"CAPITALISMO DIXITAL E DESIGUALDADE"

Jesús Gayoso

Aqueles que sofren  ansias de poder atopan na mecanización do home unha maneira sinxela de acadar as súas ambicións. NORBERT WIENER.

 Malia a súa notable importancia, a cuestión do cambio tecnolóxico e as súas consecuencias sobre o mercado laboral apenas ocupa un tímido espazo na opinión pública. Cando se aborda, é a miúdo dende o  anecdotismo irrelevante ou o sensacionalismo interesado, dando pé a interpretacións que caen unhas veces do lado do optimismo inxenuo e outras do fatalismo pouco informado. Con honrosas excepcións, rara vez se intenta ofrecer unha visión máis ou menos sistemática fóra do entorno especializado. Nas liñas que seguen procuro esbozar tal propósito,  a miña visión actual esquemática ao respecto.

 En 1754, hai máis de 250 anos,  e vinte e dous anos antes que Adam Smith publicara La riqueza de las naciones, a Academia de Dijon lanzou unha ousada pregunta e ofreceu un premio para quen se atrevese a respondela: Cal é a orixe da desigualdade entre os homes? É acaso a consecuencia dunha lei natural?

Rousseau no século XVIII, sostén que a desigualde social e política non é natural, que non deriva dunha vontade divina e que tampouco é unha consecuencia da desigualdade natural entre os homes. Pola contra a súa orixe é o resultado da propiedade privada e dos abusos daqueles que se apropian para si da riqueza do mundo e dos beneficios privados que derivan desa apropiación. Xa nesa época, buscar respostas á desigualdade social era un tema central para as ciencias sociais. E iso que naquel tempo a desigualdade social distribuíase en forma de L, hoxe, máis ben en forma de U.

   É  partir da industrialización que comeza a crearse unha diferenza importante nos niveis de ingreso, cuxa relación, a nivel de ingreso medio entre os países “pobres” e os países “ricos” chegaba a principios do século XX  a unha proporción de 1 a 4, pasando a principios deste século a unha proporción de 1 a 30.

 A brecha entre ricos e pobres medrou aínda máis nos últimos 30 anos, xustamente por seguir as receitas do FMI e aceptar cos ollos pechados as premisas do modelo neoliberal. Este sistema ten a particularidade de aumentar a brecha incluso no interior dos países ao xerar nova pobreza e cuxo caso máis emblemático é precisamente o dos EE. UU., cuxa liña de pobreza chega ao 30% da poboación. O límite de risco de pobreza en España está hoxe sobre o 28% da poboación e existe pobreza severa en máis de 5 millóns de persoas.

  Investigadores do MIT advirten que nos atopamos nas primeiras etapas dunha “gran reestruturación”, na que a aceleración do cambio tecnolóxico vai agravar aínda máis a polarización do mercado de traballo en función da cualificación das e dos traballadores.

 Outros investigadores de universidades americanas advírtennos: xa non existe unha vida estable e segura a medio camiño na escala social; a clase media desaparece. As persoas situadas no alto da escala social están sacando cada vez máis partido dos avances tecnolóxicos, mentres que as perspectivas da maioría son malas, veñen dicir: “Se vostede  e os seus coñecementos complementan o ordenador, é probable que as súas perspectivas salariais e no mercado laboral en xeral sexan boas. Se vostede e os seus coñecementos non complementan o ordenador, quizais queira dedicar algún tempo a corrixir ese desfase”. Cada vez máis xente empeza a quedar dun ou doutro lado da divisoria. Por iso, rematou o termo medio”.

Tampouco se trata dunha advertencia absolutamente nova: hai xa vinte e cinco anos, Robert Reich apuntaba á aparición de tres categorías de traballadores de acordo coa súa participación na nova economía mundial: servizos rutineiros de produción (cadeas de montaxe, tarefas de administración rutineiras), servizos persoais (enfermería, asistencia domiciliaria, venta minorista, hostelería) e servizos simbólico- analíticos (investigación científica, enxeñería, programación, dirección de empresas).

 Os primeiros, advertía Reich, tendían a diminuír; e hoxe sabemos que a súa robotización ou dixitalización é imparable. Os segundos, que Reich consideraba máis ou menos garantidos, malia o carácter repetitivo e simple de moitas das súas tarefas, por prestarse de persoa a persoa, hoxe están sendo parcialmente substituídos no marco da economía de plataformas. Os terceiros son os únicos que poden esperar manterse como bos empregos, socialmente recoñecidos e ben retribuídos. A brecha entre uns e outros ábrese cada vez máis (desapareceu a clase media!).

E así, o futuro laboral delinéase á maneira que podería denominase “futuro-Cancún” ou “futuro-Benidorm”: un mundo de servidoras e servidores persoais permanentemente (de)pendentes dunha clase social de señores que pagan por ser servidos. Morozov fala xa, expresamente de “neofeudalismo dixital”. E o citado Robert Reich advertía xa en 1996 da consolidación, nos Estados Unidos, dunha “economía de apartheid”, cunha desigualdade crecente e unha precariedade das condicións de traballo e de vida de amplas maiorías sociais.

 Fronte ao, no seu caso, potencial “poscapitalista” que as novas tecnoloxías puidesen encerrar, confiar en que este potencial vaise realizar de maneira automática é un terrible erro. Ao que nos enfrontamos é a “un formidable mar de fondo ultraliberal, desregulador e venal que se perfila no horizonte, con novas aplicacións que «comercializan» o que non estaba comercializado (o coche, a casa, a roupa, os servizos, o traballo a domicilio e moitas cousas máis) en beneficio dunha perspectiva, non anticapitalista, senón máis ben hipercapitalista”.

Por suposto, hai alternativas, pero estas non dependen da evolución técnica, senón da decisión ética e política: en que sociedade queremos vivir? Hai alternativas, e noutros dos estudos abórdase a análise das mesmas. Trátase, por exemplo, de reivindicar o inmenso valor de todas esas actividades que poderiamos denominar  economía “cincenta” (actividades de coidado, relacionais, de autoprodución, cooperativas, etc.), invisibilizadas e relegadas ás marxes da economía.

 Fálase moito  do aumento da desigualdade, que é evidente, pero insístese pouco na clara redución do dinamismo empresarial e produtivo. Cada vez créanse menos empresas, mesmo no sector dixital, onde non fai máis que diminuír a cota de inversión por empresa, xunto cos monopolios dixitais cuxa potencia non fai máis que aumentar. Ademais as empresas endebédanse non para investir, senón para adquirir competidores  e accións propias, porque iso beneficia os  executivos. Iso é froito da” financiarización” da economía que ocasiona que a acumulación capitalista de forma progresiva se aparte do produtivo cara ao especulativo (mobiliario e inmobiliario). Esta perda de dinamismo empresarial é o que me parece máis grave, xunto coa perda de dinamismo social, “A curva do gran Gatsby” [concepto que describe a relación entre a desigualdade económica  e a inmobilidade social interxeracional en moitos países domundo] é cada vez máis intensa e en Estados Unidos, tamén en España, provoca unha situación que é ou será socialmente insostible. Se non se fai algo no sistema, será cada vez menos eficiente, menos dinámico e hai grandes riscos de explosión social.

 Parece evidente que está chegando o momento de incorporar  novos  elementos ao conxunto de medidas políticas que os gobernos adopten. Un factor coñecido pero medio esquecido é a Renda Básica Universal (RBU),que nos axudaría a saír do abismo en que nos imos atopar.

 Hoxe en día a humanidade está pechada no interior dunha sala chea de espellos deformados e ten poucas ganas de contemplarse individual e colectivamente noutros espellos que lle devolvan unha imaxe fiel do que é.

Jesús Gayoso

Jesús Gayoso

Psicólogo

Notas biográficas do autor :

 Jesús Gayoso naceu en Barcelona en 1943, pero vive en Galiza desde 1979. Estudou Enxeñería Industrial, Dereito e finalmente Psicoloxía na UNED de Pontevedra.

 Traballou na Administración de Industria durante corenta anos, primeiro no goberno estatal e despois na Xunta de Galicia como enxeñeiro e máis tarde como Delegado de Industria en Burgos e Pontevedra.Tamén mantivo un gabinete de Psicoloxía Clinica durante algún tempo nesta cidade.

 Ao xubilarse  seguiu cultivando a súa paixón polo coñecemento, con especial inclinación cara á filosofía e poesía. Ademais participa como voluntario na Cruz Vermella i e moi aficionado a viaxar i ao senderismo.

A morte de Diego Maradona

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥