Rosa Aneiros por Charo Valcárcel Mato

Rosa Aneiros por Charo Valcárcel Mato

Entrevista con:

Rosa Aneiros

Ante todo queremos agradecerlle a Rosa a súa cercanía e amabilidade e que accedese, sen pensalo sequera, á nosa petición de realizarlle esta entrevista.

Biobibliografía

Rosa Aneiros (Meirás-Valdoviño, 1976) é xornalista e traballa no Consello da Cultura Galega. En 1999 presentou a súa primeira novela:

«Eu de maior quero ser», á que seguiron:

«Corazóns amolecidos en salitre» (2002);

«Resistencia» (Xerais 2003), Premio Arcebispo Xoán de San Clemente 2003;

«O xardín da media lúa» (2004);

«Veu visitarme o mar» (Xerais 2004);

«Ás de bolboreta» (Xerais 2009), Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, Premio Fervenzas Literarias ao Mellor libro xuvenil e Premio The White Ravens (Internationale Jugend Bibliothek) 2010;

«Sol de Inverno» (Xerais 2009), Premio Xerais de Novela e Premio Fervenzas Literarias á Mellor portada de adultos 2009.

En 2013 publica o primeiro título da triloxía «Ámote Leo A.»:

«Ámote Leo A. Destino xalundes» (Xerais 2013), ao que seguiron «Ámote Leo A. Estación de tránsito» (Xerais 2014) e «Ámote Leo A. Terminal de chegadas?» (Xerais 2014).

Na colección Sopa de Libros de Xerais publicou:

 «Orestes perde o senti-do!» (2019),

 e na colección Merlín:

 «A batalla da pequena Chañan Curi Coca» (2017),

«Xelís, o guiei-ro das botellas de mar», Premio Merlín de Literatura Infantil 2019,

e «Tres bichicomas, dúas illas e unha serea» (2020), Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade 2018.

Con «Sibila» (Xerais 2021), publicada na colección Narrativa, retoma a narrativa para publico adulto.    

Benvida, Rosa, ao noso humilde blog, a esta sección de ENTREVISTAS A ESCRITORES que inauguramos  a finais do 2020 coa realizada a Riveiro Coello.

 Quixeramos comezar por algunhas preguntas que teñen que ver coa túa traxectoria:

 Sabemos da túa actividade como periodista e escritora, que foi primeiro? En cal das dúas te sentes máis cómoda ou che produce máis satisfaccións? Se tiveses que elixir…?

 A literatura dáme máis liberdade, tanto para tratar os temas como para xogar coa lingua, sen dúbida.

Rosa Aneiros 2

Que supón para ti traballar no Consello da Cultura Galega? Pódesnos contar un pouco cal é o teu labor aí?

 Traballo na Área de Actividades, encargada da xestión das actividades que organiza a institución.

Comezaches a túa produción narrativa, se non nos equivocamos, cunha novela:  Eu de maior quero ser, que reflite o ambiente universitario e, sobre todo, as relacións e conflitos entre compañeiros de piso de caracteres ben diferentes. Pola idade que tiñas cando se publicou imaxinamos que bebía bastante das túas propias experiencias como estudante en Compostela. É así? Que queda desa escritora do 99 na Rosa Aneiros actual?

 Pois creo que queda o 99%. Conseguín manter a ilusión pola escrita e que o mundo editorial non me condicionase. Talvez sexa, si, máis crítica coa situación sociolingüística que impacta directamente nas nosas lectoras e lectores.

 Pódese dicir que es unha escritora consagrada que contas no teu haber con premios moi prestixiosos, quizais empezaches a pisar forte neste mundo con Resistencia, novela moi aplaudida e premiada. Como naceu esta novela ambientada en Portugal, coa historia recente deste país irmán de fondo?

 Naceu hai vinte anos nunha viaxe azarosa aos lugares onde se desenvolve a novela. Dicía o mestre Agustín Fernández Paz que as novelas técense cos fíos da vida. Eu, ou máis ben a miña traxectoria literaria, corrobórano.

Eu de maior quero ser
Resistencia
Rosa Aneiros1

O premio Xerais do 2009 Sol de inverno é unha novela de peso ( en todos os sentidos) na que o escenario cambia totalmente, mais tamén hai un conflito social e bélico que condiciona a trama da novela.  Novela complexa e profunda que supoño debe ter detrás un arduo traballo de documentación…

 Era unha débeda co meu pasado emigrante cubano e co silencio da posguerra. Requiriu moita documentación pero, sobre todo, un gran labor de comprensión da realidade que lles tocou vivir a varias xeracións.

 Debo recoñecer que o título, antes de lela, tróuxome á cabeza outro dunha novela de Casares (creo que é difícil que non sexa así para quen coñeza a de Casares): O sol do verán, aínda que non teñen nada que ver; non sei se foi algo intencionado ou simplemente froito da casualidade?

 O día que morreu Carlos Casares acudín ao traballo preparar as reaccións á súa morte e souben nese momento por boca de Dolores Vilavedra da existencia dunha novela aínda inédita, O sol do verán, que logo lin con moita atención. Talvez fose o subconsciente, non o sei, pero na miña obra antes que sol chegou a palabra Inverno da protagonista e, como antagonista e esperanza, a luz. Hai algo diso supoño tamén na novela de Casares, unha lectura fermosa do solpor da vida.

 Con Ás de bolboreta, creo que tamén do 2009, dás un xiro de 180º respecto de Sol de inverno. Comprobo que esta novela catalogouse como literatura infantil e xuvenil, aínda que non entendo moi ben por que. É unha novela de protagonismo colectivo, comprometida coa realidade social do país e que non semella ir dirixida ao lector xuvenil, ti escribíchela pensando nese tipo de lectores?

 Si, sempre pensei na rapazada cando a escribía. Defendo a ultranza as lecturas complexas e maduras, con ampla visión da realidade para un público adolescente. Necesitan unha lectura crítica do mundo en que habitan e non a hiperprotección perigosa á que os temos sometidos, tanto nos currículos escolares como na literatura. Hai que provocar preguntas, hai que sementar dúbidas.

Rosa premio
Ás de bolboreta
Sol de inverno

Centrándonos en Sibila, a túa última novela. Como se xerou?  Que querías contar?

 É unha historia de néboa e de procura da identidade.

 Os lectores, ao ver o título, pensan inevitablemente no personaxe mitolóxico, mais ti xa comentaches que non foi ese o motivo da túa elección…

 A lectura mitolóxica é importante pero o principal motivo do título veu da man de Maria Sibylla Merian, unha entomóloga e pintora alemá do século XVII. Non podo negar que é unha coincidencia marabillosa e a propia Sibila podería ser, efectivamente, a profetisa da fin do mundo. Ou non.

Sibila

A illa, tan importante nesta obra, tampouco é unha illa real, pero sabiamente introduciches situacións que xa se viven na actualidade. É que Sibila é tamén unha novela-denuncia?

 Non sei se me gusta esa categoría, mais si hai denuncia na novela. Unha denuncia social que vai alén das individualidades que cargan culpas para poñer o foco na sociedade que estamos creando e como esta pervirte e nos aboca a un mundo construído a mans dun capitalismo feroz.

Por exemplo, as mulleres incubadoras naturais ou ventres de aluguer xa hai anos que son unha realidade. Quizais teñamos que entender a quen recorre a iso?  Sexa como for é un tema que arrastra moita polémica e que moitos famosos, con moitos cartos móstrano ao mundo sen ningún tipo de pudor. Que opinas ti sobre iso?

 Se me preguntas persoalmente, estou en contra dos ventres de aluguer, da comercialización dos corpos coma se fósemos -así di o manifesto – simples vasillas. Dito isto, a novela procura sacar o foco da decisión persoal das mulleres para poñelo na sociedade que as aboca a iso. É unha acusación social.

 Sibila é unha novela futurista?

 Nin futurista nin utópica.

 Xa contaches que o teu coñecemento do mundo rural axudoute moito na creación deste tipo de ambientes como o que reflites na illa. Os personaxes, como facía Cunqueiro  cos que visitaban a botica de seu pai, tamén están inspirados en personaxes da túa infancia, ou do teu mundo de aldea?

 Na miña infancia creo que non. No meu mundo de aldea si, sigo sendo unha muller de aldea, a pesar de levar décadas vivindo nunha cidade.

 Os habitantes da illa son personaxes que dotas dunha gran forza, que nos apreixan e xa fican en nós. Concibíchelos como partes imprescindíbeis dun todo?

 Non estaban previstos inicialmente. Ían ser a voz da illa, un coro sen nomes no que falaban uns e outras sen que os identificásemos para envolver aínda máis á lectora nesa sensación de neboeiro permanente. Porén, foron cobrando vida e pedindo o seu espazo ata gañarse a ferro os nomes e as historias. Estou moi satisfeita de sabelos escoitar. Déronme unha gran lección todas e cada unha delas.

 Lin en varias entrevistas, e tamén o comentaches na presentación da novela en Pontevedra, sobre a importancia do amor e o odio que pode inspirar o personaxe de Sibila, do importante que é para ti que o lector se identifique con personaxes que non son os heroes precisamente, mais Sibila si acaba sendo unha heroína, ou, se prefires, acabas pousando sobre os seus ombreiros unha responsabilidade que ela resolve compracendo ao lector, non?

 Ti cres? Non estou moi segura. A decisión última de Sibila atrae grandes odios cara a ela, a pesar da empatía que á mantenta fun xerando ao seu redor… Ese é o xogo precisamente que quixen activar: poñerte a un lado e mais ao outro continuamente ata facerte dubidar para acabar cunha pregunta inevitable: que faría eu no seu lugar?

Contas na túa traxectoria con novelas moi diferentes. Ben, xa che escoitei dicir que non che gustaba escribir historias semellantes, supoño que tampouco discursos literarios, xa que estes tamén son bastante cambiantes na túa narrativa. É para non aburrirte?

 Escribo porque me fascina, porque é un reto, porque necesito reinvertarme cada día nos textos. Por iso non hai dous iguais, nin por voces nin por temáticas nin por tempos. Creo que hai un fío que os une, invisible e que este navega na lingua e no tratamento dos temas, mais non teño dúas obras iguais. Penso que atinou Anxos Sumai na presentación cando dixo que sería capaz de recoñecer un texto meu entre un cento, falase do que falase. A miña literatura é recoñecible, máis non clasificable en compartimentos estancos.

 Gustaríame que nos contaras o do teu abandono provisional da literatura para adultos, para dedicarte á literatura infantil e xuvenil, e o teu retorno. Cal che produce máis satisfaccións?

 Non foi un abandono porque nunca deixei de escribir. Outra cousa diferente é non publicar. Necesitei deixar levedar as palabras e abordar textos doutra maneira. Creo que aí o feito de ter fillos foi importante, non sei se máis ou menos que a miña amizade con Agustín Fernández Paz e Xavier Docampo, quen me meteron no sangue o gusto polas palabras grandes para lectores miúdos e non tan miúdos.

Hai unha serie de preguntas que me gustaría manter e que xa llas fixemos a outros escritores, quizais son as típicas, pero non por iso deixan de ter interese: por exemplo:

 Cando soubeches que  querías ser escritora? Desde cando escribes?

 Escribo dende que aprendín a xuntar o z e o a e nunca quixen ser escritora. Quixen escribir. Haiche unha gran diferenza.

 Borges dicía que el nunca buscaba os temas, que os temas o buscaban a el e só cando insistían resignábase e escribía sobre eles. Ti buscas os temas ou os temas búscante a ti?

 Deixo que me busquen e, polo de agora, sempre me atoparon. Mais non te confundas, non é unha espera pasiva, agardando a nada. Hai que estar preparada e atenta para escoitar e que dean contigo.

 Tes moi claro desde o principio, desde as primeiras liñas, o que vai pasar ou deixas que te leven os personaxes?

 Teño claro o punto final, sempre, mais sempre escoito as tramas e os personaxes. Deben ir polo seu carreiro, deben poder falar por si mesmos e contar, a fin de contas, é a súa historia, non a miña.

 Que opinas da frase de Saramago: “Os escritores viven da infelicidade do mundo, nun mundo feliz non sería escritor”?

 A escrita e a lectura supoñen ir á procura de respostas e, para iso, debe haber preguntas.

 Estás a favor do salto da literatura á sétima arte? A ti gustaríache que algunha das túas novelas se levase ao cine?

 Supoño que si, pero hai que ser moi xenerosa para iso. Supón renunciar á túa historia e entregarlla ao reparto, dirección, fotografía, música…, a un cento de profesionais que crearán a súa propia historia. Unha película nunca é unha novela, é moito máis. É outra creación e hai que saber aceptalo.

 E xa para rematar poderías dicirnos con que escritor ou escritores da literatura universal quedarías? Con que obra? E se tiveses que quedar con unha das túas (se podes) cal sería?

 A literatura acompáñanos ao longo da vida e, como ela, vai mudando en títulos, autorías e mesmo xéneros. Non quedaría con ningún libro, quedaría cos libros, tamén da miña propia obra. Cada un corresponde a un momento determinado e forma parte das cicatrices da vida, non renunciaría a ningún.

Moitas grazas ás vellas bellas pola acollida, pola atenta lectura e pola atención, sodes unha marabilla!

Moitas grazas a ti, Rosa, por concedernos esta entrevista que facemos con moito cariño e admiración e que agardamos poida suplantar, aínda que sexa levemente, o noso descoñecemento profesional do mundo do periodismo.

Quixeramos rematar, co permiso de Rosa, resumindo algunhas das declaracións feitas por ela sobre si mesma e incluso algunhas das afirmacións que realizou nesta entrevista:

Rosa Aneiros

Rosa recoñece que escribe “porque lle peta” e que nunca pensou en ser escritora senón en contar historias, como facía o seu padriño retornado de Cuba. Non está suxeita a prazos e só escribe cando sente a necesidade de contar algo.

Fala moito da súa faceta de nai, o que lle cambiou a vida e o que goza con ela:

“Moitas veces digo que non vou a tal cousa, ou tal outra, e xa me queren organizar quen me pode quedar cos nenos. Pero é que non quero! Neste momento prefiro estar nun parque vendo como xogan, non quero renunciar a iso”

Sabemos, tamén, que un dos premios que máis ilusión lle fixo recibir foi o Agustín Fernández Paz pola admiración e cariño que sentía polo autor, concedido como xa quedou sinalado, á obra Tres bichicomas, dúas illas e unha serea (2020).

Pr

Precisamente a propósito da literatura infantil e xuvenil, nesta nosa entrevista, destaca Rosa que a súa dedicación a este tipo de lectores non só foi unha consecuencia da súa maternidade senón do coñecemento de escritores como o propio Fernández Paz e Xabier Docampo quen me meteron no sangue o gusto polas palabras grandes para lectores miúdos e non tan miúdos.

E, finalmente, lembrar a súa identificación coa aldea: sigo sendo unha muller de aldea, a pesar de levar décadas vivindo nunha cidade.

Foi un pracer

Charo Valcárcel (Setembro 2021)

Rosa Aneiros
Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de Galego

Eu son Charo Valcárcel. Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.

Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.

Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

Fina Casalderrey

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Rocío Viéitez por Peque González Nóvoa – devellabella

Rocío Viéitez por Peque González Nóvoa – devellabella

Entrevista con:

Rocío Viéitez Ferro

Continuamos esta sección de ENTREVISTAS A ESCRITORES, que inaugurabamos con Riveiro Coello seguida de Fina Casalderrey e de Santiago González Lopo, coa realizada nesta ocasión a Rocío Viéitez Ferro que , ao igual que xa fixera Antón, Fina e Santiago aceptou a nosa proposta de bo grado. Moitas gracias Rocío.

Rocío

Rocío Viéitez Ferro. Nada en Campolameiro no ano 1975, estudou Filoloxía Inglesa na USC e Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo. Traballa como tradutora técnica e no ano 2021 inagura a colección Candemaia, na editorial Laiovento, cun primeiro título, Mociñas, edición en galego da obra de Loisa May Alcott, que conta cun limiar de Kathleen March, profesora emérita da Universidade de Maine.

Cóntanos, como foi o teu percorrido de estudos e profesional ata chegar a Mociñas?

Estudei Filoloxía inglesa en Santiago e comecei o doutoramento en lingüística pura na Universidade de Oviedo, porque quería estudar a evolución das vogais do inglés antigo ao medieval, pero realmente saturoume e como sempre quixera ser tradutora, fixen o exame de ingreso en Tradución en Vigo, e o meu proxecto de fin de carreira foi cunha obra dunha escritora de Quebec, Nicole Brossard, que se chama “A carta aérea”. Nese ano no que rematei a carreira, aínda que os meus intereses ían á tradución literaria, comecei a traballar para Mitsubisi, e nos distintos traballos que fun encadeando, fun facendo o meu currículo en tradución técnica. Quedábame esa espiñiña de tradución literaria, e en 2019 propuxéronme facer a tradución dun conto de Valle Inclán, en colaboración co Museo da Pobra do Caramiñal, e lanceime.

Rocío
valle inclan

E lanzácheste con Valle Inclán, que ninguén se lanzara a traducir, sobre o que parece que hai como un manto impenetrable do castelán.

Efectivamente, hai como un tabú en traducir a Valle, pero non me importou. Era un conto con temática galega, ambientado na Pobra, encadrado dentro dun proxecto do Museo, que merecía estar en galego. E este novo proxecto foi xurdindo tamén porque son unha lectora voraz e son tradutora, e sentía que había libros que tiñan que estar en galego. De aí xurdíu a idea dunha serie de libros, cun fío condutor, libros escritos por mulleres, con  e que ensinan algo, digamos cun compoñente educativo. Así nace a colección Candemaia. Presentei o proxecto á editorial Laiovento e iniciamos con este primeiro libro.

A proposta da colección é túa, entón, non é algo que se vaia ir improvisando. Es ti a que propós a relación de libros que sen van publicar en Candemaia?

Si, é así. A proposta é miña. Eu propuxen os libros, e cada un deles pretende facernos pensar, non deixarnos indiferentes. O segundo título que imos publicar encádrase na vida dun mundo árabe, nos anos 40, e desde a visión dunha nena. Pero tampoco queremos que se considere unha colección feminista, por iso acordamos que todo libro leve a achega dun home, achega que non ten por que ter relación co libro. Por exemplo Mociñas leva un poema co que me agasallara Heitor Picallo, e os outros títulos tamén contarán cunha achega masculina.

Moitas tradutoras e tradutores, que ao final a palabra é a vosa ferramenta de traballo, adentráronse no oficio de escribir. Estás nesa tesitura?

Non, realmente non me vexo, non teño dotes para iso. A colección en si nace dunha inquedanza, dun obxectivo meu, dunha necesidade persoal, necesidade que non sinto de escribir.

A miña ollada é desde a tradución técnica, que é na que traballo a diario. Son dous universos distintos, pero a tradución literaria realmente é máis arriscada.

Traduces directamente da obra orixinal ou apóiaste noutras traducións xa consolidadas noutros idiomas que manexas?

A tradución faise directamente da obra orixinal. Recoñezo que en Mociñas vinme tentada nun momento a acudir a outras traducións para abordar, por exemplo, unha canción que non sabía como resolver, escrita, como todo o libro no século XIX e coa linguaxe do século XIX . Pero o que me atopei foi con moita adaptación polo que decidín respectar ao máximo o que poñía a autora, para que non se perdera a esencia do que escribiu Alcott, que foi unha muller brillante, reformista, abolicionista, defensora do sufraxio feminino, con formación cultural, e cunha vida moi interesante, no século XIX, e todo iso reflíctese na súa obra, como unha quinta irmá March.

O campo da tradución é bastante descoñecido, é como algo invisible , anónimo e pouco valorado. Canto tempo tardaches en facer a tradución? E tendes prevista unha rolda de presentación do libro como fan os autores?

Non sabería dicir, ao mellor oito ou nove meses. Primeiro a lectura detida e subliñada, da que fas un primeiro borrador, tamén cheo de notas e subliñados, ata que chegas á versión final, na que me axudou Kathleen e espero que conseguira respectar o texto de Alcott.

É certo que os tradutores seguimos a ser anónimos, e hai xornais ou críticos que se puxeron en contacto conmigo, pero non temos deseñada unha rolda.

O que realmente presentamos é a colección en xeral. O seu nome xera curiosidade; era sabedora do risco que corría poñendo ese nome, pero para min merece a pena facelo.

A situación da lingua galega é dramática en todos os eidos. Como ves o mundo da tradución en Galicia, tanto a técnica como a literaria?

Eu traduzo cousas moi diversas desde o inglés e desde o castelán, pero en galego pode ser un 10% do que fago habitualmente. A menos que sexa algo institucional, non existe. No eido literario, hai editoriais que están achegando moitas obras, e nos últimos anos vaise medrando, sabendo que o mercado en galego é moi limitado, polo que se depende moito das subvencións, e a Xunta está a poñer moitos atrancos para achegarse ás axudas, o que resulta curioso. Aínda así, cada vez hai máis títulos da literatura universal en galego, que é algo que necesitamos.

mociñas
dedicatoria

Que é o que máis che gusta da túa profesión? E tamén o que menos che gusta.

O que máis me gusta son os retos, sen dúbida. Atopar palabras que non coñezo ou descubrir un texto do que non saiba nada, como unha tradución que fixen dun manual de xiroposicionamento de satélites, que era algo descoñecido ao que achegarme e aprender.

E o que menos me gusta son os prazos, que ás veces nos levan a uns horarios moi extensos, e por outra banda, o desprestixio que estamos tendo, no sentido de que hai uns tradutores neuronais estupendísimos que fan que moitas empresas, a non ser que sexa algo moi técnico, recorran a eles, e contraten os tradutores para a postedición, coa metade da tarifa, aínda que tamén teñan que traducir.

Que outras autoras tes previstas, queres apuntarnos algo máis sobre o camiño da colección, ou dos títulos que para ti son máis definitorios?

A idea da colección é achegar esa ollada de mulleres de moitas partes do mundo, polo que intentamos coller un pouquiño de todos. Para min, o seguinte título da colección, “Soños do limiar”, é fundamental, dos libros máis bonitos que lin, pola tenrura do relato dunha nena de cinco anos sobre o Marrocos do protectorado. Cada libro é distinto, ensina algo diferente, pero hai libros máis duros que eu non vou traducir, aínda que entendo que teñen que estar na colección. Mociñas era como un xeito máis neutro de empezar esta colección, que pretende educar en valores, facernos un pouco máis humanos ou recapacitar.

Comezar con outro libro, de autoras eminentemente feministas, marcaría moito a colección, na que non todo é feminismo. Hai libros que son educación das mulleres, ou outros temas que non se encadran no que se pode coñecer como feminismo, pois non é esa a finalidade da colección. Ten libros feministas, duros e diversos. Son todos eles libros que a min me axudaron, no meu caso foron a miña salvación. Son visións de como outras mulleres foron enfrontándose a distintas situacións, algunhas delas durísimas, de aí escoller libros de mulleres. Se hoxe estou aquí, estou por ler, e moitos deses libros foron táboa onde amarrarme.

Peque
Rocío e Peque

Moitas grazas, Rocío, polo teu tempo, e fundamentalmente por esta marabillosa colección que acabas de inaugurar. Oxalá Candemaia nos axude a coñecer, na nosa lingua, moitos libros da literatura universal escritos por mulleres que ven o mundo desde distintos lugares e situacións, pero sempre con ollada feminina.

Peque González Nóvoa

Peque González Nóvoa

Mestra

Son Peque González Nóvoa. Nacín en Pontevedra hai 63 anos, nunha familia das de aquela, “numerosa”. Estudiei Psicoloxía en Santiago e dediquei toda a miña vida laboral á docencia, no ensino público; nos primeiros anos como mestra de infantil e posteriormente como orientadora, ata que hai dous anos decidín pasar a esta etapa chamada xubilación. 

No meu percorrido de vida acostumo a definirme como muller, mestra, nai e avoa, sen orde prevalente, por que considero que son os elementos que conforman quen son.

Achégome a este grupo de xente que tivo a boa idea de poñer en marcha este proxecto “De vella a bella” coa intención de aprender e poder aportar un micrograo de area. Neste contexto no que vivimos, e nesta situación de pandemia, creo que todo o que implique a activación das persoas, sexa cal sexa a súa idade, é positivo. 

Encarna Otero

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Santiago González Lopo por Ghislaine – devellabella

Santiago González Lopo por Ghislaine – devellabella

Entrevista con:

Santiago González Lopo

Continuamos esta sección de ENTREVISTAS A ESCRITORES, que inaugurabamos con Riveiro Coello seguida de Fina Casalderrey coa realizada nesta ocasión a Santiago González Lopo, que , ao igual que xa fixera Antón e Fina, aceptou a nosa proposta de bo grado. Moitas gracias Santi.

Notas biográficas:

Santiago González Lopo, coñecido como Santi Lopo

Nado en Vigo o 2 de marzo de 1974, é escritor, profesor e tradutor galego. Actualmente é profesor de francés na Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra. Iniciouse profesionalmente traducindo guións cinematográficos en inglés para televisión. Dende o 2000 colabora coa revista Unión Libre, onde publicou diversos artigos e traducións.

Obra en galego:

Novela:

Game over, 2007, Biblos Clube de Lectores, Peaxes , 2009, Xerais, Hora zulú, 2012, Galaxia, A diagonal dos Tolos, 2014, Editorial Galaxia,A arte de trobar, 2017, Xerais

Relato curto:

Sorrí Nené, sorrí! , 2014 en Grial, nº202, A voz das nereidas, 2016, Editorial Elvira, Simeón de la Manche, 2018, en Contra o vento. 30 anos do Premio Manuel García Barros, Editorial Galaxia.

Traducións:

O meu criado e mais eu. Citomegalovirus, de Hervé Guibert con Xavier Queipo,1998, Xerais

Obra traducida ao español

Hora zulú, 2015 Mar Maior

Premios:

VI Premio de novela por entregas de la Voz de Galicia no 2006 ,por Game over

XXIV Premio García Barros no 2012, por Hora Zulú

VIII Premio Narrativa Breve Repsol no 2014, por A Diagonal dos Tolos

Premio Xerais 2017, por A arte de trobar

Santiago González Lopo, máis coñecido como Santi Lopo, Santi para os amigos e compañeiros que fomos na EOI. Bo día. Un pracer atoparte aínda que virtualmente fóra do lugar de traballo, traballo ás veces tan absorbente que non nos deixaba tempo para falar sinxelamente como amigos ou simples compañeiros.

Naciches en Vigo no 74. Es un neno da urbe. Vigo nos 70 era unha cidade en plena expansión e medre. É importante o lugar onde un nace? En que, a cidade de Vigo, te marcou na infancia ou adolescencia?

Ola! En primeiro lugar, quería mandarvos un agarimoso saúdo. Estou encantado de ver que seguides tan activas coma sempre malia a pandemia. Para responder á vosa pregunta, vou utilizar as palabras dunha amiga que vivía en Vigo, pero que era de Lugo. Sempre dicía: “Vigo ten un ritmo frenético. Cando sobes a un VITRASA nunca sabes o que vai pasar”. En certa maneira, ese é o encanto dunha cidade ideal para inventar historias. Vigo é unha urbe moi estimulante para a imaxinación, pois nas súas rúas a miúdo a realidade supera a ficción.

Es tamén neno da democracia; naces xa moi ao final da ditadura. Hai algunha lembranza en particular desa época que te impactara ou que tivese consecuencias sobre a persoa que es e o futuro escritor?

O meu pai traballou na Citroën –empezou de torneiro– practicamente toda a súa vida, así que vivimos moi de preto as folgas dos anos 70 e a transición. Aínda que eu era moi pequeno, lembro a axitación na casa, as manifestacións na rúa, o nerviosismo da miña nai. Un día unha bomba estourou en pleno centro, na chamada Casa Sindical. Nós viviamos a 50 metros e non colleu a miña irmá e miña nai por un minuto… A miña infancia foi un cursiño intensivo e precoz de conciencia social.

Algún profesor ou mestre influíuche na túa vida?

Jesús Carrera, profesor meu na Alianza Francesa de Vigo. Estivo no 68 en París, contaba moitas anécdotas e era moi bo docente. Sen dúbida, abriume os ollos e ensinoume a capacidade que tiñan as linguas estranxeiras de cambiar o rumbo dunha vida. Aproveito para dicir que nos anos 60, Palmyre Ros, unha profesora bretona da Alianza Francesa de Vigo, foi encarcerada pola policía franquista e perseguida por actividades ilegais. É unha historia case de película que a miña irmá María Lopo investigou recentemente. Aquí deixo unha ligazón para as persoas que queiran saber máis do tema.

Os idiomas ocupan un lugar importante na túa vida: galego, español, francés, inglés… hai algún máis?

Estudei tamén italiano e portugués. E, aínda que non o falo, téñolle un agarimo moi especial ao bretón.

(Decátome de que mencionei eses idiomas nunha orde concreta… hehehe, se cadra cambiarías esa orde por outra?)

A orde dos factores non altera o produto que, neste caso, é a comunicación. Así que benvidas sexan todas as linguas!

Es profesor de francés na EOI. Cando soubeches que te ías dedicar aos idiomas?

Veño dunha familia humilde e na casa non había diñeiro para que eu estudase fóra de Vigo. Xusto no ano que ía comezar na universidade abriuse a facultade de Tradución e Interpretación. Era unha nova carreira, con moitas expectativas. De feito, no derradeiro ano eu xa traballaba como tradutor de películas e series para un estudo de dobraxe que había en Bouzas. Estaba claro que as linguas ían ser o meu futuro.

…E falando de idiomas, o galego é a túa lingua literaria. É o galego a túa lingua materna? Que se falaba na túa casa?

Tanto o galego como o español falábanse indistintamente na miña familia, así que eu fun crecendo acompañado das dúas linguas e sendo moi consciente da diglosia que existe en Galicia. A miña familia por parte materna é labrega da zona de Ponte Caldelas. A miña familia paterna é mariñeira, de Guixar.

Tamén foi lingua de aprendizaxe escolar; quero dicir, a túa xeración xa recibiu ensino en galego. Que lembranzas tes daqueles anos?

Da EXB lembro o meu primeiro dicionario Xerais de galego de cor azul (o Diccionario básico da lingua galega). E logo, xa en BUP, recibía as clases de Física e Química e Matemáticas en galego (entre outras materias), algo que hoxe en día está prohibido e que nos debería facer reflexionar sobre o moito que recuamos na presenza do galego nas aulas. A miúdo fago visitas a centros educativos de toda Galicia para falar dos meus libros e observo con preocupación a perda da fala entre os adolescentes, mesmo en lugares que antes eran galegofalantes, como as vilas.

Influíu na túa elección de carreira estudiantil e profesional?

Tradución e Interpretación incorporaba o galego á lista de idiomas que se estudaban, polo tanto continuei afondando na lingua ao tempo que aprendía outras.

Hai algún idioma no que esteas máis a gusto ou a escolla é segundo a situación?

A miña vida levoume a coñecer xente de moitos países diferentes e ás veces nas xuntanzas hai que escoller unha lingua franca. Pero adoita ser algo que facemos inconscientemente.

Nos distintos libros que escribiches -en galego todos- unha interferencia en castelán é significativa de algo. Transmites algo tamén a través desa utilización dos idiomas? (Persoalmente estou pensando en Peaxes)

Si, a lingua que usa unha personaxe é outra maneira de describila, e en Peaxes marca, puntualmente, a diglosia á que me referín antes. No discurso que pronunciei ao gañar o premio Xerais expliquei que A arte de trobar era unha novela escrita en galego que comezaba cunha frase en latín e remataba con outra en occitano. A novela é un crisol lingüístico e iso non foi contraproducente para o relato que conta: catro anos despois a novela segue a gustar e continúa sendo unha das máis vendidas en galego. Dende sempre as linguas acompañan a nosa existencia e é un desgraza permitirmos que desaparezan.

Tes un “gueuloir” como tiña Gustave Flaubert, que berraba literalmente a súas frases no seu estudio para poñer a proba o equilibrio de cada frase?

Por sorte para os meus veciños, non!

Existe a inspiración? Hai un momento especial ou máxico da creación? Ou se pode escribir de maneira algo rutinaria aillándose do balbordo que nos rodea? (Nisto é posible que os confinamentos que coñecemos hoxe en día favorezan esa creación)

Existe o momento onde xorde unha idea. Hai que anotala no intre no que aparece; isto apréndelo coa experiencia. Despois, todo consiste en traballo e horas pasadas diante do ordenador. Ao escribir, a concentración é máxima e as ideas proveñen directamente da imaxinación. No confinamento non fun capaz de escribir moito, a concentración esixe un estado mental de paz, e a pandemia non é o momento máis apropiado.

Todos os teus libros son bastante distintos, tanto na temática como na técnica narrativa, pero sempre consegues manter algo de suspense, como van xurdindo os temas?

Viaxes, lecturas que fago, películas que vexo, vivencias, historias que me contan… É unha mestura de varios factores.

E é o tema o que vai orientando cara unha ou outra estrutura narrativa?

Non necesariamente. Ás veces teño pensado o esquema da novela dende un principio, outras déixome levar pola intuición.

Sabes desde o principio o que vai pasar ou te deixas levar polos personaxes?

Din que hai escritores de compás (os que improvisan) e de mapa (os que teñen un esquema). Algunhas novelas empeceinas porque xa sabía o final. Outras, cando aínda ía pola metade, non sabía como acabarían. Non teño un método definido e penso que é máis divertido así (talvez tamén máis arriscado, algunha vez tiven que desfacer moito do escrito)

Pensas no lector cando escribes e cres que determina a túa maneira de escribir?

Non. En xeral, só penso na historia. Quizais n’A Arte de trobar os lectores e lectoras si que estaban na miña mente para que a linguaxe fose accesible sen perder o toque medieval. Pero era unha cuestión técnica máis que temática.

Existe a autocensura? Hai algún tema que non te atreverías a tocar? Por exemplo?

Por sorte non vivo da literatura, así que teño absoluta liberdade para tratar o que queira; e se non ten éxito ou non se publica xa haberá outras ocasións no futuro. Por outra banda, as editoriais nunca me censuraron nada.

Tes algo en mente neste momento (porque imaxino que segues co bichiño)?

Hai un par de proxectos pendentes –unha novela e un conto para un libro de relatos–, pero debido á pandemia atrasáronse. Eu espero que a finais da primavera xa vos poida dar algunha noticia. Comprométome a avisarvos, seredes dos primeiros en sabelo 😉

Algunha vez tiveches medo a ficar en branco?

Como xa expliquei, ao non vivir da literatura podo permitirme o luxo de escribir sen presións de ningún tipo. Quedar en branco é coma o insomnio ou tantas outras cousas na vida, só acontece se te obsesionas pensando en que vai ocorrer.

Estás satisfeito coa túa obra unha vez que a acabas?

Non, son moi perfeccionista cos meus libros. Estaría corrixíndoos eternamente, pero nalgún momento hai que parar!

Que significado teñen os premios para ti?

Os galardóns valen para lles dar publicidade ás obras nos medios de comunicación, un espazo que, coma na maioría das librerías, é ínfimo para a literatura galega. Tamén me axudaron moito para darme a coñecer cando empezaba a escribir.

Que autores e obras cres que che influíron?

Son tantos! En galego, Rosalía, Cunqueiro, Rivas e Suso de Toro. En español, Cervantes –co Quixote– e Eduardo Galeano. Nas outras linguas, cando era novo lía moito a Tolkien e a Verne. E, por suposto, gústanme os clásicos franceses como Proust. En canto a autores francófonos máis contemporáneos, citaría a Marguerite Duras e Albert Camus, que a pesar de morrer no ano 60 segue a ser un dos máis lidos en todo o mundo. Por non falar d’A Peste, que debido ao coronavirus volve ser un auténtico best-seller, e de calidade!

Grazas, Santi, por atendernos e darnos un pouco do teu tempo. Esperamos ter novas túas pronto… Seguro que xa estás escribindo algo.

Graciñas por invitarme a participar no voso blog. Vémonos en Ponte!

                                                                                                                      Ghislaine Gourlaouen

Ghislaine Gourlaouen

Ghislaine Gourlaouen

Profesora de francés

Ghislaine foi profesora de francés na EOI de Pontevedra

Lily 

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Fina Casalderrey Fraga por Charo Valcárcel

Fina Casalderrey Fraga por Charo Valcárcel

Entrevista con:

Fina Casalderrey

Continuamos esta sección de ENTREVISTAS A ESCRITORES, que inaugurabamos con Riveiro Coello, coa realizada nesta ocasión a Fina Casalderrey, que non só, ao igual que xa fixera Antón, aceptou a nosa proposta de bo grado, senón  que se implicou de cheo nas respostas ás nosas preguntas e mesmo se desculpou pola extensión das mesmas chegando a propoñernos unha redución, incluso marcándonos os parágrafos dos que podiamos prescindir. Pero obviamente non fomos quen de prescindir de nada, condideramos que sería unha mutilación imperdoable e cremos que os lectores nolo agradecerán.

Notas biográficas:

Fina Casalderrey naceu en Xeve en 1951. Estudou maxisterio en Pontevedra, sendo a súa especialidade por oposición a de matemáticas e ciencias da natureza, pero posteriormente diplomouse na Escola Oficial de Idiomas en lingua galega e literatura.
Realizou traballos de investigación etnográfica, nos que implicou o seu alumnado, dirixiu e escribiu tamén pezas teatrais para eles. Publicou libros de gastronomía e pedagoxía e comezou a súa carreira como novelista en 1991 con Mutacións xenéticas , desde entón converteuse nun referente na literatura infantil e xuvenil ( LIX), non só en Galiza. Os seus libros, arredor de 60, recibiron numerosos premios nacionais e internacionais ( p. Ex. Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 1996) e foron traducidos a distintas linguas.
Estivo na directiva do GALIX , pertence ao PEN Club e á AELG e ingresou como membro numerario da RAG no 2013. Na actualidade segue vivindo na parroquia de Lérez, en Pontevedra. Mais información no documento adxunto

 Deixámosvos, pois, coa entrevista:

Fina, ti comezaches no ensino, como mestra, moi noviña, creo que con 19 anos. Foi vocacional a túa dedicación a esta profesión?

Posiblemente me rodearía dun certo halo de romanticismo se afirmase que xa dende nena, cando xogaba ás mestras, tiven moi claro que esa era a miña profesión soñada, pero non respondería á verdade. O certo foi que na casa dixéronme: “Queres ir aprender a coser ou estudar maxisterio?”. En calquera dos dous casos non tiña que saír de Pontevedra, co cal non implicaba moito gasto para unha familia académica e economicamente humilde…

A coser xa fora aprender, polo verán, aos nove anos e algo aínda lembro daquelas primeiras nocións de “corte y confección”, pero esa é outra historia… A verdade é que só podo dicir BENDITA ESCOLLA! Decidinme polo maxisterio e só podo dicir que moito aprendín dos rapaces e rapazas que pasaron polas miñas aulas. Un anaquiño de cada un, de cada unha, permanece tatuado en min con tinta permanente. Sempre digo que, oxalá, eu tamén quedase un pouco nese recuncho da memoria onde gardamos as lembranzas fermosas.

Nunca, nin nos malos momentos, nin nos máis esgotadores, que os hai, nin cando tiven oportunidade de “medrar” en popularidade e recoñecemento social, quixen deixar a profesión á que lle debo case todo. Si… creo que fun unha mestra vocacional.

1954. Fina 3 anos. DE ANXO EN SANTO ANDRÉ DE XEVE

1971. Fina 20 anos

Comprobo que te implicaches en múltiples actividades, algunhas delas desenvolvidas ou relacionadas coa túa profesión de mestra. Por exemplo o teu interese pola etnografía, na que involucraches os teus alumnos en distintos traballos de investigación. Podes contarnos un pouco como naceu o teu interese por ese campo e cales os logros acadados?

Os ensinantes somos dunha madeira especial, o amor á profesión —aínda que soe melindroso— fai que nos atrevamos a ensinar o que a nós non nos ensinaron nunca e a nos manter acotío no camiño de ida. Por poñer un exemplo moi tanxible neste instante, ti, Charo, exerciches de ensinante, non te preparaches na escola de xornalismo e sen embargo estás a exercer de xornalista con total solvencia. Os e as docentes estamos afeitos a facer maxia: a facer de técnicos de son, luminotecnia, maquillaxe, decoración, vestiario, guión, dirección… se falamos de facer teatro co alumnado, sen ter moitas veces nin un escenario; ou a facer experimentos, sen termos laboratorio; a editar revistas de maneira artesá, sen posuírmos unha imprenta; de guías turísticos nas excursións, de coreógrafos —lembro ensinarlles a bailar o tango, sen telo eu bailado nunca— e incluso de psicólogos ou de sanitarios se a situación o requiría.

Pertenzo a unha xeración que medramos co caraelsol na escola, coas ventás cegas á liberdade, coa diglosia tatuada polas malas experiencias por falarmos galego na infancia e ignorantes de toda esa riqueza cultural como pobo, que se nos ocultara… A comezos dos setenta, estreeime como mestra e, asemade, as primeiras “liberdades” culturais, queriamos cambiar o ensino, algúns de nós, máis por intuicións ca por sólida formación. Descoñecendo todo o que aquela “Institución Libre da la Enseñanza” fixera, os primeiros cursos como ensinantes centrábanse en compartir experiencias. Queriamos educar no medio, partir da localidade, de todo o que podían tocar coa xema dos dedos: a literatura popular, os alcumes, as festas, os apeiros de labranza (o ambiente era rural), a climatoloxía e astroloxía popular, as crenzas, as plantas medicinais, as festas, os xogos populares, os hórreos (706 creo que había en Moraña), os cruceiros… Algúns daqueles traballos foron premiados polo Museo de Pontevedra, pero o logro máis grande a verdadeira conquista foi que viñan a clase felices.

Todo eran descubrimentos, tamén para nós, para min… Si, aqueles traballos foron verdadeiros obradoiros de aprendizaxe para o alumnado e para min.

Teño entendido que ti comezaches escribindo teatro para o teu alumnado, son eses os teus inicios como escritora? Como empezou ese labor de directora e dramaturga que frutificou na publicación: Recursos teatrais para a expresión dramática na escola?

Hei dicir que sinto mesmo un chisco de pudor por esa primeira publicación na que tan só pretendía relatar unha humilde experiencia como docente, creo que hoxe o “vendería” un chisco mellor… Porén, daquela, moitos mestres, moitas mestras, fixemos pezas para representar cos nosos escolares, sen outras pretensións alleas á aula asemade que íamos descubrindo o que xa se fixera antes.

Efectivamente, comecei publicando teatro. A maior parte das obriñas que fixen sempre, só tiñan interese para a contorna na que estaba dando clase; aproveitaba algún tema local para transformalo en teatro. Lembro que no ano 1985, participei nas II Xornadas do Galego no Ensino en Santiago de Compostela cunha comunicación sobre os beneficios do teatro na escola. O de menos foi o que eu puiden dicir alí; o realmente interesante foi a actuación do meu alumnado de 5º nivel demostrando a veracidade do que eu teorizara. Os nenos, as nenas, eran a proba da eficacia. Montaron o escenario, actuaron, recolleron todo sen precisar de apuntador nin de presentador nin de axuda de ninguén. Aqueles efusivos aplausos á rapazada, soubéronme a recoñecemento. E ti diso sabes, das horas extras dos ensinantes, como moito recompensadas cunha carta agarimosa… Os pequenos, un “Quérote mestra” nun papeliño; os maiores cunha maneira de estar na aula, unha ollada, unha frase…

O teatro foi unha estratexia de aprendizaxe marabillosa de efectos inmediatos: dicción, capacidade de improvisación, exercitación da memoria, da creatividade, o traballo en equipo, fonte de coñecemento das diferentes personalidades, para nos achegar á literatura, facilita a transversalidade con todas as áreas de coñecemento, especialmente coa lingua, a música, a plástica, a educación Física… e, algo que me parece fundamental para a aprendizaxe, fai agromar esas endomorfinas que producen momentos pracenteiros. Uf, isto só daría para un monográfico. Fixen teatro sempre ata que me xubilei. En Marín os de 1º da ESO representaron O Principiño tan ben!! Vaia e outras cousas que dez anos no IES Illa de Tambo aínda dan…

En fin, fixen o que fan moreas de mestras e mestres…

No mundo literario galego Fina Casalderrey é a autora por excelencia da literatura infantil e xuvenil. Gustaríame saber se alá por 1991 cando publicaches (corríxeme se me equivoco) Mutacións xenéticas, a túa primeira obra destinada a este tipo de lectores, realizaches unha elección consciente dos destinatarios das túas obras ou foi casual?

Venme á cabeza O estanque dos parrulos pobres, un libro que está nunha colección infantil, a partir dos oito anos. Eu escribino naquel momento para que o lese meu pai para que, se chegaba a saber a estrema gravidade da súa enfermidade, non tivese tanto medo de morrer. Tratei de me mergullar na pel dunha nena de seis anos e falar dende a súa inxenuidade dun tema tan duro como é a morte dun ser querido. Se le esa historia un adulto, cáenlle as bágoas, se a le un neno, unha nena, parécelle divertida… As diferentes experiencias vitais do receptor inflúen nas múltiples interpretacións.

Imos ver, eu escribín Mutacións Xenéticas arredor de oito anos antes de ser publicada, cando nin soñaba con publicar nada. Líalle ao meu alumnado fragmentos coma unha actividade máis de aula. Logo, cando comecei a publicar, xa nunca máis lle lin nada meu por pudor. Porén, nin sequera estou segura de que a escribise para uns nenos concretos, mais ben eles me inspiraron a min para escoller un protagonista. Mentres dei clase, escribía sobre todo nos veráns, os ensinantes entendédesme ben se digo que durante o curso escolar —como canto máis te preocupan, máis te ocupan— non chegas á casa con moitas ganas doutras lerias. Todas as enerxías e horas son poucas para lles dedicar…

A raíz da “normalización” do galego nas aulas comezáronse a demandar obras literarias en galego… Aínda que a historia da publicación de Mutacións xenéticas é máis longa, resumiríaa dicíndoche que a fixen pensando en compartila coa rapazada das miñas aulas. Logo xa, o responsable da súa publicación foi un curmán meu, Xosé Carlos Mosteiro Fraga, que daquela tamén estaba dando clase en Moraña —e anos máis tarde tamén publicou con éxito varios libros—, deilla a ler e animoume a facelo. Mesmo foi el quen chamou á editorial Vía Láctea, eu limiteime a deixar o orixinal na, desafortunadamente desaparecida, librería Michelena de Pontevedra…

Resumindo, non era moi consciente de “para quen escribía”, érao máis de que o estaba a facer en galego.

1991.11.10. FOTO FINA. PREMIO MERLIN

2010. O contacto cos lectores sempre é un pracer. VALADARES. VIGO

Ti contas xa cunha experiencia de moitos anos escribindo para eses lectores máis novos. Supoño que hai que coñecer moi ben o seu mundo para chegar a eles e ti claramente chegaches. Ata que punto te axudou o teu traballo de mestra nesa consecución?

Moito! Somos o que lemos, as viaxes, os soños, o ambiente, a infancia, a educación recibida, as amizades, a familia… e tamén a profesión que exercemos; todo, consciente ou inconscientemente nos vai modelando. Talvez, no meu caso, se non fose mestra de escola, nunca me dese por escribir. E coma min a toda esa xeración de ensinantes-escritores que Manuel Bragado bautizou como Xeración Lamote (Paco Martín, Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo, Antonio García Teijeiro, Gloria Sánchez, Marilar Aleixandre, Concha Blanco, Mª Victoria Moreno, Xoán Babarro, Ana María Fernández, Manuel Lorenzo González…) Repara en que ata que o galego comezou a entrar nos centros de ensino, non había unha LIX consolidada, eran publicacións esporádicas e con escasa repercusión, aínda que fosen importantísimas (Xoana Torres, Mª Xosé Queizán…) E se pensamos en Memorias dun neno labrego, foi unha historia da que se foron apropiando os escolares en boa parte grazas a ese profesorado comprometido coa lingua.

A asociación do Libro Infantil e Xuvenil Galega, GALIX, naceu en 1989… Hoxe é diferente, quen escribe xa non parte dunha militancia co ensino; un bo indicador de consolidación e saúde literaria para a LIX galega (María Canosa é enxeñeira, Ledicia Costas é avogada, An Alfaia é detective privada, Rosa Aneiros ou María solar son xornalistas…) Dende logo para escribir literatura que guste á infancia non é preciso ser ensinante e se non, que lle pregunten a Roald Dahl, Astrid Lindgren, María Gripe, Antoine de Saint-Exupéry ou a Castelao, Foe… que moitas das súas historias tamén seducen á infancia.

Axudarme a min a profesión? Si. Tanto que algunha obra débolla en certa medida a algún alumno. Se Marcos Sánchez Agra, de Santa Xusta (Moraña), nun recreo —cando estudaba 5º de EXB—, non estivese triste, apoiado nunha varanda e , cando me acheguei a preguntarlle que lle pasaba, non me contestase con voz rota polo desgusto: “Nada, é que me desapareceu o Tobi”, eu non escribiría Dúas bágoas por Máquina, ou non da mesma maneira. Estar cerca da rapazada, axudoume, pero sei que non é imprescindible que sexa nas aulas; ás veces abonda con ter memoria de nos mesmos, pois como dicía Lobo Antunes, “a literatura é a memoria fermentada”.

 Cres, como pensan algúns, que quizais non se debía clasificar a literatura segundo a idade dos lectores, senón simplemente falarmos de boa ou mala literatura?

Se entendésemos por literatura infantil a literatura que tamén gusta aos nenos e ás nenas, remataría a discusión. O problema xorde cando lle damos ao termo “infantil” unha connotación pexorativa. Cantas veces un adulto se sorprende ao atopar xoias literarias que descubre nos andeis dos seus fillos! Quizais se reparásemos naquilo que lle dicía Sánchez Silva, o autor de Marcelino pan y vino (único premio Andersen -Nobel de LIX- español) a Miguel Delibes cando o animou a escribir para a infancia : “No te creas que escribir para niños es escribir para tontos”. E Delibes escribiu literatura Infantil… Un neno pode non saber crear conscientemente unha fermosa metáfora, pero sabe gozala, sempre que sexa creada a partir do que coñece ou ten madurez para interpretar.

Estas clasificacións só deben entenderse como orientación. É obvio que, aínda que todos os temas poden ser tratados a calquera idade e que a dificultade está en saberlles chegar, hai historias que non interesan a un neno, a unha nena, porque non forman parte do seu universo cognitivo, nin dos seus intereses nin das súas experiencias vitais; non é preciso dispoñer dun cerebro privilexiado para entender que hai libros que non lle dariamos a ler a un cativo pola estrutura complexa, polo tratamento do tema, pola extensión… Pola contra, calquera adulto pode, e debería, achegarse aos libros concibidos para a infancia (un día foron nenos…) e sorprenderíanse de canto os poden conmover e facer gozar da lectura. Os bos libros para a infancia adoitan prestarse a diferentes lecturas e medran en matices a medida que medra o lector, a lectora. As clasificacións non inflúen na calidade dunha obra.

2009. Salón do libro de Pontevedra. Ano do Amor dedicado a Fina.

2008. NA SÚA VILA. PONTEVEDRA

É obvio que algúns libros dos catalogados como literatura infantil e xuvenil son descubertos por lectores adultos como auténticas xoias “ocultas” tras unha etiqueta escasa?, insuficiente?, inapropiada?, que pensas ao respecto?

Si, si, en certo modo xa me adiantei na resposta anterior. O problema, insisto, está en que en canto aparece a palabra “infantil” polo medio, érguese un estraño valo de prexuízos. Deberiamos sentir fachenda de que exista unha LIX con etiqueta galega que se exporta, que é recoñecida internacionalmente… Dáme moita mágoa que no olimpo da memoria dos adultos queden poucas destas xoias —O Principiño, Pipi Calzaslargas— por descoñecemento, quizais as cousas estean a cambiar… O ser humano é moi dado a negar o que descoñece e durante moito tempo a LIX como materia de estudo non existía. A primeira catedrática de literatura galega, especialista en LIX, foi Blanca-Ana Roi Rechou. Hoxe hai moitas, curiosamente a maioría mulleres, especialistas que investigan todo o que se está a facer dentro e fóra de Galicia: Eulalia Agrelo, Montse Penas, Isabel Mociño… Ata hai ben pouco, era tan só grazas ao esforzo persoal do profesorado universitario que, de maneira voluntaria, ía introducindo o estudo da LIX no temario da súa materia, sobre todo en Didáctica da Lingua e a Literatura en Ciencias da Educación. Tamén como optativa en Filoloxía. Nos plans de estudos, nos escaparates das librerías, nos medios de comunicación… os espazos destinados a dar a coñecer esta literatura que gusta á xente miúda —e en galego— son moi escasos e, polo tanto, insuficientes. E se pensamos na LIX galega, reparemos en que xa van alá nada menos que seis premios nacionais a nivel do Estado que avalan a calidade dunha literatura que é a que máis se exporta.

 Sabes que no blog a primeira recomendación de lectura que realizamos foi O neno can, para min un deses libros que superan os límites dunha etiqueta. Desta obra es co-autora con Francisco Castro, como se escribe entre dous? Como foi o proceso, pódesnolo contar?

Moitas grazas por esas palabras! Moito lle debe a LIX aos profesionais do ensino! O proceso… Escribir a catro mans esixe unha, non sei se xenerosidade ou capacidade de se meter na pel do outro, de ceder, mais tamén de nos enriquecer co que o outro nos aporta. É necesario partir dunha complicidade, unha necesaria empatía, daquela chega unha recompensa enriquecedora.

Todo comezou cando, dende a editorial Galaxia, me propuxeron colaborar con UNICEF e escribir cinco historias sobre os dereitos humanos da infancia. Aceptei, avancei algo, deixeinas descansar, aparcadas… ata que, un día, nunha visita de Francisco Castro á casa por saber como ía todo, decidín convidalo a participar canda min. Desbotamos algunha das primeiras ideas. Dalgúns relatos armei eu o esqueleto, outros armounos Fran. Tan pronto o tiñamos escrito pasabámosllo ao outro para que o fixese “seu”, engadindo ou suprimindo parágrafos, cambiando palabras… Foi froito dun intenso peneirado nun vai e vén de correos e de chamadas ata que ambos os dous coidamos que a historia nos pertencía. Eu leo os relatos e sinto que os escribín eu, que mesmo teñen semellanzas con outras historias miñas. A Francisco pásalle exactamente o mesmo.

Creo que Fran lle aportou frescura e eu, lirismo. Foi un bo tándem.

2011. EN LA VENTANA. SER. GENMA NIERGA

2012. Presentación de  “O NENO CAN” con Francisco Castro

Por que o can como fío de unión? Ten unha historia detrás?

Unha das que comecei a escribir eu foi a que dá título ao libro, O neno can, nela xa había un can… Queriamos atopar un nexo, algo que emparentase as diferentes historias, aínda que todas elas fosen concibidas de maneira independente, e foi Francisco quen tivo a feliz idea. Daquela fomos introducindo un can en cada unha delas, con nome relacionado coa meteoroloxía, coma nun xogo, unha chiscada da que os lectores axiña se ían decatar, conscientes de que, sen chegar a ser un fío condutor, posto que nin sequera se trataba do mesmo can, hai un certo paralelismo entre o desamparo dos protagonistas humanos e de cada un dos animais. O can, ás veces, é o único amigo do humano.

  Os rapaces e os adolescentes son máis esixentes ca os adultos como lectores?

Non sei se máis “esixentes” no sentido que lle daría a crítica profesional, evidentemente os anos e a formación vannos dando máis ferramentas para valorar a calidade dun texto, mais tamén nos van dando máis prexuízos… Excluíndo o adolescente lector que supera en criterio a un adulto non lector á hora de valorar un libro, do que estou segura é de que están máis liberados de prexuízos e valoran unha obra con máis sinceridade, polo que lles di realmente, sen lles influír tanto os premios que lle outorgasen. A xente nova non ten papas na boca para dicir: “Pois a min non che me gustou nada”. Canto máis pequenos, máis “esixentes” en valorar con rotundidade se lle gusta ou non unha historia que lles poñemos diante, canto máis medramos máis nos inflúe todo o que rodea unha obra literaria (recoñecementos, número de lectores, crítica profesional, recensións de expertos…). Moi poucos adultos se atreverían a contradicir publicamente, con argumentos de peso, obras universalmente recoñecidas aínda que non lles parezan boas.

 Para os que lidamos durante anos cos nosos alumnos e alumnas intentando lograr que amasen a lectura, ou polo menos que a quixesen un pouquiño, sabemos o difícil que é conseguilo. Sei que ti participaches en programas de fomento da lectura. Desde o teu papel como mestra e tamén como escritora de éxito, que cres que é o que non facemos ben cando animamos a ler? É un problema dos educadores?

Non, cando menos non en exclusiva nin en gran medida. Venme á cabeza Xela Arias —acaba de arrincar o ano no que a RAG lle dedica as Letras Galegas—. Xela “naceu nunha biblioteca”, rodeada de libros, de libros que se abrían, que se lían… e influíron no seu hábito lector. Poño por caso, todos os nenos e nenas chegan á escola falando na lingua materna cunha habelencia que xa quixeramos para nós no que a dominio de linguas estranxeiras se refire. E por que? Porque na casa falan e falan, ademais, con eles. Se ven ler, se escoitan comentarios gozosos sobre unha páxina, unha historia, se len con eles… se os acompañasen nese descubrimento como o fan para dar os primeiros pasos, para aprender a ir ao baño… todo sería máis doado. O contaxio nas familias é o método máis efectivo.

Non lle podemos botar enriba ao profesorado TODO, é responsabilidade súa dotalos de ferramentas para que saiban ler, para interpretar un texto, para aprender a saborear metáforas… pero non a que ten que ver co descubrimento do gozo lector, cando menos, NON TODA; a sociedade e os ocios que ofrece, ás familias, os medios de comunicación… todo inflúe. Porén, como educadores, educadoras, podemos facer moito. Quizais o primeiro que nos deberiamos preguntar como tales é se a nós nos gusta ler, é dicir, se lemos. Non hai nada máis efectivo ca o entusiasmo contaxioso. Para comezar nunca deberiamos recomendar un libro polo que non sintamos ningún interese. A lectura é coma o sarampelo, transmítese por contaxio. (non podemos contaxiar o entusiasmo, á emoción que nos produce un libro, unha páxina, se non o temos. Lembro un día, nas miñas clases de primeiro da ESO, que lles falei con entusiasmo sincero dun libro que acababa de ler a véspera e me gustara moito, Enderezo descoñecido de Kressmann Taylor (pseudónimo masculino de Katherine Kressmann. 1903-1996), unha escritora, profesora e xornalista de Portland (Oregón). Faleilles da sutileza case imperceptible daquelas cartas nas que ías percibindo como a amizade entre dous amigos se ía arrefriando ata se volver xeo perigoso. Ese día foron varios os que me viñeron preguntar se estaba na biblioteca do centro.

E se leva razón Juan Farias e o gozo lector é aquilo que morre cando a literatura se convirte en disciplina? Quizais non deberiamos esquecer que a actividade principal cun libro é a lectura… Falo do ensino obrigatorio non de cando se teñen que ir especializando en saberes concretos, tamén lingüísticos e literarios. Non deberiamos “ameazar” ao alumnado con sentencias coma “unha casa sen libros é unha casa sen dignidade”, por moi bonito que faga entrar nunha casa na que haxa moitos libros. Trátase de cativalos, de seducilos para enriquecelos, non de imposicións.

Isto daría para moitas horas de conversa…

2012. presentación da curtametraxe “Dúas letras“. Santiago de Compostela

2016. FEIRA DO LIBRO DE BOS AIRES.

Es unha escritora moi premiada, recibiches todos os premios importantes cos que conta a literatura infantil e xuvenil: Premio Merlín, Premio Barco de Vapor, Premio Edebé, Premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil, Premio Frei Martín Sarmiento… e ademais moitos libros teus figuran nas prestixiosas listas White Ravens e Outstanding Books e fuches nomeada ao Premio Astrid Lindgren que concede o goberno sueco a un autor de literatura infantil e xuvenil de calquera país do mundo, tamén recibiches a medalla Castelao no 2003 e o Premio Cidade de Pontevedra en 1996 por toda a túa obra e os teus libros foron traducidos a máis de doce idiomas…

Con todo este recoñecemento de que te sentes máis orgullosa?

E que importancia lles dás aos premios? Cres que son necesarios para darse a coñecer?

Estou moi agradecida a todas as persoas que o fixeron posible. Non sei se “orgullosa” pero si, felizmente impactada quedei cando souben que lle ían poñer o meu nome a un colexio. Sentín unha mestura de pudor infinito, case unha estraña sensación que me facía, e me fai, sentir “culpable” por permitir tal honra e, asemade, unha satisfacción xigante. Hai algo máis fermoso ca que lle poñan o teu nome a un centro educativo e que ti poidas velo? Non quero preguntarme se o merecía ou non, non me convén, quizais a resposta non me permitiría gozar deste agasallo, deste privilexio.

En canto á importancia que lles dou aos premios, houbo un momento na nosa literatura que eran coma un “búscase” para animar á xente da escrita a engrosar o corpus literario galego; hoxe, xa máis consolidado, adquiren máis a función de abrir portas ás publicacións. Si, creo que son unha vía para acceder ás publicacións; e aos autores e autoras que pretenden vivir en exclusiva da literatura, tamén lles van dando de comer. Para a Literatura non significan moito. Explícome: unha historia non sube ou baixa en calidade por ter recibido un premio ou non. Hai clásicos universais, e grandes éxitos actuais que non recibiron máis recoñecemento ca o dos lectores e lectoras, algúns porque non se presentaron, outros porque non llo concederon… En realidade presentámonos a premios porque un premio, de entrada, crea unha maior expectativa de lectores, ese é o verdadeiro premio, que te lean. Por iso, aquel Premio Lecturas no que votaba a propia rapazada de toda Galicia e que organizaba GALIX é un dos que máis me conmoveu.

O último premio ao que me presentei foi ao EDEBÉ en 1995. Recoñezo que fun unha ousada, pois nas dúas edicións anteriores fóralles concedido a Agustín Ferández Paz e a Gloria Sánchez respectivamente, é dicir a dous extraordinarios escritores galegos. En xaneiro de 1996 foi o fallo e tiven sorte; por 3º ano consecutivo déronllo a unha galega. Nunca máis, ata o momento, volveu acontecer. Ese mesmo ano, o 4 de novembro, concedéronme o Premio Nacional de LIJ, a ese non te presentas e iso fai que non o esperes…Velaí o impacto extra. Dende entón non tiven grandes problemas para publicar nun lado ou noutro e non volvín, ata o momento, presentarme a ningún premio. Os recoñecementos que chegan son máis fermosos por inesperados.

Hai, porén, outras facetas túas quizais menos coñecidas como por exemplo a de autora de libros de cociña, acadando mesmo o Premio Álvaro Cunqueiro de Periodismo Gastronómico por Repostería en Galicia (1997). Supoñemos, pois, que debes ser unha boa cociñeira, e unha experta na cociña galega. Que pratos son os teus preferidos e cales nos recomendarías?

No de boa cociñeira… non te fíes, e se non que lle pregunten ao autor de Merlín e familia os mandís que lixou cando escribiu con tanta graza sobre a cociña galega. Son unha boa comedora, iso si.

A verdade é que a literatura e a gastronomía forman un binomio perfectamente relacionado. O biólogo Faustino Cordón no seu libro Cocinar hizo al hombre afirma que a cociña ensinou a falar e así modelou o home —supoño que a muller, tamén—. Xustifica polo miúdo como aqueles mamíferos distintos —homínidos— adquiriron a posición erecta evolucionando ata falar. Coas mans libres aprenderon a usalas para transformar alimentos que non lles eran propios en asimilables. Así empezou a diferenciarse dos animais. Necesitou a colaboración doutros semellantes cos que se comunicaba con berros que cada vez resultaban mellor artellados. Comezou a utilizar o lume non só para escorrenta os inimigos ou os malos espíritos, senón como útil de transformación culinaria. É dicir, a cociña foi a chama que alumeou as palabras e a literatura é a arte desas palabras, das palabras fermosas, suxestivas, dos soños e da imaxinación.

Recomendaríavos moitos máis, pero eu comprométome a facervos unha rica empanada de millo de croques, ou de fariña triga de praiolo —rubio, escacho grande— en toradas e un arroz con leite de chuchar os dedos.

2011. Gravación “Dúas letras

2011. Preparando a empanada no Culturgal.

Tampouco te resistiches a probar no mundo da sétima arte, non só como guionista, senón tamén como directora e actriz: Garuda, Dúas letras, Querido Tomás e A última moeda.

Como foi esta experiencia?

Creo que mesmo a túa nai se estreou como actriz en Dúas letras…

Foi para min moi gratificante pola moita aprendizaxe. Falabamos antes do teatro e de nos encargar de todo dende o guión e a dirección ata os decorados, co cine pasou outro tanto. Un compañeiro do IES de Marín, Eloy Varela —profesor de Matemáticas en Secundaria—, tiña unha boa cámara e sabía manexala, eu propúxenlle facer algo e comezamos por GARUDA, un guión que en realidade foi feito a partir dun capítulo de A Pomba e o Degolado. Foi unha bonita experiencia, todos eramos “da casa”, moi poucos (a filla, un par de amigos…). Lembro que o soporte do micro era o pau dunha vasoira… Logo collinlle gusto e xa lle propuxen a Eloy facermos outra cousa. “Se fas o guión…”, respondeume. Fixen o guión inspirándome nun recordo de infancia, cando eu lle lía as cartas á señora Aurora… Non tiñamos diñeiro para contratar verdadeiros profesionais do celuloide e “contratamos” ao meu compañeiro de camiño, a miña tía Claudina, a meu tío Celso e a miña nai como protagonista, tiña daquela 82 anos. Lembro que, nos documentos que tivemos que cubrir para presentala a Cans (Porriño), pedían o nome dos responsables de guión, dirección, localizacións, vestiario, iluminación, realización, produción, coach… E, despois da primeira vez que puxemos os nosos nomes, no resto dos apartados poñiamos “nós”, “nós tamén”, “nós tamén”… De feito eses créditos do final que tanto adoitan ocupar, couberon nun golpe de pantalla e ben separados. Concedéronlle tres premios. Logo tamén o de Primavera do Cine , en Vigo e o do Público de Bueu. Non a enviamos a máis sitios… A Víctor Freixanes, editor de Galaxia daquela, gustoulle e propúxome escribir esa historia para un libro que levaría o CD coa película, unhas entrevistas, o making-of… Debeu ser das poucas veces que primeiro foi a película e despois o relato escrito.

A raíz do “éxito” en Dúas Letras, a miña nai propuxéronlle varios anuncios na galega, un deles é o de “A vaquiña polo que vale”, que leva cinco anos emitíndose. E a min, Uxía Blanco, pediume facer con ela Querido Tomás, baseado nunha novela de Xosé Neira Vilas. Eu, sempre digo, máis guionista que actriz , ela máis actriz ca guionista… Aí tamén actúa de fuxido, Mariano García, o meu compañeiro de camiño… Neira Vilas estaba feliz, participaron os nenos e nenas do colexio das Cerdeiriñas, moi preto de Gres, onde está a casa de Neira Vilas. A Uxía déronlle o premio á mellor actriz no festival de cine de Braga…

E veu A última moeda onde me impliquei en máis responsabilidades.

En fin… O máis fermoso foi a maxia do proceso, de escoller as escenas, da montaxe, da música, das localizacións, da rodaxe, dos “trucos” que ten o cine con respecto ao teatro…

A vida , como diría Carlos Casares, é coma un río que nos vai levando… O certo é que me quedei con ganas de máis… Pero estes non son bos tempos…

 Desde o 2013 es membro da RAG e se me permites quixera destacar do teu discurso de ingreso (Viaxe á semente. Dende os refachos do corazón ata onde habita o imaxinario) varias cuestións que me pareceron moi interesantes. En primeiro lugar a reivindicación da muller, lembrando a Rosalía ou a Concepción Arenal e logo a defensa da lingua como sinal de identidade, aínda que recoñeces os teus inicios como castelá falante e, por último a do mundo infantil e a súa presenza na literatura, en calquera tipo de literatura. Isto vai xerar varias preguntas:

 Cres que hai unha literatura de mulleres?

 O único que teño claro é que son muller, que tiven un fillo e unha filla, que exercín de mestra 40 anos… e que me gusta escribir dende o que son, dende a miña concepción do mundo, pero négome a crer que respondemos a un modelo único, estereotipado. De feito, si estiven en xurados literarios onde xogabamos a adiviñar se o orixinal premiado fora escrito por unha muller ou por un home e trabucámonos. Dunha volta, lembro que quixen facer unha pescuda pola rede e busquei: “Muller e literatura”, “A muller na literatura”, Literatura de muller” “Literatura feminina” “escrita en feminino”… e atopei múltiples entradas. Busquei, logo, cambiando muller por home e feminina por masculina e non había, remitíame á feminina… Iso fíxome pensar… Por que ese empeño en etiquetarnos cunha etiqueta única? “Muller”. O mesmo acontecera cando, en Pontevedra, inauguraran a rúa Doce de novembro en honra a vítimas da Guerra Civil, falaban de mestres, médicos, avogados… e “mulleres”, elas non posuían outra identidade e iso choca…

Desexo que algún día o mundo enteiro acepte o que asegurou Margarita Rivière cando dixo que a lóxica da mestizaxe non é masculina ou feminina, senón algo compartido por tódolos que ven a pluralidade infinita da realidade. Ao mellor é certo iso de que as grandes mentes son andróxinas, capaces de, nun enriquecemento mutuo, actuar por riba do xénero SEN O NEGAR. A Literatura escrita por mulleres é diferente na medida en que as nosas experiencias sexan diferentes. Depende, pois, da “alimentación”; porén temos dereito a ter acceso a productos variados que nos permitan desenvolver as nosas potencialidades. Polo demais… agora que o mapa xenético nos volve tan iguais… non me atrevo a matizar. En todo caso, se as mulleres temos un punto de vista diferente, iso enriquecería a Literatura. Ao mellor é todo máis sinxelo e que só hai dous tipos de Literatura: a boa e a mala.

2013. ACTO DE ENTRADA NA RAG.

 2018. PRESENTACIÓN I PREMIO FINA CASALDERREY.

 No teu discurso e como membro da RAG defendes a necesidade dunha normativa común, que opinas sobre os que critican abertamente esa normativa oficial por afastarse do portugués?

 Tanto, tanto… non nos afasta, cando nos sentimos coma na casa ao viaxar a Portugal. E Nélida Piñón, no seu discurso de ingreso na RAG como académica de honra, manifestou que, o galego do seu Cotobade natal, lle serviu, de nena, ao chegar ao Brasil, para integrarse axiña no que logo foi o seu país de adopción e a súa lingua. É un tema moi complexo, é certo que debemos seguir a rescatar léxico, expresións…, pero non comparto a visión de quen porfía que o galego sexa unha derivación do portugués e que deberiamos regresar a el, en todo caso sería ao revés. A historia corrobórao e mesmo expertos lingüistas portugueses como é o caso do escritor e académico Fernando Venâncio no seu libro Assim nasceu uma língua; e outrosí, nos dous números que en 2020 o Jornal de Letras dedicou a Galicia, tal como puiden comprobar grazas a un artigo do catedrático e membro numerario da RAG Henrique Monteagudo (Nós Diario, 24 de xuño de 2020).

 Certo que non formo parte da RAG por filóloga, senón como escritora, e sobre todo de LIX, polo tanto non vou botar man de argumentos científicos que non sabería utilizar como o farían os especialistas, pero abóndame con imaxinar a miña nai e a toda a xente maior que coñezo e que se expresaron en galego toda a vida, tendo que asumir que a súa non é a lingua galega e rematen por se sentir estranxeiros no seu propio territorio, coma nos tempos da ditadura; ou a reacción da maioría da rapazada dos diferentes centros de ensino, que xa tan afastada está do uso “normal” da lingua que —con sorte— escoitan na casa, nas aulas de galego —e pouco máis—, que len nos libros… afastándose totalmente do galego, por lles resultar moito máis alleo. E aínda que tan só os e as lusistas estivesen na posesión da verdade absoluta no que á recuperación da lingua se refire, como manifestei no discurso de ingreso na RAG ao que aludes, creo que un “binormativismo” admitido, ese “tirar cada quen para un lado”, neste momento sepultaría a lingua entre a xente nova.

 Ben sei que non son razoamentos “de peso”, porén e botando man das palabras de H. Monteagudo no devandito artigo —cando un compañeiro de facultade o tomou por “lusófono” porque publicara un texto en galego no Anuário de Comunicação Lusófona— eu tamén son lusófona “se me recoñecen como tal sen deixar de ser galega”. O galego é unha lingua con identidade propia, iso non quita que poidamos achegarnos é coñecer esoutra lingua irmá na que derivou aquela lingua galega común cando Portugal naceu como reino independente. De certo, como toda lingua viva, e máis se estivo —e está— en continua loita pola supervivencia contra as inclemencias histórico-sociais e políticas, necesita ir reparando feridas, rescatando palabras… Lembro canto retrucaba o alumnado da ESO a raíz daqueles “axustes” normativos, cando deberiamos corrixir “vran” por “verán”, “pra” por “para”, etc. E nós tratabamos de lles explicar que unha lingua maltratada durante séculos, precisa de moita comprensión para ir recuperándose e curando as feridas… ademais de que calquera lingua viva, evoluciona… En todo caso, respecto outras visións…

 E finalmente literatura infantil e xuvenil ou literatura da infancia?

Literatura.

Literatura que tamén seduce á infancia. Postos a sermos “exquisitas”, a única literatura infantil é aquela que fan os nenos e as nenas.

 Moitas grazas, Fina, pola túa amabilidade ao aceptar esta entrevista e que continúes facendo felices os teus lectores moitos anos máis.

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de Galego

Eu son Charo Valcárcel. Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.

Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.

Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

Enlace a recomendación do libro O neno can 

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Antón Riveiro Coello por Charo Valcárcel – devellabella

Antón Riveiro Coello por Charo Valcárcel – devellabella

Entrevista con:

Antón Riveiro Coello

Inauguramos con Antón Riveiro Coello esta sección de ENTREVISTAS A ESCRITORES que agardamos sexa do voso agrado e que procuraremos prover principalmente cos autores/as dos libros que recomendamos. A semana pasada publicamos precisamente a recomendación dunha das súas mellores novelas: Laura no deserto.

Notas biográficas:

Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) é un dos autores de máis prestixio da narrativa galega actual. Estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e, entre as súas afeccións de mocidade, cabe destacar a de guitarrista nun grupo de rock “O Sacho”. Foi funcionario do Estado e posteriormente da Xunta de Galicia no concello de Boiro.  Ademais é o presidente fundador da Asociación cultural Barbantia, fillo predilecto do concello de Xinzo de Limia, fillo adoptivo do concello de Baltar e Xuíz honorario do Couto Mixto.

Entre a súa obra, traducida a varias linguas, destacan os títulos Valquiria (1996), Premio Camilo José Cela; Parque Central e outros relatos (1996); A historia de Chico Antela (1997), Accésit no Premio Manuel García Barros de Novela; A quinta de Saler (Galaxia, 1999, 3ª ed.), Finalista Premio Torrente Ballester; Animalia (Galaxia, 1999, 2ª ed.), Premio Café Dublín; As rulas de Bakunin (Galaxia, 2000, 9ª ed.), Premio Manuel García Barros de Novela; Homónima (Galaxia, 2001, 2ª ed.), Premio Álvaro Cunqueiro de Narrativa; Cartafol do Barbanza (2002); A canción de Sálvora (2003); A esfinxe de amaranto (Galaxia, 2003); Limaiaé (2005); Casas Baratas (Galaxia, 2005, 2ª ed.); A voz do lago (Galaxia, 2007, 3ª ed.), Os ollos de K (Galaxia, 2007), Finalista Premio de Novela Europea Casino de Santiago; As pantasmas de auga (2010); O paso do esquecemento (2011), Laura no deserto (Galaxia, 2011, 8ª ed.), Premio da Crítica Española, Premio de Narrativa da AELG, Premio Frei Martín Sarmiento e Finalista no Premio de Novela Europea Casino de Santiago e no Mondoñedo 10; Acordes náufragos (Galaxia, 2013, 2ª ed.); Os elefantes de Sokúrov (Galaxia 2015, 3ª ed.), Premio Fervenzas Literarias e Finalista na Gala do Libro Galego, A ferida do vento (Galaxia, 2016, 4ª ed.), Premio Frei Martín Sarmiento e Premio Fervenzas Literarias, Á sombra dos bonsais (Galaxia, 2017) e O paraíso dos inocentes (Galaxia, 2020), Premio Torrente Ballester.

Así mesmo, moitos dos seus relatos foron recoñecidos en certames coma o Manuel Murguía ou o Modesto R. Figueiredo do Pedrón de Ouro, entre outros.

Antón, a primeira pregunta supoño que cha terán feito moitas veces, pero non por iso me parece menos interesante coñecer a resposta: Por que escribes? Cando te decataches de que querías dedicarte a isto? Eras xa un neno de dez en redacción no cole?

 Escribo coma un acto de proclamación da miña existencia ou talvez, na miña condición de limiao, porque gusto do disfrace e de me travestir para ser o que non son, para residir temporalmente no outro, no estraño, en alguén que intento coñecer coas palabras.

En canto ao momento en que me decatei de que me quería dedicar a isto, foi de xeito serodio, cando tiña uns vinte e catro anos. E, como moitas veces acontece na vida, non fun eu quen descubriu o talento senón unha moza á que quixen seducir con poesías e que, por sorte, aínda segue ao meu carón, igual que a literatura.

E si, a redacción sempre foi o que mellor se me deu. Aprobei moitos exames, mesmo na universidade, non polo contido senón pola forma en que estaban escritos. Iso, dalgún xeito, compensaba a miña vagancia.

Es un escritor moi premiado, con premios moi importantes, entre eles o Premio da Crítica española por Laura no deserto, ademais do Torrente Ballester, García Barros, Álvaro Cunqueiro, Manuel Murguía, Frei Martín Sarmiento etc.) Ata que punto son importantes os premios na carreira dun escritor? Algunha vez escribes pensando nun en concreto?

Non. Nunca penso nun premio cando escribo. De feito, este ano pasado presenteime a un premio despois de vinte anos sen facelo. Nestes últimos anos importoume moito máis o traballo de edición e non tiña esa necesidade que si tiven cando comecei porque quería confirmar a miña vontade de escritor e tamén atopar unha editora como Galaxia que confiase nos meus textos. Esa é a función principal dos premios, abrir camiños, ademais de lles dar un pouco máis de publicidade, espazo e recoñecemento ás túas novelas.

A túa obra ten unha temática moi variada desde historias conmovedoras a outras mesmo inquietantes, novela histórica, novelas que reflicten un compromiso social, relatos fantásticos… e así mesmo escribes tanto relato curto coma novela e hai pouco publicaches un libro de microrrelatos En cal dos subxéneros narrativos te sentes máis a gusto?

Son narrador e, dependendo da historia que queira contar, adopto unha forma ou outra. Aínda que recoñezo a miña querenza pola novela, que me ofrece outras posibilidades máis acordes co meu estilo e a estrutura coa que gusto de artellar as historias.

Supoño que ao longo dos máis de vinte anos que levas escribindo e publicando aprendiches moitas cousas sobre ti como escritor. Cres que es moi diferente ao escritor que eras cando comezaches?

Supoño que o estilo se foi depurando moito máis e deixei atrás a impaciencia que tiña por rematar as novelas. Agora son moito máis reflexivo e procuro traballar os textos até a extenuación. Intento entregar o mellor de min en cada libro por respecto a quen me le e, sobre todo, porque aínda confío no poder da literatura.

Nalgúns dos teus textos, nomeadamente nos últimos, sitúas boa parte da acción fóra de Galicia e poboas as túas historias de personaxes non galegos que protagonizan tramas que pouco ou nada teñen que ver con Galicia… É unha casualidade ou unha elección intencionada? Cres, que é necesario deslocalizar a literatura galega, mirar máis cara fóra (sen abandonar totalmente o referente galego, como fas en ambas novelas)?

Vivimos nun mundo global e tanto me ten que as historias acontezan en Siria, Nova York ou Xinzo de Limia. Iso si, case sempre hai puntos de conexión co meu país a través dalgún personaxe. É un fío co que quero conectar Galiza co resto do mundo. Non creo que hoxe haxa ningún creador que queira circunscribir sempre o ámbito de actuación das súas novelas ao mesmo espazo.

Borges dicía que el nunca buscaba os temas, que os temas o buscaban a el e só cando insistían resignábase e escribía sobre eles. Ti buscas os temas ou os temas búscante a ti?

Nisto estou con Borges. O azar xoga aquí un papel fundamental e os temas case sempre se impoñen por riba da miña vontade e son eles, mesmo as personaxes, quen me escollen a min. Na miña última novela, por exemplo, o tema do terrorismo xurdiu no aeroporto de Zaventem, por onde pasei cinco horas antes de que estoupase nos atentados xihadistas. Desa conmoción naceu a novela.

Tes moi claro desde o principio, desde as primeiras liñas, o que vai pasar ou deixas que te leven os personaxes?

Non sempre. Ás veces hai certa emancipación dos personaxes, que piden máis ou menos espazo. Gusto de ter un punto de inicio e punto final, pero polo camiño hai perdas e tamén encontros inesperados. A novela é un territorio inexplorado que se vai ensanchando ou reducíndose conforme se avanza. Hai textos que eu pensaba que ían ser curtos e despois resultaron ser longos porque as historias medraron. E, pola contra, novelas que viraron en relatos. Esa tamén é unha das cousas que me gustan da creación, como o propio texto se volve cara a nós para nos falar e axudarnos a comprender ese mundo que nós mesmos estamos creando.

Que opinas da frase de Saramago: “Os escritores viven da infelicidade do mundo, nun mundo feliz non sería escritor”?

Entendo o que quería dicir Saramago, porque a literatura nace case sempre dunha ferida, dunha falta, dunha necesidade. Pero tampouco concibo unha felicidade completa se non é escribindo. En calquera caso, ese mundo feliz sería moito máis completo se existisen escritores que inventasen a infelicidade.

Ti dixeches nalgunha ocasión que unha das cousas que máis che interesa da literatura é poder traballar sobre a memoria de outros. Iso é o que fas en Laura no deserto ou en O paraíso dos inocentes, por exemplo. Por que ese interese? Enténdese que che interesa máis que traballar sobre a túa, é unha maneira de utilizar a literatura para vivir outras vidas ou tomar distancia coa propia?

A literatura é unha interpretación do mundo. Completar coa miña imaxinación todos os espazos da memoria allea é algo que me encanta. É o máis próximo a vivir esoutras vidas que finalmente acaban por nos pertencer. De calquera xeito, non hai distancia porque sempre descargo boa parte de min neses personaxes emprestados. É un proceso, ás veces doloroso, pero necesario para conmover e facer verosímiles uns personaxes que deben moverse no texto coma se fosen de carne e óso.

Parece que sentes preferencia por contar historias que en realidade son un conxunto de moitas historias, novelas polifónicas cunha importante galería de personaxes que debemos ir relacionando, ás veces volvendo atrás na lectura. Por que esta preferencia? Non che gustan as historias de personaxe?

Sempre me gustaron as novelas que abranguen grandes espazos temporais, historias xeracionais que van e veñen para formar un todo onde poder explorar técnicas que, aínda complexas, estean ao servizo do lector para envolvelo no mundo que estás a crear. Teño a sensación de que se o edificio está ben construído, as palabras teñen outra fluencia. Por iso, doulle tanta importancia a estrutura das miñas novelas que, case sempre, piden certa complicidade con quen me le.

Nunha ocasión comentaches que non escribes para un tipo de lectores determinado, pero non cres que as túas novelas si que discriminan destinatarios pouco dispostos a participar activamente do que están a ler? Que si que es esixente co lector, que o vas obrigar a relacionar, reconstruír, reflexionar… Forma parte da túa concepción da literatura?

Eu penso sempre en quen me le, pero é certo que tamén teño o meu lector ideal, alguén que complete dalgún xeito o que escribo. Con todo, aspiro a facer unha literatura que pase e quede nas persoas. Non hai que esquecer que a literatura xurdiu dun desexo de transcendencia e de permanencia no tempo, que nada ten que ver coa mercadoría creada só para entreter, algo que arrastra certa banalización. Divertirnos non pode ser o valor exclusivo da literatura. Nese intento de chegar ao maior número de persoas, a literatura vólvese superficial e talvez desalenta a creación de obras máis complexas. Eu escribo para divertirme, e para divertir, pero tamén para erguer as preguntas de sempre sobre a vida, a morte ou o amor, aínda que lle doan a quen me le.

Que opinas sobre o salto da literatura á sétima arte? A ti gustaríache que algunha das túas novelas se levase ao cine?

Son un grande amante do cine e case todas as noites proxectamos unha película en casa. E si, non me importaría que se inspirasen nas miñas obras, pero non creo que me gustase participar nese proceso. De feito, fixéronse estudos sobre As rulas de Bakunin, A esfinxe de amaranto e mais Laura no deserto, pero no resumo final sempre concluían no mesmo: demasiado investimento por mor de tanta localización e tantas épocas distintas.

Como funciona o mundo editorial, sufrides os escritores moita presión cos prazos de entrega e mesmo cos temas?

Na miña editorial hai un proceso intenso co editor para traballarmos os textos, pero nunca hai ningún tipo de presión, ao contrario. O trato sempre é respectuoso e exquisito. Con todo, segundo di Francisco Castro, alégranse moito cando lles entrego un novo texto, algo que tamén amosa a complicidade, e a fidelidade, que teño con Galaxia.

E xa para rematar poderías dicirnos con que escritor ou escritores da literatura universal quedarías? Con que obra? E se tiveses que quedar con unha das túas (se podes) cal sería?

Eduardo Blanco-Amor é para min un referente da literatura universal. E das miñas obras, non sei. Talvez polo traballo que me deron, quedaría con Laura no deserto e O paraíso dos inocentes.

 Moitas grazas, Antón, coma sempre, por ser tan cercano e accesible e concedernos esta entrevista para o blog. Grazas no meu nome e no de todos/as os meus compañeiros/as e que sigan os teus triunfos.

                                                                                                            Charo Valcárcel

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de galego

Eu son Charo Valcárcel. Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.

Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.

Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

Despedida

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥