Campaña polos dereitos cidadáns
Xan M. Pérez NartalloA persoa sabida seguramente coñece que un avogado vigués vén de poñer en marcha unha campaña que promove a fin da cita previa obrigatoria nas administracións públicas.
Diego Gómez Fernández (publicación técnica sobre dereito administrativo e urbanismo) é unha das persoas que se indignan de que se manteña una restrición de dereitos das/dos cidadás/áns perante a administración a seren atendidos cando acudan a unha oficina administrativa, invocando o artigo 103 da Constitución de 1978 :
“A Administración Pública serve con obxectividade os intereses xerais e actúa segundo os principios de eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación, con sometemento pleno á lei e ao Dereito”.
Que bonito, e que incumprido. Pois son frecuentes os momentos en que calquera de nós ve menoscabados os nosos dereitos como contribuíntes, e aínda máis, se non foramos tales, teriamos o dereito e a administración a obriga de ser atendidos coa debida consideración. Diso damos fe os que a diario temos que lidar con diferentes administracións.
A consideración do letrado Gómez, para nós xa ilustre, vai até o punto de facilitar de balde unha ferramenta para solicitar (unha vez máis) diante da administración remisa, un escrito co que poder acceder ao exercicio pleno do dereito de acceso aos servizos públicos. Acceder ao documento
Non é dende logo o único caso de “limitación” das nosas potestades. A lei obriga ás entidades sen ánimo de lucro a realizar unha serie de inscricións no rexistro de asociacións. Até aquí, a pesar de que ao tratarse normalmente de persoas xurídicas (si) sen unha estrutura profesional ou semiprofesional e sen os medios persoais e materiais para ter nin unha mínima posibilidade de cumprir con todas as obrigas fixadas pola norma, puidera semellar que non é nada extemporáneo ter esas obrigas. Mais a Xunta esixe que se pague unha taxa, “cantidade de diñeiro que debe pagar o cidadán ao Estado ou a outros entes públicos por determinados servizos e que, en ocasións, ten carácter de imposto ou tributo”, por cada inscrición (lembremos, obrigatoria) que se fai (obrigatoriamente) nos rexistros instituídos ao efecto de… controlar, con toda seguridade.
E lemos de novo a Constitución no seu artigo 22.1 “Recoñecese o dereito de asociación” e 22.3 “As asociacións constituídas ao amparo deste artigo deberán inscribirse nun rexistro aos sós efectos de publicidade”.
Primeiro, asociarse é un dereito; e segundo o rexistro existe a efectos de publicidade. Parece que ao ter que cumprir esa obriga de inscrición previo pago dunha taxa estamos reducindo o tamaño do dereito e aumentando o da obriga para organizacións sen ánimo de lucro.
A lei que regula as asociacións é de 2002, alí fala de “instrumento de participación”, “eliminando o sistema de control preventivo” da anterior lei de 1964, “posibilitando o seu exercicio” do dereito de asociación… e podiamos seguir. En todo caso trátase dunha categoría de institucións necesarias para a participación da cidadanía na vida da sociedade democrática que semellan non ser de interese para o poder e que son limitadas mediante normas taxativas como o sometemento ao pago dunha taxa por cada inscrición obrigatoria no rexistro e outras imposicións como a de ter que comunicarse coa administración, calquera administración, por medios electrónicos que supoñen unhas e outras gravames na vida das nosas asociacións sen ánimo de lucro.
A loita pola conquista dos dereitos cidadáns está por comezar, diversas campañas deben facer ver ás persoas que ostentan, provisionalmente, o poder que as persoas estamos moi por riba da recadación.
Xan M. Pérez Nartallo
Abogado
Nacín en Vilagarcía o 12 de novembro do 1960, onde vivín, e Compostela, Padrón, Pontevedra. Teño vínculos familiares e afectivos con Canabal (Sober), Vilamelle (Pantón) en terras de Lemos, as cidades de A Coruña e Vigo, o porto de Marín, a illa da Graciosa nos Açores e Salvador de Bahia; polo que debo ser un atlante (Estatua con figura de home que se usa como columna e sostén sobre a cabeza ou os ombreiros a parte baixa dunha cornixa ou outro elemento do edificio ou Home de forza descomunal). Aceptarei, por descarte, a primeira definición.
Son licenciado en dereito pola UNED e Master en Administración Local pola USC, e só sei que non sei nada, cousa que infelizmente comprobo todos os días. Como administrativista tamén dou fe da diarrea lexislativa desta póla xurista, palabra que está moi preto da palabra xurro.
A paciencia é unha virtude, podédela practicar comigo.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥