Os camiños da vida de Otero Pedrayo por Pilar Freitas

Os camiños da vida de Otero Pedrayo por Pilar Freitas

OS CAMIÑOS DA VIDA[1]

Ramón Otero Pedrayo

Esta novela de Otero Pedrayo foi publicada pola editorial Nós ao longo do ano 1928. Malia ser rematada, segundo consta ao final do último capítulo, o 17 de xaneiro en Ourense, razóns editoriais aconsellaron que aparecese dividida en tres partes: “Os señores da terra”, “A maorazga” e “O estudante”. Cada unha destas partes consta de sete capítulos.

Tradicionalmente adóitase clasificar a narrativa de Otero Pedrayo en dous grandes grupos: narrativa realista e narrativa culturalista. Os camiños da vida sería a obra máis icónica do primeiro grupo onde se inclúen outras coma: Pantelas, home libre (1925), O purgatorio de D. Ramiro (1926), Contos do camiño e da rúa (1932), O mesón dos Ermos (1936), Entre a vendima e a castañeira (1957) e O señorito da Reboraina (1960).

os camiños da vida

É unha obra de carácter histórico. Un mosaico ou mural da vida nas terras de Trasouto, trasunto de Trasalba[2], e en toda a contorna da bocarribeira ourensá; aparecen lugares como Maside, Leiro, Amoeiro, serra do Suído, etc. A acción transcorre tamén  noutros espazos como as cidades de Ourense e Santiago, urbes foráneas como Madrid, París, as rexións francesas de Normandía e Bretaña e Irlanda. Mais o epicentro de toda a trama desenvólvese en Trasouto de onde os personaxes se desprazan para, nomeadamente, estudar, coñecer de primeira man os vínculos celtas de Galiza con outras partes de Europa, ou simplemente para fuxir de Galiza e instalarse na capital do Estado, Madrid.

O narrador omnisciente pretende describir non só a vida de dúas familias, os Doncos e os Pugas, familias fidalgas que teñen pazo en Trasalba, senón tamén a vida de todo un pobo durante un período que se estende entre 1836, data da aprobación da Lei de Desamortización de Mendizábal, e 1868, data de Revolución de Outubro e caída de Isabel II[3]. Mais na novela aparecen retrospeccións ou analepses que nos remiten ao século XVIII e á guerra contra os franceses, e algunha prospección que nos conduce á restauración borbónica de Afonso XII. Dentro deste gran relato hai cinco digresións ou excursos breves que complementan a historia principal, e que Otero utiliza para introducir temas relativos á orixe celta de Galiza, como a narración dun monxe exclaustrado verbo da fundación do mosteiro de Oseira, o tocante ao que el chama a “revolución galega” de 1846 ou ao descubrimento por parte de Adrián Soutelo da realidade de patrias escravizadas coma Irlanda, Polonia e a propia Galiza. Igualmente, coñecemos por estas digresións o amor tráxico de Adrián pola irlandesa Edith e como este sentimento vai configurar o seu carácter e a súa vida e, finalmente, decidir a súa morte.

Pazo de Trasalba

Pazo de Trasalba

Argumento

Na primeira parte do libro, “Os señores da Terra”, Otero preséntanos a familia dos Doncos que vive no pazo da Seara, un dos mellores da contorna, xa que dispón de moita fortuna e comodidade. O patriarca, D. Caetano, é un home nugallán, indolente, pouco letrado, de carácter feble, escasamente sociable e que se deixa levar polo paso do tempo sen máis. É carlista convencido e doa bastantes onzas de ouro para axudar as partidas e mercar armas; ademais, está moi dominado polo abade don Xacobe. A vida segue o decorrer das estacións e das súas angueiras, recibindo en especie os pagamentos dos labregos que lle corresponden por “dereito natural”. Así está establecido desde hai séculos. Don Caetano está casado con misia Xacinta ou Chinta, unha muller feituca, loura e moi devota. Teñen cinco fillos, tres homes e dúas mulleres. O maior, o morgado, é rebelde, soberbio, pouco agraciado e amigo das falcatruadas; só lle interesa comer, beber, ir de esmorga, as mozas e o xogo. Acaba participando no asasinato dun frade, xa que precisa cartos para farrear e quedar coa Xenara Corda, e ten que fuxir a Portugal. Isto leva a súa nai á cova,  pois acaba falecendo vinte días despois. O Farruco é cativo de corpo pero figuraba gracioso, co cabelo rizo de cor negra e con cara linda, franco e destemido. Acaba enleado coa Xenara que pertence a unha caste de ladróns e aforcados. Os outros fillos chámanse Xenoveva, Laureano e Sabela.

No capítulo III preséntasenos a D. Xosé María, que se converterá no morgado do pazo da Pedreira. Nacera en Baiona onde a súa familia tiña unha casa, ademais dun pazo no Val Miñor. Varias desgrazas familiares, como a morte do irmán e da nai e a mala administración e a desidia, acabaron coa riqueza familiar que lle proporcionaban as rendas. Perante esta situación, acepta ir vivir cunha tía fidalga, a outra xa morrera, dona do pazo na montaña ourensá. Mais antes de abandonar a súa vila de nacenza, casa con misia Vicenta. Teñen dúas fillas: Ramona e Rosalía; no parto desta última morre a nai. D. Xosé Mª é preguiceiro, nugallán, bromista e xeneroso, coa bolsa sempre aberta, mais, sobre todo, mullereiro. Gústanlle todas e déixase querer por elas. Defende a ideoloxía liberal, sente escaso afecto pola Igrexa e fala mal dos cregos. Despois da morte da muller, a desorde e a desorganización entran no pazo e comezan a “encetárense as terras dos da Pedreira”. Amígase con Bibiana a Burata e vive amancebado con ela. Esta era larpeira e nugallá, sobriña de Zaparín, o seu criado borrachón e palanquín. A partir dese momento o pazo da Pedreira vai caendo na escaseza e na miseria, mentres a casa da Burata vai para arriba; cómese e bébese e hai festa acotío, pois ademais de non pagaren as rendas acaparan todos os bens e a riqueza do fidalgo.

Ten que intervir e coller as rendas a súa filla maior, Ramoniña, pois no pazo non queda xa nada ao que botarlle a man, nin sequera leña para quentárense e roupa que poñeren. A fame fai acto de presenza. A morgada é unha moza de complexión forte, fea, de maneiras pouco mullerís e intelixente. Por outra parte, Rosalía, a súa irmá, é doce, con bucles castaños, ollos azuis, alba fronte e cariña de rapaza celta mimosa; tiña medo de todo. Casa con Antonio Soutelo, militar de familia fidalga. Foron vivir a Monforte e máis tarde a Lugo.

   A segunda parte do libro, “A maorazga”[4], comeza cun flashback para explicarnos o porqué do desterro de Antonio Soutelo en Trasouto. Era un mozo lugués, de xinea fidalga, militar que servira ás ordes de Espartero. Era liberal e no medio das loitas entre carlistas e liberais foi a prisión e fixéronlle un consello de guerra. Primeiro condenárono a morte e logo conmutáronlle a pena por desterro. Foi así como coñeceu a don Xosé María, fixéronse amigos e acabou casando coa filla.

  Ramoniña dirixe o pazo e deféndeo dos embates de avogados, escribáns e picapreitos. Rosalía volve á casa viúva cun neno de seis anos: Paio. Logo duns días, chega Adrián, irmán de Antonio. Vén fuxindo, pois sobre el pesa unha condena a morte. É un fidalgo morgado con pazo en Lugo. Relata como el e mais o seu irmán participaron no levantamento dirixido por Solís en 1846 que acabou co fusilamento de doce militares en Carral. Antonio morreu durante a batalla en Sant-Iago e está enterrado no cemiterio do Sar.

Continúa a decadencia dos fidalgos. Don Caetano cae nas poutas da Tutana, unha moza filla dun xastre chamado Tutano que, pouco e pouco, se foi apoderando da riqueza e facéndose dona do pazo. O vello fidalgo acaba casando con ela e asinando un poder polo que Tutano se converte no administrador de todo; as gabetas baléiranse e as terras véndense a baixo prezo; en dous ou tres anos todo pasa ás mans dos seus amigos. O fidalgo, vello e decrépito, conclúe os seus días abandonado e arruinado. Mentres, os seu fillos e fillas, comestos pola preguiza e a gula, desertan das súas obrigas e responsabilidades e non son capaces de manter un mínimo de orde e dignidade na súa casa e nas súas vidas. O caso de Farruquiño é máis grave. O xogo teno dominado. Chega a cometer accións depravadas como prostituír e xogar nunha partida de cartas a súa amante, Xenara a Corda.

   O capítulo V desta parte está dedicado a Adrián Soutelo. Co fin de gorecerse da condena que pesaba sobre el, vai vivir ao pazo da Pedreira. Para a xente de Trasouto resulta un personaxe estraño e chámanlle o Protestante. Fala pouco, sempre en galego, escribe, viste dun xeito pouco acostumado e dá a impresión de ser un dandi. Conta historias de persecucións sufridas pola liberdade -a xente admírao por iso- e coñece cousas da política. El mesmo se define como un fidalgo idealista e trasnoitado. A antiga riqueza da familia está a esmorecer de maneira definitiva. A súa epifanía ou descubrimento da realidade de Galiza coma terra sometida relátalla ao fidalgo de Vilerma. Marchara a estudar a París e alí coñecera os irmáns irlandeses O´Bryan e Edith, e o polaco Potocky. A comuñón e sintonía entre eles resultara ser moi intensa, pois pertencen a nacións que viven asoballadas por outra nación estranxeira. As súas linguas son silenciadas e arrombadas dos espazos públicos, desprezadas e relegadas a xergas. Por iso falan o gaélico, o polaco e o galego como un acto de reivindicación. Finalmente, Adrián viaxara cos irmáns irlandeses á súa terra, e esta experiencia convertérase para el nunha catarse ao descubrir o pasado común celta, un humus que impregna a cultura e as tradicións das nacións que teñen uns devanceiros comúns.

Esta parte do libro remata cunha traxedia e a baixada aos infernos da familia dos Doncos, e máis concretamente de Farruquiño. Este namórase dunha rapaza chamada Bertha coas trenzas louras, filla dun reloxeiro de orixe suíza e orfa de nai; acaban por facerse noivos. El leva unha vida licenciosa, de xogo, bebedela e prostitución, situación que ela descoñece. Ademais, a riqueza familiar xa desaparecera e vive nun pazo cheo de débedas e embargado; en fin, non ten unha cadela. Unha noite entra na casa pola forza, rouba, viola e mata a rapaza. Así nolo relata o autor: “Deitada tralo mostrador, afogada polas mans finiñas, o branco colo de cisne lixado e sanguento de mordedelas, só vivían as loiras trenzas desfiadas no chan” (p. 259). Acabou en prisión.  

Na terceira parte do libro, “O estudante”, Paio, o sobriño de Adrián, converteuse xa nun un mozo louro cinsento, co cabelo rizo, corpo lanzal e ollos verdecentes e alegres.  Rematados os estudos de bacharelato en Ourense, quere estudar medicina. Pasa o verán en Trasouto e un día atopa un caderno do tío titulado “O coto de Ushna[5]”. Nel, relata polo miúdo a súa viaxe a Irlanda en compaña de O´Bryan e Edith. Pasan por Normandía e Saint-Malo (Bretaña francesa), que lle lembra a Corme. Cando chegan a Eirín observa as semellanzas entre esta illa e Galiza: as dúas teñen o inimigo na casa e, igual que na terra de Sant-Iago, a miseria e a fame devoran o pobo empuxándoo á emigración. De feito, O´Bryan acabará por marchar a América e desde alí seguirá loitando pola redención da súa nación.

Paio realiza os estudos de medicina en Sant-Iago. É moi aplicado e estudoso, dado que é consciente do esforzo económico que supón para a súa familia. Vai dúas ou tres veces á semana ao cemiterio do Sar onde está enterrado o seu pai. Un día  visítao o seu tío, xa moi envellecido, e fálalle do levantamento de 1846 e do Banquete de Conxo de 1854 no cal, estudantes coma Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal se irmandaron cos obreiros nun xantar de fraternidade. Paio emociónase co relato destes feitos históricos e comeza e emerxer nel un sentimento de profundo amor pola terra. Cando se recibe ou licenza volve a Trasouto onde as cousas están a mudar moi ás presas. A carreteira[6] está a transformar a vida e as relacións destas xentes e, ademais, están a instalarse ao seu carón xentes vidas de fóra, os castellanos, que se dedican a mercar e vender, a nova caste dos tendeiros. Mercan o que hai polas casas, sempre aproveitándose dos labregos, e venden de todo. Con eles entra o comercio na aldea, o manexo do diñeiro e, paseniño,  está a se perder o autoconsumo tradicional destes lugares. Axiña empezaron a mercar as rendas dos señores e a prestar cartos con intereses de usura. Non é unha clase social que valore positivamente Otero, pois son moi avaros, só pensan no negocio, e coas súas artimañas, enganos e estafas fanse cada vez máis ricos, mentres os fidalgos e labregos -algúns quedaron co día e a noite- deveñen cada vez máis pobres. Alén diso, non se integran, non respectan as tradicións e falan un idioma “estranxeiro” desprezando o noso. E namentres os castellanos inzan no país, a familia dos Doncos descende cada vez máis a un pozo de miseria humana e moral: un irmán fuxido, outro no cárcere, o Laureano, un deforme que non pinta nada, dá clases de letras e páganlle en especies, e as dúas irmás, Xenoveva e Sabela, dependen da Tutana, que acaba morrendo dunha farta de porco e de viño; as dúas senten paixón polos preitos. Sabela casará cun señorito do Ribeiro e vivirá pobremente.

   Sendo estudante e traballando xa no hospital, coñece Paio un fidalgo chamado don Bernaldo de Moscoso, dono do pazo do Piñeiral, preto de Trasouto e que pasa longas tempadas en Madrid coa súa familia e as vacacións en San Sebastián. Comeza un noivado con Xulia, a súa filla, que non ha acabar en voda, pois ela, na derradeira carta que lle escribe, recoñece non querer pasar a vida recluída nun pazo da aldea. Tanto ela coma a súa familia desprezan a súa terra de orixe e incluso manifestan noxo pola cidade de Sant-Iago. Madrid é para eles, unha familia fidalga e con diñeiro, a referencia do bo gusto, da elegancia e do progreso. Alí poden asistir a corridas de touros e pasear pola Castellana. Todo o que simboliza Galiza para eles é un atraso. Escribe Xulia: “A mamá non pensa voltar a Galiza; alí todo son cursilerías, contos e atraso” (p. 347).

Durante a súa estadía na cidade compostelá recibe a visita do seu tío Adrián. Este aluga unha casa na cidade porque quere rematar os seus días aquí. Aproveita para contarlle ao seu sobriño que a súa namorada irlandesa Edith, debido a unha promesa, ingresou de monxa nun convento en Sant-Iago. Leva a Paio a visitar os lugares nos que acontecera a revolución de 1846: Mesón do Bento, Carral, Cemiterio de Santo Estevo de Paleo … Cando ao pouco tempo se enteira da morte de Edith, suicídase disparándose un tiro no peito. A súa vida de desacougo e sufrimento rematara. Será enterrado no cemiterio do Sar onda o seu querido irmán Antonio.

   Paio teme rematar a carreira, pois aínda non sabe que camiño seguir: marchar a Madrid para facer o doutoramento e acabar de catedrático na universidade, ou exercer unha especie de “apostolado médico” na aldea axudando os veciños e a xente da contorna. Á fin volta á aldea e hase converter nun médico humanista e compasivo, ademais de gañar moito diñeiro para levantar os embargos que pesaban sobre algunhas propiedades da familia e vivir moi ben. A indecisión apodérase del e non é quen de tomar unha determinación. Por un lado, abrollan as ideas sobre a redención de Galiza que o tío lle inculcara; por outro, non ten a valor de abandonar as dúas velliñas e a xente da veciñanza que tanto necesita un médico. O lector ou lectora será quen decida na súa mente o camiño que Paio ha tomar.

Remata a obra coa exclamación: ¡TERRA A NOSA!

Os personaxes

   Son múltiples os personaxes que aparecen na obra e resulta imposible describilos a todos, por iso, para sermos máis didácticos, imos agrupalos en “castes” sociais: a fidalguía, os labregos e a burguesía. Ao comezo da novela e dentro da fidalguía, hai dous grandes protagonistas: D. Caetano e D. Xosé María, os morgados dos pazos. Otero utiliza a técnica do contraste ou confrontación. O fidalgo da Seara é un acérrimo carlista, moi conservador, relixioso, apoucado, covarde e falso. Porén, o fidalgo da Pedreira é liberal, recto, sociable, vital; mais, os dous comparten os trazos da fidalguía galega decadente: falta de formación[7] e de tenacidade, incapacidade para conservar a facenda e manter o dominio señorial, déixanse entrampar polos escribáns e polas labregas que buscan o seu proveito, non fan nada de proveito e sucumben aos instintos máis primarios: comer, beber, xogar e o sexo. Como némese destes dous fidalgos está Adrián Soutelo, un home preparado intelectualmente, viaxado, sensible, idealista, animado por un romántico galeguismo; en resumo, un fidalgo, poderíase dicir, protonacionalista, pero falto de pragmatismo; por iso, un sentimento de fracaso apoderarase del ata a fin dos seus días.

O personaxe de Ramona, a morgada da Pedreira, é moi salientable e contrasta cos dous morgados anteriores, pois, malia ser muller, iso si con características máis ben masculinas, será quen de tomar o mando e con gran esforzo, tesón, espírito de sacrificio e capacidade de resistencia manter o pazo e sacar a familia adiante: a seu pai, a súa irmá, o seu sobriño Paio e durante longas tempadas a Adrián. Ela mesma afirma nun determinado momento: “A miña soltería gástase en coidar nenos e homes que parecen nenos” (p. 231). É querida e respectada por todos. Mais resulta unha excepción dentro do universo feminino da fidalguía, pois a muller tiña, en xeral, un papel subordinado e ancilar do home. Di don Caetano á súa muller: “As mulleres soamente falades atinadamente da roupa branca ou do goberno da despensa” (p. 89). Os outros personaxes femininos carecen dun carácter ben definido e preciso. As fillas de D. Caetano non serven para nada e sobreviven ociosas sen ningún tipo de formación, ambición e rifando entre elas; Rosalía, a irmá de Ramona, é unha moza sensible, medrosa que, ao quedar viúva, depende totalmente da súa irmá para manterse ela e o seu fillo, Paio. Este rapaz está chamado desde pequeno a redimir dos seus pecados a caste entrega da que descende. É traballador, instruído, íntegro, bo fillo e sobriño. É o punto luminoso que durante os anos de penuria e devalo económico e social permite confiar no renacemento da súa caste. Nel cífranse todas as esperanzas. Tanto a súa tía coma o seu tío centran todo o seu esforzo e as súas ilusións neste rapaz, logo mozo, que liberará a familia e, en consecuencia, a Galiza enteira.

Finalmente, o esmorecemento absoluto dos Doncos chegará cos crimes cometidos por dous dos seus fillos: o morgado e Farruquiño. A caste dos fidalgos, caste privilexiada, secularmente chamada a ser a clase dirixente e transformadora da sociedade galega, toca fondo dunha maneira dramática, vítima da incuria e de todos os vicios humanos posibles.

Outro grupo social é a caste labrega. Aparece como unha clase desdebuxada; apenas se presentan marcados individualmente e semellan actuar máis como unha colectividade. Viven nunha relación moi estreita coa fidalguía e son eles e elas os que traballan para mantérena opulenta, ociosa e indolente. Pagan as rendas forais aos señores dos pazos e varios impostos[8] á Igrexa, consolidándose nun sistema tradicional de asoballamento e submisión. Viven ao compás do pazo. Parece conformárense coa vida que lles toca vivir e case non reaccionan ante as inxustizas, os abusos, a fame e a usura que os empobrece e arruína sen remedio. Porén, imos destacar algún personaxe que ten algo máis de presenza ou que condiciona a vida dos fidalgos e fidalgas.

Tenacio, cachicán ou maioral das viñas do pazo da Seara, é o criado de D. Caetano. Home fiel e servicial acompaña o fillo morgado a Portugal cando a xustiza vai prendelo. O criado de D. Xosé María chámase Clemente Zaparín. É vellote, borrachón e nugallán e ten unha escopeta regalada polo señorito. Van xuntos de farra e os dous gustan das mulleres. O Torto é o xefe dunha partida de carlistas que, ademais de faceren falcatruadas polas aldeas, dedícanse a roubar.

Tres son as mulleres que teñen certa importancia no desenvolvemento da obra: Xenara Corda, Bibiana a Burata e a Tutana. Xenara é unha muller arteira, maliciosa e hábil que atrae e gusta aos dous fillos de D. Caetano, o morgado e Farruco, e ao propio D. Xosé María. Bibiana a Burata é a amante deste último e lamberalle case toda a fortuna; a Tutana aproveitarase dos bens de D. Caetano e morrerá dunha farta de comida e bebida. Malia aparentar que estas mulleres sen formación e sen fortuna, folgazanas e larpeiras, van prosperar a expensas da luxuria e debilidades da fidalguía, e grazas á súa astucia e falta de reparos, ningunha delas acaba ben. Quizais carezan de ambición e sensatez para manteren unha vida ordenada e administraren o diñeiro que van zugando, e reproduzan os mesmos vicios e carencias dos señores aos que pretenden seducir e enganar avesamente.

A fidalguía e o campesiñado eran as dúas castes tradicionais do mundo rural galego, mais a mediados do século XIX emerxe unha nova clase: a burguesía. A partir da construción da carreteira[9], a paisaxe comeza a cambiar e un novo modo de vida vai abríndose camiño. Chegan xentes de fóra, os castellanos, e comezan a construír casas nas beiras da estrada iniciando un comercio ata ese momento descoñecido. Mercan e venden de todo e o pagamento en metálico comeza a ser cotián. Os paisanos desconfían e os cregos vaticinan a fin do mundo. A aparición do primeiro carromato de catro bestas deixa a xente coa boca aberta. A economía tradicional baseada no autoconsumo vai desaparecendo e a vida da aldea, sustentada nos ciclos naturais, vai mudando: abre un forno de pan, instalan unha industria de velas; incluso se produce un cambio no sistema de alumear e o quinqué de petróleo causa pasmo na xente. Porén, non hai ningún personaxe deste grupo social suficientemente perfilado. Otero refírese a eles pola procedencia foránea e dunha maneira xenérica coma un colectivo indefinido: castellanos. Mais hai unha familia na que Otero se detén e incluso lle dedica o capítulo VII da segunda parte titulado: “As trenzas loiras”. Esta familia está formada polo pai, reloxeiro e xoieiro de orixe suíza que viñera escapando do seu país por motivos políticos, e unha filla, Bertha, unha burguesiña que soñaba con ser a señora dun pazo galego. Por desgraza, a atrocidade cometida por Farruquiño fanou a vida, as ilusións e aspiracións da moza.

Na historia da literatura vén considerándose a paisaxe como un personaxe máis dos que conforman o corpus literario do autor ourensán. Os humanos pululan e móvense por Trasouto, na bocarribeira ourensá, en función dos elementos que constitúen a paisaxe: a configuración orográfica, o minifundismo, os cultivos, a flora e a fauna -aparecen frecuentes referencias ao lobo. Todo ese ecosistema condiciona e marca o ritmo da súa vida. En todo a novela non aparece un só reloxo, guíanse polo nacemento e a posta de sol e o tempo mídese polas horas de luz e de escuridade. A actividade dos labregos, as angueiras, dependen absolutamente das estacións e dos ciclos vitais: tempo de sementeira, tempo de colleita, tempo de vendima; os produtos que cultivan[10]: millo, centeo, viño … son froitos gloriosos que sustentan as súas vidas e as dos seus señores, que reciben estas regalías cultivadas polas súas propias mans con moito esforzo. Otero recréase na descrición polo miúdo de todos os recunchos da aldea, e cando viaxan a Ourense ou Santiago demórase en sinalar cada un dos lugares polos que pasan. En definitiva, a paisaxe é un personaxe máis que reflicte a vida tradicional, os costumes e a forma de pensar da sociedade galega, neste caso da bocarribeira ourensá.

Contido histórico e ideolóxico

Como xa se dixo máis arriba, Os camiños da vida é unha novela na que o autor pretende debuxar a transformación da sociedade galega a mediados do século XIX: o paso dunha sociedade tradicional na que rexían unhas normas consuetudinarias de vello, e na que a clase da fidalguía e a clase labrega se fundían nun todo onde cada cal tiña a súa función e se respectaba o statu quo. Vivían dun xeito case autárquico e apenas precisaban de produtos foráneos. Os pazos incluso tiñan sistemas de autodefensa ante roubos, bastante frecuentes, ou calquera tipo de ataque. Todo ese ecosistema foi abalando e derrubándose pola falta de liderado da clase fidalga, e o baleiro deixado foi ocupado pola nova clase emerxente da burguesía.

   Mais no libro, que pode considerarse un ensaio histórico novelado, Otero introduce unha serie de acontecementos históricos que, ademais de influíren na vida das familias protagonistas inflúen tamén na propia historia de Galiza. O primeiro capítulo remata coa nova da aprobación da Lei de Desamortización de Mendizábal (1836), que afectou sobre todo aos bens da Igrexa ao seren vendidos e acabaren nas mans de grandes propietarios e burgueses, sen beneficiaren en nada o pequeno campesiñado. Tamén transita pola obra, sobre todo nos primeiros capítulos, o tema das Guerras Carlistas e as partidas que percorrían Galiza apoiadas e custeadas por fidalgos coma don Caetano e o crego don Xacobe, e nutridas por paisanos que, ao necesitaren cartos, actuaban mercenariamente. Reflicte a loita entre os defensores do Antigo Réxime cun modelo político absolutista e os que combatían por manter o Novo Réxime liberal[11]. A consecuencia da vitoria do Novo Réxime foi o empoderamento do Estado que se introduce na gobernanza do campo, antes liderada polos señores e agora polos funcionarios. A partir dos anos trinta organizouse o Estado en novas divisións baixo a denominación de provincias e municipios. Desde o punto de vista xeográfico, en Galiza produciuse un reagrupamento das sete antigas provincias nas catro actuais desaparecendo as de Santiago, Betanzos e Tui, e instáurase a figura de xefe político, logo chamado gobernador civil, en cada unha delas. Configuráronse máis de trescentos municipios e corenta e sete partidos xudiciais. Aparece a nova figura de recadador de impostos para o Estado. Toda a estrutura tradicional de convivencia, relacións, dependencia e economía cambia definitivamente nesta etapa. Descríbese así a nova situación: 

 Naquel tempo a idea de Estado comezaba a facer forza na aldea. Ata entón gobernaban potencias antergas, visibles, presentes. O poder estaba representado por monxes e cregos, por fidalgos cobradores e comedores mais ó tempo cheos de confianza cos paisanos. Moito tardou a idea abstracta do Estado en se sentir nos eidos. Daquela estaba no pazo o Estado na persoa dun novo tipo, nin labrego, nin señor. Co tempo os recadadores fixéronse señorotes (p. 177).

  Conectado con este profundo cambio estrutural do Estado español, está o nacemento nos anos corenta dun movemento de reivindicación galeguista, promovido por intelectuais e políticos chamado Provincialismo. Esta denominación deriva da súa posición en contra da división provincial e a pretensión de reducir a unidade de Galiza aunha soa provincia con identidade propia. Pedían, ademais, a autonomía administrativa, a modernización económica e a recuperación da cultura galega. Otero preséntao como un movemento romántico e Adrián Soutelo sería o representante e transmisor da ideoloxía ao seu sobriño que nun futuro, probablemente, asumirá o rol do seu tío e converterá a Galiza no centro dos seus desvelos.  

   Centrándonos en feitos históricos que afectan máis directamente a Galiza, a Revolución de 1846 é un acontecemento central na obra. No capítulo III da segunda parte titulado “O scherzo da Heroica”[12] sabemos o que lle aconteceu a Antonio, marido de Rosalía e pai de Paio, pola boca de Adrián; e no capítulo V da terceira: “O suicidio de Werther”, percorre co seu sobriño os lugares nos que se produciran as últimas escaramuzas e o fusilamento dos militares. Os irmáns Soutelo son vítimas en diferente grao deste levantamento ou pronunciamento cívico-militar que acabou en traxedia. Comezou en Lugo, dirixido por Miguel Solís Cuetos, comandante que accedera á  Capitanía Xeral de Galicia, cuxo titular era Francisco Puig Samper, e axiña se sumaron outros militares. Creáronse xuntas nas cidades e unha Xunta Central en Santiago, que se constituíu coma Xunta Superior de Galiza. Despois de varios enfrontamentos entre os sublevados e as tropas leais ao goberno, cuxo momento álxido será a “batalla de Cacheiras” o 23 de abril de 1846, onde foron derrotadas as tropas de Solís, estas fixéronse fortes no mosteiro de San Martiño Pinario, lugar no que finalmente non tiveron máis remedio que se render. Solís e outros oficiais foron fusilados tres días despois en Carral, preto da Coruña. Hoxe son coñecidos como “Os Mártires de Carral”.

Monumento aos Mártires de Carral

Monumento aos Mártires de Carral

No capítulo II da terceira parte titulado “A rúa de Mazarelos”, Adrián refire un feito que tivo lugar en Conxo en 1854 e que se coñece como “O banquete de Conxo”. Por primeira vez estudantes e obreiros confraternizaron e realizaron varios brindes. “Fermosa aperta do estudo co traballo!” (p. 290). Entre os asistentes estaban Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal. Reproducimos as palabras exactas que Otero pon na boca de Adrián ao relatarllo ao seu sobriño:

O pobre -refírese a Aguirre- morreu afogado na Coruña ós poucos anos … O outro debe andar de médico por algunha aldea. Polo que teño ouvido, é unha alma de poeta. De bardo. ¿Ti sabes que nos tempos heroicos os pobos eran guiados, máis que por reis e sacerdotes, polos graves consellos dos poetas? Toda a heroicidade ten que ser por eles dirixida. Agora mesmo, nesta Europa que se gaba de ser tan culta, hai moitas razas que sofren baixo a tiranía estranxeira. Pensaríase que están mortas se non falara a súa alma nos versos dalgúns poetas. A pobre Galiza, aldraxada por todos, salvarase cando acerte a ser ergueita polas palabras dun bardo. Eu sospeito que aquel mozo, que é da terra de Bergantiños, fará algo pola nosa lingua esquencida. E sobre todo polo sentimento da patria. Olla para ese Sant-Iago. Poida que co tempo sexa unha verdadeira capital (p. 290).

Outro dos temas que aparece en varias ocasións ao longo do libro é a orixe celta de Galiza e o seu vínculo con outros países ou territorios que teñen a mesma xénese. No capítulo VI da primeira parte titulado “Unha tertulia”, un exclaustrado narra as prístinas raíces do mosteiro de Oseira vinculadas á civilización celta; os druídas e os bardos presentían a fin do seu poder e algúns atravesaran o bravo mar desde Eirín ata os cons feros dos ártabros. Preto de Oseira as augas formaban mornos lagos, de feito consérvanse topónimos coma As Lamas e Aguada; alí vivía un monstro secular, deforme, escamado, feito para asustar os guerreiros de Artur e as fórmulas máxicas dos celtas fallaban; só había un rapaz noviño, louro, un milagre de sabedoría e humildade que, axudado por Deus, perdeu o medo e encamiñouse ao lago. O dragón, ao ver o rapaz destemido, confésalle que é o último dunha caste maldita. Vai morrer porque os novos tempos son chegados e Cristo ha reinar nesta terra. O rapaz será o primeiro en dicir misa nunha serra tan esgrevia, templo dos druídas, lugar onde se ha construír o mosteiro cristián. 

mosteiro de oseira

Mosteiro de Oseira

No capítulo V da segunda parte titulado “O tío de Fóra”, refírese a Irlanda como un país celta; e no primeiro da terceira parte titulado “O coto de Ushna”, Adrián narra nun caderno para o seu sobriño a viaxe iniciática por varios países ou rexións celtas en compaña dos irmáns irlandeses O’Bryan e Edith, a epifanía que supuxo para el e que logo intenta transmitir ao seu herdeiro ideolóxico, o seu sobriño Paio. En definitiva, a nosa orixe celta común vincúlanos con outros pobos asentados xeograficamente á beira do Atlántico, e esta orixe marcou a nosa forma de vida e incluso os nosos trazos físicos, pois cando o narrador describe alguén fermoso sempre ten o pelo louro, os ollos claros e a pel branca, mantendo así o mito das raíces nórdicas que os galegos conservamos no noso ADN.

No capítulo II da segunda parte, “O barco negreiro”, Otero introduce un episodio tráxico relativo á “emigración” de mozos galegos. Nunha época de fame negra por causa das malas colleitas e andazos, tres señorotes: o escribán Petapouco, o señorito da Casa das Tres, arruinado pola xogueta e en bancarrota, e o habaneiro, traman como embelecar os rapaces de Trasouto, a Limia e arrabaldes de Ourense, e levalos escravizados. Eran pobres, a maioría analfabetos, mais lanzais, louros, “homes de ouro”. Xenara a Corda saíu ao seu encontro cando partían e pediulles que non marchasen, que todo era un engano e un encalatro, pero eles xa estaban seducidos por unha imaxe idealizada de América e da fortuna que podían conseguir. Desgraciadamente, traficaron con eles e acabaron en África. Nunca máis se soubo. Reproducimos as magoantes palabras que Xenara lles dirixe aos mozos:

Non camiñedes, meus filliños inocentes. Ides vendidos coma unha grea de ovellas, tratados como escravos. Eses homes sonvos peores que os xudas que venderon a Noso Señor. Ouvídeme, homes e rapaces de Trasouto: habedes de pisar o meu corpo maldizoado denantes de andar un paso máis. ¡Ouvide, nin un voltará, non veredes máis as centeeiras nos eidos! ¡pobres pais! ¡Pobres nais! ¡Malditas mulleres! Nunca Deus me dera. Oxalá me arrincara os ollos denantes de que tal cousa ollaran. Inda estades a tempo. ¡Rachade o papel!. Perdede os cartos! (p. 199).

Conclusión

   Otero Pedrayo describe nesta obra de carácter histórico e realista a transformación profunda da sociedade tradicional rural galega durante un período de aproximadamente trinta anos. A novela revélanos unha fidalguía que dimite das súas funcións de liderado e provoca o colapso dun hábitat que se viña mantendo secularmente en equilibrio. Pedrayo, pertencente por xinea a esta clase social, non ten consideración con ela, a non ser o personaxe de Ramona e a do seu sobriño Paio, que simboliza o fidalgo comprometido coa súa terra e coa súa historia. A burguesía foránea triunfante é vista como un grupo social materialista e rapineiro, non integrado, descoñecedor da realidade, as tradicións e a lingua e cultura galegas e, alén diso, cunha mentalidade colonialista e soberbia de desprezo por todo o que representa Galiza. Desafortunadamente, unha nova realidade social, que non agrada ao autor, está a emerxer e a derrubar unhas características identitarias propias que definen a nosa singularidade e nos conforman coma un pobo e un país diferenciado dentro do Estado español.

   A transformación profunda da sociedade galega consumouse nesta etapa. Galiza nunca máis ha volver ao seu ser tradicional e a nova realidade que despunta desgusta e incomoda a esa elite social formada pola fidalguía, que por inacción, abulia e neglixencia, camiña cara ao suicidio colectivo e extinción definitiva como clase dirixente privilexiada.

[1] Otero Pedrayo, Ramón (1990): Os camiños da vida. Vigo, Editorial Galaxia.

[2] Trasunto significa copia, imaxe ou reprodución fiel de algo ou alguén.

Quintana, X. Ramón e Valcárcel, Marcos (1988): Ramón Otero Pedrayo: vida, obra e pensamento. Vigo, Ir Indo Edicións.

[3] A Revolución de Outubro de 1868, un levantamento militar e popular, é coñecida como A Gloriosa. Derrocou a Isabel II e deu inicio ao Sexenio Democrático en España. Ao ano seguinte (1869) aprobouse unha nova constitución, unha das máis liberais do século XIX.

[4] Maorazga é a forma usada por Otero, mais a considerada correcta desde o punto de vista mormativo é morgada, que significa filla ou fillo maior herdeiro dos bens familiares.

[5] Uisneach ou Ushna é coñecido coma o embigo ou centro xeográfico e sagrado de Irlanda. Na obra de Pedrayo representa o lugar de encontro das cinco provincias históricas da illa.

[6]Conservamos esta forma, malia ser un castelanismo, porque nos parece importante. Estrada sería a forma adecuada se respectamos a normativa vixente.

[7] D. Xacobe, o abade da parroquia, afirma o seguinte tocante ao interese de misia Xacinta en que o seu fillo morgado estudase: “As letras sonlle boas para os fillos dos pobres que non gustan do rabo da aixada e queren medrar collidos ás faldras do señorío. ¡Coitado rapaz! Nado herdeiro e fidalgo para escachar a testa estudando. ¿Vostede que estudiou, don Caetano? Cobrar as rendas e mandar na xente, ¿non é, meu señor?” (pp. 88-89).

[8]  A Igrexa era receptora de varias cargas impositivas: o Décimo, chamado así porque represantaba a décima parte dos bens agrícolas e gandeiros obtidos polo labrego. Este imposto foi abolido nos anos trinta e posteriormente substituído por outro chamado Presupostos de Culto e Clero. Outros pagamentos obrigatorios eran as Oblatas, as Primicias, os Dereitos de estola e Pés de Altar e a Luctuosa ou Abadía.

[9] A primeira estrada moderna de Galiza, deseñada para o tráfico de carruaxes, foi a que conectaba Villacastín con Vigo, iniciada arredor de 1860.

[10] Durante os séculos XVII e XVIII consolidouse o cultivo do millo e durante o XVIII e XIX o da pataca, produtos orixinarios de América; porén, decaeu o consumo da castaña, froito con moita importancia na tradición alimentaria de Galiza.

[11] O Antigo Réxime en España era un sistema baseado na monarquía absoluta, a sociedade estamental con privilexios para nobreza y clero e una economía principalmente agraria. O Novo Réxime liberal en España baseábase nunha monarquía constitucional, a igualdade ante a lei e unha economía liberal sustentada na propiedade privada e no capitalismo.

[12] Este título remítenos ao 3º movemento da Sinfonía nº 3 de Beethoven e transmite unha mensaxe de liberdade, heroísmo, drama e triúnfo. O autor dedicoulla a Napoleón e máis adiante retirou a dedicatoria cando este se  autoproclamou emperador o 18 de maio de 1804.

Pilar Freitas Juvino

Pilar Freitas Juvino

Profesora de Galego

Son Pilar Freitas Juvino e nacín en Campo Lameiro en 1960. Os estudos primarios realiceinos na escola pública desta vila e aos 11 anos marchei interna a un colexio de Tui. Alí estudei o bacharelato no instituto San Paio ata o ingreso na USC onde me licenciei en Filoloxía Románica. Rematada a carreira, estiven durante o curso 1982-83 como auxiliar de conversa de español na cidade de Bayonne, en Francia.

De volta a Galiza, comecei a dar clases como profesora de Lingua e Literatura Galega en diferentes institutos ata recalar no ano 1986 no IES Valle Inclán. Alí permanecín durante todo o resto da miña carreira profesional.

En 2006 doutoreime en Filoloxía Galega cunha tese sobre a represión lingüística en Galiza durante o século XX, tese que máis tarde publicou a editorial Xerais baixo o mesmo título.

Desde o ano 2012 ata 2022 fíxenme cargo da dirección do centro, cargo ao que tiven que renunciar por motivos de saúde.

Considero que esta nova etapa que estou a afrontar debe ser unha etapa arrequecedora, activa e frutífera; por iso a posibilidade que colaborar neste blog ou bitácora e achegar un miúdo gran de area sobre un dos temas que máis me interesan, como é a situación da lingua galega no seu contexto histórico e social, supón para min unha gran motivación e representa unha oportunidade de dar a coñecer a nosa realidade lingüística, tanto pasada como actual.

Dereitos lingüisticos

A gaita Galega

Primeiros pasos cara á normativización e estandarización da Lingua Galega no século XIX (I): As Gramáticas

Orixe e antigüidade do idioma Galego

 

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Vixencia e actualidade da obra Rosaliana por Pilar Freitas

Vixencia e actualidade da obra Rosaliana por Pilar Freitas

VIXENCIA E ACTUALIDADE DA OBRA ROSALIANA

“A gaita gallega”: o drama da emigración

En 1863 publícase en Vigo Cantares gallegos de Rosalía de Castro, obra que se ha converter en baliza histórica ao marcar o inicio do que se coñece como Rexurdimento galego. O libro comeza cunha dedicatoria a Fernán Caballero “por ser mujer” e “por haberse apartado algún tanto, en las cortas páginas que se ocupó de Galicia, de las vulgares preocupaciones con que se pretende manchar a mi país”, asinada en Santiago o 17 de maio. Esta data servirá de referencia cen anos despois para instituír o Día das Letras Galegas. Consta de trinta e seis poemas e un “Prólogo” no que a autora expón que vai atopar o lector ou lectora neste libro auroral: glosas de cantigas populares nas que vai abordar todo aquilo relativo ás clases populares e aos seus problemas: a pobreza, a emigración, a inxustiza social, o abandono do Estado. En fin, todo aquilo que a conmove e lle provoca tristeza e desconsolo.

No primeiro poema pídenlle a unha meniña¹ cantar a Galicia en galego a cambio de comida e roupa e ela comprométese a facelo. No derradeiro, intervén a rapaza para pedir desculpas pola falta de graza que, no entanto, intenta suplir cun profundo e inmenso amor á patria; e mentres canta e parece leda “por dentro un chora”. O poemario posúe unha estrutura circular. O primeiro texto funciona coma unha introdución e o último como un epílogo.
Non é a nosa intención analizar e profundar na obra en xeral, só nos referiremos ao poema número vinte e sete titulado: “A gaita gallega”, coa anotación: “Resposta ao eminente D. Ventura Ruíz de Aguilera”. Rosalía agradece ao poeta e narrador salmantino, que tres anos antes publicara o poema “La Gaita gallega”, dedicado “A mi querido amigo, D. Manuel Murguía”, o terse acordado de Galiza “¡ti entre tantos!”, exclama. Ruíz de Aguilera, remata as cinco estrofas das que consta o poema cos seguintes versos referidos ao son da gaita galega: “no acierto a deciros / si canta ó si llora”. En cada estrofa contrapón o positivo de Galiza: a beleza, a riqueza dos seus cen portos e tamén a feracidade da terra, aínda que moi inxustamente repartida; e o negativo: o abandono, a prostración, a miseria, a emigración e o desprezo e a mofa que sofren acotío os galegos: ¡Tendrás sed…! Hiel y vinagre / te darán con mano pródiga, / y con corona de espinas, / cetro de caña por mofa;”.

O poema de Rosalía consta igualmente de cinco estrofas e ao final de cada unha afirma: “Eu podo decirche: / non canta, que chora”. A autora, que viviu e vive de primeira man a realidade galega, asevera que o son da gaita, símbolo da colectividade e transmisora dos seus sentimentos, é un son de tristura, angustia, desamparo e sufrimento. Galiza é unha virxe mártir “cos pes cravados de espiñas, /cas mans cubertas de rosas”, e aínda que a gaita toque unha alborada de gloria e bailen nas eiras as turbas loucas, eses sons provócanlle un sentimento de profunda aflición. As bágoas afloran e acórana. Deus foi xeneroso con Galiza dotándoa dunha extraordinaria beleza: “brancas auroras”, “campos froridos”, “verdes pinos”, froliñas cheirosas”… Porén, tamén se ven “pasar macilentas sombras, / grilos de ferro arrastrando / antre sorrisas de mofa,”. Fronte á exuberancia e á beleza: fame, escravitude, desprezo e burla.

Os cen² portos de Galiza prodúcenlle temor ao evocaren a lacra da emigración. Os galegos embarcan en naves soberbias “rumbo da América infanda /que a morte con pan lles dona, / desnudos pedindo en vano / á patria misericordia”. Este é o tema nuclear do poema. Os galegos vense obrigados a emigrar para evitar morreren de fame e o Estado español ten a súa terra abandonada, renegando deste marabilloso recuncho peninsular. Galiza e os seus fillos e fillas están sós, sen ninguén que lles bote unha man para erguérense e axudárenlles a camiñar; e suplican unha axuda: “tendida na verde alfombra / ó mar esperanza pides / de Dios a esperanza imploras”, que non lles é concedida; por iso Rosalía decepcionada e anoxada escribe con desespero: “Probe Galicia, non debes / chamarte nunca española, / que España de ti se olvida / cando eres, ¡ai!, tan hermosa”.

O home e o neno

Fotografía de Manuel Ferrol 1957

España non se comporta coma unha nai, rexeita os seus fillos e renega deles, e estes non teñen máis remedio que emigrar sen o agarimo e a atención que se agarda de quen che deu a vida: “Galicia ti non tes patria, / ti vives no mundo soia, / e a prole fecunda túa / se espalla en errantes hordas”. Malia Ruíz de Aguilera invocar a esperanza nun futuro afagador, Rosalía amósase escéptica porque, de chegar algún día a redención da súa terra, quizais sexa demasiado tarde e “quisáis, cansada e sedenta, / quisáis que de angustias morra”. Galiza está exhausta e camiño do sacrificio coma unha mártir á que, en vez socorrer, atormentan e humillan aínda máis. Tanto o autor salmantino coma Rosalía utilizan a simboloxía cristiá para exemplificar a dramática situación que está a vivir a terra galega. O primeiro escribe: “¡Tendrás sed…! Hiel y vinagre / te darán con mano pródiga, / y, con corona de espinas, cetro de caña por mofa.”; Rosalía refírese a Galiza en dúas estrofas, na primeira e na quinta, como “Virgen-mártir”.

Hai quen quere ver neste poema rosaliano o primeiro xermolo do nacionalismo galego, mais nós entendemos que a intención non é tanto un protoseparatismo senón un berro de auxilio e unha queixa estremecedora ante a miseria, a fame e a inxustiza social que estaba a padecer, e cuxo corolario era a emigración masiva dos mozos galegos, neste caso a América.
Mais, realmente a situación que vivía Galiza e a maioría dos galegos e galegas nesta época era tan terriblemente precaria como no la describe Rosalía ou está esaxerando? De nos focalizar nos anos cincuenta e sesenta do século XIX, podemos afirmar que o que ela refire corresponde á realidade cotiá da súa terra.
Galiza seguía sendo unha comunidade maioritariamente rural, cunha economía baseada case por completo na agricultura de subsistencia con cultivos de millo, pataca, centeo e trigo. Predominaba o minifundismo que dificultaba a modernización e xeraba escasos ingresos. A industria era moi limitada: pequenos talleres artesanais e algunhas como a salgazón de pescado (un oasis dentro do deserto), téxtiles domésticos e ferrerías tradicionais. Mentres en Europa occidental este foi o século da industrialización, aquí foi o contrario. Incluso Sargadelos, primeiro industria siderúrxica e logo reconvertida en fábrica de louza, acabou pechando en 1875.

As leis de desamortización de Mendizábal (1836) para expropiaren e venderen as terras e bens da Igrexa e a de Madoz (1955), máis ampla, pois afectaba aos bens dos concellos e do Estado, tampouco favoreceron os campesiños, xa que as terras foron adquiridas polos burgueses urbanos e grandes propietarios, e moitos campesiños incluso perderon dereitos de uso de montes comunais empeorando as súas condicións de vida. En consecuencia, a poboación rural galega vivía en situación de pobreza crónica, as taxas de analfabetismo eran elevadísimas e, para sobreviviren, dependían dos foros que se perpetuaron e seguiron rexendo as relacións de propiedade da terra, e das rendas agrarias herdadas do Antigo Réxime.
O abandono secular de Galiza por parte do Estado era escandaloso debido á falta de poder político real e o caciquismo perverso atenazaba a sociedade galega. O ferrocarril, símbolo decimonónico do progreso, non chegou a Galiza ata 1873 cando se inaugurou o tramo de 41 quilómetros entre Santiago e Vilagarcía. E ata 1885 non quedou unida ao resto de España pola liña norte. A situación era un círculo vicioso, pois a falta de pasaxeiros e a escaseza de mercadorías desalentaban a súa construción, pero a súa falta bloqueaba a exportación de produtos galegos, principalmente de gando, a Madrid e a Cataluña.

Outra característica da Galiza desta época foi o aumento da poboación, aínda que nunha porcentaxe inferior ao resto de España. A mediados de século chegou a tres millóns de habitantes, cifra non alcanzada hoxe, o que provocou unha forte crise no modelo de subsistencia. Alén diso, os campesiños pagaban cada vez máis impostos e o Estado, fortemente centralizado, reclamaba os mozos galegos para as quintas e as levas.
No período central de século, entre 1833 e 1873, houbo catro epidemias de cólera e en 1853 produciuse a “gran fame” como consecuencia de acontecementos meteorolóxicos adversos, grandes chuvias, que carrexaron malas colleitas, e de pestes que afectaron a cultivos como a vide e a pataca. A xente morría literalmente de fame. Non obstante, a situación dos galegos e galegas non foi tan dramática coma a vivida en Irlanda, onde a crise da pataca, convertida case en monocultivo, expulsou do país a unha gran parte da poboación.

Perante estas circunstancias tan dramáticas, a única válvula de escape que lles quedaba aos pobres galegos era a emigración, fenómeno que, por outra parte, afectaba a toda Europa -54 millóns de europeos viaxaron a ultramar entre 1851 e 1950. A emigración masiva intensificouse a partir da década de 1860 aínda que entre 1853 e 1863 xa comezaran os fluxos migratorios a países como Cuba, a Arxentina e o Brasil³ -estes países absorberán o 90% dos emigrantes galegos da época. Alén do éxodo masivo a América, os galegos tamén se trasladaban, nunha migración estacional, a Castela, Andalucía, ou incluso, dunha forma máis permanente, a Portugal. En Lisboa, xa no século XVIII, chegou a haber 80.000 galegos; de feito, moitos deles participaron na reconstrución da cidade despois do terremoto de 1755. Tocante á emigración temporal á sega de Castela, non é casualidade que o poema número vinte e tres se titule “Castellana de Castilla” e o inmediatamente anterior ao que estamos a comentar, “Castellanos de Castilla”. Rosalía clamaba pedindo xustiza ante o maltrato e o desprezo que lles inflixían aos traballadores estacionais. Ela sentía o sufrimento desta xente coma propio e non podía deixar de erguer a voz na súa defensa.

Non podemos abranguer neste breve traballo todo o relativo á emigración a América, por iso só nos centraremos na que se trasladou a Cuba, dado que se ten constancia dalgún episodio terrible que seguramente influíu profundamente no ánimo de Rosalía e na súa visión esgazadora tocante a ela; lembremos o primeiro poema “Pra a Habana”, da parte quinta do libro Follas Novas titulada: “As viudas dos vivos e as viudas dos mortos”. Queda clara a súa visión negativa sobre o impacto que a emigración, sobre todo de homes novos, tiña na vida de toda a sociedade galega, nomeadamente na das mulleres que quedaban soas, moitas veces abandonadas á fronte da casa, do coidado e educación dos fillos e fillas, dos maiores e de todas as angueiras precisas para sobreviviren.

Co xa se dixo, a emigración era altamente masculina, de carácter popular e de baixa cualificación laboral. En gran parte serviu para suplir a falta de man de obra autóctona e a supresión da escravitude de persoas negras en dúas das tres rexións americanas mencionadas: nordeste do Brasil e Cuba 4. Segundo Ramón Villares 5, era unha emigración “andoriña” de carácter estacional e a súa orixe concentrábase nalgunhas bisbarras do norte e centro de Galiza. Esta emigración cesou de maneira abrupta nos anos trinta. A illa antillana apenas tiña un millón de habitantes en 1817 e acadou os dous millóns ao pouco de conseguir a independencia e recibir grandes continxentes de poboación foránea: africanos de raza negra e españois de raza branca. Especializouse na plantación de azucre ata converterse no primeiro produtor mundial. Os enxeños azucreiros necesitaban moita man de obra e importábana masivamente de África; entre 1891 e 1870, 780.000 escravos ingresaron en Cuba, cifra enorme se a comparamos co resto de escravos importados en toda Hispanoamérica. A poboación de cor chegou a supor o 40% de toda a poboación. Na illa antillana dominaba unha economía escravista dedicada ao monocultivo de cana de azucre.

Despois da abolición da escravitude negra, unha masiva emigración branca procedente de distintos lugares de España: canarios, cataláns, cántabros, asturianos e galegos, chega a Cuba para ocuparen o nicho deixado polos escravos de cor despois de varias revoltas. Non só se necesitaba unha inxente man de obra senón que cumpría balancear o “ennegrecemento” da poboación. España fomentou esta diáspora multitudinaria achegando poboación branca á illa a través de empresas de colonización, unha colonización organizada e destinada a lograr os dous grandes obxectivos da administración española: colonizar o territorio e branquexar a poboación. Para evidenciar a importancia que o Goberno español lle outorgaba a esta illa, sinalaremos que a primeira liña de ferrocarril establecida na España de Isabel II foi en Cuba: a estendida entre A Habana e Güines en 1837, exactamente once anos anterior á primeira da península. Durante a segunda metade do século a emigración foi en aumento. Entre 1899 e 1960 arribaron a Cuba 380. 000 emigrantes desde portos galegos. Cando no ano 2007 se aprobou a Lei de Memoria Histórica, 140.00 fillos ou netos de residentes españois, acolléronse a ela.

recollendo piñas

Esclavos galegos no s.XIX en Cuba el progreso

esclavos cortadores de leña de azucar en cuba

Esclavos cortadores de leña de azucar en cuba. Xenelogia.org

Os emigrantes galegos que chegaron a Cuba, ademais de traballar en enxeños produtores de azucre, desempeñaron diversos traballos. Os homes empregábanse en negocios familiares e pequenos comercios. A maioría das “bodeguitas” ou almacéns de hostalería eran propiedade de galegos; tamén destacaron en actividades coma tendas de confección, xoiaría e tinturería. Sendo a emigración maioritariamente masculina, as mulleres que se aventuraron dedicábanse principalmente ao servizo doméstico: criadas e cociñeiras. Á veces Cuba tamén actuou de plataforma para dar o salto a México ou Estados Unidos. Un cuarto dos traballadores na construción da Canle de Panamá eran de orixe galega, ben recrutados directamente en Galiza, ben en Cuba.

Mais volvendo ao poema de Rosalía e considerando as datas nas que os escribiu, hai algún acontecemento controvertido relacionado coa emigración que probablemente afectou dunha maneira moi intensa a súa sensibilidade e produciu nela ese rexeitamento e esa visión tan negativa dunha lacra que decimaba a poboación galega. A imaxe que chegaba a Galiza dos emigrados a Cuba era moitas veces desfigurada e falsa, ben por interese económico, pois ese transvase de xente era un negocio para as navieiras, os prestamistas, os bancos e, en definitiva, para o Estado, porque recibía divisas, diñeiro que, tamén hai que dicilo, contribuíu á modernización da agricultura e apoiou iniciativas industriais, culturais e, nomeadamente, promoveu a construción de escolas, coñecidas como “escuelas dos americanos”; ben porque os propios emigrados querían transmitir unha imaxe idílica e moitas veces falsa da súa situación, detrás da cal se ocultaba o infortunio e o fracaso.6

Sóubese dalgún barco que transportou emigrantes galegos a África occidental cando eles crían que se dirixían a Cuba. O mellor documentado é un que chegou á Guinea española Fernando Poo, hoxe chamada Bioko. Facíanlles promesas cunhas condicións de traballo moi boas, pero a realidade era ben diferente: tiñan que traballar en condicións de semiescravitude. Malia ser un termo controvertido, algúns historiadores falan de “trata encuberta de brancos”7.

Un médico novo preguntou detalles da historia. “Sería moi longa de contar. Voltar non voltou ninguén, e, en lugar de levalos a Cuba, o barco saíu de Baiona (xa procuraron o sitio adecuado) e tomou o derroteiro de África. Quizais a traballar como escravos nas minas de non sei que. Unha compañía na que había capitais ingleses, de Liverpool, o pobo enriquecido coa trata, xente portuguesa e reis negros. Ningún voltou. Os de aquí cobraron por cada home máis que por dúas xugadas das boas. Unha venda de escravos8

O episodio máis terrible relacionado coa emigración a Cuba tivo lugar no ano 1854. Como xa dixemos, Galiza estaba vivindo unha penuria económica e a xente morría literalmente de fame. Non tiña que levar á boca e a única escapatoria da inanición era procurar unha vida mellor fóra. Neste contexto, empresarios cobizosos e sen escrúpulos dedicáronse a captar mozos galegos “libremente contratados” coa promesa de os levaren ao paraíso terreal. Un destes empresarios aproveitados e sen escrúpulos foi Urbano Feijoo de Sotomayor, un galego residente en Cuba que creou a Campañía Patriótica-Mercantil para importar galegos á illa. Prometíanlles contratos de cinco anos en moi boas condicións: viaxe de ida e volta pagada, aclimatación, alimentos, vestiario, asistencia médica, salario mínimo e descanso regulado. A realidade que atoparon estas vítimas enganadas foi moi diferente e as condicións de traballo eran case de semiescravitude9. Os datos son esclarecedores, en agosto chegaran case 1800 galegos -entre marzo e agosto houbo oito viaxes de Galiza a Cuba- e en decembro xa morreran 50010. Esta situación, relatada por moitos emigrantes en cartas enviadas ás súas familias para pediren axuda, provocou un importante debate social. Na lexislatura das Cortes de 1854-1856 creouse unha comisión parlamentaria para investigar o sucedido. No arquivo do Congreso dos Deputados consérvase o expediente completo.11

A emigración continuou. Os tres anos da guerra da independencia atrasaron un pouco a chegada , pero logo tomouse con maior intensidade. En 1901 construíuse Triscornia12, un campo ou estación de control e retención preto da Habana a imitación da Ellis Island (1892) de Nova York. Moitos dos emigrantes que chegaban alí e non tiñan xa traballo apalabrado ou non o conseguían eran devoltos a España. Entresacamos algún fragmento moi elocuente de Estebo (páx. 147)

Era un terreo grande, todo cerrado con aramios de picos.
Eu non digo que ben porque alí non se gañaba nada, senón que se gastaba aínda, ademais, como non se tiña a certeza de cando se iba salir, nin para onde nin para que cras te traballo…
Tódolos días pola mañáns e algún tamén polas tarde, viñan capataces e axentes a buscar homes para traballar. Levaban a cincuenta e máis. Cando chegaban ás oficinas salía un empregado a avisar a grandes berros. Pero non facía falla. Xa se poñían tódolos emigrantes ben á man para colle-lo mellor sitio, a fin que os viran. O malo era que o axente non se agarraba ós primeiros que vía. Escolmaba os que tiñan máis corpo e parecían máis fortes. Eles pedían todos a unha.
-Léveme a min! ¡Léveme a min!

“Hai 150 anos aos galegos tratáronos como aos que hoxe chegan en patera”, afirmou X. M. Núñez Seixas nun conferencia sobre emigración13.
Porén, non todos os emigrados fracasaron. Alén da desventura de moitos que atoparon sufrimento, humillación e incluso a morte en Cuba, algúns outros fixeron fortuna. O vínculo coa terra na que naceran permaneceu e a actividade asociativa dos galegos na illa foi moi intensa. Salientaremos coma fitos importantes a fundación da Beneficiencia de los Naturales de Galicia en 1871 e do Centro Gallego en 1879.
Malia saírmonos do marco temporal que fixamos, en Cuba acontecen dous feitos de suma transcendencia para a identidade e dignidade do noso país: a fixación do himno e da bandeira, principais símbolos de Galiza. O poema de Pondal titulado “Os pinos”, musicado por Pascual Veiga, deuse a coñecer nun certame literario na Coruña en 1890, pero a súa estrea no Centro Gallego de La Habana en 1907 acelerou a súa difusión. A bandeira fora xa deseñada por Murguía en 1887 e a petición de Curros Enríquez e Fontenla Leal adquire a súa fixación definitiva en 1906. O Centro Gallego oficialízaa en 1908 para presidir os seus actos e a difusión corre paralela á do himno. E non deixaremos de mencionar a creación da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia en 1905 por iniciativa de Curros e do tipógrafo Fontenla Leal. Finalmente, a Real Academia Galega constituíuse na Coruña en 1906 e durante os dezasete primeiros anos foi presidida por Manuel Murguía. O apoio económico da emigración a esta institución permaneceu ata a crise dos anos vinte.

Asemade, Rosalía tamén se queixa amargamente do trato denigrante e vexatorio que reciben os galegos na emigración, fóra da súa terra: “mais, ¡ai!, como tamén vexo / pasar macilentas sombras, / grilos de ferro arrastrando /antre sorrisas de mofa”. E referíndose ao Estado español: “Cal si na infamia naceras, / torpe, de ti se avergonza, / e a nai que un fillo despresa / nai sin corazón se noma”. Non imos estendernos aquí sobre o maltrato recibido secularmente polo noso pobo e que, tristemente, aínda ás veces aflora arestora. Só citaremos algunhas frases ou textos de egrexios literatos casteláns para se referiren aos galegos e ás galegas e á propia Galiza de xeito despectivo e pexorativo:14
Bartolomé de Villalba (Século XVI): “Gente pobre, grosera, poco caritativa”, “viles camas, peores casas; gente celosa”.
Francisco de Zúñiga (século XVI): “Los gallegos son los más de ellos de la generación del ladrón”.
Amaro Rodríguez (século XVII): Reino infeliz, desventurado / de España muladar”.
Gonzalo de Correas (século XVII): “Antes puto que gallego”.
Mariano José de Larra (século XIX): “El gallego es un animal muy parecido al hombre, inventado para alivio del asno”.

Grandes poetas coma Quevedo e Góngora contribuíron ao menosprezo e degradación de todo o relativo a Galiza. O primeiro afirmaba sobre Galiza: “En España es tenida en desprecio por ruda, pobre, bárbara y remota, poco favorecida de Naturaleza, fea, con montes y áspera”. O segundo escribía: “¡Oh, montañas de Galicia / Cuya, por decir verdad, / Hermosura es suciedad, / Cuya maleza es malicia”.
Os homes non foron os únicos que sufriron estas aldraxes. O retrato deforme e hipersexualizado das mulleres galegas tamén se mantivo no tempo. Así, un personaxe de Tirso de Molina di que é “moito pedir” encontrar unha galega que sexa virxe; e Lope de Vega escribe: “Ay, gallega, rolliza como un nabo, / Entre puerca y mujer, que baja al río…”. E o salmantino Diego de Torres Villarroel publicaba en 1737 a súa burlesca Peregrinación al glorioso Apóstol Santiago de Galicia, onde denigraba a muller galega a través do clixé castelán: “Una rolliza gallega / por tetas dos calabazas, / una cuba por barriga, / y por embés dos tinajas”.

Descritos baixo un físico brutal e grotesco, os galegos do imaxinario español seguiron a espertar desprezo e noxo na sociedade do século XIX ao consideralos pouco máis que animais de carga.15 Mariano José de Larra (século XIX): “El gallego es un animal muy parecido al hombre, inventado para alivio el asno”.
Malia non ser tan acentuada coma noutros países, a mofa dos galegos tamén aparecía nos sainetes cómicos cubanos, nos cales os personaxes centrais eran o negro e o galego. Esta imaxe denigrante que se proxectaba desde o teatro folclórico deu orixe a varias protestas na prensa cubana e algunhas algaradas nas rúas.

Estes estereotipos negativos calaron profundamente na sociedade española e na galega, ao xeraren entre os propios naturais da terra un autoodio moi fondo e, por conseguinte, moi difícil de erradicar. Rosalía era consciente deste desprezo. Ela mesma o sufrira por ser filla “ilexítima”, por ser muller e por ousar escribir na lingua da xente do común, dos aldeáns e dos desfavorecidos. Por iso ergue a súa voz a través da poesía para defender un pobo esquecido, humillado e ofendido. O sufrimento e a dor dos galegos é a súa propia dor, e o amor a Galiza e aos seus conterráneos impregna a súa obra escrita nunha lingua de seu que eles mesmos crearon.

A modo de reflexión final, non podemos senón manifestar que o ser humano é o único ser vivo capaz de colonizar todo o planeta Terra. Non o conseguiu por ser o máis forte, o máis veloz, ou por ter os sentidos máis agudizados, conseguiuno pola súa intelixencia e, sobre todo, pola colaboración cos seus conxéneres. E tivo éxito. Hoxe poboamos este planeta azul, pois o 71% da superficie está cuberta de auga, máis de 8.000 millóns de persoas. Malia todo, somos insignificantes na inmensidade do espazo onde a Vía Láctea, galaxia á que pertencemos e que está conformada por centos de miles de millóns de estrelas, é á súa vez unha das centos de miles de millóns ou incluso billóns de galaxias. O homo sapiens foi capaz de sobrevivir nas condicións máis adversas, acadou grandes logros, foi capaz das máis grandes fazañas, pero no seu interior tamén aniñou unha gran soberbia: “somos os reis da creación”, e un gran egoísmo que o fai sospeitar e rexeitar o diferente, o que vén de fóra, o que ten unha cor de pel ou unha lingua distinta -bárbaros chamábanlles os romanos; e por iso nos dedicamos afanosamente a marcar fronteiras –as cicatrices da historia, dirían algúns- e a erguer muros e valados.

Os movementos migratorios non son algo recente ou ex novo. Os humanos desprazámonos desde sempre polo planeta un busca de alimento e máis adiante, a raíz da invención da agricultura no neolítico, pola terra. As guerras e as fames son as grandes pancas migratorias, pois un non abandona a terra, a familia e corta as súas raíces por capricho. Na orixe de todo está a supervivencia.
Corren tempos escuros para todos os máis desfavorecidos e necesitados. Agardemos que o pasado e a historia nos axuden a reflexionar e comprender que a diversidade é riqueza e que ningún de nós naceu con dereito exclusivo e excluínte dun retrinco de terra deste planeta, o noso único e común fogar.

¹ Trasunto da propia Rosalía.
² Galiza ten 128 portos.
³ Para coñecer máis en profundidade a emigración galega a este país recoméndase a lectura do libro A república dos soños, de Nélida Piñón (2005). Vigo, editorial Galaxia.
4 A escravitude aboliuse en Cuba por decreto real o sete de outubro de 1886. Xa se prohibira a trata de escravos negros por presión británica en 1845; malia todo, continuou de forma ilegal ata 1867.
5 Villares, Ramón (2019): Galicia. Una nación entre dos mundos. Barcelona: Pasado &presente.

6 Recomendamos ler o libro Estebo, de Xosé Lesta Meis (1926). Seguimos a edición de Edicións Xerais, Vigo (1981). O autor narra a viaxe migratoria do protagonista a Cuba baixo o feitizo da imaxe idealizada da emigración propagada interesadamente, e o fracaso que comezou a xestarse xa na propia travesía de doce días en terceira clase.

7 Murado, Miguel A. (2008): Otra idea de Galicia. Barcelona, Debate.
8 Ramón Otero Pedrayo refírese a este episodio na súa novela Os camiños da vida (1928). Nós seguimos a edición de Galaxia, Vigo (1990), pp. 196-201.
9 As condicións nas que vivían eran infrahumanas; incluso lles chegaban a pagar con fichas que, por outra parte, non tiñan valor legal fóra das enxeños. Isto obrigábaos a canxealas só na “Tienda de raya”, propiedade do dono do enxeño. Os abusos eran cotiáns e o traballador enredábase nunha débeda perpetua que lle impedía traballar e aforrar para regresar á casa. As xornadas de traballo podían superar as 12 horas e a fame, a desnutrición e a calor extrema minaba a súa sáúde conducíndoo a miúdo á morte. Esta emigracón branca era un recurso rexeitable cunha valía inferior á dos negros africanos.
O pagamento con fichas pódese ver en filmes como:
La última cena (1976. Película cubana dirixida por Tomás Gutiérrez Alea.
Django desencadeado (2012), de Quentin Tarantino.
Doce anos de escravitude (2013), de Steve MacQueen.
10 A odisea desta viaxe relátaa Bibiana Candia no seu libro Azucre (2025). Pontevedra, ed. Kalandraka.
11 Véxase: https://www.congreso.es/es/cem/vidparl1854

https://www.elprogreso.es/articulo/lugo/historias-de-lugo/201806121430361317667.ht
https://www.elconfidencial.com/cultura/2022-07-24/bibiana-candia-azucre-gallegos-esclavos-cuba_3464073/
12 Este lugar descríbeo moi ben o protagonista do libro xa mencionado máis arriba: Estebo.
13 https://www.lavozdegalicia.es/amp/noticia/pontevedra/2000/11/21/os-galegos-trataronnos-igual-agora-os-das-pateras-dice-xose-nunez-seixas/0003_298725.htm?utm_campaign=amp

14 Véxase o capítulo “De la gallegofobia a la gallegofilia” da obra de Miguel Anxo Murado mencionada máis arriba.
https://gl.wikipedia.org/wiki/Galegofobia

15 Peres Vigo, A. (2024): Galaicofobia. Vigo, editorial Galaxia

Enlace aos poemas

Pilar Freitas Juvino

Pilar Freitas Juvino

Profesora de Galego

Son Pilar Freitas Juvino e nacín en Campo Lameiro en 1960. Os estudos primarios realiceinos na escola pública desta vila e aos 11 anos marchei interna a un colexio de Tui. Alí estudei o bacharelato no instituto San Paio ata o ingreso na USC onde me licenciei en Filoloxía Románica. Rematada a carreira, estiven durante o curso 1982-83 como auxiliar de conversa de español na cidade de Bayonne, en Francia.

De volta a Galiza, comecei a dar clases como profesora de Lingua e Literatura Galega en diferentes institutos ata recalar no ano 1986 no IES Valle Inclán. Alí permanecín durante todo o resto da miña carreira profesional.

En 2006 doutoreime en Filoloxía Galega cunha tese sobre a represión lingüística en Galiza durante o século XX, tese que máis tarde publicou a editorial Xerais baixo o mesmo título.

Desde o ano 2012 ata 2022 fíxenme cargo da dirección do centro, cargo ao que tiven que renunciar por motivos de saúde.

Considero que esta nova etapa que estou a afrontar debe ser unha etapa arrequecedora, activa e frutífera; por iso a posibilidade que colaborar neste blog ou bitácora e achegar un miúdo gran de area sobre un dos temas que máis me interesan, como é a situación da lingua galega no seu contexto histórico e social, supón para min unha gran motivación e representa unha oportunidade de dar a coñecer a nosa realidade lingüística, tanto pasada como actual.

Dereitos lingüisticos

A gaita Galega

Primeiros pasos cara á normativización e estandarización da Lingua Galega no século XIX (I): As Gramáticas

Orixe e antigüidade do idioma Galego

 

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Orixe e antigüidade do idioma Galego por Pilar Freitas

Orixe e antigüidade do idioma Galego por Pilar Freitas

REIVINDICACIÓN DA SÚA NOBREZA E PREVALENCIA SOBRE O PORTUGUÉS E O CASTELÁN NO SÉCULO XIX

Como xa vimos ao falar das gramáticas e dos dicionarios, a partir da segunda metade do século XIX varios intelectuais emprenderon unha tarefa de reivindicación e dignificación da lingua galega, nun contexto marcado pola súa marxinación institucional e polo predominio do castelán como lingua de cultura. Entre estas iniciativas destacan as obras El habla gallega de Juan Cuveiro Piñol e El idioma gallego. Su antigüedad y vida de Antonio de la Iglesia, textos fundamentais para a reflexión sobre a orixe e antigüidade do idioma de Galiza

En 1868 publícase o libro titulado El habla gallega1 da autoría de Juan Cuveiro Piñol. Consta dun longo prólogo, un bosquexo de gramática de apenas trinta e seis páxinas, e un compendio de textos de autores da época que ocupa outras corenta e tres. Esta antoloxía comeza cunha cantiga titulada “Aires populares” e continúa con poemas de Alberto Camino, José Benito Andrade ou X. Manuel Pintos; textos de Frei Martín Sarmiento (século XVIII), Afonso X o Sabio, Macías de Padrón e tres documentos gardados nos mosteiros de Melón, Armenteira e Oia.

Non imos profundar na parte gramatical nin na selección de textos, só nos centraremos no amplo “Prólogo a la primera edición” no cal o autor, apoiándose en textos de diferentes eruditos, trata de coñecer as distintas etapas “del idioma de nuestra patria”. Comeza falando de idioma e a seguir pasa a falar de dialecto. Para el, a diferenza radica en que idioma era o “primitivo” e dialecto é o “actual”, porque só hai unha lingua común para toda España, e isto fai imposible que o galego tamén o sexa.

A primeira fonte erudita mencionada é Frei Martín Sarmiento2, quen consideraba que as linguas de substrato, nomeadamente o celta, foran corrompidas polo latín e este, á súa vez, fora corrompido polas linguas xermánicas; posteriormente, o árabe deixaría unha pegada tamén moi importante ao orixinar os distintos dialectos. Destacamos a afirmación do beneditino:“Que el idioma vulgar que se hablaba antes del siglo XI en España, era el gallego primitivo, el cual se iba estendiendo hacia mediodía según que los moros eran expulsados”. En definitiva, a lingua galega deriva da latina e é orixe da castelá.

Leopoldo Martínez Padín3 na súa Historia política, religiosa y descriptiva de Galicia (1849) sostén que o latín foi corrompido polo idioma dos suevos e isto supuxo a súa decadencia, dando orixe a varios dialectos e á desaparición das linguas antigas, as linguas célticas. O galego e o portugués teñen a mesma orixe, mais agora o primeiro é un dialecto e o segundo un idioma, porque foi puído polos escritores e as relacións internacionais. Curiosa é a afirmación de que “El dialecto gallego es el mas lento que se conoce”, atribuíndo este trazo ao carácter reflexivo dos falantes e á influencia sueva e aos costumes deste pobo; contrapono ao “vascuence”, que é o máis rápido de Europa. Tanto o galego coma o portugués conservan máis puras a maior parte das palabras de orixe latina mesturadas coa pegada celta. Conclúe o autor que “El gallego ó portugués no es un subdialecto del castellano, sino una lengua derivada de la latina, como el italiano, el francés y el castellano”. Percíbense os prexuízos fondamente arraigados na percepción desta xente que, en teoría, traballaba a prol da lingua da súa patria ao afirmar: “… y cree que el dialecto gallego es muy digno de estudio, y que con sus giros, la ya tan sonora lengua castellana, llegará a ser la más completa del mundo”. Isto é, o estudo do galego, lingua ancilar ou subordinada, contribuirá á riqueza da lingua superior castelá.

Cita brevemente a X. Manuel Pintos e o que propón na súa obra A gaita gallega (1853) tocante á necesidade de elaborar unha gramática e dun dicionario. Máis atención presta á figura de D. Ramón Otero Acuña4 e ás súas manifestacións en Galicia médica (1867): o galego é o resultado do latín corrompido polas linguas das nacións que se superpuxeron, por iso, tanto na lingua galega coma na portuguesa dominan os radicais xermánicos. O dialecto galego reflicte o espírito pausado e reflexivo destas nacións e gaba o seu incomparable xenio para retratar, non só a dozura e o sentimento, senón a paixón forte e ardorosa e toda clase de afectos, e atribúelle “cierta marca de nacionalidad”. É interesante destacar que “el idioma español” provén do dialecto de Galicia e do antigo romance de Castela. Todas estas linguas teñen unha orixe e unha estrutura común: linguas de substrato + latín +linguas xermánicas e, no caso do castelán, a superposición da lingua árabe.

Os reis Fernando III e Afonso X o Sabio prohibiron que se escribise e se escriturase en latín poñendo nas leis das Partidas as fórmulas en español, o que demostra que era a lingua vulgar coñecida por todos; mais, ao mesmo tempo, Afonso escribía: “A ti Fernán Ponce de León, mio cormano”, o que pon de manifesto que o galego era unha lingua que se falaba e que aínda existe e segue viva hoxe aquí e en Portugal. A única diferenza entre as dúas linguas é que o castelán se puliu ao converterse en lingua de corte. En conclusión, as linguas galega, castelá e portuguesa son iguais na estrutura.

Manuel Murguía é outro dos referentes de Cuveiro Piñol. Na súa Historia de Galicia (1865) segue en gran medida os estudosos anteriores. Un substrato celta que inflúe no latín, seguido da influencia das linguas xermánicas e mais o árabe. Esta amálgama de linguas deu lugar a diferentes dialectos que logo mudaron de linguas vulgares a idiomas. Para Murguía a influencia das linguas celtas é moi intensa e a súa pegada aínda se conserva en topónimos, hidrónimos e na xeografía en xeral. O celta e o latín pertencen a dous grupos de orixe ariana, por iso son tan evidentes as semellanzas entre elas. Seguindo o criterio doutros eruditos, sostén que estas linguas foron enriquecendo o latín ao irse estendendo como lingua dun imperio coas conquistas fóra do Lacio, polo tanto, as linguas neolatinas non son máis ca unha dexeneración da lingua nai céltica. Recolle a afirmación de Estrabón segundo a cal en Galiza nunca se deixou da falar o dialecto propio. Afirma tamén Murguía que durante a Reconquista apareceu en Aragón, Navarra e a Rioxa o castelán, e en Asturias, Galicia, Portugal e León o bable, o galego e o dialecto leonés que son un contimuum dunha primitiva lingua común. En suma, só fai catro séculos que se instalou o castelán en Galiza.

San Luís, bispo de Coimbra, é outras das fontes ás que recorre o autor. Opina que o galego ten a súa orixe no latín e no celta que se falaba aquí. Esta lingua de substrato non só non se perdeu, senón que se seguiu falando durante os catro séculos que imperou Roma e modificou profundamente o latín. O acento galego é celta e, por iso, a nosa fonética difire da castelá ao teren unha orixe diferente. O noso romance constituíuse moi cedo coma lingua literaria e no ano 740 xa se escribiu un privilexio no que aparecía a seguinte expresión: “duas campanas de ferro”, e no 977 traducíronse ao galego os diálogos de S. Gregorio. O galego e a súa escrita son máis antigos que o foro de Avilés, datado en 1109. Para afianzar a súa tese sobre a antigüidade e importancia como lingua de uso común e escrita, cita o pranto en galego do rei Alonso VI pola morte do seu fillo, D. Sancho,5 e a existencia de varios documentos datados xa nos séculos IX e X. O subdialecto galego de Braga é a verdadeira fonte do portugués. Malia todo, a lingua de Galiza mantívose con mínimas alteracións e a falta de modelos literarios e regras gramaticais produciu diversidade e non morte: “… y así lo que debía ser su muerte, ha sido un venero6 de riqueza para un diccionario”.

Despois de resumir as opinións de distintos estudosos sobre a orixe e antigüidade do idioma, J. Cuveiro Piñol conclúe o seguinte:

 No podremos, pues, determinar el origen primitivo de nuestro idioma… En cuanto a sus radicales…si bien hay muchísimas de origen latino, como de éste no se sabe lo suyo, mal se puede aseverar que de él venga el nuestro, y por consiguiente nos concretamos á opinar, que nuestra lengua, participando a la vez de varios vocablos, giros y amaneramientos que le impusieron los diferentes conquistadores del país, quedó convertida en el dialecto que poco más o menos hoy se conserva, sucediendo lo que á las demás naciones vencidas, que en vano sus dominadores trataron de sujetarlas imponiéndoles hasta su lenguaje: solo pudieron dejarles como señal indeleble de su yugo, algunas palabras que á fuerza de repetirlas constantemente, pasaron a formar parte del diccionario de los vencidos; en cuanto á su primitivo origen, nos decidimos a creer que sea un conjunto de las del segundo grupo que marca Schelegel7, por contener raíces monosilábicas susceptibles de composición…

Antonio de la Iglesia publica El idioma gallego. Su antigüedad y vida8 en 1886. Esta obra, estruturada en tres tomos, é a primeira antoloxía de textos en galego abranguendo desde a Idade Media ata escritos dos coetáneos e coetáneas do autor. Consta o primeiro tomo de dúas partes. Na parte I, titulada “Notabilísima antigüedad del IDIOMA GALLEGO”, quere profundar na antigüidade do idioma do país. Afirma que no século XI o noso idioma xa estaba formado e así o demostran as “Cántigas de Gonzalo Hermíguez” e o foro da abadesa do mosteiro de Arnoia a Fernán Pérez, datado en 1054. Dun século antes datan os “Diálogos de Gregorio, traducidos al gallego” e legados por S. Rosendo ao mosteiro de Celanova; e de retrocedermos un século máis (IX) achamos o “Poema hecho á la pérdida de España por la invasión de los sarracenos”.

Antonio de la iglesia

Nel aparece o pranto do rei Alonso VI pola morte do seu fillo “en la lengua que se usaba”, e que di así:

“Ay meu fillo! (repitiéndolo muchas veces) ay meu fillo! ¿Alegría do meu corazón et lume dos meus ollos, solaz da miña vellez! ¿Ay meu espello eí que me soía ver, et con quen tomaba muy gran pracer! ¡Ay meu herdeiro mayor! Caballeros ¿hu me lo leixastes? ¿dádeme meu fillo, condes!”.

Así queda asentada a antigüidade do galiciano, como el lle chama, e a pureza desta fabla, que non é outra que a galega. Pero aínda podemos recuar máis pois, asegura, no século VI o romance de Galicia, de Braga e de Iberia era o galego. E así conclúe : “Más justas pretensiones tiene á la antigüedad la literatura gallega. Sus títulos son legítimos, sus balsones honrosos, heredada su historia, puras sus tradiciones”.

A parte II deste primeiro tomo é unha recompilación de textos, desde os máis contemporáneos do século XIX: Francisco Añón, Curros Enríquez, Rosalía de Castro, Lamas Carvajal, ata o coñecido soneto de Vázquez de Neira titulado “Respice finem” (1632), algún fragmento de Os Lusíadas de Camões (1572) e epitafios e inscricións en galego do século XVI.

No tomo II recolle diversos textos: epitafios, proverbios, inscricións, escrituras, testamentos e documentos de todo tipo; un deles, moi breve, trata sobre a morte no cadafalso do Mariscal Pardo de Cela en 1483; inclúe tamén o poema relativo á súa tráxica morte titulado “Lamento da Frouseira”. Selecciona cantigas de autores que se retrotraen ata o século XIII: Garci Ferrandes de Jerena, Alfonso Alvares de Villasandino, Joham Zorro, Joham Airas, Dom Denís, Pero da Ponte, Meendinho9

O tomo III é o máis extenso e nel compendia os textos máis antigos. Comeza con cantigas de Bernal de Bonaval e unha tenzón deste con Abril Pérez do século XII, continúa co Ayras Nunes, Joham Soares de Payva e diversos tipos de textos coma foros; por exemplo, o do mosteiro de Arnoia, epitafios ou as memorias dos “Diálogos de san Gregorio”. Achega un versos do Poema del Cid tal como está escrito orixinalmente e fai unha tradución ao galego. Observa que apenas hai diferenzas e conclúe que “fue primitivamente escrito en gallego”. Xustifícao así: “Retrotraer la composición del poema á una centuria más de antigüedad es tanto como fortificar nuestra opinión, pues en el siglo décimo tercero ya vimos como se escribía nuestro romance, y como se metrificaba y rimaba en el habla que hoy llamamos de Castilla.

Insiste o autor en que o “galego idioma” precede ao castelán e Afonso X o Sabio escribía en puro galiciano, polo tanto, esta fala é a matriz do “castelán idioma”. Son varios os autores que durante o século XIV e XV escribían en galego; por exemplo, Arcediano de Toro, D. Pedro Veles de Guevara, Garci Ferrandes de Jerena, Macías o Namorado. Cita as palabras do Marqués de Santillana que tanto se reproducirán posteriormente:… “no ha mucho tiempo cualesquier decidores o trovadores desas partes, agora fuesen Castellanos, andaluces, ó de la Extremadura, todas sus obras componían en lengua gallega ó portuguesa”. Lingua galega, non dialecto, cualifícaa Santillana. Galego e portugués son o mesmo idioma. De feito, a lingua galega resplandece co gran Luís de Camões e vive louzá e fermosa en Portugal. A fala castelá non deixa de ser a “emperatriz” filla do galiciano, lingua nai amorosa e rica. Durante os séculos XIV e XV o idioma natural e exclusivo era o galego e o castelán non chegou á maioría de idade ata o XVI. A nobre fala galiciana é a “emanación más antigua de aquel soplo de Dios”. As dúas linguas son riquísimas: o castelán esténdese polas chairas de Castela e o galiciano polas montañas de occidente, mais, mentres o castelán mendiga préstamos a outras linguas europeas, o galiciano consérvase aquí incólume, fonte, raíz e nai do idioma de Garcilaso, Rojas, Cervantes e Zorrilla.

A lingua galiciana apenas mudou ao longo do tempo. Fálase igual ca en séculos remotos. Os exemplos máis notables son os romances e cantigas populares, os contos de fadas e os proverbios que, ao seren anónimos, descoñecese a data exacta da súa composición. A conservación de tantos destes textos débese ás mulleres campesiñas que os aprendían de memoria e os recitaban nas noites de inverno, mais ás veces introducían voces e frases en castelán para darlles unha pátina de maior prestixio. A seguir, Antonio de la Iglesia recompila outro tipo de composicións como arrolos (cantos de berce ou amecemento), muiñeiras, fandangos, contos, novelas curtas, apólogos ou fábulas nas que un dos grandes protagonistas é o raposo ou volpe. Os animais e as plantas tamén falan en galego e son moitos os textos nos que se expresan no “galiciano idioma”.

A influencia do castelán reflíctese nos textos da práctica relixiosa, e así a xente di: Dios, Nuestro Señor, Jesús… A ciencia popular da vida agrícola e mariñeira e incluso a percepción da muller na cultura popular recóllese nos refráns: “A muller e a sardiña/pequeniña”, “A muller e a troita/préndese pola boca”, “Besta grande/ande ou non ande”, “De tal niño/tal paxariño”, “Val mais pequeno e agudo/que grande e burro”. Moitos deles aínda están vixentes arestora e poden escoitarse na boca da xente. A fraseoloxía, as comparacións e os modismos son moi frecuentes nas conversas dos galegos e galegas: “fresco coma unha leituga, “negro coma un chamizo, “calado coma un peto”, “quente coma un forno”, “sabe que gorenta”, “bo coma o pan de comer”, “teso coma un pau viradoiro”… A riqueza do galego para cualificar e describir é prodixiosa. Así, un galego ou galega pode ser: pousafoles, trosma, trangalleirona, larafuceiro, tarambollo, pedichona, rexoubeira, pioqueira, vella candonga, vella gaiteira e infinidade de adxectivos e expresións que os e as definen con precisión.

Nos dous últimos capítulos do tomo III, o autor fai un resumo dos obxectivos que pretendía acadar con esta antoloxía e as conclusións ás que chegou. Quería demostrar a antigüidade do idioma da nosa “fabla dulce y cautivadora” e, para iso, realizou unha excursión ás orixes ignotas da mesma co fin de achar vestixios da súa antigüidade, e o resultado foi “ópimo”, é dicir, fértil e frutífero. Pretendía tamén amosar a valía da lingua e demostrar que o galego non é un dialecto ou unha corrupción do castelán senón un idioma. Os que negaban esta categoría ao galego caían en contradición ao outorgárenlle a mesma ao portugués. No século XVIII increpaban a Sarmiento e a Feijoo afirmando que o galego non podía ser idioma porque non tiña impresos, nin gramática, nin dicionario e que si os tiña o portugués, mais agora o galego xa os ten e, polo tanto, xa se nos pode conceder a “patente de idioma”. Negárennola sería como negarlla ao castelán antes da imprenta e da primeira gramática, pois un idioma para ser tal non necesita da impresión nin da escritura, basta con que se fale: “A un idioma le basta la palabra”. O autor navegou polo “galaico río” ata o século VI para demostrar a súa antigüidade e a súa nobreza. Durante catorce séculos, este río caudaloso foise estendendo por vastísimas bisbarras como vehículo de entendemento dun territorio chamado Galiza e polas contornas próximas.

El non concorda coa importancia que as linguas xermánicas tiveron na formación das linguas romances, e máis concretamente coa pretendida intensa pegada do suevo na formación do galego, porque no propio latín xa existían grandes diferenzas entre a forma falada e a escrita. Plauto xa falaba dunha lingua rústica e dunha lingua nobre. Á primeira chamáballe urbana ou classica e á segunda vulgaris ou rustica. Primeiramente, os galegos falarían unha lingua mesturada entre latín e galaico, algo similar ao que ocorre hoxe en día nas clases menos ilustradas, que querendo expresarse en castelán, falan un “chapurrado” que ás xentes intelixentes lles provoca riso. Máis importancia ca o suevo tiveron as linguas anteriores na configuración do noso idioma e, ademais, os galegos, ao seren tan tenaces, resistíronse á imposición do latín e os idiomas que se falaban previamente aquí non se extinguiron.

Van aló catorce séculos desde a imposición do castelán polos Reis Católicos e seis desde a configuración dun novo idioma chamado castelán, mais o galego non desapareceu nin ten tra trazas de desaparecer, porque o pobo que o fala é un exemplo de tesón e afouteza, un pobo guerreiro e loitador que prefire a morte antes que renderse e deixar de ser libre. Podemos considerar o latín como un “océano” de moitas linguas, pero o galego, que se formou a partir daquel, segue sendo unha lingua cun gran número de voces que xamais pertenceron ao idioma do Lacio.

Como conclusión, Antonio de la Iglesia confirma a antigüidade e a longa vida do idioma galego máis alá do século VI. Ningún imperio conseguiu calar a súa voz nin sequera as “centralidades por excelencia” dos Reis Católicos. Só conseguiron sacalo da oficialidade: tribunais, notarías, actas dos cabidos, inscricións das tumbas. Nada máis. Isto corrobórano escritores e eruditos coma o Marqués de Santillana, Sarmiento ou Feijoo. E, malia a rigorosa imposición e represión secular, a fala continuou sen variación transcendental e sen perder nada do seu vigor e riqueza. Hoxe fálase non só en Galiza e zonas próximas senón en Portugal, “raza, sangue e reconquista nosa”, que o estendeu por África, Asia, Oceanía e o Brasil.

Achega dúas probas máis da anterioridade da lingua galega á castelá: a primeira é que o galego está máis próximo ao latín e o castelán máis afastado, máis evolucionado; e a segunda é que todas as voces anticuadas na lingua castelá aínda permanecen vixentes no galego; consérvaas, estímaas e úsaas como as xoias máis puras e prezadas. Un exemplo é a regularidade de moitos verbos que en castelán, lingua filla do galego, son irregulares.

Finalmente, constata con satisfacción a recuperación da lingua galega para o uso escrito: revistas, certames literarios e todo tipo de publicacións comezaron a emerxer desde mediados do século XIX. Refire todo o publicado en galego e sobre o galego desde o ano 1860: gramáticas, dicionarios e as publicacións dos autores e a autora máis destacados do que hoxe se coñece como Rexurdimento: Rosalía, Curros, Pondal, Lamas Carvajal …

A modo de coda, podemos extraer as seguintes reflexións:

 A partir da segunda metade do século XIX, os defensores de Galiza e da súa lingua sentían a necesidade de reivindicala e prestixiala. Ademais de redactaren gramáticas e elaboraren dicionarios, estudar a súa nobre orixe e establecer a súa antigüidade era unha das prioridades. Cuveiro Piñol estéase en traballos dos seus predecesores e a partir das súas afirmacións fixa a súa xénese e a súa xenealoxía; en resumo, o galego é unha lingua de orixe latina moi interferida polas linguas de substrato, nomeadamente as linguas célticas, e posteriormente corrompida polas linguas xermánicas e máis concretamente pola lingua sueva. Pódese dar maior peso a unhas ou outras linguas pero a conformación da lingua de Galiza é similar á do castelán e á do portugués. Estruturalmente son iguais e están ao mesmo nivel; a única diferenza radica en que as outras dúas se converteron en linguas internacionais de imperio. Alén diso, incluso se chega a afirmar que o galego é a lingua máis antiga e , asemade, proxenitora das outras dúas.

A abordaxe que fai deste tema Antonio de la Iglesia é moi diferente. A obra consta de tres tomos e é un compendio amplísimo de textos de todo tipo, que van desde os máis recentes aos máis antigos. Utilizando a metáfora do río que desemboca no océano, recúa no tempo ata atopar as fontes prístinas do idioma. Confirma a antigüidade do galego sobre o castelán e que o portugués non é máis que a lingua de Gallaecia levada cara ao sur e a outros continentes nun proceso de expansión imperialista. O galego é unha lingua máis próxima ao latín e, en consecuencia, mais culta; ademais conserva moitísimas voces plenamente vixentes que en castelán xa se consideran anticuadas ou arcaísmos. Finalmente, sostén que a fala creada polos galegos é un idioma e non un dialecto ou unha corrupción do castelán. O argumento esgrimido de que apenas se escribiu durante séculos non é válido: a unha lingua bástalle “a palabra” para ser considerada coma tal. Alén diso, logo de catorce séculos de imposición da lingua de Castela non desapareceu nin ten trazas de facelo, e aínda máis, está a recuperar o seu uso escrito prohibido e roubado polas institucións centralistas a partir do século XV.

¹ Seguimos a edición de 1876 a cal leva anexado o Diccionario gallego.
² Non cita bibliografía pero podería basearse no texto do benditino titulado: Estudio sobre el origen y formación de la lengua.
https://biblioteca.galiciana.gal/es/consulta/resultados_ocr.do?posicion=23&tipoResultados=BIB&id=15108&forma=ficha
³ Leopoldo Martínez Padín foi historiador, xornalista e poeta (Tui, 1823-Madrid, 1850).

4 Ramón Otero Acuña (Cádiz – Santiago de Compostela,1876). Foi médico, profesor e xornalista

5 Morreu na batalla de Uclés (1108).
6 Venero significa manancial ou mina de auga .

7 Friedrich Schelegel (Hannover, 1772-Dresde, 1829). Foi un escritor, lingüista, crítico literario, filósofo, hispanista e poeta. Afirma que o galego proviría da familia lingüística tracio-pelásgica.
8 Seguimos a edición facsímile da Editorial Maxtor, Valladolid (2006).

9 Respectamos a grafía orixinal que aparece no libro.

Pilar Freitas Juvino

Pilar Freitas Juvino

Profesora de Galego

Son Pilar Freitas Juvino e nacín en Campo Lameiro en 1960. Os estudos primarios realiceinos na escola pública desta vila e aos 11 anos marchei interna a un colexio de Tui. Alí estudei o bacharelato no instituto San Paio ata o ingreso na USC onde me licenciei en Filoloxía Románica. Rematada a carreira, estiven durante o curso 1982-83 como auxiliar de conversa de español na cidade de Bayonne, en Francia.

De volta a Galiza, comecei a dar clases como profesora de Lingua e Literatura Galega en diferentes institutos ata recalar no ano 1986 no IES Valle Inclán. Alí permanecín durante todo o resto da miña carreira profesional.

En 2006 doutoreime en Filoloxía Galega cunha tese sobre a represión lingüística en Galiza durante o século XX, tese que máis tarde publicou a editorial Xerais baixo o mesmo título.

Desde o ano 2012 ata 2022 fíxenme cargo da dirección do centro, cargo ao que tiven que renunciar por motivos de saúde.

Considero que esta nova etapa que estou a afrontar debe ser unha etapa arrequecedora, activa e frutífera; por iso a posibilidade que colaborar neste blog ou bitácora e achegar un miúdo gran de area sobre un dos temas que máis me interesan, como é a situación da lingua galega no seu contexto histórico e social, supón para min unha gran motivación e representa unha oportunidade de dar a coñecer a nosa realidade lingüística, tanto pasada como actual.

Dereitos lingüisticos

A gaita Galega

Primeiros pasos cara á normativización e estandarización da Lingua Galega no século XIX (I): As Gramáticas

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Primeiros pasos cara a normativización: Os Dicionarios por Pilar Freitas

Primeiros pasos cara a normativización: Os Dicionarios por Pilar Freitas

PRIMEIROS PASOS CARA Á NORMATIVIZACIÓN E ESTANDARIZACIÓN DA LINGUA GALEGA NO SÉCULO XIX (II): OS DICIONARIOS

En 1863 sae do prelo o Diccionario gallego-castellano elaborado polo presbítero e bibliotecario da Universidade Literaria de Santiago D. Francisco Javier Rodríguez, xa finado nesta data. O editor é D. Antonio de la Iglesia y González, director de La Galicia. Revista Universal de este Reino (1861-1865), publicación na que sae á luz a obra. Esta comeza cun “Prólogo” da autoría do editor no que xustifica a necesidade deste dicionario. Apela a Frei Martín Sarmiento que, un século antes, se sorprendía de que se lles ensine aos nenos latín sen botar man do idioma do país cando este está máis próximo á lingua do Lacio que o castelán. Mais para usar o galego como lingua vehicular primeiro hai que estudalo.

Observa Antonio de la Iglesia que se está a xeneralizar o ensino primario e o castelán está a penetrar nas escolas rurais, lugares onde antes era descoñecido. Os libros están redactados en castelán e as explicacións fanse nesta lingua, tanto polos mestres naturais coma polos de fóra. Consecuentemente, o rendemento académico que se pode extraer duns mestres que non lles ensinan aos alumnos as correspondencias do castelán que falan eles, ou que len nas aulas, e a linguaxe que os rapaces falan case en exclusiva fóra coa súa familia e cos seus veciños, é moi escaso. O estudo do galego como base doutras aprendizaxes é “una necesidad pública de la más grave transcendencia”.

Dicionario Francisco Javier

A Igrexa é outro eido necesitado da aprendizaxe do galego. Cada vez máis xente vén a Galiza a desempeñar funcións relixiosas. Un párroco sen coñecementos da lingua que falan os seus fregueses atoparase con moitas dificultades para desenvolver as súas funcións, nomeadamente coma confesor. O dominio da lingua que se fala na maior parte de Galiza facilitará o cumprimento das súas funcións.
Na administración civil tamén cómpre o coñecemento da lingua dos administrados, pois as relacións non só son por escrito desde unha oficina da capital, senón que en moitas ocasións as persoas teñen de ir presencialmente a falar cos funcionarios e non dominan máis que a súa fala, e esta é o galego. Ás veces as comisións han de desprazarse fóra da capital de provincia, partido ou municipio e non sempre se dispón de intérpretes que poden non ser convenientes.

Tocante ao ministerio xudicial, é preciso o dominio do idioma galego. O xuíz, ao escoitar a declaración do “paisano”, debe comprender o sentido e a recta significación, e o emprego dun intérprete pode non ser eficiente.
Non quere ser prolixo e por iso non “descende” a encomiar o seu estudo a agricultores, comerciantes, industriais …, malia ser útil en todos os actos da vida, sobre todo cando se está ensanchando a esfera das relacións coa chegada do vapor e da electricidade, que tenden a reunir nun só punto e momento o tempo e o espazo. Tamén é mester o dominio da lingua de Afonso X e Macías para intelectuais e ilustrados como: poetas, arqueólogos, novelistas, historiadores … se algunha vez se ocupan das cousas de Galiza, dos seus costumes, das cántigas, tradicións …, servíndose dos arquivos para facer avanzar a literatura galega en particular ou a de España en xeral.

Era intención do autor, xa falecido, completar o dicionario cun cadro comparativo entre voces galegas, castelás, asturianas, catalás, portuguesas, francesas e italianas e o latín, para ver cal destes dialectos se parecía máis á lingua nai. Tamén quería engadir un índice para que calquera puidese buscar a súa definición no artigo correspondente. Desexaba anexar anacos dos mellores textos en galego e unha peza políglota. Alén diso, tiña in mente redactar unha gramática do “galiciano idioma”. Mais os seus obxectivos víronse fanados pola morte prematura. Dá as grazas a D. Pedro Quiroga e D. Braulio Martínez, fideicomisarios do defunto, pois grazas ao seu patriotismo, esta obra saíu á luz.

Verbo do dicionario, o autor quería dar a cada voz a súa definición en castelán, procurar a comparación con outros dialectos, comentar a súa etimoloxía e todo tipo de información. Procurou un estilo sinxelo, claro, conciso, fuxindo do estilo pomposo e elevado, e de voces exóticas e de novo cuño que deshonran a quen as usa. Desafortunadamente, só unha parte do proxecto se logrou.
Malia o infortunio da obra sen rematar, esta vai ser un alicerce sobre o que se edificarán futuros estudos. Debemos imitar a eruditos de épocas anteriores coma Sarmiento, Sobreira ou Cornide e servírmonos dos seus estudos “para aventajar cada día un paso más, con la gloriosa ó satisfactoria carrera de la ilustración de nuestro entendimiento, con lo cual también depositaremos nuestra ofrenda en el altar de la civilización de España y del mundo”.

Antes de comezar propiamente o dicionario, o autor, Francisco Javier Rodríguez, achéganos a “Introducción”. Infórmanos que no verán de 1850 tivo noticias dun manuscrito do Padre Sarmiento no que recomendaba a elaboración dun dicionario de voces galegas e para cuxo obxecto compuxera el mesmo “mil doscientas coplas en lengua del país”. O sabio benedictino quería probar a estraños e patricios que son moi inxustos desprezándoa uns e esquecéndoa outros por ser unha lingua de nobre berce, pola súa antigüidade, por ser compendiosa, doce e expresiva e “porque el que no sepa su vulgar lenguage (sic) nativo, sabrá una lengua muerta, la lengua de los libros, pero no sabrá el lenguage vivo en toda su extensión”.

Destaca que Sarmiento, sendo un sabio, interesábase por cousas que a maioría consideraba triviais. E así, animado polo seu exemplo, dedicouse a recompilar voces vulgares. Pensou que sería unha obra de poucos días, mais coa lectura dalgunhas obras e folletos, coa observación e as conversas, as voces foron aumentando. Algunhas fóronlle proporcionadas polos seus amigos, outras sacounas de coplas; en total recompilou máis de 4.300 voces sen saír de Santiago. De poder ter saído da cidade, as voces aumentarían considerablemente.
Amosa a súa satisfacción por ser o primeiro en dar a coñecer en Galiza unha obra destas características, e aclara que só recolle os vocábulos puramente galegos e non os coincidentes co castelán.

En 1876 sae do prelo en Barcelona o Diccionario Gallego¹ de D. Juan Cuveiro Piñol. Na súa portada anúnciase coma o máis completo de todo o publicado até o momento, con voces antigas que figuraban en códices, escrituras e documentos e a súa pronuncia. O dicionario vai dirixido á Escola Diplomática, anticuarios, xuíces, avogados, escribáns, párrocos e outras persoas a quen sexa indispensable o seu frecuente uso.

Dicionario Juan Cuveiro

Comeza a obra cun texto titulado “A nuestros paisanos”. Expón o autor que percorreu todo o territorio galego, agás algunhas poucas localidades, e observou moita diversidade de formas. É imposible recompilalo todo. Pon algún exemplo, como a palabra reloucar, que segundo di en Pontevedra significa “achegarse” e en parte da provincia “desgustarse”. Observa diferenzas na pronuncia; por exemplo entre o z e o s e viceversa. Estase a referir ao que hoxe coñecemos como seseo. E diferenzas entre g suave e g forte, é dicir, o que chamamos gheada. Segundo el, non hai máis regra có oído e a cada momento “nuestros rústicos paisanos” inventan palabras e frases moi expresivas. No norte teñen predilección polas vogais máis abertas e polo n e no sur polas vogais máis pechadas e substitúen o s polo c e o z. Estas diferenzas non son criticables, máis ben útiles, pois contribúen ao aumento da riqueza e da variedade da linguaxe, como demostrou Saco y Arce coa súa Gramática. Porén, lamenta a anarquía nos escritos, nomeadamente na ortografía de b/v e j/x e viceversa.

Para el, a linguaxe máis pura consérvase nas aldeas e vilas máis montañosas con pouco contacto coas cidades. Nas vilas e aldeas da costa é onde máis se escoita a “geada” e a substitución do z polo s (seseo), e o cambio nos nomes e obxectos. Mais isto só acontece entre“individuos de la ínfima escala, como por ejemplo pescadores, verduleras, palanquines, etc”. Pregúntase se isto será consecuencia do desleixo con que se trata a estas clases, sen que ninguén se moleste en corrixilos. Exprésao así:
Lo cierto es que ni aun los más rústicos patanes de las aldeas más remotas, se expresan en tan incivil lenguaje, y sobre esto debieran fijar su atención las autoridades locales, pues creemos que la instrucción primaria obligatoria sería bastante á corregir tales faltas, y conseguiría por de pronto desterrar esa especie de salvajismo que se nota en medio de la civilización y cultura de nuestras ciudades y pueblos de importancia, y borrar de la mente de los que nos tienen por los más atrasados, esa idea errónea en que están”.

A seguir, Cuveiro Piñol infórmanos do intenso traballo que levou a cabo. Leu prego a prego a moitos dos nosos paisanos que coñecen perfectamente o dialecto e non só se fiou das súas forzas. Malia todo, omitíronse algúns termos ou voces que logo se engadiron nun suplemento ao xa publicado. Aínda así, faltarán algúns, por iso ao final de cada letra deixa un espazo en branco para que cada cal vaia engadindo palabras que descubra ex novo ou lle veñan á memoria.
Finalmente, suxire que, tal como manifestaron algún amantes da nosa literatura patria, cada certo tempo se reúna un grupo de persoas das catro provincias ou incluso partidos xudiciais para que, provistos de datos, poidan elaborar un verdadeiro dicionario. Mais isto require moito esforzo e empeño e só podería levarse a cabo se a iniciativa partise das Deputacións provinciais. A continuación o autor dedica a obra ás excelentísimas Deputacións das catro provincias de Galicia “en muestra de consideración”.

O autor quere amosar a riqueza da linguaxe galega e as diferentes maneiras de expresar un concepto que nin sequera o castelán posúe. Para acadalo, engade algunha forma verbal conxugada e a conxugación verbal rematada en -OR² e os xerundios en -ONDO e -INDO. Estes exemplos sérvenlle para afirmar que o galego ten catro conxugacións (-ar, -er, -ir, -or) fronte ao castelán que ten tres; e catro desinencias de xerundio (-ando, -endo, -indo, -ondo) fronte a dúas do castelán; alén diso, algún verbo galego ten dous infinitivos: facer/far; dicir/dir. Recolle tamén termos en castelán de plantas e flores, nomeadamente aqueles que teñen utilidade, destacan pola fermosura ou teñen propiedades médicas. Andando o tempo descubrirase cal é o termo galego correspondente a moitas destas voces.
Remata cunha captatio benevolentiae, isto é, pedindo indulxencia ao lector, pois só pretende contribuír co seu pequeno “óbolo al mayor grado posible de civilización y cultura de tan bello é inolvidable país”. Finalmente, achega a bibliografía consultada para elaborar a súa obra e que vai desde Afonso X e as súas cantigas, pasando por Frei Martín Sarmiento e contemporáneos coma X. M. Pintos ou Rosalía de Castro.

En 1884 publícase en Santiago o Diccionario gallego-castellano de Marcial Valladares Núñez. No “Prólogo”, o autor informa que desde hai tempo vén constatando a necesidade dun dicionario; porén, moi pouco se ten feito ao respecto. Cita como antecedentes a Fco. Javier Rodríguez, a Rosalía e ao seu glosario de 208 voces anexado a Cantares gallegos. Cualifícaa coma “preciosa obrita” na que se observa “el corazón de una mujer toda amor hacia su país”. Tamén menciona o vocabulario que inclúe Francisco Mirás no seu Compendio de gramática gallega-castellana (1864) e que o conforman unhas 400 palabras.

Dicionario Marcial Valladares

Critica a Mirás porque no seu afán de reflectir a fala dos “rústicos labradores” patentiza a gheda na que incorren, efecto da ignorancia ou abandono; e isto desvirtúa o valor dalgunhas palabras. Para el, as geadas son un “defecto de la gente idiota; consistente en hacer fuerte la g suave, como en gaita, guerra, gozo. Similar defecto é pronunciar berse, senteo … en troques de berce, centeo. Estase a referir ao que se coñece coma seseo. Na súa opinión, en ningunha gramática deberían aparecer nin a gheada nin o seseo, pois isto réstalle lustre á obra.

Vénse ocupando desta tarefa desde 1850 e observa que a situación está a cambiar con novas e numerosas vías de comunicación, coa invención do ferrocarril e do telégrafo eléctrico, coa mobilidade material e intelectual. E estas circunstancias requiren un dicionario completo que sexa útil. Considera que tamaña empresa é imposible para unha soa persoa coma el e por iso solicita a axuda e colaboración das catro Deputacións. Deberían dar premios a un dicionario parcial e logo xuntar os catro e facer un xeral.
A nosa fala vén pasando de xeración en xeración de boca en boca sen mellora ningunha, nin para o dialecto que mamamos nin para a súa tradución ao castelán. Un bo dicionario galego-castelán non prexudicaría o idioma de Castela senón que faría aumentar a súa difusión aínda máis entre todas as clase sociais de Galiza:
…si cualquier patán del campo viese en un diccionario gallego, al lado de las voces, ó palabras de su dialecto, único que conoce y entiende, equivalencias castellanas que la gente instruida usa, procuraría naturalmente irse familiarizando con las segundas y olvidarse de las primeras; tanto que, corridos años, el habla gallega se habría perfeccionado mucho y más tarde desaparecería, acaso reemplazándola el castellano”

Pregunta Marcial Valladares se acaso non é unha vergonza que un territorio coma o galego careza dun xornal, dun calendario escrito no seu dialecto, véndose os labregos obrigados a mercar un lusitano pola semellanza entre as dúas falas. Lembra os cantares da súa infancia en galego e desexa a súa conservación igual que os refráns, e que recollidos nun libro instrutivo e popular cheguen ás mans dos labregos.
Refundiu na súa obra o traballo de autores anteriores: Rodríguez, Rosalía, Mirás. No caso do primeiro, omite os nomes de lugar por consideralos propios dun dicionario xeográfico. Inclúe, porén, voces castelás comúns entre os labradores e tamén palabras galegas que pasan por antigas en dicionarios castelás. Recompilou en total 9.300 vocábulos e achega exemplos propios, de contos populares e refráns e outros tirados de poesías escolleitas. Igual que Cuveiro Piñol considera o seu un modestísimo traballo.

Aclara que escribiu o anterior antes de coñecer a Gramática de Saco e Arce, varias das obras de Lamas Carvajal e o seu xornal O Tío Marcos da Portela, Aires da miña terra de Curros …, dando por rematado o modesto traballo o 30 de xuño de 1869, mais anos despois, en 1876, chegou ás súas mans o dicionario de Cuveiro Piñol do cal non tiña coñecemento. Despois de revisalo, desbotou voces inusitadas e copiou máis de 200 en uso. Ademais, sumou outras moitas que foi recollendo desde 1869 e 100 palabras espontaneamente facilitadas. En total, recompilou máis 10.700 vocábulos, 460 refráns, proverbios e dicires e fragmentos poéticos e 242 cantigas que patentizan “la suavidad, delicadeza y hermosura de nuestro dialecto, próximo acaso a desaparecer entre el humo de las locomotoras, ó ser lastimosamente adulterado, efecto de la emigración y otras circunstancias no aquí del caso”. Remata a obra un vocabulario científico que titula “Suplemento y adiciones” a imitación de Cuveiro Piñol que titula o anexo final “Suplemento”.

A modo de conclusión podemos salientar unha serie de características comúns aos tres dicionarios e outras que os distinguen. Os tres utilizan a lingua castelá como lingua vehicular. Ás entradas en galego correspóndenlles definicións e descricións en castelán. Os tres son bilingües malia o título da obra de Cuviero suxerir un dicionario exclusivamente en galego. A cronoloxía é moi importante; o dicionario de Rodríguez ten 132 páxinas e 4.300 vocábulos; o de Cuveiro consta de 338 páxinas e un “Suplemento” e é moito máis cumprido en canto ao número de vocábulos recollidos; o de Valladares está composto por 658 páxinas (incluído un Suplemento y adiciones) das cales 603 corresponden ao dicionario que recolle 10.700 voces.

Dicionario Francisco Javier
Dicionario Juan Cuveiro
Dicionario Marcial Valladares

Rodríguez recolleu fundamentalmente a fala de Santiago; porén, Cuveiro percorreu Galiza durante doce anos para completar o seu arduo traballo. Valladares vén traballando no dicionario desde hai varios anos, mais o trafego intensificouse desde 1869 e desde 1876, ano no que coñeceu a obra de Cuveiro. Os tres mencionan os traballos dos anteriores e utilízanos de esteo para avanzar na súa obra. Recoñecen a necesidade dun dicionario para facilitar a comunicación entre os galegos e galegas que falaban maioritariamente o idioma propio e descoñecían o castelán; para a xente galega da época a lingua de Castela era unha lingua estranxeira. Céntranse principalmente na Igrexa, a escola, a administración …, e nos funcionarios que tiñan que relacionarse coa xente do común galegofalante. Para Cuveiro, a diversidade de formas é un síntoma de riqueza do idioma, pero trazos dialectais coma a gheada e o seseo dificultan a comprensión e son totalmente rexeitables, pois outórganlle á fala unha pátina de “salvajismo”.

Obsérvase en Cuveiro e Valladares unha importante minusvaloración da lingua e da xente do país. Desprezan a fala dos que eles chaman “rústicos patanes”, e incluso o segundo parece degoirar a desaparición do galego en favor do castelán, idioma de “gente instruida” e, para acadalo, nada mellor e máis útil ca un dicionario. Está claro que os prexuízos seculares sobre a lingua que creou o pobo galego calaron a mentalidade destes pioneiros. Diríxense fundamentalmente á clase ilustrada, clase á que eles pertencían, arrombando a esmagadora maioría dos galegos. De todos os xeitos debemos de recoñecer a estes homes o ímprobo traballo realizado a prol da lingua, a cultura e o progreso de Galiza e, no fondo do seu corazón latexa un profundo amor pola lingua e a “patria” onde naceron. Os estándares de hoxe en día non son aplicables a obras realizadas hai máis de 150 anos e que serviron para abrir vieiros a novos estudos sobre o ben máis prezado do pobo galego: a súa lingua.

Para a elaboración deste traballo utilizamos a copia dixital depositada en Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
http://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?control=BDG20080012670
http://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/resultados_ocr.do?id=17106&tipoResultados=BIB&posicion=
1&forma=ficha
http://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?control=BDG20110012991

2 O título pode ser enganoso e facer crer que se trata dun dicionario monolingüe. En absoluto. A entrada está en galego pero a seguir achega a equivalencia e a descrición en castelán.

3 O autor refírese ao verbo pór e os seus derivados: indispor, dispor… A gramática galega admite tanto a forma pór con til diacrítico coma poñer; ambas as dúas derivan do PONERE latino. A primeira forma é a máis evolucionada respecto ao étimo, polo tanto é unha palabra patrimonial; e a segunda é unha forma semiculta, máis próxima ao latín.

Pilar Freitas Juvino

Pilar Freitas Juvino

Profesora de Galego

Son Pilar Freitas Juvino e nacín en Campo Lameiro en 1960. Os estudos primarios realiceinos na escola pública desta vila e aos 11 anos marchei interna a un colexio de Tui. Alí estudei o bacharelato no instituto San Paio ata o ingreso na USC onde me licenciei en Filoloxía Románica. Rematada a carreira, estiven durante o curso 1982-83 como auxiliar de conversa de español na cidade de Bayonne, en Francia.

De volta a Galiza, comecei a dar clases como profesora de Lingua e Literatura Galega en diferentes institutos ata recalar no ano 1986 no IES Valle Inclán. Alí permanecín durante todo o resto da miña carreira profesional.

En 2006 doutoreime en Filoloxía Galega cunha tese sobre a represión lingüística en Galiza durante o século XX, tese que máis tarde publicou a editorial Xerais baixo o mesmo título.

Desde o ano 2012 ata 2022 fíxenme cargo da dirección do centro, cargo ao que tiven que renunciar por motivos de saúde.

Considero que esta nova etapa que estou a afrontar debe ser unha etapa arrequecedora, activa e frutífera; por iso a posibilidade que colaborar neste blog ou bitácora e achegar un miúdo gran de area sobre un dos temas que máis me interesan, como é a situación da lingua galega no seu contexto histórico e social, supón para min unha gran motivación e representa unha oportunidade de dar a coñecer a nosa realidade lingüística, tanto pasada como actual.

Dereitos lingüisticos

A gaita Galega

Primeiros pasos cara á normativización e estandarización da Lingua Galega no século XIX (I): As Gramáticas

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

As fontes de riqueza Galega: “A vaca e O peixe” de Castelao por Pilar Freitas

As fontes de riqueza Galega: “A vaca e O peixe” de Castelao por Pilar Freitas

por Pilar Freitas

As Fontes de riqueza Galega:

A vaca

A vaca é o símbolo da paz.

Val máis o que siñifica unha vaca que o que simboliza un león rampante. Xa o dixo un dos nosos economistas: “O albre xenealóxico dunha vaca de leite é máis útil que o albre xenealóxico dun aristócrata”.

A vaca esqueceuse dos cornos e dános o seu traballo, o seu leite, a súa carne, o seu coiro e a carne e o coiro dos seus fillos. Non nos pode dar máis.

O can será o amparo dos ricos, que defende a propriedade do amo e ladra aos probes que van polos camiños. En troques a vaca é o amparo dos probes libres.

Os concursos de vacas leiteiras valen máis que os “concursos de belleza”. A nosa vaca ten o pesebre en Galiza e os tetos en Madrid. E o que non lle dá de comer a unha vaca non ten dereito a muxila.

As “señoritas” que choran pola morte dun can ridículo non comprenden a door dunha familia labrega cando  lle morre unha vaca. Se non fose polo leite das vacas a piolleira das cidades morrería desnutrida.

A vaca é a ama de cría da Humanidade. O día que nós emitamos papelmoeda non estamparemos nel o retrato dos políticos, nin dos sabios, nin dos artistas; estamparemos, soamente, a figura dunha vaca, como símbolo da nosa economía humanamente distribuída.

O día que Galiza sexa unha comunidade cooperativa, ergueremos un gran moimento cunha vaca en bronce dourado. Tamén hai razas de vacas, e a mellor é a nosa.

O día que seipamos o que val unha vaca, Galiza quedará redimida.

As Fontes de riqueza Galega:

O PEIXE

O peixe é un dos símbolos de Cristo.

O peixe é a prata do mar feita carne.

Cada peixe ten a sustancia do seu mar. O peixe do Mediterráneo sabe a carne civilizada e xa decadente. O peixe do Atlántico —un mar terriblemente salvaxe— sabe a sal de vida libre.      O peixe galego trae nas febras da carne as mellores esencias do Océano.

¡Canto custa criar un quilo de carne de vaca! En troques a carne de peixe criase sen coidados nen gastos.

A pesca era un traballo nobre e xeneroso. Por algo Xesús de Nazaret escolleu, para seus apóstoles, a doce mariñeiros. Máis agora péscase con dinamita…

 Cando naufragaba unha lancha morría o “patrón” xunto cos “compañeiros”. Agora o “patrón” chamase “armador” e nunca morre afogado, porque xa non vai ó mar

A pesca en Galiza ennobrecerase de novo cande retorne ás maneiras colectivistas da nosa tradición mariñeira, fondamente afincada no cristianismo. ¡O que queira “quiñóns” que xogue a vida no mar!

O Fisterre galego -a punta mais avanzada de Europa- fíxose para pescar.

A xente da Meseta sólo coñece as mómias de sardiña, en ataúdes de folla de lata ou en tambores de madeira. O día que teñamos un gran porto pesqueiro e vías de transporte lixeiras e baratas, toda Hespaña comerá peixe fresco.

A Hespaña que morre de carne de porco revivirá pola carne de peixe galego.

O día que Galiza sexa nosa, os mariñeiros vivirán na fartura

Pilar Freitas Juvino

Pilar Freitas Juvino

Profesora de Filoloxía Galega

Son Pilar Freitas Juvino e nacín en Campo Lameiro en 1960. Os estudos primarios realiceinos na escola pública desta vila e aos 11 anos marchei interna a un colexio de Tui. Alí estudei o bacharelato no instituto San Paio ata o ingreso na USC onde me licenciei en Filoloxía Románica. Rematada a carreira, estiven durante o curso 1982-83 como auxiliar de conversa de español na cidade de Bayonne, en Francia.

De volta a Galiza, comecei a dar clases como profesora de Lingua e Literatura Galega en diferentes institutos ata recalar no ano 1986 no IES Valle Inclán. Alí permanecín durante todo o resto da miña carreira profesional.

En 2006 doutoreime en Filoloxía Galega cunha tese sobre a represión lingüística en Galiza durante o século XX, tese que máis tarde publicou a editorial Xerais baixo o mesmo título.

Desde o ano 2012 ata 2022 fíxenme cargo da dirección do centro, cargo ao que tiven que renunciar por motivos de saúde.

Considero que esta nova etapa que estou a afrontar debe ser unha etapa arrequecedora, activa e frutífera; por iso a posibilidade que colaborar neste blog ou bitácora e achegar un miúdo gran de area sobre un dos temas que máis me interesan, como é a situación da lingua galega no seu contexto histórico e social, supón para min unha gran motivación e representa unha oportunidade de dar a coñecer a nosa realidade lingüística, tanto pasada como actual.

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥