O proceso musical que estou tentando bosquexar non debe ser interpretado como o relato da evolución desde a música tradicional até ao rock, senón da capacidade do noso idioma para ir explorando novos espazos no eido musical, adaptándose ás novas tendencias e estilos que van xurdindo, mais sen descoidar as nosas raíces. Así a música tradicional, a canción de autor, o pop…, continúan coexistindo no ámbito inédito da aparición do rock e das músicas alternativas.

En pleno auxe das novas músicas topámonos cunha música tradicional e folk que goza de moi boa saúde e que malia a escasa atención por parte das administracións públicas, vai acadando non só a adhesión do público galego senón que en moitos casos tamén é aclamada fóra das nosas fronteiras, como prova o éxito de grupos como Treixadura, Carlos Núñez, Radio Cos, Tanxugueiras, A banda das Crechas, Budiño, Os d’Abaixo, Adufeiras de salitre, Leilía, Xacarandaina, Xiradela, Pandeiromus, Xosé Lois Romero & Aliboria

Budiño e Mercedes Peón

Leilía

Xosé Lois Romero & Aliboria

O mesmo sucede coa canción de autor, con referentes tan destacados como Uxía Senlle, Rosa Cedrón, Guadi Galego, Ugía Pedreira, Sonia Lebedynski, Davide Salvado, Belém Tajes, Mercedes Peón, Xavier Díaz, Mónica de Nut, Sabela (concursante de OT), Sés, a eurovisiva Lucía Pérez,  Faia, Xabier Vizcaíno, Pauliña, Antía Muíño, Leticia Rey, MJ Pérez… Podemos gabarnos pois da fortuna de contar con moitos carismáticos grupos e solistas que partindo da música de raíz adquiren a súa propia identidade con repertorios nos que o eclecticismo convértese nun valioso medio para asegurar a continuidade da música galega, integrada no ámbito das músicas do mundo.

Na contorna da mudanza de milenio, a música en galego pasa por un intre de notábel prestixio, como amosa o feito de que mesmo coñecidos cantantes non galegos interpretan cancións no noso idioma. Así o fai a madrileña Ana Belén nun álbum de Milladoiro coa canción “Moraima”, sobre un poema de Celso Emilio; a portuguesa Dulce Pontes en A Irmandade das Estrelas de Carlos Núñez con “Lela”, sobre a letra de Castelao; Luz Casal (que aínda que é galega viviu desde nena en Asturias), tamén en A Irmandade das Estrelas, con “Negra Sombra” ou con “Camariñas”; ou o cantante francés de raíces galegas Manu Chao, que nos seus directos ten incluído temas como “Eu chorei chorei”, “Licor do negro café” (de Lamatumbá), “E déixame subir”…

Lucía Pérez “Se eu non son”

Uxía Senlle “Túa nai é meiga”

Lamatumbá “Licor café”

MÚSICAS EMERXENTES EN GALEGO

PRECEDENTES

Entre os primeiros grupos de rock que dispoñen o seu repertorio total ou parcialmente en galego teriamos que encadrar formacións nas que participou un adolescente Suso Vaamonde, que andaba por Vigo a mediados dos anos 60, como foron Os Copens e Marco Balorento. Mais o primeiro que acadou unha certa popularidade mediática sería Goma 2, nacido en Portonovo a mediados da década dos 70, e ao que cómpre considerar o precursor do bravú.

Goma 2 “O galiñeiro”

Coetáneo de Goma 2 foi N.H.U., formado en 1973 en Santiago de Compostela, que empregaba o galego nas súas letras. Eran músicos dunha grande calidade. Só gravaron un disco, en 1978, con cancións tan fermosas como “Na terra do verde chan”; un disco que foi e segue a ser obxecto de eloxiosas críticas.

A orixinalidade de introducir a gaita no ámbito do rock estará presente máis adiante noutras bandas como os ferroláns Los Limones (1983), que cantaban en castelán aínda que tiñan unha versión en galego do seu emblemático “Ferrol”: “Sei que aquí nacín/e aquí quero quedar/aquí está meu lar,/onde se acaba o mar”.

Tamén como exemplo dunha tímida contribución á difusión da lingua galega, podemos mencionar a figuras do rock como Los Suaves que nos seus concertos no noso país, ademais de facer unha versión instrumental do himno galego, ás veces cantada polo público, interpretaban en galego o seu tema “O afiador”.

Algo máis importante é a achega de Siniestro Total. Aínda que o seu tema máis coñecido quizais sexa “Miña terra galega”, versión en castelán de “Sweet home Alabama” (1974) da banda estadounidense Lynyrd Skynyrd. Realmente só ten en galego esas tres palabras, mais rematou por converterse nun verdadeiro himno do noso país en clave de rock. Non foron moitas as pezas que compuxeron na nosa lingua, agás algunha para o Xabarín Club: “A onde vas rapaz?”, “Hoxe son un punk”, “Xabaguai” (xunto con Manquiña). Á marxe disto, fixeron tamén unha versión de “O Tren” de Andrés do Barro, a canción cun aquel de country “Quen me dera na casiña” e o tema “Corta o pelo landrú”, con aires punk (estilo caracterizado pola simplificación fronte ao rock progresivo).

Ademais de Siniestro Total houbo outros grupos tamén encadrados na denominada “movida viguesa”, que aínda que non adoitaban cantar en galego, compuxeron e executaron algúns temas para o Xabarín Club na lingua do país. Entre eles temos a Aerolíneas Federales, con cancións como: “Non todo é o que parece”, “Que calor!”, “Non teño diñeiro”, “Quero xamón” (con Miguel Costas); ou Killer Barbies: “Xabarín contra o Doutor No” e “Spiderman”. Cómpre salientar o labor cultural e de promoción do idioma que levou a cabo este fabuloso programa infantil coa colaboración de moitos grupos e solistas galegos e algúns doutros países lusófonos, iniciativa que cumpriría recuperarmos.

Os Resentidos “Galicia sitio distinto”

Entre as bandas da movida viguesa dos anos 80 non podemos esquecer ao grupo de pop e rock Os Resentidos nin ao seu vocalista, letrista e fundador Antón Reixa. Ademais de ser unha formación monolingüe en galego, caracterízase pola súa significación cultural e literaria, mesmo con resonancias de obras do propio Reixa. Xosé F. Colmeiro salienta do grupo a súa mestura do rural e o urbano, da tradición e a actualidade. A súa canción más coñecida, mesmo a nivel do Estado e de Portugal, foi “Galicia Caníbal” (fai un sol de carallo) (1986). Porén o disco máis valorado pola crítica foi Jei. Despois de rachar a banda (1994), Antón Reixa formaría Nación Reixa xunto co músico vasco Kaki Arkarazo de Negu Gorriak.

En 1981 nace na Coruña Radio Océano, formado polos xornalistas X. M. Pereiro e Santiago Romero, entre outros. Ao igual que Os Resentidos, cunha importante vocación cultural, aínda que diferente desde o punto de vista musical. Participaban en moitos concertos da época cos grupos da “movida galega”. Hai quen os sitúa, penso que acertadamente, no rock progresivo. Gravaron varias maquetas e o LP Nin falta que fai. O poeta Lois Pereiro, irmán do cantante, é autor da letra dun dos seus temas máis coñecidos: “Narcisismo”.

Radio Océano

Astarot “Sementeira” 

Mención á parte merece o grupo cangués Astarot, formado en 1983. Ao comezo interpretan rock en castelán, con moito éxito. O seu terceiro disco, Apuesta y gana, contén por primeira vez dous temas en galego: unha adaptación ao rock de “Airiños airiños aires”, baseado na versión que Pucho Boedo fixera sobre o poema social de Rosalía de Castro, e a canción “Sigo en pé no mundo libre”. A partir de aí os seus discos son en galego. Destacar O sentir dunha terra, que en clave de rock inclúe cantigas populares, poemas de Rosalía, Castelao, Cunqueiro…, e cancións de grupos como Saraivas, Fuxan os ventos e Los Tamara.

En Cangas tamén nacen en 1986 Os Raiados. Foi o primeiro grupo en facer punk rock usando integramente o galego. Nos seus temas topamos unha sinalada influencia do “rock radical vasco”. Ademais de actuacións en festivais e locais de Galiza, tamén actuaron fóra do país, especialmente en Euskadi. Eran frecuentes as súas actuacións nos concertos organizados a finais dos 80 en festivais relacionados co arredismo político, especialmente coa organización antirrepresiva Ju.G.A., que traballaba pola liberación dos presos independentistas galegos.

Cómpre facer alusión ao grupo de rock Santiagués Os Quinindiolas, nacido en 1988, que foi evolucionando cara ao punk melódico, o hip hop e o funk (que fusiona soul, jazz, ritmos latinos…). Eran habituais do programa Sitio Distinto de Anton Reixa. Editaron un único disco.

Entre os integrantes estaban o cantante e escritor Xelís de Toro, e Fran Pérez “Narf”, compositor, cantante e guitarrista cunha grande atracción polas músicas africanas (nomeadamente polo funk), e que a partir do 1992, coa disolución do grupo, comeza unha carreira en solitario, publicando tres álbums e colaborando con outros músicos como Jabier Muguruza, Manecas Costa, Uxía ou X. M. Budiño, entre outros. As súas teimas máis insistentes foron achegar ao rock influencias diversas, especialmente dos ritmos e harmonías de África, e integrar as nosas músicas no seu ámbito natural, a lusofonía.

 Narf co músico de Guiné Bissau Manecas Costa

Dirty Barriguitas

Nos albores dos anos 90 tamén ten lugar en Santiago a chegada do punk hardcore (que foxe dos patróns comerciais establecidos), con grupos como Fame Neghra ou Dirty Barriguitas, cunha clara teima de denuncia social e política. Da disolución desas dúas bandas nacerá anos despois Samesugas.

O MOVEMENTO BRAVÚ

Nos anos 90 rebole no noso país un fervedoiro de grupos musicais cunha radical arela de expresar dende un enfoque reivindicativo o amor á nosa lingua e cultura, así como a súa sintonía coas loitas populares e co movemento ecoloxista e antiglobalización. Coa axuda de referentes previos tan diversos como Fuxan os Ventos, Os Resentidos, Mano Negra ou Negu Gorriak, reclaman un rock en galego sen complexos.

Foi aquel memorábel primeiro de novembro de 1994, na primeira edición do Castañazo Rock, cando un feixe de grupos asinan o Manifesto de Viana (Chantada), que se considera o nacemento do rock bravú. A palabra “bravú” procede do nome co que se designa nalgunhas partes do noso país á carne de caza e á carne de gando sen capar. Reproduzo de seguido o manifesto:

“Dos pinchos e das flores do toxo máis agreste,

do monte máis salvaxe.

Da calor e dos aromas da augardente e da queimada,

que teiman do orballo e das xeadas nos ósos.

Dos aquelarres en covas, en noites perdidas,

con bruxas e trasnos danzando por riba do lume.

Das pedras nos valados, nas cabezas e nas gadañas,

cravuñando o asubío dalgún cantar popular.

Das guitarras compradas coa primeira paga do paro

ou da economía somerxida.

Do tabaco de batea adulterado con aromas tropicais.

Do amor, do odio, da frustración

ou dunha borracheira de vatios nun alambique clandestino.

De todos eses sitios e de moitos máis,

naceu, cun aturuxo na boca, este rock tan noso… SEN CAPAR”

En palabras de Manolo Rivas: “Os do rock bravú forman parte dunha confederación irmandiña, sen programas nin ideas concibidas, nin uniformes. Unidos pola terra, a lingua e a música, peiteados polo vento, os guerreiros rozan as corredoiras cegas”.

Liderados por artistas como Xurxo Souto ou Antón Reixa, agrupáronse no chamado rock bravú ou agro-rock, reivindicando o mundo rural e os bairros urbanos, sendo quen de inspirarse en tendencias que van desde o Heavy até a música de verbena, que consideran parte da nosa cultura popular, e cunha presencia constante do humor retranqueiro. Convén deixar constancia da significación de dúas figuras tan prezadas e reclamadas pola súa singular interactuación e conexión coa xente: Pinto de Herbón e Marisol Man Furada. Con estes dous populares poetas, rapeiros e regueifeiros temos pasado moi bos e divertidos momentos en distintos festivais por todo o país.

Entre as bandas de rock bravú temos formacións espalladas por todo o país: Os Diplomáticos de Monte-Alto (A Coruña), Heredeiros da Crus (Ribeira), Yellow Pixoliñas (Monforte), Skornabois (Vilanova de Lourenzá), Xenreira (A Estrada), Skárnio (Vigo), Os Papaqueixos (A Coruña), Rastreros (Chantada), Túzaros (Compostela), O Caimán do río Tea (Ponteareas), Kaos (O Morrazo), Ruín Bois (Bueu), Os Impresentables (Vimianzo), Korosi Dansas (Vilargarcía), Blood Filloas (Ferrol), Os Bochechiñas… Sen dúbida os que tiveron unha maior repercusión mediática foron os dous primeiros.

Skárnio “Irmaos”

Os Diplomáticos de Monte Alto 

É un grupo que nace no bairro coruñés de Monte Alto. O seu elemento máis singular é o uso do acordeón como instrumento destacado, con influencias do rock e punk pero tamén do folk e mesmo da música de verbena popular galega. Foi formado 1989 polos músicos Xurxo Souto e Rómulo Sanjurjo. Destacar entre as súas pezas máis populares “San Furancho” e “Non chas quero” (Arroutada Pangalaica) e, como non, a “Oda ao futbolín” do Xabarín Club, ou “Ghaiteiro”.

Heredeiros da Crus 

Fundado en 1992 por Antón Axeitos (Tonhito de Poi) en Ribeira (A Coruña). En 1993 presentan o seu primeiro traballo en directo, A cuadrilla de Pepa a loba, que se fai moi popular, como Quero josar, aínda que a peza máis popular será o tema “Que jallo é” (Xabarín Club).

Yellow Pixoliñas 

Formado en Monforte de Lemos en 1987. Nas súas cancións empregan o galego, mais tamén o castelán e o inglés. Característico dos súas composicións é o uso de letras combativas, unha aguda retranca e a presenza do mundo rural. Publicaron varios álbums e participaron no Xabarín club con temas como “Xabarín xa te vin” e “Telexornal”.

Os Skornabois

Grupo de Vilanova de Lourenzá, creado en 1988 co apoio de Xurxo Souto e os Diplomáticos de Monte Alto. Nesta primeira xeira o grupo chegou a gravar dúas maquetas. Paseniñamente van evolucionando do punk rock ao hip hop. Tematicamente van facendo a cada paso temas máis combativos, moi influenciados por Reixa. Pezas como “A brosa do verdugo” ou “12-08-75”, dedicado a Moncho Reboiras, asasinado nesa data en Ferrol pola policía. A peza máis coñecida quizais sexa “O verme homicida”.

 Skornabois. Portada do álbum

Xenreira

Xurdido a mediados do 1994 na Estrada, definían a súa música como “rock irmandiño”, pois non se identificaban plenamente co bravú, xa que eles non facían un tipo de música concreto senón que gozaban tocando o que lles petaba: Reagge, rock, música tradicional, pop, rumba… Eran músicos con influencias do “rock radical vasco” e da tradición galega dos anos 70 representada por Fuxan os Ventos. A banda estaba composta, entre outros, por Davide e Silverio Otero. Contaban cunha sección de vento-metal impresionante. Publicaron o disco titulado Érguete!! (1997), no que manifestan o seu compromiso co independentismo, a temática da guerra civil española (no tema “Mil Nove 36”), as mobilizacións, a represión e o internacionalismo solidario (“Mesmo berce, mesma loita”). Colaboraron en varios discos colectivos do movemento bravú.

Skárnio

Formado no bairro do Calvario (Vigo). Defínense como un colectivo político-musical, que usa a música ska (fusión de música afroamericana con ritmos caribeños) como plataforma reivindicativa, comprometidos co independentismo galego, o idioma e a loitas obreiras. Cómpre destacar a súa teimosa denuncia da represión policial e a aclamación das vítimas que padeceron o encarceramento, a tortura e a morte por loitar por unha Galiza Ceibe. Consideran a acción directa como o único camiño, de feito o seu terceiro disco titúlase O nosso caminho.

Papaqueixos

Misturan distintas tendencias, especialmente rock, punk, folk, con ecos da música celta, que lle achega especialmente o gaiteiro Xan Xove. Nacen na Coruña en 1993. Son especialmente coñecidos polo seu álbum A Lóxica Aplastante do Comité de Propaganda. O seu hit é “Teknotrafikante (farloppo ma non troppo)”, máis lembrada polo seu retranqueiro retrouso: “Sito Miñanco / preso político”.

Papaqueixos “Teqnopresidente”

Rastreros

Nacidos en Chantada en 1989. Practican un rock de raíz galega, rural e labrega. Publican o disco A piñón fixo, a golpe de pixo. No Xabarin Club colaboran con “O sacristan de Basan”. Seguen a ser un referente da música punk rock galega ou o que eles denominaron agro-punk. Gravaron o tema “Nitramón 15 15 15” acompañando a Pinto de Herbón no disco colectivo de Unión Bravú.

Túzaros

Banda formada a comezos do 1992 no bairro de San Lázaro (Compostela). Son encadrados pola crítica no punk metal (o Heavy metal é un rock caracterizada polo son forte de guitarras distorsionadas, os sons densos do baixobatería e a voz aguda e gutural). Eran músicos asiduos da sala Nasa. En 1997 editan o CD Túzaros. Destacar tamén a súa presenza en varios álbums colectivos, entre eles en Unión Bravú. En 2003 inclúen “Negro no azul” no compilatorio Nunca Máis, encadrado no axitado ambiente ecoloxista provocado pola maré negra do Prestige.

O Caimán do río Tea

Fundada en Ponteareas en 1991. Faise especialmente coñecida pola súa participación no Xabarín Club coa canción “Estou na lavadora” e despois con “Ven a bailar”. Publican o disco Feito na casa e tamén participan no colectivo Unión Bravú coa canción “Manolo Pescadilla”.

Kaos

Banda de punk rock creada en 1989 no Morrazo. Publicaron discos como Akí non se rinde ninguén, Kaos, Banda armada, Ceibe, violento e furtivo. Tiveron que mudar de nome, por existir unha banda chamada igual, e pasaron a chamarse Soak.

Ruín Bois

Foi unha banda de oi! (que busca a irmandade do punk e a clase obreira), formada en Bueu en 1995. Destacar o seu álbum Sempre en Galiza (1997). O tema “Por ti mesmo” forma parte do disco Unión Bravú. En 1997 actuaron no festival Live & Loud de Bélxica, compartindo escenario con algunhas das mellores bandas Oi!

Os impresentables

Grupo de rock e blues nacido en Vimianzo, encadrado no colectivo Rock na Costa da Morte, que englobaba máis de vinte grupos da bisbarra. Aínda que foron denominados “os obreiros do rock”, teñen moitas pezas con letras dedicadas ao rural: “Sacha meu pai, sacha miña nai, sacha miña avoa que eu non sei como se fai”.

Korosi Dansas

Foi un dos grupos máis combativos, moi implicados nos problemas da súa contorna (Vilargarcía de Arousa) tanto no plano político e social como cultural. Fan unha fusión de ska rock. Procuran “unha letra que teña algo que dicir, algo que comunicar ao público, utilizando en ocasións un certo ton satírico”, tal como indican no seu manifesto fundacional en 1988. Designan a súa música co termo “rock de batea”. Participan no Xabarín Club cos temas “Xuntos e revoltos” e “Os Galisáns”.

Ruxe Ruxe

Grupo formado en Aríns (Compostela) en 1996. Practican unha mistura de rock e folk, con importantes influencias punk. Fixeron en ocasións de banda de acompañamento de Pinto de Herbón.

Blood Filloas 

Foi un grupo de indie rock de Ferrol. A maior parte do seu repertorio estaba en inglés, porén o seu “Superheroe” é un dos temas máis populares do Xabarín Club.

Ruxe – Ruxe

Os bochechiñas

Malia estar formado por moi bos músicos, foi un grupo cunha actitude individual e unha traxectoria conxunta un pouco caótica, que só duraron un par de anos (1994-1996). Unicamente chegaron a gravar dous temas en discos colectivos, un en Unión Bravú e outro en A cantar con Xabarín, respectivamente “Crooner” e “Xogar ao trompo, xogar ás bólas”.

A ACTUALIDADE

Após a chegada de Alberto Núñez Feijóo á presidencia da Xunta, coa vitoria electoral do PP e o despexo do bipartito do goberno autonómico (xuño de 2009), prodúcese un proceso de depuración política na Radio Galega (que pasa a estar dirixida por Rosa Martínez) e a TVG (coa flamante directora Rosa Vilas), que afectou, entre outros, a Xurxo Souto, destituído á fronte da subdirección de programas da Radio Galega. Ademais tivo que deixar de presentar o programa musical Aberto por Reformas, un espazo destinado á difusión das bandas que cantaban en galego, sendo substituído por Xusto López Carril, que rachou totalmente co obxectivo do programa ao dedicalo á difusión de temas de artistas internacionais.

O outro despexo, o das músicas alternativas en lingua galega do ámbito radiofónico, provocou un grande rexeitamento social, e foi lamentado por moitas persoas do ámbito da música que o consideraron unha noticia tráxica, un mazazo, unha ilegalidade, unha cacería, unha conversión da Galega nunha radio de partido… O apuntamento máis optimista e certeiro darao O Leo que manifesta que “O traballo de Xurxo Souto non caíu en terreo ermo; o que sementou esta aí e isto non vai dar marcha atrás”. O certo é que coa expulsión o mundo da música galega perdía un dos seus principais medios para conseguir a fértil articulación das bandas de música emerxente.

Así como a etiqueta de rock bravú conseguira concertar todo un amplo movemento musical e social dun xeito organizado, co seu disco Unión Bravú (1996) e a revista Bravú (1997), co cambio de milenio non acaban de callar plenamente as diversas plataformas que se van creando como a Asociación de Músicos en Lingua Galega (Amelga), Komunikando (portal que elabora unha axenda de concertos na rede), a Rede de Música Galega ao Vivo e a Asociación Galega de Músicos Alternativos (AGMA).

Só quedaba entón un programa para a música en galego -dedicado ao folk– Lume na palleira, até que no propio 2009 as músicas emerxentes en galego recuperan a expresión radiofónica na Radio Galega da man do programa Planeta Furancho, presentado por Vituco Neira, continuador da liña de Aberto por Reformas. En 2015 a suspensión do programa provocou protestas e mobilizacións do sector musical galego, mesmo chegando a convocarse concentracións de músicos e ouvintes diante das portas das instalación da RTVG en San Marcos e na Praza do Toural con instrumentos.

Mais a recuperación foi algo máis que unha cuestión de infraestrutura. E así a irmandade e solidariedade das nosas bandas, que partillan escenario e mesmo cancións e instrumentos, será o elemento principal que consegue manter a conexión nun panorama das músicas emerxentes verdadeiramente insólito, pois viñeron tempos moi fecundos tanto polo número de bandas, pola súa calidade e polos distintos estilos musicais, así como polo número de festivais e discos publicados.

Nestas últimas décadas continúa habendo un gran ambiente no plano musical galego, nun horizonte no que conviven en harmonía os grupos novos que van xurdindo con outros xa acreditados na escena galega, como é o caso de Zënzar, de Meirama (1987), a día de hoxe a banda máis veterana do rock en galego e designada como “os padriños do rock galego”. Teñen unha chea de traballos editados tanto en estudio como en directo. Algo semellante é o caso do veterano cantautor punk de Matamá Leo i Arremecághona!!!, en activo desde 1997, que non dubida en engadir un forte toque de reivindicación e de denuncia social cunha forte dose de humor retranqueiro. Temos tamén en activo ao grupo de punk rock Skacha, nacido no bairro vigués das Travesas en 1991; Keltoi!, grupo de street punk/Oi! formado en Vigo en 1995, comprometido coas clases traballadoras e co antifascismo, coa festa e o compromiso por bandeira; ou Os Cuchufellos Banda de speed-folk -como eles mesmos manifestan- nacida en Trives en 1996, cunha grande importancia dos instrumentos de vento que a achegan ás charangas e ao estilo de formacións como os Festicultores, dos que falaremos máis adiante, ou Lamatumbá. Esta última, fundada en 1998 para facer música de verbena, mesturando cumbia, reggae, ska, folk, ou pasodobre. Tamén convén facer referencia a Zumbido, grupo de punk rock formado en 1997; así como ao grupo de pop-rock Ith, formado a finais dos noventa en Xanceda (Mesía), e á banda de rock con son garage (rock con influencia das voces negras do soul e o jazz), Samesugas, formada en Santiago en 1999, que cantan en inglés e galego, participan en varios discos colectivos en 2006 e editan o seu primeiro longa duración: Alá vai!

 Zënzar

 Lamatumbá

No 2000 nace Kastomä, grupo de rock de Ordes, e no mesmo ano fúndase en Santiago o dúo Fanny + Alexander, que fan pop electrónico cun aquel de folk. Empregan letras de poetas galegos como Manuel Antonio, Lois Pereiro, Elvira Riveiro…De momento levan editado tres discos, considerados o mellor do pop vangardista galego do século XXI. Por este tempo xorde o grupo Pescando en Copacabana, en Quins (Ourense), coa intención de exaltar o samba, o fútbol, os ritmos tropicais e a ledicia. Algúns temas como “Deixa para lá”, incluído no disco Samba fútebol alegria, foron considerados como “samba contaxioso”. Tamén neste ano nace a banda santiaguesa The Homens, cun estilo musical encadrado no Power pop (caracterizado por utilizar melodías e harmonías do pop dos 60), con aires garage e post punk, e cuns directos impresionantes. Durante 2007 colaboran con Carlos Valcárcel en Projecto Mourente (música electrónica), que tamén colaboraron con Fanny + Alexander. Trátase duns verdadeiros precursores da música electrónica en galego a carón dos disk jockeys Soniko-dB. É preciso lembrar o xa lendario grupo ourensán Xerión, en activo desde 2001 cunha teimosa e orixinal proposta Black Metal con tendencia natural cara ao folk. O coetáneo grupo de pop compostelán Ataque Escampe (2001), aínda que nos comezos gosta da etiqueta “rock de serie B”, pola precariedade de medios na que comezaron. En 2007 edita o seu primeiro traballo e participa no disco-tributo a Andrés do Barro Manifesto Dobarrista. Fíxose especialmente coñecido polo seu retranqueiro e provocador disco Galicia es una mierda (2008).

 The Homens

 Ataque Escampe

En 2002 prodúcese a aparición do grupo coruñés de reggae folk Dandy Fever; e en Ribeira A Compañía do Ruído, combinando temas tradicionais con ritmos samba, ska, reggaerock, apostando pola temática social; en Ourense xorde Guezos (rock, pop, folk), con composicións abertas a calquera estilo (o nome do grupo foi escollido ao chou dun dicionario de Galego/Barallete- a xiria dos afiadores- e significa “Rapaces ou mozos”). No mesmo ano fórmase en Teo Desequilibrio Mental, banda punk, metal e rap. Tamén A Matraca Perversa nace neste ano entre Compostela e A Estrada, cun estilo aberto e experimental, próximo ao ska e aos ritmos latinos; e a banda punk Retobato (de Narón), que publica dous discos Cousas que cheiran e Greatest Hits.

Guezos

No 2003 aparecen Os Trasnos de Moscoso, composto por tres mozos de Moscoso (Pazos de Borbén), cuestionando o espazo urbano do rap, e renunciando a algúns tópicos do hip hop internacional; e en Ordes os xa míticos do hip hop Dios Ke te Crew, cuxo LP titulado Xénese foi o primeiro disco de rap enteiramente en galego. Contaron coa colaboración do actor Miguel de Lira. Tamén aparece por este tempo o que é considerado o mellor metal galego, Machina, grupo de hardcore e metal orixinario de Cerceda. Xa levan editados varios EPs e LPs: AcougaPost-Bravú e Desenchufados. Axiña nace en Nigrán e Val Miñor Dakidarría, caracterizado polo seu estilo punk e reggae e por unha teimosa denuncia política e social.

 Dakidarría “A mocidade activa”

 Dios ke te Crew en directo

Tamén cómpre destacar a Galegoz, que fai música electrónica desde o 2005, gostando de desenvolver actividades teatrais e de videocreación. Nados no mesmo ano, os estradenses Esquíos fan punk rock con influencias garage, e con letras con contido social, aínda que a crítica política está máis presente nos seus veciños de Nao; ambos contan cun bo numero de álbums. A Estrada foi unha vila que achegou moito ás novas músicas en galego. Ademais das bandas mencionadas é obrigado mencionar ao fabuloso grupo hard rock (ou rock duro) Os John Deeres. A mensaxe política e social tamén está moi presente en Som do Galpom, un grupo compostelán funkreggaerap. Por este tempo aparecen os Vacalouras de Teis, facendo un punk rock que nos evoca os tempos do agro-rock; e a Royalties, cun estilo moi singular dentro do punk rock e con letras arredadas da situación política. Cómpre lembrar aos coruñeses Banda Potemkin, co seu exitoso disco Ghastas pista, unha mistura de ritmos balcánicos, caribeños, funk e ska, cun toque de tango e de rock bravú. Abordan con retranca a realidade social, sempre cunha actitude de festa rachada case equiparable á de Os Festicultores, grupo que afirma ser “unha banda musical cun obxectivo común: cultivar a festa máis salvaxe e vigorosa a base de música, humor, baile e desinhibición cerebral”. Desde logo os nomes dos seus espectáculos son verdadeiramente ilustrativos: Rumaníacos, As Kabras chouteiras, EGFA (Exército Guerrilleiro das Festas Armadas), Os Sadomusiquistas, Festicidio Colectivo…

Un ano despois aparece a banda de rock de Ponteareas Capitán Furilo e en Boiro o grupo de indie-rock Agoraphobia, composto por catro mozas que en 2017 gañaron o Premio Martín Codax da Música como mellor banda de rock. En 2007, nos Ánxeles (Brión) fórmase A Banda da Balbina, que gosta dos ritmos latinos e cuxo hitEstomballada”, ten unha importante presenza na radio e na TVG, e formará parte do repertorio dalgunhas orquestras de verbena. No propio 2007 xorde a banda agro-punk Sacha na Horta, que se fixo popular ao gañar o certame musical A polo ghit, organizado pola Radio Galega (no programa Aberto por Reformas) e o xornal dixital Vieiros, coa súa canción “Biocultivos”, elixida como canción galega do verán. En 2008 deron o seu primeiro concerto no Centro Social da Gentalha do Pichel de Compostela. O Sonoro Maxín, nado en Ourense no mesmo ano, e centrado nos ritmos latinos e de festa, acuñando o seu lema: “Galicia tropical”. Lanzaron a maqueta de catro temas Non hai problema, e en 2008 autoeditaron o seu primeiro EP, titulado Pop? Cómpre lembrar tamén a Skandalo GZ, unha banda ponteareá de ska-punk cunha grande presenza de instrumentos de vento e con letras moi combativas.

En 2008 nace en Teo Medomedá, que cualifican ironicamente a súa música como “rock gilipollas” con influencias do bravú  e agro-rock, e tamén Familia Caamagno, banda de rock creada en Sigüeiro (Oroso), que en 2011 edita os seus dous primeiros traballos, o primeiro deles de título homónimo e despois un sinxelo Cantan polo Nadal! Tiveron algunhas aparicións na TVG e moi boas críticas desde distintos medios.

En 2010 fórmase en Boiro The Lacazáns con moitas influencias do blues clásico, do country e o rock, e tamén Terbutalina (2010), cun estilo garage punk e letras de carácter costumista que ás veces agochan claras mensaxes como no caso do seu álbum Espabila Gallego.

Lacazáns

En 2011 nace O collón de Lola, unha banda de versións de temas do Xabarin Club. Cancións que marcaron toda unha xeración cun rock moi cañeiro e cargado da saudade do tempo pasado. Tamén aparece a banda de ska punk Liska!, formada entre finais de 2010 e 2011 en Vigo, que editan o traballo República 2.0. Tamén en 2011, desde Pontevedra, chega ao cenario musical galego Banda Baile Asalto, que dous anos despois publica o seu primeiro traballo discográfico cunha proposta festeira e leda, na que mestura con naturalidade a tradición con potentes toques de jazz. Entre 2011-2015 permanece activo o grupo compostelán de música electrónica Das Kapital, co seu  cantante O Leo reclamando a loita de clases e o socialismo marxista. Tamén compre aludir a Caxade, proxecto musical de indie-folk nacido en Ames en 2012; a Chicharrón, banda de indie rock formada en 2013 en Carballo, que até a data leva publicados tres álbums de estudio. Desde Pontevedra (ou mellor, Punkivedra) chega Fondo Norte especialmente coñecidos pola súa versíon do mítico UAH !!! de Suso Vaamonde coa súa famosa e polémica estrofa “Cando me falan de España/ sempre teño unha disputa/ que se España é miña nai/ eu son un fillo de puta”. Foi formado en 2014 durante a Feira Franca por un grupo de amigos do instituto Sánchez Cantón. Algo máis recentes son os black metal Lóstregos, que aparecen a finais de 2014 na Coruña; e Oh! Ayatollah, grupo de pop santiagués fundado a finais de 2015, que en 2018 presenta o seu primeiro disco, Volve a canción protesta. Non podemos esquecernos de formacións do calibre de Los jinetes del trópico, coa súa cumbia, reggaeton antimachista e punk tropical, activos desde 2015; a orixinal formación muradán de punk-rock Lisdexia, orixinais e enxeñosos até no nome; a The Rapants, banda de surf, garage e indie formada en Muros 2018,”inconcebible sen o bo rollo, a festa e a birra”, con temas en galego e castelán; Sniff & Crash,  grupo de rock formado en Baiona “con letras inspiradoras sobre chouripáns, patacas (gústalles moito a comida), fanecas, esquíos ou capachos”…

Os pioneiros do trap (música electrónica con influencias do hip hop) en lingua galega foron os santiagueses Boyanka Kostova (2016) con temas con moita retranca, unha gran presencia da música urbana. En 1919  O Chicho do Funk, un dos compoñentes, funda en solitario Ortiga, máis achegado á electrónica e cun espírito verbeneiro e latino (salsa, merengue, cumbia e bachata), con Auto-Tune (ferramenta que se emprega para corrixir desafinacións e que pode darlle á voz efectos electrónicos), moi típico das cancións trap, e con caixa de ritmos electrónica.

Boyanka-Kostova

Santiagueses tamén son Verto (2019), que co seu tema trap “Oie gayego” sorprendéronnos a todos na súa participación no Luar da TVG: “Oie gayego,/ me encanta tu tierra es todo tan verde/Oie gayego, me encantan el pulpo y los percebes/Oie gayego, sois todos muy majos un poco cerrados pero hogareños(…)”. Un tema que con retranca critica os cansiños estereotipos que os galegos temos que aturar con frecuencia, e que nos lembra inevitabelmente o “Galicia es una mierda” de Ataque Escampe

Verto “Oie gayego”

Por este tempo nace tamén a banda Berlai, que opta pola combinación da música pop-rock con efectos electrónicos e unha base folk, coa creatividade de incluír o collage de cancións, debuxos, poemas e textos narrativos na presentación dos seus traballos. Destaca no hip hop actual Loucost, que fai música urbana desde 2018. Procede da Cañiza e un dos seus fins principais é demostrar que o galego é unha lingua válida para calquera estilo musical.

Noutra liña, mais coetáneos destes grupos, temos a Zeltia e Irevire (1918), que se autodefine como “banda con corazón de Folk Tribal aberta á mestura de estilos”. A formación está composta por Zeltia (compositora): voz e guitarra acústica; Migui Carballido: bodhran e voz e Cibrán Seixo: violín. A súa música ten un importante compoñente pop; estilo que tamén cultivan con moita orixinalidade as cinco mozas que integran A banda da Loba, con influencias do folk e tamén do rock e blues. Levan editado dous discos A Fábrica da luz e Hasme oír, este último dedicado a Xela Arias, protagonista das Letras Galegas 2021. Convén facer unha recensión do disco Cantos de Poeta (2016), primeiro traballo discográfico do trío Gelria, no que poñen música a poemas de autores galegos. O grupo está integrado por unha cantante catalá (Helena Tarrás) e dous galegos da diáspora. Recibe o nome do buque no que estivo embarcado Manuel Antonio. Cómpre non esquecermos dado o grande éxito e popularidade que está a ter neste 2021 ao burelense Grande Amore que combina con naturalidade o pop, o rock and roll, o techno e outras tendencias musicais.

 Zeltia Irevire na Casa das Crechas 

 A Banda da Loba “Bailando as rúas”

Conviven música, artes escénicas, talento e humor nos espectáculos de moitas das nosas formacións, pero dun xeito especial nalgúns en concreto como na Orquestra Os Modernos que desde hai unha década nos ofrece pezas bailábeis “á última moda” (a dos anos 1920): fox-trots, chotis, habaneiras, tangos e pezas tradicionais galegas. Todo isto, exposto cunha indumentaria de época que coida até o último detalle, e unhas representacións, por parte do animador/a e o resto dos compoñentes, do máis divertidas. Son músicos xa veteranos e mesmo contan coa súa “cantante e diva”, Íria Pinheiro. Cómpre reseñar ao grupo De Vacas, que fai versións ou adaptacións de cancións pop de éxito e cancións do verán pasadas ao galego cun ton paródico e algareiro. Ofrecen unha posta en escena moi cómica, e as ben afinadas voces de Paula, Inés e Faia, acompañadas polo veterano guitarrista Guillermo Fernández, fan que, ademais de diversión, poidamos gozar dunha música agradábel e ben interpretada. Tamén os Poetarras, nacidos en 2013, fan versións con letras alteradas de cancións coñecidas, e tamén fan sketchs e cancións cómicas creadas por eles; sempre cunha marcada temática social moi provocadora e rebelde, polo que algúns sindicatos policiais chegaron a denunciar a súa presenza no Festival de Cans, e Novas Xeracións do PP acusáronos de apoloxía do terrorismo, sinalándoos como “proetarras”.

 Orquestra Os Modernos “Manisero”

 De vacas

 Poetarras “Feijoo”

No que atinxe á música electrónica, que ten presencia en maior ou menor medida nalgúns dos grupos que tratei ao longo deste traballo (Fanny + Alexander, The Homes, Projecto Mourente, Soniko-dB, Galegoz, Das Kapital, Boyanka Kostova, Verto, Ortiga…), que executan a súa música empregando enxeños electrónicos (sintetizadores, samplers, computadoras, auto-tune, caixas de ritmo, beatboxes, etc.), cumpriría destacar agora afoutas propostas de sincretismo coa música tradicional, como no caso de Baiuca, encadrado na música denominada folktrónica, creado por iniciativa do músico e DJ Alejandro Guillán e caracterizado pola importancia do ritmo conseguido con instrumentos de percusión tradicionais populares e de melodías vocalizadas polas enérxicas voces das cantadeiras de Lilaina. Tanto instrumentos como voces, alterados a miúdo electronicamente. Máis recentemente creouse Fransy, Davide e Cibrán (2018), unha nova proposta a pesar de estar formada por músicos xa ben coñecidos no folk galego. É unha iniciativa que, a través do emprego das novas tecnoloxías, está a difundir unha mistura da música electrónica e o canto tradicional; no que os dous primeiros membros son os encargados da transmisión da raíz musical galega, tanto no que atinxe ás voces como á percusión, e Cibrán ocúpase do violín, ao que achega interesantes efectos electrónicos e técnicas experimentais no seu manexo, e do Bass Pedal. Os alicerces dese tipo de músicas xa veñen de décadas atrás, especialmente da man de Mercedes Peón, que xa leva anos apostando pola fusión da música tradicional e a electroacústica, proposta que xa se formulaba no disco Ajrú (2003) e que se apuntala en Siha (2007), Sós (2011) e Déixaas (2018).

Baiuca “Morriña”

 Mercedes Peón

Fransy Davide Cibrán “Xota de Negreira de Vilamaior”

CODA

Desde logo se algunha conclusión temos que sacar no que atinxe á música actual en galego é que somos unha verdadeira potencia, tanto do punto de vista cualitativo como cuantitativo. Debemos destacar tamén o talento natural destes músicos, algúns deles sen unha grande formación académica, pero sobrados de enxeño, vocación e arelas de rebeldía, así como a teimosa busca da renovación, da fusión e a experimentación. Moitos proceden da música tradicional ou de bandas de música populares, de aí a potencia dalgunhas seccións de metais de grupos formados en pequenas vilas e o peso que outorgan ás nosas raíces e de entre elas, dun xeito especial, á nosa lingua. Se en todos os ámbitos se lle prestara ao idioma este interese, sen dúbida que lle agardarían “mil primaveras máis”. A todo isto teriamos que acrescentar o valor engadido, no entanto esencial, do compromiso dos nosos músicos co emprego da canción como ferramenta reivindicativa para acadar a liberación nacional e social.

Ler tamén Cantar en galego I Da tradición oral á modernidade

Marcos Seixo Pastor

Marcos Seixo Pastor

Profesor de galego

Chámome Marcos Seixo. Aínda que a miña chegada ao mundo tivo lugar en 1959 na rúa de San Marcos en Lugo, na casa da miña avoa, fun concibido e criado en Navia de Suarna, onde pasei unha feliz infancia e a onde regreso cando menos dúas ou tres veces ao ano. Por mor da profesión do meu pai, estivemos vivindo en distintos concellos. Asentámonos finalmente en Cuntis (Pontevedra), onde vivo a día de hoxe na aldea de Castrolandín.

Fixen estudos de Filoloxía en Compostela e os últimos 16 anos fun profesor do IES Valle Inclán de Pontevedra, até a miña “xubilación forzosa por incapacidade” no ano 2016. Neste instituto coñecín aos compañeiros do grupo de teatro Argallada, algúns deles impulsores do blog devellabella, no que ando a colaborar con algún traballo.

A miña vida na actualidade segue a ser bastante activa, pois podo dedicar o tempo ás miñas moitas afeccións, entre elas escribir. Alén diso tamén son afeccionado á música tradicional, ás motos, sobre todo ás clásicas, a coidar as viñas, e tamén a nadar, podendo ser, no río de Navia

Blog

Cantar en galego I

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥