñeron tamén nesta campaña os seus compañeiros Luís e Pepe de Inés (os Ineses), que logo serían executados en Sabarís en outubro de 1936, e tamén os irmáns Villafines, Xosé e Agostiño; o primeiro era presidente da Sociedade de Agricultores de Sabarís e o segundo, alcalde de Baiona. Ambos foron condenados a cadea perpetua.

Co levantamento fascista, Vázquez Grela, sabendo que estaba no punto de mira dos insurxentes, tentou salvar a vida facendo acenos de afección ás novas circunstancias políticas: achegas económicas ao réxime, asistencia diaria a misa… Mais todas estas tentativas lexítimas de supervivencia ficaron frustradas cando o 12 de setembro de 1936 ao mediodía fórono deter á escola diante dos seus alumnos (entre eles, un fillo seu), varios falanxistas acompañados do sinistro tenente da Garda Civil de Bouzas Francisco González Rodríguez, alcumado o Rabioso. Metérono nun coche e, perto das Angustias, fixérono baixar e asestáronlle cinco tiros polas costas. Segundo o documento asinado pola Garda Civil, a causa da morte foi “heridas por proyectil de arma corta de fuego en la cabeza y el pecho”, nun recanto da folla do rexistro engadíase: “Accidente”.

O Concello de Nigrán inaugurou, a xeito de homenaxe, un parque a carón da que fora a súa escola, ao que deu o nome do mestre asasinado e dedicoulle o Mes da Recuperación da Memoria Histórica en 2020.

Para rematar reproduzo un suxestivo anaco dun texto de Manuel Bragado, no que fai unha análise arredor do ensino na República á luz do filme A lingua das bolboretas de José Luís Cuerda, inspirado en relatos de Que me queres amor de Manuel Rivas, xa que acho que o xeneroso D. Gregorio é un personaxe que podería callar perfectamente na figura de Vázquez Grela ou en calquera dos mestres represaliados na Guerra Civil.

 “(…) Don Gregorio representa a figura daqueles mestres que foron as verdadeiras luces da República. Mestres, formados na tradición laica da moderna pedagoxía da Institución Libre de Enseñanza e nas ideas educativas do socialismo histórico, que pretendían redimir a súa sociedade pola escola. Con este obxectivo os gobernos progresistas da República realizaron un extraordinario esforzo educativo: crearon milleiros de escolas e formaron a novos profesores nas máis modernas técnicas pedagóxicas da Escola Nova europea. Tentaban deste xeito atallar a lacra do analfabetismo, que en Galicia acadaba unha taxa do 35% de toda a poboación adulta (…) Para don Gregorio a escola tiña que ser obradoiro e xardín, un verdadeiro laboratorio de coñecemento científico e experimental, no que todos agardaban coa mesma ansia a chegada do microscopio que algún día enviarían os responsables do Ministerio de Instrución Pública. Como outros mestres daquel tempo, organizaba paseos escolares, verdadeiras rotas do descubrimento, para que os alumnos puidesen coñecer horizontes novos dende o Monte Sinaí, e ir na procura do Iris, aquela bolboreta que brillaba fermosísima pousada na lama ou no esterco. Saía con eles para facer unha ensinanza máis intuitiva que os fixese interrogarse sobre o que os rodeaba e eles non coñecían. Velaí a razón de ser da lingua das bolboretas, esa trompa enroscada coma un resorte de reloxo, feliz metáfora de Manuel Rivas sobre a paixón por coñecer e por descubrir, de como o saber posúe un poder redentor para as persoas (…)”

Bibliografía:

CASAL PORTO, Xosé, “El Bólido, xornal agrario”, A Taboada 0, Cuntis-Moraña, decembro 1999, pp. 6-14 .

COSTA RICO, Antón, “Da escola da palabra e da cidadanía á escola do silencio”, Os anos despois (1936-1953), A Nosa Terra. A Nosa Historia, Vigo, 1987, pp. 13-19.

GONZÁLEZ PÉREZ, Juan Antonio, Nigrán. Memoria dunha guerra 1936-1939, eds. do Cumio, Vigo 2001.

PAZOS TOURIÑO, Belén- PENA BÚA, Pilar, “A prensa en Cuntis. El Eco de Cuntis”, A Taboada 0, Cuntis-Moraña, decembro 1999, pp. 15-25.

SANTALLA LÓPEZ, Andrés, “A depuración do Maxisterio e a educación pública en Galicia: 1936-1961”, A represión franquista en Galicia. Actas do congreso da memoria, Narón, maio 2005, pp. 225-256.

SEIXO PASTOR, Marcos, “Retallos de Historia da Educación en Galiza con especial atención ao concello de Cuntis”, A Taboada 14, Cuntis-Moraña, xullo 2009, pp. 75-90.

SEIXO PASTOR, Marcos, “O exterminio de intelectuais e políticos: os exemplos de Xoán Xesús González e Roberto Blanco Torres”, A represión franquista en Galicia. Actas do congreso da memoria, Narón, maio 2005, pp. 443-451.

VV. AA., Historia da educación na Galiza, Murguía. Revista Galega de Historia, nº 27-28, Oroso, xan./dec. 2013

Hemerografía:

El Bólido de Cuntis. Semanario Agrícola (1918-1919).

El Bólido. Órgano de las sociedades agrarias de Moraña, Cuntis, Barro y Valga (1916 – 1923).

Acción Agraria. Órgano de la Federación del Partido Judicial de Caldas de Reyes (1917).

Webgrafía: 

https://bretemas.gal/da-escola-das-bolboretas-a-noite-de-voraces-sombras/ Blog de Manuel Bragado Rodríguez. Visitado o 28-10-2024.

http://www.blogoteca.com/autoestrada/index.php?cod=11477 Blog de Xoán Carlos Garrido Couceiro. Visitado o 25-09-2024.

https://valminortv.com/2020/10/17/nigran-recuerda-al-maestro-republicano-asesinado-jose-vazquez-grela/ 12-09-2024.

https://gl.wikipedia.org/wiki/Jos%C3%A9_V%C3%A1zquez_Grela 12-09-2024.

https://botonesdenacar.org/jose-vazquez-grela/ 12-09-2024. 

Marcos Seixo Pastor

Marcos Seixo Pastor

Profesor de Galego

Chámome Marcos Seixo. Aínda que a miña chegada ao mundo tivo lugar en 1959 na rúa de San Marcos en Lugo, na casa da miña avoa, fun concibido e criado en Navia de Suarna, onde pasei unha feliz infancia e a onde regreso cando menos dúas ou tres veces ao ano. Por mor da profesión do meu pai, estivemos vivindo en distintos concellos. Asentámonos finalmente en Cuntis (Pontevedra), onde vivo a día de hoxe na aldea de Castrolandín.

Fixen estudos de Filoloxía en Compostela e os últimos 16 anos fun profesor do IES Valle Inclán de Pontevedra, até a miña “xubilación forzosa por incapacidade” no ano 2016. Neste instituto coñecín aos compañeiros do grupo de teatro Argallada, algúns deles impulsores do blog devellabella, no que ando a colaborar con algún traballo.

A miña vida na actualidade segue a ser bastante activa, pois podo dedicar o tempo ás miñas moitas afeccións, entre elas escribir. Alén diso tamén son afeccionado á música tradicional, ás motos, sobre todo ás clásicas, a coidar as viñas, e tamén a nadar, podendo ser, no río de Navia

Blog

Os caretos de Podence

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Tinta do mar de Luisa Villalta por Marcos Seixo

Tinta do mar de Luisa Villalta por Marcos Seixo

O día 20 de marzo celebrouse no Museo de Pontevedra a I Mostra de Versos a dúas voces, coa colaboración do Ateneo de Pontevedra. 

Membros do desaparecido grupo Quinta Feira, Marcos Seixo, Tito Maquieira, Toño Dominguez e Roi Xesteira, interpretaron, entre outras pezas, Tinta do mar de Luisa Villalta.

 Tinta do mar, escrebo, cando toca

as escumas da letra e o seu son

obstinado de baixo contra a roca

da man a producí-lo en percusión.

 

 Rítmico, o pensamento, o son mais leve.

cai goleando o tempo reincidente

ao muíño teimoso que recebe

a água azul-negra da memória quente.

 

 Así, tinta do mar, e logo nube

a pairar sobre os ciclos deste mundo.

Estrépito é o eco cando sube

da escura palabra en que me fundo.

 

E o mar, interminábel danza, borra

o nome escrito sen que o ritmo morra.

Marcos Seixo Pastor

Marcos Seixo Pastor

Profesor de Galego

Chámome Marcos Seixo. Aínda que a miña chegada ao mundo tivo lugar en 1959 na rúa de San Marcos en Lugo, na casa da miña avoa, fun concibido e criado en Navia de Suarna, onde pasei unha feliz infancia e a onde regreso cando menos dúas ou tres veces ao ano. Por mor da profesión do meu pai, estivemos vivindo en distintos concellos. Asentámonos finalmente en Cuntis (Pontevedra), onde vivo a día de hoxe na aldea de Castrolandín.

Fixen estudos de Filoloxía en Compostela e os últimos 16 anos fun profesor no IES Valle Inclán de Pontevedra, até a miña “xubilación forzosa por incapacidade” no ano 2016. Neste instituto coñecín aos compañeiros do grupo de teatro Argallada, algúns deles impulsores do blog devellabella, no que ando a colaborar con algún traballo.

A miña vida na actualidade segue a ser bastante activa, pois podo dedicar o tempo ás miñas moitas afeccións, entre elas escribir. Alén diso tamén son afeccionado á música tradicional, ás motos, sobre todo ás clásicas, a coidar as viñas, e tamén a nadar, podendo ser, no río de Navia

Blog

O día da clse obreira galega

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥