Cantar en galego II. As músicas emerxentes por Marcos Seixo

Cantar en galego II. As músicas emerxentes por Marcos Seixo

O proceso musical que estou tentando bosquexar non debe ser interpretado como o relato da evolución desde a música tradicional até ao rock, senón da capacidade do noso idioma para ir explorando novos espazos no eido musical, adaptándose ás novas tendencias e estilos que van xurdindo, mais sen descoidar as nosas raíces. Así a música tradicional, a canción de autor, o pop…, continúan coexistindo no ámbito inédito da aparición do rock e das músicas alternativas.

En pleno auxe das novas músicas topámonos cunha música tradicional e folk que goza de moi boa saúde e que malia a escasa atención por parte das administracións públicas, vai acadando non só a adhesión do público galego senón que en moitos casos tamén é aclamada fóra das nosas fronteiras, como prova o éxito de grupos como Treixadura, Carlos Núñez, Radio Cos, Tanxugueiras, A banda das Crechas, Budiño, Os d’Abaixo, Adufeiras de salitre, Leilía, Xacarandaina, Xiradela, Pandeiromus, Xosé Lois Romero & Aliboria

Budiño e Mercedes Peón

Leilía

Xosé Lois Romero & Aliboria

O mesmo sucede coa canción de autor, con referentes tan destacados como Uxía Senlle, Rosa Cedrón, Guadi Galego, Ugía Pedreira, Sonia Lebedynski, Davide Salvado, Belém Tajes, Mercedes Peón, Xavier Díaz, Mónica de Nut, Sabela (concursante de OT), Sés, a eurovisiva Lucía Pérez,  Faia, Xabier Vizcaíno, Pauliña, Antía Muíño, Leticia Rey, MJ Pérez… Podemos gabarnos pois da fortuna de contar con moitos carismáticos grupos e solistas que partindo da música de raíz adquiren a súa propia identidade con repertorios nos que o eclecticismo convértese nun valioso medio para asegurar a continuidade da música galega, integrada no ámbito das músicas do mundo.

Na contorna da mudanza de milenio, a música en galego pasa por un intre de notábel prestixio, como amosa o feito de que mesmo coñecidos cantantes non galegos interpretan cancións no noso idioma. Así o fai a madrileña Ana Belén nun álbum de Milladoiro coa canción “Moraima”, sobre un poema de Celso Emilio; a portuguesa Dulce Pontes en A Irmandade das Estrelas de Carlos Núñez con “Lela”, sobre a letra de Castelao; Luz Casal (que aínda que é galega viviu desde nena en Asturias), tamén en A Irmandade das Estrelas, con “Negra Sombra” ou con “Camariñas”; ou o cantante francés de raíces galegas Manu Chao, que nos seus directos ten incluído temas como “Eu chorei chorei”, “Licor do negro café” (de Lamatumbá), “E déixame subir”…

Lucía Pérez “Se eu non son”

Uxía Senlle “Túa nai é meiga”

Lamatumbá “Licor café”

MÚSICAS EMERXENTES EN GALEGO

PRECEDENTES

Entre os primeiros grupos de rock que dispoñen o seu repertorio total ou parcialmente en galego teriamos que encadrar formacións nas que participou un adolescente Suso Vaamonde, que andaba por Vigo a mediados dos anos 60, como foron Os Copens e Marco Balorento. Mais o primeiro que acadou unha certa popularidade mediática sería Goma 2, nacido en Portonovo a mediados da década dos 70, e ao que cómpre considerar o precursor do bravú.

Goma 2 “O galiñeiro”

Coetáneo de Goma 2 foi N.H.U., formado en 1973 en Santiago de Compostela, que empregaba o galego nas súas letras. Eran músicos dunha grande calidade. Só gravaron un disco, en 1978, con cancións tan fermosas como “Na terra do verde chan”; un disco que foi e segue a ser obxecto de eloxiosas críticas.

A orixinalidade de introducir a gaita no ámbito do rock estará presente máis adiante noutras bandas como os ferroláns Los Limones (1983), que cantaban en castelán aínda que tiñan unha versión en galego do seu emblemático “Ferrol”: “Sei que aquí nacín/e aquí quero quedar/aquí está meu lar,/onde se acaba o mar”.

Tamén como exemplo dunha tímida contribución á difusión da lingua galega, podemos mencionar a figuras do rock como Los Suaves que nos seus concertos no noso país, ademais de facer unha versión instrumental do himno galego, ás veces cantada polo público, interpretaban en galego o seu tema “O afiador”.

Algo máis importante é a achega de Siniestro Total. Aínda que o seu tema máis coñecido quizais sexa “Miña terra galega”, versión en castelán de “Sweet home Alabama” (1974) da banda estadounidense Lynyrd Skynyrd. Realmente só ten en galego esas tres palabras, mais rematou por converterse nun verdadeiro himno do noso país en clave de rock. Non foron moitas as pezas que compuxeron na nosa lingua, agás algunha para o Xabarín Club: “A onde vas rapaz?”, “Hoxe son un punk”, “Xabaguai” (xunto con Manquiña). Á marxe disto, fixeron tamén unha versión de “O Tren” de Andrés do Barro, a canción cun aquel de country “Quen me dera na casiña” e o tema “Corta o pelo landrú”, con aires punk (estilo caracterizado pola simplificación fronte ao rock progresivo).

Ademais de Siniestro Total houbo outros grupos tamén encadrados na denominada “movida viguesa”, que aínda que non adoitaban cantar en galego, compuxeron e executaron algúns temas para o Xabarín Club na lingua do país. Entre eles temos a Aerolíneas Federales, con cancións como: “Non todo é o que parece”, “Que calor!”, “Non teño diñeiro”, “Quero xamón” (con Miguel Costas); ou Killer Barbies: “Xabarín contra o Doutor No” e “Spiderman”. Cómpre salientar o labor cultural e de promoción do idioma que levou a cabo este fabuloso programa infantil coa colaboración de moitos grupos e solistas galegos e algúns doutros países lusófonos, iniciativa que cumpriría recuperarmos.

Os Resentidos “Galicia sitio distinto”

Entre as bandas da movida viguesa dos anos 80 non podemos esquecer ao grupo de pop e rock Os Resentidos nin ao seu vocalista, letrista e fundador Antón Reixa. Ademais de ser unha formación monolingüe en galego, caracterízase pola súa significación cultural e literaria, mesmo con resonancias de obras do propio Reixa. Xosé F. Colmeiro salienta do grupo a súa mestura do rural e o urbano, da tradición e a actualidade. A súa canción más coñecida, mesmo a nivel do Estado e de Portugal, foi “Galicia Caníbal” (fai un sol de carallo) (1986). Porén o disco máis valorado pola crítica foi Jei. Despois de rachar a banda (1994), Antón Reixa formaría Nación Reixa xunto co músico vasco Kaki Arkarazo de Negu Gorriak.

En 1981 nace na Coruña Radio Océano, formado polos xornalistas X. M. Pereiro e Santiago Romero, entre outros. Ao igual que Os Resentidos, cunha importante vocación cultural, aínda que diferente desde o punto de vista musical. Participaban en moitos concertos da época cos grupos da “movida galega”. Hai quen os sitúa, penso que acertadamente, no rock progresivo. Gravaron varias maquetas e o LP Nin falta que fai. O poeta Lois Pereiro, irmán do cantante, é autor da letra dun dos seus temas máis coñecidos: “Narcisismo”.

Radio Océano

Astarot “Sementeira” 

Mención á parte merece o grupo cangués Astarot, formado en 1983. Ao comezo interpretan rock en castelán, con moito éxito. O seu terceiro disco, Apuesta y gana, contén por primeira vez dous temas en galego: unha adaptación ao rock de “Airiños airiños aires”, baseado na versión que Pucho Boedo fixera sobre o poema social de Rosalía de Castro, e a canción “Sigo en pé no mundo libre”. A partir de aí os seus discos son en galego. Destacar O sentir dunha terra, que en clave de rock inclúe cantigas populares, poemas de Rosalía, Castelao, Cunqueiro…, e cancións de grupos como Saraivas, Fuxan os ventos e Los Tamara.

En Cangas tamén nacen en 1986 Os Raiados. Foi o primeiro grupo en facer punk rock usando integramente o galego. Nos seus temas topamos unha sinalada influencia do “rock radical vasco”. Ademais de actuacións en festivais e locais de Galiza, tamén actuaron fóra do país, especialmente en Euskadi. Eran frecuentes as súas actuacións nos concertos organizados a finais dos 80 en festivais relacionados co arredismo político, especialmente coa organización antirrepresiva Ju.G.A., que traballaba pola liberación dos presos independentistas galegos.

Cómpre facer alusión ao grupo de rock Santiagués Os Quinindiolas, nacido en 1988, que foi evolucionando cara ao punk melódico, o hip hop e o funk (que fusiona soul, jazz, ritmos latinos…). Eran habituais do programa Sitio Distinto de Anton Reixa. Editaron un único disco.

Entre os integrantes estaban o cantante e escritor Xelís de Toro, e Fran Pérez “Narf”, compositor, cantante e guitarrista cunha grande atracción polas músicas africanas (nomeadamente polo funk), e que a partir do 1992, coa disolución do grupo, comeza unha carreira en solitario, publicando tres álbums e colaborando con outros músicos como Jabier Muguruza, Manecas Costa, Uxía ou X. M. Budiño, entre outros. As súas teimas máis insistentes foron achegar ao rock influencias diversas, especialmente dos ritmos e harmonías de África, e integrar as nosas músicas no seu ámbito natural, a lusofonía.

 Narf co músico de Guiné Bissau Manecas Costa

Dirty Barriguitas

Nos albores dos anos 90 tamén ten lugar en Santiago a chegada do punk hardcore (que foxe dos patróns comerciais establecidos), con grupos como Fame Neghra ou Dirty Barriguitas, cunha clara teima de denuncia social e política. Da disolución desas dúas bandas nacerá anos despois Samesugas.

O MOVEMENTO BRAVÚ

Nos anos 90 rebole no noso país un fervedoiro de grupos musicais cunha radical arela de expresar dende un enfoque reivindicativo o amor á nosa lingua e cultura, así como a súa sintonía coas loitas populares e co movemento ecoloxista e antiglobalización. Coa axuda de referentes previos tan diversos como Fuxan os Ventos, Os Resentidos, Mano Negra ou Negu Gorriak, reclaman un rock en galego sen complexos.

Foi aquel memorábel primeiro de novembro de 1994, na primeira edición do Castañazo Rock, cando un feixe de grupos asinan o Manifesto de Viana (Chantada), que se considera o nacemento do rock bravú. A palabra “bravú” procede do nome co que se designa nalgunhas partes do noso país á carne de caza e á carne de gando sen capar. Reproduzo de seguido o manifesto:

“Dos pinchos e das flores do toxo máis agreste,

do monte máis salvaxe.

Da calor e dos aromas da augardente e da queimada,

que teiman do orballo e das xeadas nos ósos.

Dos aquelarres en covas, en noites perdidas,

con bruxas e trasnos danzando por riba do lume.

Das pedras nos valados, nas cabezas e nas gadañas,

cravuñando o asubío dalgún cantar popular.

Das guitarras compradas coa primeira paga do paro

ou da economía somerxida.

Do tabaco de batea adulterado con aromas tropicais.

Do amor, do odio, da frustración

ou dunha borracheira de vatios nun alambique clandestino.

De todos eses sitios e de moitos máis,

naceu, cun aturuxo na boca, este rock tan noso… SEN CAPAR”

En palabras de Manolo Rivas: “Os do rock bravú forman parte dunha confederación irmandiña, sen programas nin ideas concibidas, nin uniformes. Unidos pola terra, a lingua e a música, peiteados polo vento, os guerreiros rozan as corredoiras cegas”.

Liderados por artistas como Xurxo Souto ou Antón Reixa, agrupáronse no chamado rock bravú ou agro-rock, reivindicando o mundo rural e os bairros urbanos, sendo quen de inspirarse en tendencias que van desde o Heavy até a música de verbena, que consideran parte da nosa cultura popular, e cunha presencia constante do humor retranqueiro. Convén deixar constancia da significación de dúas figuras tan prezadas e reclamadas pola súa singular interactuación e conexión coa xente: Pinto de Herbón e Marisol Man Furada. Con estes dous populares poetas, rapeiros e regueifeiros temos pasado moi bos e divertidos momentos en distintos festivais por todo o país.

Entre as bandas de rock bravú temos formacións espalladas por todo o país: Os Diplomáticos de Monte-Alto (A Coruña), Heredeiros da Crus (Ribeira), Yellow Pixoliñas (Monforte), Skornabois (Vilanova de Lourenzá), Xenreira (A Estrada), Skárnio (Vigo), Os Papaqueixos (A Coruña), Rastreros (Chantada), Túzaros (Compostela), O Caimán do río Tea (Ponteareas), Kaos (O Morrazo), Ruín Bois (Bueu), Os Impresentables (Vimianzo), Korosi Dansas (Vilargarcía), Blood Filloas (Ferrol), Os Bochechiñas… Sen dúbida os que tiveron unha maior repercusión mediática foron os dous primeiros.

Skárnio “Irmaos”

Os Diplomáticos de Monte Alto 

É un grupo que nace no bairro coruñés de Monte Alto. O seu elemento máis singular é o uso do acordeón como instrumento destacado, con influencias do rock e punk pero tamén do folk e mesmo da música de verbena popular galega. Foi formado 1989 polos músicos Xurxo Souto e Rómulo Sanjurjo. Destacar entre as súas pezas máis populares “San Furancho” e “Non chas quero” (Arroutada Pangalaica) e, como non, a “Oda ao futbolín” do Xabarín Club, ou “Ghaiteiro”.

Heredeiros da Crus 

Fundado en 1992 por Antón Axeitos (Tonhito de Poi) en Ribeira (A Coruña). En 1993 presentan o seu primeiro traballo en directo, A cuadrilla de Pepa a loba, que se fai moi popular, como Quero josar, aínda que a peza máis popular será o tema “Que jallo é” (Xabarín Club).

Yellow Pixoliñas 

Formado en Monforte de Lemos en 1987. Nas súas cancións empregan o galego, mais tamén o castelán e o inglés. Característico dos súas composicións é o uso de letras combativas, unha aguda retranca e a presenza do mundo rural. Publicaron varios álbums e participaron no Xabarín club con temas como “Xabarín xa te vin” e “Telexornal”.

Os Skornabois

Grupo de Vilanova de Lourenzá, creado en 1988 co apoio de Xurxo Souto e os Diplomáticos de Monte Alto. Nesta primeira xeira o grupo chegou a gravar dúas maquetas. Paseniñamente van evolucionando do punk rock ao hip hop. Tematicamente van facendo a cada paso temas máis combativos, moi influenciados por Reixa. Pezas como “A brosa do verdugo” ou “12-08-75”, dedicado a Moncho Reboiras, asasinado nesa data en Ferrol pola policía. A peza máis coñecida quizais sexa “O verme homicida”.

 Skornabois. Portada do álbum

Xenreira

Xurdido a mediados do 1994 na Estrada, definían a súa música como “rock irmandiño”, pois non se identificaban plenamente co bravú, xa que eles non facían un tipo de música concreto senón que gozaban tocando o que lles petaba: Reagge, rock, música tradicional, pop, rumba… Eran músicos con influencias do “rock radical vasco” e da tradición galega dos anos 70 representada por Fuxan os Ventos. A banda estaba composta, entre outros, por Davide e Silverio Otero. Contaban cunha sección de vento-metal impresionante. Publicaron o disco titulado Érguete!! (1997), no que manifestan o seu compromiso co independentismo, a temática da guerra civil española (no tema “Mil Nove 36”), as mobilizacións, a represión e o internacionalismo solidario (“Mesmo berce, mesma loita”). Colaboraron en varios discos colectivos do movemento bravú.

Skárnio

Formado no bairro do Calvario (Vigo). Defínense como un colectivo político-musical, que usa a música ska (fusión de música afroamericana con ritmos caribeños) como plataforma reivindicativa, comprometidos co independentismo galego, o idioma e a loitas obreiras. Cómpre destacar a súa teimosa denuncia da represión policial e a aclamación das vítimas que padeceron o encarceramento, a tortura e a morte por loitar por unha Galiza Ceibe. Consideran a acción directa como o único camiño, de feito o seu terceiro disco titúlase O nosso caminho.

Papaqueixos

Misturan distintas tendencias, especialmente rock, punk, folk, con ecos da música celta, que lle achega especialmente o gaiteiro Xan Xove. Nacen na Coruña en 1993. Son especialmente coñecidos polo seu álbum A Lóxica Aplastante do Comité de Propaganda. O seu hit é “Teknotrafikante (farloppo ma non troppo)”, máis lembrada polo seu retranqueiro retrouso: “Sito Miñanco / preso político”.

Papaqueixos “Teqnopresidente”

Rastreros

Nacidos en Chantada en 1989. Practican un rock de raíz galega, rural e labrega. Publican o disco A piñón fixo, a golpe de pixo. No Xabarin Club colaboran con “O sacristan de Basan”. Seguen a ser un referente da música punk rock galega ou o que eles denominaron agro-punk. Gravaron o tema “Nitramón 15 15 15” acompañando a Pinto de Herbón no disco colectivo de Unión Bravú.

Túzaros

Banda formada a comezos do 1992 no bairro de San Lázaro (Compostela). Son encadrados pola crítica no punk metal (o Heavy metal é un rock caracterizada polo son forte de guitarras distorsionadas, os sons densos do baixobatería e a voz aguda e gutural). Eran músicos asiduos da sala Nasa. En 1997 editan o CD Túzaros. Destacar tamén a súa presenza en varios álbums colectivos, entre eles en Unión Bravú. En 2003 inclúen “Negro no azul” no compilatorio Nunca Máis, encadrado no axitado ambiente ecoloxista provocado pola maré negra do Prestige.

O Caimán do río Tea

Fundada en Ponteareas en 1991. Faise especialmente coñecida pola súa participación no Xabarín Club coa canción “Estou na lavadora” e despois con “Ven a bailar”. Publican o disco Feito na casa e tamén participan no colectivo Unión Bravú coa canción “Manolo Pescadilla”.

Kaos

Banda de punk rock creada en 1989 no Morrazo. Publicaron discos como Akí non se rinde ninguén, Kaos, Banda armada, Ceibe, violento e furtivo. Tiveron que mudar de nome, por existir unha banda chamada igual, e pasaron a chamarse Soak.

Ruín Bois

Foi unha banda de oi! (que busca a irmandade do punk e a clase obreira), formada en Bueu en 1995. Destacar o seu álbum Sempre en Galiza (1997). O tema “Por ti mesmo” forma parte do disco Unión Bravú. En 1997 actuaron no festival Live & Loud de Bélxica, compartindo escenario con algunhas das mellores bandas Oi!

Os impresentables

Grupo de rock e blues nacido en Vimianzo, encadrado no colectivo Rock na Costa da Morte, que englobaba máis de vinte grupos da bisbarra. Aínda que foron denominados “os obreiros do rock”, teñen moitas pezas con letras dedicadas ao rural: “Sacha meu pai, sacha miña nai, sacha miña avoa que eu non sei como se fai”.

Korosi Dansas

Foi un dos grupos máis combativos, moi implicados nos problemas da súa contorna (Vilargarcía de Arousa) tanto no plano político e social como cultural. Fan unha fusión de ska rock. Procuran “unha letra que teña algo que dicir, algo que comunicar ao público, utilizando en ocasións un certo ton satírico”, tal como indican no seu manifesto fundacional en 1988. Designan a súa música co termo “rock de batea”. Participan no Xabarín Club cos temas “Xuntos e revoltos” e “Os Galisáns”.

Ruxe Ruxe

Grupo formado en Aríns (Compostela) en 1996. Practican unha mistura de rock e folk, con importantes influencias punk. Fixeron en ocasións de banda de acompañamento de Pinto de Herbón.

Blood Filloas 

Foi un grupo de indie rock de Ferrol. A maior parte do seu repertorio estaba en inglés, porén o seu “Superheroe” é un dos temas máis populares do Xabarín Club.

Ruxe – Ruxe

Os bochechiñas

Malia estar formado por moi bos músicos, foi un grupo cunha actitude individual e unha traxectoria conxunta un pouco caótica, que só duraron un par de anos (1994-1996). Unicamente chegaron a gravar dous temas en discos colectivos, un en Unión Bravú e outro en A cantar con Xabarín, respectivamente “Crooner” e “Xogar ao trompo, xogar ás bólas”.

A ACTUALIDADE

Após a chegada de Alberto Núñez Feijóo á presidencia da Xunta, coa vitoria electoral do PP e o despexo do bipartito do goberno autonómico (xuño de 2009), prodúcese un proceso de depuración política na Radio Galega (que pasa a estar dirixida por Rosa Martínez) e a TVG (coa flamante directora Rosa Vilas), que afectou, entre outros, a Xurxo Souto, destituído á fronte da subdirección de programas da Radio Galega. Ademais tivo que deixar de presentar o programa musical Aberto por Reformas, un espazo destinado á difusión das bandas que cantaban en galego, sendo substituído por Xusto López Carril, que rachou totalmente co obxectivo do programa ao dedicalo á difusión de temas de artistas internacionais.

O outro despexo, o das músicas alternativas en lingua galega do ámbito radiofónico, provocou un grande rexeitamento social, e foi lamentado por moitas persoas do ámbito da música que o consideraron unha noticia tráxica, un mazazo, unha ilegalidade, unha cacería, unha conversión da Galega nunha radio de partido… O apuntamento máis optimista e certeiro darao O Leo que manifesta que “O traballo de Xurxo Souto non caíu en terreo ermo; o que sementou esta aí e isto non vai dar marcha atrás”. O certo é que coa expulsión o mundo da música galega perdía un dos seus principais medios para conseguir a fértil articulación das bandas de música emerxente.

Así como a etiqueta de rock bravú conseguira concertar todo un amplo movemento musical e social dun xeito organizado, co seu disco Unión Bravú (1996) e a revista Bravú (1997), co cambio de milenio non acaban de callar plenamente as diversas plataformas que se van creando como a Asociación de Músicos en Lingua Galega (Amelga), Komunikando (portal que elabora unha axenda de concertos na rede), a Rede de Música Galega ao Vivo e a Asociación Galega de Músicos Alternativos (AGMA).

Só quedaba entón un programa para a música en galego -dedicado ao folk– Lume na palleira, até que no propio 2009 as músicas emerxentes en galego recuperan a expresión radiofónica na Radio Galega da man do programa Planeta Furancho, presentado por Vituco Neira, continuador da liña de Aberto por Reformas. En 2015 a suspensión do programa provocou protestas e mobilizacións do sector musical galego, mesmo chegando a convocarse concentracións de músicos e ouvintes diante das portas das instalación da RTVG en San Marcos e na Praza do Toural con instrumentos.

Mais a recuperación foi algo máis que unha cuestión de infraestrutura. E así a irmandade e solidariedade das nosas bandas, que partillan escenario e mesmo cancións e instrumentos, será o elemento principal que consegue manter a conexión nun panorama das músicas emerxentes verdadeiramente insólito, pois viñeron tempos moi fecundos tanto polo número de bandas, pola súa calidade e polos distintos estilos musicais, así como polo número de festivais e discos publicados.

Nestas últimas décadas continúa habendo un gran ambiente no plano musical galego, nun horizonte no que conviven en harmonía os grupos novos que van xurdindo con outros xa acreditados na escena galega, como é o caso de Zënzar, de Meirama (1987), a día de hoxe a banda máis veterana do rock en galego e designada como “os padriños do rock galego”. Teñen unha chea de traballos editados tanto en estudio como en directo. Algo semellante é o caso do veterano cantautor punk de Matamá Leo i Arremecághona!!!, en activo desde 1997, que non dubida en engadir un forte toque de reivindicación e de denuncia social cunha forte dose de humor retranqueiro. Temos tamén en activo ao grupo de punk rock Skacha, nacido no bairro vigués das Travesas en 1991; Keltoi!, grupo de street punk/Oi! formado en Vigo en 1995, comprometido coas clases traballadoras e co antifascismo, coa festa e o compromiso por bandeira; ou Os Cuchufellos Banda de speed-folk -como eles mesmos manifestan- nacida en Trives en 1996, cunha grande importancia dos instrumentos de vento que a achegan ás charangas e ao estilo de formacións como os Festicultores, dos que falaremos máis adiante, ou Lamatumbá. Esta última, fundada en 1998 para facer música de verbena, mesturando cumbia, reggae, ska, folk, ou pasodobre. Tamén convén facer referencia a Zumbido, grupo de punk rock formado en 1997; así como ao grupo de pop-rock Ith, formado a finais dos noventa en Xanceda (Mesía), e á banda de rock con son garage (rock con influencia das voces negras do soul e o jazz), Samesugas, formada en Santiago en 1999, que cantan en inglés e galego, participan en varios discos colectivos en 2006 e editan o seu primeiro longa duración: Alá vai!

 Zënzar

 Lamatumbá

No 2000 nace Kastomä, grupo de rock de Ordes, e no mesmo ano fúndase en Santiago o dúo Fanny + Alexander, que fan pop electrónico cun aquel de folk. Empregan letras de poetas galegos como Manuel Antonio, Lois Pereiro, Elvira Riveiro…De momento levan editado tres discos, considerados o mellor do pop vangardista galego do século XXI. Por este tempo xorde o grupo Pescando en Copacabana, en Quins (Ourense), coa intención de exaltar o samba, o fútbol, os ritmos tropicais e a ledicia. Algúns temas como “Deixa para lá”, incluído no disco Samba fútebol alegria, foron considerados como “samba contaxioso”. Tamén neste ano nace a banda santiaguesa The Homens, cun estilo musical encadrado no Power pop (caracterizado por utilizar melodías e harmonías do pop dos 60), con aires garage e post punk, e cuns directos impresionantes. Durante 2007 colaboran con Carlos Valcárcel en Projecto Mourente (música electrónica), que tamén colaboraron con Fanny + Alexander. Trátase duns verdadeiros precursores da música electrónica en galego a carón dos disk jockeys Soniko-dB. É preciso lembrar o xa lendario grupo ourensán Xerión, en activo desde 2001 cunha teimosa e orixinal proposta Black Metal con tendencia natural cara ao folk. O coetáneo grupo de pop compostelán Ataque Escampe (2001), aínda que nos comezos gosta da etiqueta “rock de serie B”, pola precariedade de medios na que comezaron. En 2007 edita o seu primeiro traballo e participa no disco-tributo a Andrés do Barro Manifesto Dobarrista. Fíxose especialmente coñecido polo seu retranqueiro e provocador disco Galicia es una mierda (2008).

 The Homens

 Ataque Escampe

En 2002 prodúcese a aparición do grupo coruñés de reggae folk Dandy Fever; e en Ribeira A Compañía do Ruído, combinando temas tradicionais con ritmos samba, ska, reggaerock, apostando pola temática social; en Ourense xorde Guezos (rock, pop, folk), con composicións abertas a calquera estilo (o nome do grupo foi escollido ao chou dun dicionario de Galego/Barallete- a xiria dos afiadores- e significa “Rapaces ou mozos”). No mesmo ano fórmase en Teo Desequilibrio Mental, banda punk, metal e rap. Tamén A Matraca Perversa nace neste ano entre Compostela e A Estrada, cun estilo aberto e experimental, próximo ao ska e aos ritmos latinos; e a banda punk Retobato (de Narón), que publica dous discos Cousas que cheiran e Greatest Hits.

Guezos

No 2003 aparecen Os Trasnos de Moscoso, composto por tres mozos de Moscoso (Pazos de Borbén), cuestionando o espazo urbano do rap, e renunciando a algúns tópicos do hip hop internacional; e en Ordes os xa míticos do hip hop Dios Ke te Crew, cuxo LP titulado Xénese foi o primeiro disco de rap enteiramente en galego. Contaron coa colaboración do actor Miguel de Lira. Tamén aparece por este tempo o que é considerado o mellor metal galego, Machina, grupo de hardcore e metal orixinario de Cerceda. Xa levan editados varios EPs e LPs: AcougaPost-Bravú e Desenchufados. Axiña nace en Nigrán e Val Miñor Dakidarría, caracterizado polo seu estilo punk e reggae e por unha teimosa denuncia política e social.

 Dakidarría “A mocidade activa”

 Dios ke te Crew en directo

Tamén cómpre destacar a Galegoz, que fai música electrónica desde o 2005, gostando de desenvolver actividades teatrais e de videocreación. Nados no mesmo ano, os estradenses Esquíos fan punk rock con influencias garage, e con letras con contido social, aínda que a crítica política está máis presente nos seus veciños de Nao; ambos contan cun bo numero de álbums. A Estrada foi unha vila que achegou moito ás novas músicas en galego. Ademais das bandas mencionadas é obrigado mencionar ao fabuloso grupo hard rock (ou rock duro) Os John Deeres. A mensaxe política e social tamén está moi presente en Som do Galpom, un grupo compostelán funkreggaerap. Por este tempo aparecen os Vacalouras de Teis, facendo un punk rock que nos evoca os tempos do agro-rock; e a Royalties, cun estilo moi singular dentro do punk rock e con letras arredadas da situación política. Cómpre lembrar aos coruñeses Banda Potemkin, co seu exitoso disco Ghastas pista, unha mistura de ritmos balcánicos, caribeños, funk e ska, cun toque de tango e de rock bravú. Abordan con retranca a realidade social, sempre cunha actitude de festa rachada case equiparable á de Os Festicultores, grupo que afirma ser “unha banda musical cun obxectivo común: cultivar a festa máis salvaxe e vigorosa a base de música, humor, baile e desinhibición cerebral”. Desde logo os nomes dos seus espectáculos son verdadeiramente ilustrativos: Rumaníacos, As Kabras chouteiras, EGFA (Exército Guerrilleiro das Festas Armadas), Os Sadomusiquistas, Festicidio Colectivo…

Un ano despois aparece a banda de rock de Ponteareas Capitán Furilo e en Boiro o grupo de indie-rock Agoraphobia, composto por catro mozas que en 2017 gañaron o Premio Martín Codax da Música como mellor banda de rock. En 2007, nos Ánxeles (Brión) fórmase A Banda da Balbina, que gosta dos ritmos latinos e cuxo hitEstomballada”, ten unha importante presenza na radio e na TVG, e formará parte do repertorio dalgunhas orquestras de verbena. No propio 2007 xorde a banda agro-punk Sacha na Horta, que se fixo popular ao gañar o certame musical A polo ghit, organizado pola Radio Galega (no programa Aberto por Reformas) e o xornal dixital Vieiros, coa súa canción “Biocultivos”, elixida como canción galega do verán. En 2008 deron o seu primeiro concerto no Centro Social da Gentalha do Pichel de Compostela. O Sonoro Maxín, nado en Ourense no mesmo ano, e centrado nos ritmos latinos e de festa, acuñando o seu lema: “Galicia tropical”. Lanzaron a maqueta de catro temas Non hai problema, e en 2008 autoeditaron o seu primeiro EP, titulado Pop? Cómpre lembrar tamén a Skandalo GZ, unha banda ponteareá de ska-punk cunha grande presenza de instrumentos de vento e con letras moi combativas.

En 2008 nace en Teo Medomedá, que cualifican ironicamente a súa música como “rock gilipollas” con influencias do bravú  e agro-rock, e tamén Familia Caamagno, banda de rock creada en Sigüeiro (Oroso), que en 2011 edita os seus dous primeiros traballos, o primeiro deles de título homónimo e despois un sinxelo Cantan polo Nadal! Tiveron algunhas aparicións na TVG e moi boas críticas desde distintos medios.

En 2010 fórmase en Boiro The Lacazáns con moitas influencias do blues clásico, do country e o rock, e tamén Terbutalina (2010), cun estilo garage punk e letras de carácter costumista que ás veces agochan claras mensaxes como no caso do seu álbum Espabila Gallego.

Lacazáns

En 2011 nace O collón de Lola, unha banda de versións de temas do Xabarin Club. Cancións que marcaron toda unha xeración cun rock moi cañeiro e cargado da saudade do tempo pasado. Tamén aparece a banda de ska punk Liska!, formada entre finais de 2010 e 2011 en Vigo, que editan o traballo República 2.0. Tamén en 2011, desde Pontevedra, chega ao cenario musical galego Banda Baile Asalto, que dous anos despois publica o seu primeiro traballo discográfico cunha proposta festeira e leda, na que mestura con naturalidade a tradición con potentes toques de jazz. Entre 2011-2015 permanece activo o grupo compostelán de música electrónica Das Kapital, co seu  cantante O Leo reclamando a loita de clases e o socialismo marxista. Tamén compre aludir a Caxade, proxecto musical de indie-folk nacido en Ames en 2012; a Chicharrón, banda de indie rock formada en 2013 en Carballo, que até a data leva publicados tres álbums de estudio. Desde Pontevedra (ou mellor, Punkivedra) chega Fondo Norte especialmente coñecidos pola súa versíon do mítico UAH !!! de Suso Vaamonde coa súa famosa e polémica estrofa “Cando me falan de España/ sempre teño unha disputa/ que se España é miña nai/ eu son un fillo de puta”. Foi formado en 2014 durante a Feira Franca por un grupo de amigos do instituto Sánchez Cantón. Algo máis recentes son os black metal Lóstregos, que aparecen a finais de 2014 na Coruña; e Oh! Ayatollah, grupo de pop santiagués fundado a finais de 2015, que en 2018 presenta o seu primeiro disco, Volve a canción protesta. Non podemos esquecernos de formacións do calibre de Los jinetes del trópico, coa súa cumbia, reggaeton antimachista e punk tropical, activos desde 2015; a orixinal formación muradán de punk-rock Lisdexia, orixinais e enxeñosos até no nome; a The Rapants, banda de surf, garage e indie formada en Muros 2018,”inconcebible sen o bo rollo, a festa e a birra”, con temas en galego e castelán; Sniff & Crash,  grupo de rock formado en Baiona “con letras inspiradoras sobre chouripáns, patacas (gústalles moito a comida), fanecas, esquíos ou capachos”…

Os pioneiros do trap (música electrónica con influencias do hip hop) en lingua galega foron os santiagueses Boyanka Kostova (2016) con temas con moita retranca, unha gran presencia da música urbana. En 1919  O Chicho do Funk, un dos compoñentes, funda en solitario Ortiga, máis achegado á electrónica e cun espírito verbeneiro e latino (salsa, merengue, cumbia e bachata), con Auto-Tune (ferramenta que se emprega para corrixir desafinacións e que pode darlle á voz efectos electrónicos), moi típico das cancións trap, e con caixa de ritmos electrónica.

Boyanka-Kostova

Santiagueses tamén son Verto (2019), que co seu tema trap “Oie gayego” sorprendéronnos a todos na súa participación no Luar da TVG: “Oie gayego,/ me encanta tu tierra es todo tan verde/Oie gayego, me encantan el pulpo y los percebes/Oie gayego, sois todos muy majos un poco cerrados pero hogareños(…)”. Un tema que con retranca critica os cansiños estereotipos que os galegos temos que aturar con frecuencia, e que nos lembra inevitabelmente o “Galicia es una mierda” de Ataque Escampe

Verto “Oie gayego”

Por este tempo nace tamén a banda Berlai, que opta pola combinación da música pop-rock con efectos electrónicos e unha base folk, coa creatividade de incluír o collage de cancións, debuxos, poemas e textos narrativos na presentación dos seus traballos. Destaca no hip hop actual Loucost, que fai música urbana desde 2018. Procede da Cañiza e un dos seus fins principais é demostrar que o galego é unha lingua válida para calquera estilo musical.

Noutra liña, mais coetáneos destes grupos, temos a Zeltia e Irevire (1918), que se autodefine como “banda con corazón de Folk Tribal aberta á mestura de estilos”. A formación está composta por Zeltia (compositora): voz e guitarra acústica; Migui Carballido: bodhran e voz e Cibrán Seixo: violín. A súa música ten un importante compoñente pop; estilo que tamén cultivan con moita orixinalidade as cinco mozas que integran A banda da Loba, con influencias do folk e tamén do rock e blues. Levan editado dous discos A Fábrica da luz e Hasme oír, este último dedicado a Xela Arias, protagonista das Letras Galegas 2021. Convén facer unha recensión do disco Cantos de Poeta (2016), primeiro traballo discográfico do trío Gelria, no que poñen música a poemas de autores galegos. O grupo está integrado por unha cantante catalá (Helena Tarrás) e dous galegos da diáspora. Recibe o nome do buque no que estivo embarcado Manuel Antonio. Cómpre non esquecermos dado o grande éxito e popularidade que está a ter neste 2021 ao burelense Grande Amore que combina con naturalidade o pop, o rock and roll, o techno e outras tendencias musicais.

 Zeltia Irevire na Casa das Crechas 

 A Banda da Loba “Bailando as rúas”

Conviven música, artes escénicas, talento e humor nos espectáculos de moitas das nosas formacións, pero dun xeito especial nalgúns en concreto como na Orquestra Os Modernos que desde hai unha década nos ofrece pezas bailábeis “á última moda” (a dos anos 1920): fox-trots, chotis, habaneiras, tangos e pezas tradicionais galegas. Todo isto, exposto cunha indumentaria de época que coida até o último detalle, e unhas representacións, por parte do animador/a e o resto dos compoñentes, do máis divertidas. Son músicos xa veteranos e mesmo contan coa súa “cantante e diva”, Íria Pinheiro. Cómpre reseñar ao grupo De Vacas, que fai versións ou adaptacións de cancións pop de éxito e cancións do verán pasadas ao galego cun ton paródico e algareiro. Ofrecen unha posta en escena moi cómica, e as ben afinadas voces de Paula, Inés e Faia, acompañadas polo veterano guitarrista Guillermo Fernández, fan que, ademais de diversión, poidamos gozar dunha música agradábel e ben interpretada. Tamén os Poetarras, nacidos en 2013, fan versións con letras alteradas de cancións coñecidas, e tamén fan sketchs e cancións cómicas creadas por eles; sempre cunha marcada temática social moi provocadora e rebelde, polo que algúns sindicatos policiais chegaron a denunciar a súa presenza no Festival de Cans, e Novas Xeracións do PP acusáronos de apoloxía do terrorismo, sinalándoos como “proetarras”.

 Orquestra Os Modernos “Manisero”

 De vacas

 Poetarras “Feijoo”

No que atinxe á música electrónica, que ten presencia en maior ou menor medida nalgúns dos grupos que tratei ao longo deste traballo (Fanny + Alexander, The Homes, Projecto Mourente, Soniko-dB, Galegoz, Das Kapital, Boyanka Kostova, Verto, Ortiga…), que executan a súa música empregando enxeños electrónicos (sintetizadores, samplers, computadoras, auto-tune, caixas de ritmo, beatboxes, etc.), cumpriría destacar agora afoutas propostas de sincretismo coa música tradicional, como no caso de Baiuca, encadrado na música denominada folktrónica, creado por iniciativa do músico e DJ Alejandro Guillán e caracterizado pola importancia do ritmo conseguido con instrumentos de percusión tradicionais populares e de melodías vocalizadas polas enérxicas voces das cantadeiras de Lilaina. Tanto instrumentos como voces, alterados a miúdo electronicamente. Máis recentemente creouse Fransy, Davide e Cibrán (2018), unha nova proposta a pesar de estar formada por músicos xa ben coñecidos no folk galego. É unha iniciativa que, a través do emprego das novas tecnoloxías, está a difundir unha mistura da música electrónica e o canto tradicional; no que os dous primeiros membros son os encargados da transmisión da raíz musical galega, tanto no que atinxe ás voces como á percusión, e Cibrán ocúpase do violín, ao que achega interesantes efectos electrónicos e técnicas experimentais no seu manexo, e do Bass Pedal. Os alicerces dese tipo de músicas xa veñen de décadas atrás, especialmente da man de Mercedes Peón, que xa leva anos apostando pola fusión da música tradicional e a electroacústica, proposta que xa se formulaba no disco Ajrú (2003) e que se apuntala en Siha (2007), Sós (2011) e Déixaas (2018).

Baiuca “Morriña”

 Mercedes Peón

Fransy Davide Cibrán “Xota de Negreira de Vilamaior”

CODA

Desde logo se algunha conclusión temos que sacar no que atinxe á música actual en galego é que somos unha verdadeira potencia, tanto do punto de vista cualitativo como cuantitativo. Debemos destacar tamén o talento natural destes músicos, algúns deles sen unha grande formación académica, pero sobrados de enxeño, vocación e arelas de rebeldía, así como a teimosa busca da renovación, da fusión e a experimentación. Moitos proceden da música tradicional ou de bandas de música populares, de aí a potencia dalgunhas seccións de metais de grupos formados en pequenas vilas e o peso que outorgan ás nosas raíces e de entre elas, dun xeito especial, á nosa lingua. Se en todos os ámbitos se lle prestara ao idioma este interese, sen dúbida que lle agardarían “mil primaveras máis”. A todo isto teriamos que acrescentar o valor engadido, no entanto esencial, do compromiso dos nosos músicos co emprego da canción como ferramenta reivindicativa para acadar a liberación nacional e social.

Ler tamén Cantar en galego I Da tradición oral á modernidade

Marcos Seixo Pastor

Marcos Seixo Pastor

Profesor de galego

Chámome Marcos Seixo. Aínda que a miña chegada ao mundo tivo lugar en 1959 na rúa de San Marcos en Lugo, na casa da miña avoa, fun concibido e criado en Navia de Suarna, onde pasei unha feliz infancia e a onde regreso cando menos dúas ou tres veces ao ano. Por mor da profesión do meu pai, estivemos vivindo en distintos concellos. Asentámonos finalmente en Cuntis (Pontevedra), onde vivo a día de hoxe na aldea de Castrolandín.

Fixen estudos de Filoloxía en Compostela e os últimos 16 anos fun profesor do IES Valle Inclán de Pontevedra, até a miña “xubilación forzosa por incapacidade” no ano 2016. Neste instituto coñecín aos compañeiros do grupo de teatro Argallada, algúns deles impulsores do blog devellabella, no que ando a colaborar con algún traballo.

A miña vida na actualidade segue a ser bastante activa, pois podo dedicar o tempo ás miñas moitas afeccións, entre elas escribir. Alén diso tamén son afeccionado á música tradicional, ás motos, sobre todo ás clásicas, a coidar as viñas, e tamén a nadar, podendo ser, no río de Navia

Blog

Cantar en galego I

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Cantar en galego I. Da tradición oral á modernidade por Marcos Seixo

Cantar en galego I. Da tradición oral á modernidade por Marcos Seixo

Os primeiros en facer recollidas de cantigas populares de transmisión oral foron os ilustrados (séc. XVIII): frei Martin Sarmiento, o cura de Fruíme, Xosé Cornide Saavedra, o padre Sobreira…, conscientes do valor do patrimonio que se estaba a perder, e non só no plano musical, senón en todo o que se refire á literatura oral-popular. Na seguinte centuria outros eruditos (Marcial Valladares, Perfecto Feixoo…) continuaron este labor, ao tempo que amosaban a súa indignación ao constatar como parte do noso patrimonio inmaterial (cantigas, contos, refráns…) comezaba a ser reproducido en español, moitas veces por mestres, cregos e burócratas chegados de fóra, desvirtuando o tesouro oral transmitido a través do tempo polo pobo; homes e mulleres que cantaban acompañados da pandeireta, as cunchas, o pandeiro…, e os cegos coas súas zanfonas e violíns (por sorte contamos coa  mostra de como sería o labor instrumental e vocal destes cegos materializado nas gravacións discográficas interpretadas polo zanfonista Faustino Santalices e o violinista Florencio, o cego dos Vilares); aínda que tamén moitos dos nosos gaiteiros tradicionais tanxían con mestría o instrumento ao tempo que entoaban os seus cantos mentres tiñan aire no fol; técnica que estivo perdida durante tempo e que se foi rescatando nas últimas décadas.

Entre o último terzo do séc. XIX e as primeiras décadas do XX prodúcese un senlleiro florecemento da nosa música tradicional da man de grandes músicos e investigadores como Perfecto Feixoo, Manuel Castro González  (o gaiteiro de Penalta cantado por Curros),  Faustino Santalices, Manuel Rilo, Xan Míguez (Ventosela), Miguel Liméns, Avelino Cachafeiro… Florecemento no que influíron dun xeito decisivo dous grandes musicólogos e folcloristas como Casto Sampedro e Bal y Gay.  Eran tempos en que nacían moitos coros e orfeóns en ambientes urbanos para transmitir e dignificar a nosa cultura, cunha grande preocupación pola posta en escena (traxe tradicional, abelorios, peiteado, disposición escénica…) na procura do reforzo da identidade nacional:  Aires da terra (Pontevedra) fundado por Perfecto Feixoo en 1883, Orfeón Coruñés, fundado por Pascual Veiga en 1875,  Cantigas e aturuxos (Lugo) en 1917, Toxos e Froles (Ferrol) en 1918, Cántigas da Terra (A Coruña) en 1916,  Cantigas e Agarimos (Santiago de Compostela) en 1921, Coral de Ruada (Ourense) en 1918, no que colaborou Faustino Santalices…  Agrupacións que realizaron un labor inestimábel non só no plano musical e folclórico senón tamén literario, como difusoras dos poemas dos nosos vates e tamén no que atinxe ao teatro e a danza, pois moitas contaban con cadro de declamación e ballet.

Xosé Campos, o cego de Cuntis (1895)

Perfecto Feixoo

Faustino Santalices

O golpe de estado franquista significaría a aniquilación de moitas décadas de traballo a prol da construción dun ambicioso proxecto de recuperación e dignificación da nosa cultura ancestral.

Durante a ditadura franquista a nosa musica tradicional foi tutelada e utilizada polo réxime, presentándoa como manifestación da riqueza rexional dunha España monolítica, agochando todo tipo de vencello cos elementos que conforman a nosa singularidade nacional e boa parte da dignidade que acadara tempo atrás. Isto unido á castelanización de moitas das letras dos cantos e a adulteración de musicas e bailes tradicionais conduciu a un humillante declive social.

A “Sección Femenina” de Falange e “Educación y Descanso” monopolizaron as nosas agrupacións de gaitas e danza, menoscabando cun disfrace de paternalismo a importancia da nosa música tradicional. Foron moitos os casos de grupos que eran contratados pola “Sección Femenina” para actuar en distintos lugares onde realizaban os seus actos (sobre todo charlas encamiñadas ao adoutrinamento nos principios morais do franquismo). Aínda que en ocasións a sección chegou a proporcionarlles traxes e outros trebellos (normalmente de pésima calidade e sen ningún tipo de criterio arqueolóxico), actualmente as persoas que viviron esta experiencia prefiren non lembrala, pois ademais de non cobrar unha boa parte das actuacións e correr eles cos gastos, viron a súa figura socialmente degradada e o noso instrumento nacional, a gaita, rebaixado, obrigado a levar as cores da bandeira española, desposuído de todo tipo de vencello cos elementos que conforman a nosa singularidade nacional e de boa parte da dignidade que acadara en décadas. Dignidade agora lixada pola imaxe dun folclorismo reaccionario, exótico, turístico (que non representaba moito máis do que o marisco, o lacón con grelos ou a queimada), e o noso idioma proscrito no ámbito das representacións, facendo delas verdadeiras fantochadas.

Os Chacentes (1950)

Os da Torre (1960)

Gaiteiros galegos en Ponferrada (1960)

Mais non todo foi unha desfeita para as nosas músicas, pois neste período, especialmente a partir dos anos 50 ou 60, prodúcense algúns avances grazas ao labor comprometido de grandes gaiteiros como Enrique Otero, Ricardo Portela, Patelas, Moxenas, Nando Casal, Ferreirós…, e artesáns luthiers como Xosé Manuel Seivane, Amadeo Goyanes, Xaquín Míguez (Xocas),  Antón Corral…, que acadan melloras técnicas na construción de instrumentos, especialmente das gaitas, que permiten que o cuarteto tradicional poida tocar a dúas voces. Topámonos con numerosas agrupacións que seguían animando as festas e rituais litúrxicos e profanos como é o caso de formacións como Os Campaneiros (Vilagarcía), Os Areeiras (Catoira), Os Montes (Lugo), Os Enxebres (Cacheiras), Os da Torre (Cuntis), Os Chacentes (Campo Lameiro), Os Morenos (Lavadores-Vigo), Os Alegres (Pontevedra), Os Airiños do Eume, Os Raparigos (Ferrol), Os Rosales (Rianxo), Os Encantiños do Umia (Caldas), Lembranzas Galegas (Vigo)… Facían as alboradas, concertos, pasarrúas, procesións…, e en ocasións mesmo tocaban na verbena, no descanso da orquestra. Algúns deles, conscientes do seu papel subsidiario e non sempre valorado na verbena, chegaron a arranxar e incorporar algunhas pezas típicas das orquestras ou da música que se escoitaba pola radio (mesmo ritmos caribeños, rancheiras e corridos), para que a xente bailara e se divertira con pezas acordes cos gustos musicais da época. Mesmo se incorporan instrumentos alleos á nosa tradición como saxofón, clarinete, pratos…, creando as populares murgas e charangas.

Non sería até a caída do franquismo que a música tradicional, especialmente os grupos de gaitas e baile e tamén as cantadeiras, comezan a recuperar a dignidade e respecto que a súa actividade merece. Máis o proceso foi longo e ata a década dos 80 ou 90 a música e o canto tradicional non acadou unha grande notoriedade, a non ser os grupos folk que fusionaban a tradición co pop-rock e/ou incorporaban ritmos e instrumentos importados das illas británicas.

Así polos 90 conviven grupos máis tradicionais, co prestixio de Os Carunchos, Malvela, Leilía (nos primeiros tempos), Chouteira, Quempallou, Muxicas, Treixadura…, e outros que optan por un maior grao de mestizaxe como Milladoiro, Luar na Lubre, Brath, Dhais, Na Lúa, Alecrín, Matto Congrio, Berrogüetto, Carlos Núñez, Os Cempés, Xosé Manuel Budiño, Fía na Roca, Susana Seivane, Quinta Feira, Liorna

Fuxan os ventos

Treixadura 

No tardofranquismo a música popular tivo no noso país dúas tendencias. Por un lado a canción de autor, a canción protesta. E por outro as músicas proxectadas a recuperar e acomodar a tradición aos novos tempos.

A maior parte dos cantautores son persoas de esquerdas, non sempre vencelladas a unha organización política concreta pero comprometidos con Galiza e coas clases traballadoras. Isto conduciunos a sentir como un obxectivo urxente a recuperación do galego. Un idioma proscrito no ensino, na administración, na liturxia, nos medios de comunicación…, nun contexto de fera represión lingüística e cultural. Ademais a ditadura seguía a ser igual de opresiva e violenta que décadas atrás: torturas, asasinatos, detencións… Con todo, no plano político, as loitas populares antifranquistas, tanto desde o movemento obreiro como estudantil, van acadando algúns froitos.

Miro Casabella

Suso Vaamonde

O éxito do concerto do cantautor valenciano Raimon en 1967 na Residencia de Estudantes de Compostela, fixo comprender a necesidade imperiosa de crear unha nova canción en galego. Unha canción feita no noso idioma, con temas de denuncia e reivindicación. Un ano despois nace o colectivo denominado Voces Ceibes, coincidindo co clima de rebeldía internacional que comezou co Maio do 68 francés, e que tivo unha especial proxección no noso país, dadas as arelas de rebeldía que estaban xurdindo, os anceios dunha mudanza radical perante o devalar do réxime e dun tirano que non podía durar moito tempo máis. Ademais entre os factores que pulan neste gromo musical e social cómpre lembrar a difusión que neste intre está a ter en toda Europa a música popular chegada do outro lado do mar, especialmente enchoupada de denuncia social, o que adoitamos denominar como canción protesta especialmente con figuras como Bob Dylan e Joan Baez, entre outros.

Xavier González del Valle, Benedicto, Xerardo Moscoso, Guillermo Rojo, Miro Casabella e Vicente Araguas serán os fundadores deste combativo movemento musical, ao que axiña se suman Suso Vaamonde e Bibiano. Eran intérpretes de letras propias ou de poemas de escritores galegos como Curros Enríquez, Rosalía de Castro, Manuel María, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio, Ramón Cabanillas, Luís Pimentel, etc. Segundo Araguas tratábase de sentar as bases para a canción monolingüe, social, belixerante… Pois fan unha teimosa aposta polo galego como única lingua nas súas cancións. A finais de 1974 disólvense, aínda que algúns dos membros continuarían activos.

Xorde por estes anos a Nova Canción Galega, cun carácter aperturista e integrador. Ninguén podía nin imaxinar a mudanza que se estaba a producir no panorama musical galego en todo o país entre finais do franquismo e comezos da transición, ao que se foron incorporando un feixe de grupos e solistas como Fuxan os Ventos, Saraivas, Xocaloma, A Roda, A Quenlla, Xoán Rubia, Amancio Prada, Pilocha, Batallán, Emilio Cao…, algúns dos cales tiveron unha importante proxección internacional, especialmente nos países vencellados á emigración. Os tempos estaban a mudar. Desaparecidas as vellas ruadas, fiadeiros e muiñadas, abríanse novos espazos para as nosas músicas, e había que aproveitar os novos medios e xeitos de difusión como concertos masivos e festivais que tiñan lugar en todo o país, e entre os que compre salientar o de Pardiñas (Guitiriz) ou o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, onde participan grupos galegos a carón doutros chegados desde Escocia, Irlanda ou Bretaña. A popularización dos xiradiscos e a chegada dos casetes axudou á difusión da música galega… Atopámonos pois cunha estrutura comercial gorentosa para as discográficas que aproveitaron o filón coa gravación de numerosos álbums. Unha inédita realidade que foi agochada polos medios de comunicación, especialmente a televisión e a radio.

A consideración da canción popular como medio que mellor expresa e serve ás aspiracións democráticas do pobo evidénciase en todo o Estado e será a base principal da celebración do I Festival de la Canción de los Pueblos Ibéricos, que tivo lugar no campus da Universidade Autónoma de Madrid o 10 de maio de 1976 como acto de reafirmación da personalidade dos pobos e como mostra da vontade de coordinación solidaria para a consecución das liberdades democráticas. As máis de 60.000 persoas que acudiron ao acto amosan o papel que a canción chegou a desempeñar na toma de conciencia fronte á tiranía. No evento participaron cantores como Manuel Gerena (andaluz), Labordeta (por Aragón), Luís Pastor, Julia León e La Fanega (Castela), Unsain e Mikel Laboa (vascos), Taburiente (canarios), Pablo Guerrero (estremeño), Pi de la Serra (catalán), Fausto e Vitorino (portugueses), Raimon e Adolfo Cedrián (valencianos), Victor Manuel (asturiano)…, e como representación do noso país Miro Casabella, Bibiano e Benedicto.

Nalgúns destes cantautores e grupos xa topamos fusión da musica de raíz con algún tipo de pop ou música melódica, nunha liña de evolución e reformulación da música tradicional, e facéndoo na nosa propia lingua. Pero ao mesmo tempo que Voces Ceibes e a Nova Canción, e xa máis propiamente proxectado desde un pop máis explícito, cómpre mencionar a Los Tamara e ao seu cantante Pucho Boedo, ao que alguén bautizou como o Frank Sinatra galego, que gravou a súa música en galego xa polos anos 50; lingua proscrita polos mesmos que asasinaron en 1936 ao seu pai Xosé Boedo, membro da CNT, e ao seu irmán Xosé Antonio un ano despois. Levaron aos campos da festa e aos salóns de baile toda a potencialidade lírica do galego, con moitos temas  compostos por Pucho sobre poemas de Curros, Celso Emilio, Rosalía: “O vello e o sapo”, “A meiga”, “Negra sombra”… Tamén actuaron con éxito en célebres escenarios de Madrid, París e en distintas cidades de Suíza, Holanda, Alemaña, Reino Unido, Bélxica…, percorrendo ademais países como Marrocos, Túnez, Líbano, Alxeria…

Pucho Boedo

Andrés do Barro

Coincidindo cos tempos de Voces Ceibes topámonos cun fenómeno que situou o galego nun espazo esencial no panorama do pop a un nivel que desbordou as expectativas máis optimistas. Estou a falar do sorprendente éxito de Andrés do Barro, quen a pesar de cantar exclusivamente en galego, conseguía a nivel estatal un resultado sen precedentes tanto do punto de vista discográfico como a nivel televisivo e radiofónico.

En 1970 publicou o sinxelo Corpiño xeitoso, primeira canción en galego en estar no número 1 de “Los 40 Principales”. Mais adiante editou o seu primeiro LP, Me llamo Andrés Lapique do Barro, que inclúe dúas cancións con letra de Xavier Alcalá, “Teño saudade” e “A uns ollos verdes”. Alcalá compuxo tamén a letra doutras pezas como “Rapaciña” e “Fogar de Breogán” e definiu ao seu amigo Andrés como “neotrobador do século XX”.

Andrés do Barro conseguiu algo inaudito ata entón en galego: colocar no número 1 varias das súas composicións: “O tren”, “Corpiño xeitoso”, “San Antón”, “Pandeirada”…

O franquismo proscribira durante moitos anos actuacións e gravación de discos en catalán, galego ou vasco, mais fronte ao ton reivindicativo de Voces Ceibes, aos que estivera ligado nos seus comezos, o cantante ferrolán opta agora pola temática costumista (algo polo que recibiu algunhas críticas), mais sen renunciar á súa lingua, pois como el mesmo sinala no seu segundo disco: “quero colaborar con todo interese e cariño a dignificar o meu idioma materno, caído durante moitos anos no máis cruel menosprezo”.

Perante esta eclosión e a popularidade que estaba a acadar a música galega comézase a producir a imprevista aterraxe neste terreo de cantantes como María Ostiz. Era sobre todo cantautora, pero a maior difusión e o maior éxito comercial acadouno cunha versión da popular canción “Na beira do mar” que arranxou en 1969 e foi das pezas máis destacadas durante 1970 en “Los 40 Principales”.

Sorte parella correu o tema “Un canto a Galicia”, composto e gravado en 1971 polo cantante de raíces galegas Julio Iglesias, incluída no seu álbum do mesmo título de 1972. Trátase dun canto á terra natal do seu pai, natural da Peroxa (Ourense), que acadou unha grande notoriedade a nivel internacional, e volveu a ser editado en posteriores discos con outros éxitos do cantante.

O coñecido cantante Juan Pardo tamén compuxo algunhas pezas en galego nos anos 60, que non tiveron a grande difusión que acadou o tema en castelán, aínda que de ambiente galego, titulado “Anduriña” (1968) que compuxo o dúo Juan y Junior, do que formaba parte; ou a canción “Cuando te enamores”, con partes en galego e en castelán. O vencello co galego estivo presente durante tempo, pois  foi produtor discográfico de Andrés do Barro, comezando en 1969, e axudando a este cantante a erguerse ao cume do pop a nivel nacional e internacional. Como anécdota poderíamos relatar que na gravación da coñecida canción titulada “O tren”, de Andrés do Barro, fixeron os coros o propio Juan Pardo, a súa muller Emy e Camilo Sesto, que andaba nos comezos da súa carreira.

Juan Pardo

Ademais o excantante de Los Brincos fixo unha gravación enteira en galego no disco titulado Galicia; traballo que causou grande sorpresa ao ser editado en 1976 cun ton moi belixerante e directo para uns tempos en que a liberdade só era unha fermosa utopía, musicando poemas de Antonio Olano (“Dinguillidan!!!… Nana pra un neno probe”), Eduardo Pondal (“A fala e falade galego”), Ramón Cabanillas (“Irmán Daniel. Na morte de Castelao”, “En pé”, “A Rosalía de Castro”) ou compoñendo el as letras (“Probiña da tola” e “Miña nai dos dous mares”). Mesmo chega a facer unha versión orixinal do Himno Galego.

Xil Ríos

Ana Kiro

Espazo á parte dentro da música melódica merecen Xil Ríos e Ana Kiro. O primeiro, un moañés de familia mariñeira, comezou a súa traxectoria en 1971 no Festival “Dorna” de Vigo co tema “Un anaco de pan”. No seu primeiro disco (1972) destaca o tema “Nosa Galicia“, no que trata o problema da emigración. Cómpre subliñar o carácter social de algúns dos seus temas, o que levou a que “Aos meus amigos” fose proscrito na televisión polo franquismo, dada a denuncia social que fai sobre a situación dos mariñeiros. A partir de aí ten unha abondosa produción discográfica ao longo de moitos anos. O seu tema máis emblemático é “Xirarei”, incluído no álbum do mesmo nome (1980).

Pola súa banda, os inicios de Ana Kiro como cantante prodúcense no mundo da emigración (en Barcelona) polos anos sesenta. O que nun comezo era unha simple afección rematará en pouco tempo no que será a súa actividade profesional ao longo de toda a súa vida. Axiña comezarán as gravacións discográficas, as xiras e mesmo a participación nun programa de TVE. O seu disco Galicia terra meiga (1973), do que vende máis de 100.000 copias, ábrelle o camiño da emigración, e así comeza unha vida de viaxes por distintos países de Europa e latinoamérica, onde a enxebreza dos seus temas esperta tanta paixón nos saudosos galegos alí establecidos. Nos seus últimos anos traballa como presentadora na TVG.

Nos comezos dos anos 70 foi bastante habitual a aparición de grupos amateur formados por mozos moi novos (ás veces adolescentes) cargados de ilusión pero sen grande formación musical que artellaban os seus repertorios segundo os gustos propios da xente da súa idade. Seguindo os pasos da música pop en boga en todo o Estado, pero introducindo ao mesmo tempo o engadido de cantar en galego algúns dos seus temas. 

Corazón Joven

Foi un fenómeno que se deu nalgunhas cidades e vilas galegas e poucos deles saíron adiante. Foron desaparecendo, algúns pola necesidade dos seus membros de centrarse nos estudos, outros optaron por dedicarse á música de verbena, mesmo de xeito profesional. Moitos dos seus nomes xa se perderon no esquecemento. Poderiamos mencionar neste senso ao dúo Keltia, formado por Álvaro Someso e o agora presentador da TVG Xosé Manuel Gayoso que editaron en 1978 o LP Choca esos cinco con algunhas cancións en galego. Mais eu aínda lembro algún máis por proximidade xeográfica como foi o caso de Toxo Verde (da Estrada) e especialmente Corazón Joven de Cuntis. Deste último recordo que tiñan dúas cancións de composición propia en galego: “Olla pra min” e “Mariñeiro”. Anos máis tarde o grupo Samba, no que tocaban tres dos antigos membros, gravou un single que reproducía dous temas, “Olla pra min” e “Te vas”, moi no estilo do pop da época, e que era frecuente topalo nas máquinas de discos dos bares. Eu mesmo conservo este vinilo que considero unha boa mostra das tendencias musicais máis difundidas no noso país neses anos. Con este dato non pretendo facer moito máis que uns breves apuntamentos sobre o contexto musical dos anos 70, que coido que poden resultar de interese como modelo extrapolábel ao que aconteceu noutras vilas do país, e que nos revelan un clima favorábel á divulgación do noso idioma no ámbito das músicas máis de moda no momento.

Gaiteiros de Soutelo “Foliada de Tenorio

Faustino Santalices “Alalá das Mariñas

Florencio o cego dos vilares “A filla de Bartolo” 

Benedicto “Pola Unión”

Suso Vaamonde “Compañeiro Daniel

Amancio Prada

Fuxan os ventos  “Muller

Chouteira  “A Trabada” 

X. M. Budiño en Canadá

Quinta feira “O señor das Carapazas

Pucho Boedo Airiños airiños aires

Andrés do Barro “O tren” 

Ana Kiro “Galicia terra meiga” 

Xil Ríos  “Xirarei”  

“Olla pra min” de Corazón Joven polo grupo Samba 

Bibliografía

AAVV, “I Festival de Canción de los Pueblos Ibéricos” 1976. Pretérito imperfecto, Difusora Internacional, S.A., Barcelona, 1977.

AAVV, No país das gaitas, Cadernos A Nosa Terra, Promocións Culturais Galegas S.A., Vigo 1995.

AAVV, Cancións para todos nós. Crónica de 20 anos de música galega, Cadernos A Nosa Terra, Promocións Culturais Galegas S.A., Vigo 1996.

CAMPOS CALVO-SOTELO, Javier, Fiesta, identidad y contracultura. Contribuciones al estudio de la gaita en Galicia, ed. Diputación de Pontevedra, Santiago de Compostela 2007.

LÓPEZ COVAS, Lorena, Historia da música en Galicia, Ouvirmos S.L., Sarria 2013.

SCHUBARTH, Dorothé/SANTAMARINA, Antón, Cancioneiro galego de tradición oral, Fundación P. Barrié de la Maza, A Coruña, 1982.

SEIXO PASTOR, Marcos, “Os nosos músicos. Gaiteiros de Cuntis: De Miguel da gaita e Pepe de Pedro aos Airiños de Cuntis”, A Taboada V, Cuntis-Moraña, xullo de 2002, pp. 115-148.

SEIXO PASTOR, Marcos, “Os nosos músicos: Patelas, o gaiteiro de Cuntis” , A Taboada III, Cuntis-Moraña, xuño de 2001, pp. 63-76.

 Recursos informáticos

 http://www.ghastaspista.com/historia/voces.php consultada o 23/02/2021.

http://www.blogoteca.com/cuntis/index.php?cod=134332 consultada o 23/02/2021.

https://www.publico.es/culturas/pucho-boedo-tamara.html consultada o 27/02/2021.

https://www.libertaddigital.com/chic/corazon/2015-08-29/la-vida-atormentada-de-andres-do-barro-1276555890/  consultada o 01/02/2021.

Marcos Seixo Pastor

Marcos Seixo Pastor

Profesor de galego

Chámome Marcos Seixo. Aínda que a miña chegada ao mundo tivo lugar en 1959 na rúa de San Marcos en Lugo, na casa da miña avoa, fun concibido e criado en Navia de Suarna, onde pasei unha feliz infancia e a onde regreso cando menos dúas ou tres veces ao ano. Por mor da profesión do meu pai, estivemos vivindo en distintos concellos. Asentámonos finalmente en Cuntis (Pontevedra), onde vivo a día de hoxe na aldea de Castrolandín.

Fixen estudos de Filoloxía en Compostela e os últimos 16 anos fun profesor do IES Valle Inclán de Pontevedra, até a miña “xubilación forzosa por incapacidade” no ano 2016. Neste instituto coñecín aos compañeiros do grupo de teatro Argallada, algúns deles impulsores do blog devellabella, no que ando a colaborar con algún traballo.

A miña vida na actualidade segue a ser bastante activa, pois podo dedicar o tempo ás miñas moitas afeccións, entre elas escribir. Alén diso tamén son afeccionado á música tradicional, ás motos, sobre todo ás clásicas, a coidar as viñas, e tamén a nadar, podendo ser, no río de Navia

Blog

Cantar en galego II

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Milladoiro por Marcos Seixo Pastor – devellabella

Milladoiro por Marcos Seixo Pastor – devellabella

Polos anos 60 do pasado século chegaba a Europa, proveniente dos Estados Unidos, un novo estilo musical denominado música folk, música popular moderna que toma como base o folclore tradicional que fora levado ao novo continente polos inmigrantes europeos. Porén non será ata os 70 cando en Galiza comecen a multiplicarse formacións que se incorporen a este novo estilo musical.

Eran os tempos da canción protesta. Tratábase do emprego da música como ferramenta natural para achegarse ao pobo, denunciar a situación opresiva á que estaba sometido e transmitirlle a mensaxe da necesidade da emancipación nacional e social do país fronte ao fascismo, fronte ao centralismo e o caciquismo que tiña sometidas ás clases traballadoras (especialmente, no noso caso, aos labregos).

Comezarán esta práctica no seo da Universidade compostelá un grupo de mozos cantautores organizados na denominada Nova Canción Galega, que se presentaban como un colectivo, malia a presencia de singularidades moi marcadas como a de Miro Casabella, Xoán Rubia, Emilio Cao, Bibiano, Xerardo Moscoso, Suso Vaamonde, Pilocha, Vicente Araguas… Nos seus concertos moitas veces aparecían designados nos cartaces como Voces Ceibes. A eles sumáronse axiña grupos como Fuxan os Ventos, Saraivas, Xocaloma…

A oralidade era esencial neste combativo movemento musical que, ademais de transmitir mensaxes sociais de carácter xenérico (democracia, liberdade, amnistía, pacifismo, ecoloxismo, esquerdismo e nacionalismo) participaron activamente en conflitos concretos, como o de Celulosas, As Encrobas (onde Unión Fenosa pretendía explotar un xacemento de lignito a ceo aberto), a nuclear de Xove, o encoro de Castrelo do Miño… Non sempre as letras tiñan un contido social, con todo o simple feito de cantar en galego xa supuña un acto de rebeldía e afirmación nacional.

Co avance da chamada Transición comezan a xurdir grupos case exclusivamente instrumentais que mudaron radicalmente os conceptos pautados ata o momento na música popular. Transmitían un marcado carácter ecléctico, nun ámbito de renovación das formas de vida y da expresión artística. Aquí é onde se sitúa a recuperación de instrumentos como a zanfona ou o violín para a música popular (caso de Milladoiro, Brath, Luar na Lubre…). Estes grupos crearon un tipo de música inédita a respecto do panorama musical daquel entón en Galiza, con referentes internacionais da relevancia de Alan Stivell, Gwendal, Mike Oldfield, Chieftains…, mais mantendo un repertorio e directrices ligados á música tradicional galega.

Procurábase a creación e difusión dunha música de raíz, innovadora en moitos aspectos, rupturista, atractiva para as xeracións máis novas, que buscaba o cosmopolitismo, o internacionalismo e o celtismo como base para dignificar a nosa música e contribuír así a espallar o orgullo de ser galego. Así vemos como na formación do máis coñecido grupo folk galego, como é Milladoiro, hai un alto compoñente de artificialidade e planificación.

Trátase de tres músicos tradicionais en busca da mestizaxe con músicos doutras tendencias: medievalismo (con instrumentos como a zanfona, a cítola, a ocarina…) e posteriormente celtismo, logrado coa introdución do bodhran, buzuki, gaita irlandesa, arpa e violín,  que case non empregaran os grupos galegos ata ese intre. Os propios membros de Milladoiro nolo expoñen na súa Web:

“Tres levaban percorrendo Galicia nas romarías, nas festas, nos teatros…, sempre en contacto cos vellos gaiteiros herdeiros directos da tradición: Os Campaneiros, os irmáns Garceiras, os Areeiras, os Rosales e un longo etcétera, foron colegas, mestres e compañeiros. Son Xosé V. Ferreirós, Nando Casal e Ramón García Rei que formaban “Faíscas do Xiabre”, grupo de música tradicional nacido á beira do Ulla, en Catoira, que deixou un fermoso disco titulado In Memoriam.

Doutra banda estaban dous músicos que anos antes colleran a teima das sonoridades e instrumentos medievais. Naquela época a zanfona, a cítola, a ocarina, o freixolé converteron os seus pasos nunha especie de peregrinaxe por Galicia adiante buscando quen as tiña, quen as facía, onde se podían atopar. Eran tempos non abondosos e a inquedanza era testemuño dunha realidade precaria, pero aínda así apostaron por emprender o camiño. Son Rodrigo Romaní e Antón Seoane. Froito do seu traballo naceu o disco “Milladoiro”, Premio da Crítica no ano 78.

Coñeceron a quen nese tempo botaba a andar o cerne do futuro Grupo de Cámara da Universidade de Compostela. Fondos musicais de catedrais e arquivos de música antiga eran o seu afán, e así pasaron de cinco a seis coa chegada de Xosé A. Méndez. Tan só faltaba atopar violinista, tarefa case que imposible na Galicia de entón, mais a emigración foi xenerosa e devolveu ao país a quen marchara no seu día: Laura Quintillán, violinista de Milladoiro nos anos 79 e 80. Posteriormente substituída por Michel Canada.”

Faiscas do Xiabre

1º formación de Milladoiro

A partir de aquí, tal foi o impacto que causou Milladoiro que comezan a aparecer numerosos grupos que se moven nestes parámetros musicais, que en principio actuaban de forma mimética, pero que axiña foron adquirindo a súa propia singularidade. Tal é o caso de bandas como Luar na Lubre ou outras como Brath, Na Lúa, Alecrín, Dhais…, que mesmo chegan a afondar máis na fusión, nutríndose de influencias técnicas, rítmicas e harmónicas do rock, o pop e o jazz, e incluíndo no seu equipo instrumentos como a batería, o baixo e guitarra eléctrica, a percusión afro-latina… Esta evolución e singularidade daría lugar posteriormente a verdadeiros fenómenos musicais como Berrogüetto, Fía na Roca e outros grupos emblemáticos. Porén, iso xa é outra historia que deixaremos para outra ocasión.

Desde o seu nacemento no 1979, Milladoiro deriva cara a unha música a cada paso máis ambiciosa, complexa, clásica, experimental…, creando composicións para importantes eventos, bandas sonoras de películas…, e chegando a ser considerado como un dos principais precursores da  música folk da actualidade.

O marcha de Rodrigo Romaní en 2000 e de Antón Seoane e Xosé A. Méndez en 2013 deixou o grupo un pouco orfo en relación ao proxecto inicial, especialmente no que atinxe ao labor creativo. Aínda que deu paso á integración de novos compoñentes de indubidable talento como o violinista Harry.c, o guitarrista Manu Conde e o acordeonista Manu Ribeiro que, xunto aos antigos Faiscas do Xiabre, completan a formación actual.

Rematamos este relato cunha doce nova, especialmente nestes tempos de limitacións na transmisión cultural e noutros ámbitos das nosas vidas. Milladoiro actuará o domingo 29 de novembro ás 18 horas no auditorio da Azucreira de Portas, con motivo do 40º aniversario da publicación do seu disco A Galicia de Maeloc. As entradas serán gratuítas e, polas restricións derivadas da Covid-19, deberán retirarse ata completar o aforo reducido nas oficinas do Concello de Portas ou reservando no teléfono 986 53 69 25. Os asistentes deberán portar máscaras de protección individual en todo momento e usar o xel hidroalcólico que estará á súa disposición na entrada do auditorio.

Para unha mellor organización e control de aforo, o Concello de Portas recomenda que as reservas se fagan de xeito ordenado e anticipadamente para poder facilitar unha mellor coordinación dos equipos organizativos e garantir en todo momento a seguridade sanitaria.

Neste concerto, promovido por Turismo de Galicia e que conta coa colaboración do Concello de Portas, Milladoiro repasará as pezas máis emblemáticas do seu repertorio e ademais presentará as cancións do seu novo traballo discográfico: Atlántico. Será hora e media do mellor folk galego e internacional.

Do seu Albúm A Galicia de Maeloc, eleximos o temaTecendo Liño

Do seu Albúm Atlántico podedes escoitar “Gaivota”

Marcos Seixo Pastor

Marcos Seixo Pastor

Profesor de galego

Chámome Marcos Seixo. Aínda que a miña chegada ao mundo tivo lugar en 1959 na rúa de San Marcos en Lugo, na casa da miña avoa, fun concibido e criado en Navia de Suarna, onde pasei unha feliz infancia e a onde regreso cando menos dúas ou tres veces ao ano. Por mor da profesión do meu pai, estivemos vivindo en distintos concellos. Asentámonos finalmente en Cuntis (Pontevedra), onde vivo a día de hoxe na aldea de Castrolandín.

Fixen estudos de Filoloxía en Compostela e os últimos 16 anos fun profesor do IES Valle Inclán de Pontevedra, até a miña “xubilación forzosa por incapacidade” no ano 2016. Neste instituto coñecín aos compañeiros do grupo de teatro Argallada, algúns deles impulsores do blog devellabella, no que ando a colaborar con algún traballo.

A miña vida na actualidade segue a ser bastante activa, pois podo dedicar o tempo ás miñas moitas afeccións, entre elas escribir. Alén diso tamén son afeccionado á música tradicional, ás motos, sobre todo ás clásicas, a coidar as viñas, e tamén a nadar, podendo ser, no río de Navia

Blog

Cantar en galego 1

más artículos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Migrantes. O exilio intelectual: O caso de Uxío Souto por Marcos Seixo

Migrantes. O exilio intelectual: O caso de Uxío Souto por Marcos Seixo

18 de decembro 

DÍA INTERNACIONAL DO MIGRANTE

Si é túa a miña noite,
si choran os meus ollos o teu pranto,
si os nosos berros son igoales,
coma un irmáu che falo.
Anque as nosas palabras sean distintas,
e tí negro i eu branco,
si temos semellantes as feridas,
coma un irmáu che falo.

(Celso Emilio Ferreiro. “Irmáus”, Longa noite de pedra)

O feito de que colectivos humanos deixen os seus países de orixe, as súas familias e amigos, a súa cultura…, para asentarse noutras sociedades na procura de mellores condicións de vida non é algo novo nin insólito, nin é tampouco ningún acto criminal, como xulgan a día de hoxe algúns sectores da nosa sociedade. Non hai máis que observar a historia dos últimos séculos para decatarse de que os procesos migratorios producíronse, aínda que con diferentes características, en todos os tempos e culturas.

Na actualidade ao falarmos de movementos migratorios vennos á mente dun xeito case automático o problema da migración africana. A repercusión mediática deste fenómeno unida á cruzada emprendida polos sectores sociais e políticos máis reaccionarios deu lugar á difusión da idea falsa e estigmatizada dos inmigrantes como estranxeiros que veñen quitarnos os nosos empregos, a beneficiarse dos nosos servizos sociais; que se negan a adaptarse á nosa cultura e costumes e que ademais son moi proclives á delincuencia. No fondo o que latexa é un concepto demagóxico, patrioteiro e etnófobo que nalgunhas partes do Estado mesmo ten dado lugar a violencia contra os inmigrantes nunha verdadeira campaña de limpeza étnica.  En calquera caso, unicamente concibimos este tema en termos estatísticos e poucas veces pensamos nas persoas migrantes como seres humanos cunha crúa experiencia persoal que non sempre ten unha natureza económica, xa que en moitas ocasións o emigrante chega fuxindo de cruentas guerras ou da violencia de grupos paramilitares; circunstancias que o levan mesmo a arriscar a vida por intentar buscar unha saída.

Quizais esquecemos que os galegos somos un dos pobos cunha diáspora máis espallada polo mundo, especialmente por distintos países de Europa e Latinoamérica. Nada do até aquí exposto nos é alleo, pois foron centos de millares de galegos os que a partir da segunda metade do séc. XIX e cun importante incremento no XX, decidiron deixalo todo e tomar o agre camiño da emigración a América latina, que imaxinaban como un lugar idílico no que traballando duro podían desfacerse da miseria e o atraso no que vivían; unha imaxe que se vía ratificada pola chegada de indianos que retornaban enriquecidos, e sen ter en conta o fracaso dunha maioría, que despois de pasar un milleiro de adversidades regresaron fracasados ou morreron lonxe dos seus, en ocasións xa nos propios barcos, debido á precariedade nas condicións de salubridade e alimentación.

Coa derrota do bando leal á república, durante a Guerra Civil e a posguerra topámonos cun novo tipo de migrantes que o que buscan non é a saída dunha situación económica adversa, senón que foxen da sanguenta represión levada a cabo polo bando franquista. Algúns permaneceron no país de adopción até que as circunstancias permitiron o regreso, outros optaron pola integración e non regresaron, ao menos dun xeito definitivo.

Entre os países que deron acubillo aos exiliados galegos cómpre destacar Cuba, Arxentina, Brasil, República Dominicana, Uruguai…, pero principalmente  México, que acolleu con xenerosidade e solidariedade unha grande parte dos refuxiados galegos, moitos deles intelectuais, escritores, xornalistas, xuristas, políticos, científicos, músicos, artistas plásticos, profesores…, aos que se adoita cualificar como o exilio intelectual. Deste xeito, o exilio que se produce coa Guerra Civil constituíu tamén un grande desastre canto á fuga de cerebros que poderían contribuír ao desenrolo do noso país en múltiples aspectos, e que se viron obrigados a abandonar a súa terra e a súa xente para salvagardar a súa liberdade e mesmo a integridade física.

A tarefa dos nosos exiliados foi dun inmenso valor para os países de adopción, así por exemplo en México as súas angueiras dan como resultado a creación da Casa de España, do Fondo de Cultura Económica, así como un importante reforzo do profesorado universitario, fundación  de diversas publicacións científicas, revistas literarias e xornais… O mesmo sucedeu noutros países de latinoamérica. Para todos eles o labor dos nosos exiliados supuxo unha importante axuda no seu desenvolvemento e prosperidade. Desenvolvemento que a nosa diáspora estendeu tamén ao país de orixe, como viña sucedendo xa desde o séc. XIX. Seguindo ao malogrado amigo e historiador Alfonso Magariños:

“(…) materializándose non só nas achegas económicas que permitiron melloras na vivenda e alimentación, compra de gando, acceso á propiedade das terras…, pois tamén as sociedades de galegos en América serviron de estímulo  para a reorganización da vida societaria: potenciaron o movemento agrario, o galeguismo, a loita contra o caciquismo… Ademais cómpre ter en conta as achegas no eido cultural e educativo levadas a cabo desde as Sociedades de Instrución(…)”

Entre os nosos intelectuais exiliados máis coñecidos poderíamos salientar, entre outros moitos, a  Castelao, Alonso Ríos, Arturo Souto, Luís Seoane, Luís Soto, Ramón Martínez López, Lois Tobío, Bal y Gay, Florencio Manuel Delgado Gurriarán, Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Ramón Iglesia Parga, Ramón de Valenzuela, Mariví Villaverde, Eduardo Blanco Amor, Maruxa Mallo, Manuel Colmeiro, Xosé Núñez Búa, Pura Vázquez Iglesi as, Lorenzo Varela, Uxío Souto… Deste último quixera facer unha breve reseña biográfica por considerar que é un artista dun inmenso talento, aínda que insuficientemente estudado.

Pintor e escultor natural de Cuntis (Pontevedra), bo amigo de intelectuais e activistas locais como Manuel Mesejo Campos, Roberto Blanco Torres, Xoán Xesús González (estes últimos, asasinados polo franquismo), cos que compartía o ideario galeguista e esquerdista. Co levantamento de 1936, Uxío, que nese momento estaba a converterse nun soado artista plástico e exercía como profesor de debuxo no instituto da Estrada, foxe cara a zona leal establecéndose como profesor en Igualada (Barcelona). Rematada a guerra coa caída de Cataluña e coa enxurrada de republicanos que  comezara a fuxir xa durante a batalla do Ebro, vese obrigado a cruzar os Pirineos e permanecer durante un angustioso período de tempo nun campo de concentración en Saint Cyprien de Perpignan (Francia); experiencia que deixou unha fonda pegada nel e na súa obra, dado o trato vergoñento, de momento pouco estudado, que os franceses deron aos nosos exiliados, amoreados en praias, co mar por un lado e valados de arame de espiños por outro, sen poder saír, padecendo frío e fame e tendo que soportar o agravio de seren denominados co apelativo despectivo de Exército da Derrota (curiosa ironía chamar así a un exército popular que loitou e resistiu durante tres anos a un exercito profesional axudado coas armas e aviación dos nazis alemáns e os fascistas italianos e coa colaboración da Portugal salazarista).

Autorretrato

Cruce dos Pirineos

Campo de concentración en Francia

Esta adversa situación provocou que moitos tornaran para España e foran asasinados. Unha parte importante aguantaron até o estalido da Segunda Guerra Mundial, acabando moitos deles recluídos en campos de exterminio nazis, onde a maior parte morreron rebentados polo traballo, fusilados, aforcados ou mallados a paus.

Mais Uxío tivo máis sorte e conseguiu embarcar xunto con outros creadores republicanos, entre eles Lorenzo Varela e Delgado Gurriarán, grazas á intercesión dun solidario colectivo de artistas franceses que os axudaron para poder atravesar o océano e instalarse en México (no seu caso para o resto dos seus días), país onde consegue retomar o seu labor artístico e docente e no que a súa obra goza a día de hoxe dun prestixio que, por motivos que todos nós podemos intuír, aínda non se lle tributa na súa propia terra natal. Afastado da terra e dos amigos debe comezar unha nova vida. Casou con María Aliseda Olivares, outra refuxiada que chegou a México cos seus pais desde San Benito (Badaxoz) e o matrimonio tivo dous fillos.

Neste país reencóntrase co Xosé Viéitez de Soto (que no 36 exercía de mestre na aldea cuntiense de Magán). Estivera preso na prisión de Pontevedra e na de Vigo, en Figueirido, na illa de San Simón e no Forte de San Cristóbal (Pamplona). Nos anos corenta acóllese a unha amnistía para moitos presos debido a que as prisións estaban completamente ateigadas. Mais sospeitando que lle queren dar o paseo, como lle sucedera ao amigo da familia e médico tudense, Darío Álvarez Limeses, decide liscar. Faino con moitas dificultades desde Lisboa en 1946. A súa dona, Carme Gómez Martínez, e a súa filla Ana lograrán reunirse con el en México dous anos máis tarde, despois de padecer multas, vexacións, insultos de todo tipo, pancadas e berros na porta da casa a altas horas da noite, continuos rexistros en busca de documentación, detencións, interrogatorios sobre o paradoiro de Xosé… Dita que non durou demasiado pois Xosé estaba moi mirrado fisicamente a causa dos malos tratos e das deplorábeis condicións de vida na cadea, morrendo con só 46 anos.

Nacera Uxío Souto o 9 de xullo de 1905 en Xinzo (Cuntis), fillo de Xosé Souto Torres e María Campos Baños. El e a súa irmá Manuela, dous anos maior, tiveron que desprazarse a vivir á aldea de Cardecide, no mesmo concello, cando o seu pai emigra a Arxentina. Desde moi novo amosou enxeño para o debuxo e a talla. Tal como nos relatan os seus familiares, cando só contaba sete anos gostaba de facer tallas en cañotos de verza. Na adolescencia comeza a utilizar outros materiais sobre todo a pedra e a madeira de buxo. Sempre que ía ao monte co gando voltaba con algunha talla feita coa navalla.

Cóntase como curiosa anécdota que con vinte anos encargáronlle realizar unha imaxe da Virxe do Carme para homenaxear ao cura de Santa Cruz de Lamas (Moraña). Como era tan novo, o pai tivo que facerse responsable do traballo, que realizou Uxío nun local en Cuntis, na praza do Ferrol, pois deste xeito podíase observar a evolución e asegurarse da entrega no prazo acordado.

Uxío de neno

Os seus primeiros anos escolares pasounos en Cuntis, até que aos catorce anos, debido á insistencia do seu profesor que apreciou o talento do alumno, os pais decidiron envialo a Santiago de Compostela, onde combinaba o traballo como aprendiz no obradoiro de Xosé Rivas Rodríguez coa asistencia ás aulas da Escola de Artes e Oficios. O xornalista cuntiense Xoán Xesús González, correspondente de El Pueblo Gallego informaba dos premios outorgados no curso 1923-1924 aos alumnos; entre eles figura premiado na materia de Modelado e Baleirado o artista. Do obradoiro de Rivas pasou ao de Figueiras e Carballido. Alí traballou como empregado de primeira até que cumpriu os vinte e un anos e tivo que ir ao servizo militar.

No seu estudio en México

En 1927 conseguiu unha pensión artística ao acadar o primeiro posto na sección de escultura das probas selectivas da Deputación Provincial de Pontevedra e ano tras ano fóiselle renovando por un máximo de tres que establecían as bases. As pensións concedidas desde 1926 até 1933 potenciaron que os artistas puidesen coñecer as tendencias da Arte Nova, asumindo as linguaxes das vangardas adaptadas aos temas e as tradicións galegas. Neste contexto desenvólvese a formación de pintores como Maside e Colmeiro, e os escultores Uxío Souto e Narciso Pérez, que estudan en Madrid e realizan unha obra tendente ao expresionismo primitivista o primeiro e próximo ao novo realismo no caso de Uxío. Temos pois ao escultor formando parte da renovación da arte galega coñecido como Os Novos, cuxo ideólogo foi Castelao. Grazas a esta bolsa puido matricularse na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando en Madrid, na que en cinco anos remata os estudos de profesor de debuxo.

Busto do pintor Camilo Díaz Baliño

Galicia nai e señora (Druidesa)

Ofrenda de Zenote

A súa estancia en Madrid permitiulle participar en numerosas mostras, como a de Arte Galega que organizou en 1928 o xornal El Heraldo de Madrid, no Círculo de Belas Artes, no Museo de Arte Moderna e mesmo en exposicións colectivas en París. Tamén obtivo un premio convocado por concurso polo Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes para desenvolver unha investigación sobre a escultura española. A Deputación Provincial, unha vez que o artista deixou de ser bolseiro, outorgoulle unha bolsa de viaxe que lle permitiu ampliar estudos no estranxeiro durante o curso 1930-1931.

A súa produción en México foi moi variada canto á temática e materiais. Traballou en madeira, pedra, bronce, cerámica, xeso, mármore… Nalgunhas obras mesmo se atreve con contidos inspirados na cultura mitolóxica mexicana, retratos de temática indixenista, e mesmo chega a cultivar con mestría a arte da ourivería. Tampouco descoidou os seus dotes pictóricos, destacando o debuxo ao óleo, tinta e acuarela. Foi ademais profesor-catedrático en distintos colexios e academias.

En México participa en faladoiros de café, con carácter político e cultural, xunto con outros exiliados galegos organizados en torno ás Irmandades da Fala, que estaban moi activas neste país. Para eles elabora un busto de Rosalía de Castro e o deseño de portadas para a revista Galicia. Polas décadas de 1940 e 1950 colaborou como ilustrador, xunto a Ramiro Illa Couto, Maside, Arturo Souto…, na revista Saudade, en cuxa redacción estiveron Florencio Delgado Gurriarán, Carlos Velo e Cabanillas. Era unha revista de carácter nacionalista, galeguista e antifascista, con contidos especialmente relacionados cos exiliados galegos en México. 

O 28 de novembro de 1990 Uxío Souto morreu en México. Antes puido visitar varias veces a súa terra natal, pois gostaba moito do encontro coa súa familia e con vellos amigos como Francisco da aldea de Trasponte, Manuel Docampo e Mario Blanco Fuentes, alumnos seus no instituto da Estrada. Este último facilitoume, xa hai ben anos, unha carta escrita desde México cando aínda non puidera regresar a Galiza. Nela o escultor manifesta de xeito apaixonado a lembranza da terra e o seu amor pola nosa fala: Transcríboa literalmente:

“Xa pasaron máis de 23 anos de ausencia da terra e con eles as relacións cotidianas dos tempos mozos  en pro do rexurdimento do esprito celta abouxado polos zumbidos histéricos dos necios con acentuado son castelanizante.

Congratúlame tamén a túa sutileza en escribirme na língoa Mai, na língoa dos poetas e dos enamorados, na língoa que adeprendimos a falar as primeiras verbas; o noso idioma enchido de melodías musicales e lembranzas fermosas de acento agarimoso e ponderado nos conceptos da beleza natural e sinxela; esta língoa enxebre que nos doaron os nosos ancestros en letras douradas desde tempos inmemorables e reverdecidas polos clásicos de Galiza, Pondal, Curros Enríquez, Rosalía (…)”

O recoñecemento en Galiza ao seu labor creativo chegou da man do Museo de Pontevedra, que en 1993 organizou unha exposición antolóxica sobre o escultor e editou o libro titulado Uxío Souto.

No ano 2003 levouse a cabo a exposición conmemorativa da fundación do Museo de Pontevedra. No catálogo desta achamos ao escultor encadrado dentro da liña expresionista.

“(…) Unidos aos pintores destacan un importante grupo de escultores, na súa maioría vencellados á corrente expresionista primitivista, todos eles cultivadores da talla e a labra directa e en moitos casos descendentes de artesáns da madeira e a cantería. Supoñían polo tanto un afastamento do escultor modelador, que tiña como precedente en Galicia a Asorei. O seu discípulo  Xosé Mª Acuña (1903-1991) desenvolveu unha escultura de raíces galegas centrada na representación das súas xentes e os seus costumes, con obras como Hoxe comeredes (1925). Na vertente expresionista encóntranse as obras de Uxío Souto (1905-1990), Que volva! (1928) e Druidesa (1926), inspirada nas referencias mitolóxicas, e Camilo Nogueira (1904-1982) cun expresionismo que vai en moitas ocasións unido á denuncia social como sucede en Orfos do mar (1931)”

Agradecementos

Quixera amosar a miña sincera gratitude a Manuela e Xosé Ferreiro, familiares de Uxío Souto, pola valiosa información que me facilitaron. A Ana Viéitez (1935-2015), presidenta de AfarIIREP e filla de Xosé Viéitez de Soto, loitadora pola memoria dos represaliados e polo recoñecemento xurídico das vítimas. E ao Museo de Pontevedra pola inestimable atención do seu persoal, pola súa axuda ás investigacións e pola difusión, posta en valor e custodia da obra de Uxío Souto.

Bibliografía

Museo de Pontevedra, Uxío Souto Campos (1905-1990), Catálogo Exposición: Museo de Pontevedra, Vigo, 1993. Textos de Eugenio Souto Aliseda e Fernando Martínez Vilanova.

FERREIRO COUSO, Manuela/PAZOS TOURIÑO, Belén, “Uxío Souto, a conciencia do propio”, A Taboada VII, Cuntis-Moraña, 2003.

MAGARIÑOS SUEIRO, Alfonso, A obra educativa e cultural dos emigrados, Edicións do Castro, Sada, 2000.

NÚÑEZ SEIXAS, Xosé Manuel/CAGIAO VILA, Pilar, O exilio galego. Política, sociedade, itinerarios, Consello da Cultura Galega, Edicións do Castro, Sada, 2007.

SEIXO PASTOR, Marcos, “A represión franquista en Cuntis. Memoria de 1936. O proceso contra Aurelio Rei e outros cuntienses”, A Taboada XI, Cuntis-Moraña, 2006.

Marcos Seixo Pastor

Marcos Seixo Pastor

Profesor de galego

Chámome Marcos Seixo. Aínda que a miña chegada ao mundo tivo lugar en 1959 na rúa de San Marcos en Lugo, na casa da miña avoa, fun concibido e criado en Navia de Suarna, onde pasei unha feliz infancia e a onde regreso cando menos dúas ou tres veces ao ano. Por mor da profesión do meu pai, estivemos vivindo en distintos concellos. Asentámonos finalmente en Cuntis (Pontevedra), onde vivo a día de hoxe na aldea de Castrolandín.

Fixen estudos de Filoloxía en Compostela e os últimos 16 anos fun profesor do IES Valle Inclán de Pontevedra, até a miña “xubilación forzosa por incapacidade” no ano 2016. Neste instituto coñecín aos compañeiros do grupo de teatro Argallada, algúns deles impulsores do blog devellabella, no que ando a colaborar con algún traballo.

A miña vida na actualidade segue a ser bastante activa, pois podo dedicar o tempo ás miñas moitas afeccións, entre elas escribir. Alén diso tamén son afeccionado á música tradicional, ás motos, sobre todo ás clásicas, a coidar as viñas, e tamén a nadar, podendo ser, no río de Navia

Blog

Milladoiro

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥