Seleccionar página

Os primeiros en facer recollidas de cantigas populares de transmisión oral foron os ilustrados (séc. XVIII): frei Martin Sarmiento, o cura de Fruíme, Xosé Cornide Saavedra, o padre Sobreira…, conscientes do valor do patrimonio que se estaba a perder, e non só no plano musical, senón en todo o que se refire á literatura oral-popular. Na seguinte centuria outros eruditos (Marcial Valladares, Perfecto Feixoo…) continuaron este labor, ao tempo que amosaban a súa indignación ao constatar como parte do noso patrimonio inmaterial (cantigas, contos, refráns…) comezaba a ser reproducido en español, moitas veces por mestres, cregos e burócratas chegados de fóra, desvirtuando o tesouro oral transmitido a través do tempo polo pobo; homes e mulleres que cantaban acompañados da pandeireta, as cunchas, o pandeiro…, e os cegos coas súas zanfonas e violíns (por sorte contamos coa  mostra de como sería o labor instrumental e vocal destes cegos materializado nas gravacións discográficas interpretadas polo zanfonista Faustino Santalices e o violinista Florencio, o cego dos Vilares); aínda que tamén moitos dos nosos gaiteiros tradicionais tanxían con mestría o instrumento ao tempo que entoaban os seus cantos mentres tiñan aire no fol; técnica que estivo perdida durante tempo e que se foi rescatando nas últimas décadas.

Entre o último terzo do séc. XIX e as primeiras décadas do XX prodúcese un senlleiro florecemento da nosa música tradicional da man de grandes músicos e investigadores como Perfecto Feixoo, Manuel Castro González  (o gaiteiro de Penalta cantado por Curros),  Faustino Santalices, Manuel Rilo, Xan Míguez (Ventosela), Miguel Liméns, Avelino Cachafeiro… Florecemento no que influíron dun xeito decisivo dous grandes musicólogos e folcloristas como Casto Sampedro e Bal y Gay.  Eran tempos en que nacían moitos coros e orfeóns en ambientes urbanos para transmitir e dignificar a nosa cultura, cunha grande preocupación pola posta en escena (traxe tradicional, abelorios, peiteado, disposición escénica…) na procura do reforzo da identidade nacional:  Aires da terra (Pontevedra) fundado por Perfecto Feixoo en 1883, Orfeón Coruñés, fundado por Pascual Veiga en 1875,  Cantigas e aturuxos (Lugo) en 1917, Toxos e Froles (Ferrol) en 1918, Cántigas da Terra (A Coruña) en 1916,  Cantigas e Agarimos (Santiago de Compostela) en 1921, Coral de Ruada (Ourense) en 1918, no que colaborou Faustino Santalices…  Agrupacións que realizaron un labor inestimábel non só no plano musical e folclórico senón tamén literario, como difusoras dos poemas dos nosos vates e tamén no que atinxe ao teatro e a danza, pois moitas contaban con cadro de declamación e ballet.

Xosé Campos, o cego de Cuntis (1895)

Perfecto Feixoo

Faustino Santalices

O golpe de estado franquista significaría a aniquilación de moitas décadas de traballo a prol da construción dun ambicioso proxecto de recuperación e dignificación da nosa cultura ancestral.

Durante a ditadura franquista a nosa musica tradicional foi tutelada e utilizada polo réxime, presentándoa como manifestación da riqueza rexional dunha España monolítica, agochando todo tipo de vencello cos elementos que conforman a nosa singularidade nacional e boa parte da dignidade que acadara tempo atrás. Isto unido á castelanización de moitas das letras dos cantos e a adulteración de musicas e bailes tradicionais conduciu a un humillante declive social.

A “Sección Femenina” de Falange e “Educación y Descanso” monopolizaron as nosas agrupacións de gaitas e danza, menoscabando cun disfrace de paternalismo a importancia da nosa música tradicional. Foron moitos os casos de grupos que eran contratados pola “Sección Femenina” para actuar en distintos lugares onde realizaban os seus actos (sobre todo charlas encamiñadas ao adoutrinamento nos principios morais do franquismo). Aínda que en ocasións a sección chegou a proporcionarlles traxes e outros trebellos (normalmente de pésima calidade e sen ningún tipo de criterio arqueolóxico), actualmente as persoas que viviron esta experiencia prefiren non lembrala, pois ademais de non cobrar unha boa parte das actuacións e correr eles cos gastos, viron a súa figura socialmente degradada e o noso instrumento nacional, a gaita, rebaixado, obrigado a levar as cores da bandeira española, desposuído de todo tipo de vencello cos elementos que conforman a nosa singularidade nacional e de boa parte da dignidade que acadara en décadas. Dignidade agora lixada pola imaxe dun folclorismo reaccionario, exótico, turístico (que non representaba moito máis do que o marisco, o lacón con grelos ou a queimada), e o noso idioma proscrito no ámbito das representacións, facendo delas verdadeiras fantochadas.

Os Chacentes (1950)

Os da Torre (1960)

Gaiteiros galegos en Ponferrada (1960)

Mais non todo foi unha desfeita para as nosas músicas, pois neste período, especialmente a partir dos anos 50 ou 60, prodúcense algúns avances grazas ao labor comprometido de grandes gaiteiros como Enrique Otero, Ricardo Portela, Patelas, Moxenas, Nando Casal, Ferreirós…, e artesáns luthiers como Xosé Manuel Seivane, Amadeo Goyanes, Xaquín Míguez (Xocas),  Antón Corral…, que acadan melloras técnicas na construción de instrumentos, especialmente das gaitas, que permiten que o cuarteto tradicional poida tocar a dúas voces. Topámonos con numerosas agrupacións que seguían animando as festas e rituais litúrxicos e profanos como é o caso de formacións como Os Campaneiros (Vilagarcía), Os Areeiras (Catoira), Os Montes (Lugo), Os Enxebres (Cacheiras), Os da Torre (Cuntis), Os Chacentes (Campo Lameiro), Os Morenos (Lavadores-Vigo), Os Alegres (Pontevedra), Os Airiños do Eume, Os Raparigos (Ferrol), Os Rosales (Rianxo), Os Encantiños do Umia (Caldas), Lembranzas Galegas (Vigo)… Facían as alboradas, concertos, pasarrúas, procesións…, e en ocasións mesmo tocaban na verbena, no descanso da orquestra. Algúns deles, conscientes do seu papel subsidiario e non sempre valorado na verbena, chegaron a arranxar e incorporar algunhas pezas típicas das orquestras ou da música que se escoitaba pola radio (mesmo ritmos caribeños, rancheiras e corridos), para que a xente bailara e se divertira con pezas acordes cos gustos musicais da época. Mesmo se incorporan instrumentos alleos á nosa tradición como saxofón, clarinete, pratos…, creando as populares murgas e charangas.

Non sería até a caída do franquismo que a música tradicional, especialmente os grupos de gaitas e baile e tamén as cantadeiras, comezan a recuperar a dignidade e respecto que a súa actividade merece. Máis o proceso foi longo e ata a década dos 80 ou 90 a música e o canto tradicional non acadou unha grande notoriedade, a non ser os grupos folk que fusionaban a tradición co pop-rock e/ou incorporaban ritmos e instrumentos importados das illas británicas.

Así polos 90 conviven grupos máis tradicionais, co prestixio de Os Carunchos, Malvela, Leilía (nos primeiros tempos), Chouteira, Quempallou, Muxicas, Treixadura…, e outros que optan por un maior grao de mestizaxe como Milladoiro, Luar na Lubre, Brath, Dhais, Na Lúa, Alecrín, Matto Congrio, Berrogüetto, Carlos Núñez, Os Cempés, Xosé Manuel Budiño, Fía na Roca, Susana Seivane, Quinta Feira, Liorna

Fuxan os ventos

Treixadura 

No tardofranquismo a música popular tivo no noso país dúas tendencias. Por un lado a canción de autor, a canción protesta. E por outro as músicas proxectadas a recuperar e acomodar a tradición aos novos tempos.

A maior parte dos cantautores son persoas de esquerdas, non sempre vencelladas a unha organización política concreta pero comprometidos con Galiza e coas clases traballadoras. Isto conduciunos a sentir como un obxectivo urxente a recuperación do galego. Un idioma proscrito no ensino, na administración, na liturxia, nos medios de comunicación…, nun contexto de fera represión lingüística e cultural. Ademais a ditadura seguía a ser igual de opresiva e violenta que décadas atrás: torturas, asasinatos, detencións… Con todo, no plano político, as loitas populares antifranquistas, tanto desde o movemento obreiro como estudantil, van acadando algúns froitos.

Miro Casabella

Suso Vaamonde

O éxito do concerto do cantautor valenciano Raimon en 1967 na Residencia de Estudantes de Compostela, fixo comprender a necesidade imperiosa de crear unha nova canción en galego. Unha canción feita no noso idioma, con temas de denuncia e reivindicación. Un ano despois nace o colectivo denominado Voces Ceibes, coincidindo co clima de rebeldía internacional que comezou co Maio do 68 francés, e que tivo unha especial proxección no noso país, dadas as arelas de rebeldía que estaban xurdindo, os anceios dunha mudanza radical perante o devalar do réxime e dun tirano que non podía durar moito tempo máis. Ademais entre os factores que pulan neste gromo musical e social cómpre lembrar a difusión que neste intre está a ter en toda Europa a música popular chegada do outro lado do mar, especialmente enchoupada de denuncia social, o que adoitamos denominar como canción protesta especialmente con figuras como Bob Dylan e Joan Baez, entre outros.

Xavier González del Valle, Benedicto, Xerardo Moscoso, Guillermo Rojo, Miro Casabella e Vicente Araguas serán os fundadores deste combativo movemento musical, ao que axiña se suman Suso Vaamonde e Bibiano. Eran intérpretes de letras propias ou de poemas de escritores galegos como Curros Enríquez, Rosalía de Castro, Manuel María, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio, Ramón Cabanillas, Luís Pimentel, etc. Segundo Araguas tratábase de sentar as bases para a canción monolingüe, social, belixerante… Pois fan unha teimosa aposta polo galego como única lingua nas súas cancións. A finais de 1974 disólvense, aínda que algúns dos membros continuarían activos.

Xorde por este anos a Nova Canción Galega, cun carácter aperturista e integrador. Ninguén podía nin imaxinar a mudanza que se estaba a producir no panorama musical galego en todo o país entre finais do franquismo e comezos da transición, ao que se foron incorporando un feixe de grupos e solistas como Fuxan os Ventos, Saraivas, Xocaloma, A Roda, A Quenlla, Xoán Rubia, Amancio Prada, Pilocha, Batallán, Emilio Cao…, algúns dos cales tiveron unha importante proxección internacional, especialmente nos países vencellados á emigración. Os tempos estaban a mudar. Desaparecidas as vellas ruadas, fiadeiros e muiñadas, abríanse novos espazos para as nosas músicas, e había que aproveitar os novos medios e xeitos de difusión como concertos masivos e festivais que tiñan lugar en todo o país, e entre os que compre salientar o de Pardiñas (Guitiriz) ou o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, onde participan grupos galegos a carón doutros chegados desde Escocia, Irlanda ou Bretaña. A popularización dos xiradiscos e a chegada dos casetes axudou á difusión da música galega… Atopámonos pois cunha estrutura comercial gorentosa para as discográficas que aproveitaron o filón coa gravación de numerosos álbums. Unha inédita realidade que foi agochada polos medios de comunicación, especialmente a televisión e a radio.

A consideración da canción popular como medio que mellor expresa e serve ás aspiracións democráticas do pobo evidénciase en todo o Estado e será a base principal da celebración do I Festival de la Canción de los Pueblos Ibéricos, que tivo lugar no campus da Universidade Autónoma de Madrid o 10 de maio de 1976 como acto de reafirmación da personalidade dos pobos e como mostra da vontade de coordinación solidaria para a consecución das liberdades democráticas. As máis de 60.000 persoas que acudiron ao acto amosan o papel que a canción chegou a desempeñar na toma de conciencia fronte á tiranía. No evento participaron cantores como Manuel Gerena (andaluz), Labordeta (por Aragón), Luís Pastor, Julia León e La Fanega (Castela), Unsain e Mikel Laboa (vascos), Taburiente (canarios), Pablo Guerrero (estremeño), Pi de la Serra (catalán), Fausto e Vitorino (portugueses), Raimon e Adolfo Cedrián (valencianos), Victor Manuel (asturiano)…, e como representación do noso país Miro Casabella, Bibiano e Benedicto.

Nalgúns destes cantautores e grupos xa topamos fusión da musica de raíz con algún tipo de pop ou música melódica, nunha liña de evolución e reformulación da música tradicional, e facéndoo na nosa propia lingua. Pero ao mesmo tempo que Voces Ceibes e a Nova Canción, e xa máis propiamente proxectado desde un pop máis explícito, cómpre mencionar a Los Tamara e ao seu cantante Pucho Boedo, ao que alguén bautizou como o Frank Sinatra galego, que gravou a súa música en galego xa polos anos 50; lingua proscrita polos mesmos que asasinaron en 1936 ao seu pai Xosé Boedo, membro da CNT, e ao seu irmán Xosé Antonio un ano despois. Levaron aos campos da festa e aos salóns de baile toda a potencialidade lírica do galego, con moitos temas  compostos por Pucho sobre poemas de Curros, Celso Emilio, Rosalía: «O vello e o sapo», «A meiga», «Negra sombra»… Tamén actuaron con éxito en célebres escenarios de Madrid, París e en distintas cidades de Suíza, Holanda, Alemaña, Reino Unido, Bélxica…, percorrendo ademais países como Marrocos, Túnez, Líbano, Alxeria…

Pucho Boedo

Andrés do Barro

Coincidindo cos tempos de Voces Ceibes topámonos cun fenómeno que situou o galego nun espazo esencial no panorama do pop a un nivel que desbordou as expectativas máis optimistas. Estou a falar do sorprendente éxito de Andrés do Barro, quen a pesar de cantar exclusivamente en galego, conseguía a nivel estatal un resultado sen precedentes tanto do punto de vista discográfico como a nivel televisivo e radiofónico.

En 1970 publicou o sinxelo Corpiño xeitoso, primeira canción en galego en estar no número 1 de “Los 40 Principales”. Mais adiante editou o seu primeiro LP, Me llamo Andrés Lapique do Barro, que inclúe dúas cancións con letra de Xavier Alcalá, «Teño saudade» e «A uns ollos verdes». Alcalá compuxo tamén a letra doutras pezas como «Rapaciña» e «Fogar de Breogán» e definiu ao seu amigo Andrés como “neotrobador do século XX”.

Andrés do Barro conseguiu algo inaudito ata entón en galego: colocar no número 1 varias das súas composicións: «O tren», «Corpiño xeitoso», «San Antón», “Pandeirada»…

O franquismo proscribira durante moitos anos actuacións e gravación de discos en catalán, galego ou vasco, mais fronte ao ton reivindicativo de Voces Ceibes, aos que estivera ligado nos seus comezos, o cantante ferrolán opta agora pola temática costumista (algo polo que recibiu algunhas críticas), mais sen renunciar á súa lingua, pois como el mesmo sinala no seu segundo disco: “quero colaborar con todo interese e cariño a dignificar o meu idioma materno, caído durante moitos anos no máis cruel menosprezo”.

Perante esta eclosión e a popularidade que estaba a acadar a música galega comézase a producir a imprevista aterraxe neste terreo de cantantes como María Ostiz. Era sobre todo cantautora, pero a maior difusión e o maior éxito comercial acadouno cunha versión da popular canción “Na beira do mar” que arranxou en 1969 e foi das pezas máis destacadas durante 1970 en “Los 40 Principales”.

Sorte parella correu o tema “Un canto a Galicia”, composto e gravado en 1971 polo cantante de raíces galegas Julio Iglesias, incluída no seu álbum do mesmo título de 1972. Trátase dun canto á terra natal do seu pai, natural da Peroxa (Ourense), que acadou unha grande notoriedade a nivel internacional, e volveu a ser editado en posteriores discos con outros éxitos do cantante.

O coñecido cantante Juan Pardo tamén compuxo algunhas pezas en galego nos anos 60, que non tiveron a grande difusión que acadou o tema en castelán, aínda que de ambiente galego, titulado “Anduriña” (1968) que compuxo o dúo Juan y Junior, do que formaba parte; ou a canción “Cuando te enamores”, con partes en galego e en castelán. O vencello co galego estivo presente durante tempo, pois  foi produtor discográfico de Andrés do Barro, comezando en 1969, e axudando a este cantante a erguerse ao cume do pop a nivel nacional e internacional. Como anécdota poderíamos relatar que na gravación da coñecida canción titulada «O tren», de Andrés do Barro, fixeron os coros o propio Juan Pardo, a súa muller Emy e Camilo Sesto, que andaba nos comezos da súa carreira.

Juan Pardo

Ademais o excantante de Los Brincos fixo unha gravación enteira en galego no disco titulado Galicia; traballo que causou grande sorpresa ao ser editado en 1976 cun ton moi belixerante e directo para uns tempos en que a liberdade só era unha fermosa utopía, musicando poemas de Antonio Olano («Dinguillidan!!!… Nana pra un neno probe»), Eduardo Pondal («A fala e falade galego»), Ramón Cabanillas (“Irmán Daniel. Na morte de Castelao”, “En pé”, “A Rosalía de Castro”) ou compoñendo el as letras (“Probiña da tola” e “Miña nai dos dous mares”). Mesmo chega a facer unha versión orixinal do Himno Galego.

Xil Ríos

Ana Kiro

Espazo á parte dentro da música melódica merecen Xil Ríos e Ana Kiro. O primeiro, un moañés de familia mariñeira, comezou a súa traxectoria en 1971 no Festival «Dorna» de Vigo co tema «Un anaco de pan». No seu primeiro disco (1972) destaca o tema «Nosa Galicia«, no que trata o problema da emigración. Cómpre subliñar o carácter social de algúns dos seus temas, o que levou a que «Aos meus amigos» fose proscrito na televisión polo franquismo, dada a denuncia social que fai sobre a situación dos mariñeiros. A partir de aí ten unha abondosa produción discográfica ao longo de moitos anos. O seu tema máis emblemático é “Xirarei”, incluído no álbum do mesmo nome (1980).

Pola súa banda os inicios de Ana Kiro como cantante prodúcense no mundo da emigración (en Barcelona) polos anos sesenta. O que nun comezo era unha simple afección rematará en pouco tempo no que será a súa actividade profesional ao longo de toda a súa vida. Axiña comezarán as gravacións discográficas, as xiras e mesmo a participación nun programa de TVE. O seu disco Galicia terra meiga (1973), do que vende máis de 100.000 copias, ábrelle o camiño da emigración, e así comeza unha vida de viaxes por distintos países de Europa e latinoamérica, onde a enxebreza dos seus temas esperta tanta paixón nos saudosos galegos alí establecidos. Nos seus últimos anos traballa como presentadora na TVG.

Nos comezos dos anos 70 foi bastante habitual a aparición de grupos amateur formados por mozos moi novos (ás veces adolescentes) cargados de ilusión pero sen grande formación musical que artellaban os seus repertorios segundo os gustos propios da xente da súa idade. Seguindo os pasos da música pop en boga en todo o Estado, pero introducindo ao mesmo tempo o engadido de cantar en galego algúns dos seus temas. 

Corazón Joven

Foi un fenómeno que se deu nalgunhas cidades e vilas galegas e poucos deles saíron adiante. Foron desaparecendo, algúns pola necesidade dos seus membros de centrarse nos estudos, outros optaron por dedicarse á música de verbena, mesmo de xeito profesional. Moitos dos seus nomes xa se perderon no esquecemento. Poderiamos mencionar neste senso ao dúo Keltia, formado por Álvaro Someso e o agora presentador da TVG Xosé Manuel Gayoso que editaron en 1978 o LP Choca esos cinco con algunhas cancións en galego. Mais eu aínda lembro algún máis por proximidade xeográfica como foi o caso de Toxo Verde (da Estrada) e especialmente Corazón Joven de Cuntis. Deste último recordo que tiñan dúas cancións de composición propia en galego: “Olla pra min” e “Mariñeiro”. Anos máis tarde o grupo Samba, no que tocaban tres dos antigos membros, gravou un single que reproducía dous temas, “Olla pra min” e “Te vas”, moi no estilo do pop da época, e que era frecuente topalo nas máquinas de discos dos bares. Eu mesmo conservo este vinilo que considero unha boa mostra das tendencias musicais máis difundidas no noso país neses anos. Con este dato non pretendo facer moito máis que uns breves apuntamentos sobre o contexto musical dos anos 70, que coido que poden resultar de interese como modelo extrapolábel ao que aconteceu noutras vilas do país, e que nos revelan un clima favorábel á divulgación do noso idioma no ámbito das músicas máis de moda no momento.

Gaiteiros de Soutelo “Foliada de Tenorio

Faustino Santalices “Alalá das Mariñas

Florencio o cego dos vilares “A filla de Bartolo” 

Benedicto “Pola Unión”

Suso Vaamonde “Compañeiro Daniel

Amancio Prada

Fuxan os ventos  “Muller

Chouteira  “A Trabada” 

X. M. Budiño en Canadá

Quinta feira “O señor das Carapazas

Pucho Boedo Airiños airiños aires

Andrés do Barro “O tren” 

Ana Kiro “Galicia terra meiga” 

Xil Ríos  “Xirarei”  

«Olla pra min» de Corazón Joven polo grupo Samba 

Bibliografía

AAVV, “I Festival de Canción de los Pueblos Ibéricos” 1976. Pretérito imperfecto, Difusora Internacional, S.A., Barcelona, 1977.

AAVV, No país das gaitas, Cadernos A Nosa Terra, Promocións Culturais Galegas S.A., Vigo 1995.

AAVV, Cancións para todos nós. Crónica de 20 anos de música galega, Cadernos A Nosa Terra, Promocións Culturais Galegas S.A., Vigo 1996.

CAMPOS CALVO-SOTELO, Javier, Fiesta, identidad y contracultura. Contribuciones al estudio de la gaita en Galicia, ed. Diputación de Pontevedra, Santiago de Compostela 2007.

LÓPEZ COVAS, Lorena, Historia da música en Galicia, Ouvirmos S.L., Sarria 2013.

SCHUBARTH, Dorothé/SANTAMARINA, Antón, Cancioneiro galego de tradición oral, Fundación P. Barrié de la Maza, A Coruña, 1982.

SEIXO PASTOR, Marcos, “Os nosos músicos. Gaiteiros de Cuntis: De Miguel da gaita e Pepe de Pedro aos Airiños de Cuntis”, A Taboada V, Cuntis-Moraña, xullo de 2002, pp. 115-148.

SEIXO PASTOR, Marcos, “Os nosos músicos: Patelas, o gaiteiro de Cuntis” , A Taboada III, Cuntis-Moraña, xuño de 2001, pp. 63-76.

 Recursos informáticos

 http://www.ghastaspista.com/historia/voces.php consultada o 23/02/2021.

http://www.blogoteca.com/cuntis/index.php?cod=134332 consultada o 23/02/2021.

https://www.publico.es/culturas/pucho-boedo-tamara.html consultada o 27/02/2021.

https://www.libertaddigital.com/chic/corazon/2015-08-29/la-vida-atormentada-de-andres-do-barro-1276555890/  consultada o 01/02/2021.

Marcos Seixo Pastor

Marcos Seixo Pastor

Profesor de galego

Chámome Marcos Seixo. Aínda que a miña chegada ao mundo tivo lugar en 1959 na rúa de San Marcos en Lugo, na casa da miña avoa, fun concibido e criado en Navia de Suarna, onde pasei unha feliz infancia e a onde regreso cando menos dúas ou tres veces ao ano. Por mor da profesión do meu pai, estivemos vivindo en distintos concellos. Asentámonos finalmente en Cuntis (Pontevedra), onde vivo a día de hoxe na aldea de Castrolandín.

Fixen estudos de Filoloxía en Compostela e os últimos 16 anos fun profesor do IES Valle Inclán de Pontevedra, até a miña “xubilación forzosa por incapacidade” no ano 2016. Neste instituto coñecín aos compañeiros do grupo de teatro Argallada, algúns deles impulsores do blog devellabella, no que ando a colaborar con algún traballo.

A miña vida na actualidade segue a ser bastante activa, pois podo dedicar o tempo ás miñas moitas afeccións, entre elas escribir. Alén diso tamén son afeccionado á música tradicional, ás motos, sobre todo ás clásicas, a coidar as viñas, e tamén a nadar, podendo ser, no río de Navia

Blog

máis artigos

Actividades do 14 ao 20 de xuño 2021

Do 7 ao 13 de Xuño

Actividades do 31 de maio ao 6 de xuño

Do 24 ao 30 de Maio 2021

Do 17 ao 23 de maio 2021

Do 10 ao 16 de maio 2021

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Español