por Enrique Piñeiro
Se puidese
se atopase a maneira de apagar
este lume
que me queima por dentro
e amasar un pan doce de leite
con estas palabras oxidadas
se puidese esquecer
os desexos inútiles
as vas esperanzas cociñadas sen lévedo
extirpar a dor de cabeza
que se abre coma unha orquídea
e as poutadas da ansiedade
coma ondas
que golpean un corpo contra as rochas.
Se fose quen
de debullar as pequenas mazarocas
que nacen nos minutos de ledicia
interpretar os murmurios
que o vento vespertino
sopra nos meus oídos
cando camiño pola gris beirarrúa
da Rue La Fayette
borrar do cerebro os medos saltimbanquis
que de súpeto me encerran
neste maldito cuarto
e poder durmir á fin
tranquilo
corazón
coma se non existise esta cidade
as rúas desertas
as vellas árbores que amosan tristes
as pólas mutiladas.
Durmir en paz
esquecer as bágoas
dos nenos de Río
de Somalia
os nenos de Sarajevo
o pranto de todos os nenos
ao redor do mundo
e recuperar a luz tranquila da miña rúa
cerca do río manso.
A miña vida é este patio sucio
entre dúas soidades
os anos corren coma lebres asustadas
corazón
e aínda me quedan tantas cousas por facer.
Chamo á porta da felicidade
mais ben sei que a felicidade
é unha rapaza esquiva
chamo aos servizos de emerxencia
na metade da noite
chamo á porta de amigos
que aínda non coñezo
pero que sen dúbida nalgún lugar
estarán agardándome
e trato de fuxir desta cidade
escapar do xentío que se aperta no metro
ignorar eses rostros fríos que vixían
coma faros na néboa
as miradas de xeo
que caen coma follas resecas
e as lindezas que un clochard borracho
ao que non dou unha moeda
me adica
a soidade vístese con peles de armiño
con gravatas de seda
con farrapos perfumados de alcohol.
Envellezo
corazón
j’ai mal au coeur
ma tête tourne
unha lúa desgastada e fríxida fai garda
alá enriba nun recanto do ceo
e ti
onde estás
por que non me tendes a man
a túa man pequena
a través do tule da noite
e vendas esta ferida
que supura palabras sen sentido
por que non me ofreces os teus beizos
mollados en viño
e me inxectas a túa paixón de vivir
miña compañeira de xogos
os meses evapóranse nunha longa invernía
lembro a ledicia dos días de versos e cantigas
e só respiro o ar do baleiro.
Se puidese
durmir tranquilo no teu regazo
agochar as miñas penas no teu colo
comer xuntos os pain au chocolat
que tanto che gustaban
corazón
e comprar un bocadillo de jambon-beurre
para os SDF que me acurralan cada noite
e acougada a alma
gardar París nunha caixa de mistos
-dez de marzo de 1994-
e acendelo na noite
cando esteas comigo.
Dicir au revoir ao xardín do paraíso
non pensar no mañá
inmóbil coma un morto
purificado polos teus bicos
os ollos lavados e brillantes
coma mazás abertas
esquecer a data na que vivo
durmir tranquilo
si
como se non existise esta cidade
as rúas desertas
o metro
a guerra de Bosnia
os corpos rebentados
a inocencia da morte
esas sombras tiradas na beirarrúa
a lúa triste
as ganas de berrar.

Enrique Piñeiro
Profesor de francés
Nacido en Boiro o 10 de xaneiro de 1956.
Estudou o bacharelato en Santiago e despois Filoloxía Románica na Universidade desta cidade.
Foi lector de español na Escola Secundaria Estatal de Corbeil-Essonnes.
Profesor de Francés en diferentes institutos de Galicia: Ferrol, A Coruña, Pontevedra, Chapela, Marín.
Diploma «Las nuevas tecnologías aplicadas a la enseñanza de los idiomas», en la Sorbonne Nouvelle-Paris III, durante o curso 1993-94.
Xubilado en 2016. Estivo os últimos anos no IES Valle Inclán.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥