Carmela Lazcano Nóvoa naceu en febreiro de 1950 na rúa Sagasta desta vila. A familia vivía no edificio de Fenosa nesta rúa porque seu avó materno, Francisco Nóvoa Patiño, era xerente na empresa.

Seu pai, Juan Manuel Lazcano Castedo, era oriúndo de Madrid, do barrio de Chamberí. Ficou orfo de pai moi novo e cando sacou as oposicións de facenda elixiu como destino a cidade máis barata de España, que naquel momento era Pontevedra e viñeron vivir el mais a súa nai para a rúa Isabel II, moi preto da casa de Valle Inclán.

A súa nai, María Luisa Nóvoa Pedreira, naceu en Vigo pero era de Pontevedra, profesora de latín e grego no instituto da cidade.

Carmela é a única muller de tres irmáns. Ela é a do medio.

Carmela na praia
 Carmela coa súa avoa o irmán e os primos
pais de Carmela
Juan Manuel e Maria Luisa
Carmela 1951
 Carmela co seu irmán 1951
Carmela 4 anos
Con 4 anos
Nai de Carmela
A súa nai Luisa Nóvoa no equipo de hockey. Diante
Carmela 1958
 A primeira comuñón 1958
Carmela co irmán e a nai
En Raxó 1955

Con tres anos comezou no instituto en párvulos. Tiñan unha táboa redonda onde facían os exercicios. Lembra que aprendeu a ler co método Montesori, cunhas pizarras. Como mestras tivo primeiro a Carmiña Ameijeiras, despois a Alicia, xa con sete anos e por último, para preparar o ingreso, a Lita que era a máis esixente. Fixo o bacharelato por ciencias aínda que a súa materia favorita era a xeografía. Lembra que en 2º e 3º a súa nai foi tamén a súa profesora cando xa era catedrática de latín e grego. En Preu atragantáronselle as matemáticas e pasou ás letras. Carmela ao rematar no instituto quixo seguir estudando.

carmela 1964
 Diante do Instituto 1964
Coro do instituto 1958
Coro do Instituto
Carmela 15 anos
Carmela 15 anos

Foi a Santiago estudar Filosofía e letras. Eran dous anos de comúns e despois íaste decantando por onde querías especializarte pero Carmela non rematou porque casou antes.

San Cibrán 1966
Camiño de San Cibrán 1966
Alameda 1965
Alameda de Pontevedra 1965
co coro en Canfranc
Co coro en Canfranc

Coñeceu a Juan Ameijeiras Recuero no grupo de teatro do Ateneo. Era apoderado do banco Pastor e xa coincidiran outras veces porque el era moi amigo do pai. Casaron o 28 de decembro de 1970. De viaxe de noivos foron a Ourense coa intención de durmir e seguir a viaxe ao día seguinte, pero a nevada que caeu foi tan forte que non puideron saír de alí. Por fin, no 72 puideron facer unha viaxe polo norte de España.

Lembra Carmela que por eses anos foron a un casamento en Winchester, no Reino Unido. Atravesaron Francia en coche e paraban para comprar bocadillos e durmían en hoteis que se chamaban Les Routiers

Juan, Caqui e Caballero en 1962 Cineclube
Juan, Caqui e Caballero en 1962 Cineclube

Destinaron a Juan a Vigo e marcharon a vivir alá. No ano 1972 por consello dun compañeiro da facultade de Santiago, Alfonso Álvarez Cáccamo  , animouse a facer maxisterio. Matriculouse en Vigo nunha escola que tiña convenio coa universidade, as Jesuitinas. Alí estivo do 72 ao 75 na especialidade de humanidades.

A mitoloxía: é un mundo fascinante para quen lle interese”

Carmela Lazcano Nóvoa

Lembra entre os seus profesores a Roxelio Ferrín de Xeografía e Francisco Carballo de galego. Tamén unha monxa e un cura.

Carmela 18 anos
Carmela con 18 anos
Coro do instituto 1980
 Coro do instituto.1980
Carmela en familia
Carmela cos pais e irmáns en Raxó
Carmela e Juan 1980
Carmela e Juan 1980

Viñan moito a Pontevedra porque ela tamén daba clases na academia Germinal. Ás veces pasaba varios días na capital e ía os fins de semana co marido. Chegaron a vivir dous matrimonios xuntos nun piso en Vigo. O seu era un matrimonio moi atípico e independente, el sempre a animou a progresar e estudar.

Carmela mesturábase na vida cultural de Vigo e Pontevedra. Eran anos dunha forte eclosión cultural cunha enorme oferta. Seu pai fundou o cineclube de Pontevedra nos anos 50 e foi impulsor e secretario do Ateneo nos anos 60.

Co grupo de teatro do Ateneo dirixido por Jose Luis Reinoso participou na representación no teatro Malvar de O Adefesio de Rafael Alberti en 1968. Era unha obra prohibida polo franquismo na que ela facía de criada.

atardeceres
Atardeceres 
primerio cadro de Carmela
Primeiro cadro de Carmela 

Veraneaba en Raxó onde seu pai organizaba sesións de cine nas que aparecían Juan e Caqui Viñas coa cámara e o proxector.

Ao rematar a carreira, ela e unha amiga, Sesi, montaron unha academia en Domaio que durou algúns anos.

Empezou a pintar no ano 1972 pola influencia e ánimo de Cáccamo e a sua moza. Tamén porque a profesora de plástica era moi boa. Facía colares con barro e algunha figuriña e tamén pintaba. Un dos seus primeiros cadros está feito con rotulador, foi despois dunha visita á praia da Caleta en Cádiz e aínda colga da parede da súa sala. Nunca pensou dedicarse profesionalmente á pintura aínda que fixo algunha exposición.

pub universo 2012
Exposición no pub Universo 2012
Tenda de Clara 2012
Exposición na tenda de Clara 2012

Volveron a Pontevedra aínda que Juan seguía a traballar en Vigo. Matriculouse na escola de idiomas no ano 80 e fixo o primeiro ciclo de inglés. Despois de 14 anos de relación e máis tempo na casa decidiron ter un fillo, Juan, que naceu en 1984. Ten unha inmobiliaria en Pontevedra, Mercaservice, e acaba de facela avoa dun neno que se chama Álvaro.

Presentouse ás oposicións para a biblioteca da universidade e quedou a décimas do aprobado, pero chegou para entrar nas listas e que a fosen chamando. Empezou de contratada no CUVI da Uvigo. Logo saíu un concurso de méritos para bibliotecas da Xunta e traballou na biblioteca pública de Pontevedra durante moitos anos ata que volveu á Universidade. Traballou en Belas Artes e iso incentivouna a meterse de cheo na pintura no ano 1995. Despois estivo en forestais e tamén facía os fins de semana na facultade de CCSS. En 2009 morreu Juan e decidiu xubilarse.

Club de lectura 2023
Club de lectura 2023
exposición 2022
Exposición no Granero Delmás 2022
Coro Avogados 2001
Coro Avogados 2001

No ano 2017 entrou no Ateneo de vocal e agora é a encargada do clube de lectura (xa estivera na biblioteca pública con Santiago Izaguirre). Ten un grupo de 23 persoas que se reúnen unha vez ao mes para comentar e falar da lectura que se propón. Este ano trataron moito novelas de mulleres desde a Pardo Bazán de La Tribuna ata Lucia Berlín en Manual para mujeres de la limpieza.

De cando en vez traen ao autor ou autora, xa estiveron Jose Mª Pérez Álvarez “Chesi”, Regina Vega, Xosé Monteagudo, Xesús Constela, Manuel Loureiro, etc..

Tamén montou un club de cine na fundación Cuña-Casasbellas con Pilar Fariña e Antón Sobral e foi Fina Casalderrey presentar a súa curtametraxe, entre outros.

Si hai un libro que a marcou foi La embriaguez de la Metamorfosis de Stefan Zweig e toda a súa obra.

Gústalle moitísimo a música. Con 8 anos estivo no coro do instituto e ata fai uns anos no coro de avogados de Pontevedra.

O mundo das redes no lle atrae demasiado aínda que ten Facebook que usa moi pouco.

Morte en Venecia é a súa película preferida. Na televisión ve Saber e gañar e as tertulias de Xabier Fortes no canal 24 horas.

Non hai mellor sitio para estar que a súa casa. Non bota de menos nada, levou a vida que quixo, tivo unha casa no monte que xa vendeu e fixo varias exposicións e non descarta facer algunha outra.

Nos anos 80 cunha amiga púxose a estudar astroloxía e relixións antigas. Foron a Madrid á libraría Anatema mercar libros para estudar a fondo a astroloxía. Durante dez anos dedicoulle moito tempo. Fixo a carta astral a familia e amigos. Un día tivo unha crise profunda de fe e abandonou a astroloxía.

Carmela

Nos anos 90, por casualidade, interesouse polo Tarot e tamén se mergullou no estudo das cartas e os arquetipos relacionados coa mitoloxía: é un mundo fascinante para quen lle interese”, dime.

Escribiu para unha revista de deseño en Vigo na sección de astroloxía

Gústalle escoitar a radio e marcha con ela para a cama.

Fago unhas fotografías dos seus cadros que iluminan un pouco máis a súa casa. A claridade entre polas ventás desde onde pode ver a cidade. Os pinceis sempre preparados, os andeis cheos de libros, herdados e propios. Deixo a Carmela na súa soidade elixida revisando as fotografías de hai xa uns anos.

Faime sacar unha carta, logo outra e finalizo coa terceira. Vai contando e interpretando. Veremos logo o que acontece, eu son moi escéptica pero escoito, non vaia ser o demo…

Ana Santos Solla

Ana Santos Solla

Profesora de E.F.

Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.

Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥