Hoxe trasladámonos ao lugar de Follente na parroquia de Vemil en Caldas de Reis (Pontevedra), alí naceu Carmen en 1934.

A nosa historia de vida de hoxe é a de Carmen Fernández Conde, filla de Serafín Fernández Pérez e Carmen Conde Pérez, veciños e parentes do lugar que, para casar, precisaron do permiso papal.

Vivían na casa da aldea cando Carmen naceu, logo viría a Guerra Civil e o pai tivo que marchar. Na aldea vivían na casa dos avós maternos. Cando o avó morreu, a nai, que nunca traballara, aprendeu a coser para levar o xornal a casa, ela tiña 4 anos e a súa irmá Amelia, ano e medio.

Non ten recordos do pai. Lémbrase máis dos avós. O pai, ao rematar a guerra, meteuse na Garda Civil e destinárono a Castellón. Alí marcharía tamén a súa nai e as súas irmás pequenas Amelia e Herminda, quedando ela coa avoa. Antes de que marcharan fixo a comuñón cun traxe rosa que lle fixera a súa nai, compartindo chocolate coas amigas, que aínda o son, Maruja e Sarita.

Carmen coa súa nai e a súa irmá Amelia 1937
Carmen coa súa nai e a súa irmá Amelia 1937

En Valga naceron José Ramón, Serafín e Higinio, en Castellón nacería Santiago. A escola estaba nunha casa na aldea, era só de nenas, os rapaces ían a outra, pero a ela non lle gustaba moito, prefería ir coas vacas ao monte ou a segar a herba. Lembra Xuvenca, pola que moito chorou cando a venderon.

Na aldea estivo ata os 12 anos. Cando a súa avoa enfermou ela foi a casa da avoa paterna, que vivía cun tío co que non se levaba, chamou aos pais e viñérona buscar desde Castellón.

Carmen Fdez Conde con 12 anos
Carmen con 12 anos
Carmen Fdez Conde con 17 anos
Carmen con 17 anos cos irmáns, con vestido de raias
Carmen Fdez Conde con 19 anos
Carmen con 19 anos, terceira pola esquerda

Alí aprendeu a coser e axudaba á nai nas tarefas do fogar, estivo en Castellón ata que destinaron ao seu pai a Galicia, tería 14 anos.

O seu primeiro traballo foi con 16 anos, nunha fábrica de madeira en Valga, onde estaba destinado o pai, ata que a caldeira estoupou e quedou sen traballo aos poucos meses de empezar, alí tamén traballaba Manuel de 18 anos, nas máquinas. Con el coincidía tamén nos bailes. Nun deses bailes achegouse para preguntarlle por outra rapaza que non viñera e cando lle pediu bailar deulle desplante dicindo que fora coa outra, total que a sacou a bailar e xa estiveron xuntos 8 anos de noivos ata casaren en marzo de 1960.

Carmen en Padrón 20 anos
Carmen en Padrón 20 anos
Carmen en Padrón 20 anos
Carmen en Padrón 20 anos, 1ª a esquerda agachada
Carmen en Valga
Carmen en Valga, segunda pola esquerda
Carmen na procesión en Vilanova 23 anos
Carmen na procesión en Vilanova 23 anos

Manuel fixo a mili en Ferrol na mariña, ela foi aprender a coser a Padrón. Cando rematou o servicio militar el traballou nunha fábrica de mecánicos en Padrón logo pasou á empresa de curtidos Picusa onde tamén traballaba nas máquinas. Logo xuntáronse cinco amigos e marcharon para Bilbao a traballar. Ela quedou soa co fillo Manuel de ano e medio, logo marchou a Bilbao e vivían de habitación cun matrimonio maior que alugaba un cuarto con dereito a cociña.

“Cosía pá fóra e chegou a ter unha carteira importante de casas onde coser

Carmen Fernández Conde

Adaptouse estupendamente a cidade, cando quedou embarazada de novo veu dar a luz a Vilanova onde estaba destinado o pai, a nena chamouse Mari Carmen. A terceira xa naceu en Bilbao e puxéronlle Mari Mar.

En Bilbao empezou a coser na casa facendo os arranxos das tendas. Logo montou un taller e conciliaba para atender a casa e os nenos, disque nunca tomou tanto café na súa vida como naquela época, un día o marido viu no periódico un anuncio para coser en casas particulares, chamou e comezou a coller clientas. Chegou a ter unha carteira importante de casas onde coser.

Tivo problemas de saúde, estenose lumbar, que lle dá moita dor e emprega un carriño para axudarse, non lle gusta o bastón porque é moi presumida.

Viaxou a Benidorm e Torremolinos co IMSERSO, en avión, a primeira vez tivo un pouco de medo pero adaptouse rapidamente.

Carmen e Manuel en Vilanova
Carmen e Manuel en Vilanova
voda 1960 Carmen fdez
Voda 1960 Carmen  e Manuel
Bilbao Carmen cos fillos 1973
Bilbao Carmen coas fillas 1973

Ten 6 netos e 2 bisnetos e mirando cara atrás ve as diferenzas que hai hoxe en día coas novas tecnoloxías. Gústalle ver a tele sobre todo a política, os debates. Ten facebook pero non lle adica moito tempo, foi a clase na asociación de xubilados de Caldas de Reis da que foi presidenta, e fixeron un coro, cursos de informática, pintura (que lle gusta moito), pilates, etc.

asociación de Caldas
Foto de David Freire

Un soño que ten é volver a Bilbao a visitar as súas amizades, hai tempo que o pensa. Gustáballe ir bailar con Manuel pero desde que morreu, hai ano e medio, está tranquila na casa e sempre está ocupada.

Din que cociña ben e que o seu prato estrela é a tortilla de pataca, con cebola por suposto, faina cando veñen os netos, que non deixan nin unha frangulla. De Bilbao aprendeu o bacallau ao pil pil. Dime, coa boca pequena, que a cebola da tortilla hai que caramelizala para que se integre e non se note. Anotado queda.

Carmen e netas
Carmen e as bisnetas
vodas de ouro
Vodas de ouro. Ano 2010
Carmen e os netos
Carmen e os netos

Encantoume compartir esta tarde de inverno con Carmen, unha muller ocupada e feliz con todo o que fixo, orgullosa da súa familia e sempre cun sorriso nos beizos. Grazas por ser así Carmen.

Na gravación poderedes escoitar a Carmen e saber un pouquiño máis da súa vida. Grazas por compartir con nós a túa historia de vida.

Ana Santos Solla

Ana Santos Solla

Profesora de E.F.

Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.

Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.

Fidelina Gómez Rancaño

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥