Gardo grata memoria dos anos nos que, como historiador, colaborei coas Ciclo Marchas Histórico-Artísticas que organiza o Club Ciclista de Marín.
O programa das VI Ciclo Marchas –desenvolvidas no ano 1989- incluía un pequeno traballo meu titulado “Marín no recordo”. Nel mencionábase o interesante labor de recollida do folclore que levou a cabo aquel sabio que foi don Casto Sampedro. Entre a morea de datos curiosos achegados por don Casto figuran os alcumes dos mariñeiros da nosa Ría. Entre outros sobrenomes, os de Marín eran coñecidos polo de O Cristo ao rivés, apelativo que tiña a súa xustificación no feito de que na Semana Santa marinense se levaba a imaxe de Cristo Xacente coa cabeza cara adiante e os pés cara atrás –ao “rivés”-, coa finalidade, segundo dicían, de que a Virxe Dolorosa puidera ver o seu Fillo. Como diría un bo amigo, o profesor José Dopazo –marinense de pro-: “os de Marín te somos así, diferentes”.
Nas mil e unha romarías que no transcurso do ano se celebran en Galicia é moi corrente contemplar a execución dun rito consistente en dar tres, sete ou nove voltas arredor dunha ermida ou dun cruceiro situado preto desta. A circunvolución persegue o agromar da enerxía primordial, positiva, capaz de poñer remedio aos males do corpo e mais da alma que aflixen aos romeiros.
Nun recente e documentado traballo do profesor Fernando Alonso Romero –publicado no Anuario Brigantino– alúdese a este rito de circunvolución –que o autor considera de filiación celta- e que en Escocia e nas illas Orcadas facíase dando tres voltas en torno a unha fonte no sentido do percorrido do Sol, é dicir, de esquerda a dereita. Reforza a súa argumentación Alonso Romero co testemuño de Posidonio, segundo o cal “os celtas para honrar aos seus deuses dan voltas á dereita”.

Nos meus traballos de campo nas comarcas de Pontevedra e do Alto Verdugo teño constatado que o rito de dar voltas se efectúa ao revés, no sentido contrario ás agullas do reloxo. Así acontece na romaxe de San Cibrán (Tomeza, Pontevedra), e nas procesións de San Vicente (Parada, Ponte Caldelas) e da propia Parada. A cuestión desde o punto de vista simbólico non é banal. Seguir o decurso do Sol é camiñar dende o seu nacemento ata o seu solpor. É avanzar cara á morte. Facelo no sentido contrario, retroceder, ten o significado de tentar volver á orixe, ao tempo primixenio, no que todo é puro e limpo. Temos que recordar que na crenza popular as enfermidades relaciónanse coa impureza. Por conseguinte, a retrocesión, a volta aos inicios, é a procura dun novo nacemento, dun renacemento sen tachas. Estamos nin máis nin menos que na cerna do mito do eterno retorno, tan ben documentado por Mircea Eliade.
A conclusión que se deduce de todo o exposto é inapelable: se o rito de dar voltas é celta, e se os celtas executan este rito de esquerda a dereita, alomenos algúns galegos –que o fan en sentido contrario- son celtas ao revés.
Deixando aparcada a ironía, o certo é que cada vez que se pretende integrar a Galicia, sen máis –así polas boas-, nese maremagnum chamado mundo celta –cuxas raizames se estenden dende Irlanda ata a India- algo renxe, porque o feito cultural galego no se deixa cinguir facilmente a modelos ou patróns predeterminados.
Canto máis investigo, máis admiro ao noso pobo, a súa forte personalidade, posta de manifesto en multitude de matices e detalles. Sutil é a verba que mellor cadra a esta personalidade.
É posible que nun pasado remoto Galicia formase parte da chamada koiné celta. Pero si así aconteceu, se fomos celtas, o que está claro é que algúns galegos o foron á súa maneira, á galega –ao revés-, de xeito diferente aos demais. Chapó para o pobo galego.

Buenaventura Aparicio Casado
Doutor en Historia
Buenaventura Aparicio Casado é mestre e doutor en Historia. A súa tese doutoral El folklore en los yacimientos arqueológicos de Galicia acadou a máxima calificación de Apto Cum Laude por unanimidade.
Foi profesor titor nas facultades de Xeografía e Historia e de Ciencias Políticas e Socioloxía da UNED en Pontevedra, e profesor no IES “Chan do Monte”, de Mogor (Marín) ata a súa xubilación. Foi presidente do Grupo de Arqueoloxía “Alfredo García Alén”. Fundou e coordinou o Grupo de Investigación Arqueolóxica e Etnográfica “A Laxe da Irena” en Ponte Caldelas.
Impartiu máis dun cento de conferencias e é autor de 147 publicacións, entre elas 15 libros. Especialista en Arte Rupestre e en Antropoloxía, participou nas investigacións da Lanzada (2010) e do xacemento da Pedra do Cervo (2012). Colabora en programas de radio e en reportaxes da TVG.
Escritor de contos e ensaios, como investigador o seu interese se centra na mitoloxía popular e na etnoarqueoloxía dos gravados rupestres galegos.
Celtas ao revés
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥
Como coñece do que fala non asegura a celtizacion de Galicia. Sei que non avala as teses sobre a orixe galega de Colón.